Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 107 Venres, 31 de maio de 1996 Páx. 5.198

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 2 de febreiro de 1996, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se ratifican os estatutos da Federación Galega de Tenis.

Visto o estatuto da Federación Deportiva Galega de Tenis e a acta de aprobación da súa asemblea xeral extraordinaria de 4-11-1995.

Visto o informe da Sección de Rexistro de Clubs e Asuntos Xurídicos, a Orde do 28 de xullo de 1995, de desenvolvemento do Decreto 228/1994 do 14 de xullo, regulador das federacións deportivas galegas, a Lei 10/1990, xeral do deporte, e demais normativa aplicable,

RESOLVO:

Ratificar con efectos desde a aprobación da súa asemblea os estatutos aprobados de conformidade co artigo 8 da Orde do 28 de xullo de 1995 e autoriza-la a publicación dos estatutos no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 1996.

Eduardo Lamas Sánchez

Secretario xeral para o Deporte

Título I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Definición e obxecto

A Federación Galega de Tenis (en anagrama FGT) é unha entidade asociativa privada, sen ánimo de lucro, que ten por obxecto a promoción do deporte do tenis, e está integrada polos clubs deportivos, deportistas, técnico-adestradores e xuíces-árbitros da devandita modalidade deportiva.

Artigo 2º.-Réxime xurídico

A FGT ten personalidade xurídica e patrimonio propio e independente daquel dos seus asociados, e réxese polo disposto no Decreto 228/1994, do 14 de xullo; polas demais disposicións legais que lle sexan aplicables, e polo establecido nos presentes estatutos e nos seus regulamentos.

A FGT é unha entidade de utilidade pública, cos beneficios que o ordenamento xurídico outorga para este tipo de entidades.

Artigo 3º.-Funcións e competencias

Son funcións da FGT as que derivan do seu propio obxecto, tal e como vén definido no artigo 1º dos presentes estatutos, así como as que lle outorga a Lei, e, especificamente, as seguintes:

a) Promoción e desenvolvemento da práctica do tenis.

b) Goberno, xestión, administración e regulamentación do deporte do tenis.

c) Dictar normas de aplicación específica ós deportistas, podendo establecer listas e clasificacións destes.

d) Formación e titulación de técnicos deportivos, sen prexuízo de cando corresponda levalo a cabo en coordinación coa Administración autonómica ou estatal.

e) A potestade para determina-la súa propia organización interna e para dictar regulamentos no ámbito da súa competencia, conforme os seus estatutos e disposicións legais vixentes.

f) A tutela, control e supervisión que sobre os seus propios asociados lle recoñece o ordenamento xurídico deportivo.

Ademais das anteriores, a FGT baixo a coordinación da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia e da Real Federación Española de Tenis (RFET) exerce as funcións públicas de carácter administrativo que se relacionan de seguido, actuando neste caso como axente colaborador da Administración autonómica. Os actos realizados pola FGT no exercicio destas funcións son susceptibles de recurso perante a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, esgotándose a vía administrativa coas súas resolucións.

a) Cualificar e organizar, se é o caso, as actividades e competicións oficiais de tenis no ámbito autonómico.

b) Actuar en coordinación cos clubs de tenis de ámbito galego para a promoción xeral do tenis.

c) Deseñar, elaborar, e executar en colaboración, se é o caso, cos clubs de tenis de ámbito galego, os plans de preparación dos tenistas de nivel.

d) Colaborar coa Administración na formación e titulación de técnicos deportivos.

e) Colaborar coa mesma Administración na prevención, control e represión do uso de substancias, grupos farmacolóxicos prohibidos e métodos non regulamentarios do deporte.

f) Organizar ou tutela-las competicións oficiais de carácter internacional que se celebren nesta comunidade.

g) Exerce-la potestade disciplinaria deportiva, nos termos legal e estatutariamente previstos.

h) Exerce-lo control das subvencións que asignen ás asociacións e entidades deportivas, nas condicións que determine a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia.

i) Executar, se é o caso, as resolucións do Comité Galego de Disciplina Deportiva.

Para os efectos precedentes, enténdese que son competicións oficiais de tenis de ámbito autonómico aquelas que sexan recoñecidas como tales pola FGT, e respecto ás que esta dictará as normas regulamentarias oportunas para a súa regulación. Tales competicións deberán estar abertas a tódolos deportistas e clubs deportivos afiliados á FGT, sen discriminación de ningún tipo, agás as derivadas de condicións técnicas de natureza deportiva.

Artigo 4º.-Ámbito territorial

A FGT é a única federación galega existente para a modalidade deportiva do tenis, e polo tanto, exerce as súas competencias con carácter exclusivo no conxunto do territorio galego.

A FGT ostenta a representación de Galicia nas actividades e competicións tenísticas oficiais de carácter nacional e internacional celebradas dentro e fóra de Galicia. Para estes efectos, será competencia da FGT a elección dos tenistas que van integra-las seleccións galegas de tenis, estando os clubs obrigados a facilita-los xogadores solicitados.

Para organizar, solicitar ou comprometer este tipo de actividades ou competicións, a FGT fará a consulta previa á Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia observando, en canto ó réxime dela, a ordenación sobre actividades e representacións deportivas internacionais.

A FGT forma parte da Real Federación Española de Tenis, quen pola súa banda está integrada na ITF (Federación Internacional de Tenis) e ETA (Asociación Europea de Tenis), polo que acata e acepta as normativas e regulamentos destas institucións.

Artigo 5º.-Domicilio

A sede e domicilio da FGT terá de ser designada polo presidente ó comezo do seu mandato, no ámbito territorial galego.

Correspóndelle á xunta directiva o traslado do domicilio, dentro da sede, e tamén acorda-lo establecemento, modificación e supresión de cantas oficinas sexan necesarias e convenientes, dando conta na primeira asemblea xeral que se celebre con posterioridade á efectividade dos ditos acordos.

Actualmente a FGT ten o seu domicilio en Vigo, rúa Velázquez Moreno, 29-2º Ofi., nº 6.

