Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 137 Venres, 12 de xullo de 1996 Páx. 6.834

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

RESOLUCIÓN do 4 de xullo de 1996, da Dirección Xeral de Ensinanzas Profesionais e Formación de Adultos, pola que se dictan instruccións sobre o acceso e admisión ós ciclos formativos de formación profesional específica e ós módulos profesionais para o curso académico 1996-1997.

Por Orde do 6 de abril de 1995 regúlase o procedemento para a admisión de alumnos no bacharelato e ciclos formativos de grao medio en centros sostidos con fondos públicos.

A Orde do 21 de xuño de 1996 regula a admisión de alumnos e alumnas nos ciclos formativos de formación profesional específica de grao superior, en centros sostidos con fondos públicos.

A Orde do 24 de xuño de 1996 regula as probas de acceso ós ciclos formativos de formación profesional específica e de artes plásticas e deseño.

As disposicións derradeiras das ordes citadas anteriormente autorizan a Dirección Xeral de Ensinanzas Profesionais e Formación de Adultos para dicta-las instruccións necesarias para o desenvolvemento e aplicación do previsto nelas.

Na súa virtude esta dirección xeral,

DISPÓN:

I. Acceso ós ciclos formativos de formación profesional específica e módulos profesionais experimentais.

Primeiro.

1. Terán acceso directo ós ciclos formativos de grao medio e módulos profesionais experimentais de nivel 2, os alumnos/as que cumpran algún dos requisitos seguintes:

a) Posuí-lo título de graduado en educación secundaria ou ter aprobado o primeiro ciclo experimental da REM na súa totalidade.

b) Ter aprobado o 2º curso de BUP na súa totalidade.

c) Posuí-lo título de técnico auxiliar ou equivalente.

d) Ter superadas na súa totalidade as probas de acceso á universidade para maiores de 25 anos.

e) Ter superado o 3º curso do Plan de 1963 das ensinanzas de artes aplicadas e oficios artísticos (Decreto 2127/1963, do 24 de xullo, BOE do 6 de novembro), ou os 2º cursos dos planos experimentais (Decreto 179/1988, do 7 de xullo, DOG do 18).

2. Así mesmo, poderán acceder ós ciclos formativos de grao medio e módulos profesionais de nivel 2 aqueles alumnos/as que, non reunindo os requisitos especificados no punto anterior, superen a proba de acceso definida na Orde do 24 de xuño de 1996.

Segundo.

Terán acceso directo ós ciclos formativos de grao superior, os/as alumnos/as que posúan os requisitos indicados na Orde do 21 de xuño de 1996.

Terceiro.

Terán acceso directo ós módulos profesionais experimentais de nivel 3 os alumnos/as que posúan as condicións de titulación especificadas na orde que os regula.

Cuarto.

Así mesmo, poderán acceder ós ciclos formativos de grao superior e módulos profesionais experimentais de nivel 3 aqueles alumnos/as que, non reunindo os requisitos indicados nos puntos segundo e terceiro desta resolución, superen a proba de acceso definida na Orde do 24 de xuño de 1996.

Quinto.

Naqueles centros en que se implante un ciclo formativo en substitución dun módulo profesional, os alumnos que non obtivesen avaliación positiva no módulo poderán incorporarse ó ciclo que o substitúa, segundo o anexo I desta resolución, nas seguintes condicións:

1. Se, como consecuencia da avaliación, o alumno debía repeti-lo módulo na súa totalidade, deberá cursa-lo ciclo integramente.

2. Os alumnos que obteñan avaliación negativa en dúas ou máis áreas do módulo, deberán cursa-lo ciclo na súa totalidade, se ben poderán solicitar da Dirección Xeral de Ensinanzas Profesionais e Formación de Adultos a validación dalgúns dos módulos do ciclo, en función das áreas superadas anteriormente. Estas solicitudes serán resoltas individualmente, logo do informe da inspección educativa; neste informe deberá concretarse en que medida a competencia profesional asociada ó módulo do ciclo foi conseguida na área superada.

Estas solicitudes deberán presentarse antes do 15 de outubro de 1996 na secretaría do centro.

