Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 113 Luns, 10 de xuño de 1996 Páx. 5.604

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE FAMILIA, MULLER E XUVENTUDE

DECRETO 223/1996, do 30 de maio, polo que se regulan as actividades de aire libre dirixidas á xuventude no territorio da Comunidade galega.

O Estatuto de autonomía no seu artigo 27.22º establece que lle corresponde á Comunidade Autónoma de Galicia a competencia exclusiva na promoción do deporte e adecuada utilización do ocio.

Pola súa parte o Decreto 2/1994, do 13 de xaneiro, establece que lle corresponde á Consellería de Familia, Muller e Xuventude as competencias e funcións en materia de xuventude.

Na nosa Comunidade Autónoma a práctica da acampada é unha actividade habitual, como unha alternativa de lecer favorecida pola súa riqueza e diversidade paisaxística e medioambiental. Por isto, ó longo de todo o ano e sobre todo nas épocas de vacacións, numerosos grupos de xoves e entidades dedicadas á educación e realización de actividades de tempo libre cos xoves, desenvolven actividades fóra do seu lugar de residencia habitual e en contacto co medio natural, o que implica a pernoctación en réxime de acampada e a execución dun programa de actividades, coa indudable repercusión que ten desde o punto de vista medioambiental e sanitario, así como no aspecto turístico naquelas zonas especialmente atractivas polo seu medio natural.

Este tipo de actividades que aparecen especificamente excluídas do ámbito de aplicación do Decreto 236/1985, do 24 de xullo, sobre ordenación dos campamentos públicos de turismo (cámpings) en Galicia, acóllense actualmente á regulación estatal existente nesa materia (Decreto 2253/1974, do 20 de xullo).

Non obstante, a xeneralización da práctica destas acampadas, xunto coa complexidade e repercusión das actividades que levan consigo durante o seu desenvolvemento, aconsellan unha normativa propia nesta materia, actualizada e adaptada á realidade actual, evitando as prácticas de feito da acampada libre de forma indiscriminada, cos efectos prexudiciais para os mozos e para o medio, coidando especialmente os riscos que pode levar consigo sobre o medio ambiente e sobre a saúde pública, así como na seguridade persoal.

Polo tanto, no marco das competencias que nesta materia ten a Comunidade Autónoma galega, e co fin de velar pola calidade pedagóxica e pola seguridade dos participantes neste tipo de actividades ante calquera imprevisto, cómpre a elaboración dunha norma adaptada á realidade actual e ás peculiaridades propias de Galicia, que regule a práctica daquelas actividades ó aire libre, de carácter non estable, de varios días de duración que impliquen pernoctación en réxime de acampamento ou similar, no territorio da Comunidade Autónoma galega.

En consecuencia, por proposta da conselleira de Familia, Muller e Xuventude, oído o Consello da Xuventude de Galicia, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día trinta de maio de mil novecentos noventa e seis,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

O presente decreto ten aplicación sobre tódalas actividades de aire libre, nas que participen xoves de ata 30 anos en número superior a nove, que non teñan carácter familiar, que se desenvolvan dentro da Comunidade Autónoma galega, e inclúan na súa duración un mínimo de tres noites consecutivas.

Artigo 2º.-Tipos de actividades de aire libre.

1.-Para os efectos deste decreto, considéranse actividades de aire libre:

-Acampada.

-Campos de traballo.

-Marchas volantes ou rutas.

-Campamentos ou colonias.

2.-Enténdense por acampadas aquelas actividades que, de acordo co contido do artigo 1º deste decreto, impliquen asentamentos humanos temporais nos que a pernoctación se realice en tendas de campaña, caravanas, albergues móbiles, ou calquera outro elemento facilmente transportable.

3.-Enténdense por marchas volantes ou rutas aquelas actividades itinerantes nas que, de acordo co contido do artigo 1º deste decreto, a pernoctación se realice en lugares diferentes.

4.-Enténdese por campamentos ou colonias aquelas actividades descritas anteriormente no apartado 2 deste artigo que necesiten para a súa realización dun espacio de terreo debidamente delimitado e acondicionado, así como dunha instalación ou instalacións fixas que teñan por obxecto satisfacer necesidades colectivas dos participantes e, se é o caso, alberga-los cuartos do persoal de servicio. Estas colonias asimilaranse ós centros de vacacións e colonias, e acampamentos residenciais regulados no Decreto 2253/1974, do 20 de xullo, da Presidencia do Goberno, sobre organización de campamentos, albergues, centros de vacacións, colonias e marchas xuvenís (BOE nº 195, do 15 de agosto).

