Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 115 Mércores, 12 de xuño de 1996 Páx. 5.740

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 11 de abril de 1996, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se ratifican os estatutos da Federación Galega de Halterofilia.

Vistos os estatutos da Federación Galega de Halterofilia e a acta de aprobación da súa asemblea xeral extraordinaria do 3-12-1995.

Visto o informe da sección de Rexistro de Clubs e Asuntos Xurídicos, a Orde do 28 de xullo de 1995, de desenvolvemento do Decreto 228/1994, do 14 de xullo, regulador das federacións deportivas galegas, a Lei 10/1990, xeral do deporte e demais normativa aplicable,

RESOLVO:

Ratificar con efectos desde a aprobación da súa asemblea os estatutos aprobados de conformidade co artigo 8 da Orde do 28 de xullo de 1995 e autoriza-la publicación dos estatutos no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de abril de 1996.

Eduardo Lamas Sánchez

Secretario para o Deporte

Estatutos da Federación Galega de Halterofilia

Título I

Disposicións xerais

Capítulo I

Denominación, obxecto e domicilio

Artigo 1º.-Denominación e natureza xurídica.

A Federación Galega de Halterofilia é unha entidade asociativa privada con personalidade xurídica

propia e independente dos seus asociados, declarada por lei de utilidade pública, estendendo o seu ámbito de actuación ó conxunto do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, e que se rexe polo disposto no Decreto 228/1994, do 14 de xullo, regulador das federacións deportivas galegas, a Orde do 28 de xullo de 1995 pola que se desenvolve o decreto anterior, en defecto de normas propias pola das súas homónimas federacións españolas e, en todo caso, resultará de aplicación supletoria o dereito estatal, ademais dos presentes estatutos e os regulamentos que os desenvolvan.

Ó formar parte do obxecto da Federación Galega de Halterofilia a organización e promoción da halterofilia como deporte olímpico, atópase afiliada á Federación Española de Halterofilia e acata, dentro do respecto ó ordenamento xurídico español, as regras que rexen o Comité Olímpico Internacional e o Comité Olímpico Español, e os acordos destes.

Artigo 2º.-Domicilio.

A Federación Galega de Halterofilia ten o seu domicilio no complexo deportivo de Elviña (2ª fase Elviña, s/n) da Coruña.

A asemblea xeral poderá acorda-lo traslado de domicilio dentro do ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 3º.-Obxecto e funcións.

1. A Federación Galega de Halterofilia ten por obxecto a defensa e promoción da halterofilia.

2. Para a realización do seu obxecto, a Federación Galega de Halterofilia ten como competencia exclusiva as seguintes funcións:

a) Cualificar e organiza-las actividades e competicións oficiais dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Elaboración dos programas de promoción xeral da halterofilia no ámbito da Comunidade Autónoma.

c) Colaborar coas administracións públicas na formación dos técnicos deportivos, e na prevención, control e represión do uso das substancias prohibidas e da violencia no deporte.

d) Organizar e dirixir en exclusiva as competicións de carácter oficial que se celebren dentro do seu ámbito territorial, de acordo coas normas e regulamentos autonómicos, nacionais e internacionais que lle sexan de aplicación. Expedirán para estes efectos as correspondentes licencias deportivas.

e) A representación de Galicia nas actividades e competicións deportivas de carácter estatal, organizando as seleccións autonómicas.

f) Exerce-lo control das subvencións oficiais que se asignen ás asociacións ou entidades deportivas

nas condicións que regulamentariamente se establezan.

g) Exerce-la potestade disciplinaria deportiva, nos termos establecidos na normativa, sobre todas aquelas persoas ou entidades que, atopándose federadas, desenvolvan a modalidade deportiva correspondente no ámbito territorial da Comunidade Autónoma.

h) Executar, se é o caso, as resolucións do Comité Galego de Disciplina Deportiva.

Capítulo II

Requisitos de integración. Dereitos e deberes.

Artigo 4º.-Estamentos integrados.

A Federación Galega de Halterofilia está integrada polos clubs, deportistas, técnicos, xuíces e árbitros, e outros colectivos interesados que promovan, practiquen ou contribúan ó desenvolvemento da halterofilia.

Artigo 5º.-Dos clubs.

1. Tódolos clubs que se queiran adscribir á Federación Galega de Halterofilia deberán estar inscritos no Rexistro de Clubs, Federacións e Entidades Deportivas, dependente da Secretaría Xeral para o Deporte. Para a súa adscrición deberán presentar certificado de inscrición no dito rexistro e copia dos seus estatutos debidamente compulsados.

2. Para ser titular dos dereitos que como tal lle corresponda no seo da federación, o club debe satisfacer a cota de afiliación que se acorde na asemblea xeral da federación.

Artigo 6.-Da licencia deportiva.

1. Para a participación en actividades e competicións de carácter oficial, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, deberase obter unha licencia persoal que expedirá a propia Federación Galega de Halterofilia.

