Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 111 Xoves, 06 de xuño de 1996 Páx. 5.517

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 2 de abril de 1996, da Delegación Provincial de Ourense, pola que se dispón a inscrición e a publicación do convenio colectivo de ámbito provincial para o sector do comercio da pel de Ourense.

Visto o texto do convenio colectivo para o sector do comercio da pel (código nº 3200135) de Ourense, con entrada nesta delegación provincial, subscrito pola Asociación Provincial de Empresarios de Calzados e Bolsos de Ourense e as centrais sindicais CC.OO., UXT e CIG, todas con lexitimidade suficiente para asina-lo dito convenio, en xuntanza celebrada o 8 de marzo de 1996, e de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Estatuto dos traballadores, texto refundido aprobado por Real decreto 1/1995, do 24 de marzo, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo. Esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la inscrición deste no libro de rexistro de convenios colectivos desta delegación provincial, con notificación ás representacions económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Unidade de Mediación, Arbitraxe e Conciliación desta delegación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Ourense, 2 de abril de 1996.

Manuel López Casas

Delegado provincial de Ourense

Convenio colectivo do comercio da pel de Ourense 1996

Artigo 1º.-Partes asinantes.

As partes asinantes do presente convenio son a Asociación Provincial de Empresarios de Calzados e Bolsos de Ourense e as centrais sindicais CC.OO., UGT e CIG, todas elas con lexitimidade suficiente para a sinatura deste, segundo o disposto no artigo 87 do Estatuto dos traballadores.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación.

Nos seus aspectos territorial, funcional e persoal o presente convenio afectará ás empresas establecidas ou que se poidan establecer en Ourense, xa sexan naturais ou xurídicas as persoas titulares delas, que se dediquen ás actividades de comercio da pel en xeral, tanto polo xunto como polo miúdo, e ás que sexa de aplicación a ordenanza laboral de traballo pra o comercio e, así mesmo, ás relacións laborais entre tales empresas e os productores que nela presten os seus servicios.

Artigo 3º.-Vixencia.

O presente convenio entrará en vigor, para tódolos efectos o día 1 de xaneiro de 1996, independentemente da súa publicación no BOP. Este convenio será de aplicación na súa totalidade, ata que se asine outro que o substitúa.

Artigo 4º.-Duración.

Establécese para o presente convenio unha duración dun ano, é dicir, ata o 31 de decembro de 1996, prorrogable pola tácita de ano en ano a partir de 1996, en períodos anuais, sempre que non sexa denunciado por algunha das partes que o subscribe, antes do termo da súa vixencia inicial ou de calquera das súas prórrogas.

Os requisitos formais da denuncia serán os establecidos no artigo 89 do Estatuto dos traballadores.

Artigo 5º.-Condicións máis beneficiosas.

Tódalas melloras establecidas polo presente convenio establécense co carácter de mínimas dentro das condicións pactadas. Respectaranse as situacións que impliquen para o traballador condicións máis beneficiosas cás aquí pactadas, manténdose ad personam en canto excedan do cómputo anual.

Artigo 6º.-Comisión paritaria.

Establécese unha Comisión Mixta Paritaria de interpretación e vixilancia do convenio integrada polos membros da comisión negociadora deste e que se sinalan na disposición derradeira.

Artigo 7º.-Funcionamento da Comisión Mixta Paritaria.

En caso de reclamación sobre materia regulada no convenio, a Comisión Mixta Paritaria, oída a representación sindical dos traballadores do centro de traballo afectado e a dirección da empresa, dictaminará por maioría sobre o asunto. De non ser aceptado o dictame da Comisión Mixta resolverá a autoridade laboral competente, en cada caso.

Artigo 8º.-Vacacións.

As vacacións serán de trinta días naturais para cada traballador/a. Este período poderase dividir en dous, os cales se fixarán de común acordo entre empresa e representantes dos traballadores, fixando o calendario de desfrute nos tres primeiros meses do ano para garantir que se comunique con dous meses de antelación á data do comezo delas, tal como establece a lexislación vixente.

Artigo 9º.-Salario base.

Os salarios base do presente convenio serán os que figuran na táboa anexa a este.

Artigo 10º.-Antigüidade.

O persoal comprendido no presente convenio percibirá aumentos periódicos por ano de servicio, consistentes no aboamento de cuadrienios na contía do 6% do salario correspondente á categoría na que estea clasificado.