Título II

Estructura participativa

Artigo 6º.-Estamentos

A FGT está integrada polos seguintes estamentos:

1. Deportistas.

2. Clubs deportivos.

3. Técnicos-adestradores.

4. Xuíces-árbitros.

5. Outros estamentos

Para que queden integrados na FGT outros colectivos interesados no deporte do tenis, será necesario:

a) A existencia dun colectivo diferenciado dos estamentos xa existentes e que estea interesado, de xeito exclusivo ou prioritario, no deporte do tenis, sen ánimo de lucro e que a súa razón de ser veña determinada por unha actividade ou nexo obxectivo relacionado directamente con este deporte.

b) Que o dito obxectivo estea representado por unha comisión xestora que se responsabilice del, constituída polo menos por cinco membros, e conte coa adhesión expresa de polo menos 50 persoas físicas ou xurídicas, as actividades das cales radiquen no territorio das catro provincias galegas.

c) Que a devandita comisión xestora formule solicitude de integración na FGT dirixida ó seu presidente seu, na que se xustifiquen os extremos comprendidos nos epígrafes anteriores e achegando, ademais, os informes técnicos e deportivos que sexan necesarios.

d) O presidente da FGT someterá á primeira asemblea xeral que se celebre a solicitude de integración, sendo esta a competente para acordala, o que deberá facer por maioría de dous tercios dos seus asistentes, que representen polo menos a maioría simple dos seus totais compoñentes.

e) Na proposta á asemblea deberase incluír tamén aquela das necesarias modificacións nestes estatutos para adaptalos ó recoñecemento e integración do colectivo de que se trate e a súa representatividade nos órganos da FGT e as correspondentes modificacións deberanse aprobar coa maioría establecida no parágrafo anterior.

f) Tódolos acordos que adopte a asemblea xeral da FGT nesta materia quedarán suxeitos á condición suspensiva da súa aprobación pola Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia e producirán efecto desde a data daquela.

As normas anteriores serán tamén de aplicación, analoxicamente se é o caso, cando se trate da integración na FGT doutra modalidade deportiva distinta do tenis, se ben neste suposto requirirase ademais unha consulta previa á Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia.

Artigo 7º.-Composición dos estamentos

Pertencen ó estamento de deportistas da FGT todas aquelas persoas físicas que posúan a correspondente licencia, e estean ó corrente se é o pagamento, emitida e homologada pola FGT e Real Federación Española de Tenis respectivamente.

Pertencen ó estamento de clubs deportivos da FGT aqueles clubs ou entidades deportivas constituídas e rexistradas conforme a lexislación vixente e que estean integrados nela, debendo estalo tamén, se

é o caso, na correspondente federación de ámbito estatal.

Deberán estar ó corrente de pagamento das súas obrigacións federativas.

Pertencen ó estamento de técnico-adestradores da FGT aquelas persoas físicas tituladas como tales pola RFET ou calquera órgano oficialmente recoñecido, conforme as fórmulas que se establezan en cada momento, e que posúan a licencia correspondente, e estean ó corrente de pagamento desta.

Pertencen ó estamento de xuíces-árbitro da FGT aquelas persoas físicas tituladas como tales pola RFET ou calquera outro órgano oficialmente recoñecido, conforme as fórmulas que se establezan en cada momento e que posúan a licencia correspondente, e estean ó corrente de pagamento desta.

Artigo 8º.-As licencias

Para participar nas competicións oficiais de tenis de ámbito autonómico e estatal, será preciso posuí-la correspondente licencia federativa en vigor expedida pola FGT e homologada pola RFET

A FGT integrada na RFET poderá expedi-las súas propias licencias, conforme as súas respectivas normas, quedando obrigada a presentalas na RFET para a súa homologación por esta, na forma e condicións que se estableceron entre ambas a través do respectivo convenio, en aplicación do disposto ó respecto no artigo 7/2 do Real decreto 1835/1991, do 20 de decembro.

Artigo 9º.-Dereitos e deberes básicos dos membros da FGT

Son dereitos básicos dos compoñentes dos estamentos integrados na FGT os seguintes:

a) Participar como electores e elixibles ós órganos de representación e goberno da FGT dentro das condicións establecidas nos presentes estatutos.

b) Expresar libremente as súas opinións no seo da FGT, con suxeición á lexislación vixente.

c) Participar nas competicións oficiais de tenis, conforme o disposto nos presentes estatutos e nos correspondentes regulamentos.

d) Figurar nas clasificacións oficiais editadas pola RFET, sempre que reúnan os requisitos deportivos necesarios para iso.

e) Os demais dereitos derivados da lei e dos presentes estatutos.

Son deberes básicos dos ditos compoñentes os seguintes:

a) Cumprir e facer cumpri-las disposicións legais, os presentes estatutos e demais regulamentacións da FGT e as normas propias polas que se rexan.

b) Someterse á autoridade dos organismos federativos dos que dependan, e, no caso de entidades e clubs deportivos, cede-las súas instalacións cando sexan necesarias para celebrar actos ou competi

cións organizados por aqueles e sempre que o permitan as súas propias actividades.

c) Contribuir ós orzamentos da FGT pagando cotas e outras obrigacións pecuniarias aprobadas pola asemblea xeral, así como as multas nas que puidesen incorrer por sanción federativa. A Xunta Directiva da FGT poderá acordar dar de baixa nesta a aquelas persoas ou entidades que incumpran as obrigacións previstas neste parágrafo, o que se comunicará, para o seu referendo, á asemblea xeral na primeira reunión que esta celebre con posterioridade ó acordo da xunta directiva.

d) Non quebranta-la disciplina federativa en ningún dos seus ámbitos nin crear directa ou indirectamente situacións que poidan derivar en agravio ou molestia, e neutralizar polos medios máis eficaces as que eventualmente xurdan.

e) Contestar puntualmente as comunicacións dos órganos superiores, facilitando a estes cantos datos e informes soliciten.

f) En canto ós clubs e entidades deportivas, esixir e tramita-la obtención de licencia de xogador para tódolos socios que practiquen tenis.

g) Calquera outra fixada polas disposicións legais, estatutos e regulamentos.

Sen prexuízo do previsto no anterior apartado c), e do que se dispoña en materia disciplinaria deportiva, as persoas ou entidades integradas na FGT que incumpran o previsto nos presentes estatutos ou incorran en causas graves e obxectivas para iso, poderán ser dadas de baixa naquela por acordo da asemblea xeral, adoptado por maioría simple dos seus asistentes, sempre previa a instrucción dun expediente disciplinario, no que se dará audiencia ó interesado e que se axustará, no que cumpra, ás normas xerais administrativas nesta materia.

Título III

Estructura orgánica xeral

Capítulo I

Definición, funcións e réxime dos órganos da FGT

Artigo 10º.-Órganos da FGT

Son os seguintes:

-A asemblea xeral.

-A comisión delegada da asemblea xeral.

-O presidente.

-A xunta directiva.

-Os comités.

-O secretario.

Son órganos colexiados a asemblea xeral, a comisión delegada da asemblea xeral, a xunta directiva e os comités. Son órganos individuais os restantes.

O presidente da FGT e os compoñentes da asemblea xeral e da comisión delegada desta serán elixidos conforme o que na parte correspondente destes

estatutos. Os demais órganos serán de libre directa designación e revogación do presidente.

Artigo 11º.-Disposicións comúns ós órganos colexiados

A convocatoria dos órganos federativos colexiados corresponderalle ó seu presidente e o secretario levantará a correspondente acta dos acordos, especificando o nome das persoas que interviñesen e as demais circunstacias que se consideren convenientes, así como o resultado da votación e, se é o caso, os votos particulares contrarios ó acordo adoptado.