2. A federación expedirá as licencias solicitadas nun prazo de 15 días desde a súa solicitude, unha vez verificado o cumprimento dos requisitos deportivos establecidos para a súa expedición nos seus estatutos ou regulamentos.

A non expedición inxustificada das licencias no prazo sinalado comportará para a federación a correspondente responsabilidade disciplinaria conforme o previsto no ordeamento xurídico deportivo.

3. As licencias incluirán un seguro obrigatorio que garanta o dereito á asistencia sanitaria do titular, sendo as cotas fixadas pola asemblea xeral.

Artigo 7º.-Dereitos e obrigas dos afiliados.

1. Todo integrante da Federación Galega de Halterofilia ten os dereitos seguintes:

a) Formar parte dos diversos órganos e comités federativos.

b) Participar nas actividades e competicións que organice esta federación.

c) Elevar cantas consultas e reclamacións considere oportuno.

2. Son obrigas destes:

a) Aboar cumpridamente as cotas e dereitos federativos.

b) Acatar e cumprir dilixentemente os acordos e decisións dos órganos federativos.

c) Representar a esta federación cando sexa requirida para iso, incluíndo as sesións de concentración e preparación que establezan os responsables federativos.

Título II

Estructura orgánica

Capítulo I

Os órganos de goberno e complementarios

Artigo 8º.-Órganos.

Os órganos de goberno e representación da Federación Galega de Halterofilia son a asemblea xeral e o presidente. No seo da asemblea xeral deberase constituír unha comisión delegada, de asistencia a esta. A máis son órganos complementarios: a xunta directiva, o secretario e o tesoureiro.

Capítulo II

A asemblea xeral

Artigo 9º.-A asemblea xeral.

1. A asemblea xeral é o órgano superior da Federación Galega de Halterofilia no que estarán representados tódolos estamentos integrantes desta, está composta por un número de membros que será determinado regulamentariamente no momento de convocatoria de eleccións a membros da dita asemblea. A distribución por estamentos dos membros é a seguinte:

-Asociacións deportivas: 70%.

-Deportistas: 20%.

-Xuíces-árbitros: 5%.

-Adestradores: 5%.

2. Os membros da asemblea xeral serán elixidos cada catro anos coincidindo cos anos nos que se celebren os Xogos Olímpicos de inverno por sufraxio libre e secreto, igual e directo, entre e polos compoñentes de cada estamento integrado na federación.

Así, terán a consideración de electores e elixibles os deportistas, maiores de idade e en pleno exercicio dos seus dereitos civís, que teñan licencia en vigor, expedida ata o momento da convocatoria das eleccións, e a tiveran durante o ano anterior, sempre que participasen en competicións ou actividades oficiais de halterofilia; os clubs deportivos inscritos na Federación Galega de Halterofilia os técnicos

con titulación oficialmente recoñecida, xuíces e árbitros, e outros colectivos interesados, nas mesmas circunstancias cás sinaladas para os deportistas.

3. A asemblea xeral reunirase unha vez ó ano con carácter ordinario para o exercicio das súas funcións e competencias, necesariamente antes de comeza-la nova temporada deportiva e, como mínimo, para a aprobación do novo orzamento e liquidación do anterior, e das bases e regulamentos que rexerán a competición, e para a aprobación da memoria de actividades anuais. Ademais poderase reunir con carácter extraordinario cando sexa convocada polo presidente ou a proposta dun número de membros da asemblea non inferior ó 25%.

Presentada a solicitude de convocatoria por un número de membros suficiente, o presidente deberá convocala necesariamente no prazo de 10 días naturais. Desde a convocatoria ata a data de celebración non poderán transcorrer máis de 20 días naturais.

A convocatoria, que deberá conte-la orde do día da reunión, farase pública no taboleiro de anuncios da federación e nas delegacións territoriais con 10 días de antelación á data de celebración. En todo caso notificaráselle individualmente a cada un dos membros da asemblea, por calquera medio que permita ter constancia da data de recepción desta, cunha antelación mínima de 48 horas.

4. O voto será persoal. Non se admitirá a delegación de voto salvo o correspondente ós clubs deportivos, que poderá exercelo o seu presidente ou a persoa na que delegue, sempre que non sexa membro da asemblea da federación, de acordo cos seus propios estatutos, con carácter expreso e escrito para cada reunión. Ninguén poderá ostentar máis dunha delegación de voto.

5. A asemblea xeral poderase reunir en pleno ou en comisión delegada.

Artigo 10º.-Competencia da asemblea xeral.

Correspóndelle á asemblea xeral en reunión plenaria:

a) A aprobación do orzamento anual e a súa liquidación.

b) A aprobación do calendario deportivo e das bases e regulamentos que rexerán a competición.

c) A aprobación dos regulamentos.

d) A aprobación e modificación dos estatutos.

e) A elección e cese do presidente.

f) Establece-las liñas xerais de actuación, para a promoción e defensa da halterofilia no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 11º.-A comisión delegada da asemblea xeral.

