Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 127 Venres, 28 de xuño de 1996 Páx. 6.407

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

DECRETO 262/1996, do 6 de xuño, de integración na escala técnica de estatísticos de determinados funcionarios da Xunta de Galicia.

O artigo 2 da Lei 12/1992, do 9 de novembro, de creación de determinadas escalas de persoal funcionario ó servicio da Xunta de Galicia, creou a escala técnica de estatísticos.

En consecuencia, e de conformidade co disposto nas disposicións adicionais da Lei 12/1992, do 9 de novembro, modificada pola Lei 2/1993, do 15 de abril, débese proceder á integración na escala técnica de estatísticos do persoal que cumpre as previsións contidas na referida lei.

Na súa virtude, oída a Comisión de Persoal, por iniciativa do conselleiro de Economía e Facenda e por proposta do conselleiro da Presidencia e Administración Pública, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do seis de xuño de mil novecentos noventa e seis,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Quedan integrados na escala técnica de estatísticos os funcionarios de carreira do grupo B que, reunindo

os requisitos establecidos no punto 1.1º do artigo 2 da Lei 12/1992, do 9 de novembro, procedan do corpo de estatísticos técnicos diplomados do Ministerio de Economía e Facenda e se encontren prestando servicios na Administración da Xunta de Galicia na data de entrada en vigor do presente decreto.

Artigo 2º

0s funcionarios que con posterioridade a entrada en vigor do presente decreto pasen a prestar servicios na Administración da Xunta de Galicia por calquera dos procedementos legalmente establecidos, pertenzan ó corpo de estatísticos técnicos diplomados, e reúnan os requisitos establecidos no punto 1.1º do artigo 2 da Lei 12/1992, pasarán a integrarse na escala técnica de estatísticos.

Artigo 3º

Os funcionarios de carreira da Administración da Xunta de Galicia que reúnan os requisitos de grupo e titulación, poderán integrarse na escala técnica de estatísticos sempre que, no período que vai desde o 13 de novembro de 1992 ata a entrada en vigor do presente decreto, ocupasen postos da RPT reservados á escala técnica de estatísticos ou desempeñasen as funcións sinaladas no apartado 1 do artigo 2 da Lei 12/1992, do 9 de novembro.

Artigo 4º

Támen se poderá integrar na escala técnica de estatísticos o persoal ó que fan referencia as disposicións adicionais primeira e segunda da Lei 12/1992, do 9 de novembro, que se atope nas seguintes situacións:

a) Persoal ó que se refiren as disposicións transitorias da Lei 4/1988, do 26 de maio, da función pública de Galicia, sempre que, reunindo os requisitos de grupo e titulación adquiran a condición de funcionarios de carreira dentro das convocatorias previstas na lei, e que no período que vai desde o 13 de novembro de 1992 ata a entrada en vigor do presente decreto, desempeñaran as funcións sinaladas no apartado 1 do artigo 2 da Lei 12/1992, do 9 de novembro, e continúen no desempeño delas ata a adquisición daquela condición.

b) Os funcionarios de carreira que accedan ó corpo de xestión da Administración da Xunta de Galicia polo procedemento de promoción interna se no período que vai desde o 13 de novembro de 1992 ata a entrada en vigor do presente decreto desempeñaron as funcións sinaladas no apartado 1º do artigo 2 da Lei 12/1992, do 9 de novembro, e continúen no desempeño delas ata o acceso ó corpo de xestión da Administración da Xunta de Galicia.

Artigo 5º

A integración do persoal relacionado nos artigos 3º e 4º levarase a efecto logo da superación de cursos ou probas específicas que se establecerán mediante

orde da Consellería da Presidencia e Administración Pública.

Artigo 6º

O persoal que se poida integrar segundo o disposto no artigo 1º, deberá presenta-la documentación acreditativa do corpo de procedencia e da titulación académica que posúa no prazo de 20 días contados desde o seguinte á publicación do presente decreto. Esta documentación remitirase a Dirección Xeral da Función Pública da Consellería da Presidencia e Administración Pública.

Artigo 7º

Os funcionarios que cumpran as condicións recollidas na Lei 12/1992 para a súa integración na escala técnica de estatísticos e se encontren nalgunha das situacións definidas nos artigos 3 e 4 do presente decreto, deberán presenta-la documentación que acredite a posesión dalgunha das titulacións previstas no punto 1.1º do artigo 2 da Lei 12/1992, e os servicios prestados na Administración da Comunidade Autónoma ocupando postos de traballo ós que se lles encomende o cumprimento das funcións sinaladas no apartado 1 do artigo 2 da Lei 12/1992.

Para acredita-los servicios prestados e a realización das funcións estatísticas especificadas no apartado 1 do artigo 2 da Lei 12/1992 presentarase certificación expedida pola unidade de persoal do centro correspondente, co informe do responsable da unidade administrativa onde se prestaran.

Á documentación anterior xuntaráselle unha memoria elaborada polo aspirante na que se describirán as funcións estatísticas realizadas nos postos de traballo acupados.

O prazo para a presentación da instancia de solicitude de integración na escala técnica de estatísticos e da documentación e memoria esixidas será de 30 días hábiles, contados a partir do día seguinte ó da publicación do presente decreto. A documentación remitirase a Dirección Xeral da Función Pública da Consellería da Presidencia e Administración Pública.

Artigo 8º

A integración prevista no presente decreto finalizará mediante resolución da Consellería da Presidencia e Administración Pública.

Disposición derradeira

O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, seis de xuño de mil novecentos noventa e seis.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública