Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 125 Mércores, 26 de xuño de 1996 Páx. 6.317

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 255/1996, do 14 de xuño, polo que se desenvolve un réxime de axudas para a toma de participación no capital social de sociedades.

Dentro da política de promoción empresarial da Comunidade Autónoma de Galicia vénse prestando especial atención á consolidación financeira das empresas existentes mediante, entre outros, apoios á reestructuración de pasivos e á ampliación de capital das sociedades mercantís, tendentes a mellora-la súa estructura financeira reducindo as súas débedas a curto prazo e incrementando os seus fondos propios.

Mediante o presente decreto dáse un paso máis nesta liña a través do desenvolvemento de programas de axudas máis específicos dirixidos á participación e/ou adquisición de capital polos traballadores da empresa, o fomento da cooperación empresarial favorecendo o redimensionamento e especialización mediante participacións no capital de sociedades do mesmo sector ou de sectores complementarios da cadea de valor que comporte vantaxes recíprocas e, por último, contemplando unha vía para dar solución á formación de maiorías de capital que permitan a estabilidade del e a eficacia na toma de decisións na empresa.

Dentro do proceso de consolidación empresarial ten un papel fundamental a participación dos traballadores no capital da sociedade á que pertencen, o que significa unha maior implicación do traballador no funcionamento e xestión da empresa coas conseguintes repercusións na súa competitividade, e á súa vez debe supoñer unha mellora do campo sociolaboral na Comunidade Autónoma de Galicia.

Así mesmo, a adquisición por traballadores, preferentemente persoal directivo, da maioría do capital social de sociedades ás que pertencen pode resultar fundamental naqueles casos nos que a continuidade delas está ameazada pola dispersión do seu capital, a falta dunha dirección efectiva ou o desacordo dos seus socios.

Por outra parte, a toma de participación no capital de sociedades por empresas pertencentes ó mesmo sector ou a sectores complementarios ó da sociedade participada pode constituír unha forma máis de integración e redimensionamento empresarial, de forma que a través da devandita participación se consigan vantaxes competitivas tanto para a empresa participante como para a sociedade participada.

Outro aspecto importante que resolver é o que se presenta nos casos de dispersión do capital que se traduce nunha falta de dirección efectiva da empresa, especialmente no caso daquelas empresas

familiares cando é preciso substituír ó principal accionista e responsable da dirección efectiva, principalmente no caso de sucesións; deberanse para iso adopta-las medidas precisas para garanti-la continuidade da empresa. Ante esta situación, a Comisión Europea pronunciouse en favor daquelas medidas tendentes a facilita-la transmisión das participacións das pequenas e medianas empresas co fin de garanti-la súa continuidade.

O réxime de axudas establecido neste decreto atópase na liña do Decreto 309/1995, do 23 de novembro, sobre incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial na Comunidade Autónoma de Galicia, aprobado pola Comisión da Unión Europea (Axuda Nº 21/95), que vén a fixar un marco xeral de incentivos coa finalidade de fomentar e mante-la actividade económica, así como favorece-lo desenvolvemento equilibrado do territorio galego, lograr un incremento do emprego e da renda da poboación.

Tendo en conta o carácter do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) como instrumento básico da Xunta de Galicia para o desenvolvemento competitivo dos sectores productivos galegos, o sistema de axudas establecido neste decreto concíbese fundamentalmente como unha peza máis dentro do programa promocional deste ente público.

En virtude do exposto, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día catorce de xuño de mil novecentos noventa e seis,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

O presente decreto ten como obxecto establecer un réxime de axudas para a toma de participación ou a adquisición do capital social por traballadores ou socios, así como por empresas pertencentes ó mesmo sector ou outros complementarios, con obxecto de reestructura-la empresa e mellora-la súa competitividade.

Artigo 2º.-Convocatoria, concesión e xestión das axudas.

2.1. A concesión e xestión das axudas previstas neste decreto efectuaraa o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) de acordo coas súas posibilidades orzamentarias.

