Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 110 Mércores, 05 de xuño de 1996 Páx. 5.438

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 30 de maio de 1996 pola que se regula o exercicio da inspección ambiental única e a tramitación de denuncias ambientais.

Como unha das principais novidades, e facéndose eco dunha profunda demanda social no noso tempo, a Constitución española recoñece no seu elenco de dereitos, no artigo 45, o dereito de todos a desfrutar dun medio ambiente axeitado para o desenvolvemento da persoa, o deber de conservalo, así como a obriga dos poderes públicos de velar pola utilización racional dos recursos naturais para promover e mellora-la calidade de vida e defender e restaura-lo medio ambiente, apoiándose na indispensable solidariedade colectiva.

Como desenvolvemento adicional deste dereito, e da lexislación básica da materia, o Parlamento de Galicia aprobou a Lei 1/1995, de protección ambiental, a cal, entre outras cousas, preceptúa a constitución dunha inspección ambiental única (artigo 29), coa que se pretende desenvolver e coordina-los diferentes labores de vixilancia ambiental.

O Decreto 156/1995, do 3 de xuño, de inspección ambiental, desenvolve o mencionado artigo 29 da Lei de protección ambiental de Galicia, e nel defínense e concrétanse os diferentes aspectos que conforman a inspección ambiental. A implantación desta inspección ambiental única, así como a disposición derrogatoria do mencionado Decreto 156/1995, da Orde do 31 de maio de 1991 pola que se establece o procedemento administrativo na Comunidade Autónoma de Galicia da presentación e tramitación das reclamacións e denuncias ambientais, e da Orde do 31-05-1991 pola que se regulan os trámites de visitas de comprobación e verificación do funcionamento de actividades clasificadas, fan necesaria unha regulación do exercicio da función inspectora en desenvolvemento do disposto no Decreto 156/1995.

Na súa virtude,

DISPOÑO:

Artigo 1º

1. De conformidade co establecido no artigo 4.1º do Decreto 156/1995, no ámbito da Administración autonómica, corresponderalle o exercicio da función de control e vixilancia a unha inspección ambiental única, coordinada polo órgano ambiental.

2. Terá a condición de inspector ambiental o funcionario autonómico cualificado, que trala oportuna habilitación reciba a acreditación como tal, expedida pola Secretaría Xeral para a Protección Civil e o Medio Ambiente, segundo modelo que se recolle como anexo I na presente orde.

3. Para tal efecto, os centros directivos da Xunta de Galicia remitiranlle á Secretaría Xeral para a Protección Civil e o Medio Ambiente as solicitudes de acreditación como inspector ambiental do persoal

dependente deles que desempeñe ou pretenda desempeñar algunha das funcións de inspección ambiental recollidas no Decreto 156/1995, en particular as recollidas nos artigos 19, 26 e 31.

4. A solicitude deberá ir acompañada de certificación acreditativa do desempeño dos labores de inspección ambiental, segundo o anexo II, así como dúas fotografías tamaño carné de cada funcionario.

5. A acreditación dos funcionarios autonómicos da Inspección Ambiental Xeral, dependente da Secretaría Xeral para a Protección Civil e o Medio Ambiente, faraa por esta última de oficio.

6. Os funcionarios autonómicos integrados en corpos de gardería e/ou asimilados que desempeñen cometidos de vixilancia, conforme a normativa vixente, poderán recibir acreditación como axentes auxiliares ambientais, que será expedida pola Secretaría Xeral para a Protección Civil e o Medio Ambiente, segundo o modelo recollido no anexo I bis da presente orde.

7. Para os efectos do establecido no apartado precedente, segundo se dispón na disposición adicional do Decreto 156/1995, os centros directivos dos que depende o citado persoal remitirán unha solicitude de acreditación, acompañada dunha memoria explicativa e referencia normativa das súas funcións, xunto con dúas fotografías tamaño carné de cada funcionario.

Artigo 2º

1. As denuncias ambientais cubriranse segundo o modelo recollido no anexo III, e en calquera caso incluíndo as circunstancias que nel se conteñen, así como as demais que se consideren oportunas. A denuncia expresará a identidade da persoa ou persoas que a presenten, o relato dos feitos que puidesen constituír infracción e a data da súa comisión e, cando sexa posible, a identificación dos presuntos responsables.

2. As denuncias ambientais dirixiranse ó órgano sectorial con competencia na materia ou, en calquera caso, á Xefatura Provincial de Protección Ambiental da respectiva provincia, por calqueira dos medios admitidos no artigo 45 da Lei 30/1992, de réximen xurídico e das administracións públicas e procedemento administrativo común.

3. A Xefatura Provincial de Protección Ambiental, se o estima oportuno, determinará a necesidade de realizar visita de inspección ambiental ou reclamará máis información, e tramitará o expediente ó/ós órgano/os competentes para a súa resolución incluíndo, se é o caso, a correspondente acta de inspección ambiental e/ou informe técnico.

4. Para o non disposto nesta orde, na tramitación das denuncias ambientais observarase o recollido no Decreto 156/1995, capítulo IV.

