Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 121 Xoves, 20 de xuño de 1996 Páx. 6.075

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 25 de abril de 1996, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón a inscricion, rexistro e publicación no Diario Oficial de Galicia do convenio colectivo da empresa Amalis, S.A.

Visto o expediente do convenio colectivo para a empresa Amalis, S.A., que tivo entrada nesta delegación provincial o día 16-4-1996, subscrito en representación da parte económica por unha representación da empresa, e da parte social, polo comité de empresa, en data 22-4-1996. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, desta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación (SMAC).

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 25 de abril de 1996.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Vigo (Pontevedra)

Convenio colectivo do persoal de limpeza de Amalis, S.A. que presta os seus servicios no Hospital do Meixoeiro de Vigo

Artigo 1º.-Ámbito funcional, persoal e territorial.

O presente convenio colectivo será de aplicación ó persoal de limpeza da empresa Amalis, S.A. que presta os seus servicios no centro de traballo Hospital do Meixoeiro de Vigo.

Artigo 2º.-Ámbito temporal.

O presente convenio colectivo terá unha duración de tres anos, e entrará en vigor o día 1 de xaneiro de 1996 finalizando o 31 de decembro de 1998.

Artigo 3º.-Denuncia.

Este convenio entenderase tacitamente prorrogado de ano en ano se ningunha das partes o denunciase cun mes de antelación ó final da súa vixencia ou de calquera das súas prórrogas.

Artigo 4º.-Retribucións.

As retribucións correspondentes a cada un dos anos de vixencia do presente convenio, que deberán percibi-los traballadores afectados por el, aboaranse cos mesmos conceptos e contías que a categoría de pinche

do Sergas (grupo E) (soldo base, complemento de destino, productividade fixa, P.R.D. e P.R.D. por quendas). De tal xeito que os incrementos retributivos que se produzan a partir da entrada en vigor do presente convenio serán aplicados igualmente ós afectados por este.

No suposto de que as pinches do Sergas (grupo E) reciban algunha contía en concepto de revisión salarial, esta será aboada igualmente ó persoal afectado polo presente convenio.

Artigo 5º.-Equiparación salarial e en xornada.

Os traballadores afectados por este convenio quedan equiparados salarialmente e en xornada á categoría pinche do Sergas, de tal xeito que a partir desta equiparación, toda mellora que repercuta na mencionada categoría aplicarase igualmente ós traballadores afectados por este convenio.

Artigo 6º.-Antigüidade.

Por cada tres años de servicio ininterrompido, os traballadores percibirán en concepto de antigüidade as seguintes contías:

-Todos aqueles trienios que vencesen con anterioridade ó 1-1-1995 quedarán establecidos na cantidade de 3.808 ptas. mensuais, manténdose tal contía invariable a partir da dita data.

-Tódolos trienios que venzan a partir do 1-1-1995 aboaranse coa mesma contía que no momento do vencemento teñen establecido as pinches do Sergas (grupo E).

Artigo 7º.-Pagas extraordinarias.

O persoal afectado polo presente convenio colectivo percibirá dúas pagas extraordinarias, que se denominarán de verán e Nadal, na mesma contía que as pinches (grupo E) do Sergas, é dicir, unha mensualidade de salario base, complemento de destino e antigüidade.

As datas que se computan para o devengo das pagas serán as seguintes:

-Paga de verán: do 1 de xullo dun ano ó 30 de xuño do ano seguinte.

Data de pagamento: 15 de xullo.

-Paga de Nadal: do 1 de xaneiro ó 31 de decembro do mesmo ano.

Data de pagamento: 22 de decembro.

Artigo 8º.-Nocturnidade.

Os traballadores que presten os seus servicios en xornada nocturna, é dicir, entre as dez da noite e as seis da mañá, percibirán en concepto de plus de nocturnidade a mesma contía que por tal concepto perciba a pinche do Sergas.

As persoas que suplan os descansos do persoal de noite cobrarano por días traballados.

Artigo 9º.-Traballo en domingos e días santos.

