Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 107 Venres, 31 de maio de 1996 Páx. 5.235

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 15 de maio de 1996 pola que se regula o proceso de incorporación para o curso 1996-1997 dos estudiantes ó nivel universitario do ensino nos centros das tres universidades galegas.

A Lei 11/1983, do 25 de agosto, de reforma universitaria, prescribe no seu artigo 26.1º que é competencia do Goberno, oído o Consello de Universidades, o establecemento dos procedementos de selección para o ingreso nos centros universitarios. Así mesmo, o artigo 26.2º condiciona o acceso ós centros universitarios pola súa capacidade, determinada polas universidades, atendendo ós módulos obxectivos establecidos polo Consello de Universidades. Pola súa banda, o artigo 3.2º h) da mesma lei determina que a admisión, réxime de permanencia e verificación dos coñecementos dos estudiantes é competencia da autonomía das universidades. Así mesmo, o acceso esixe a superación dunhas probas de aptitude que ten regulamentadas o Estado. Hai, polo tanto, unha regulamentación específica do acceso ós centros universitarios e hai unha regulamentación propia dos procedementos de ingreso ós centros universitarios.

As normas que establecen os procedementos de ingreso son competencia estatal e universitaria. Así o di o artigo 26.1º da LRU e o Real decreto 1005/1991, do 14 de xuño, (BOE do 26-6-1991), no que a norma xeral está desenvolvida. No procedemento de ingreso, este real decreto establece no artigo 10.2º que serán as universidades as que adoptarán as medidas necesarias para o exacto cumprimento do disposto neste e elas resolverán tódalas solicitudes e incidencias que puidesen presentarse.

As normas que regulan o acceso son competencia da Universidade e do Estado. Por unha parte, a determinación do límite de prazas polas universidades, atendendo á súa capacidade, condiciona o acceso. Por outra, o acceso esixe a superación dunha proba de aptitude que xa regulamentou o Estado. O Real decreto 406/1988, do 29 de abril, regula a organización das probas de aptitude para o acceso. O artigo 1 deste real decreto establece que as universidades organizarán as probas. No artigo 2 determínase que, así mesmo, as universidades establecerán o procedemento para a elaboración dos enunciados dos exames. O Real decreto 807/1993, do 28 de maio, que modifica parcialmente o artigo 4 do Real decreto 406/1988, do 29 de abril, determina a constitución dos tribunais das probas. A Orde ministerial do 9 de xuño de 1993, (BOE do

10-6-1993), desenvolve o citado real decreto e establece a composición da comisión coordinadora das probas en cada universidade, e da Comisión Interuniversitaria, no suposto de que varias universidades teñan a consideración de única para os efectos de ingreso nos seus centros.

Nesta situación propia do acceso e do ingreso ten sentido afirmar que o Estado ten reservadas as competencias no que atinxe á normativa xeral e a universidade ten reservada a competencia no que atinxe á resolución e execución concreta desa normativa.

Pola súa parte, a Comunidade Autónoma tamén ten competencias no acceso e no ingreso á universidade de xeito específico. O Real decreto 1005/1991, do 14 de xuño, subliña na disposición adicional primeira que aquelas comunidades autónomas que teñan asumidas as competencias en materias de ensino superior, poderán modificar, de acordo coas universidades afectadas, o establecido no seu artigo 3 a) e poderán adoptar procedementos para a distribución de estudiantes no ingreso nas universidades. Así mesmo, o Real decreto 807/1993 e a Orde do 9 de xuño de 1993 determina a posibilidade de existencia da Comisión Interuniversitaria.

No caso concreto de Galicia, a LOSUG, Lei 11/1989, do 20 de xullo, (DOG do 16 de agosto), establece no seu artigo 10 o sistema universitario galego como unha realidade material e humana, planificada e coordinada que aplica o principio do distrito único para os estudiantes. Isto quere dicir que os estudiantes en Galicia se incorporan a calquera centro de ensino universitario de Galicia con independencia do lugar da comunidade onde cursasen os estudios de secundaria ou realizasen as probas de acceso.

De todo o antedito derívase a necesidade de conxugar, no momento da incorporación dos estudiantes ó ensino universitario e nos procedementos de acceso e ingreso, os principios de distrito único, autonomía universitaria e coordinación dos procedementos e das competencias.