Os votos contrarios ó acordo adoptado ou ás abstencións motivadas eximirán das responsabilidades que eventualmente se puidesen derivar dos acordos dos órganos colexiados.

Quedará validamente constituído o órgano colexiado aínda que non se cumprisen os requisitos de convocatoria se concorren tódolos seus membros e así o acordan por unanimidade, ou se con posterioridade manifestan a súa adhesión incondicional ós acordos tomados a totalidade dos que non asistiron.

Artigo 12º.-Incompatibilidades

Son causas de inelixibilidade para o desempeño dos cargos de membro da asemblea xeral, da comisión delegada da asemblea, de presidente, e de membro da xunta directiva da FGT as seguintes:

a) Ter sido condenado mediante sentencia xudicial firme que leve anexa a pena principal ou accesoria de inhabilitación absoluta ou especial para cargo público.

b) Ter sido declarado incapaz por decisión xudicial firme.

c) Atoparse inhabilitado para o exercicio de cargos federativos por sanción firme.

O presidente da FGT deberá ser cidadán de Galicia, segundo o disposto no Estatuto da autonomía.

O cargo de presidente da FGT é incompatible cos cargos de presidente ou directivo dun club de tenis de ámbito galego.

Cando sobreveña unha causa de incompatibilidade inicialmente non existente, a persoa afectada deberá cesar automaticamente no cargo que ocupe.

Artigo 13º.-Sistema de responsabilidade dos órganos da FGT

Polas responsabilidades federativas nas que poidan incorrer no desempeño das súas funcións, os membros da asemblea xeral e da súa comisión delegada, así coma o presidente da FGT, responderán perante a propia asemblea xeral. Os restantes órganos responderán ante o presidente da FGT. Todo isto sen prexuízo das demais accións legais e xudiciais de calquera tipo que poidan derivar das conductas individuais ou colectivas dos órganos da FGT Para estes efectos, o presidente da FGT estará facul

tado, no nome desta, para interpoñer e seguir tales accións.

Artigo 14º.-A asemblea xeral da FGT. Composición

1. A asemblea xeral é o órgano superior da FGT estará composta por 60 (sesenta) membros, que serán elixidos, conforme o disposto na parte correspondente destes estatutos, cada catro anos, coincidindo cos Xogos Olímpicos de Inverno, por sufraxio libre, secreto, igual e directo, entre os compoñentes de cada estamento segundo se detalla:

-Representantes do estamento de clubs deportivos.

Total ........42 membros... 70%

-Representantes do estamento de deportistas.

Total ........12 membros... 20%

-Representantes do estamento de técnicos-adestradores.

Total ........3 membros... 50%

-Representantes do estamento de xuíces-árbitros.

Total ........3 membros... 5%

Os representantes dos estamentos de técnicos-adestradores e de xuíces-árbitros pertencerán a unha circunscrición única, correspondente á totalidade do territorio galego.

Os representantes dos estamentos de clubs deportivos e deportistas distribuiranse, para cada elección a membros da asemblea xeral, entre as circunscricións provinciais constituídas polos distintos clubs galegos.

A distribución provincial efectuarase automaticamente tomando como base as proporcionalidades existentes, entre o total autonómico de electores e elixibles e o correspondente a cada provincia.

Respecto ás baixas ou vacantes que se produzan entre os membros da asemblea xeral, operarase de conformidade co disposto no artigo 100 destes estatutos.

Ás sesións da asemblea poderá asistir, con voz pero sen voto, o presidente saínte do último mandato.

2. O número de membros da asemblea xeral fixarase na súa convocatoria de eleccións.

Artigo 15º.-A asemblea xeral da FGT. Funcións

Correspóndelle á asemblea xeral, en reunión plenaria:

a) Aprobación do orzamento anual e a súa liquidación.

b) Aprobación do calendario deportivo.

c) Aprobación e modificación dos estatutos da FGT

d) Elección do presidente da FGT, así como o seu cesamento a través da correspondente moción de censura.

e) Control e aprobación, se é o caso, da xestión económica e deportiva da FGT.

f) Aprobación, se é o caso, por maioría de dous tercios dos asistentes, do alleamento e gravame dos bens inmobles da FGT, cando o importe da operación sexa inferior ó 25 por cento do seu orzamento.

g) Establecemento, modificación e regulación das cotas de afiliación e demais cargas de carácter económico que se poidan establecer sobre os integrantes da FGT

h) Disolución da FGT

i) Concesión de honores e distincións, a proposta da xunta directiva e segundo o que regulamentariamente se estableza.

j) Cantas outras resulten da lei ou destes estatutos.

Artigo 16º.-A asemblea xeral da FGT. Réxime

A asemblea xeral reunirase necesariamente unha vez ó ano para os fins da súa competencia. Esta asemblea terá carácter de ordinaria e será o presidente quen a convoque. Tamén se poderá reuni-la asemblea xeral, con carácter extraordinario, e así mesmo convocada polo presidente, nos seguintes casos:

a) Por iniciativa do propio presidente.

b) Por iniciativa dun número de membros da propia asemblea non inferior ó 25%.

No caso b) precedente, o presidente deberá convoca-la asemblea dentro dun prazo máximo de dez días naturais desde a recepción da petición que os membros da asemblea lle deberán dirixir, de forma fidedigna e mediante escrito no que conste inequivocamente a adhesión á petición do número de membros requirido. Desde a convocatoria ata a data da celebración da asemblea non poderán transcorrer máis de vinte días.

O réxime das reunións da asemblea xeral, tanto ordinarias como extraordinarias, axustarase ó disposto nos parágrafos seguintes, que tamén serán de aplicación, no que proceda, á asemblea xeral que para a elección do presidente da FGT e membros da comisión delegada está previsto no capítulo II do presente título.

A convocatoria da asemblea xeral, con detalle de lugar e hora da súa celebración, en primeira e segunda convocatoria, e a orde do día, notificarase por correo ou fax ós compoñentes daquela, debendo mediar un prazo mínimo de 48 horas entre o envío desta documentación e a celebración da asemblea, e expoñerase no taboleiro de anuncios da FGT e nos locais das delegacións provinciais se os houbese con 10 días de antelación.

Actuará como presidente da asemblea xeral , con voz e voto, quen o sexa da FGT e como secretario, só con voz, o que o sexa da propia federación.

A asemblea xeral entenderase constituída en primeira convocatoria cando concorran a metade máis un dos seus compoñentes e, en segunda, calquera que sexa o número de asistentes; entre a primeira e segunda convocatoria deberá mediar un prazo non inferior a media hora.

Alcanzado o quórum suficiente en calquera das dúas convocatorias, o presidente declara constituída a asemblea e manifestará cal sexa o número de asistentes. Os membros da asemblea que se incorporen á mesma con posterioridade ó devandito momento só poderán votar se aínda non fosen chamados a deposita-lo voto, e neste caso a súa asistencia terase en conta para efectos de quórum nas votacións.