O persoal que traballe en domingos e días santos percibirá en concepto de plus festivo a mesma contía que perciba a pinche do Sergas (grupo E).

Artigo 10º.-Xornada laboral.

A xornada laboral ordinaria será de 7 horas diarias por día de traballo, establecéndose o desfrute de dous

días de descanso ó mes, á marxe do descanso semanal e dos días santos regulamentarios anuais.

A partir do día 1-4-1996, a xornada laboral ordinaria, en cómputo anual será a mesma que en cada momento teña establecida o Sergas (Servicio Galego de Saúde) para a categoría de pinche.

O descanso semanal do domingo, así como dos días santos regulamentarios anuais, poderá coincidir ou non co día correspondente, sendo neste último caso compensado co descanso en calquera outro día laborable da semana.

Os traballadores disporán de 30 minutos diarios para tomar alimentos, considerándose o dito descanso como traballo efectivo.

Artigo 11º.-Licencias.

Logo da solicitude dos traballadores afectados, considerarase licencia retribuída polo tempo e nos casos seguintes:

a) Matrimonio do traballador, 15 días naturais.

b) Matrimonio de pais, fillos ou parentes que convivan co traballador, 1 día natural.

c) Parto de esposa, 5 días laborables.

d) Falecemento ou enfermidade grave:

-Do cónxuxe, 5 días naturais.

-Pais e fillos, 3 días naturais.

-Irmán e parentes ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade, 2 días naturais.

Se entre o traballador e os parentes anteriormente detallados houbese convivencia, a licencia sería de 5 días naturais. O mesmo ocorrería se o falecemento ou enfermidade grave dos parentes anteriores se producise fóra da praza.

e) Falecemento de tío, 1 día natural. Se houbese convivencia entre o traballador e o falecido, a licencia será de 2 días naturais.

f) Traslado de domicilio, 2 días laborables.

g) O tempo necesario para asistir ó médico especialista da Seguridade Social.

As traballadoras por lactancia dun fillo menor de nove meses terán dereito a unha hora de ausencia do traballo, que poderán dividir en dúas fraccións. A muller pola súa vontade poderá substituír este dereito por unha reducción da xornada normal nunha hora coa mesma finalidade.

Igualmente o traballador, solicitándoo coa debida antelación, terá dereito a dispor de ata 5 días de licencia e unha vez ó ano, non retribuídas pola empresa.

Nos casos de licencias referidas a esposo/a ou cónxuxe, igualmente se referirá a compañeiro/a, sempre que se acredite a convivencia mediante certificación oficial.

Artigo 12º.-Excedencias.

Todo traballador fixo cunha antigüidade de polo menos dous anos na empresa terá dereito a que se lle recoñeza a posibilidade de se situar en excedencia

voluntaria por un prazo non inferior a seis meses e non maior de cinco anos.

O traballador excedente, cando a súa categoría se atope entre os pertencentes ós grupos de persoal subalterno e obreiro, terá dereito á reserva do seu posto de traballo durante un período máximo de cinco anos. A reincorporación á empresa deberá ser solicitada cun aviso de tres meses.

Excepcionalmente, cando a solicitude de excedencia sexa por un tempo máximo de dous a cinco anos, o traballador terá dereito a se reintegrar na empresa durante o prazo dos seis primeiros meses da dita excedencia, dispondo o empresario dese mesmo prazo dos seis meses para proceder á súa reincorporación. En todo caso, o traballador deberá pór en coñecemento do empresario a súa intención de volver á empresa cunha antelación mínima dun mes. Pasados os seis primeiros meses do exercicio da excedencia sen que o traballador fixese uso do seu dereito, xa non poderá volver á empresa ata esgota-lo período total de excedencia solicitada.

Artigo 13º.-Posto de traballo en situación de embarazo.

As mulleres embarazadas terán dereito a que se lles cambie o posto de traballo a outro máis acorde co seu estado.

Artigo 14º.-Control médico obrigatorio.

Todo o persoal comprendido no presente convenio terá dereito a unha revisión médica anual a cargo da empresa.

Artigo 15º.-Roupa de traballo.

