Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 119 Martes, 18 de xuño de 1996 Páx. 5.993

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 1 de abril de 1996, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón a inscrición, rexistro e publicación no Diario Oficial de Galicia do convenio colectivo da empresa Cristalería Kameselle, S.A.

Visto o expediente do convenio colectivo para a empresa Cristalería Kameselle, S.A., que tivo entrada nesta delegación provincial da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais o día 27-3-1996, subscrito en representación da parte económica por unha representación da empresa, e da parte social, polo delegados de persoal, en data 3-1-1996. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais da provincia de Pontevedra,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, que consta nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación (SMAC).

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 1 de abril de 1996.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Convenio colectivo para a empresa Cristalería Kameselle, S.A.

Capítulo I

Condicións xerais

Artigo 1º.-Partes asinantes.

Son partes asinantes do presente convenio o delegado de persoal, en representación dos traballadores, e o director da empresa Cristalería Kameselle, S.A.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

O presente convenio regulará, desde a data da súa entrada en vigor, as relacións económicas e laborais entre a empresa Cristalería Kameselle, S.A. e os seus traballadores.

Artigo 3º.-Ámbito territorial.

Comprenderá tódolos centros de traballo da empresa na provincia de Pontevedra ou os que se establezan durante a vixencia do presente convenio.

Artigo 4º.-Ámbito persoal.

Afectará a todo o persoal administrativo, subalterno e obreiro que preste os seus servicios na empresa citada, coa única exclusión do persoal superior a que fai referencia o Estatuto dos traballadores no seu apartado C, artigo 1º.

Artigo 5º.-Vixencia e duración.

O presente convenio colectivo terá unha duración dun ano, contado desde o 10 de maio de 1995, e finalizarán os seus efectos o 9 de maio de 1996.

Entrará en vigor ós 15 días da súa sinatura, aínda que os efectos económicos da táboa salarial anexa e plus de transporte retrotraeranse ó 10 de maio de 1995.

Por consecuencia, as restantes cláusulas, incluído o artigo 15º sobre axudas de custo, serán de aplicación desde a entrada en vigor do convenio, isto é, a partir dos quince días da sinatura.

Entenderase prorrogado por períodos anuais, se non media denuncia das partes con tres meses, polo menos, ó termo da súa vixencia. A dita denuncia

deberase facer por escrito dirixido á outra parte afectada polo convenio.

Artigo 6º.-Condicións máis beneficiosas.

O persoal que con anterioridade ó convenio viñese desfrutando de condicións máis beneficiosas cás aquí pactadas deberaas conservar.

Artigo 7º.-Recibos de salarios.

A empresa fará constar no recibo de salarios o total de retribucións que percibirá o traballador.

Capítulo II

Condicións laborais

Artigo 8º.-Xeira laboral.

A xeira laboral será de 40 horas efectivas de traballo en cómputo semanal.

Artigo 9º.-Vacacións.

Os traballadores afectados polo presente convenio gozarán de 30 días naturais de vacacións.

Artigo 10º.-Pezas de roupa de traballo.

A empresa dotará o seu persoal das adecuadas pezas de roupa de traballo. O persoal recibirá dúas fundas por ano, ou peza de roupa similar. A primeira funda será entregada o primeiro de xaneiro de cada ano e a outra o primeiro de xullo, e será obrigatorio o seu uso para o persoal ó que se lle entreguen as ditas pezas de roupa de traballo.

Artigo 11º.-Retribucións.

O persoal afectado por este convenio, segundo as categorías, rexerase polas táboas salariais anexas.

Artigo 12º.-Antigüidade.

O persoal afectado por este convenio percibirá a contía dos premios de antigüidade, por esta orde: dous bienios do 5% cada un e sucesivos quinquenios do 10%, calculados todos eles sobre o salario mínimo interprofesional vixente en cada momento.

Artigo 13º.-Gratificacións extraordinarias.