1. A comisión delegada da asemblea xeral estará integrada polo presidente da federación, e un núme

ro de membros non inferior a 5 nin superior a 15, que representen o 15 % dos membros da asemblea xeral, elixidos por ésta cada catro anos mediante sufraxio, podéndose cubrir anualmente as vacantes que se produzan co seguinte candidato máis votado.

2. A comisión delegada reunirase, como mínimo, unha vez cada catro meses a proposta do presidente, e o seu mandato coincidirá co da asemblea xeral, correspondéndolle as seguintes funcións:

a) A elaboración dun informe previo á aprobación dos orzamentos.

b) A modificación do calendario deportivo.

c) A modificación dos orzamentos e dos regulamentos.

d) O seguimento da xestión deportiva e económica da federación mediante a elaboración dun informe anual á asemblea xeral sobre a memoria de actividades e a liquidación do orzamento.

3. Respecto das modificacións ás que se refiren os puntos anteriores b) e c), estas non poderán excede-los límites e criterios que a propia asemblea xeral estableza, entendéndose en todo caso como competencias delegadas daquela, correspondéndolle de forma exclusiva ó presidente ou a dúas terceiras partes dos membros da comisión delegada a proposta dos temas que se van tratar na comisión.

Capítulo III

O presidente da federación.

Artigo 12º.-O presidente, as súas funcións.

O presidente da Federación Galega de Halterofilia é o órgano executivo desta, ostenta a súa representación legal, convoca e preside a asemblea xeral, a comisión delegada e a xunta directiva, conta con voto de calidade para o caso de empate na adopción de acordos dos ditos órganos e ten a responsabilidade de executar e levar a cabo os acordos destes.

Artigo 13º.-Elección.

1. O presidente da Federación Galega de Halterofilia será elixido cada catro anos para mandatos de igual duración coincidindo cos anos dos Xogos Olímpicos de inverno, mediante sufraxio libre, directo, igual e secreto polos membros da asemblea xeral.

2. Os candidatos ó cargo de presidente, que poderán non ser membros da asemblea xeral, deberán ser presentados por, polo menos, o 10 % dos membros da asemblea e a elección producirase por un sistema de dobre volta; no caso de que nunha primeira ningún candidato alcance a maioría absoluta dos votos emitidos, resultará elixido quen obteña a maioría dos votos nunha segunda volta, entre os candidatos máis votados.

Artigo 14º.-A moción de censura.

Á asemblea xeral correspóndelle resolver, mediante votación dos seus membros, as mocións

de censura que se poidan presentar contra o presidente.

A lexitimación para presenta-la moción de censura correspóndelle a un 25 % dos membros da asemblea xeral.

A moción de censura será presentada mediante escrito no que se acredite suficientemente a lexitimación dos que a promoveran; os motivos, causas e razóns en que se basee; a designación do candidato alternativo ó cargo de presidente proposto polos promotores da moción; e a aceptación expresa do candidato alternativo da súa condición de tal.

Desde que teña entrada na federación o escrito no que se interpoña a moción de censura, o presidente da federación deberá convocar con carácter extraordinario a asemblea xeral para que se reúna nos 15 días seguintes, logo de convocatoria dos seus membros cunha antelación mínima de 72 horas, e resolva a moción, que só poderá ser aprobada por votación favorable da metade máis un dos membros integrantes da asemblea xeral.

Non se poderá presentar nin se admitirá a trámite unha moción de censura ata que transcorresen polo menos 6 meses desde a data de presentación dunha moción de censura anterior que non prosperase.

Artigo 15º.-Dedicación, incompatibilidades e inelixibilidade.

1. O presidente desempeñará o seu cargo coa dedicación necesaria para o desempeño das súas funcións, sen que en ningún caso poida dar lugar á paralización administrativa da federación nin a omiti-las reunións dos órganos de goberno e representación esixidas polas disposicións legais e estes estatutos.

2. O cargo de presidente é incompatible co desempeño de cargos directivos ou técnicos en asociacións ou clubs deportivos dedicados á halterofilia, e coa obtención de proveito material persoal, derivado de determinada actividade económica, comercial, industrial ou profesional, relacionada con este deporte.

3. Para poder ser candidato a presidente, ou membro da súa xunta directiva terá que reunir as seguintes condicións:

a) Te-la condición política de galego segundo o disposto no artigo 3 da Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, do Estatuto de autonomía para Galicia.

b) Ser maior de idade.

c) Estar en pleno uso dos dereitos civís.

d) Non estar incurso en ningunha sanción deportiva que o inhabilite.

Artigo 16º.-Remuneración.

O cargo de presidente da Federación Galega de Halterofilia poderá ser remunerado sempre que a asemblea xeral adopte tal acordo, así como o de

fixa-la contía da remuneración, por maioría absoluta.

A remuneración do presidente, da cal o importe bruto incluídos os gastos sociais legalmente establecidos non poderá ser satisfeito con cargo ás subvencións públicas que reciba a federación, concluirá co fin do mandato sen que se poida estender máis alá da duración deste, e deberá constar de maneira diferenciada no orzamento.

