Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 131 Xoves, 04 de xullo de 1996 Páx. 6.591

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 24 de abril de 1996, da Delegación Provincial de Ourense, pola que se dispón a inscrición e a publicación do convenio colectivo de ámbito provincial do sector de limpeza de edificios e locais de Ourense.

Visto o texto do convenio colectivo provincial do sector de limpeza de edificios e locais (código nº 3200225) de Ourense, con entrada nesta delegación provincial, subscrito en representación da parte económica pola Asociación Provincial de Empresarios de Limpeza de Edificios e Locais de Ourense e da parte social polas centrais sindicais, CC.OO., UGT, e CIG todas con lexitimidade suficiente para asinalo, en xuntanza celebrada o 29 de marzo de 1996, e de conformidade co dispsoto no artigo 90.2º y 3º, do Estatuto dos traballadores, texto refundido aprobado por Real decreto 1/1995, do 24 de marzo, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado a Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo.

Esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no rexistro de convenios colectivos desta delegación provincial, con notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Unidade de Mediación, Arbitraxe e Conciliación desta delegación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Ourense, 24 de abril de 1996.

Manuel López Casas

Delegado provincial de Ourense

Convenio colectivo de limpezas de edificios e locais de Ourense

Artigo 1º.-Ámbito territorial.

O presente convenio colectivo afectará a todo o persoal e empresas que se rexan pola ordenanza laboral de limpezas e locais do 15 de febreiro de 1975, que ámbalas partes acordan manter como lexislación subsidiaria para o non previsto neste convenio, abranguendo no seu ámbito de aplicación as da provincia de Ourense e as que no ámbito desta provincia se creen ou residan.

Artigo 2º.-Ámbito persoal.

Encóntranse incluídos no ámbito de aplicación deste convenio tódolos traballadores/as dependen

tes destas empresas así como aquelas persoas que de acordo coa ordenanza vixente poidan saírse do seu ámbito.

Artigo 3º.-Vixencia e duración.

O presente convenio comezará a rexer para tódolos efectos a partir do 1 de xaneiro de 1996, e rematará o 31 de decembro do mesmo ano, mantendo a súa vixencia mentres non sexa substituído por outro convenio entre as partes, se ben o presente convenio comezará a súa negociación no mes de novembro do dito ano, data na que se constituirá a comisión negociadora. En calquera caso o seu articulado quedará vixente ata a substitución por outro convenio.

O presente convenio prorrogarase tacitamente de ano en ano se por calquera das partes non é denunciado con tres meses de antelación ó remate da súa vixencia. A fórmula de denuncia será por medio de comunicación da parte denunciante á outra parte, na que se expresará o desexo de denunciar e negociar outro convenio.

Artigo 4º.-Condicións máis beneficiosas.

Tódalas condicións económicas de calquera índole contida no presente convenio teñen o carácter de mínimas, polo que os pactos, cláusulas e situacións máis beneficiosas con respecto ó presente convenio subsistirán para aqueles que as viñan desfrutando, pero sen que poida interpretarse que sobre as chamadas condicións máis beneficiosas tivera que computarse ca mellora económica que supón o presente convenio.

Artigo 5º.-Antigüidade.

Os traballadores fixos abranguidos no ámbito de aplicación deste convenio desfrutarán, como complemento persoal de antigüidade, dun aumento periódico por cada tres anos de servicios prestados na mesma empresa ou centro de traballo na contía do 5 por cento de salario base por cada trienio.

Artigo 6º.-Pagas extraordinarias.

O persoal abranguido no presente convenio percibirá tres pagas extraordinarias, unha en xullo, outra en decembro e outra de beneficios pagadeira no mes de marzo, na contía cada unha delas de 30 días de salario base máis antigüidade. O cáulculo das ditas pagas efectuarase por sextas partes ou doceavas partes segundo o teña determinado cada empresa.

Artigo 7º.-Plus de transporte.

En compensación ós gastos de transporte xurdidos polo presente convenio terán dereito a 250 ptas. por cada día efectivo de traballo.

Artigo 8º.-Plus de actividade.

Establécese un plus de actividade para tódolos traballadores do sector, que se fixa na contía de 50 ptas. por cada día efectivo de traballo.

Artigo 9º.-Plus de toxicidade, perigosidade e nocturnidade.

Estes pluses aboaranse na contía que en cada momento estableza a lexislación vixente nestas materias.

Artigo 10º.-Xornada de traballo.

A xornada laboral será de 40 horas semanais, entendéndose como traballados os 20 minutos de bocadillo naquelas empresas que as viñesen desfrutando.