2.2. No marco do disposto por este decreto, corresponderá á Consellería de Economía e Facenda a aprobación das distintas convocatorias de axudas. As devanditas convocatorias establecerán aquelas disposicións relativas á delimitación do ámbito de aplicación, beneficiarios, actividades, importe e condicións delas, así como os prazos de presentación, modelos e demais trámites para a concesión.

Artigo 3º.-Réxime de axudas.

Dentro das condicións e cos requisitos establecidos neste decreto poderanse concede-las seguintes axudas:

a) Subvencións a fondo perdido ós traballadores de sociedades en procesos de reestructuración para a toma de participación minoritaria no capital social delas e subsidiación ó tipo de xuro dos préstamos que, se é o caso, concerten coas entidades financeiras para o financiamento da participación no capital non cuberto pola subvención a fondo perdido.

b) Subsidiación ó tipo de xuro dos préstamos concertados polo persoal da sociedade destinados ó financiamento da adquisición da maioría do capital social dela dentro dun plan de reorganización da estructura de capital da empresa.

c) Subsidiación ó tipo de xuro dos préstamos destinados ó financiamento da adquisición por empresas de alomenos o 5% do capital social de sociedades pertencentes ó seu mesmo sector ou a outros complementarios co obxecto de obter vantaxes competitivas para as empresas participantes e as sociedades participadas.

d) Subsidiación ó tipo de xuro dos préstamos destinados a financia-la adquisición por un socio ou socios de participacións no capital social da sociedade que lles outorgue a maioría dos dereitos de voto, favorecéndose a administración efectiva dela. Para esta axuda terán preferencia aqueles socios que adquirisen a súa participación no capital por sucesión hereditaria. No caso de que a maioría dos dereitos de voto se obteña por varios socios que actúen conxuntamente, deberán contar cun pacto irrevogable de sindicación polo tempo que dure a subsidiación que comprenda o outorgamento de amplos poderes a favor dun deles para a dirección efectiva da sociedade.

Artigo 4º.-Contía das axudas.

A contía das axudas segundo cada programa será a seguinte:

a) As subvencións a fondo perdido establecidas no apartado a) do artigo 3º poderán acadar ata un 25% do importe subscrito na ampliación de capital considerada incentivable; é subvencionable por cada traballador un importe máximo de 500.000 ptas., con independencia do importe efectivamente subscrito na ampliación.

b) As subsidiacións ó tipo de xuro previstas nos apartados a) e b) do artigo 3º poderán acadar ata cinco puntos porcentuais, sen que en ningún caso o tipo de xuro para o beneficiario despois de descontada a subsidiación resulte inferior a catro puntos.

c) As subsidiacións ó tipo de xuro previstas nos apartado c) e d) do artigo 3º poderán acadar ata catro puntos porcentuais, sen que en ningún caso

o tipo de xuro para o beneficiario despois de descontada a subsidiación resulte inferior a catro puntos.

Artigo 5º.-Beneficiarios.

Segundo sexa o programa do que se trate poderán ser beneficiarios das axudas os seguintes:

a) Nos apoios establecidos no apartado a) do artigo 3º para a adquisición de capital polos empregados, os traballadores que presten ou vaian presta-los seus servicios en virtude de relación laboral nas sociedades das que adquiran capital.

b) No suposto previsto no apartado b) do artigo 3º, os traballadores, preferentemente persoal directivo, que presten os seus servicios en virtude de relación laboral nas sociedades das que vaian adquirir capital.

c) Nas axudas previstas no apartado c) do artigo 3º, as empresas con domicilio social e/ou centro principal da súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia que sexan pertencentes ó mesmo sector ou a sectores complementarios ó da sociedade da que se vaia adquirir capital social, co obxecto de obter vantaxes competitivas.

d) Nos supostos ós que se refire o apartado d) do artigo 3º, os socios de sociedades que, a través dunha adquisición de capital, obteñan a maioría dos dereitos de voto e poidan exerce-la administración efectiva da sociedade na que participan. Neste caso admitirase que a adquisición de capital se realice a través de sociedades nas que os ditos socios teñan de forma directa ou indirecta participación maioritaria e a maioría dos dereitos de voto.