Capítulo IV

A xunta directiva

Artigo 17º.-Natureza, composición e funcións.

1. A xunta directiva da Federación Galega de Halterofilia é o órgano colexiado de xestión da mesma, sendo os seus membros designados e destituídos libremente polo presidente da federación, que presidirá as súas reunións e terá voto de calidade nas votacións en caso de empate.

2. A xunta directiva da Federación Galega de Halterofilia estará constituída por un número de membros, non inferior a 5 nin superior a 15, e da que formará parte tamén o secretario, estando sometidos tódolos seus membros ó mesmo réxime de incompatibilidades que o presidente.

No suposto de que se estableza algunha compensación económica para algún membro da xunta directiva, terá que cumpri-los mesmos requisitos establecidos no caso do presidente.

3. Para cumprir coa súa función xestora, a xunta directiva ten as seguintes competencias:

a) Asisti-lo presidente na dirección deportiva, administrativa e económico-contable da federación.

b) Convocar eleccións á asemblea xeral e á presidencia.

c) Propor acordos á asemblea xeral e á comisión delegada.

d) Conceder honores e recompensas.

Artigo 18º.-Convocatoria, funcionamento e adopción de acordos.

A xunta directiva reunirase unha vez ó mes. A convocatoria será realizada polo presidente cunha antelación mínima de tres días e, cando houbese asuntos urxentes que tratar, coa antelación posible para que tódolos seus membros poidan ter coñecemento da reunión.

Os acordos serán adoptados por maioría simple dos presentes.

Capítulo V

O secretario

Artigo 19º.-Nomeamento e funcións.

O presidente da Federación Galega de Halterofilia poderá nomear un secretario que exercerá as funcións de fedatario e asesor, e máis especificamente:

-Dirixi-la administración, o réxime de persoal e a correspondencia da federación.

-Levantar acta das sesións dos órganos colexiados da federación (asemblea xeral, comisión delegada e xunta directiva) das cales asistirá ás súas reunións, podendo intervir nelas pero sen dereito a voto, salvo na xunta directiva que, como membro dela poderá exerce-lo seu dereito a voto.

-As ditas actas deberán conter, cando menos, o nome das persoas que interviñeran e as demais circunstancias da reunión que se consideren de relevancia, así como o resultado das votacións, o texto literal dos acordos adoptados, os votos particulares contrarios que se formulen e calquera outra mención ou intervención da que sexa solicitada o seu reflexo expreso na acta por calquera dos asistentes.

-Emiti-los informes que lle sexan solicitados por calquera dos órganos de goberno e representación da federación, xa sexa verbalmente ou por escrito.

-Expedi-las certificacións oportunas dos actos dos órganos de goberno e representación, e complementarios.

-Remitirlle á Secretaría Xeral para o Deporte as actas das reunións da asemblea xeral e da comisión delegada no prazo de 15 días dende a data da súa celebración.

-Cantas funcións lle encomenden os estatutos e regulamentos da federación e aquelas que lle sexan delegadas polo presidente.

Capítulo VI

O tesoureiro

Artigo 20º.-Nomeamento e funcións.

O presidente da Federación Galega de Halterofilia poderá nomear un tesoureiro que se encargará da administración da federación e desempeñará as seguintes funcións:

-Leva-la contabilidade da federación.

-Exerce-la inspección económica de tódolos órganos da federación.

-Elaborar e presentar balances á comisión delegada do estado contable da federación.

-Cantas funcións lle encomenden os estatutos e regulamentos da federación e aquelas que lle sexan delegadas polo presidente.

-No suposto de que o cargo de tesoureiro se atopase vacante, as funcións deste serán asumidas polo presidente, que poderá delegalas na persoa que considere oportuno.

Capítulo VII

Os comités da Federación Galega de Halterofilia

Artigo 21º.-O comité técnico de xuíces.

O comité técnico de xuíces da Federación Galega de Halterofilia é un órgano técnico que ten por

obxecto a formación, capacitación, actualización e dirección dos xuíces das competicións de halterofilia.

As funcións do comité técnico de xuíces serán:

-Establece-los niveis de formación arbitral.

-Establece-los candidatos a xuíces nacionais.

-Clasificar tecnicamente os xuíces, propoñéndolle á xunta directiva a adscrición ás categorías correspondentes, en función dos criterios prefixados pola asemblea xeral. Estas clasificacións resultantes comunicaranse á asemblea xeral.

-Propoñe-los candidatos a xuíces nacionais.

-Propoñerlle á xunta directiva as normas administrativas que regulan a arbitraxe, para a súa posterior aprobación pola asemblea xeral.

-Designa-los colexiados nas competicións oficiais de ámbito galego.

-Colaborar cos órganos competentes da federación na formación dos xuíces.

