Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 125 Mércores, 26 de xuño de 1996 Páx. 6.327

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 7 de xuño de 1996 pola que se convoca e regula o réxime de concesión de axudas para innovación tecnolóxica, investigación e desenvolvemento e calidade, dentro da Comunidade Autónoma galega para 1996.

A aceleración dos procesos de cambio do contorno competitivo provocou nos últimos anos modificacións radicais nas concepcións empresariais en canto ó mercado, caracterizado por unha demanda cada vez máis esixente e variable, a tecnoloxía, a investigación, a concepción de relacións empresariais, etc., que lle obrigan a deseña-los eixes de actuación estratéxicos que, vinculados a un proceso de mellora contínua, lle permitan á empresa crear e manter unha vantaxe competitiva que lle posibilite gañar unha posición no mercado. Así, o incremento cuantitativo e cualitativo da innovación, a investigación ou a calidade resultan constituír variables de primeira orde dentro da política estratéxica das empresas.

Deste xeito, desde a concepción de flexibidade na estructura empresarial, a diferenciación e sofisticación de productos e servicios comportan, xeralmente, un esforzo investidor sendo a súa sensibilización obxecto da presente orde, así como a incentivación atendendo ás características propias e a efectos dos proxectos e ás dispoñibilidades orzamentarias.

Por outra banda, esta orde ten tamén por obxectivo desenvolver, en determinados ámbitos, o recente Decreto 309/1995, de 23 de novembro, sobre incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial na Comunidade Autónoma de Galicia.

Na súa virtude e no uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

TÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1º

Con cargo ás aplicacións orzamentarias 08.02.711-C.740.0 Fomento servicios empresas públicas; 08.02.711-C.770.0 Fomento das actividades industriais; 08.02.711-C.771.0 Fomento de servicios a empresas; 08.02.711-C.772.0 Investigación e desenvolvemento, normalización e homologación e 08.02.711-C.780.0 Fomento de servicios a asociacións, convócanse axudas con destino á innovación tecnolóxica, á investigación e desenvolvemento e á calidade.

Artigo 2º

Terán dereito ás axudas reguladas por esta orde as empresas públicas ou privadas, as asociacións

de empresas de carácter industrial ou de servicios e as entidades sen ánimo de lucro que realicen as súas actividades dentro da Comunidade Autónoma galega.

Artigo 3º

Para a determinación da contía das subvencións teranse en conta a localización do investimento, a súa contribución ó PIB e ó desenvolvemento local, o seu efecto multiplicador e o peche de ciclos productivos a partir de materias primas ou productos autóctonos, igualmente, terase en conta se o proxecto pertence a «clusters» de empresas promovidos pola Xunta de Galicia.

Non serán subvencionables aqueles proxectos que teñan un contido innovador ou un nivel tecnolóxico insuficiente a xuízo da Consellería de Industria e Comercio.

TÍTULO II

Axudas

Capítulo I

Axudas á innovación tecnolóxica

Artigo 4º

As axudas en innovación tecnolóxica van destinadas a aqueles proxectos que teñan como finalidade a incorporación a procesos productivos, así como a operatividade, de equipos de concepción tecnolóxica avanzada ou que representen mellora no aproveitamento e utilización de materias primas e/ou mellora da eficiencia enerxética ou productiva, referida tanto a procesos como a productos.

Ademáis poderán ser subvencionables os custos orixinados polo desenvolvemento de proxectos realizados por asociacións empresariais e das empresas tanto públicas como privadas, entidades sen ánimo de lucro e/ou calquera outra forma xurídica de colaboración empresarial, destinados á promoción de actividades de fomento de industrias e de servicios ás empresas ou á identificación de «clusters», así como os investimentos necesarios para o cumprimento dos seus cometidos.

Artigo 5º

Estas axudas poderán acadar ata o 50% do investimento subvencionable.

Capítulo II

Axudas a investigación e desenvolvemento

Artigo 6º

As axudas van destinadas a proxectos de I+D, realizados na Comunidade Autónoma de Galicia, tanto de investigación básica industrial como de investigación aplicada e desenvolvemento, que se leven a cabo como parte dunha actividade continuada e sistemática, orientada ó desenvolvemento de novos procesos e/ou productos, ou mellora dos existentes.

