Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 113 Luns, 10 de xuño de 1996 Páx. 5.610

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 15 de maio de 1996 pola que se convoca un concurso de premios entre escolares de niveis non universitarios para a elaboración de carteis ou debuxos e traballos de redacción sobre a educación do consumidor en conmemoración do Día Mundial dos Dereitos do Consumidor.

Con motivo da conmemoración, o 15 de marzo, do Día Mundial dos Dereitos do Consumidor, o Instituto Galego de Consumo e a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través da Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Centros, conscientes da necesidade de forma-los alumnos e alumnas da Comunidade Autónoma galega de cara á adquisición do espírito crítico que lles permita enfrontarse ás múltiples e diversas ofertas da sociedade de consumo, e optar de maneira libre e responsable, convocan para o ano 1996 un concurso de premios de carteis ou debuxos e de traballos de redacción sobre a educación do consumidor na escola, invitando ós escolares galegos a reflexionar sobre a sociedade de consumo e a que utilicen como medio a creación artística e literaria.

Por todo isto, por proposta do Instituto Galego de Consumo e a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria,

DISPOÑO:

Convocar un concurso de carteis ou debuxos e traballos de redacción, en materia de educación do consumidor de acordo coas seguintes bases:

Primeira.-Poderán participar neste concurso tódolos alumnos e alumnas matriculados en centros de niveis educativos non universitarios da Comunidade Autónoma galega.

Segunda.-Os premios distribuiranse do modo seguinte:

-Un premio para o mellor cartel ou debuxo do alumnado de educación infantil, dotado con 125.000 pesetas, das cales 50.000 pesetas se investirán na adquisición de material didáctico, lúdico, etc., para o gañador ou gañadores, e 75.000 pesetas serán para o centro onde curse os seus estudios.

-Un premio para o mellor cartel ou debuxo realizados por alumnos ou alumnas do 1º e 2º ciclo de educación primaria, dotado con 150.000 pesetas, das cales 65.000 pesetas se investirán na adquisición de material didáctico, lúdico, etc., para o gañador ou gañadores e 85.000 pesetas serán para o centro onde curso os seus estudios.

-Un premio para o mellor traballo de redacción dos alumnos e alumnas do 3º ciclo de educación primaria, dotado con 150.000 pesetas, das cales 65.000 pesetas se investirán na adquisición de material didáctico, lúdico, etc., para o gañador ou gañadores e 85.000 pesetas serán para o centro onde curse os seus estudios.

-Un premio para o mellor traballo de redacción dos alumnos ou alumnas do 7º e 8º de EXB ou 1º ciclo da ESO, dotado con 175.000 pesetas, das cales 75.000 pesetas se investirán na adquisición de material didáctico, lúdico, etc., para o gañador ou gañadores e 100.000 pesetas serán para o centro onde curse os seus estudios.

-Un premio para o mellor traballo de redacción para o nivel educativo de ensinanzas medias (formación profesional, bacharelato, COU, ou 2º ciclo da ESO e novos bacharelatos), dotado con 200.000 pesetas, das cales 90.000 pesetas se investirán na adquisición de material didáctico, lúdico, etc., para o gañador ou gañadores e 110.000 pesetas corresponderán o centro onde curse os seus estudios.

-Un premio para o mellor cartel ou debuxo presentado por alumnos e alumnas de escolas de arte, dotado con 200.000 pesetas, das cales 90.000 pesetas se investirán na adquisición de material didáctico, lúdico, etc., para o gañador ou gañadores e 110.000 pesetas serán para a escola onde curso os seus estudios.

Tódalas contías correspondentes ós centros deberán investirse na compra de material didáctico.

Terceira.-O prazo de presentación dos traballos finaliza o día 15 de xuño de 1996.

Cuarta.-Os traballos deberanse presentar nos servicios centrais ou provinciais do Instituto Galego de Consumo, sendo en todo caso de aplicación o disposto no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, dirixidos ó presidente do Instituto Galego de Consumo, acompañados dun certificado do centro onde o/os concursante/s efectúe/n os seus estudios, nos que consten os datos do alumno, nivel educativo, curso, ciclo ou modalidade que realiza.

Quinta.-A temática deberá versar sobre algún destes temas: auga, medio ambiente, publicidade, seguridade infantil, xoguetes ou lecer.

Sexta.-Os traballos serán individuais ou colectivos, e cunhas dimensións máximas de 0,80x0,70 m para os carteis ou debuxos e unha extensión máxima de tres follas a dobre espacio por unha soa cara para os traballos de redacción.

Sétima.-Os premios que se concedan faranse efectivos na sua contía global de 1.000.000 de ptas. con cargo á aplicación orzamentaria 08.50.343A.640.0 do Instituto Galego de Consumo.

Oitava.-A concesión dos premios farase por proposta dun xurado nomeado polo presidente do Instituto Galego de Consumo e o director xeral de Ordenación Educativo e Centros.

Novena.-A decisión do xurado, que será publicada no Diario Oficial de Galicia, será inapelable e poderán ser declarados desertos calquera dos premios anunciados ou, se é o caso, e se o xurado o determina, ser acumulados entre si, ou compartidos segundo a súa calidade.

Décima.-A participación no concurso supón a aceptación de tódalas súas bases, así como a cesión do dereito da propiedade no caso dos carteis ou

debuxos e os traballos de redacción gañadores, nos que poderán introducirse as variacións que se consideren máis adecuadas á súa finalidade.

Disposición derradeira

Nos aspectos non previstos na presente orde haberá que aterse ó disposto na Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, no artigo 35 da Lei 6/1994, do 29 de decem

bro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 1996, e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 15 de maio de 1996.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

96-4342