-O presidente do comité técnico de xuíces será nomeado e separado polo presidente da Federación Galega de Halterofilia. A súa vez, o presidente do comité técnico de xuíces proporalle á xunta directiva da federación un secretario de dito comité que será nomeado pola xunta directiva se é o caso. A clasificación técnica dos xuíces que realice o comité técnico levarase a cabo con observancia dos seguintes criterios: probas físicas e psicotécnicas; coñecemento dos regulamentos; experiencia mínima e idade.

Artigo 22º.-O comité de adestradores.

O comité de adestradores da Federación Galega de Halterofilia é un órgano técnico que ten por obxecto a formación, capacitación, actualización e dirección dos adestradores de halterofilia.

As funcións do comité de adestradores son as seguintes:

-A colaboración coa Administración pública competente na formación de técnicos deportivos.

-O estudio e a actualización das diferentes técnicas e sistemas de ensinanza e adestramento.

-A organización de cursos e xornadas que redunden no perfeccionamento e actualización permanente dos técnicos deportivos.

-Manter contactos e relacións con outras entidades de carácter nacional e internacional para intercambio de coñecementos e información.

-Censar e reunir a tódolos técnicos titulados, velando polo prestixio profesional deles.

-A divulgación da teoría e práctica da halterofilia, e cantos outros coñecementos contribúan ó desenvolvemento deste deporte.

-Todas aquelas que lles encargue a federación de acordo coa súa natureza.

O presidente do comité de adestradores será nomeado e separado polo presidente da Federación Galega de Halterofilia. Á súa vez, o presidente do comité de adestradores proporá á xunta directiva da federación un secretario que será nomeado pola xunta directiva, se é o caso.

Capítulo VIII

Disposicións comunes dos órganos de goberno e representación e complementarios da Federación Galega de Halterofilia.

Artigo 23º.-Convocatoria e presidencia dos órganos.

O presidente da federación convoca as reunións de tódolos órganos, excepto dos comités, que serán convocada polos seus respectivos presidentes.

O presidente convocará a reunión dos órganos colexiados coa frecuencia e nos prazos e datas establecidos polas disposicións legais e estatutarias, e cando o teña por conveniente. Ademais virá obrigado a realiza-la dita convocatoria cando así o requira unha terceira parte dos membros integrantes do dito órgano e nos demais supostos legais.

Co fin de garanti-lo cumprimento efectivo das funcións encomendadas á Federación Galega de Halterofilia, a Secretaría Xeral para o Deporte convocará asemblea xeral ou comisión delegada, para o debate e resolución, se procede, de asuntos ou cuestións determinadas, cando aquelas non foran convocadas por quen ten a obriga estatutaria e legal de facelo no tempo regulamentado. En todo caso, as reunións dos órganos colexiados serán presididas polo seu presidente.

Artigo 24º.-Quórum e adopción de acordos.

Salvo nos supostos en que a Orde do 28 de xullo de 1995 e estes estatutos estableza outra cousa, entenderanse debidamente constituídos os órganos colexiados da Federación Galega de Halterofilia cando á reunión concorran a maioría dos seus membros en primeira convocatoria, e en segunda convocatoria cando concorra polo menos unha terceira parte dos seus membros.

Os acordos serán adoptados mediante votación, por maioría simple, e en caso de empate, o presidente terá voto de calidade. Exceptúanse aqueles casos en que a lexislación vixente e estes estatutos establezan outra cousa.

Artigo 25º.-Responsabilidade.

Con independencia das responsabilidades penais, civís e administrativas establecidas na lexislación vixente, tódolos membros dos diferentes órganos da Federación Galega de Halterofilia son responsables especificamente dos actos, resolucións ou acordos do órgano do que formen parte, coa única salvidade daqueles que, sendo membros de órganos colexiados expresasen o seu voto negativo ou motivasen a súa abstención.

Así mesmo, tódolos integrantes dos órganos da federación están suxeitos á responsabilidade disciplinaria deportiva nos termos establecidos por estes estatutos, polos regulamentos correspondentes e pola lexislación vixente na materia, cando incorran no incumprimento dos acordos de calquera órgano federativo, normas xerais ou na comisión das faltas previstas no réxime disciplinario federativo.

Artigo 26º.-Cesamento dos membros dos órganos de goberno e representación.

As persoas designadas para ocupa-los órganos de goberno e representación da federación cesarán neles polas seguintes causas:

a) Falecemento ou incapacitación establecida por sentencia firme.

b) Demisión.

c) Expiración do mandato para o que foron nomeados os elixidos.

d) Condena en sentencia firme a inhabilitación para o exercicio de funcións públicas.

e) Nos demais casos previstos na lexislación vixente nestes estatutos para cada órgano (moción de censura, cesamento, etc.).

Título III

Organización territorial

Artigo 27º.-Das delegacións territoriais.

A Federación Galega de Halterofilia poderase estructurar en delegacións, se así o acorda a asemblea xeral, á fronte das cales estará un representante federativo que será nomeado e cesado polo presidente.

Artigo 28º.-Do funcionamento das delegacións.

As delegacións existentes, en canto ó seu funcionamento e organización, rexeranse polas directrices marcadas polos órganos da federación.

