Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 144 Martes, 23 de xullo de 1996 Páx. 7.104

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

DECRETO 288/1996, do 12 de xullo, sobre competencias e procedemento para a autorización de apertura de oficinas de farmacia.

A promulgación do Real decreto lei 11/1996, do 17 de xuño, de ampliación do servicio farmacéutico á poboación, modificou algunhas cuestións da situación existente ata a data en relación coa apertura de novas oficinas de farmacia. Esta circunstancia fai preciso que por parte da Comunidade Autónoma se adopten as medidas necesarias para nun primeiro momento adecuar ás directrices do dito real decreto lei a regulación vixente na materia, non sendo posible entrar noutros aspectos reservados a norma de superior rango.

O presente decreto ten por obxecto clarifica-la situación competencial recuperando para a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais a competencia resolutoria dos expedientes relativos ás oficinas de farmacia, así como establece-lo procedemento de autorización de novas oficinas de farmacia, baixo os principios de concorrencia, transparencia, mérito e capacidade.

Finalmente, a necesidade deste decreto, conxuntamente co xa promulgado polo que se determinan os horarios mínimos de apertura así como os criterios que deben rexer para o establecemento de quendas de urxencia e vacacións das oficinas de farmacia, non exime da necesidade da inmediata presentación do proxecto de Lei de ordenación farmacéutica de Galicia que xa se estaba elaborando, e no que se fixan os principios básicos da planificación e ordenación farmacéutica.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais, consultados os colexios oficiais de farmacéuticos de Galicia, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día doce de xullo de mil novecentos noventa e seis,

DISPOÑO:

Capítulo I

Das competencias

Artigo 1º

1. Correspóndelle á Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais resolve-los expedientes e conferi-las autorizacións nos supostos de apertura de novas oficinas de farmacia, cesión, traspaso ou venda das xa establecidas, así como traslado, modificación ou peche destas.

2. Contra as resolucións da Secretaría Xeral da consellería poderase interpoñer recurso ordinario ante o conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais de acordo cos prazos e requisitos establecidos na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 2º

1. Correspóndelle ás delegacións provinciais da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, no seu respectivo ámbito territorial, tramitar e formular propostas de resolución dos expedientes de autorización de apertura de novas oficinas de farmacia.

2. Iniciados ante as delegacións provinciais da consellería os expedientes de autorización a que se refire o apartado anterior e unha vez tramitados, serán remitidos por estas, xunto coa oportuna proposta, á Secretaría Xeral da consellería para a súa resolución.

Capítulo II

Do procedemento de autorización de novas oficinas de farmacia

Sección primera

Disposicións xerais

Artigo 3º

1. O procedemento para a autorización de novas oficinas de farmacia rexerase polo establecido no presente decreto e, en todo o non previsto, polas normas xerais de procedemento administrativo.

2. O procedemento poderá iniciarse:

2.1. Por instancia dun ou máis farmacéuticos.

2.2. Por instancia dos órganos de goberno do municipio ou municipios que poidan resultar beneficiados.

2.3. Por instancia do colexio oficial de farmacéuticos.

2.4. De oficio pola Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

Artigo 4º

1. A autorización de novas oficinas de farmacia outorgarase por concurso público de acordo co procedemento establecido neste decreto e o baremo que determine a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais. Para iso farase unha lista con tódolos concorrentes que reúnan os requisitos establecidos, e procederase á súa adxudicación segundo o dito baremo e de forma sucesiva, se o primeiro adxudicatario renunciase, ata a conclusión da lista.

2. Non poderán participar no procedemento para a instalación dunha nova oficina de farmacia os farmacéuticos que sexan titulares dunha oficina de farmacia no mesmo municipio para o que solicite a nova instalación.

3. A adxudicación por resolución administrativa firme dunha oficina de farmacia de nova apertura a un farmacéutico xa titular e propietario, ou se é o caso copropietarios, dunha oficina de farmacia, determinará automaticamente a perda da autorización que se viña posuíndo, aínda no caso de renuncia. A dita autorización someterase pola súa vez a un procedemento de concurso de méritos para a súa adxudicación sen que lle sexan aplicables

os requisitos poboacionais pero si os relativos a distancias e superficies mínimas e demais previstos na lexislación vixente.

A perda da dita autorización farase efectiva a partir do momento da apertura da nova farmacia adxudicada.

4. Ningún adxudicatario de oficina de farmacia de nova apertura poderá tomar parte noutro concurso de méritos ata que transcorran cinco anos desde a data da adxudicación.