Artigo 3º

1. Os resultados das actuacións de investigación ou comprobación realizadas pola inspección ambiental recolleranse nas actas de investigación ou acta de comprobación que figuran nos anexos IV e V respectivamente, ou, noutro caso, recollerán o disposto nos artigos 14 e 15 do Decreto 156/1995.

Redactarase acta de investigación como resultado da realización dunha inspección ambiental nos seguintes supostos:

a) Con carácter previo ó outorgamento dunha autorización ou licencia, co obxecto de comproba-la realidade dos extremos unidos nos estudios ou proxectos dos diferentes elementos preventivos, así como as sinaladas por calquera outra prescrición legal (artigo 12.1º do Decreto 156/1995).

b) En virtude de denuncia dalgún feito que puidese ser constitutivo de delicto, infracción administrativa, ou incumprimento de prescricións de obrigado cumprimento legal (artigo 12.3º do Decreto 156/1995).

c) De oficio, para a comprobación de calquera actividade en funcionamento ou abandonada de forma ilegal, ou por coñecemento ou indicios da existencia de feitos que puidesen ser constitutivos de delicto ou infracción administrativa (artigo 12.4º do Decreto 156/1995).

A acta formularase por triplicado un exemplar entragaráselle, se é o caso, á persoa coa que se estendeu as actuacións, outro exemplar será utilizado para a súa tramitación administrativa polo órgano competente, ben directamente ou por instancia da Xefatura Provincial de Protección Ambiental, e o terceiro exemplar será para arquivo na Xefatura Provincial de Protección Ambiental (en caso de realiza-la inspección ambiental un órgano sectorial, deberá remitir esta terceira copia á citada xefatura).

3. Se o caso o precisase, a Inspección Ambiental poderá levar a cabo toma de mostras de productos contaminados, contaminantes ou de ambos, así como efectuar in situ calquera tipo de medidas e lectura de parámetros que se estimen oportunos para garantiza-lo cumprimento da lexislación vixente en materia ambiental.

En caso de realizar toma de mostras, farase por triplicado, e redactarase acta de investigación tamén por triplicado, na que se farán constar claramente o lugar de toma de mostras, a natureza delas, a cantidade tomada, a forma en que se procedeu á mostraxe, características organolépticas da mostra e outras circunstancias que se estimen necesarias para unha identificación posterior no laboratorio do tipo de mostra.

Unha copia da acta quedará en poder do propietario e representante da empresa, acompañada dunha mostra debidamente precintada, outra copia da acta e a segunda mostra remitiranse a un laboratorio especializado en determinacións analíticas que se deben efectuar. A terceira mostra e a terceira copia da acta quedarán en poder da Xefatura Provincial de Protección Ambiental.

4. No caso de que, polas características particulares da inspección ambiental, sexa necesaria a toma mecánica ou automática de datos específicos sobre: residuos líquidos, contaminantes atmosféricos, ruídos, datos de laboratorio, etc., os resultados recolleranse como anexos á acta.

Artigo 4º

1. Da realización dunha inspección ambiental segundo se recolle no artigo 12.2º do Decreto 156/1995, isto é, con posterioridade á posta en marcha da actividade, co obxecto de comprobar que se cumpren de maneira continuada as condicións marcadas nos instrumentos preventivos, así como as sinaladas por calquera outra prescrición legal, levantarase acta de comprobación segundo o modelo do anexo V. Estas inspeccións poderán ser efectuadas en calquera momento.

2. Para a realización das inspeccións previas á posta en funcionamento da actividade, recollidas nos artigos 19 e 20 do Decreto 156/1995 utilizarase o mesmo modelo de acta de comprobación.

Artigo 5º

1. En desenvolvemento do disposto no título III do Decreto 156/1995, relativo a normas específicas para a inspección previa e de seguimento de actividades clasificadas, a preceptiva visita de comprobación das actividades clasificadas recollida no artigo 33 do mencionado decreto levará consigo a formulación dunha acta de comprobación para o exercicio de actividades clasificadas na que se farán constar, como mínimo, os puntos que se indican no modelo do anexo VI.

2. De oficio ou por petición dos concellos afectados serán realizadas visitas por parte da inspección ambiental (xeral ou sectorial correspondente, coordinadas pola Ponencia Técnica da Comisión Provincial de Medio Ambiente) para a verificación e comprobación do cumprimento continuado da normativa sobre actividades clasificadas.

3. Do resultado da inspección levantarase acta por triplicado na que se farán constar, como mínimo, os puntos que se indican no modelo que figura no anexo VII.

4. Un exemplar das actas de comprobación ou inspección de actas clasificadas entregaráselle ó interesado, outro será para a Comisión Provincial de Medio Ambiente e o terceiro remitiráselle ó concello afectado.

5. No caso de precisarse unha toma de mostras ou efectuar in situ calquera tipo de medidas estarase ó mencionado con anterioridade no artigo 3.3º e 4.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Queda derrogada calquera norma, de igual ou inferior categoría, que se opoña á presente disposición.

Segunda.-Autorízase o secretario xeral da Comisión Galega do Medio Ambiente para adopta-las resolucións que sexan precisas para o cumprimento e desenvolvemento da presente orde.

Terceira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de maio de 1996.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

4188