Título IV

Réxime electoral

Artigo 29º.-Da convocatoria electoral.

1. As eleccións a presidente da Federación Galega de Halterofilia realizaranse mediante convocatoria acordada pola asemblea extraordinaria. Na orde do día deberá consta-lo procedemento que se seguirá para a elección e o nomeamento da xunta electoral.

2. O presidente da federación e os membros da comisión delegada serán elixidos na primeira reunión da nova asemblea xeral. No momento de inicio do prazo para a presentación de candidaturas a elección de presidente, deberá estar publicada a relación dos membros elixidos para a asemblea xeral.

3. O prazo de presentación de candidaturas para a elección de presidente non poderá ser inferior a dez días naturais.

4. No suposto de que se presentara un só candidato, non se efectuará votación e o secretario xeral para o Deporte, ou a persoa en quen el delegue, proclamará presidente a este candidato, á vista da acta da xunta electoral.

Artigo 30º.-Da xunta electoral.

1. A asemblea xeral en sesión extraordinaria nomeará unha xunta electoral, en elección libre, directa, igual e secreta, que estará integrada por tres membros titulares e tres suplentes que se elixirán entre persoas que non sexan candidatos.

2. As eleccións serán controladas pola xunta electoral e polos interventores designados polos candidatos, que levantarán acta unha vez rematada a votación e o reconto. A dita acta debidamente certificada remitirase á Secretaría Xeral para o Deporte no prazo de tres días.

3. Contra as resolucións ou acordos da xunta electoral poderase interpor recurso ante o Comité Galego de Disciplina Deportiva.

Artigo 31º.-Do regulamento electoral.

1. Os regulamentos electorais, regularán, como mínimo, as seguintes cuestións:

a) Número de membros da asemblea e distribución dos mesmos por estamentos, de acordo co establecido nestes estatutos.

b) Circunscricións electorais, se fosen necesarias, e número de representantes de cada estamento por cada unha delas.

c) Calendario electoral: prazos, presentación e proclamación de candidatos, así como o sistema de desempate.

d) Censo electoral.

e) Composición, competencias e funcionamento da xunta electoral.

f) Procedemento de resolución de conflictos e reclamacións, que se deberán resolver sen dilación.

g) Recursos electorais.

h) Composición, competencia e funcionamento das mesas electorais.

i) Elección do presidente.

j) Elección da comisión delegada da asemblea.

2. Aprobado o regulamento electoral, a xunta directiva procederá, no prazo sinalado neste, á convocatoria de eleccións da asemblea xeral. A partir dese momento, a xunta directiva constituirase en comisión xestora da federación.

3. Se non se presentase ningunha candidatura ou non fose válida ningunha das presentadas, a xunta directiva constituída en comisión xestora administrará a federación e convocará e realizará novas eleccións no prazo máximo de 3 meses.

Título V

Réximen económico-financeiro e patrimonial

Artigo 32º.-Patrimonio.

O patrimonio da Federación Galega de Halterofilia está integrado polos bens e dereitos dos que lle corresponde a titularidade.

Artigo 33º.-Recursos económicos, procedencia, carácter e destino.

Os recursos económicos da federación son, entre outros, os seguintes:

a) As subvencións que as entidades públicas lle poidan conceder.

b) As doazóns, herdanzas, legados e permisos que lle sexan outorgados.

c) Os beneficios que produzan as actividades e competicións deportivas que organice, así como os derivados dos contratos que realice.

d) Os beneficios das actividades de carácter industrial, comercial, profesional ou de servicios que, de forma complementaria, poida exercer.

e) Os froitos do seu patrimonio.

f) Os préstamos ou créditos que obteña.

g) As cotas dos seus membros ou afiliados.

h) As sancións pecuniarias que lles impoña ós seus membros ou afiliados.

i) Calquera outro que lle poida ser atribuído por disposición legal ou en virtude de convenio.

Os recursos económicos da federación serán destinados á consecución dos fins propios do seu obxecto, de acordo cos orzamentos que aprobe para cada exercicio e, sen prexuízo do principio de caixa única que rexerá a administración do orzamento, aplicaralles os seus ingresos propios de forma prioritaria ós seus gastos de estructura.

Artigo 34º.-O exercicio económico e o orzamento.

O exercicio económico da federación comezará o primeiro de xaneiro e pecharase o 31 de decembro de cada ano.

O tesoureiro da xunta directiva da federación elaborará anualmente o anteproxecto do orzamento da federación que, trala súa aceptación pola xunta directiva, será sometido sucesivamente á comisión delegada e á asemblea xeral para a súa aprobación e posterior remisión á Secretaría Xeral para o Deporte.

A federación non poderá aprobar orzamentos deficitarios, agás nos casos excepcionais en que o autorice a Secretaría Xeral para o Deporte.

O orzamento deberá elaborarse anualmente correspondendo a súa aprobación á asemblea xeral.