Sección segunda

Procedemento iniciado a petición dun ou mais farmacéuticos

Artigo 5º

1. Cando o procedemento se inicie por petición dun ou máis farmacéuticos, a solicitude , que debe formularse por escrito, debe indica-lo municipio ou núcleo claramente definido onde se pretende que haxa lugar á instalación dunha nova oficina de farmacia.

2. A dita solicitude debe ir acompañada dos seguintes documentos:

a) Título de licenciado en Farmacia ou resgardo del.

b) Certificado do número de habitantes censados no municipio ou núcleo para o que se solicita a apertura segundo o padrón municipal vixente no momento de presenta-la solicitude.

Cando a solicitude se fundamente no artigo 3.1º.b do Decreto 909/1978, do 14 de abril, será preciso ademais achegar unha delimitación espacial do núcleo sobre mapa con especificación do lugar concreto da apertura.

c) Calquera outra documentación que o solicitante considere oportuna.

3. Se falta algún dos documentos ou datos esixidos, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez días, achege os documentos preceptivos. De non efectualo no citado prazo procederase ó arquivo da solicitude.

Artigo 6º

1. O expediente poráselle de manifesto ós farmacéuticos con oficina de farmacia autorizada no municipio afectado e ó colexio oficial de farmacéuticos da provincia respectiva co fin de que nun prazo de dez días poidan alegar e presenta-los documentos que consideren convenientes.

Artigo 7º

1. A Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, unha vez valoradas as circunstancias concorrentes, autorizará ou denegará a instalación dunha nova oficina de farmacia no municipio a que se referiu a solicitude, debendo notificáserlle-la dita resolución ós interesados.

2. O prazo máximo para tramitar e resolve-las ditas solicitudes será de catro meses contados a partir da presentación da documentación referida nos apartados a) e b) do punto 2 do artigo 5.

Transcorrido o dito prazo sen resolución expresa entenderase concedida a autorización por silencio positivo nos termos establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro.

3. O prazo sinalado no apartado anterior será de seis meses cando se trate de solicitudes realizadas ó amparo do artigo 3.1º b) do Decreto 909/1978, do 14 de abril.

Artigo 8º

1. Se a resolución da Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais autoriza unha nova oficina de farmacia, publicarase no Diario Oficial de Galicia, indicando o municipio onde debe realizarse a instalación para que, no prazo de quince días contados desde o seguinte ó da publicación, os farmacéuticos interesados, poidan presenta-las correspondentes solicitudes alegando os méritos e circunstancias que consideren convenientes que serán valorados segundo o baremo fixado pola Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

2. As solicitudes presentadas deben ir acompañadas do título de licenciado en Farmacia ou resgardo del, así como da documentación acreditativa dos méritos alegados mediante orixinais ou debidamente compulsados.

3. As solicitudes admitidas serán obxecto de publicación no taboleiro de anuncios da Delegación Provincial da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

Artigo 9º

1. Unha vez valorados os méritos e circunstancias de cada un dos solicitantes procederase á publicación da lista provisional coas puntuacións obtidas co fin de que os interesados poidan formular no prazo de 10 días as reclamacións que consideren oportunas.

2. Analizadas as reclamacións presentadas, a Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais dictará resolución, que se publicará no Diario Oficial de Galicia, que conterá a puntuación dos farmacéuticos concursantes, indicando a solicitude de apertura de oficina que queda autorizada.

3. O prazo máximo para tramitar e resolve-las ditas solicitudes será de catro meses contados desde a finalización do prazo da súa presentación.

Artigo 10º

1. Concedida a autorización firme en vía administrativa a que se refire o artigo anterior, para efectos da instalación e establecemento da oficina de farmacia autorizada, os interesados deberán designar no prazo de tres meses o local proposto para a nova oficina de farmacia.

2. Se o concursante que obtivo a máxima puntuación non designa local no prazo indicado, decaerá o seu dereito e requirirase o concursante que o siga na puntuación co fin de que proceda a face-la designación do local, e así sucesivamente.

3. No caso de que o solicitante designe un local que por causa non imputable a el non reúna tódolos requisitos necesarios para a súa autorización, concederáselle un único prazo de trinta días para designar outro local.

Artigo 11º

En todo caso, unha vez outorgada pola Secretaría Xeral da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais a autorización administrativa de instalación e establecemento da oficina de farmacia, será necesario para a súa apertura e posta en funcionamento que, unha vez comprobado que se cumpren as condicións e requisitos establecidos, se levante acta de inspección na que se autorice a apertura e posta en funcionamento.

