Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 148 Martes, 30 de xullo de 1996 Páx. 7.274

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 312/1996, do 18 de xullo, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Camariñas (A Coruña), dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de paseo marítimo de Camelle.

O Concello de Camariñas (A Coruña), en sesión celebrada o día 16 de maio de 1994, aprobou o proxecto de paseo marítimo de Camelle e na sesión do 14 de marzo de 1995 acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ó abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. O concello remitiu documentación complementaria para a correcta tramitación do expediente con data de entrada no rexistro xeral

da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 12 de xuño de 1996 de baixo o número 5989.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

A Dirección Xeral de Calidade Medioambiental e Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda emitiu informe favorable. O dito informe tivo entrada no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 4 de marzo 1996, nº 2004.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado porque:

1. O uso deste procedemento excepcional xustifícase, como afirma o acordo do 28-7-1995 e a memoria xustificativa presentada no seu día, na necesidade de que o concello cumpra con maior brevidade o requirimento da Demarcación de Costas de Galicia para a efectividade do compromiso de achega de terreos asumido pola corporación no convenio para a execución da obra, a risco de que noutro caso o dito organismo anule a consignación orzamentaria e postergue o proxecto.

Como do dito acordo se deducía, o que xustifica a urxencia non é a mera previsión da obra nun convenio con outra Administración, senón o feito de que a utilización do procedemento ordinario de expropiación, con demora da ocupación ata a fin dos dilatados trámites de taxación, equivale a establecer unha orde de valores na que prevalece o interese particular duns propietarios consistente en que estes perciban por anticipado o importe dos seus bens, fronte ó interese xeral do municipio que corre o risco certo e previsible de perder unha necesaria mellora inasumible sen o financiamento estatal, ou, alternativamente, de pagar cuantiosas indemnizacións para responder dos incumprimentos de obrigas a que se dea lugar.

2. Por outra banda, tal e como se desprende do acordo acadado en sesión plenaria celebrada pola Corporación Municipal o 12-6-1996 e para evitarlles maiores prexuízos ó adxudicatario e ás administracións promotoras, foi preciso inicia-las obras procedendo á súa execución nos terreos dispoñibles con exclusión dos pequenos enclavados das parcelas a expropiar, de xeito que neste momento existe unha interrupción no tramo da vía en dirección ó porto de Camelle que orixina serio perigo de accidentes para o tránsito de persoas que adoitan circular polo dito traxecto sen atender a ningunha sinalización, e que esixe de forma urxente unha inmediata actuación nos terreos particulares afectados.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ó Consello da Xunta de Galicia segundo o dis posto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude e por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezaoito de xullo de mil novecentos noventa e seis,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello de Camariñas (A Coruña), para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de paseo marítimo de Camelle.

Santiago de Compostela, dezaoito de xullo de mil novecentos noventa e seis.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús C. Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais

9605680