Os proxectos de investigación básica industrial, que teñen por obxecto a adquisición de novos coñecementos, poderán ser subvencionados ata unha porcentaxe máxima do 70%. Os proxectos de investigación aplicada e desenvolvemento, que se realizan para dar utilidade práctica ós coñecementos adquiridos coa investigación básica industrial, poderán acadar unha subvención máxima do 45%.

Artigo 7º

Nos proyectos de I+D referidos no artigo anterior serán subvencionables os seguintes conceptos:

-Os gastos derivados do persoal implicado no proxecto de investigación.

-O instrumental de investigación e control necesario para o desenvolvemento do proxecto.

-Os gastos de definición do proceso de fabricación, ata a elaboración do prototipo.

-Nos casos en que os resultados da investigación incorporada á empresa se obtiveran a través dun convenio de colaboración con centros públicos de investigación ou departamentos universitarios, será subvencionable o importe da participación da empresa no devandito convenio, sendo necesaria a presentación dunha copia deste xunto á documentación de solicitude.

En todo caso, poderán ser subvencionables os conceptos incluídos no artigo 9 do Decreto 309/1995, do 23 de novembro, sobre incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial na Comunidade Autónoma de Galicia.

Capítulo III

Axudas á calidade

Artigo 8º

Estas axudas van destinadas a investimentos e actividades en materia de infraestructuras, xestión, mellora e control da calidade, incluíndo a certificación, normalización e homologación, sempre que delas se derive a mellora de productos e dos sistemas de producción.

Así mesmo, poderán ser incentivables as actuacións de sensibilización, difusión, divulgación e elaboración de proxectos concertados relacionados cos conceptos mencionados neste capítulo, podendo ser reguladas a través de convenios de colaboración específicos.

As axudas para financiar investimentos en calidade e normalización e homologación, poderán acadar ata o 50% do investimento.

Artigo 9º

As actividades referidas no artigo anterior deberán ser desenvolvidas por entidades ou laboratorios independentes, debéndose achega-la correspondente documentación acreditativa.

TÍTULO III

Tramitación administrativa

Artigo 10º

As solicitudes, dirixidas ó conselleiro de Industria e Comercio, presentaranse no rexistro xeral das delegacións provinciais, no dos servicios centrais da Consellería de Industria e Comercio ou a través dalgunha das formas consideradas no artigo 38.4º da Lei 10/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, dentro dos 30 días naturais a partir do día seguinte ó da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 11º

As solicitudes presentaranse por triplicado exemplar segundo o modelo que figura no anexo desta orde, acompañadas da seguinte documentación:

-Memoria técnica.

-Orzamento desagregado do investimento.

-Prazo de execución do investimento.

-Certificado expedido pola Delegación Provincial de Industria de estar inscrito e actualizado no rexistro industrial ou, nos casos en que non proceda a inscrición, certificación emitida pola delegación provincial na que conste tal circunstancia.

-Copia cotexada da licencia fiscal e NIF/CIF e o imposto de actividades económicas (IAE).

-Declaración de axudas solicitadas, obtidas ou que se prevé solicitar para o mesmo investimento en calquera outra institución, organismo ou administración pública, indicando a súa contía.

-Declaración expresa de que non se ten contraída ningunha débeda, por ningún concepto, coa Xunta de Galicia e declaración de estar ó corrente nas obrigas fiscais e coa Seguridade Social.

Artigo 12º

Se a solicitude de subvención non reúne os requisitos esixidos para cada caso concreto nesta orde, o interesado será requirido para que, nun prazo de dez días a partir do día seguinte á recepción do devandito requirimento, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se non o fixera, se considerará desistido da súa petición, que se arquivará sen máis trámites.

Artigo 13º

Examinada a documentación, e logo do informe técnico correspondente, o conselleiro de Industria e Comercio ou o delegado provincial, conforme o establecido no Decreto 88/1990, do 15 de febreiro, sobre desconcentración de competencias para a concesión de axudas e subvencións nos delegados provinciais ou territoriais da Xunta de Galicia, emitirá a resolución que proceda.