As contas anuais e os orzamentos teñen que estar no domicilio social da federación, cunha antelación mínima de 15 días á celebración da Asemblea, a

disposición das persoas ou entidades con dereito a voto, as cales poderán pedir copia, que se lles entregará antes da celebración da asemblea.

Artigo 35º.-A contabilidade da federación.

A federación someterá a súa contabilidade ás normas do plan xeral de contabilidade e, en especial, ás normas de adaptación do plan xeral de contabilidade ás federacións deportivas españolas, aprobadas por Orde do 2 de febreiro de 1994 do Ministerio de Economía y Hacienda.

Ó remate de cada exercicio o tesoureiro confeccionará os estados financeiros e a liquidación do orzamento xunto coa correspondente memoria explicativa, de acordo, como mínimo, cos criterios expostos no artigo 29 da Orde do 28 de xullo de 1995.

A requirimento da Secretaría Xeral para o Deporte, nas condicións que esta determine, a federación deberase someter a auditorías financeiras sobre a totalidade dos seus gastos.

Artigo 36º.-Réxime de administración e xestión económica.

1.A Federación Galega de Halterofilia ten o seu propio réxime de administración e xestión de orzamento e patrimonio, sendo de aplicación as seguintes regras:

a)Pode promover e organizar actividades e competicións deportivas dirixidas ó público, debendo aplica-los beneficios económicos, se os houber, ó desenvolvemento do seu obxecto social.

b) Pode gravar e aliena-los seus bens inmobles, tomar diñeiro a préstamo e emitir títulos representativos de débeda ou parte alícuota patrimonial, sempre que os mencionados negocios xurídicos non comprometan de forma irreversible o patrimonio da entidade ou o seu obxecto social. En todo caso cando a súa contía superase o 25 % do orzamento anual da federación, a máis do acordo da asemblea xeral será imprescindible o informe favorable da Secretaría Xeral para o Deporte.

Cando se trate de bens inmobles que fosen financiados, en todo ou en parte, con fondos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia, será preceptiva a autorización da Secretaría Xeral para o Deporte para o seu gravame ou alienación.

c) Poden exercer, complementariamente, actividades de carácter industrial, comercial, profesional ou de servicios e destina-los seus bens e recursos ós mesmos obxectivos deportivos, pero non poderán en ningún caso repartir beneficios entre os seus membros.

d) Non poderán comprometer gastos de carácter plurianual, no seu período de mandato, sen autorización previa da Secretaría Xeral para o Deporte, cando o gasto anual comprometido supere o 10 % do seu orzamento ou reborde o período de mandato do presidente.

2. A aprobación dos gastos da federación corresponderalle ó seu presidente. A execución dos pagamentos corresponde ó tesoureiro.

3. Os fondos da federación estarán depositados necesariamente en contas correntes abertas a nome da federación en bancos ou caixas de aforro, podéndose conservar en caixa as sumas que se consideren precisas para atende-los pequenos gastos.

As disposicións de fondos con cargo ás ditas contas correntes deberán autorizarse por dúas sinaturas, entre as do presidente, tesoureiro e secretario da federación. Unha de elas será necesariamente a do tesoureiro ou da persoa ou funcionario en quen delegue con autorización o presidente.

4. Sen prexuízo das facultades e responsabilidades do presidente da federación, o tesoureiro responderá de acordo coas disposicións legais vixentes, do emprego correcto dos fondos e xustificación regulamentaria.

Nos casos de cesamento ou toma de posesión do presidente ou tesoureiro, formalizarase un arqueo extraordinario, levantándose acta do resultado deste, e enviarase unha copia á Secretaría Xeral para o Deporte, acompañada do balance pechado á mesma data.

Título VI

Réxime documental

Artigo 37º.-Libros e documentos.

1. A Federación Galega de Halterofilia elaborará necesariamente os libros e documentos que impoñan en cada momento as disposicións legais vixentes, e ademais:

a) O libro de clubs e asociacións afiliadas, no que constarán as denominacións destes, o seu domicilio social, os nomes e apelidos dos presidentes e demais membros das súas xuntas directivas, e as datas de toma de posesión e cesamento dos seus cargos.

b) Os libros de actas, nos que se transcribirán as actas das reunións que celebran tódolos órganos pluripersoais da federación, tanto os de goberno e representación coma os complementarios e os comités.

c) Os libros de contabilidade e demais documentos e arquivos de tal natureza de obrigado cumprimento.

d) Libro inventario de bens mobles e inmobles.

2. Os libros e documentos da federación, debidamente dilixenciados, conservaranse no domicilio social, correspondéndolle a súa custodia ó secretario.

Artigo 38º.-Información e exame dos libros e documentos.

1. A Secretaría Xeral para o Deporte, nas condicións que determine, poderá requirir da federa

ción o someterse a inspección do seu réxime documental establecido no artigo 7 j) da Orde do 28 de xullo de 1995.

2. Recoñéceselle o dereito a coñece-lo contido dos libros e documentos oficiais e regulamentarios da federación a tódolos seus integrantes que acrediten un interese lexítimo e directo sobre as cuestións contidas nos documentos e libros que pretenden coñecer.