O presidente dirixirá a asemblea e os debates, concederá a palabra a quen lla solicite e poderá retirala cando concorran circunstancias que o xustifiquen.

Co fin de garanti-lo cumprimento efectivo das funcións encomendadas ás federacións deportivas galegas, o órgano competente da Secretaría Xeral para o Deporte convocará asemblea xeral ou á comisión delegada, para o debate e resolución, se procede, de asuntos ou cuestións determinadas, cando aquelas non fosen convocadas por quen ten a obriga estatutaria ou legal de facelo no tempo regulamentario.

O desenvolvemento das reunións da asemblea xeral axustarase á orde do día previamente establecida e comunicada. Calquera membro da asemblea poderá toma-la palabra, que se deberá utilizar ordenadamente e por tempos prudenciais en función das circunstancias da reunión.

Cada membro da asemblea terá un voto, que será igual, libre, secreto e directo para todos. A presidencia arbitrará sistemas de votación que respecten estes principios. Os compoñentes da asemblea serán chamados de xeito persoal a deposita-lo seu voto, incluso os ausentes. Non obstante, cando ninguén se opuxese a este sistema, poderanse aprobar acordos por aclamación, co asentimento unánime dos presentes.

As cuestións sobre as que verse o voto presentaranse de forma clara e concreta pola presidencia ou por calquera membro da asemblea en forma de moción, debéndose votar conxunta e alternativamente as que foron opostas.

Non se poderán presentar mocións nin efectuar votacións sobre asuntos que non fosen previamente incluídos na orde do día. Se neste figurase o apartado de rogos e preguntas ou outro similar, deixarase constancia en acta, simplemente, das manifestacións que se poidan producir sobre temas presentados neste capítulo.

Os acordos adoptaranse por maioría simple de votos entre os asistentes á reunión, a non ser que

nestes estatutos se especifiquen maiorías cualificadas para asuntos concretos.

Non se admitirá o voto por correo. Só se admitirá a delegación de voto ós clubs deportivos que sexan membros da asemblea, poderá exercelo quen sexa o seu presidente ou a persoa, non membro da asemblea, en quen o club delegue, conforme os seus propios estatutos, con carácter expreso e escrito para cada reunión. Ninguén poderá ostentar máis dunha delegación de voto das que se veñen de expresar.

Os acordos da asemblea xeral poderán versar sobre calquera materia da súa competencia e serán inmediatamente executivos, coidando da súa posta en práctica o presidente e a xunta directiva, sen prexuízo dos recursos que correspondan ante a xurisdicción competente.

Non se poderán adoptar acordos contrarios ós presentes estatutos sen a súa previa modificación, a cal se deberá efectuar, en todo caso, conforme o procedemento especial previsto no título IX.

Artigo 17.- A comisión delegada da asemblea xeral. Composición.

A comisión delegada da asemblea xeral será o 15% dos membros da asemblea xeral cun mínimo e un máximo de 5 e 15 membros. O seu presidente será o que o sexa da FGT, e estará composta por 9 membros, que serán elixidos por e de entre os da asemblea xeral, na primeira reunión que esta celebre ó inicia-lo seu mandato e segundo o seguinte detalle:

-5 correspondentes ós clubs deportivos, elixida esta representación por e entre os mesmos clubes, sen que os correspondentes a unha mesma provincia poidan ter máis de dous representantes. A representación do club na comisión delegada estará exercida necesariamente polo seu presidente, quen só poderá delegar, expresamente e por escrito para cada reunión, nun mesmo membro.

-4 correspondentes ó resto dos estamentos, distribuído na seguinte forma: 2 membros representantes de deportistas, 1 membro representante dos técnicos-adestradores e 1 membro representante dos xuíces-árbitros. Todos eles elixidos por e de entre os dos seus respectivos estamentos na asemblea xeral. Os así elixidos manterán os seus cargos na comisión delegada en tanto sigan sendo membros da asemblea xeral dentro do período do seu mandanto. Non poderán delega-la súa representación.

A representación máxima por provincia será de 3 membros, excluídos os estamentos de técnicos e árbitros.

No caso de que, unha vez elixida a comisión delegada, se produzan baixas ou vacantes entre os seus membros, estas substituiranse anualmente, por elección entre os grupos correspondentes.

Artigo 18º.-A comisión delegada da asemblea xeral. Funcións

Corresponden á comisión delegada da asemblea xeral, as seguintes funcións:

a) Elaboración dun informe previo á aprobación dos orzamentos.

b) A modificación do calendario deportivo.

c) A modificación dos orzamentos e dos regulamentos.

d) O seguimento da xestión deportiva e económica da FGT.

As modificacións non poderán exceder dos límites e criterios que a propia asemblea xeral estableza.

A proposta sobre os temas que se van tratar na comisión corresponde exclusivamente ó presidente ou ós dous tercios dos membros da comisión delegada.

Artigo 19º.-Réxime de funcionamento da comisión delegada da asemblea xeral.

A comisión delegada reunirase, como mínimo, unha vez cada catro meses, a convocatoria do presidente.

Tamén se poderá reuni-la comisión delegada, con carácter extraordinario, e así mesmo convocada polo presidente, nos seguintes casos:

a) Iniciativa do presidente.

b) Iniciativa dun número de membros da propia comisión delegada non inferior a 6.

No caso b) precedente, o presidente deberá convoca-la comisión delegada dentro dun prazo máximo de dez días desde a recepción da petición que os membros da Comisión deberán dirixirlle, en forma fidedigna e mediante escrito no que conste inequivocamente a adhesión á petición do número de membros requirido.

A convocatoria da reunión da comisión delegada, con detalle de lugar e hora da súa celebración, en primeira e segunda convocatoria, e a orde do día, serán notificados por correo ou fax ós compoñentes daquela, debendo mediar un prazo mínimo de sete días e máximo de quince entre o envío desta documentación e a celebración da reunión.

Actuará como presidente da comisión delegada, con voz e voto, quen o sexa da FGT e como secretario, só con voz, o que o sexa da propia federación.

A comisión delegada entenderase constituída en primeira convocatoria cando concorran polo menos a metade máis un dos seus compoñentes e en segunda, cando concorran calquera que sexa o seu número; entre a primeira e segunda convocatoria deberá mediar un prazo non inferior a media hora.

Poderán asistir tamén ás reunións da comisión delegada os asesores que, oportunamente estime o presidente e farano con voz pero sen voto. Polo demais, será de aplicación analóxica e supletoria

o establecido no precedente artigo 16 en materia de réxime de reunións e toma de acordos da asemblea xeral.

O mando da comisión delegada coincidirá co da asemblea xeral.

Artigo 20º.-O presidente da FGT. Réxime e funcións

O presidente da FGT é o órgano executivo desta, ostenta a súa representación legal, convoca e preside os órganos de goberno e representación e executa os seus acordos.

