Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 127 Venres, 28 de xuño de 1996 Páx. 6.408

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

DECRETO 263/1996, do 6 de xuño, de integración na escala superior de estadística de determinados funcionarios da Xunta de Galicia.

O artigo 1 da Lei 12/1992, do 9 de novembro, de creación de determinadas escalas de persoal funcionario ó servicio da Xunta de Galicia, creou a escala superior de estatísticos.

En consecuencia, e de conformidade co disposto nas disposicións adicionais da Lei 12/1992, do 9 de novembro, modificada pola Lei 2/1993, do 15 de abril, débese proceder á integración na escala superior de estatísticos do persoal que cumpre as previsións contidas na referida lei.

Na súa virtude, oída a Comisión de Persoal, por iniciativa do conselleiro de Economía e Facenda e por proposta do conselleiro da Presidencia e Administración Pública, logo de liberación do Consello da Xunta de Galicia na sua reunión do seis de xuño de mil novecentos noventa e seis,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Quedan integrados na escala superior de estatísticos os funcionarios de carreira do grupo A que, reunindo os requisitos establecidos no punto 1.1º do artigo 1 da Lei 12/1992, do 9 de novembro, se encontren na seguinte situación:

Proceder dos corpos e escalas que se relacionan e encontrarse prestando servicios na Administración da Xunta de Galicia na data de entrada en vigor do presente decreto:

-Estatísticos da Administración institucional de servicios socioprofesionais, a extinguir.

-Estatísticos facultativos do Ministerio de Economía e Facenda.

Artigo 2º

Os funcionarios que con posterioridade á entrada en vigor do presente decreto pasen a prestar servicios na Administración da Xunta de Galicia por calquera dos procedementos legalmente establecidos, pertenzan ós corpos recollidos no artigo primeiro do presente decreto, e reúnan os requisitos establecidos no punto 1.1º do artigo 1 da Lei 12/1992, pasarán a integrarse na escala superior de estatísticos.

Artigo 3º

Os funcionarios de carreira da Administración da Xunta de Galicia que reúnan os requisitos de grupo e titulación, poderán integrarse na escala superior de estatísticos sempre que, no período que vai desde o 13 de novembro de 1992 ata a entrada en vigor do presente decreto, ocupasen postos da RPT reservados á escala superior de estatísticos ou desempeñasen as funcións sinaladas no apartado 1 do artigo 1 da Lei 12/1992, do 9 de novembro.

Artigo 4º

Tamén se poderá integrar na escala superior de estatísticos o persoal ó que fan referencia as disposicións adicionais primeira e segunda da Lei 12/1992, do 9 de novembro, que se atope nas seguintes situacións:

a) Persoal ó que se refiren as disposicións transitorias da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, sempre que, reunindo os requisitos de grupo e titulación, adquiran a condición de funcionarios de carreira dentro das convocatorias previstas na lei, e que no período que vai desde o 13 de novembro de 1992 ata a entrada en vigor do presente decreto desempeñasen as funcións sinaladas no apartado 1º do artigo 1 da Lei 12/1992, do 9 de novembro, e continúen no desempeño delas ata a adquisición daquela condición.

b) Os funcionarios de carreira que accedan ó corpo superior da Administración da Xunta de Galicia polo procedemento de promoción interna, de acordo cos seguintes criterios:

1º. Os funcionarios que no período que vai desde o 13 de novembro de 1992 ata a entrada en vigor do presente decreto desempeñasen as funcións sinaladas no apartado 1º do artigo 2 da Lei 12/1992, do 9 de novembro, e continúen no desempeño delas ata o acceso ó corpo superior da Administración da Xunta de Galicia.

2º. Pertencer ó corpo de estatísticos técnicos diplomados.

Artigo 5º

A integración do persoal relacionado nos artigos 3 e 4 levarase a efecto logo da superación de cursos ou probas específicas que se establecerán mediante orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública.

Artigo 6º

O persoal que se poida integrar segundo o disposto no artigo 1º deberá presenta-la documentación acreditativa do corpo ou escala de procedencia e da titulación académica que posúa no prazo de 20 días contados desde o seguinte á publicación do presente decreto. Esta documentación remitirase a Dirección Xeral da Función Publica da Consellería da Presidencia e Administración Pública.

Artigo 7º

Os funcionarios que cumpran as condicións recollidas na Lei 12/1992 para a súa integración na escala superior de estatísticos e se encontren nalgunha das situacións definidas nos artigos 3º e 4º do presente decreto, deberán presenta-la documentación que acredite a posesión dalgunha das titulacións previstas no apartado 1.1º do artigo 1 da Lei 12/1992, e os servicios prestados na Administración da Comunidade Autónoma ocupando postos de traballo ós que se lles encomende o cumprimento das funcións sinaladas na Lei 12/1992.

Para acredita-los servicios prestados e a realización das funcións estatísticas especificadas na Lei 12/1992 presentarase certificación expedida pola unidade de persoal do centro correspondente, co informe do responsable da unidade administrativa once se prestaron.

Á documentación anterior xuntaránselle unha memoria elaborada polo aspirante na que se describirán as funcións estatísticas realizadas nos postos de traballo ocupados.

O prazo para a presentación da instancia de solicitude de integración na escala superior de estatísticos e da documentación e memoria esixidas será de 30 días hábiles, contados a partir do día seguinte ó da publicación do presente decreto. A documentación remitirase á Dirección Xeral da Función Pública da Consellería de Presidencia e Administración Pública.

Artigo 8º

A integración prevista no presente decreto finalizará mediante resolución da Consellería da Presidencia e Administración Pública.

Disposición derradeira

O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, seis de xuño de mil novecentos noventa e seis.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública