Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 113 Luns, 10 de xuño de 1996 Páx. 5.604

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

DECRETO 222/1996, do 30 de maio, polo que se amplía o prazo de adaptación das explotacións agrarias elaboradas de productos lácteos tradicionais.

O Decreto 125/1995, do 10 de maio, polo que se regula a elaboración de productos lácteos a base de leite cru de vaca, considerados como productos tradicionais, e se crea o Rexistro de Explotacións Agrarias Elaboradoras de Productos Lácteos Tradicionais, regula as esixencias referentes á sanidade animal, a hixiene das explotacións, a hixiene da muxidura, locais, materiais e utensilios, hixiene do persoal, as condicións xerais das explotacións gandeiras, así como as condicións xerais de hixiene para a elaboración dos productos lácteos tradicionais.

A aplicación deste decreto puxo de relevo o gran número de explotacións que destas características existen na nosa Comunidade Autónoma, a súa importancia económica no sector gandeiro e a necesidade, na maioría dos casos, de realizar obras de adaptación nas salas de elaboración dos productos lácteos tradicionais.

A disposición transitoria do devandito decreto outorgou un prazo máximo dun ano para a adaptación destas explotacións ós requisitos establecidos no decreto, unha vez efectuada a solicitude. Sen embargo é conveniente ampliar este prazo un ano máis de acordo coa normativa de axudas á modernización de explotacións agrarias que acaba de establece-la Consellería de Agricultura, Gandería e Montes con base na Lei 19/1995, do 4 de xullo e o Real decreto 204/1996, relativos á mellora e modernización de explotacións agrarias.

Na súa virtude, por iniciativa dos conselleiros de Agricultura, Gandería e Montes e de Sanidade e Servicios Sociais e por proposta da Consellería de Presidencia e Administración Pública, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trinta de maio de mil novecentos noventa e seis,

DISPOÑO:

Artigo único.

Ás explotacións elaboradoras de productos lácteos tradicionais a base de leite cru de vaca que fixeron a solicitude da inscrición no correpondente rexistro dentro do prazo sinalado na disposición transitoria do Decreto 125/1995, do 10 de maio, poderáselles conceder un prazo, por un período máximo dun ano desde a publicación do presente decreto, para os efectos da súa adaptación ós requisitos que aquel establece.

Disposicións adicionais

Primeira.

Facúltanse os conselleiros de Sanidade e Servicios Sociais e de Agricultura, Gandería e Montes para dictar no ámbito das súas respectivas competencias as disposicións necesarias para desenvolvemento e execución deste decreto.

Segunda.

Este decreto entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trinta de maio de mil novecentos noventa e seis.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

4324