Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 116 Xoves, 13 de xuño de 1996 Páx. 5.804

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 22 de maio de 1996 pola que se anuncian subvencións a empresas privadas para a mellora da infraestructura hoteleira.

No eido do turismo faise cada día máis patente a necesidade de adapta-las empresas de servicios turísticos ás esixencias de maior calidade que se observa demandan os mercados. Os establecementos de aloxamento, como oferentes de servicios, inciden directamente na configuración e calidade do producto turístico galego, xa que se atopan plenamente inmersos na súa xestión e comercialización.

Un dos factores máis importantes que motivan un axeitado desenvolvemento das empresas hoteleiras é, sen dúbida, a súa calidade de servicios e a prestancia das súas instalacións. Neste sentido cabe dicir que, nos últimos anos o sector hoteleiro galego experimentou un considerable aumento na súa oferta de prazas como consecuencia da posta en funcionamento de novos establecementos; sen embargo é notorio que outros, que veñen desenvolvendo a súa actividade desde xa hai algún tempo, precisan moderniza-las súas instalacións para conseguir unha calidade óptima na oferta destes servicios nesta Comunidade Autónoma. Por todo isto, no pasado exercicio económico, a Secretaría Xeral para o Turismo, dentro das súas liñas de obxectivos, articulou unha serie de medidas de fomento destinadas á mellora dos sinalados establecementos hoteleiros e, como queira que tal medida acadou basicamente os obxectivos inicialmente previstos pero existindo aínda necesidades de mellora dos establecementos no sector

hoteleiro, faise preciso articular no presente exercicio unhas novas medidas de fomento, na liña das do pasado exercicio orzamentario.

En consecuencia e con cargo ós creditos orzamentarios da Secretaría Xeral para o Turismo que foron aprobados para esta finalidade polo Parlamento de Galicia e, seguindo os criterios básicos sobre o réxime de incentivos ó investimento productivo de Galicia sinalados no Decreto 309/1995, do 23 de novembro, sobre incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial da Comunidade Autónoma de Galicia, convócanse unha serie de axudas destinadas á mellora da infraestructura hoteleira e polo tanto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Destinanatarios.

A Secretaría Xeral para o Turismo poderá conceder subvencións con cargo á aplicación

04.05.651-A.772.0 dos seus créditos orzamentarios para 1996, ás persoas físicas e xurídicas titulares de establecementos hoteleiros, en calquera das formas de posesión que determina o Código civil, sempre e cando desenvolvan a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia.

As ditas concesións estarán limitadas polos créditos dispoñibles para este fin.

Artigo 2º.-Obxecto.

Poderán ser obxecto de subvención, de conformidade co que se establece nesta orde, as accións encamiñadas á modernización das instalacións existentes nos establecementos hoteleiros que estean clasificados dentro dos grupos de hoteis ou de hostais. Abarca esta modernización tanto a remodelación como a substitución de equipamentos obsoletos.

Artigo 3º.-Condicións particulares.

1. Os proxectos obxecto de solicitude de subvención terán que cumpri-los requisitos esixidos pola normativa turística vixente.

2. Os establecementos que se subvencionen terán que estar inscritos no Rexistro de Empresas e Actividades Turísticas desde a creación deste e, así mesmo, deberán acreditar que posúen autorización da Administración turística para exerce-la súa actividade con anterioridade ó 31 de decembro de 1984. Esta data, poderase substituír, logo de autorización do secretario xeral para o Turismo, visto o preceptivo informe da correspondente inspección de Turismo, pola do 31 de decembro de 1986 naqueles casos nos que o establecemento que se pretenda modernizar teña unhas carencias notorias nas súas instalacións.

3. Os proxectos que se subvencionen terán que comezarse durante o ano 1996 e estar rematados con tempo dabondo para xustifica-lo investimento subvencionado dentro dos prazos establecidos nesta orde.

4. Se é o caso, os proxectos que se subvencionen terán que cumpri-lo disposto no Decreto 286/1992, do 8 de outubro (DOG do 21-10-1992), sobre accesibilidade e eliminación de barreiras.

5. Os proxectos que se presenten na procura de subvención serán globais, é dicir, estarán contidos nunha única solicitude.

6. Non serán subvencionables os establecementos que desenvolvan a súa actividade por tempada.

7. O investimento mínimo subvencionable non poderá ser inferior a cinco millóns de pesetas para os hoteis e a dous millóns de pesetas para os hostais.

Artigo 4º.-Contía das subvencións.

