Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 107 Venres, 31 de maio de 1996 Páx. 5.244

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA

RESOLUCIÓN do 22 de maio de 1996 pola que se fai público o convenio de apoio financeiro para a renovación da flota galega subscrito con distintas entidades financeiras.

Con data 21 de maio de 1996, o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) e sete entidades financeiras, asinaron un convenio co obxecto de establecer unha liña de axudas de apoio financeiro para a renovación da flota galega, ó amparo do Decreto da Xunta de Galicia 309/1995, do 23 de novembro, da orde da Consellería de Economía e Facenda do 18 de abril de 1996 e de conformidade co Decreto da Xunta de Galicia 278/1994, do 8 de setembro, polo que se establece o programa de axudas con finalidade estructural no sector da pesca, a acuicultura e a transformación e comercialización dos seus productos.

En virtude do exposto, de conformidade coa Lei 5/1992, do 10 de xuño, de creación do IGAPE e o seu regulamento, aprobado polo Decreto 317/1992, do 12 de novembro, e en virtude das facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

En cumprimento do disposto no Art. 78 da Lei 11/1992, do 11 de octubro, de réxime financeiro e presupostario de Galicia, e co obxecto de darlle unha adecuada difusión, faise público o texto do convenio coas entidades financeiras e a relación de entidades que o subscriben, que figura como anexo I.

Santiago de Compostela, 22 de maio de 1996.

José Antonio Orza Fernández

Presidente do Instituto Galego de Promoción Económica

Convenio de apoio financeiro para a renovación da flota galega

O presente convenio, asinado por José Antonio Orza Fernández en representación do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) e por ........, en representación da entidade financeira ......................, todos eles con poder suficiente para este outorgamento, inscríbese dentro da política de apoio á pequena e mediana empresa emprendida pola Xunta de Galicia a través do IGAPE ó abeiro do Decreto da Xunta de Galicia 309/1995, do 23 de novembro, e da orde da Consellería de Economía

e Facenda do 18 de abril de 1996, e de conformidade co Decreto da Xunta de Galicia 278/1994, do 8 de setembro, polo que se establece o programa de axudas con finalidade estructural no sector da pesca, a acuicultura e a transformación e comercialización dos seus productos.

Preámbulo

O sector pesqueiro galego ten unha especial importancia socioeconómica e estratéxica, polo que resulta primordial procura-la súa consolidación e a súa modernización.

A elevada idade media da flota, na que máis do 60% supera os vinte anos, fai necesario acometer un plan decidido de renovación que produza un incremento da eficacia productiva, a mellora do tratamento da pesca a bordo e que eleve a cota de habitabilidade e seguridade nos buques.

A Xunta de Galicia, consciente da importancia de mante-la actividade e incrementa-la competitividade da flota, instrumenta medidas de apoio financeiro ás empresas do sector para acomete-la compra de barcos novos, mediante encargo a estaleiros galegos, para substituí-los actuais xa obsoletos. Con esta medida preténdese, ademais, incrementa-la actividade dos estaleiros que tanta importancia teñen no mantemento do emprego.

En consecuencia, as partes arriba mencionadas, coincidindo no obxectivo xeral, establecen este convenio de colaboración dacordo ás seguintes cláusulas:

Primeira.-Obxecto.

O presente convenio ten por obxecto defini-los termos de colaboración entre o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) e a entidade .............. (en adiante a entidade financeira) para os efectos de establece-las liñas de financiamento subsidiadas para aqueles investimentos en nova construcción de buques de pesca recollidos no Decreto da Xunta de Galicia 278/1994, do 8 de setembro, e que se encadran dentro do Programa de Investimentos establecido polo Decreto da Xunta de Galicia 309/1995, do 23 de novembro, e na orde da Consellería de Economía e Facenda do 18 de abril de 1996.

Segunda.-Destino das axudas e condicións.

1. Son subsidiables as operacións de préstamo encadrables no programa de investimentos establecido polo Decreto 309/1995 e pola orde do 18 de abril de 1996 e que financien proxectos de investimento de nova construcción de buques de pesca para a renovación da flota que faena en augas comunitarias da NEAFC (Gran Sol), a flota boniteira do cantábrico e outras flotas de semellantes características estructurais que poidan acollerse por proposta da Consellería sectorial e que sexan subvencionables conforme as disposicións do Decreto 278/1994 e cumpran as condicións establecidas nel.