O persoal afectado por este convenio colectivo percibirá as gratificacións extraordinarias correspondentes ós meses de xullo e decembro (Nadal), polo importe dunha mensualidade cada unha delas, calculadas sobre o salario que se fixa na táboa anexa correspondente, incrementadas cos premios de antigüidade.

Estas pagas serán aboadas cunha anterioridade de tres días á data que correspondan.

Artigo 14º.-Participación en beneficios.

En concepto de participación en beneficios, a empresa aboará ós seus traballadores unha paga extra anual, dunha contía que será o resultado de calcula-lo 8% dunha base integrada por unha mensualidade do salario mínimo interprofesional vixente o 31 de decembro de cada ano, máis a antigüidade correspondente, e multiplicado por doce meses.

A dita paga extra haberá de ser aboada ós traballadores durante o primeiro trimestre do ano seguinte.

Para estes efectos non se computará o tempo de baixa e absentismo laboral; en tal caso deducirase a parte de paga proporcional ó tempo non traballado.

Artigo 15º.-Axudas de custo.

O importe das axudas de custo será o seguinte:

-Axuda de custo completa, pasando a noite: 4.353 ptas.

-Axuda de custo completa, sen pasa-la noite: 2.487 ptas.

-Media axuda de custo: 1.368 ptas.

As cantidades fixadas polo concepto de axudas de custo serán de aplicación, segundo o disposto no artigo 5º, a partir dos quince días da sinatura do convenio.

Artigo 16º.-Plus de transporte.

Establécese un plus de transporte na contía de 366 ptas. por día efectivo de traballo.

O dito plus non terá a consideración de salario para ningún efecto, e non se computará por conseguinte no aboamento de gratificacións extraordinarias, vacacións, antigüidade, etc.

Artigo 17º.-Táboa de rendementos.

As partes acordan estudiar unha táboa de rendementos mínimos durante a vixencia do presente convenio, para implantala na empresa, e para tal efecto nomearase unha comisión para este asunto. Para iso os traballadores poderán ser asistidos por un técnico na materia para face-la dita táboa, que será elixido por eles.

Artigo 18º.-Festividade do padroeiro.

Acórdase considerar como festivo e aboable para tódolos efectos a tarde correspondente á festividade do padroeiro (San Miguel).

Artigo 19º.-Noiteboa e Ano Vello.

Os traballadores afectados por este convenio terán dereito a gozar de descanso nas tardes dos días 24 e 31 de decembro.

Artigo 20º.-Xubilación.

A empresa e traballadores poderán pactar, logo da existencia de común acordo por ámbalas partes, xubilacións anticipadas ós 64 anos, de conformidade co disposto no Real decreto 1194/1985, do 17 de xullo, debendo as empresas substituílos asemade ó seu cesamento por xubilación, por outros traballadores nas condicións previstas no citado real decreto.

Artigo 21º.-Comisión paritaria.

As partes acordan nomear unha comisión paritaria composta por unha representación dos traballadores e outra da empresa, cun número que se fixará no

seu momento, para a interpretación das cláusulas do convenio.

Artigo 22º.-Lexislación subsidiaria.

En todo aquilo que non quede determinado especialmente no presente convenio haberase que ater ó que dispón a ordenanza de traballo de construcción, vidro e cerámica, e no que nela non se regule ou preveña, serán de aplicación as normas establecidas na lexislación xeral.

Pontevedra, 3 de xaneiro de 1996.

Táboa salarial anexa

Vixencia do 10-5-1995 ó 9-5-1996

Categorías profesionaisSalario día

-Administrativos e subalternos

Oficial de 1ª3.212

Oficial de 2ª2.957

Auxiliares2.796

Traballadores en formación laboral:

De 18 anos1.965

De 16 e 17 anos1.449

Vixilantes2.567

-Persoal obreiro

Oficial de 1ª2.957

Oficial de 2ª2.796

Oficial de 3ª2.567

Peón especialista2.501

Peón ordinario2.430

Traballadores en formación laboral:

De 18 anos1.965

De 17 anos e 16 anos1.449

4539