Os proxectos que se establecen nesta orde como accións subvencionables poderán acadar unha axuda económica máxima de ata o 30% sobre o investimemto subvencionable e non forma parte del nin

a adquisición de terreos nin os honorarios de técnicos así como tampouco ningún tipo de taxa ou imposto.

En todo caso a contía máxima da subvención para os hostais será de dous millóns de pesetas máis cincocentas mil pesetas por estrela, e para os hoteis de tres millóns de pesetas máis un millón por estrela.

Artigo 5º.-Solicitudes e documentacións.

1. As solicitudes, dirixidas ó secretario xeral para o Turismo, e maila documentación que a seguir se especifica presentarase, por duplicado exemplar, no Servicio Provincial de Turismo correspondente á localización do investimento, en calquera das formas previstas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

a) Solicitude segundo o modelo do anexo I.

b) Declaración segundo o modelo do anexo II.

c) Fotocopia compulsada do DNI e do NIF do solicitante ou do CIF segundo corresponda, mailo documento acreditativo de pagamento do IAE do ano 1995.

d) Certificación bancaria da conta onde se aboará a subvención, se é o caso.

1º. Proxecto, asinado por técnico facultado, cando o investimento se refira á realización de obras. Así mesmo será preceptivo achegar proxecto, coas condicións sinaladas neste parágrafo, cando o investimento proxectado se refira a instalacións do establecemento que se atopen vinculadas coa súa seguridade ou a dos seus usuarios.

2º. Memoria explicativa, asinada por técnico facultado, cando o investimento se refira á adquisición de equipamento ou a execución dun proxecto de decoración.

En todo caso deberase de achegar, tanto sexa coa memoria como co proxecto, orzamento pormenorizado, por conceptos do investimento proxectado así como planos a escala 1:50, se o investimento afectase á distribución ou uso das instalacións existentes.

f) Licencia urbanística, se fose o caso, que posibilite a execución do investimento para o que se solicita subvención. No caso de carecer dela no momento de face-la solicitude de subvención, será dabondo a presentación dun informe urbanístico emitido polo concello no que se indique que o proxecto para o que se solicita subvención e conforme coa legalidade urbanística vixente no municipio ou se é o caso, que o investimento non precisa a sinalada licencia urbanística.

2. Os interesados, a requirimento do correspondente Servicio Provincial de Turismo, emendarán os defectos dos expedientes de solicitude de sub

vención que o precisen, segundo o sinalado no artigo 71.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, procedéndose ó arquivo, sen máis trámite, daqueles que non se presentasen en tempo e forma.

3. As compulsas da documentación que se require nesta orde faranse nos correspondentes servicios provinciais de Turismo.

Artigo 6º.-Selección das solicitudes de resolucións.

Os xefes dos servicios provinciais de Turismo expedirán un certificado por cada solicitude no que se fará consta-lo número de estrelas do establecemento obxecto do expediente así como o grupo no que se encadra e se desenvolve ou non a súa actividade por tempada. Na dita certificación tamén se fará constar se a solicitude cumpre ou non os requisitos determinados na convocatoria e se o proxecto para o que se solicita subvención se axusta ós requisitos esixidos na normativa turística vixente. Esta certificación unirase ó expediente.

As solicitudes, logo de emitido o certificado anterior, serán estudiadas en cada provincia por unha comisión provincial de valoración constituída, cada unha delas, polo titular da Subdirección Xeral de Xestión do Turismo, que a presidirá, actuando como vocais o xefe do servicio provincial de Turismo correspondente, os xefes dos servicios de contratación e supervisión, de ordenación e inspección e de fomento e promoción da Secretaría Xeral para o Turismo así como un representante da delegación provincial da Consellería da Presidencia e Administración Pública respectiva. Exercerá as funcións de secretario da comisión o xefe do servicio provincial de Turismo correspondente.

1. Para a valoración das solicitudes teranse en conta os seguintes criterios:

-O aumento de categoría, segundo a normativa turística, que a realización do proxecto supón para o establecemento.

-A oferta de servicios existente no establecemento maila proxectada.

-O mantemento e xeración de postos de traballo.

-O estado actual das instalacións obxecto de modernización.

-A localización do establecemento atendendo á demanda turística na súa zona de influencia.

2. Cada comisión provincial de valoración, á vista dos expedientes e dos certificados expedidos polos servicios provinciais, analizará e cualificará os proxectos, e redactará a correspondente acta, que se remitirá á comisión de selección de proxectos.