Para os efectos deste convenio, son beneficiarios aqueles armadores que formalicen operacións de préstamo coa entidade financeira para financiar

proxectos de investimento que sexan subvencionables conforme o mesmo e que teñan a dimensión sinalada no artigo 3 da Orde do 18 de abril de 1996.

2. Os posteriores cambios de titularidade do barco ou destino del implicará o cambio na titularidade ou condicións da resolución. Deberá ser solicitado ó IGAPE o cambio na resolución e para iso requirirase informe favorable da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura. O non cumprimento deste requisito pode dar lugar á interrupción da subsidiación e á devolución do percibido, se é o caso.

3. O cumprimento en cada proxecto de investimento das condicións técnicas e legais para ser subvencionable deberá ser acreditado ó IGAPE mediante un informe emitido pola Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura. O devandito informe será preceptivo para os efectos da concesión da subsidiación obxecto deste convenio.

Terceira.-Contía da subsidiación.

A subsidiación das operacións incluídas neste convenio será como máximo de ata 2,75 puntos sen que en ningún caso o tipo de xuro do préstamo subsidiado resultante para o beneficiario poida ser inferior a catro puntos.

No caso de que os tipos de xuro evolucionasen á baixa de tal forma que o tipo de partida ICO implique que a subsidiación do IGAPE sexa inferior a 1,25 puntos, o ICO rebaixará a súa subsidiación ás entidades financeiras no 50% da diferencia entre 1,25 puntos e a subsidiación do IGAPE que resultase para que o tipo de xuro final para o beneficiario fose do 4%.

O disposto nesta cláusula non afectará á marxe da entidade financeira, que en todo caso será de ata 1,75 puntos para os sete primeiros anos e de ata 1,50 puntos a partir do sétimo ano.

Cuarta.-Características das operacións de préstamo.

1. Importe dos préstamos e porcentaxes de financiamento.

O importe do préstamo con dereito a subsidiación non poderá exceder do 45% do investimento subvencionable, entendéndose por investimentos subvencionables aqueles investimentos en nova construcción de buques de pesca que sexan subvencionables conforme as disposicións do Decreto 278/1994 e sexan encadrables no programa de investimentos do Decreto 309/1995.

O importe do investimento subvencionable será aquel que teña determinado a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura para a concesión das subvencións recollidas no Decreto 278/1994 de acordo co estipulado no punto 3. cláusula segunda deste convenio.

2. Prazos de amortización e vixencia da subsidiación.

O prazo máximo de amortización dos préstamos será de ata 12 anos, incluídos ata dous anos de carencia.

O prazo máximo de subsidiación dos xuros polo IGAPE será de ata 7 anos, incluídos como máximo 2 de carencia, con independencia da duración do préstamo subsidiado. A subsidiación concedida realizarase durante os 7 primeiros anos de duración do préstamo e xirará sobre o importe do préstamo vixente en cada ano.

3. Orixe dos fondos de financiamento.

O financiamento dos préstamos obxecto deste convenio realizarase de acordo co convenio xa subscrito entre o IGAPE, ICO e a Consellería de Pesca Marisqueo e Acuicultura por un importe de tres mil seiscentos millóns de pesetas (3.600.000.000 ptas.) e farase de forma concertada entre a entidade financeira e o ICO, e con suxeición ós termos e condicións xerais do convenio que para estes efectos subscriba o ICO coa entidade financeira. Na data de solicitude por parte da entidade financeira, o ICO subministraralle os fondos necesarios para o financiamento do proxecto ou proxectos de investimento incentivables conforme a este convenio.

O tipo de xuro (TAE) de cesión dos fondos polo ICO á entidade financeira poderá ser fixo ou variable segundo petición dos beneficiarios ás entidades financeiras e cun prazo de ata doce anos desde a data en que aqueles sexan aceptados polas entidades financeiras nas condicións ofertadas polo ICO.

O ICO ofertará, nos termos do contrato de financiamento asinado coas distintas entidades financeiras, os tipos de xuro TAE máximos que serán aplicables ás disposicións de fondos solicitadas. Esta oferta indicará o tipo de partida ICO (TAE), que diminuído en 1,25 puntos porcentuais durante os 7 primeiros anos, determinará o tipo de cesión (TAE) á entidade financeira, o cal poderá ser incrementado ó beneficiario, en ata 1,75 puntos porcentuais. A partir do sétimo ano, o tipo de cesión (TAE) será o tipo de partida ICO (TAE) ofertado, o cal poderá ser incrementado ó beneficiario en ata 1,50 puntos porcentuais.