5.-Enténdese por campos de traballo aquelas actividades descritas no apartado 2 deste artigo que reúnan as seguintes condicións establecidas no Servicio Voluntario Internacional:

-Desenvolvemento dun programa de traballo.

-Ter un carácter social.

-Ser voluntario.

-Ter un horario de traballo, que será dun mínimo de 5 horas e un máximo de 8 horas ó día de luns a sábado.

-Asunción pola entidade organizadora de tódolos gastos que o campo xere.

-Contar co equipo de persoal técnico en animación, de acordo co establecido no artigo 4º deste decreto e co equipo técnico especializado no traballo que se vaia a desenvolver e adecuado ó número de participantes.

-Non supera-las trinta prazas.

Artigo 3º.-Promotores.

Poderán organiza-las referidas actividades de aire libre as persoas físicas, asociacións, entidades ou empresas públicas ou privadas, en desenvolvemento dun programa de actividades de tempo libre dirixidas á xuventude.

Artigo 4º.-Requisitos do persoal técnico dirixente.

1.-Tódalas actividades reguladas neste decreto estarán dirixidas por persoal técnico coa titulación conveniente establecida polo Decreto 313/1995, do 23 de novembro (DOG nº 237 do 13/12/1995).

2.-Á fronte da actividade haberá un responsable que estará permanentemente presente nela.

3.-Por cada dez participantes ou fracción haberá como mínimo un técnico dirixente.

4.-Como mínimo, un 50 % dos membros do equipo dirixente que sexa necesario para cumprir coa proporción antes indicada, á parte do responsable, deberán estar en posesión do título de monitor de actividades de tempo libre, excepto aquelas actividades con finalidade cultural, docente ou deportiva que, por razón da súa programación, necesiten de profesorado ou de monitores especializados. Neste caso, o número mínimo de monitores titulados en actividades de tempo libre dentro do equipo técnico será dun 25 %.

Os alumnos que teñan superada a fase teórico-práctica nos cursos impartidos polas escolas de

tempo libre oficialmente recoñecidas poderán realiza-las prácticas nestas actividades sempre que o seu número sexa inferior ó de monitores titulados en actividades de tempo libre.

5.-O responsable da actividade deberá estar en posesión do título de director de actividades de tempo libre, excepto para aquelas actividades de ata 25 participantes. Neste caso é suficiente o título de monitor de actividades de tempo libre.

6.-Cando a actividade que se vaia a desenvolver sexa un campo de traballo, o responsable da actividade deberá estar en posesión do título de director de campos de traballo, independentemente do número de participantes.

Artigo 5º.-Obrigas do responsable da actividade.

Constituirán obrigas directas e persoais do responsable da actividade:

1.-Cumprir e facer cumpri-las normas do presente decreto.

2.-Velar para que as actividades se desenvolvan coas necesarias condicións sanitarias e de hixiene e coas medidas de seguridade suficientes que garantan a integridade física dos participantes.

3.-Velar polas condicións sanitarias e ambientais do lugar onde se desenvolve a actividade.

4.-Garantir que as persoas encargadas da manipulación dos alimentos e da elaboración das comidas actúen de acordo cos requisitos mínimos precisos co fin de evitar contaminacións alimentarias, e de acordo coa normativa sanitaria vixente nesta materia, recollida no Decreto 239/1986, do 24 de xullo, polo que se aproba o Regulamento de manipuladores de alimentos (DOG nº 154 do 11-8-1986) e demais normativa de aplicación.

5.-Garanti-lo cumprimento do programa de actividades.

6.-Garanti-la execución do plan de formación da actividade, que non será contrario á Constitución española nin ó Estatuto de autonomía nin ó resto do ordenamento xurídico.

7.-Adopta-las medidas necesarias para evita-lo deterioración das propiedades e instalacións, os riscos de incendio que poidan producirse ben sexa por acción ou omisión, impedi-las accións que produzan vertidos ou desperdicios en zonas non idóneas, así como velar para que non se produzan alteracións no marco natural.

8.-Coidar que os participantes teñan un correcto coñecemento dos valores naturais da zona onde desenvolvan a actividade e do réxime de protección existente.