Proverase ós traballadores da seguinte roupa de traballo:

-Persoal feminino:

1 pixama cada seis meses.

1 par de zocos ó ano.

A opción da traballadora poderase substituír un pixama por unha rebeca.

-Persoal masculino:

1 camisa e pantalón cada seis meses.

1 par de zapatillas ó ano.

1 cazadora ó ano.

Sen prexuízo do anterior, a empresa proverá, nos casos xustificados, aqueles supostos puntuais en que, por razóns de decoro e uniformidade, sexa preciso ou aconsellable facilitar recambio de calzado estragado polo seu uso normal.

Artigo 16º.-Xubilación.

Os traballadores que cumpran a idade de 64 anos e demais requisitos esixidos poderanse acoller á modalidade de xubilación determinada no R.D. 1194/1985; para tal efecto a empresa obrígase a contratar asemade no lugar do xubilado outro traballador, de acordo co establecido no mencionado real decreto.

Artigo 17º.-Complemento de IT, accidente e maternidade.

Nos supostos de accidente laboral, así coma nos casos de ingreso hospitalario, os traballadores per

cibirán o 100% do salario base, antigüidade, complemento de destino, productividade fixa, PRD e PRD por motivo de quendas, desde o primeiro día da baixa, mentres continúe a situación de IT e o traballador permaneza de alta na empresa.

Así mesmo, no suposto de IT por enfermidade común percibirase o 100% dos conceptos retributivos antes mencionados, desde o primeiro día da baixa, mentres continúe a mesma e o traballador permaneza de alta na empresa, sempre que o índice mensual de absentismo por enfermidade común do cadro de persoal non supere o tope do 8%. En caso contrario percibirase, nos primeiros 20 días, as prestacións regulamentarias e a partir do día 21 da baixa, o 90% dos conceptos retributivos mencionados.

As pagas extraordinarias percibiranse completas en tódolos casos de I.T.

Para os casos de maternidade haberase que ater ó establecido na lexislación vixente.

Artigo 18º.-Adscrición do persoal.

Primeiro. O termo da concesión dunha contrata de limpeza, os traballadores da empresa contratista saínte causarán alta na nova titular da contrata, quen lles respectará tódolos dereitos e obrigas que tiñan coa anterior, sempre que se dea algún dos seguintes supostos:

a) Traballadores en activo que presten os seus servicios no dito centro cunha antigüidade mínima dos catro últimos meses, sexa cal fose a modalidade do seu contrato de traballo.

b) Traballadores que no momento do cambio de titularidade da contrata se atopen enfermos, accidentados, en excedencia, en servicio militar ou situación análoga, sempre e cando prestasen os seus servicios no centro con anterioridade á suspensión do seu contrato de traballo e que reúnan a antigüidade mínima establecida no apartado a).

c) Traballadores que con contrato de interinidade substitúan algún dos traballadores mencionados no apartado anterior.

d) Traballadores de novo ingreso que por esixencias do cliente se incorporasen ó centro como consecuencia de ampliación de contrata, dentro dos catro últimos meses.

e) O persoal incorporado pola anterior titular a este centro de traballo dentro dos catro meses seguirá pertencendo á dita empresa e non se producirá a subrogación citada, salvo que se acredite a súa nova incorporación ó centro e á empresa.

Segundo. Tódolos supostos anteriormente contemplados deberanse acreditar fidedigna e documentalmente pola empresa saínte á entrante no prazo de tres días hábiles, mediante os documentos que se detallan ó final deste artigo.

O indicado prazo contarase desde o momento en que a empresa entrante comunique fidedignamente á saínte e á Asociación Provincial de Empresarios de Limpiezas de Edificios y Locales de Pontevedra se-la nova adxudicataria do servicio. De non cumprir este requisito a empresa entrante, automaticamente e sen máis formalidades, dará de alta no seu cadro

de persoal a todo o persoal que preste os seus servicios no centro de traballo.

En calquera caso, o contrato de traballo entre a empresa saínte e os traballadores só se extingue no momento en que se produza o dereito á adscrición del á nova adxudicataria.