No caso de que os tipos de xuro evolucionasen á baixa de tal forma que a subsidiación do IGAPE resultase inferior a 1,25 puntos, aplicarase o disposto no parágrafo 2º da cláusula terceira.

4. Solicitude dos fondos e formalización do préstamo.

Os beneficiarios deberán solicita-lo préstamo da entidade financeira e a entidade financeira deberá solicitarlle ó ICO os fondos para a operación no prazo máximo de 5 meses desde o informe favorable do IGAPE considerando os proxectos de investimento como subsidiables conforme a este convenio.

A operación de préstamo entre a entidade financeira e o beneficiario deberá formalizarse no prazo máximo de cinco días hábiles para efectos laborais

no sector bancario desde a data de envío polo ICO da cotización polos fondos solicitados.

O mesmo día en que reciba a cotización do ICO que sexa aceptada para a formalización dos préstamos acollidos a este convenio, a entidade financeira deberá comunicarlle ó IGAPE por fax a cotización e condicións da operación que van formalizar para os efectos de que este organismo poida emiti-la pertinente resolución no prazo anteriormente sinalado de 5 días hábiles.

Dada a natureza dos fondos para o financiamento das operacións e a necesidade de axuste a prazos moi curtos, o mes de agosto será inhábil para os efectos da emisión por parte do IGAPE das correspondentes resolucións concedendo as subsidiacións ó abeiro deste convenio.

5. Reembolso anticipado e vencemento anticipado por morosidade.

O beneficiario poderá reembolsar anticipadamente a totalidade ou parte do préstamo nas datas de amortización establecidas mediante unha notificación dirixida á entidade financeira cun preaviso mínimo de cinco días antes da data de reembolso elixida polo beneficiario para o devandito reembolso anticipado. Neste caso, a penalización por amortización anticipada será a seguinte:

-Préstamos a tipo fixo: un máximo dun 2,5% anual sobre os importes reembolsados por anticipado.

-Préstamos a tipo variable: un máximo dun 2,5% anual sobre os importes reembolsados por anticipado e polos días que resten ata o termo do período anual de xuros en curso. Se a amortización anticipada coincide coa data de revisión do tipo, non haberá penalización ningunha.

As penalizacións por reembolso anticipado non se aplicarán nos préstamos a tipo variable se se produce o reembolso nos 7 días hábiles posteriores á data de revisión, sempre que se demostre de maneira que faga fe a renuncia á renovación polo beneficiario.

No caso de vencemento anticipado da operación de préstamo por morosidade, a entidade financeira poderá cobrar unha penalización máxima polo vencemento anticipado igual á prevista anteriormente para o caso de reembolso anticipado.

6. Tipo de xuro fixo ou variable para o beneficiario das operacións de préstamo.

O tipo de xuro que se lle aplique ó beneficiario das operacións poderá ser fixo ou variable a elección do beneficiario, e durante os sete primeiros anos será o que se obteña de sumar ó tipo de cesión (TAE) do ICO a marxe de ata 1,75 puntos porcentuais.

A partir do sétimo ano, o tipo de xuro aplicable ó beneficiario, será o que se obteña de lle sumar ó tipo de cesión (TAE) do ICO a marxe de ata 1,50 puntos porcentuais.

Nos préstamos formalizados a tipo de xuro variable, a partir do segundo ano e durante os seis anos seguin

tes, o tipo aplicable ó beneficiario, revisarase deacordo, ou ó tipo de cesión (TAE) do ICO, que leva implícita unha subvención de 1,25 puntos porcentuais, ó que se aplicará a marxe de intermediación de 1,75 puntos porcentuais, ou ós tipos establecidos pola entidade financeira, con base exclusiva ó Mibor a 1 ano (TAE) coas súas propias datas e referencias máis ata 0,50 puntos porcentuais.

Durante os cinco derradeiros anos, o tipo de xuro aplicable revisarase anualmente, deacordo, ou ó tipo de cesión (TAE) do ICO sen bonificación, ó que se aplicará unha marxe de ata 1,50 puntos porcentuais, ou ós tipos de xuro establecidos pola entidade financeira con base exclusiva no Mibor a 1 ano (TAE) coas súas propias datas e referencias máis ata 1,50 puntos porcentuais.

