Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 132 Venres, 05 de xullo de 1996 Páx. 6.627

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 271/1996, do 20 de xuño, polo que se acepta, a beneficio de inventario, a herdanza de Blasinda Rodríguez Garrido.

Con data do 4 de novembro de 1987, Blasinda Rodríguez Garrido outorgou testamento hológrafo polo que a Administración do Estado español ou ente en quen este delegue asume a propiedade de diversos bens para que sexan destinados, na forma que se crea máis conveniente, a recoller e atende-los anciáns desvalidos e abandonados dos distintos concellos que comprende o Partido de Bande.

A Dirección Xeral do Patrimonio do Estado, con base nas transferencias das competencias relativas a servicios sociais á Administración autonómica, informou que o expediente de aceptación debe ser tramitado pola Comunidade Autónoma de Galicia.

Conforme os artigos 17 da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega, e 34 do seu regulamento aprobado polo Decreto 50/1989, do 9 de marzo, a adquisición pura e simple requirirá decreto do Consello da Xunta de Galicia, a proposta da Consellería de Economía e Facenda e en caso de aceptación de herdanzas,entenderase sempre a beneficio de inventario. Así mesmo, os artigos 23.1º da mesma lei e 38.1º do regulamento establecen que non se poderán adquirir bens ou dereitos a título lucrativo cando o valor dos gravames, cargas ou afeccións impostos sobre eles sobrepasen o seu valor intrínseco; se ben non se

consideran carga, gravame ou afección os investimentos que teña que realiza-la Comunidade Autónoma para da-lo destino de uso xeral ou servicio público da súa competencia que fixe o cedente ou doador.

Na súa virtude, proposta do conselleiro de Economía e Facenda, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte de xuño de mil novecentos noventa e seis,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acéptase, a beneficio de inventario, a herdanza de Blasinda Rodríguez Garrido,nos termos establecidos no testamento hológrafo do 4 de novembro de 1987.

Artigo 2º

Os bens e dereitos adquiridos en cumprimento da disposición testamentaria, destinaranse a beneficio dos anciáns desvalidos e abandonados dos distintos concellos que comprende o partido de Bande (Ourense).

Artigo 3º

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, procederá á formalización da aceptación da herdanza no correspondente documento público e á inscrición, se é o caso, dos bens no Rexistro da Propiedade a nome da Comunidade Autónoma.

Disposición derradeira

A Consellería de Economía e Facenda, a través da Secretaría Xeral e do Patrimonio, levará a cabo tódolos trámites necesarios para a efectividade do presente decreto.

Santiago de Compostela, vinte de xuño de mil novecentos noventa e seis.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

4989