O presidente da FGT serao tamén da asemblea Xeral e da comisión delegada, con voto de calidade no caso de empate na adopción de acordos da asemblea xeral plenaria e da comisión delegada.

O presidente da FGT desempeñará o seu cargo coa máxima dedicación posible.

Para poder ser candidato a presidente o membro da xunta directiva da FGT terá que reuni-las seguintes condicións:

a) Te-la condición de cidadán de Galicia, segundo o disposto no estatuto de autonomía.

b) Ser maior de idade.

c) Estar en pleno uso dos dereitos civís.

d) Non ter incorrido en ningunha sanción deportiva que o inhabilite.

Artigo 21º.-Elección do presidente da FGT

O presidente da FGT elixirase cada catro anos, coincidindo cos anos de xogos olímpicos de inverno, mediante sufraxio libre, directo, igual e secreto, polos membros da asemblea xeral que se debe elixir previamente para o mesmo período.

Os candidatos, que poderán non ser membros da asemblea xeral, deberán ser presentados, como mínimo polo dez por cento dos membros da asemblea, e a súa elección producirase por un sistema de dobre volta, no caso de que nunha primeira volta ningún candidato acade a maioría absoluta dos votos emitidos. Polo demais será de aplicación o disposto nos presentes estatutos en materia electoral.

Artigo 22º.-Cesamento do presidente da FGT. Moción de censura.

O presidente da FGT cesará se é o cargo, antes de expira-lo período do seu mandato, por calquera das causas seguintes:

a) Falecemento ou incapacidade física permanente que impida o desenvolvemento das súas funcións.

b) Demisión

c) Causas legais ou estatutarias de incapacidade, sobrevidas con posteriodidade ó seu nomeamento.

d) Aprobación dunha moción de censura, que deberá ser constructiva, debendo presenta-los que a propoñen un candidato, e que de aprobarse quedará elixido polos mecanismos regulares, debén

dose tratar nunha asemblea xeral extraordinaria, a convocatoria da cal deberase solicitar, en todo caso e como mínimo, por un tercio dos compoñentes da asemblea. Para que prospere, será preciso que voten ó seu favor os dous tercios dos asistentes á asemblea xeral extraordinaria, que deberán representar, como mínimo, a metade máis un da totalidade dos seus compoñentes. Se a moción de censura é rexeitada, ningún dos seus propoñentes poderá intentar outra contra o mesmo presidente ata pasados seis meses da votación daquela. A sesión da asemblea xeral extraordinaria na que se debata a moción de censura será presidida polo membro asistente de maior idade, podendo asistir e intervir na asemblea, en todo caso, o presidente sometido á moción de censura. Se esta é aprobada, o presidente da FGT cesará inmediatamente do seu cargo.

No caso de demisión, o presidente continuará transitoriamente en funcións e convocará unha asemblea xeral extraordinaria, que se celebrará no prazo máximo de dous meses a partir da presentación da demisión, na que se elixirá o seu sucesor.

Nos demais casos, as funcións do presidente serán asumidas, colexiadamente, pola xunta directiva que constituirá un órgano denominado comisión xestora, con igualdade de voto entre os seus membros, e que será por quen fose ata ese momento vicepresidente daquela, e, se é o defecto, por quen elixan os seus compoñentes. A comisión xestora convocará unha asemblea xeral extraordinaria para a elección do novo presidente, no prazo máximo de dous meses contados desde que se producise a vacante.

En todos estes supostos, ó tempo de convocarse á asemblea xeral extraordinaria electiva, reunirase a Xunta Electora en funcións para actuar no proceso electoral, o cal se desenvolverá de conformidade cos artigos correspondentes ó capítulo II do presente título.

O presidente que resulte elixido en substitución do que cesa por calquera das causas previstas neste artigo completará o mandato só polo tempo que restase de cumprir a este último.

Artigo 23º.-A xunta directiva

A xunta directiva da FGT é o seu órgano colexiado, e estará composta por un mínimo de 5 membros e un máximo de 15, e todos eles serán nomeados e revogados libremente polo presidente da federación, que a presidirá.

Os membros da xunta directiva que non o sexa da asemblea xeral terán acceso ás sesións desta con dereito a voz, pero sen voto.

A xunta directiva contará cun vicepresidente primeiro, que substituirá ó presidente en caso de ausencia. A súa designación e revocación corresponde tamén, libremente, ó presidente da FGT quen poderá designar, así mesmo dentro da xunta directiva, cantos outros vicepresidentes teña por con

veniente, coa orde que estableza, os cales substituirán, pola súa orde, ó vicepresidente primeiro nos casos de ausencia ou incapacidade deste.

O presidente poderá atribuí-las funcións e responsabilidades concretas a todos ou parte dos membros da xunta directiva, dentro das funcións propias desta. Neste sentido, poderá designar un membro da xunta directiva, como vicepresidente económico ou tesoureiro da FGT coas facultades que concretamente lle asigne e en todo caso as de exercer, por delegación do presidente, a autoridade máxima en materia de control e supervisión económica da federación, así mesmo nomeará un delegado provincial nas provincias que non sexan sede da FGT.

O sistema de convocatorias, reunións, debates e adopción de acordos no seo da xunta directiva fixarase libremente polo presidente.

Exercerá de secretario da xunta directiva, á elección do presidente, quen o sexa da propia FGT ou un membro daquela.

Tódolos cargos son honoríficos e, en caso extraordinario, cando se estableza unha compensación económica xustificada a favor dalgún dos membros da xunta directiva terá que ser expresamente acordada por maioría absoluta da asemblea xeral e constar de maneira diferenciada no orzamento. En ningún caso a compensación económica poderá ser satisfeita con cargo ás subvencións públicas que reciba a federación.

Artigo 24º.-Os comités

A xunta directiva da FGT poderá acorda-la constitución de cantos comités sexan necesarios. As súas competencias e réxime de funcionamento serán os que se establezan por vía regulamentaria ou no acordo da súa creación, debidamente referendado pola comisión delegada da asemblea.

Os presidentes e demais membros dos comités serán designados polo presidente da FGT agás os presidentes dos comités de modalidades deportivas, cando estes existisen, que serán elixidos polo colectivo interesado na forma que regulamentariamente se estableza.

En todo caso, existirá no seo da FGT un comité técnico de xuíces-árbitros, do que o presidente e demais membros serán tamén designados polo presidente da FGT, sendo as súas funcións:

-Establece-los niveis de formación arbitral.

-Clasificar tecnicamente, en función dos criterios prefixados pola asemblea xeral ós xuíces-árbitros, propoñendo á xunta directiva a adscrición ás categorías correspondentes. Estas clasificacións comunicaranse á asemblea xeral.

-Propoñe-los candidatos a xuíces-árbitros nacionais e internacionais.

-Propoñerlle á xunta directiva as normas administrativas reguladoras da arbitraxe, para a súa posterior aprobación pola asemblea xeral.