Enténdese por Mibor para os efectos deste contrato, o tipo de xuro no Mercado Interbancario de Madrid, obtido da cotización reflectida na pantalla Reuter MBOR ás 11 horas, ou outra que no futuro puidera substituíla. Se á data de revisión non fora posible obter esta cotización, tomaríase a do primeiro día hábil seguinte.

7. Comisións.

A entidade financeira prestamista poderá percibir dunha soa vez unha única comisión máxima, de apertura e por tódolos conceptos, dun 0,5% para as operacións de préstamo de ata 12 anos.

Os gastos e impostos orixinados pola intervención de fedatarios públicos serán por conta dos beneficiarios.

8. Disposición.

O período de disposición non poderá ser superior a un ano a partir da data de formalización do préstamo. O beneficiario poderá realizar ata tres disposicións parciais, sen que iso afecte en modo ningún ó tipo de xuro fixado conforme o disposto neste convenio.

A entidade financeira permitirá disposicións para o pagamento do 45% do importe dos investimentos dos que a súa execución estea debidamente xustificada.

Quinta.-Xustificación dos investimentos.

Os investimentos deberán xustificarse mediante certificacións parciais sobre a construcción efectiva emitidas polos estaleiros que constrúan os buques. Unha vez xustificada a totalidade do investimento o IGAPE remitirá a totalidade da xustificación á Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura que emitirá informe sobre a adecuación do investimento realizado coa finalidade prevista.

Os beneficiarios deberán subministrarlle ó IGAPE calquera documentación ou información adicional que se lles solicite para estes efectos.

Sexta.-Perda da subvención.

Sen prexuízo das causas de perda da subvención establecidas na Orde do 18 de abril de 1996 ou

calquera outra lexislación aplicable ou polo incumprimento dos requisitos ou condicións establecidos por estas disposicións, serán ademais causas de perda da subvención con obriga de devolución das cantidades percibidas o incumprimento das condicións establecidas no Decreto 278/1995 citado, e en especial as enumeradas no Art. 13 do devandito decreto.

Sétima.-Entrada en vigor e vixencia.

O presente acordo entrará en vigor a partir da data da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, e a súa vixencia para a concesión de novas operacións de subsidiación será ata o 31 de decembro de 1997.

Oitava.-Tramitación.

1. Modelo de solicitude e documentación.

As solicitudes presentaranse en impreso oficial normalizado que se incorpora a este convenio como anexo I. O impreso será datado e asinado polo solicitante e dilixenciado pola entidade financeira co selo e data.

Ademais do impreso de solicitude presentarase por duplicado a seguinte documentación:

1) Documentación acreditativa das circunstancias persoais do solicitante: fotocopia do NIF, no caso de ser persoa física. No caso de ser persoas xurídicas, deberán aportar fotocopia da tarxeta de identificación fiscal e copia da escritura de constitución e estatutos debidamente inscritos no Rexistro Mercantil.

Certificación emitida polo representante legal na que se faga constar: número de traballadores, volume de negocio e o importe do activo total do balance, todo iso referido ó 31 de decembro de 1995. No caso de sociedades nas que o seu capital estea participado en máis dun 25% por outra sociedade deberá incluír na certificación que esta non supera a dimensión de Peme tal como establece o artigo 3 da orde da Consellería de Economía e Facenda do 18-4-1996.

2) Certificación acreditativa do cumprimento das obrigas fiscais e fronte á Seguridade Social, emitidas polos organismos competentes.

3) Acreditación de que o beneficiario non ten contraída débeda ningunha coa Xunta de Galicia.

4) Memoria do investimento proxectado, que deberá conter:

-Descrición valorada do investimento proxectado, con identificación e desagregación suficiente das diferentes partidas que compoñen o proxecto, así como do importe correspondente a cada unha delas, asinada polo solicitante.

-Copia do contrato de construcción do buque de pesca. E copia da súa autorización administrativa ou da xustificación de te-la en tramitación.

5) Declaración xurada doutras axudas solicitadas para o mesmo proxecto, especificando o organismo ó que se solicitou, normativa legal que a ampara,

data de presentación, contía solicitada, situación administrativa e, se é o caso, importe concedido.