Artigo 11º.-Festivos.

O traballador cunha xornada laboral que se desenvolva en domingo ou festivo, de mutuo acordo coa empresa poderá:

a) Desfrutar en compensación dun día de descanso semanal.

b) Percibi-lo aboamento correspondente segundo a normativa laboral vixente.

c) Acumula-lo descanso ós días de vacacións regulamentarias.

Consideraranse festivos para tódolos efectos, os días seguintes:

Para os traballadores con xornada de luns a sábado: 9, 10 e 22 de abril, 15 de outubro, 6 de novembro, 17, 19, 23 e 31 de decembro.

Para aqueles traballadores con xornada de luns a venres: 9 e 22 de abril, 15 de outubro, 17, 19, 23 e 31 de decembro. Se na data de publicación do convenio no BOP algún dos días libres establecidos fosen anteriores á mencionada publicación, eses días substituiranse por outros fixados de común acordo entre empresas e traballadores.

As ditas datas poderán ser modificadas logo de acordo entre empresa e traballador.

Artigo 12º.-Horas extraordinarias.

Durante a vixencia deste convenio non se farán horas extraordinarias de carácter normal non obstante poderán facerse horas extraordinarias debidas a forza maior e as de carácter estructural.

Considéranse horas extraordinarias as motivadas por forza maior, as traballadas e empregadas na reparación de sinistros ou as que se fagan para previlos. E as horas estructurais, as que con carácter extraordinario e esporádico se fagan no seo dunha empresa para cubri-la realización dun traballo que non fose posible prever nin substituír por contratacións temporais ou a tempo parcial previstas na lei.

Enviarase á Delegación Provincial de Xustiza, Interior e Relacións Laborais informe mensual destas horas e será realizado conxuntamente polo comité de empresa e a dirección e, se é o caso, polos delegados de persoal.

O incumprimento do pactado neste artigo así como todo o referente ó artigo 35 do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, ou o Real decreto de 1958 do 20 de agosto, considerarase como unha falta grave para os efectos do disposto no artigo 57 do Estatuto dos traballadores.

Artigo 13º.-Licencias.

Logo de solicitude dos traballadores afectados considerarase licencia retribuída no tempo que se indica nos seguintes casos:

Por casamento do traballador: 15 días naturais.

Por casamento de fillos: 1 día natural.

Por parto da muller: 2 días naturais se é na provincia e 5 se é fóra dela.

Morte do cónxuxe ou familiares en primeiro e segundo grao de consanguinidade ou afinidade, é dicir, pais, fillos, avós, netos, irmáns, pais políticos, irmáns políticos e netos políticos: 3 días naturais se é na provincia e 5 se é fóra dela.

Por morte de parentes en terceiro grao, é dicir, tíos, bisavós, bisnetos políticos, bisavós políticos e sobriños políticos: 1 día natural.

Nos demais casos observarase o disposto na lexislación vixente.

En caso de asistencia ó médico, o tempo necesario con xustificación, e cun máximo de 3 horas. No caso de desprazamento ó especialista terase en conta a distancia, e en consecuencia o tempo indispensable (entenderase o especialista da Seguridade Social).

Artigo 14º.-Excedencias.

Todo traballador cunha antigüidade na empresa de polo menos un ano, terá dereito a que se lle recoñeza en situación de excedencia voluntaria por un período máximo de 5 anos, non perdendo en ningún caso a antigüidade que mantiña no momento de solicitala e sendo obrigatorio para a empresa a concesión da dita excedencia.

Artigo 15º.-Cambio de posto de traballo por embarazo.

As mulleres embarazadas terán dereito a cambiar de posto de traballo co fin de que en ningún caso estean obrigadas a desempeña-las súas funcións nos lugares radioactivos ou infecciosos que supoñan perigo para o seu estado.

Artigo 16º.-Roupa de traballo.

Daráselle a todo o persoal adecuada e regulamentaria roupa de traballo, fundas para os homes e batas para as mulleres cada seis meses, zapatillas cada tres meses, guantes cada 20 días e zocos cada 9 meses. O persoal terá que devolve-la roupa e utensilios usados no momento que se produza a substitución.

Artigo 17º.-Incapacidade laboral transitoria.

O traballador que cause baixa por accidente laboral percibirá o 100 por cen do salario de convenio desde o primeiro día de baixa.

Por ILT derivada de enfermidade será en cada momento o que establezan as normas vixentes, agás no suposto de que a enfermidade se prolongase por riba dos 25 días neste caso a empresa cubrirá o 100 por 100 do salario de convenio ata os 130 días.

