Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 119 Martes, 18 de xuño de 1996 Páx. 5.978

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 29 de maio de 1996 pola que se convocan axudas para a asistencia a actividades de formación de profesionais do sector da saúde.

A Consellería de Sanidade e Servicios Sociais e o Servicio Galego de Saúde, co obxecto de que a nosa comunidade poida contar con profesionais cualificados nas distintas áreas que configuran o sector, convoca axudas económicas individuais para a formación de profesionais sanitarios.

Mediante a concesión das presentes axudas trátase de promover e impulsa-la formación continuada dos ditos profesionais e coadxuvar a unha mellora substancial no nivel de saúde da nosa Comunidade Autónoma a través da mellor competencia profesional nos distintos campos da asistencia sanitaria -atención primaria e especializada-, saúde pública, e administración e xestión de servicios de saúde.

Posto que a formación debe ser interactiva coas necesidades sanitarias, promoveranse especialmente as actividades que se consideran máis axeitadas en cada momento, e que neste caso se delimitan na propia orde.

Por todo isto, conforme o establecido no artigo 78 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario, e de acordo co artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, reformada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Convócanse axudas económicas para a asistencia a actividades de formación de profesionais do sector da saúde que se inicien ó longo do ano 1996 e se desenvolvan na Comunidade Autónoma de Galicia, no resto do Estado español ou ben no estranxeiro.

Artigo 2º

1. Concederáselles preferencia ás actividades formativas dos profesionais que traballen nos servicios ou áreas ás que se refire a aprendizaxe e que estean en relación coas seguintes materias:

-Administración, xestión sanitaria e saúde pública.

-Técnicas de cirurxía de ciclo rápido, cirurxía sen ingreso e/ou cirurxía laparoscópica.

-Control de calidade e formación de profesionais en áreas operativas dos programas de transplante que están funcionando na Comunidade Autónoma.

-Calidade asistencial e avaliación dos servicios de saúde.

-Ecografía e urxencias en atención primaria.

-Técnicas de xenética molecular.

-Planificación e programación de servicios.

-Codificación diagnóstica coa CIE 9 MC.

-Formación sobre agrupadores por casuística.

-Coordinación socio-sanitaria.

2. Quedan excluídos os proxectos de investigación, estudios de carácter regrado que levan á obtención dunha titulación recoñecida polo Ministerio de Educación e Ciencia -como licenciaturas, diplomaturas ou formación profesional-, traballos de campo, estudios relacionados coa realización de teses de doutoramento ou licenciatura.

Artigo 3º

Poderá solicitar estas axudas o persoal sanitario e outro persoal vinculado ó sector da saúde que presta os seus servicios na Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, no Servicio Galego de Saúde e en establecementos sanitarios públicos ou privados de asistencia concertada co Sergas.

Artigo 4º

1. As axudas concederanse para a realización de actividades cunha duración máxima dun ano, particular que deberá ser especificado polo candidato na solicitude. Se a duración da actividade se estendera ó ano 1997, unicamente poderá ser subvencionada no caso de que no ano 1996 se xerasen gastos para o solicitante por importe non inferior ó da contía da axuda, circunstancia que tamén deberá ser acreditada por este.

2. No caso de tratarse de actividades formativas de varios cursos ou períodos anuais a axuda solicitarase para o curso ou período actual, respectando as datas anteriormente indicadas.

3. As axudas só se concederán para unha actividade de formación determinada, e non poderá obterse máis dunha axuda na mesma convocatoria.