9.-Comunicarlle ó servicio de Xuventude da provincia onde se vaia desenvolver a actividade ou á Dirección Xeral de Xuventude, se aquela se desenvolve en varias provincias (marchas volantes ou rutas), calquera modificación producida nas condicións establecidas, recollidas no artigo 7º.1 deste decreto, no momento de solicita-la autorización.

10.-Facilitarlle inspección da actividade, de acordo co previsto no presente decreto, ó persoal da Dirección Xeral de Xuventude habilitado para a dita función.

11.-Ter á disposición da autoridade competente durante a actividade a documentación prevista no artigo 6 deste decreto.

12.-Destas obrigas serán subsidiariamente responsables as persoas físicas ou xurídicas que organizen ou promovan directamente a actividade.

Artigo 6º.-Documentación necesaria durante a actividade.

O responsable da actividade deberá estar en posesión e ter á disposición da autoridade competente durante o seu desenvolvemento a seguinte documentación:

1.-Autorización concedida pola Consellería de Familia, Muller e Xuventude para a realización da actividade de que se trate, de entre as recollidas no artigo 2º deste decreto.

2.-Relación do cadro técnico, indicando nome e apelidos, domicilio, DNI, e titulación.

3.-Relación dos participantes na que se faga consta-lo seu nome e apelidos, domicilio, DNI, idade e número de teléfono.

4.-Autorización paterna para participar na actividade, por escrito, para os participantes menores de idade.

5.-Cartilla de asistencia sanitaria do Sergas, ou seguro médico privado de tódolos participantes na actividade.

6.-Póliza de seguro de responsabilidade civil, subscrita polo organizador ou promotor da actividade.

Artigo 7º.-Procedemento de autorización.

1.-Para a organización dunha actividade ó aire libre á que lle sexa de aplicación o presente decreto por cumpri-las características establecidas no seu artigo 1º, a persoa ou entidade organizadora presentará a correspondente solicitude de autorización conforme o modelo normalizado recollido no anexo I, acompañada da documentación seguinte:

a) Informe favorable das autoridades sanitarias da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais referente ás condicións hixiénico-sanitarias do lugar e da potabilidade da auga. No caso de que a auga que se vaia utilizar proceda da rede municipal de abastecemento correspondente, chegará con facer constar tal circunstancia.

b) Relación de compoñentes do cadro técnico-directivo especificando o nome e apelidos, DNI e titulación en materia de tempo libre de cada un deles.

c) Nome e apelidos do responsable da actividade, fotocopia do DNI, domicilio e fotocopia do título acreditativo da condición de director ou monitor de actividades de tempo libre, segundo proceda con respecto ó número de participantes.

d) No caso de que o solicitante sexa unha entidade, acreditación da persoa que asina a solicitude conforme é o seu representante legal.

e) Asistencia médica prevista, segundo o disposto no artigo 9º.g) e centro de saúde ó que acudir en caso de necesidade.

f) Condicións técnicas da acampada ou campo de traballo.

g) Plano gráfico ou croquis do lugar da instalación e modo de acceso a el, indicando o concello, parroquia e lugar o máis detalladamente posible.

h) Fins, obxectivos e programa da actividade, así como datas nas que se desenvolverá.

i) Autorización por escrito do titular de dereitos de uso e desfrute, administrador ou representante legal, suficientemente acreditado, do terreo que se ocupa, ben sexa de carácter público ou privado.

j) Número de participantes e idade deles.

k) Informe do alcalde do concello onde se atope o terreo no que se pretende establecer a acampada ou campo de traballo, así como da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes no caso de que sexa da súa propiedade ou goze dalgún réxime de protección medioambiental.

No seu defecto, copia da comunicación feita, con rexistro de entrada ou acompañada do xustificante de recepción. Neste caso a comunicación deberá efectuarse cunha antelación mínima de 15 días antes da data de presentación da solicitude.

l) Autorización para facer lume de acampada, de acordo coa normativa vixente sobre medidas de prevención de incendios, sempre que estea previsto no programa de actividades.

2.-No caso de rutas ou marchas volantes deberá xuntarse, ademais da documentación anteriormente referida, descrición do itinerario, data e zonas de emprazamento.

3.-Sempre que a actividade se desenvolva nunha instalación dependente da Xunta de Galicia, xunto coa solicitude presentarase a documentación relacionada nos puntos b, c, d, e, h, j e l, do apartado 1 deste artigo. Previamente á presentación da solicitude e restante documentación, o promotor da actividade reservará na delegación da Consellería de Familia, Muller e Xuventude da provincia na que radique a instalación elixida o número de prazas necesario co obxecto de confirma-la súa dispoñibilidade, debendo aboar en concepto de reserva de prazas o 15 % do seu importe total, deacordo cos prezos fixados anualmente.