No caso de ILT por enfermidade, a empresa completará igualmente o 100 por cen do salario do traballador no suposto de que aquela requira hospitalización e en todo caso mentres dure esta. Igualmente o traballador terá dereito ó 100 por cento do seu salario no caso de convalecencia na súa casa por un período máximo de 38 días e sempre que estivese hospitalizado polo menos 6 días.

Artigo 18º.-Extinción do contrato da contrata correspondente.

O persoal de limpeza que faga a súa xornada, xa sexa total ou parcialmente, nun ou varios centros de traballo, durante un período mínimo de catro meses en cada centro de traballo, no caso de que cese a contrata nun dos ditos centros, terá dereito a seguir coa nova empresa adxudicataria cos servicios de limpeza do dito centro. Esta nova empresa adxudicataria terá a obriga de absorber a este persoal respectándolle a antigüidade e demais dereitos adquiridos.

Artigo 19º.-Garantía dos cargos sindicais.

Con motivo de situación concretas, como son a confección do cadro horario, calendario de vacacións e acordo para a negociación colectiva, o empresario facultará para reunirse nos locais da empresa ós traballadores e ós seus representantes sindicais durante a xornada de traballo, sen que poida excederse dunha hora nos ditos casos e de común acordo para a designación de traballos urxentes que poidan xurdir.

Artigo 20º.-Vacacións.

O persoal afectado polo presente convenio desfrutará de 30 días naturais ininterrompidos de vacacións anuais retribuídas.

O persoal que desfrute as vacacións nos meses de outubro a abril ámbolos dous incluídos, de trinta días ininterrompidos e por necesidades da empresa, percibirá unha bolsa extrasalarial de 9.000 ptas.

Farase un calendario de vacacións en cada empresa de acordo entre empresa e traballador e comité de tal maneira que os traballadores desfruten as súas vacacións rotativamente, respectando a lexislación vixente.

No caso de que un traballador cause baixa antes do desfrute da vacacións, estas posporanse, fixándose un novo período e pasando o traballador afectado a desfrutalas cando lle corresponda segundo as quendas, e non tendo dereito o traballador á bolsa das vacacións, se o novo período fixado correspondese dentro dos meses que dan dereito á percepción da dita bolsa. No caso contrario, se a baixa se produce durante o desfrute delas, estas seguirán correndo ata cumprirse o período correspondente.

Artigo 21º.-Control médico.

Os traballadores que fagan o seu traballo en lugares radioactivos ou infecciosos terán dereito a rea

lizar un control médico cada seis meses, de acordo coas normas sanitarias vixentes. O resto dos traballadores terán dereito ó dito control, como mínimo unha vez ó ano.

Artigo 22º.-Comisión paritaria.

Para a interpretación e cumprimento do pactado no presente convenio, e en xeral para cantas cuestións se deriven da aplicación do presente convenio, establécese unha comisión paritaria que estará integrada polos membros asinantes do presente convenio.

A dita comisión paritaria reunirase no prazo de tres meses desde a sinatura do presente convenio co fin de analiza-lo intrusismo existente no sector que está producindo unha grave competencia desleal, con graves prexuízos ás autoridades pertinentes as accións legais que correspondan, así como analizar e concretar aquelas cuestións que redunden en beneficio para o sector.

Artigo 23º.-Xubilación.

Todo traballador afectado polo presente convenio poderá solicita-la xubilación ós 64 anos ó abeiro do previsto no Real decreto lexislativo 14/1981, do 28 de agosto; neste suposto a empresa estará obrigada a contratar outro traballador perceptor de desemprego ou mozo demandante de primeiro emprego a través dun contrato de idéntica natureza.

Artigo 24º.-Póliza de seguros.

As empresas abranguidas no ámbito de aplicación deste convenio establecerán para tódolos traballadores unha póliza de seguros de morte ou invalidez por accidente de traballo que lles garanta ós seus traballadores: 2.000.000 de ptas. en caso de morte e 2.700.000 ptas en caso de invalidez permanente, total, absoluta e gran invalidez.

Artigo 25º.-Incremento salarial.

Os salarios do presente convenio foron incrementados con respecto ós de 1995 nun 4,1% sobre as táboas salariais do convenio.

Artigo 26º.-Período de proba.

Poderán concertarse por escrito un período de proba, que en ningún caso poderá exceder de seis meses para os técnicos titulados, nin de tres meses para os demais traballadores, excepto para os non cualificados. Neste caso a duración máxima será de 15 días laborables.

Artigo 27º.-Axudas de custo.