II. Admisión de alumnos ós ciclos formativos de formación profesional específica e módulos profesionais experimentais.

Sexto.

Nos centros sostidos con fondos públicos, as prazas dispoñibles para cursar cada ciclo formativo distribuiranse do seguinte xeito:

1. Un 80% delas reservaranse para aqueles alumnos que reúnan os requisitos establecidos para o acceso directo.

2. O 20% das prazas restantes reservaranse para aqueles solicitantes que, non reunindo as condicións aludidas no apartado anterior, acrediten que superaron a proba de acceso definida na Orde do 24 de xuño de 1996.

As porcentaxes establecidas nos apartados anteriores son acumulables entre si; se non hai suficientes alumnos para cubri-las prazas de acceso directo, as sobrantes acumúlanse ás previstas para acceso mediante proba; por contra, se non hai suficientes alumnos que poidan acceder mediante proba de acceso, as prazas sobrantes acumúlanse ás previstas para acceso directo.

Sétimo.

As solicitudes para cursar ciclos formativos de grao medio ou módulos profesionais de nivel 2 nos

centros públicos, así como o procedemento de admisión de alumnos realizaranse de acordo coa Orde do 6 de abril de 1995.

O modelo de solicitude xúntase co anexo II da referida orde.

1. Cando o número de solicitudes para o acceso directo sexa superior ó número de prazas dispoñibles, a selección dos aspirantes realizarase por aplicación dos criterios de baremación indicados no anexo I da Orde de 6 de abril de 1995.

2. Cando superen a proba de acceso máis aspirantes que prazas dispoñibles no ciclo ou módulo, a selección dos admitidos realizarase por aplicación dos criterios de baremación indicados no anexo I da Orde de 6 de abril de 1995 dándolle preferencia ós aspirantes que acrediten ter un programa de garantía social relacionado co campo profesional e cursado con avaliación positiva.

Oitavo.

As solicitudes para cursar ciclos formativos de grao superior ou módulos profesionais de nivel 3 en centros sostidos con fondos públicos, así como o procedemento de admisión de alumnos realizarase de acordo coa Orde do 21 de xuño de 1996.

O modelo de solicitude xúntase como anexo I á referida orde.

Noveno.

No proceso de admisión a ciclos formativos de grao superior, cando o número de demandantes procedentes da proba de acceso sexa superior ó numero de prazas que se oferta, aplicarase a seguinte orde de prioridade:

1º Maior puntuación na proba.

2º De persisti-lo empate, por sorteo público.

Décimo.-Inscrición e calendario das probas.

1. As probas de acceso ós ciclos formativos e módulos profesionais serán elaboradas pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria de acordo co establecido na Orde do 24 de xuño de 1996.

2. A inscrición na probas farase nos centros docentes do 2 ó 10 de setembro, ámbolos dous inclusive.

3. Antes do 14 de setembro as delegacións provinciais comunicaranlles a tódolos centros docentes, para que o fagan público no taboleiro de anuncios, a relación de centros públicos nos que se realizarán as probas.

4. As probas de acceso celebraranse nos días e horas que se indican a continuación:

a) Probas de acceso a ciclos formativos de grao medio e módulos experimentais de nivel 2:

-Día 17 de setembro:

* De 10 a 13 horas: parte científico-tecnolóxica.

* De 16 a 19 horas: parte sociocultural.

b) Probas de acceso a ciclos formativos de grao superior e módulos de nivel 3:

-Día 17 de setembro:

* De 9 a 11 horas, parte xeral, exercicio A.

* De 11.30 a 13.30 horas, parte xeral, exercicio B.

* De 16 a 19, parte específica.

Calquera posible variación sobre este calendario requirirá autorización expresa da Dirección Xeral de Ensinanzas Profesionais e Formación de Adultos.

Décimo primeiro.-Inscrición, matrícula e constitución de grupos de ciclos formativos e módulos profesionais experimentais.

1. Antes do 31 de xullo, as delegacións provinciais comunicaranlles ós centros docentes a oferta de ciclos formativos e módulos profesionais que se impartirán na Comunidade Autónoma durante o curso 1996-1997, indicando o número de prazas que pode ofertar.