3. A comisión de selección de proxectos constituída polo titular da Subdirección Xeral de Xestión do Turismo, que a presidirá, actuando como vocais os xefes dos servicios de contratación e supervisión

e de fomento e promoción da Secretaría Xeral para o Turismo, á vista da análise feita e da cualificación dada ás solicitudes polas respectivas comisións provinciais de valoración e tendo en conta as disposicións orzamentarias, elevaralle ó respectivo delegados provincial da Consellería da Presidencia e Administración Pública proposta de concesión ou denegación de subvención. Exercerá as funcións de secretario da comisión o xefe do servicio de fomento e promoción da Secretaría Xeral para o Turismo.

4. O correspondente delegado provincial da Consellería da Presidencia Administración Pública, no exercicio das competencias que lle atribúe o Decreto 88/1990, do 15 de febreiro, sobre desconcentración de competencias para a concesión de axudas e subvencións nos delegados provinciais ou territoriais da Xunta de Galicia, vista a proposta elevada pola comisión de selección de proxectos, dictarán, logo de fiscalización, as correspondentes resolucións de concesión de subvencións. Así mesmo, o antedito órgano, tamén dictará as resolucións de denegación.

5. De conformidade co establecido no Decreto 264/1994, do 29 de xullo, entenderanse desestimadas as solicitudes sobre as que non recaese resolución expresa no prazo de seis meses contados desde a data do rexistro de entrada da solicitude.

Artigo 7º.-Aceptación e renuncia das subvencións.

1. Unha vez recibidas as notificacións de concesión de subvención polos beneficiarios, estes, no prazo de quince días, comunicarán ó Servicio Provincial de Turismo correspondente a aceptación ou renuncia a elas. Se, transcorridos os quince días, non se fisexe manifestación en ningún sentido, tal feito entenderase como renuncia á subvención e procederase, sen máis trámite, ó arquivo do expediente.

2. Se por calquera motivo, e durante o exercicio económico, houbese máis crédito orzamentario para a concesión de subvencións obxecto desta orde, o correspondente delegado provincial da Consellería da Presidencia e Administración Pública, vista a proposta que formule a comisión de selección de proxectos poderá conceder subvencións ós expedientes que non a recibisen e teñan cualificación dabondo, segundo os acordos das correspondentes comisións provinciais de valoración.

Artigo 8º.-Xustificación e pagamento das subvencións.

1. Os beneficiarios de subvencións, unha vez executados os investimentos deberán xustificalos o antes posible, nunca con posterioridade ó 30 de novembro de 1996, data límite para a presentación da xustificación.

2. O proxecto xustificado deberá coincidir co aceptado na resolución de concesión da subvención, se o investimento xustificado fose menor e sempre mantendo os fins para os que se concedeu a subvención, esta reducirase proporcionalmente ó investimento non xustificado.

3. Para percibi-la subvención os beneficiarios achegarán ó Servicio Provincial de Turismo correspondente, por triplicado exemplar, a seguinte documentación:

3.1. Solicitude de cobramento, dirixida ó secretario xeral para o Turismo, segundo o modelo do anexo III.

3.2. Certificación por conceptos e de fin de obra visadas polo correspondente colexio oficial e asinadas polo técnico director no caso de que o investimento subvencionable se referise á realización de obras e/ou instalacións.

Cando o investimento subvencionable fose relativo á adquisición de equipamento ou á execución dun proxecto de decoración, deberase remitir ou ben a documentación que se sinala no parágrafo anterior ou, no seu defecto, facturas orixinais, ou copia compulsada delas, relativas ó investimento executado; nas facturas deberá ser especificado, en cada unha delas, polo beneficiario a que concepto do investimento que serviu de base á concesión da subvención corresponde.

3.3. Licencia urbanística que posibilitase a execución do investimento subvencionado, no caso de que se precisase e non se achegase coa solicitude de subvención.

3.4. Certificados de estar ó día nas obrigas tributarias coas facendas do Estado e a da Comunidade Autónoma e de estar ó día nas obrigas coa Seguridade Social e ó día no pagamento do imposto de actividades económicas correspondente ó ano 1996 aínda que, de non estar ó cobramento o do sinalado ano, circunstancia que se xustificará mediante certificación municicipal, admitirase como válido o correspondente ó de 1995, que non se deberá de aportar ó terse xa presentado coa solicitude.

4. Para o non previsto anteriormente aplicarase o disposto nesta materia na Lei da presupostos xerais da Comunidade Autónoma para 1996 e artigos 78 e 79 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia.

Disposición derradeira

Facúltase o secretario xeral para o Turismo para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións oportunas para o desenvolvemento desta orde.

Santiago de Compostela, 22 de maio de 1996.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

96-4262