Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 143 Luns, 22 de xullo de 1996 Páx. 7.087

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN LOCAL

CONCELLO DE GONDOMAR

BASES para cubrir en propiedade unha praza de oficial electricista vacante no cadro de persoal funcionario, por promoción interna (oferta de emprego público de 1996).

Primeira.-Obxecto da convocatoria.

Convócanse probas selectivas para cubrir en propiedade una (1) praza da escala de Administración especial, do grupo E, denominada oficial electricista, vacante no cadro de persoal funcionario deste concello, incluída na oferta de emprego público de 1996.

A praza cubrirase por promoción interna, mediante o sistema de concurso-oposición, entre os fun

cionarios deste concello pertencentes ó grupo E da escala de Administración especial que reúnan os requisitos esixidos na base segunda.

Segunda.-Requisitos dos aspirantes.

Para seren admitidos á realización destas probas selectivas, os aspirantes deberán reuni-los seguintes requisitos:

a) Estaren en posesión do título ou certificado de escolaridade, equivalente ou superior.

b) Pertenceren a unha escala de Administración especial deste concello, dentro do grupo E, cunha antigüidade de polo menos dous anos de servicios prestados en propiedade. Os dous requisitos acreditaranse mediante a certificación expedida pola secretaría xeral do concello.

Terceira.-Solicitudes.

As instancias solicitando participar na convocatoria presentaranse no rexistro xeral do concello, no prazo de 20 días naturais, a partir do seguinte ó da publicación do anuncio desta convocatoria no Boletín Oficial del Estado, mediante extracto. Os solicitantes manifestarán nas instancias que réunen as condicións esixidas na base segunda da convocatoria. Así mesmo, xunto coa instancia, os interesados presentarán un currículum vitae e a documentación acreditativa, cos méritos que se valorarán na fase de concurso. Así mesmo deberán satisface-los dereitos de exame que se fixan en mil pesetas.

Cuarta.-Admisión de aspirantes.

Rematado o prazo de presentación de instancias, o alcalde dictará unha resolución coa lista de admitidos e excluídos, e designará o tribunal cualificador e o lugar e a data para o comezo das probas. Esta resolución farase pública no taboleiro de anuncios deste concello e no BOP. O prazo para posibles impugnacións, recusacións ou recursos será de dez días, a partir da data de publicación da citada resolución. Transcorrido este prazo sen que houber reclamacións, a lista de admitidos queda automaticamente elevada a definitiva.

Quinta.-Tribunal cualificador.

O tribunal cualificador deste concurso-oposición estará formado polos seguintes membros:

Presidente: o alcalde do concello ou concelleiro en que delegue.

Secretario: a da corporación ou funcionario en que delegue.

Vocais: un representante da Comunidade Autónoma. Un funcionario de carreira designado pola alcaldía. Un técnico experto designado polo alcalde. Un funcionario de carreira proposto pola representación sindical do persoal funcionario, con voz e sen voto.

O tribunal quedará integrado, ademais, polos suplentes respectivos.

Os membros do tribunal deberanse abster de formar parte del cando concorran as circunstancias previdas no artigo 28 da Lei de réxime xurídico e do procedemento administrativo común, notificándollo á autoridade convocante. Os aspirantes poderán recusalos cando se dean os supostos previdos no artigo 29 da citada lei.

O tribunal non se poderá constituír nin actuar sen a asistencia, como mínimo, de máis da metade dos seus membros, titulares ou suplentes, indistintamente.

Sexta.-Sistema de selección.

Procedemento selectivo: a fase de concurso será previa á de oposición.

a) Na fase de concurso valoraranse os méritos presentados polos aspirantes no currículum vitae, ata un máximo de 11 puntos, segundo o seguinte baremo:

1. Antigüidade: por cada ano completo de servicio no grupo de orixe, 0,25 puntos, ata un máximo de 5 puntos.

2. Titulacións académicas: estar en posesión doutra titulación distinta da esixida para participar nas probas, 1 punto.

3. Coñecemento da lingua galega: iniciación, 0,5 puntos; perfeccionamento, 0,5 puntos.

b) Fase de oposición: consistirá na realización do seguinte exercicio:

1. Unha proba práctica, relacionada coas funcións que se desenvolverán como oficial electricista do concello, para realizar nun prazo máximo de hora e media.

Sétima.-Cualificación dos exercicios.

O exercicio será avaliado de 0 a 10 puntos e será preciso acadar un mínimo de 5 puntos para superalo. A cualificación publicarase no taboleiro de anuncios do concello o mesmo día en que se outorgue.

Oitava.-Proposta de nomeamento.

O tribunal, se é o caso, formulará unha proposta de nomeamento para ocupa-la praza como funcionario de carreira ó aspirante que obteña as máximas puntuacións, logo de suma-las obtidas nas fases de concurso e oposición.

Novena.-Nomeamento e toma de posesión.

O aspirante proposto será nomeado funcionario de carreira polo alcalde para ocupa-la praza de oficial electricista convocada. Aquel deberá tomar posesión dela no prazo dun mes, logo da presentación da documentación acreditativa de reuni-los requisitos sinalados na base 2ª.

Décima.-Incidencias.

O tribunal queda autorizado para resolver cantas dúbidas se lle presenten para o normal desenvolvemento do concurso-oposición en todo o non previsto nestas bases. Para isto, poderá adopta-los acor

dos precisos para a boa orde e desenvolvemento do proceso selectivo.

Décimo primeira.-Dereito supletorio.

En todo o non previsto nestas bases observarase o disposto na Lei 7/1985, do 2 de abril, RDL 781/1986, do 18 de abril, Lei 30/1984, do 2 de agosto, Lei 23/1988, do 28 de xullo, e Lei 42/1994, do 30 de decembro, de medidas fiscais, administrativas e de orde social, e demais concordantes.

Gondomar, xuño de 1996.

Ramón Sestelo Fernández

Alcalde

5030