Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 148 Martes, 30 de xullo de 1996 Páx. 7.277

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE

RESOLUCIÓN do 5 de xullo de 1996 pola que se convoca un curso de capacitación para mandos de policía local, dirixido ós mandos de policía local das categorías de cabo, sarxento e suboficial, que accederon a elas tanto por oposición libre como por promoción interna, dos diferentes concellos de Galicia.

Dentro dos programas de actividades que a Academia Galega de Seguridade ten previsto realizar no ano 1996, e conforme ás funcións atribuídas pola Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade, anúnciase a celebración dun curso de capacitación para mandos de policía local, segundo o previsto no artigo 23 da Lei 3/1992, do 23 de marzo, de coordinación das policías locais, que deberá desenvolverse conforme as seguintes bases:

Obxectivos.

O curso ten por obxectivos dota-los mandos da policía local nas distintas categorías dos coñecementos necesarios para o mellor desempeño do seu labor profesional.

Destinatarios.

O curso vai dirixido ós mandos de policía local das categorías de cabo, sarxento e suboficial, que accederon a elas tanto por oposición libre como por promoción interna, dos distintos concellos de Galicia.

Inscrición.

A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta e deberase comunicar antes do 1 de outubro

de 1996 para efectua-la correspondente reserva de praza.

Prazas.

Sen límite.

Solicitudes.

1. Os concellos que se atopen nesta situación deberán remitir un escrito á Academia Galega de Seguridade, solicitando a participación no curso, no que figure a lista de persoas que superaron as correspondentes probas de oposición ou a fase de concurso ás categorías de cabo, sarxento e suboficial da policía local e os datos das persoas incluídas na lista referidos ás probas de oposición ou fase de concurso, para efectua-la correspondente reserva de praza para a realización do devandito curso.

2. O prazo para a remisión de escritos rematará o día 1 de outubro de 1996.

3. Os escritos deberán enviarse á sede da Academia Galega de Seguridade: rúa de Madrid, 2-4 polígono das Fontiñas, 15703, Santiago de Compostela.

Contido e duración.

O curso celebrarase na sede da Academia Galega de Seguridade en sesións de mañá e tarde, de luns a venres, e nel trataranse entre outras, as seguintes áreas:

-Área xurídica.

-Área humanística.

-Área técnica policial.

-Área xerencial.

-Área operativa policial.

O curso terá unha duración de tres meses de formación teórica na sede da Academia Galega de Seguridade.

Datas.

O curso principiará no vindeiro mes de outubro de 1996, quedando por determina-la súa data de comezo, que se comunicará coa suficiente antelación.

O horario será de 9.30 a 20 horas do serán.

Desenvolvemento do curso.

Os alumnos da Academia Galega de Seguridade durante o seu período de permanencia na Academia rexeranse polo Regulamento de réxime interior desta, publicado no DOG do 28-7-1995, nº 144.

Certificado.

Para obte-lo correspondente diploma será requisito indispensable superar tódalas materias que figuren no programa.

Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade poderá modifica-lo desenvolvemento do curso para adaptalo ás

necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

Santiago de Compostela, 5 de xullo de 1996.

Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridade

5496