Artigo 6º.-Requisitos das sociedades participadas.

Para poder acceder ás axudas previstas neste decreto, as sociedades nas que se vai tomar participación no seu capital deberán cumpri-los seguintes requisitos:

A) Que revistan a forma xurídica de sociedade de responsabilidade limitada ou sociedade anónima que non teña o carácter de sociedade anónima laboral.

B) Que realicen algunha das seguintes actividades económicas:

a) Extracción, procesamento, transformación e comercialización das produccións agrícolas, pesqueiras, gandeiras e forestais.

b) Extracción, procesamento, transformación e comercialización de minerais ou os seus derivados.

c) Industria transformadora, comercio, turismo, artesanía e servicios de apoio industrial.

d) A creación de redes de abastecemento, transporte, distribución e comercialización.

e) As actividades de electrónica, biotecnoloxía, robótica, telecomunicación e calquera outra de avanzada tecnoloxía.

f) Investigación técnica e aplicada, innovación e desenvolvemento tecnolóxico, normalización e homologación, control e mellora da calidade levadas a cabo por calquera ente público ou privado.

g) Fabricación ou comercialización de bens de equipo ou unidades productivas relacionados con calquera das actividades anteriormente relacionadas.

C) Que teñan o seu domicilio social e/ou o centro principal da súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia, agás cando o obxecto das axudas sexa participación no capital social de sociedades pertencentes ó seu mesmo sector ou outros complementarios con obxecto de obter vantaxes competitivas.

D) No caso de subvencións a fondo perdido ós traballadores de sociedades en procesos de reestructuración para a toma de participación nas ampliacións do capital social delas, será necesario que na data da subscrición da ampliación de capital incentivada a sociedade teña máis de 25 traballadores.

E) Que a participación no capital sexa adquirida mediante participacións ou accións nominativas.

F) Que as súas accións non estean admitidas a cotización en mercados de valores.

G) Nos casos nos que o Igape o xulgue de especial interese socioeconómico, poderá facerse excepción do cumprimento dos requisitos anteriores.

Artigo 7º -Resolución.

As solicitudes de axuda que non fosen resoltas no prazo de tres meses consideraranse desestimadas.

Artigo 8º.-Obrigas.

8.1. Os beneficiarios das axudas e as sociedades que realicen as ampliacións de capital incentivadas quedan obrigados a comunicar ó Igape calquera circunstancia ou eventualidade que poda afectar substancialmente a execución dos fins para os que foron concedidas.

8.2. Sen prexuízo dos mecanismos de control establecidos legalmente, a Consellería de Economía e Facenda e o Igape, ben directamente a través dos seus órganos, ou ben indirectamente a través das entidades que designen, poderán efectuar tódalas actuacións ou inspeccións que consideren convenientes para os efectos de comproba-la aplicación das axudas ás finalidades para as que foron concedidas e o cumprimento das condicións delas.

Artigo 9º.-Incumprimento.

Serán causas de perda da subvención, con obriga de devolución do percibido e o pagamento dos xuros de demora correspondentes, as consignadas no artigo 78.5º da Lei 11/1992, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, así como o incumprimento das condicións ou obrigas establecidas no presente

decreto, a orde de convocatoria das axudas ou na resolución de concesión delas.

Artigo 10º.-Compatibilidades.

As axudas previstas neste decreto serán compatibles con calquera outra axuda ou subvención sempre que non se superen os límites legalmente establecidos.

Disposición adicional

Facúltase a Consellería de Economía e Facenda para dicta-las disposicións necesarias para o desenvolvemento e execución dos programas de axudas establecidos neste decreto.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, catorce de xuño de mil novecentos noventa e seis.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

4921