Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 147 Luns, 29 de xullo de 1996 Páx. 7.236

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

DECRETO 300/1996, do 18 de xullo, polo que se declara a urxente ocupación de bens e dereitos co obxecto de impoñe-la servidume de paso para o establecemento e conservación da liña eléctrica aérea, a 132 kV de enlace da liña San Marcos-Pedrido coa subestación de Sada, nos concellos de Bergondo e Sada, provincia da A Coruña. (Expediente número 52823).

Unión Eléctrica-Fenosa, S.A., con domicilio para efectos de notificacións na r/ Fernando Macías nº 2 da Coruña, solicitou desta Consellería de Industria e Comercio a concesión dos beneficios de expropiación forzosa e a declaración de urxente ocupación dos terreos afectados pola execución do proxecto de construcción da liña eléctrica aérea a 132 kV de 4.750 m de lonxitude en circuíto dobre, conductor tipo LA-180, de 181,60 mm, sobre apoios metálicos, con orixe na liña a 132 kV San Marcos-Pedrido e remate na subestación de Sada, afectando no seu percorrido os termos municipais de Bergondo e Sada (A Coruña) (expediente nº 52823).

A dita instalación autorizouse e declarouse de utilidade pública por resolución da Dirección Xeral de Industria da Consellería de Industria e Comercio do 14-9-1994, a cal foi obxecto de publicación,

inseríndose no DOG do 26-10-1994, no BOP da Coruña do 29-11-1994, e no BOE do 3-11-1994. O proxecto de execución daquela aprobouse por resolución do citado órgano do 23-1-1996.

A solicitude de urxente ocupación fíxose de acordo co disposto no artigo 31 do regulamento que desenvolve a Lei 10/1966, do 18 de marzo, de expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, aplicable ó presente expediente en virtude do establecido pola alínea 2 da disposición transitoria segunda da Lei 40/1994, do 30 de decembro, de ordenación do sistema eléctrico nacional.

Os anuncios de información pública aberta en función desta petición, coa relación de interesados, bens e dereitos afectados, publicáronse no DOG do 14-8-1995, no BOP da Coruña do 9-8-1995, no xornal La Voz de Galicia do 28-8-1995, e nos taboleiros de anuncios da Casa do Concello de Bergondo e de Sada e nos da delegación provincial; ó mesmo tempo na forma regulamentaria notificouse individualmente a cada un dos interesados que figuran na dita relación.

A tramitación do expediente fíxose de acordo coa Lei 10/1966, do 18 de marzo, e co seu regulamento de aplicación, aprobado polo Decreto 2619/1966, do 20 de outubro; durante o período en que se someteu a trámite de información pública, formularon alegacións solicitando o cambio do trazado da liña os propietarios dos predios números 12, 12/1, 73/1 e 79, as que se desestiman ó afecta-lo trazado proposto a terceiras persoas que non deron o seu consentimento e non se daren conxuntamente as condicións que establece o artigo 26 do Decreto 2619/1966, do 20 de outubro. Desestímase igualmente a alegación presentada polo propietario do predio nº 50, xa que segundo xustifica a empresa beneficiaria o cambio da liña no treito afectado suporía un incremento no seu custo dun 25,52%, superior polo tanto ó indicado polo artigo 26.3º do citado decreto. Foilles achegada, así mesmo, a información requirida polos propietarios dos predios números 1/2, 13, 25, 29, 36 e 36/1. En canto á solicitude de

expropiación total do predio nº 48, realizada polo seu titular, desestimouse por resolución da Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña do 9 de maio de 1996, resolución que foi confirmada por outra da Consellería de Industria e Comercio do 10-7-1996, desestimatoria do recurso ordinario interposto polo referido titular.

Unha vez practicada por técnicos da Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña a inspección sobre o terreo seguindo o trazado aprobado para a instalación desta liña, púidose comprobar que nos bens afectados, sobre os que se solicitan os beneficios de expropiación, para os efectos da servidume, non se dan os supostos prohibitivos previstos nos artigos 6 da Lei 10/1966, do 18 de marzo, e 25 do Decreto 2619/1966, nin

lles son de aplicación as limitacións do artigo 26 do dito decreto.

Estímase xustificada a urxente ocupación solicitada pola compañía Unión Eléctrica-Fenosa, S.A., xa que con esta liña se pretende amplia-las redes de distribución de enerxía, para mellora-la subministración eléctrica nos sectores de establecemento das instalacións e poder garanti-las máximas condicións de seguridade da subministración nas ditas zonas, atendendo as constantes reclamacións polo mal servicio no sector e debido a que a imposición da servidume de paso polo procedemento ordinario faría imposible cumpri-los prazos previstos para estas instalacións.

Na súa virtude, e por proposta do conselleiro de Industria e Comercio, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dezaoito de xullo de mil novecentos noventa e seis,

DISPOÑO:

Artigo único.-Para os efectos previstos na Lei 10/1966, do 18 de marzo, de expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, e no seu regulamento de aplicación, aprobado polo Decreto 2619/1966, do 20 de outubro, declárase urxente a ocupación de terreos e bens gravados coa servidume de paso imposta co alcance previsto no artigo 4 da lei citada, para realiza-la instalación proxectada e proposta por Unión Eléctrica-Fenosa, S.A., da liña eléctrica aérea que une a liña San Marcos-Pedrido coa subestación de Sada.

Os bens e dereitos a que afecta esta disposición sitúanse nos termos municipais de Bergondo e Sada (A Coruña) e son tódolos que figuran na relación presentada pola empresa solicitante dos beneficios de expropiación, que consta no expediente, o cal se someteu a información pública na forma e datas anteriormente descritas.

Santiago de Compostela, dezaoito de xullo de mil novecentos noventa e seis.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Couceiro Méndez

Conselleiro de Industria e Comercio

5555