Terceiro. A aplicación deste artigo será de obrigado cumprimento ás partes que vincula, empresa cesante, nova adxudicataria e traballadores.

Non desaparece o carácter vinculante deste artigo no caso de que a empresa adxudicataria do servicio suspendese este por un período inferior a dous meses; o dito persoal con tódolos seus dereitos adscribirase á nova empresa.

Documentos que ten que facilita-la empresa saínte á empresa entrante:

-Certificado do organismo competente de estar ó día no pagamento á Seguridade Social.

-Fotocopia das catro últimas nóminas mensuais dos traballadores afectados.

-Fotocopia dos TC1 e TC2 de cotizacións á Seguridade Social dos catro últimos meses.

-Relación de persoal na que se especifique nome e apelidos, domicilio, número de afiliación á Seguridade Social, antigüidade, xornada, horario, modalidade da súa contratación e data de desfrute das súas vacacións.

-Copia de documentos debidamente dilixenciados por cada traballador afectado no que se faga constar que este recibiu da empresa saínte a súa liquidación de partes proporcionais dos seus haberes ata o momento da subrogación, non quedando pendente cantidade ningunha. Este documento deberá estar en poder da nova adxudicataria na data de inicio do servicio como nova titular.

Artigo 19º.-Vacacións.

O persoal afectado por este convenio terá dereito ó desfrute dun mes natural de vacacións retribuídas, que se desfrutarán entre os meses de xullo a setembro, ambos inclusive.

As quendas de vacacións serán rotativas.

No suposto de estar en ILT no momento de inicia-las vacacións, o traballador terá dereito ó seu desfrute noutro momento, fóra do período vacacional.

Ademais terase dereito ó mesmo número de días de permiso, dos denominados moscosos, que desfruten as pinches do Sergas (grupo E) e que actualmente están establecidos na contía de 9 días anuais.

Para o desfrute destes días de permiso terase sempre en conta as necesidades do servicio.

Artigo 20º.-Dereitos sindicais.

En todo o relacionado con este tema haberase que ater ó disposto no Estatuto dos traballadores e na L.O.L.S., determinándose que cando un representante legal dos traballadores deba saír da empresa para exercer funcións de representación, deberao comunicar a esta como mínimo o día anterior, salvo situacións excepcionais que se deberán de xustificar. Como xustificante será válido o comprobante dos organismos oficiais ou da central sindical correspondente.

Os compoñentes do comité de empresa terán un crédito de 20 horas mensuais para o exercicio das súas funcións de representación.

As horas sindicais, en cómputo mensual, poderanse acumular nun ou máis membros do comité de empresa. Así mesmo establécese que calquera membro do comité de empresa ou delegado de persoal poderá ceder todas ou parte das súas horas sindicais en favor do responsable da sección sindical correspondente, logo de comunicación á empresa, sen que iso xere dereito ningún a horas sindicais para tales representantes.

Desconto en nómina da cota sindical.

A empresa, logo da correspondente petición por escrito do traballador, descontará da súa nómina a cota sindical, enviando o dito importe á central sindical á que estea afiliado o traballador.

Artigo 21º.-Asembleas.

Os traballadores afectados polo presente convenio disporán de 18 horas ó ano para celebrar asembleas, durante a xornada laboral, debendo comunicar á empresa a súa celebración cunha antelación de 48 horas, bardante de situacións excepcionais de conflicto ou folga, nas que abondará con avisar con 24 horas de antelación.

Artigo 22º.-Formación continuada do persoal.

A empresa impartirá dunha forma periódica, entre o seu persoal, cursos con miras ó perfeccionamento do servicio e, no que se necesite, á reciclaxe e información sobre novas técnicas e medidas de seguridade e hixiene no traballo.

Artigo 23º.-Comisión paritaria.

As partes asinantes do convenio son, en representación dos traballadores, os compoñentes do comité de empresa representantes do persoal de limpeza que presta os seus servicios no Hospital de O Meixoeiro de Vigo, así como os representantes das seccións sindicais de CC.OO. e CIG, respectivamente, e por outra banda representación legal da empresa Amalis, S.A.

