Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 138 Luns, 15 de xullo de 1996 Páx. 6.866

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

ORDE do 27 de xuño de 1996 de axudas ás entidades locais para a erradicación do chabolismo na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio de 1996.

O Decreto 266/1989, do 23 de novembro, desenvolve a Lei 5/1989, de medidas para a erradicación do chabolismo no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

A presente disposición, que non modifica o procedemento, abre o prazo de presentación das solicitudes, indica a partida orzamentaria na que figuran os créditos que amparan a presente orde, sinala a contía máxima das subvencións que se van conceder para alugueiros a que se refire o artigo 9 do Decreto 266/1989, do 23 de novembro e, en uso da autorización do artigo único do Decreto 111/1991, do 4 de abril, modifica os límites porcentuais das subvencións establecidos no artigo 2 da Orde do 26 de abril de 1991.

A disposición adicional segunda do devandito decreto faculta o conselleiro de Ordenación do

Territorio e Obras Públicas para dictar, no ámbito das súas competencias, tódalas disposicións que sexan necesarias para o desenvolvemento da devandita norma.

Logo dos informes preceptivos segundo o Decreto 21/1992 , do 29 de xaneiro, e a orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública do 9-11-1993 e en uso das referidas autorizacións,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Estas axudas instrumentaranse financeiramente a través do crédito que figura consignado para esta finalidade na aplicación 06.50.331A.760 do estado de gastos dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1996.

Artigo 2º

Para os efectos da presente orde, os límites porcentuais das subvencións a que se refire o Decreto 266/1989, do 23 de novembro, quedan establecidos do modo seguinte:

1. Artigos 6º.2 e 8º.1. A subvención poderá acadar ata o 80% do custo de adquisición ou do orzamento das vivendas promovidas polas entidades locais, en municipios de poboación inferior ós 50.000 habitantes e ata o 65% nos restantes.

2. Artigo 9º. A contía da subvención poderá acadar ata o 70% do importe do alugueiro, co límite máximo de 18.200 ptas./mes por vivenda.

3. Para a tramitación e concesión das axudas haberá que aterse ó determinado na Orde do 7 de xuño de 1990, e na Resolución do 17 de outubro de 1990 do Instituto Galego da Vivenda e Solo, no que non resulte modificado pola presente orde.

Artigo 3º

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ó da publicación da presente orde, e rematará o 31 de outubro de 1996.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 27 de xuño de 1996.

José Cuíña Crespo

Conselleiro de Política Territorial Obras Públicas e Vivenda

5449