Cómpre, polo tanto, que se regulamenten para o curso 1996-1997 o acceso e o ingreso, de xeito que se salienten os principios anteditos, pois, no seu conxunto, responden ás esixencias legais e reforzan a idea de sistema nas institucións universitarias galegas.

En consecuencia, logo de oída a Comisión Interuniversitaria, respecto do proceso de incorporación de estudiantes ó sistema universitario galego, e atendendo ó traballo que conxuntamente e de xeito coordinado se vén facendo para o desenvolvemento do sistema universitario galego, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria,

DISPÓN:

Primeiro

O proceso de incorporación dos estudiantes ó curso 1996-1997 nas facultades, escolas técnicas supe

riores, colexios universitarios e escolas universitarias do sistema universitario galego definido na Lei 11/1989, (DOG do 16-8-1989), será organizado polas universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo de acordo co establecido no convenio asinado polos tres rectores das devanditas universidades en presencia do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria con data oito de marzo de mil novecentos noventa e seis e que figura como anexo da presente orde.

Segundo

As universidades, que participan por dereito propio na coordinación e organización do proceso, adoptarán tódalas medidas conxuntas que sexan necesarias respecto dos procedementos e tarefas propias da incorporación do alumnado ó ensino universitario para mellora-la racionalidade do proceso, aplicando os principios de distrito escolar único, autonomía universitaria e coordinación.

Terceiro

O modelo de actuación, as tarefas e os procedementos acordados polas universidades quedaron recollidos no convenio específico asinado por elas, en presencia do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, o 8 de marzo de 1996.

Cuarto

Tendo en conta que o proceso de incorporación dos alumnos ó ensino universitario fai converxer diversos procedementos coñecidos como probas de aptitude para o acceso, probas de maiores de 25 anos, solicitude de admisión para o ingreso e distrito compartido interautonómico, estes ordenaranse temporalmente, de xeito que se posibilite o normal comezo do curso 1996-1997. As universidades, a través da Comisión Interuniversitaria de Galicia, farán público o calendario e os prazos correspondentes a cada fase do procedemento.

Quinto

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria fará a prestación de servicios de apoio ó sistema universitario de Galicia (SASUGA) especificada en convenio coas universidades do 5 de marzo de 1993, para dar cumprimento ás funcións de apoio que lle son propias e que afectan ó procesamento informatizado dos aspectos comúns das tarefas e procedementos de incorporación dos estudiantes ó ensino universitario. En todo caso, por medio da prestación de servicios no SASUGA realizarase a conxunción das listas de solicitude de admisión para o ingreso presentadas en cada universidade para elaborar progresivamente as listas de asignación de prazas e de espera que correspondan.

Sexto

1. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria porá ó dispor das universidades, en forma e prazo procedente, a aplicación informática para realiza-lo proceso de incorporación dos estudiantes ó sistema universitario.

2. A aplicación informática, que é propiedade da consellería, non pode ser modificada polas universidades nas súas copias e será revisada e rectificada coordinadamente.

Sétimo

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria cubrirá os gastos que se deriven da prestación de servicios SASUGA.

Oitavo

Os centros de ensino secundario deberán colaborar no proceso que se regula nesta orde, para os efectos de facilita-la información e a documentación que os atinxe e que forma parte dos expedientes para o acceso.

Noveno

Os rectores das tres universidades da Comunidade Autónoma dictarán as resolucións de carácter específico que sexan necesarias para o desenvolvemento do proceso, tendo en conta as competencias que teñen delegadas na Comisión Interuniversitaria.

Disposición adicional

Única.-A Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG), contará para a elaboración das probas de acceso á universidade para os alumnos que teñan cursado as ensinanzas de bacharelato previstas na Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, co asesoramento dun vocal procedente do Servicio de Inspección Técnica e dun vocal procedente do Servicio de Ordenación e Innovación Educativa.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a Dirección Xeral de Universidades e Investigación para que dicte as disposicións que sexan precisas para a execución do establecido na presente orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de maio de 1996.

Juan Piñeiro Permuy

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

22582