Artigo 5º

1. As solicitudes de axudas dirixiranse ó presidente do Servicio Galego de Saúde, conforme o modelo normalizado recollido no anexo, e presentaranse no rexistro da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, ou nos rexistros das delegacións desta e direccións provinciais do Sergas ou por calquera dos procedementos establecidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación será de dous meses contado desde o día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

2. Á solicitude individualizada para cada actividade engadiráselle a seguinte documentación:

a) Fotocopia cotexada do NIF.

b) Memoria explicativa da actividade formativa que se propón realizar, figurando de forma explícita a data de comezo así como a súa duración.

c) Certificación do director do centro de traballo onde se xustifique que o solicitante exerce actualmente nel.

d) Autorización do director do centro para a realización da actividade no caso de que esta sexa incompatible coa asistencia ó traballo.

e) Documento acreditativo da admisión para o desenvolvemento da actividade para a que se solicita axuda.

f) Orzamento xeral desagregado, con especial mención do importe dos gastos de matrícula, se é o caso, e desprazamento da actividade para a que solicita axuda.

g) Certificado bancario acreditativo de que o solicitante é o titular da conta a través da que se desexa percibi-la subvención e no que conste o código da entidade bancaria, da sucursal e da conta correspondente.

Artigo 6º

1. Correspóndelle ó presidente do Servicio Galego de Saúde a concesión das axudas, por proposta dunha comisión nomeada para tal fin polo titular deste departamento.

2. Para a concesión das axudas poderán valorarse ademais das preferencias establecidas no artigo 2 punto 1 os seguintes aspectos:

a) Experiencia do centro onde teña lugar a actividade que se vai realizar, así como sobre o seu contido.

b) Interese dos estudios de formación que se pretenden realizar para o sistema sanitario galego e a súa adecuación ás necesidades de formación existentes na materia solicitada.

c) Adecuación entre o posto desempeñado e o nivel de formación ou especialización do solicitante en relación coa actividade que vai realizar.

Artigo 7º

1. As solicitudes serán resoltas no prazo de 90 días naturais contados desde o vencemento do prazo de presentación das instancias, e publicarase a resolución correspondente, contra a que non caberá recurso en vía administrativa por esgotar esta, no taboleiro de anuncios da propia consellería, nos das súas delegacións provinciais e nos das direccións provinciais do Sergas. Se as solicitudes non se resolveran no prazo establecido entenderanse desestimadas.

2. Cada beneficiario deberá realizar un acto expreso de aceptación da axuda e das súas condicións dirixido á Secretaría Xeral do Servicio Galego de Saúde, no prazo máximo de 15 días naturais contados a partir do momento en que se publique a resolución.

Transcorrido ese prazo sen efectua-la aceptación entenderase que renuncia á axuda.

Artigo 8º

O importe global máximo das axudas que se concedan ó amparo da presente orde será de doce millóns de pesetas (12.000.000 de ptas.) con cargo á aplicación orzamentaria 5001.2591.480.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 1996, sen que o importe de cada axuda individual poida supera-la contía dun millón de pesetas.

Artigo 9º

1. O pagamento das axudas realizarase da forma seguinte:

-O oitenta por cento (80%) trala concesión da axuda.

-O vinte por cento (20%) restante unha vez xustificado por parte do beneficiario o cumprimento da finalidade e demais condicións para as que foi concedida.

2. Co obxecto de xustifica-lo destino total da axuda e como requisito para poder aboa-la última porcentaxe aludida (20%), o beneficiario da axuda deberá remitir á Secretaría Xeral do Servicio Galego de Saúde a documentación seguinte:

a) Documento que xustifique o pagamento da matrícula ou inscrición na actividade, se é o caso, e o importe do gasto realizado.

b) Certificación expedida pola entidade organizadora da asistencia ata a fin da actividade -de rematar esta no ano 1996- ou ata decembro de 1996 -se rematase no ano 1997-.

Artigo 10º

Os solicitantes que non resulten beneficiarios da axuda poderán solicitar dentro do prazo dun mes, contado a partir da publicación da resolución, a devolución da documentación presentada, mediante escrito dirixido á Secretaría Xeral do Servicio Galego de Saúde. No caso de non solicitaren a dita devolución no prazo indicado procederase á súa destrucción.

Artigo 11º

O incumprimento da finalidade da axuda ou das condicións ou obrigas que se estipulan nesta orde dará lugar á perda dela e á devolución do percibido cos seus xuros de demora.

Santiago de Compostela, 29 de maio de 1996.

José María Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais

3230