Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 147 Luns, 29 de xullo de 1996 Páx. 7.235

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

DECRETO 299/1996, do 12 de xullo, polo que se declara a urxente ocupación de bens e dereitos co obxecto de impoñe-la servidume de paso para o establecemento e conservación das liñas eléctricas a 10/20 kV ós centros de transformación de Cabaleiro e Campañó de Arriba, no concello de Pontevedra. (Expediente número 29/1994 A.T.).

Unión Eléctrica-Fenosa, S.A., con domicilio para efectos de notificación na r/ Fernando Macías nº 2 da Coruña, solicitou desta Consellería de Industria e Comercio a concesión dos beneficios de expropiación forzosa e a declaración de urxente ocupación dos terreos afectados pola execución do proxecto de construcción das liñas eléctricas aéreas a 10/20 kV de 483 e 373 m de lonxitude, respectivamente ós CC.TT. de Cabaleiro e de Campañó de Arriba, conductor aluminio-aceiro LA-56, apoios de formigón e metálicos e tomas de terra, con orixe para ambas na LMT ó CT de San Pedro de Campañó, e final nos CC.TT. citados, percorrendo terreos do termo municipal de Pontevedra (expediente nº. 29/1994 A.T.).

As ditas instalacións autorizáronse e aprobouse o seu proxecto de execución, por resolución da Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio de Pontevedra do 27-4-1993, que foi obxecto de publicación inseríndose no DOG do 24-8-1993, e no BOP de Pontevedra do 18-6-1993, e no BOE do 1-7-1995; foi, así mesmo, declarada de utilidade pública segundo resolución da dita delegación provincial do 24-6-1994, que se publicou no BOE do 19-7-1994, no DOG do 13-9-1994, e no BOP de Pontevedra do 21-7-1994.

A solicitude de urxente ocupación fíxose de acordo co disposto no artigo 31 do regulamento que desenvolve a Lei 10/1966, do 18 de marzo, de expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, aplicable ó presente expediente en virtude do establecido pola disposición transitoria primeira da Lei 40/1994, do 30 de decembro, de ordenación do sistema eléctrico nacional.

Os anuncios de información pública aberta en función desta petición, coa relación de interesados, bens e dereitos afectados, publicáronse no xornal Diario de Pontevedra do 26-10-1995, no BOP de Pontevedra do 23-10-1995, no DOG do 18-10-1995, e nos taboleiros de anuncios da Casa do Concello de Pontevedra e nos da delegación provincial referida; ó mesmo tempo na forma regulamentaria notificóuselle individualmente a cada un dos interesados que figuran na dita relación.

A tramitación do expediente fíxose de acordo coa Lei 10/1966, do 18 de marzo, e co seu regulamento de aplicación, aprobado polo Decreto 2619/1966, do 20 de outubro; durante o período no que se someteu a trámite de información pública non se formularon alegacións nin se produciu incidente de ningún tipo.

Unha vez efectuada, por técnicos da delegación provincial da Consellería de Industria e Comercio de Pontevedra, a inspección sobre o terreo seguindo o trazado aprobado para a instalación destas liñas, púidose comprobar que nos bens afectados sobre os que se solicita os beneficios de expropiación, para ós efectos da imposición de servidume, non se dan os supostos prohibitivos previstos nos artigos 6 de Lei 10/1966, do 18 de marzo, e 25 de Decreto 2619/1966, nin lles son de aplicación as limitacións do artigo 26 do dito decreto.

Cóidase xustificada a urxente ocupación solicitada pola compañía Unión Eléctrica-Fenosa, S.A., xa que con estas liñas se preténde amplia-las redes de distribución de enerxía, para mellora-la subministración eléctrica nos sectores de establecemento das instalacións e poder garantí-las máximas condicións de seguridade da subministración nas ditas zonas, atendendo as constantes reclamacións polo mal servicio no sector e debido a que a imposición da servidume de paso, polo procedemento ordinario, faría imposible cumpri-los prazos previstos para esta instalación.

Na súa virtude, e por proposta do conselleiro de Industria e Comercio, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día doce de xullo de mil novecentos noventa e seis,

DISPOÑO:

Artigo único.-Para os efectos previstos na Lei 10/1966, do 18 de marzo, de expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, e no seu regulamento de aplicación, aprobado polo Decreto 2619/1966, do 20 de outubro, declárase urxente a ocupación de terreos e bens gravados coa servidume de paso imposta co alcance previsto no artigo 4º da citada lei, para realiza-las instalacións proxectadas e propostas por Unión Eléctrica-Fenosa, S.A., das liñas eléctricas aérea a 10/20 kV ós CC.TT. de Cabaleiro e Campañó de Arriba.

Os bens e dereitos a que afecta esta disposición sitúanse no termo municipal de Pontevedra, e son tódolos que figuran na relación presentada pola empresa solicitante dos beneficios de expropiación, que consta no expediente, o cal se someteu a información pública na forma e datas anteriormente descritas.

Santiago de Compostela, doce de xullo de mil novecentos noventa e seis.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Couceiro Méndez

Conselleiro de Industria e Comercio

5675