Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 148 Martes, 30 de xullo de 1996 Páx. 7.278

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE

RESOLUCIÓN do 5 de xullo de 1996 pola que se convoca un curso sobre atestados e investigación de accidentes de tráfico, dirixido ós membros dos corpos das policías locais de Galicia.

Dentro dos programas de actividades que a Academia Galega de Seguridade ten previsto realizar no ano 1996 de forma descentralizada, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade, anúnciase a celebración dun curso sobre atestados e investigación de accidentes de tráfico, que deberá desenvolverse conforme as seguintes bases:

Obxectivos.

O curso ten por obxectivo principal da-los coñecementos necesarios en materia de atestados en accidentes de tráfico, para que os policías poidan desenvolve-lo seu labor, tal e como require a autoridade xudicial.

Destinatarios.

O curso vai dirixido ós membros dos corpos da policía local de Galicia.

Inscrición.

A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.

Prazas.

O número de prazas que se ofertarán neste curso será de 40.

Solicitudes.

1. O persoal que desexe participar neste curso deberá presentar cuberta á máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo, acompañada dunha fotocopia do DNI, e do carné profesional.

2. O prazo para a presentación de instancias rematará o día 11 de setembro, ás 14 horas.

3. As instancias deberán vir asinadas polo xefe do cadro de persoal, ou polo concelleiro de tráfico, e seladas; isto será requisito indispensable para ser admitido no curso, e o seu incumprimento suporá a exclusión do devandito curso.

4. As instancias deberán enviarse á sede da Academia Galega de Seguridade: rúa de Madrid, 2-4 polígono das Fontiñas, 15703, Santiago de Compostela, ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Contido e duración.

O curso celebrarase en sesións de tarde, de luns a venres, e nel trataranse, entre outros, os seguintes temas:

a) Competencias da policía local en materia de accidentes de tráfico.

b) Concepto e clases de accidentes de tráfico.

c) Investigación de accidentes de tráfico.

d) Planificación da investigación.

e) Bosquexos e informes técnicos.

f) Resolución de diversos casos prácticos.

g) Alcoholemia en relación cos accidentes de tráfico.

Datas.

O curso celebrarase do 23 ó 27 de setembro de 1996.

O horario será de 16 a 20 horas da tarde.

Relación de admitidos.

A relación de admitidos publicarase o día 17 de setembro ,no taboleiro de anuncios da Academia Galega de Seguridade, ou ben poden confirma-la súa asistencia chamando ó teléfono (981) 56 34 00.

Lugar.

O curso terá lugar nos locais da policía local de Ourense.

Certificado de asistencia.

Ó remate do curso entregaráselles un certificado de asistencia a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada nel, non podendo supera-las faltas de asistencia un 15% do total da duración de horas lectivas do curso; unha inasistencia superior ó 15%, aínda que sexa xustificada, implicará a non expedición do certificado.

Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade poderá modifica-lo desenvolvemento do curso para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

Santiago de Compostela, 5 de xullo de 1996.

Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridade

5497