Unha vez concedida a subvención, ésta deberá ser aceptada polo beneficiario, coas condicións

específicas que recolle esta orde e as que, se é o caso, se inclúan na resolución.

A non notificación da resolución no prazo de tres meses desde a presentación da correspondente solicitude determinará a súa desestimación presunta, quedando expedita a vía contencioso-administrativa.

Artigo 14º

No caso de investimentos plurianuais poderanse establece-los correspondentes compromisos de anualidade dentro dos límites establecidos pola lexislación vixente, de conformidade co prazo de execución do investimento. No caso de que estes prazos sufriran calquera alteración derivada do propio desenvolvemento do investimento, notificaráselle á Consellería de Industria e Comercio para o correspondente reaxuste das anualidades comprometidas.

Artigo 15º

Para o libramento da subvención a empresa, ou entidade beneficiaria, deberá achega-la documentación acreditativa da realización dos proxectos ou actuacións previstas antes do día 31 de outubro de 1996 na respectiva delegación provincial ou nos servicios centrais da Consellería de Industria e Comercio, consistente nunha memoria na que se detallen os investimentos realizados xuntando os respectivos xustificantes, así como calquera outros incluídos na resolución particular de concesión.

A percepción da axuda terá lugar unha vez que os servicios técnicos da Consellería de Industria e Comercio certifiquen, se é o caso, trala inspección, que se realizou o investimento, traballo ou estudio correspondente.

Artigo 16º

Para o libramento e posterior pagamento da subvención unirase, á documentación que se sinala no artigo anterior, certificación da conta bancaria onde debe realizarse o pagamento, expedida pola propia entidade bancaria, así como os certificados acreditativos de estar o día nas obrigas tributarias e sociais e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

Artigo 17º

No caso de que o investimento ou a actividade realizada teña un custo inferior ó inicialmente previsto, a axuda poderá reducirse proporcionalmente.

Cando, por concorrencia de subvencións ou axudas, o importe total subvencionado exceda dos límites máximos establecidos no Decreto 309/1995, do 23 de novembro, sobre incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial na Comunidade Autónoma de Galicia,

procederá o reintegro do exceso percibido á Administración autonómica, sen prexuízo doutras responsabilidades que puideran derivarse.

Artigo 18º

No caso de que o beneficiario da subvención incumprise algunha das condicións e obrigas estipuladas, a Consellería de Industria e Comercio instruirá expediente sancionador conforme o previsto na citada Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Procederá o reintegro da axuda percibida e dos xuros de demora nos supostos previstos no apartado 5 do artigo 78 da citada Lei 11/1992, do 7 de outubro. As cantidades que se reintegrarán terán a consideración de ingresos de dereito público, resultando de aplicación para o seu cobro o previsto nos artigos 19 a 23 da citada lei.

Artigo 19º

No caso de que o beneficiario renunciase ás axudas unha vez percibidas, procederase conforme o establecido no artigo anterior.

Artigo 20º

Con independencia do disposto nesta orde, en todo caso haberá que aterse ó disposto na Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, na Lei 11/1995, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1996 e Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposición adicional

Única.-Aqueles proxectos, presentados ó abeiro desta orde, que sexan concordantes coas normas do plan intersectorial de competitividade e que, por insuficiencia de crédito nas correspondentes aplicacións orzamentarias non poidan ser imputados a tales conceptos, poderán ser imputados directamente o devandito plan intersectorial de competitividade, regulándose as súas normas de xestión na resolución do 28 de xuño de 1995 pola que se fai público o acordo da comisión delegada da Xunta de Galicia para asuntos económicos, do 23 de xuño de 1995 e na Resolución do 15 de xaneiro de 1996 pola que se fai público o acordo da comisión delegada da Xunta de Galicia para asuntos económicos, do 2 de decembro de 1995, con cargo ás aplicacións 08.02.731-A.770 e 08.02.731-B.770.

Disposición derradeira

Única.-Facúltase ó director xeral de Industria para que dicte as disposicións necesarias para a aplicación específica do disposto na presente orde.

Santiago de Compostela, 7 de xuño de 1996.

Antonio Couceiro Méndez

Conselleiro de Industria e Comercio

4818