4.-Cando a actividade que se vai realizar sexa un campo de traballo, ademais da documentación relacionada no apartado 1 deste artigo, deberán indicar:

-O perfil dos participantes.

-Composición do equipo técnico especializado no traballo que se vai realizar no campo, indicando os mesmos datos que para o equipo técnico en animación.

-Programa de traballo e medios con que conta o campo para a súa realización.

-Implicación coa comunidade.

-Horario de traballo.

-Orzamento de gastos.

5.-No caso dun campamento, na documentación referida no punto g do apartado 1 deste artigo deberase indica-la situación das diferentes instalacións fixas e dos espacios verdes habilitados para a realización da actividade.

6.-A solicitude xunto coa restante documentación presentarase no rexistro xeral da Consellería de Familia, Muller e Xuventude, nos rexistros das súas delegacións provinciais ou por calquera dos medios previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, cun mínimo de vinte días antes do comezo da actividade.

7.-A solicitude dirixirase ó delegado provincial da Consellería de Familia, Muller e Xuventude da provincia na que se vaia realiza-la actividade, ou ó director xeral de Xuventude no caso daquelas que se desenvolvan en máis dunha provincia, os cales deberán resolver nun prazo de dez días.

8.-A resolución seralle notificada, antes do inicio da actividade, ó organizador dela, ó concello no que se vaia desenvolver e á Consellería de Agricultura, Gandería e Montes no caso que proceda. Se non se dictase resolución expresa no referido prazo, aquela entenderase desestimada.

Artigo 8º.-Limitacións para a práctica das actividades reguladas neste decreto:

Non se poderá acampar:

a) En terrenos situados en leitos secos, beiras dos ríos, ou zonas susceptibles de ser inundadas, así como naqueloutros que por calquera causa resulten perigosos ou insalubres.

b) Nun radio inferior a 150 metros dos lugares de captación de auga potable para o abastecemento de poboacións.

c) A menos dun quilómetro dos campamentos públicos de turismo ou de núcleos urbanos, nin a menos de 100 metros das marxes de leitos fluviais ou estradas.

d) A menos de 500 metros de monumentos ou conxuntos histórico-artísticos legalmente declarados.

e) Nas proximidades de industrias molestas, insalubres, nocivas ou perigosas, de acordo co preceptuado no Decreto 2414/1961, do 30 de novembro, e dos lugares de vertido de augas residuais.

f) En terreos polos que discorran liñas de alta tensión.

g) En xeral, naqueles lugares que por esixencias de interese público estean afectados por prohibicións ou limitacións neste sentido ou por servidumes establecidas expresamente, mediante disposicións legais ou regulamentarias, salvo que se obteña a oportuna autorización dos organismos competentes.

Artigo 9º.-Normas de carácter sanitario.

As actividades suxeitas a este decreto quedarán sometidas ás seguintes normas de carácter sanitario:

a) A auga de consumo deberá ser potable, adoptándose os procedementos oportunos que garantan de forma permanente a dita potabilidade mentres dure a actividade.

b) De non existir ningún sistema de recollida de excrementos, construiranse latrinas, que estarán situadas a máis de 100 metros de ríos, regatos, pozos ou fontes. Unha vez concluída a actividade taparanse con terra.

c) O almacenamento do lixo realizarase en recipientes con tapa ou bolsas que se poidan pechar, e depositarase periodicamente en contedores de recollida de lixo.

d) Tódolos alimentos que se consuman deberán reuni-las correspondentes garantías sanitarias.

Non se almacenarán alimentos conxuntamente con outros productos que poidan ser fonte de contaminación ou intoxicación.

Nas zonas de almacenamento ningún alimento deberá estar en contacto co chan, debendo estar illados del cunha separación de 10 centímetros, como mínimo, así como protexidos dos insectos.

Os alimentos perecedoiros conservaranse en frigoríficos. De non dispoñerse de sistemas de frío, estes alimentos consumiranse no mesmo día da súa compra e o sobrante, de existir, desbotarase.

