Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 125 Mércores, 26 de xuño de 1996 Páx. 6.325

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 19 de xuño de 1996 pola que se clasifica como benéfico-docente a Fundación Junior's Centro de Altos Estudios de Galicia.

Visto o expediente de clasificación da Fundación Junior's Centro de Altos Estudios de Galicia, con domicilio en Santiago de Compostela.

Supostos de feito.

1. Carlos José Rey, na súa calidade de presidente da fundación, en escrito do 31 de maio de 1996, formulou solicitude de clasificación dela para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A fundación foi constituída en escritura pública outorgada en Santiago de Compostela o día 21 de maio de 1996 ante o notario do Ilustre Colexio da Coruña Domingo Enrique Gutiérrez Aller co número oitocentos doce do seu protocolo, por Carlos José Rey Lorenzo, Rosario Losada Borrajo, Miguel Ángel Rey Losada, Manuel Rodríguez Sedano, Carlos Rey Losada e Alejandro Rey Losada.

3. Segundo consta no artigo seis dos seus estatutos, o obxecto e finalidade da fundación é, entre outros, a organización de actividades docentes de carácter universitario e profesional, sociais o culturais, relacionadas entre outros, con aspectos estratéxicos de desenvolvemento de Galicia levando á práctica todo tipo de actividades docentes.

4. O padroado da fundación estará constituído por Carlos José Rey Lorenzo como presidente, Jaime Rodríguez-Arana Muñoz como vicepresidente, Miguel Ángel Rey Losada como director xeral, Álvaro Torres Gestal como adxunto á Presidencia, Manuel Rodríguez Sedano como secretario xeral e Rosario Losada Borrajo, Carlos Rey Losada e Alejandro Rey Losada como vocais.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de tódalas consellerías elevoulle ó conselleiro da Presidencia e Administración Pública proposta de clasificación como benéfico-docente da Fundación Junior's Centro de Altos Estudios de Galicia, dado o seu obxecto e finalidade, polo que, véndose cumpridos os requisitos esixidos na Lei 7/1983, do 22 de xuño, e na Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da lei anterior, de réxime das fundacións de interese galego, e segundo establece o artigo

32.1º e 2º do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, procede a súa clasificación como benéfico-docente e a súa adscrición á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Vista a Constitución española de 1978, o Estatuto de autonomía de Galicia (Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril); a Lei 7/1983, do 22 de xuño, e a Lei 11/1991, do 8 de novembro, de reforma da anterior, de réxime das fundacións de interese galego, así como as demais normas de desenvolvemento e de xeral aplicación.

Fundamentos de dereito.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia outórgalle competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. De acordo co disposto no artigo 32.2º c) do Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, correspóndelle a esta consellería a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

3. Á vista do que antecede, pódense considerar cumpridas as finalidades tanto legais como regulamentarias establecidas para o caso, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 17 de xuño de 1996.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Clasificar como benéfico-docente a Fundación Junior's Centro de Altos Estudios de Galicia e adscribila á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Santiago de Compostela, 19 de xuño de 1996.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

4744