En aplicación do establecido no artigo 85.2º e) do Estatuto dos traballadores, créase unha comisión paritaria do convenio como órgano mixto de interpretación, conciliación e arbitraxe, para entender de cantas cuestións le sexan atribuídas.

A dita comisión estará integrada por catro membros, dous representantes da empresa e dous representantes dos traballadores. Cada unha das partes poderán ser asistidas dos asesores que estimen convenientes, con dereito a voz pero sen voto.

As decisións deberanse tomar por maioría das representacións respectivas, é dicir, por dous representantes da empresa e dous dos traballadores. As decisións que non sexan aprobadas coas maiorías mencionadas carecerán de validez e por conseguinte, as partes, para solucionaren as discrepancias que puidesen existir, poderán acudir ós organismos administrativos ou xudiciais correspondentes.

Artigo 24º.-Mobilidade xeográfica.

A empresa respectará os traballadores adscritos ó centro de traballo Hospital de O Meixoeiro a súa permanencia no dito centro do que non poderán ser trasladados máis ca en virtude de acordo entre as partes,

por motivo de forza maior, ou por causas alleas á organización da empresa. Neste último suposto, en caso de desacordo entre as partes, ou desacordo no período de consultas a que se refire o artigo 40 do Estatuto dos traballadores, a diverxencia someterase á arbitraxe prevista no acordo interprofesional galego sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflictos de traballo (DOG do 4 de maio de 1995).

Artigo 25º.-Seguro de accidentes.

A empresa concertará un seguro de accidentes para os seus traballadores, que cubra o risco de falecemento ou invalidez permanente total, absoluta ou gran invalidez, por causa de accidente de traballo, coas seguintes contías:

-Falecemento: 1.000.000 de ptas.

-Invalidez: 1.000.000 de ptas.

Este artigo producirá efectos a partir do día 1-5-1996.

Artigo 26º.-Comité de seguridade e saúde.

De acordo co establecido na Lei de prevención de riscos laborais constituirase o comité de seguridade e saúde como órgano paritario para entender das cuestións correspondentes.

Cláusulas adicionales

Primeira.-As condicións pactadas no presente convenio colectivo forman un todo orgánico e indivisible para efectos da súa aplicación práctica deberán ser consideradas globalmente, evitando interpretacións parciais.

Segunda-En todo o non recollido no presente convenio colectivo haberase que ater ó disposto no Estatuto dos traballadores e demais lexislación laboral vixente, con exclusión expresa do convenio provincial de limpezas de edificios e locais de Pontevedra, así como de calquera outro convenio colectivo, agás o artigo 23 do vixente convenio colectivo provincial de limpezas de edificios e locais.

Táboa salarial (1-1-1996 ó 31-12-1996)

Salario base

Encargado 71.802 ptas./mes.

Responsable de equipo 71.802 ptas./mes.

Especialista 71.802 ptas./mes.

Peón especializado 71.802 ptas./mes.

Conductor-limpador 71.802 ptas./mes.

Limpador/a 71.802 ptas./mes.

Peón 71.802 ptas./mes.

Complemento de destino 30.714 ptas./mes.

Productividade fixa 11.746 ptas./mes.

P.R.D. 5.458 ptas./mes.

Segundo os anteriores conceptos, a distribución das retribucións en cómputo anual será a seguinte:

Salario base71.802 x 14 =1.005.228 ptas./ano
Compl. destino30.714 x 14 =429.996 ptas./ano
Prod. fixa11.746 x 12 =140.952 ptas./ano
P.R.D. 5.458 x 12 =65.496 ptas./ano

1.641.672 ptas./ano

-Antiguidade: (trienios que venzan a partir do 1-1-1995): 1.755 ptas./mes x 14 pagas.

-Plus festivo: (Compl. atención continuada modalidade B): 2.838 ptas./ festivo traballado.

-Nocturnidade: (Compl. atención continuada modalidade A): 37.575 ptas./mes x 12 pagas.

-P.R.D. por turnicidade (turno fixo): 2.588 ptas./mes x 12 pagas.

4643