Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 132 Venres, 05 de xullo de 1996 Páx. 6.633

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

DECRETO 272/1996, do 27 de xuño, polo que se declara a urxente ocupación de bens e dereitos co obxecto de impoñe-la servidume de paso para o establecemento e conservación da liña eléctrica: Subestación de San Marcos-Polígono industrial de Bergondo (expediente 198/1994).

Unión Eléctrica-Fenosa, S.A., con domicilio para efectos de notificacións na r/ Fernando Macías nº 2 da Coruña, solicitou da Consellería de Industria e Comercio a concesión dos beneficios de expropiación forzosa e a declaración de urxente ocupación dos terreos afectados pola execución do proxecto de construcción da liña eléctrica a 20 kV con orixe na subestación de San Marcos e final no polígono industrial de Bergondo que consta de dous tramos; o primeiro soterrado de 180 m de lonxitude conductor R.H.V. 12/20 de 3(1x240) mm Al e o segundo aéreo de 6.426 m con conductor LA-110 apoios de formigón e metálicos; os últimos 320 m comprendidos entre os apoios 37 e 41 serán en dobre circuíto. A liña afecta a terreos dos termos municipais de Cambre, Oleiros e Bergondo (A Coruña); Expte. nº 198/1994.

A dita instalación autorizouse declarouse en concreto de utilidade pública e aprobouse o seu proxecto de execución por resolución da Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña do 25-4-1995 que se publicou no DOG do 6-7-1995 no BOP da Coruña do 23-6-1995 e no BOE do 19-7-1995.

A solicitude de urxente ocupación fíxose de acordo co disposto no artigo 31 do regulamento que desenvolve a Lei 10/1966, do 18 de marzo, de expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas aplicable ó presente expediente en virtude do establecido pola alínea 2 da disposición transitoria segunda da Lei 40/1994, do 30 de decembro, de ordenación do sistema eléctrico nacional.

Os anuncios de información pública aberta en función desta petición coa relación de interesados bens e dereitos afectados publicáronse no DOG do 14-8-1995, no BOP da Coruña, do 9-8-1995, no xornal El Ideal Gallego do 26-8-1995, e nos taboleiros de anuncios das casas do concello respectivas e nos da delegación provincial ó mesmo tempo na forma regulamentaria notificouse individualmente a cada un dos interesados que figuran na dita relación agás ós propietarios dos predios nºs: 14/1, 17 e 35 do concello de Cambre que por resultaren descoñecidos déuselle traslado das actuacións practicadas ó Ministerio Fiscal segundo o artigo 5 da Lei de expropiación forzosa.

A tramitación do expediente fíxose de acordo coa Lei 10/1966, do 18 de marzo, e co seu regulamento de aplicación aprobado polo Decreto 2619/1966, do 20 de outubro; durante o periodo no que se someteu a trámite de información pública formularon

alegacións os propietarios dos predios nºs 13, 36, 44, 50, 53 e 64 dos afectados no concello de Cambre que se refiren á solicitude de diversa información sobre o xeito de afección da liña ós bens a expropiar información que lle foi facilitada pola empresa beneficiaria; existía, así mesmo, erro na titularidade dos predios nºs 5 e 34 do mesmo concello, os cales foron rectificados coa comunicación ó verdadeiro titular en cada caso. Non se teñen en conta as alegacións do propietario do predio nº 63 por corresponder a outra fase do procedemento. Polo que respecta á solicitude de expropiación total solicitada para o citado predio nº 34 realizada polo seu titular, foi desestimada por resolución da Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña do 20-3-1996.

Unha vez practicada por técnicos da delegación provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña a inspección sobre o terreo seguindo o trazado aprobado para a instalación desta liña puidose comprobar que nos bens afectados sobre os que se solicitan os beneficios de expropiación para os efectos da servidume non se dan os supostos prohibitivos previstos nos artigos 6 da Lei 10/1966, do 18 de marzo, e 25 do Decreto 2619/1966, nin lle son de aplicación as limitacións do artigo 26 do dito decreto.

Estímase xustificada a urxente ocupación solicitada pola compañía Unión Eléctrica-Fenosa, S.A., xa que con esta liña se pretende amplia-las redes de distribución de enerxía para mellora-la subministración eléctrica nos sectores de establecemento das instalacións e poder garanti-las máximas condicións de seguridade da subministración nas ditas zonas atendendo as constantes reclamacións polo mal servicio no sector e debido a que a imposición da servidume de paso polo procedemento ordinario faría imposible cumpri-los prazos previstos para estas instalacións.

Na súa virtude e por proposta do conselleiro de Industria e Comercio logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vintesete de xuño de mil novecentos noventa e seis,

DISPOÑO:

Artigo único.-Para os efectos previstos na Lei 10/1966, do 18 de marzo, de expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas e no seu regulamento de aplicación aprobado polo Decreto 2619/1966, do 20 de outubro, declárase urxente a ocupación de terreos e bens gravados coa servidume de paso imposta co alcance previsto no artigo 4 da lei citada para realiza-la instalación proxectada e proposta por Unión Eléctrica-Fenosa, S.A., da liña eléctrica: Subestación de San Marcos-Polígono industrial de Bergondo; Expte. nº 198/1994.

Os bens e dereitos a que afecta esta disposición sitúanse nos termos municipais de Oleiros e Cambre da provincia da Coruña e son tódolos que figuran na relación presentada pola empresa solicitante dos beneficios de expropiación que consta no expedien

te o cal foi sometido a información pública na forma e datas anteriormente descritas.

Santiago de Compostela, vintesete de xuño de mil novecentos noventa e seis.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Couceiro Méndez

Conselleiro de Industria e Comercio

5089