En todo caso presúmese a existencia de interese lexítimo e directo ós membros da asemblea xeral, xunta directiva e comités da federación.

Para o exercicio do dereito de información e exame dos libros e documentos, os membros da federación e esta ateranse ó seguinte procedemento:

-O interesado solicitará por escrito a información que pretenda obter indicando expresamente o obxecto da súa consulta, designando os libros e/ou documentos que pretenda examinar e, se é o caso, a causa ou o interese lexítimo e directo.

-A federación resolverá o que proceda no prazo máximo de 10 días hábiles, notificándolle ó solicitante a súa decisión e, se é o caso, a forma ou sistema da consulta que poderá consistir na exhibición material no domicilio social da federación ou na expedición polo secretario de certificación ou testemuño das cuestións dos libros e/ou documentos que sexan obxecto da consulta, dependendo da natureza e extensión desta.

3. O secretario da federación expedirá as certificacións oportunas dos actos e acordos dos órganos de goberno e representación.

Título VII

Réxime disciplinario

Artigo 39º.-Potestade disciplinaria. principiso xerais

O exercicio da potestade disciplinaria deportiva da Federación Galega de Halterofilia correspóndelle ós órganos competentes en materia disciplinaria sinalados no Art. 40º destes estatutos, os cales se suxeitarán na súa actuación ós seguintes principios:

-Principios de legalidade nas infraccións, nas sancións e no procedemento disciplinario.

-Principio de proporcionalidade da sanción coa infracción cometida.

-Principios de irretroactividade das normas máis desfavorables e de retroactividade das normas máis favorables para o infractor.

-Principio de interdicción da dobre sanción polos mesmos feitos.

-Os demais principios do dereito sancionador.

Artigo 40º.-Os comités de competición e apelación.

1. A Federación Galega de Halterofilia ten potestade disciplinaria sobre tódalas persoas que forman parte da súa estructura orgánica, os clubs deportivos

e os seus deportistas, técnicos e directivos, os xuíces e árbitros, e en xeral, todas aquelas persoas e entidades que, estando federadas, desenvolvan a súa actividade deportiva no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. A potestade disciplinaria será exercida no marco do establecido na Lei 10/1990, do 15 de outubro, do deporte, o Real decreto 1591/1992, do 23 de decembro, sobre disciplina deportiva e polas disposicións federativas aprobadas conforme a elas.

3. A Federación Galega de Halterofilia contará en primeira instancia cun comité de competición ou xuíz único, e en segunda instancia cun comité de apelación, que funcionarán de acordo co que se dispoña no Regulamento de réxime disciplinario da federación.

4. Contra as resolucións definitivas da Federación Galega de Halterofilia en materia disciplinaria cabe recurso ante o Comité Galego de Disciplina Deportiva.

Título VIII

Extinción e disolución

Artigo 41º.-Causas de disolución e extinción.

A Federación Galega de Halterofilia extinguirase polas seguintes causas:

a) As que establezan con carácter imperativo as disposicións legais vixentes en cada momento.

b) A revogación do seu recoñecemento como federación pola Secretaría Xeral para o Deporte.

c) A resolución xudicial.

d) A integración noutra federación.

e) O acordo de disolución adoptado por dúas terceiras partes da asemblea xeral.

Artigo 42º.-Liquidación patrimonial.

En caso de disolución da Federación Galega de Halterofilia, o seu patrimonio neto, se o houbera, aplicarase á realización de actividades análogas, determinando a Secretaría Xeral para o Deporte o seu destino concreto.

Título IX

Aprobación e reforma dos estatutos e regulamentos

Artigo 43º.-Procedemento de aprobación e reforma dos estattutos e regulamentos.

1. Os estatutos da Federación Galega de Halterofilia serán aprobados e, se é o caso, modificados pola asemblea xeral en reunión plenaria e a iniciativa do 20 % dos membros da propia asemblea xeral, do acordo maioritario da comisión delegada, do presidente ou da xunta directiva.

2. Os regulamentos da federación serán aprobados pola asemblea xeral, podendo ser modificados pola comisión delegada. A proposta de modificación des

tes corresponderá ó presidente ou a dous tercios dos membros da comisión delegada.

3. Unha vez aprobados os estatutos, os regulamentos e as súas modificacións, serán remitidos á Secretaría Xeral para o Deporte para a súa aprobación definitiva.

Disposición transitoria

Considéranse integrados tódolos clubs actualmente afiliados á Federación Galega de Halterofilia, salvo expresa manifestación en contrario.

Disposición derradeira

Entrada en vigor.

Quedan derrogados os estatutos da Federación Galega de Halterofilia ata agora vixentes.

Os presentes estatutos entrarán en vigor ó día seguinte da notificación á Federación Galega de Halterofilia da súa aprobación pola Secretaría Xeral para o Deporte, sen prexuízo da súa posterior publicación no Diario Oficial de Galicia, que se deberá realizar nun prazo máximo de 2 meses.

4186