2. Os alumnos con acceso directo que desexen cursar ciclos formativos de grao medio e módulos profesionais de nivel 2 en centros sostidos con fondos públicos, formalizarán a inscrición e matrícula nos prazos previstos na Orde do 6 de abril de 1995.

2.1. No caso de alumnos seleccionados trala superación da proba de acceso, a selección dos mesmos deberá facerse pública antes do 23 de setembro e deberá formalizarse a matrícula antes do día 1 de outubro.

3. Os alumnos que queiran acceder ós ciclos formativos de grao superior ou módulos profesionais de nivel 3 en centros sostidos con fondos públicos efectuarán unha preinscrición do 2 ó 10 de setembro, ámbolos dous inclusive.

3.1. Os centros farán públicas as listas de admitidos por acceso directo para cursa-lo ciclo ou módulo ante do día 13 de setembro, nos respectivos taboleiros de anuncios.

3.2. As documentacións dos alumnos que non obtiveron praza no centro e solicitaban ademais outros estudios serán remitidas á delegación provincial antes do 17 de setembro. Nese mesmo momento os centros comunicaranlle á delegación provincial o número de prazas vacantes por acceso directo, se é o caso.

3.4. Antes do 20 de setembro exporanse nos taboleiros de anuncios dos centros nos que realizou a proba, a relación de alumnos que superaron e non superaron a proba, ordenados de maior a menor puntuación.

3.5 As comisións de escolarización provinciais e a Comisión de Escolarización Autonómica publicarán en tódolos casos, antes do día 28 de setembro, na delegación provincial e nos centros docentes a relación de alumnos admitidos para cursar un determinado ciclo ou módulo, tanto por acceso directo como a través de proba, debendo formaliza-la súa matrícula antes do 1 de outubro no correspondente centro.

4. A matrícula para cursar módulos ou ciclos formativos nos centros privados formalizarase antes do día 1 de outubro.

5. A non formalización da matrícula nos prazos estipulados nos apartados anteriores, salvo causas debidamente xustificadas, implicará a perda do dereito a acceder a estas ensinanzas no curso 1996-1997.

6. Para cada ciclo formativo ou módulo profesional constituirase, con carácter xeral, un único grupo de alumnos por centro. O número de alumnos de cada grupo dependerá das características pedagóxico-didácticas e das posibilidades das instalacións e medios de cada ciclo ou módulo e centro en particular, non debendo superar en ningún caso os 30 alumnos. Calquera modificación deste límite requirirá autorización previa e expresa da Dirección Xeral de Ensinanzas Profesionais e Formación de Adultos.

Disposicións derradeiras

Primeira.-De acordo co establecido na disposición transitoria segunda da Orde do 21 de xuño de 1996 o prazo de resolución das reclamacións presentadas contra as resolucións dos consellos escolares, das comisións de escolarización ou da inspección educativa, será como máximo de dous días.

Segunda.-Esta resolución entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de xullo de 1996.

José Luís Mira Lema

Director Xeral de Ensinanzas Profesionais e Formación de Adultos

Sr. Subdirector Xeral de Ensinanzas Profesionais e Formación de Adultos. Sres. Delegados Provinciais da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO I

Módulo profesionalCiclo formativo que o substitúe

Instalador/mantedor eléctricoEquipos e instalacións electrotécnicas
Operador de máquinas ferramentasMecanizado
Administración e xestiónXestión administrativa
Administración de empresasAdministración e finanzas
Comercio exteriorComercio internacional
Educador infantilEducación infantil
Mantemento en instalacións e servicios auxiliaresMantemento e montaxe de instalacións de edificio e proceso
Auxiliar de enfermeríaCoidados auxiliares de enfermería
Sistemas automáticos e programablesSistemas de regulación e control automáticos
Mantemento e operación técnica de equipo de R.T.VSistemas de telecomunicación e informáticos
Instalacións e mantemento de equipos de frío e calorMontaxe e mantemento de instalacións de frío, climatización e producción de calor

Módulo profesionalCiclo formativo que o substitúe

Actividades físicas e animación deportivaAnimación de actividades físicas e/ou deportivas
Fabricación mecánicaProducción por mecanizado
Reproducción fotomecánicaPreimpresión en artes gráficas

5103