Artigo 11º.-Gratificacións extraordinarias.

As empresas deberán aboar tres pagas extraordinarias: unha en xullo, outra en decembro e outra de beneficios, que se pagará entre o 1 de xaneiro e o 31 de marzo. Cada unha estará integrada por unha mensualidade do salario total do convenio e o premio de antigüidade que será considerado, se é o caso, sobre o salario actualizado á data en que sexa pagada e incluso a de beneficios, para aqueles que regulamentariamente ou por pacto os teñan recoñecidos, de tal maneira que o importe destas teña que ser igual ó das mensualidades ordinarias, constituíndo 15 pagas anuais.

Artigo 12º.-Axuda de estudios.

Establécese unha axuda mensual de 575 ptas. para os fillos dos traballadores que cursen BUP ou ensinanzas inferiores e de 1.219 ptas. ó mes para estudios superiores. Os ditos importes quedarán conxelados desde a sinatura do presente convenio. A dita axuda de estudios percibirana unicamente aqueles traballadores que a viñeran percibindo ó 1 de xaneiro de 1992, e desaparecerán do convenio a medida que desaparezan as causas que o orixinan.

Artigo 13º.-Remuneración anual.

A remuneración anual será a establecida no presente convenio correspondente a cada categoría, incluída a antigüidade, pagas extraordinarias, beneficios e axudas de estudios cando a xornada sexa

a normal de 40 horas semanais durante todo o ano e proporcional ás horas traballadas cando a xornada sexa a tempo parcial ou reducida. Nos casos de enfermidade, vacacións e licencias aplicarase o disposto na ordenanza laboral do comercio.

Artigo 14º.-Xornada.

A xornada laboral para a vixencia do presente convenio será de 1.804 horas en cómputo anual, ou 40 horas semanais, que normalmente se distribuirán de luns a sábado, terminando a xornada ás 13.30 do sábado, ata a sinatura do seguinte convenio.

Como consecuencia da instalación en Ourense dunha gran superficie como é Continente, ámbalas partes manifestan que no caso de que a instalación desta inflúa no comercio da pel en Ourense, reunirase a Comisión Paritaria do convenio para analiza-la situación e toma-las medidas que se consideren máis idóneas para palia-la situación.

Fíxanse como días libres no sector para tódolos efectos, para escoller entre empresa e traballadores, un día de entre o 15 e o 22 de novembro, e poderán ser modificadas as datas, por acordo entre empresa e traballadores.

Fíxanse como días a traballar, como consecuencia das festas de Nadal e de acordo á tradición con que se vén facendo os sábados pola tarde do mes de decembro e o 4 de xaneiro de 1997. Aqueles traballadores que realicen o seu traballo o sábado pola tarde terán dereito ó descanso equivalente e na mesma proporción ás horas traballadas ou á súa compensación económica, se así o acordan entre empresa e os traballadores.

Artigo 15º.-Horas extraordinarias.

As partes asinantes do presente convenio establecen como unha guía adecuada para a creación de emprego a reducción das horas extraordinarias, e para este efecto recomendan a súa supresión. Non obstante o anterior, poderán realizarse as horas extraordinarias que sexan consideradas como estructurais ou forza maior. Para os efectos de considerar cales son as horas estructurais ou de forza maior observarase o disposto no punto cuarto do Acordo Nacional de Emprego, así como o disposto no Real decreto 1858/1981, do 29 de agosto.

Artigo 16º.-Premio de xubilación.

O persoal que se xubile dentro da idade de 64 anos ou antes do cumprimento desta, ademais do que lle corresponde segundo a lexislación vixente, percibirá como premio de xubilación, unha mensualidade completa.

As empresas e traballadores afectados polo presente convenio poderán pacta-la xubilación especial ós 64 anos de idade, de conformidade co disposto na Lei 14/1981, do 17 de outubro, que o desenvolve, así como as demais disposicións legais que regulen o dito tipo de xubilación no futuro.

Artigo 17º.-Publicidade.

As empresas afectadas por este convenio deberán ter un exemplar del no centro de traballo para coñecemento do persoal. Así mesmo, colocarán no taboleiro de anuncios copias dos boletíns de cotización á Seguridade Social co fin de que os traballadores constaten a súa situación laboral mensualmente.

Artigo 18º.-Baixa por ILT.

