Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 147 Luns, 29 de xullo de 1996 Páx. 7.238

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

DECRETO 302/1996, do 12 de xullo, polo que se aproba o escudo heráldico e maila bandeira do Concello de Ramirás.

O Concello de Ramirás considerou conveniente adopta-lo seu escudo heráldico e maila súa bandeira para perpetuar, con simboloxía adecuada e conforme as normas da heráldica, os feitos máis relevantes do seu pasado histórico. Para iso, e de acordo coas facultades que lle confiren as disposicións vixentes, elevou o correspondente informe e memoria descritiva para a súa aprobación definitiva.

A competencia exclusiva en materia de adopción, modificación ou rehabilitación dos emblemas heráldicos e bandeiras dos concellos e doutras entidades locais correspóndelle á Comunidade Autónoma galega, segundo o disposto polo artigo 27.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

O expediente instruíuse conforme as normas do procedemento establecidas na Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, no Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das corporacións locais, aprobado polo R.D. 2568/1986, do 28 de novembro, e mais no Decreto 258/1992, do 10 de setembro, da Xunta de Galicia, polo que se regula o procedemento e normas heráldicas para adopción, modificación ou rehabilitación dos escudos e bandeiras das corporacións locais e doutras entidades locais.

Na súa virtude, visto o informe emitido pola Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia, e por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día doce de xullo de mil novecentos noventa e seis,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Aproba-lo escudo heráldico do concello de Ramirás, que quedará organizado do seguinte xeito: de prata, nove paos ondados de azur; franco-cuartel de gules coa cruz floronada de ouro sobre o compás do mesmo e aberto dende a punta. Ó timbre, coroa real pechada.

Artigo 2º

Aproba-la bandeira do concello de Ramirás, que quedará organizada do seguinte xeito: partida a un tercio da hasta. Vermella á hasta, coa cruz e o compás de amarelo, e branca ó batente con nove paos ondados de azul.

Santiago de Compostela, doce de xullo de mil novecentos noventa e seis.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús C. Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais

5563