Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 116 Xoves, 13 de xuño de 1996 Páx. 5.829

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE SANIDADE E SERVICIOS SOCIAIS

ORDE do 15 de maio de 1996 pola que se convoca a décima edición dos Premios Xunta de Galicia de xornalismo sobre drogodependencias.

A Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, dentro da programación establecida no marco do Plan Autonómico sobre Drogodependencias, elaborou as bases do Programa de Prevención do Consumo de Drogas e o Documento Marco de Prevención en Drogodependencias. Nelas recollíase a necesidade de potenciar un xornalismo cun tratamento da problemática do consumo de drogas que incidise positivamente na súa prevención, tendo en conta a influencia da prensa, a radio e a TV na poboación, xa que modulan a percepción social que esta ten sobre a realidade na que vive a persoa. Sinalábase como fin último conseguir que cando un medio informe sobre algún aspecto relacionado coas drogas, o faga sen dramatizar nin alarmar, proporcionando unha información veraz sobre as dimensións da problemática das drogas e facendo especial fincapé no esclarecemento dos mitos e estereotipos creados.

Como unha das accións comprendidas na área da prevención, e cos obxectivos antes sinalados, a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais decidíu crea-los Premios Xunta de Galicia de xornalismo sobre drogodependencias de acordo co documento das bases do Programa de Prevención do Consumo de Drogas e o documento marco antes sinalados e aprobados no seu día pola Comisión Galega de Prevención e Loita contra a Drogodependencia.

Trala novena edición dos premios, a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais estima conveniente convocalos de novo para mante-la dita liña de actuación.

En consecuencia, en uso das facultades que me confiren os artigos 34.6º e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, reformada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo único

A Consellería de Sanidade e Servicios Sociais convoca a décima edición dos Premios Xunta de Galicia de xornalismo sobre drogodependencias nas modalidades de prensa escrita, radio e televisión, de acordo coas seguintes

Bases:

Primeira: o tema será libre e versará sobre a problemática do consumo de drogas e a drogodependencia. Teñen preferencia os traballos referidos a Galicia.

Segunda: poderán optar a estes premios tódolos profesionais dos medios de comunicación de España nas modalidades de prensa, radio ou televisión.

Terceira: os orixinais que se presenten a concurso deberán utiliza-lo galego normativizado ou o castelán.

Cuarta: os traballos terán que ser publicados ou emitidos desde o 15 de outubro de 1995 ata o día 16 de outubro de 1996 ámbolos dous inclusive, e terán como data tope de entrada no rexistro da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais o 31 de outubro do presente ano.

Quinta: os traballos enviaranse en sobre cerrado ó rexistro da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais co seguinte enderezo: Premios Xunta de Galicia de xornalismo sobre drogodependencias. Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, Oficina do Comisionado do Plan Autonómico sobre Drogodependencias, Edif. administrativo San Caetano, bloque 2-2º, Santiago de Compostela. No sobre no

que se inclúe o traballo figurará un lema ou pseudónimo e noutro sobre, tamén pechado, figurará no exterior o mesmo lema ou pseudónimo e no seu interior conterá o/os nome/s do/s autor/es así como o medio no que foi publicado ou emitido.

Sexta: no caso de prensa escrita remitiranse tres orixinais do xornal ou revista completos. No caso da radio, enviaranse tres cintas de casete coa correspondente certificación do director da emisora, onde constará a data e a hora da emisión. No caso de televisión, enviaranse tres copias en sistema VHS coa correspondente certificación do director da emisora, onde constará a data e a hora da emisión.

Setima: a contía do primeiro premio para calquera das modalidades descritas será de 400.000 ptas. e placa acreditativa.

A contía do segundo premio para calquera das modalidades descritas será de 300.000 ptas. e placa acreditativa.

A contía do terceiro premio para calquera das modalidades descritas será de 200.000 ptas. e placa acreditativa.

Estes premios irán con cargo á aplicación orzamentaria 11.01.313A.640.1 existindo crédito orzamentario suficiente.

Oitava: os premios poderán ser declarados desertos nunha ou en tódalas súas modalidades.

Novena: o xurado estará integrado por:

Presidente: o conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais.

Vicepresidente: o comisionado do Plan Autonómico sobre Drogodependencias.

Vocais:

-Un representante da Delegación do Goberno para o Plan Nacional sobre Drogas.

-O xefe do Gabinete do conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais.

-O xefe do Gabinete de Prensa da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

-O xefe do Servicio de Saúde Mental e Programas Especiais do Servicio Galego de Saúde.

Secretario: un técnico da Oficina do Comisionado do Plan Autonómico sobre Drogodependencias.

A decisión do xurado será inapelable.

Décima: a Consellería de Sanidade e Servicios Sociais reserva para si o dereito de publicar tanto os traballos premiados coma os non premiados.

Undécima: a presentación dos traballos supón a plena aceptación de tódalas bases desta convocatoria.

Santiago de Compostela, 15 de maio de 1996.

José María Hernández Cochón

Conselleiro de Sanidade e Servicios Sociais

3223