O IGAPE poderá solicitar toda aquela outra documentación que considere conveniente. En todo caso, o beneficiario poderá aportar ademais calquera outra documentación e información adicional que considere oportuna para efectos dunha correcta análise da solicitude.

2. Presentación das solicitudes.

As solicitudes presentaranse na entidade financeira segundo o modelo oficial xa citado, acompañadas pola documentación, por duplicado, que se sinala no epígrafe anterior.

A entidade financeira datará e selará os cinco exemplares do modelo de solicitude, entregándolle ó solicitante a 4ª copia, quedándose coa 3ª copia e remitindo ó IGAPE o orixinal e a 1ª copia con un exemplar da documentación requirida e á Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura a 2ª copia xunto co outro exemplar da documentación.

As entidades financeiras deberán centraliza-la recepción das solicitudes unha vez seladas polas súas distintas sucursais, tendo un prazo de 30 días para resolve-la petición de préstamo, sendo o prazo límite para a aceptación de solicitudes na dita entidade financeira o 31 de outubro de 1997. Así mesmo, deberán presentar no rexistro xeral do IGAPE os expedientes coa documentación completa acompañada da concesión do préstamo (segundo modelo que se xunta). O último día hábil para a súa presentación será o 28 de novembro de 1997.

A presentación dos expedientes no IGAPE deberase realizar mediante escrito no que se relacionen os expedientes que se xuntan (número, nome e importe).

3. Concesión.

O IGAPE comunicaralle ó solicitante, á entidade financeira e ó ICO a concesión ou denegación da subsidiación. Nos casos de resolucións de concesión, previamente á formalización do préstamo, o beneficiario deberá aceptar expresamente a dita resolución.

4. Formalización.

A correspondente escritura ou póliza de préstamo formalizarase entre a entidade financeira e o solicitante, de acordo coas seguintes condicións:

O préstamo deberá recolle-la característica de estar acollido ó convenio, e nel estableceranse claramente o tipo de xuro da operación, se é o caso, o sistema de variación para próximos exercicios, así como os puntos obxecto de subsidiación.

A entidade financeira enviará, coa maior brevidade, dúas fotocopias da póliza ou escritura do préstamo ó IGAPE, e en calquera caso antes de presenta-la solicitude de cobramento da subsidiación.

Novena.-Liquidación.

1. Liquidación de xuros.

A liquidación periódica de xuros, por parte da entidade financeira ó beneficiario, efectuarase, ó igual que as amortizacións, trimestralmente, con vencemento o último día do trimestre natural, calculándose os xuros en función do capital vivo.

Os trimestres consideraranse de 90 días e tódolos meses de 30 días. O cómputo dos días, para a liquidación, realizarase desde a data de disposición, incluída esta.

2. Liquidación da subsidiación.

O cálculo da subsidiación realizarase por parte da entidade financeira por períodos trimestrais que remitirán ó IGAPE segundo procedemento establecido na cláusula décima.

En tanto non estean presentadas as certificacións de xustificación de investimentos, pola totalidade do investimento, as liquidacións calcularanse sobre o importe do préstamo que corresponda ó investimento xustificado. A partir da xustificación total do investimento as posteriores liquidacións da subsidiación realizaranse sobre o saldo vivo teórico do préstamo.

A xustificación do investimento realizarase a través de «certificacións de xustificación de investimentos» emitidas pola entidade financeira, podéndose realizar como máximo dúas certificacións. A primeira deberá acadar como mínimo o 50% do investimento subvencionable. Se se realiza unha segunda esta debe ser complementaria da primeira ata a xustificación total do investimento.

A entidade financeira esixirá ós beneficiarios copias cotexadas das certificacións parciais de construcción emitidas polos estaleiros, deacordo co sinalado na cláusula 5ª deste convenio. Esixirán, ademais, os documentos xustificativos do pagamento. Toda esta documentación remitirana ó IGAPE acompañada das citadas certificacións de xustificacións.

As «certificacións de xustificación de investimentos» para cubrir pola entidade financeira deberán conter ó menos os datos do importe do investimento subvencionable xustificado e a porcentaxe que representa respecto da totalidade do investimento aprobado, a parte do préstamo disposto utilizado para o pagamento do investimento xustificado; a data valor da xustificación do investimento, que se define como a derradeira data de pagamento do investimento xustificado na certificación; indicación de se se trata de primeira, única ou segunda e complementaria. Neste último caso deberá reflectirse os datos sinalados anteriormente, correspondentes á primeira certificación e a data na que esta foi presentada, así como o resumo total do investimento xustificado e o importe disposto do préstamo e as porcentaxes correspondentes entre investimento xustificado e préstamo disposto.