A baixa por maternidade terá a retribución do 100% do salario neto que viña percibindo. No caso de que a traballadora opte por desfrutar dúas semanas antes do parto, segundo determina a OMS, respectarase a mencionada retribución.

Artigo 19º.-Dereitos sindicais.

a) As empresas deberán cumpri-la Lei 8/1980, e se é o caso, a normativa que poida substituíla ou modificala e os acordos nacionais asinados entre ámbalas partes sobre esta materia, de forma clara e progresiva. Os delegados de persoal exercerán de forma mancomunada perante o empresario a representación para a que foron elixidos, intervindo en cantas cuestións se susciten en relación coas condicións de traballo e do persoal que representan, formulando reclamacións perante a autoridade laboral ou entidades xestoras da Seguridade Social, segundo proceda sobre o cumprimento das relativas a seguridade e hixiene no traballo e Seguridade Social. Os comités de empresa recibirán información que lles será facilitada trimestralmente, polo menos sobre a situación da producción, vendas da empresa, sobre a súa programación de producción e evolución probable do emprego na empresa, coñece-lo balance de resultados, a memoria e, en caso de revesti-la forma xurídica de sociedade, dos demais documentos

que se lles dean ós socios e nas mesmas condicións cá estes. Emitir informe con carácter previo sobre restructuración de cadro de persoal e cadros bancarios.

b) En tódolos contratos, modificacións e prórrogas destes, poderase incluír, xunto coa sinatura do empresario e traballador, a dun representante sindical dos traballadores, e enténdese por estes, os membros das seccións sindicais, Comité de empresa e delegados de persoal.

c) A Dirección da empresa no prazo dunha semana entregaralles copia do contrato ou documento que o modifique ós representantes sindicais dos traballadores.

d) Cláusula sobre finiquitos: tódolos recibos de finiquito deberán especificar, con toda claridade, xunto cos demais conceptos debidos ó traballador, os correspondentes atrasos do convenio e os derivados da aplicación da cláusula de revisión, se a houbese.

e) As relacións laborais serán prioritariamente de carácter indefinido. Non obstante, cando as circunstancias o esixan poderán celebrar contratos por tempo determinado, respectando o principio xeral

de estabilidade e garantindo, en todo caso, a estricta casualidade da contratación. Para iso, a empresa notificará ós representantes dos traballadores pra determinar se as circunstancias específicas xustifican o uso de calquera das modalidades de contratación temporal.

Disposicións derradeiras

Primeira.-O incremento salarial do presente convenio é dun 4% durante a vixencia do convenio.

Segunda.-En todo caso o que non se atope expresamente previsto no presente convenio haberá que aterse ó disposto na ordenanza laboral de traballo no comercio, en tanto en canto ámbalas partes non acorden substituíla polo convenio colectivo, no caso de que fora derrogada a Lei do estatuto dos traballadores, así como a Lei orgánica de liberdade sindical e todas aquelas disposicións legais de aplicación.

Terceira.-A Comisión Paritaria do convenio estará formada polas persoas asinantes do presente convenio.

Cuarta.-Cláusula de submisión ó AGA.

Ante a importancia que poida supoñer para a resolución pacífica dos conflictos laborais a elaboración do Acordo Interprofesional Galego, sobre procedementos extraxudiciais de solución de conflictos de traballo AGA, asinado entre a Confederación de Empresarios de Galicia e as organizacións sindicais UGT, CC.OO. e CIG, as partes asinantes deste convenio, durante a súa vixencia, acordan someterse ás disposicións contidas no AGA, nos propios termos en que están formulados.

ANEXO I

TÁBOA SALARIAL

Xefe de división100.132
Encargado xeral e xefe de compras96.460
Xefe de sucursal ou almacén96.490
Xefe de sección mercantil92.840
Encargado91.016
Viaxante91.016
Dependente de 25 anos87.369
Dependente de 22 a 25 anos82.534
Axudante81.450
Mozo81.450
Traballadores de 16 a 18 anos50.462
Xefe administrativo96.490
Contable92.110
Oficial administrativo87.369
Auxiliar administrativo81.450
Aspirante de 16 a 18 anos50.462
Auxiliar de caixa maior de 20 anos82.535
Auxiliar de caixa de 16 a 18 anos50.490
Escaparatista95.395
Persoal de limpeza-salario/hora572

9604137