Sección tercera

Especialidades do procedemento iniciado por instancia dos municipios ou dos colexios oficiais de farmacéuticos

Artigo 12º

1. Cando o procedemento se inicie por petición dos órganos de goberno do municipio ou municipios que poidan resultar beneficiarios, a solicitude, que debe formularse por escrito, debe ir acompañada dos seguintes documentos:

a) Acordo do pleno do concello ou concellos, segundo corresponda, no que se acorde presenta-la solicitude.

b) Documentos sinalados nos apartados b) e c) do artigo 5 do presente decreto.

2. Se falta algún dos documentos ou datos esixibles, requirirase ós organos de goberno solicitantes para que achegen a documentación preceptiva nun prazo de dez días e, no caso de non o efectuaren no prazo citado, procederase ó arquivo da solicitude.

Artigo 13º

1. Os colexios oficiais de farmacéuticos da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra poderán insta-la iniciación do procedemento para a autorización dunha nova oficina de farmacia mediante acordo da súa xunta de goberno ó que se deberán achega documentos sinalados nos apartados b) e c) do artigo 5º.

Disposicións adicionais

Primeira.

O presente decreto será de aplicación tamén ás solicitudes iniciadas a partir da vixencia do Real decreto lei 11/1996, do 17 de xuño, e ata a data de entrada en vigor do presente decreto.

Segunda.

Respecto das solicitudes formuladas a partir da entrada en vigor do Real decreto lei 11/1996, do 12 de xuño, o requirimento previsto no artigo 5.3º poderá efectuarse mediante publicación no Diario Oficial de Galicia.

Terceira.

1. O prazo máximo para resolve-las solicitudes de traslado a que se refire o artigo 7 do Decreto 909/1978, do 14 de abril, será de 6 meses.

2. Resolveranse nun prazo máximo de tres meses:

a) Os expedientes de instalación e establecemento de cada unha das oficinas de farmacia autorizadas a que se refire o artigo 11 do presente decreto e os artigos 5 e 7 da orde ministerial do 21 de novembro de 1979.

b) Os procedementos derivados do previsto nos artigos 5, 6 e 8 do Decreto 909/1978.

Cuarta.

Cando existan circunstancias que impidan razoablemente o cumprimento dos prazos previstos neste decreto, poderase propoñer de forma motivada a súa ampliación.

A ampliación dos prazos non poderá ser superior ós inicialmente establecidos.

Contra o acordo que resolva sobre a ampliación de prazos non caberá recurso administrativo ningún.

Quinta.

Por orde da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais poderase delegar nos colexios oficiais de farmacéuticos da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra a tramitación e formulación das propostas de resolución dos expedientes a que se refire o artigo 1º deste decreto.

Disposición transitoria

Os expedientes de autorización de novas oficinas de farmacia iniciados con anterioridade á entrada en vigor do Real decreto lei 11/1996, tramitaranse e resolveranse de acordo coa normativa que lles era de aplicación.

Disposicións derrogatorias

Primeira.

1. Déixanse sen efecto no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia o artigo 4 do Decreto 909/1978, do 14 de abril, sobre establecemento, transmisión e integración de oficinas de farmacia, e os artigos 1, 2 e 4 da Orde do 21 de novembro de 1979 que o desenvolve. Igualmente quedan sen efecto o resto dos seus artigos en todo aquilo no que se opoñan ó disposto no presente decreto.

2. Así mesmo, déixanse sen efecto na Comunidade Autónoma de Galicia tódalas disposicións estatais

de igual ou inferior rango en canto se opoñan ó disposto no presente decreto.

Segunda.

1. Quedan derrogadas as seguintes disposicións:

-Decretos 177/1993, do 29 de xullo, e 156/1994, do 2 de xuño, sobre adecuación de procedementos de autorización de oficinas de farmacia.

-Orde do 12 de decembro de 1986 pola que se delega nos colexios oficias de farmacéuticos da Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra a competencia decisoria dos expedientes a que se refire o artigo 9.2º do Decreto 909/78, do 14 de abril, así como a Orde do 14 de xullo de 1990 que a modifica parcialmente.

2. Quedan derrogadas igualmente tódalas disposicións autonómicas de igual ou inferior rango en canto se opoñan ó disposto no presente decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.

Facúltase o conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais para dictar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e aplicación do presente decreto.

Segunda.

O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, doce de xullo de mil novecentos noventa e seis.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José María Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais

5462