Establécese un importe mínimo para as axudas de custo establecidas no artigo 42 da ordenanza de 4.000 ptas. cando se teña que comer ou pernoctar fóra da casa. De 3.000 ptas. cando se realicen as dúas comidas principais fóra do domicilio e de 1.500 ptas. cando se realice unha soa comida. En todo caso, as ditas contías son mínimas e tamén poderá establecerse o sistema de gastos para xustificar.

Artigo 28º.-Réxime disciplinario para o acoso sexual.

Todo comportamento ou situación que atente contra o respecto ou a intimidade e/ou contra a liberdade dos traballadores/as, conductas de acoso sexual, verbais ou físicas, serán conceptuadas como faltas moi graves, graves ou leves, en función da repercusión do feito (*). Nos supostos en que se leve a cabo servíndose da súa relación xerárquica coa persoa e/ou persoas con contrato laboral non indefinido, a sanción aplicarase no seu grao máximo.

O comité de empresa, sección sindical ou representantes dos traballadores a dirección de persoal da empresa velarán polo dereito á intimidade do traballador/a afectado/a procurando silencia-la súa intimidade, cando así fose requirido.

(*) Dada a falta de normativa existente poderá seguirse a descrición de sancións incluídas na Lei de infraccións e sancións na orde social do 7 de abril de 1988.

Disposicións xerais

Primeira.

Ámbalas partes acordan mante-la ordenanza de traballo do 15 de febreiro de 1975 como dereito supletorio e de regulación para o non previsto no presente convenio mentres non se asine un acordo de carácter xeral que a substitúa, momento a partir do cal se tomará o dito acordo como dereito supletorio.

Segunda.

As empresas afectadas por este convenio deberán ter un exemplar del, así como a copia dos boletíns de cotización á Seguridade Social no taboleiro de anuncios de cotización da empresa para coñecemento de tódolos traballadores, co fin de que constaten a súa situación laboral mensual.

Terceira.

As partes asinantes do presente convenio son a Asociación Provincial de Empresarios de Limpieza de Edificios e Locais de Ourense e as centrais sindicais CC.OO., UGT e CIG, ámbalas dúas, con capacidade suficiente e lixitimación de conformidade co disposto no real decreto lexislativo que aprobou o texto refundido do Estatuto dos traballadores.

Cuarta.-Cláusula de sumisión ó AGA.

Ante a importancia que poida ter para a resolución pacífica dos conflictos laborais, a elaboración do acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflictos colectivos de traballo AGA, asinado entre a Confederación de Empresarios de Galicia e as organizacións sindicais UGT, CC.OO. e CIG, as partes asinantes deste

convenio, durante a vixencia del, acordan someterse ás disposicións contidas no AGA nos propios termos en que están formulados.

Disposicións derradeiras

No suposto de modificación dos textos da ordenanza laboral do 15-2-1975, texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores e a Lei 11/1985, do 2 de agosto, os aspectos non recollidos neste convenio e contidas nas ditas leis pasarán a formar parte del.

ANEXO I

Táboa salarial

Persoal directivo e técnico

Subgrupo I. Persoal directivo
Director180.873 ptas.
Directo comercial163.520 ptas.
Director administrativo163.520 ptas.
Xefe de persoal163.520 ptas.
Xefe de compras163.520 ptas.
Xefe de sección163.520 ptas.

Subgrupo II. Persoal titulado
Titulado de grao superior133.908 ptas.
Titulado de grao medio116.977 ptas.
Titulado lab. ou prof.100.390 ptas.

Administrativos
Xefe de 1ª111.828 ptas.
Xefe de 2ª88.418 ptas.
Caixeiro88.418 ptas.
Oficial de 1ª87.334 ptas.
Oficial de 2ª86.357 ptas.
Auxiliar84.999 ptas.
Cobrador84.625 ptas.

Mandos intermedios
Encargado xeral101.105 ptas.
Supervisor encargado de zona87.813 ptas.
Supervisor encargado de sector84.506 ptas.
Encargado de grupo ou edif.2.532 ptas./día
Responsable de equipo2.720 ptas./día

Persoal subalterno
Ordenanza81.554 ptas.
Almacenista81.554 ptas.
Listeiro81.554 ptas.
Vixilante81.554 ptas.
Botóns58.576 ptas.

Persoal obreiro
Especialista2.720 ptas./día
Peón especializado2.754 ptas./día
Limpador2.697 ptas./día
Conductor limpador2.720 ptas./día

Persoal de oficios varios
Oficial2.723 ptas./día
Axudante2.686 ptas./día
Peón2.686 ptas./día
Traballadores menores de 18 anos SMI

4207