No caso de que na única ou derradeira certificación de xustificación de investimento non se acade o 100% do investimento subvencionable aprobado na

resolución, deberá acompañar, a entidade financeira, unha solicitude, de modificación da resolución asinada polo empresario para adaptala ó proxecto realizado e xustificado.

Para o cálculo da subsidiación tomarase como data inicial a data valor que figura na certificación de xustificación de investimento emitida pola entidade financeira.

Os trimestres serán sempre de 90 días e os meses de 30 días.

O prazo máximo para lles remitir ás entidades financeiras as certificacións de xustificación de investimentos, será de 4 meses, contados a partir da data de terminación do período de disposición, podendo o IGAPE conceder prórroga a solicitude razoada do empresario, tramitada a través da entidade financeira.

Décima.- Pagamento das subsidiacións.

As liquidacións e o pagamento das subsidiacións efectuaranse por trimestres naturais vencidos e referidos ó trimestre inmediatamente finalizado.

As entidades financeiras solicitaranlle ó IGAPE o pagamento da subvención, dentro dos 5 primeiros días do trimestre seguinte ó que liquida. Acompañarán á devandita solicitude as liquidacións trimestrais en formato de lista ou relación individualizada dos préstamos ordenados alfabeticamente onde figuren: o capital vivo teórico a data de inicio do trimestre que se liquida; as variacións no capital vivo que se produciran ó longo do trimestre e a data na que se produciron e, naqueles préstamos nos que se presentara nese trimestre certificación de xustificación de investimentos, o importe do préstamo disposto con dereito a subvención e a data valor; o tipo de xuro; os puntos obxecto de subsidiación e o importe da subvención que corresponde, certificando a autenticidade deses datos.

O beneficiario do préstamo subsidiado pagará ó seu vencemento o tipo de xuro total da operación, debendo a entidade financeira aboa-la subsidiación ó beneficiario na mesma data valor na que o IGAPE a ingrese na devandita entidade.

As liquidacións practicadas serán a conta e provisionais, entrementres o IGAPE non realice a oportuna comprobación, que poderá efectuarse durante o período de vixencia do préstamo. Nos casos de erros nas liquidacións de subsidiación, o IGAPE procederá á súa corrección, e poderá compensa-las cantidades indebidamente aboadas coas posteriores liquidacións de subsidiación.

E en proba de conformidade, así o din, asinan e outorgan por duplicado exemplar e para un só efecto en Santiago de Compostela, o 21 de maio de 1996.

Polo IGAPEPola entidade financeira

José Antonio Orza Fernández

Presidente do IGAPE

Modelo de comunicación de concesión de préstamo

Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE)

Rfa.: convenio de apoio financeiro para a renovación da flota galega 96-97

R/ Frei Rosendo Salvado, 16 baixo

Santiago de Compostela

Estimados señores:

Estudiada a solicitude de préstamo presentada nesta entidade financeira, acollida ós beneficios regulados polo Decreto da Xunta de Galicia 309/1995, do 23 de novembro, e a orde da Consellería de Economía e Facenda do 18 de abril de 1996, e acollida ó convenio de colaboración arriba referenciado, comunicámoslles a vostedes que foi concedido o préstamo coas características que se detallan:

Beneficiario

Código do programa: (F1/96)

Nº expediente

Data da solicitude na entidade financeira

Oficina

Importe

Prazo de vixencia

Período de carencia

Tipo de xuro: Fixo .. Variable ..

Amortización

Xuntamos orixinal e 1ª copia do impreso de solicitude e a documentación completa esixida para o efecto. Así mesmo, comunicamos que con esta mesma data remitimos a 2ª copia da solicitude e unha copia da documentación esixida ós servicios centrais da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura.

Data e sinatura

ANEXO I

Relación de entidades financeiras que subscriben o convenio de apoio financeiro para a renovación da flota galega.

CaixasBancos

CaixagaliciaBanco Bilbao Vizcaya
CaixavigoBanco de Galicia
Banco Pastor
Banco Popular
Banco Santander

4026