Nas acampadas en que participen trinta ou máis persoas, o responsable da cociña deberá estar en posesión do carné de manipulador de alimentos.

e) Evitarase a contaminación das augas, dispoñendo correctamente a evacuación das augas residuais procedentes do fregado de vaixela, lavado de roupa e aseo persoal, fora dos leitos dos ríos, regatos ou torrentes.

f) As zonas de baño en leitos naturais deberán ser coidadosamente elixidas, procurando o máximo afastamento de puntos de vertidos augas arriba, tanto urbanas como industriais, así como doutros puntos de contaminación, como vertedeiros, zonas de pastoreo, etc.; así mesmo, deberán estar afastadas das zonas de extracción de auga para consumo.

Nos casos sinalados e por motivos xustificados, a autoridade sanitaria poderá desaconsella-lo baño en determinadas zonas, e incluso prohibilo.

g) En toda actividade será necesario que exista unha botica de primeiros auxilios baixo a responsabilidade do responsable da actividade ou responsable sanitario.

As actividades ás que asistan máis de cincuenta participantes disporán dun responsable sanitario que deberá ser médico, ATS ou diplomado universitario en enfermería.

As funcións do responsable sanitario serán as seguintes:

-Velar polo perfecto estado dos alimentos e auga de consumo nos termos establecidos nos apartados a) e d) do presente artigo.

-Vixilancia epidemiolóxica das enfermidades e dos accidentes que sufran os acampados, que quedarán reflectidos nunha ficha médica.

-Coidar que as actividades se fagan conforme as normas sanitarias establecidas neste artigo e demais

normativa de aplicación, de forma que non se poña en perigo a saúde das persoas, nin se estrague o medio.

-Vixiar e responsabilizarse da obrigatorio botica de primeiros auxilios, asegurándose de que os enfermos ou accidentados reciban asistencia prontamente e adoptando as medidas preventivas necesarias.

-Dispoñer da información suficiente respecto a horarios e puntos de asistencia médica da zona.

Nas actividades de menos de cincuenta persoas, as funcións do responsable sanitario asumiraas o responsable da actividade.

h) Ó acaba-la actividade os participantes nela deberán deixa-lo lugar en perfectas condicións, limpándoo de residuos e enterrando os excrementos e augas residuais nas latrinas habilitadas, se non se utilizou outro sistema de evacuación.

Deberán así mesmo, asegurarse de deixar completamente apagados tódolos focos de ignición.

Artigo 10º.-Correspóndelle á Dirección Xeral de Xuventude efectua-los servicios técnicos de inspección e asesoramento para o cumprimento do disposto no presente decreto.

Artigo 11º.-O incumprimento das normas contidas no presente decreto levará consigo a perda da autorización, coa suspensión inmediata da actividade, e, se é o caso, a perda da subvención concedida para o seu desenvolvemento, sen prexuízo das responsabilidades en que puidesen incorre-lo responsable da actividade, o responsable sanitario ou os monitores que asistan a ela.

Artigo 12º.-Para o desenvolvemento das actividades ó aire libre reguladas no presente decreto, a autorización a que se refire o artigo 7º non exime ó organizador da obriga de ter que solicitar aquelas autorizacións non previstas neste decreto que sexan precisas, por razón da actividade.

Disposicións adicionais

Primeira.-Cando as actividades reguladas no presente decreto se desenvolvan no interior de reservas naturais, parques naturais, paisaxes protexidas ou monumentos naturais declarados de acordo coa Lei 4/1989, do 27 de marzo, de conservación dos espacios naturais, en espacios naturais de protección xeral incluídos no Rexistro de Espacios Naturais de Protección Xeral da Xunta de Galicia, ou en calquera outra zona que goce dun réxime de protección medioambiental, deberá de axustarse tamén á normativa propia do espacio protexido, cando a haxa, debendo solicita-la autorización previa ó órgano xestor do espacio.

Na autorización, o referido órgano xestor poderá incorporar condicións adicionais para garantir unha mellor protección do medio natural.

Segunda.-Non lles será de aplicación o disposto no artigo 8º a aquelas instalacións fixas existentes antes da entrada en vigor deste decreto, onde se veñan efectuando campamentos ou colonias de verán.

Disposición transitoria

O requisito establecido no artigo 4º.6 para os campos de traballo non será esixible nun prazo dun ano desde a entrada en vigor deste decreto, séndolle de aplicación no seu defecto durante o dito período o disposto no artigo 4º.5.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a Conselleira de Familia, Muller e Xuventude para dicta-las disposicións precisas para o desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trinta de maio de mil novecentos noventa e seis.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Manuela López Besteiro

Conselleira de Familia, Muller e Xuventude

4221