-Designa-los colexiados nas competicións oficiais de ámbito galego.

-Colaborar cos órganos competentes da federación, na formación de xuíces e árbitros.

Artigo 23º.-O secretario

O presidente da FGT poderá nomear un secretario, que poderá ser membro da xunta directiva, quen exercerá as funcións de fedatario e asesor, e máis especificamente:

-Levantar actas das reunións dos órganos de goberno e representación nos casos legal e estatutariamento previstos, con indicación dos asistentes, temas tratados, o resultado das votacións e, se é o caso, os votos particulares contrarios ó acordo adoptado. Os votos contrarios ó acordo adoptado, ou as abstencións motivadas eximirán das responsabilidades que se puidesen derivar, se é o caso, dos acordos dos órganos colexiados.

-Expedi-las certificacións oportunas dos actos dos órganos de goberno e representación da FGT.

-Remitir á Secretaría Xeral para o Deporte as actas das reunións da asemblea xeral e da Comisión delegada no prazo de quince días contados desde a data da súa celebración.

-Cantas funcións lle encomenden os regulamentos da federación ou lle sexan delegadas polo presidente.

Artigo 26º.-O tesoureiro

O tesoureiro da federación é o seu órgano de administración.

Exercerá como funcións propias:

a) Leva-la contabilidade da federación.

b) Exérce-la inspección económica de tódolos órganos da federación.

c) Elaborar e presentar informes á comisión delegada do estado contable da federación.

d) Calquera outra función que lle econmenden os estatutos e regulamentos da federación

No caso de que non exista tesoureiro na federación, o seu presidente será o responsable do desempeño destas funcións, podendo delegalas na persoa que considere oportuno.

Título IV

Réxime económico

Artigo 27º

1. O orzamento deberase elaborar anualmente correspondéndolle a súa aprobación á asemblea xeral.

Artigo 27º

2. As FGT non poderán aprobar orzamentos deficitarios, excepcionalmente a Secretaría Xeral para o Deporte poderá autoriza-lo carácter deficitario de tales orzamentos.

Artigo 28º

A federación galega ten o seu propio réxime de administración e xestión de orzamento e patrimonio, sendo de aplicación, en todo caso, as seguintes regras:

a) Pode promover e organizar actividades e competicións deportivas dirixidas ó público, debendo aplica-los beneficios económicos, se os houbese, ó desenvolvemento do seu obxecto social.

b) Pode gravar e allea-los seus bens inmobles, tomar diñeiro a préstamos e emitir títulos representativos da débeda ou de parte alícuota patrimonial, sempre que os ditos negocios xurídicos non comprometan de modo irreversible o patrimonio da entidade ou do seu obxecto social. En todo caso, cando a súa contía exceda o 25% do orzamento anual da federación, ademais do acordo da asemblea xeral será imprescindible informe favorable da Secretaría Xeral para o Deporte.

Cando se trate de bens inmobles que fosen financiados en todo ou en parte, con fondos públicos da Comunidade Autónoma galega, será preceptiva a autorización da Secretaría Xeral para o Deporte para o seu gravame ou alleamento.

c) Pode exercer, complementariamente, actividades de carácter industrial, comercial, profesional ou de servicios e destina-los seus bens e recursos ós mesmos obxectivos deportivos, pero en ningún caso poderán repartir beneficios entre os seus membros.

d) Non poderán comprometer gastos de carácter plurianual, se é o período de mandato, sen autorización previa da Secretaría Xeral para o Deporte, cando o gasto anual comprometido exceda o 10% do seu orzamento ou supere o período de mandato do presidente.

e) Correspóndelle ó presidente da FGT a sinatura, no nome desta, de todo tipo de contratos, convenios e documentos de contido económico e en especial, a apertura de contas bancarias e a formalización de operacións de préstamos, crédito ou hipoteca, dentro dos límites anteriormente sinalados.

f) Para a disposición de todo tipo de contas e imposicións bancarias, á vista, de aforro, de crédito ou a prazo, así como para establecer e retirar depósitos en efectivo ou valores, emisión de cheques, libramento e aceptación de letras de cambio e/ou obrigas de pagamento, abondará coa sinatura do presidente mancomunada coa do tesoureiro, se é o caso.

Artigo 29º

A FGT elaborará unha memoria na que se incluirá a liquidación do orzamento que analizará fidedignamente a actividade económica da federación, a súa adecuada actuación orzamentaria, o cumprimento dos obxectivos e os proxectos que se van

desenvolver, e informar separadamente como mínimo sobre os seguintes aspectos:

1. Diferenciación dos ingresos e contribucións segundo:

a) Subvencións públicas.

b) Subvencións, donativos ou contribucións privadas.

c) Vendas de activos.

d) Ingresos procedentes de competicións organizadas.

e) Ingresos para servicios prestados pola federación, permisos, licencias e outros.

f) Ingresos financeiros.

2. Tamén constará o destino da totalidade dos recursos, distinguindo como mínimo os grupos de custo ou investimentos seguintes:

a) Administración da federación.

b) Dirección e servicios da directiva, incluíndo viaxes.

c) Competicións

d) Axudas a clubs e outras entidades.

e) Axudas para actos deportivos.

f) Construccións e outros inmobilizados.

g) Formación de deportistas e técnicos.

h) Deportes de élite e profesional.

i) Árbitros.

j) Órganos xurisdiccionais.

3.

a) O importe das obrigacións de pagamento que é preciso satisfacer noutros exercicios que non estean previstos no balance.

b) O importe das garantías e os avais comprometidos.

4. A liquidación do orzamento, que explique as variacións na relación co orzamento aprobado na asemblea anterior.

Artigo 30º

A requirimento da Secretaría Xeral para o Deporte, nas condicións que esta determine, a federación galega de tenis deberase someter á inspección do seu réxime documental establecido no artigo 7.j da Orde do 28 de xullo de 1995, así como auditorías financeiras sobre a totalidade dos seus gastos.

Artigo 31º

As contas anuais e os orzamentos teñen que estar no domicilio social da FGT e delegacións cunha antelación mínima de 15 días á celebración da asemblea, a disposición das persoas ou entidades con dereito a voto, as cales poderán pedir copia que se lles entregará antes da celebración da asemblea.

Artigo 32º

No caso de disolución da FGT, o seu patrimonio neto, se o houber, aplicarase a realización de actividades semellantes, e a Secretaría Xeral para o Deporte determinará o seu destino concreto.

Título V

Réxime documental

Artigo 33º.-Disposición única

A FGT levará como mínimo os seguintes libros:

a) Nun ou varios rexistros de clubs afiliados á FGT.

b) Libro de actas, un ou varios, nos que se reflectirán as reunións e acordos tomados pola asemblea Xeral, a comisión delegada da asemblea e a Xunta Directiva. Poderanse incluír tamén, se así se considera oportuno, as deliberacións e acordos dos diversos comités. Estes libros estarán a cargo do secretario da FGT

d) Libro inventario dos bens mobles e inmobles.

Título VI

Réxime disciplinario

Capítulo I

Dos principios xerais do réxime disciplinarios da FGT

Artigo 34º.-Normativa aplicable

O réxime disciplinario da FGT réxese polo previsto na Lei 10/1990, do 15 de outubro, do deporte; no Real decreto 1591/1992, do 23 de decembro, sobre disciplina deportiva; en cantas outras disposicións legais existan agora ou no futuro nesta materia; e polo regulado no presente título destes estatutos.

Tamén serán de aplicación os principios xerais do dereito sancionador.

Artigo 35º.-Ámbito obxectivo de aplicación

O ámbito disciplinario da FGT esténdese ás infraccións das regras do xogo do tenis e das normas xerais deportivas.

Son infraccións ás regras do xogo do tenis as acción ou omisións que, durante o curso do xogo, vulneren, impidan ou perturben o seu normal desenvolvemento.

Son infraccións ás normas xerais deportivas as demais accións ou omisións que sexan contrarias ás ditas normas.

O réxime disciplinario da FGT e independente da responsabilidade civil ou penal, así como do réxime derivado das relacións laborais, que se rexerá pola lexislación que en cada caso corresponda.

Artigo 36º.-Ámbito subxectivo de aplicación

A potestade disciplinaria da FGT exércese:

a) Sobre as persoas que forman parte da súa estructura orgánica, definida no artigo 10, sendo

a FGT o órgano competente, en única instancia federativa, para coñecer das infraccións disciplinarias de calquera tipo cometidas polas ditas persoas no exercicio das súas funcións federativas.

b) Sobre as personas que estean en posesión de licencia expedida e homologada pola FGT e RFET respectivamente que cometan infraccións disciplinarias ás regras do xogo con motivo de torneos ou competicións tal como se definen no artigo 3 destes estatutos. Neste caso, a competencia da FGT exercerase, cando proceda en primeira e, en todo caso, en única ou última instancia federativa.

c) Sobre os directivos e presidentes de clubs ou asociacións deportivas incardinadas na FGT, que cometesen calquera das infraccións previstas no artigo 51 deste título.

d) A FGT será competente en segunda ou ulterior, e última, instancia federativa para coñecer das restantes infraccións non recollidas nos epígrafes precedentes, cando as normas contidas ó respecto neste título e con aplicación, en todo caso, dos seus principios xerais.

A potestade disciplinaria atribúelle á FGT a facultade de investigar e, se é o caso, sancionar ou corrixir ás persoas ou entidades sometidas a aquela.

Os conflictos positivos ou negativos de competencia en materia disciplinaria e nos que sexa parte a FGT serán resoltos polo comité Galego de Disciplina Deportiva.

As responsabilidades disciplinarias da FGT como tal ente, e as do seu presidente, rexeranse polo disposto nas leis e regulamentos.

Artigo 37º.-Ámbito territorial de aplicación

Son sancionables, conforme este título as infraccións cometidas en Galicia; tamén se poderán sanciona-las cometidas fóra do territorio galego cando se dean algunhas das seguintes circunstancias:

a) Que os infractores sexan persoas que estean representando oficialmente, como directivos, técnicos, xogadores, ou por calquera outro concepto, á FGT ou a unha entidade deportiva galega.

b) Que os infractores estean en posesión de licencia federativa por Galicia.

Artigo 38º.-Principio de retroactividade favorable

As normas disciplinarias só terán efecto retroactivo cando beneficien ós responsables da comisión dunha infracción.

A retroactividade das disposición favorables deberá ser declarada, de oficio ou a instancia de parte interesada, polo órgano que estivese coñecendo da infracción de que se trate, ou por aquel que dictase a resolución en última instancia. Os devanditos órganos serán tamén os competentes para dicta-las medidas necesarias para facer efectiva a retroactividade favorable.

Contra a negativa a declara-la retroactividade ou a adopta-las correspondentes medidas, caberán os recursos establecidos neste título.

Artigo 39º.-Principio de garantía procesual

Non se poderán impoñer sancións senón en virtude do correspondente procedemento previsto na normativa disciplinaria, e seguido conforme o que nela se dispoña.

No dito procedemento garánteselles ós interesados o dereito de asistencia pola persoa que designen e a audiencia previa á resolución do expediente.

Capítulo II

Da responsabilidade disciplinaria

Artigo 40º.-Persoas responsables

Serán persoas responsables disciplinariamente, e poderán ser sancionadas conforme este título, todas aquelas que cometan calquera das infraccións nel previstas.

A circunstancia de se-lo autor da infracción menor de dezaseis anos non lle eximirá da responsabilidade, pero poderá ser considerada polo órgano sancionador como circunstancia atenuante.

A responsabilidade disciplinaria poderá recaer sobre unha persoa xurídica, club deportivo ou asociación cando a infracción derive de accións ou omisións cometida ou ordenadas polos seus órganos representativos no exercicio das súas funcións, ou cando este colaborasen na comisión de calquera infracción, o permitisen canto tivesen obriga e ocasión de impedila.

Nestes casos serán tamén responsables, e polo tanto sancionables con total independencia, as persoas físicas que tomasen o acordo determinante da infracción, ou que a ordenasen, cometesen ou permitisen. Se houbese dúbida, esta responsabilidade afectará ós compoñentes do órgano de dirección da entidade infractora.

Se é o caso, quedarán exentos de responsabilidade os membros dun órgano colexiado que salvasen o seu voto, ou non participasen, descoñecéndoa, na comisión da infracción.

Artigo 41º.-Graos de responsabilidade

En canto ós graos de responsabilidade estarase analoxicamente ó disposto no dereito xeral sancionador.

Artigo 42º.-Atenuantes

Consideraranse circunstancias atenuantes da responsabilidade disciplinaria, sen prexuízo de cantas obras se poidan establecer no presente título:

a) O arrepentimento espontáneo.

b) Que precedese, inmediatamente á infracción, unha provocación suficiente.

c) Que o infractor non fose sancionado con anterioridade no decurso da súa vida deportiva.

Artigo 43º.-Agravantes

Son circunstancias agravantes da responsabilidade disciplinaria:

a) A reincidencia, que existirá cando o autor fose sancionado anteriormente por calquera infracción de igual ou maior gravidade, ou por dúas infraccións ou máis de inferior gravidade da que neste suposto se trate. A reincidencia entenderase producida no transcurso dun ano, a partir do momento no que se cometese a infracción.

b) Causar coa infracción prexuízos graves á boa imaxe do tenis galego, ou do deporte en xeral.

c) Causar coa infracción prexuízos económicos a terceiras persoas.

Artigo 44º.-Principios informadores da apreciación das circunstancias modificativas da responsabilidade disciplinaria.

Na determinación da responsabilidade derivada das infraccións previstas no presente título, os órganos deberanse ater ós principios xerais do dereito sancionador.

A apreciación de circunstancias atenuantes ou agravantes obrigará, cando a natureza da posible sanción así o permita, á congruente gradación desta. Con independencia do anterior, para a determinación da sanción que resulte aplicable, os órganos disciplinarios poderán avalia-lo resto das circunstancias que concorran na falta e que non estean anteriormente tipificadas, tales como as consecuencias da infracción, a natureza dos feitos ou a concorrencia no inculpado de singulares responsabilidades na orde deportiva.

Artigo 45º.-Extinción da responsabilidade

A responsabilidade disciplinaria extínguese por:

a) O cumprimento da sanción

b) A prescrición da infracción ou da sanción imposta

c) O falecemento do inculpado.

d) A disolución en forma legal do club deportivo, entidade ou persoa xurídica sancionada. Isto enténdese sen prexuízo, se é o caso, da subsistencia da responsabilidade disciplinaria dos seus directivos e/ou compoñentes.

e) A perda da condición de deportista federado ou de membro da asociación ou club deportivo de que se trate. Neste caso, cando a perda da dita condición sexa voluntaria, este suposto de extinción terá efectos meramente suspensivos. Cando se producise, dentro do prazo de tres anos, a recuperación da condición baixo a cal se estivese suxeito á disciplina deportiva, o tempo de suspensión da responsabilidade non se computará para os efectos da prescrición das infraccións nin das sancións. O mesmo aplicarase cando a persoa ou entidade inculpada cause baixa na FGT polo non pagamento da licencia

e/ou de cotas ou doutras obrigacións de contido económico.

Artigo 46º.-A prescrición

As infraccións prescribirán ós tres anos, ó ano ou ó mes, segundo sexan moi graves, graves ou leves, comezándose a conta-lo prazo de prescrición ó día seguinte da comisión da infracción.

O prazo de prescrición interrómperase pola iniciación do procedemento sancionador, pero se este permanecese paralizado durante un mes, por causa non imputable á persoa ou entidade suxeita ó dito procedemento, volverá a corre-lo prazo correspondente, interrompéndose de novo a prescrición ó prosegui-la tramitación do expediente.

Para estes efectos, só se entenderá paralizado un procedemento cando se esgotasen calquera dos prazos para el previstos, non houbese outros en curso, e non se adoptase providencia de ningún tipo dentro dos quince días hábiles seguintes:

As sancións prescribirán ós tres anos, ó ano ou ó mes, segundo se trate das que correspondan a infraccións moi graves, graves ou leves, comezándose a conta-lo prazo de prescrición desde o día seguinte a aquel no que adquira firmeza a resolución pola que se impuxo a sanción, ou desde que se quebrántase o seu cumprimento se este xa comezase.

Artigo 47º.-Cumprimento das sancións.

Os órganos disciplinarios competentes en calquera instancia poderán adoptar e ordena-las medidas que estimen oportunas que conduzan a asegurar e vixia-lo cumprimento das sancións.

Artigo 48º.-Réxime de suspensión das sancións.

A simple interposición de reclamacións ou recursos contra as sancións non paralizará ou suspenderá a súa execución. Non obstante, os órganos disciplinarios que estivesen coñecendo da reclamación ou recursos poderán acordar potestativamente a dita suspensión, a petición fundada, expresa e razoada do interesado.

Para o outorgamento da suspensión avaliarase se o cumprimento da sanción pode supoñer prexuízos de imposible ou difícil reparación.

Por excepción ó anterior, cando a sanción consista na clausura dun recinto deportivo, producirase a súa suspensión pola simple presentación en forma legal do correspondente recurso, sen necesidade de ningún outro trámite ou manifestación por parte do interesado.

Capítulo III

Das infraccións e sancións

Artigo 49º.-Clasificación das infraccións pola súa gravidade e a súa tipificación

As infraccións previstas neste título clasifícanse, pola súa gravidade, en moi graves, graves e leves,

e son as que se tipifican nos artigos seguintes, sen prexuízo daquelas outras que poidan estar establecidas con carácter de observancia obrigatoria nas disposicións legais vixentes en cada momento.

Queda ben entendido que ó desenvolvemento do xogo lle serán de aplicación as regras do xogo do tenis e casos e decisións aprobadas pola federación Internacional de Tenis, e publicadas pola RFET, sendo soamente sancionables como infraccións disciplinarias as conductas tipificadas neste título e na lei como tales.

Artigo 50º.-Infraccións comúns moi graves son:

a) Os abusos de autoridade e a usurpación de funcións ou de atribucións.

b) Os quebrantamentos de sancións impostas, incluíndo o non pagamento de multas. O quebrantamento apreciarase en tódolos supostos nos que as sancións resulten executivas. O mesmo réxime aplicarase cando se trate do quebrantamento de medidas cautelares.

c) As actuacións dirixidas a predeterminar, mediante prezo, intimidación ou simples acordos, o resultado dunha proba ou competición.

d) As agresións e comportamentos, actitudes e xestos agresivos e antideportivos de xogadores, cando se dirixan ó árbitro, ós outros xogadores, ó público ou ós membros do servicio de pistas.

e) As declaracións públicas de directivos, técnicos, árbitros e deportistas ou socios que inciten ós seus xogadores, equipos ou espectadores á violencia.

f) A falta de asistencia non xustificada ás convocatorias das seleccións nacionais de tenis. Para estes efectos a convocatoria enténdese referida tanto ós adestramentos como á celebración efectiva da proba ou competición.

g) A participación en competicións organizadas por países que promovan a discriminación racial ou sobre os que pesen sancións deportivas impostas por organizacións internacionais ou con deportistas que os representen.

h) Os actos notorios e públicos que atenten á dignidade ou decoro deportivos, cando revistan unha especial gravidade. Así mesmo considerarase falta moi grave a reincidencia en infraccións graves por feitos desta natureza.

i) A manipulación ou alteración, ben sexa de xeito persoal ou a través de persoa interposta, do material ou equipamento deportivo en contra das regras técnicas do tenis, cando poidan altera-la seguridade da proba ou competición ou poñan en perigo a integridade das persoas.

j) A non comparecencia ou retirada inxustificada das probas, encontros ou competicións e en especial o abandono sen causa xustificada dun torneo por calquera xogador unha vez inscrito nel.

k) A non execución das resolucións do Comité Galego de Disciplina Deportiva.

l) As protestas, intimidacións ou coaccións, individuais ou colectivas ou tumultuarias, que impidan a celebración dun encontro, proba ou competición, ou que obriguen á súa suspensión.

ll) A violación de segredos nos asuntos de que se coñeza por razón do cargo desempeñado no club, asociación ou federación.

m) Os actos de rebeldía contra os acordos de federación, agrupacións, asociacións ou clubs.

n) A conducta gravemente atentatoria para a dignidade do tenis galego ou dos seus representantes.

ñ) As manifestacións públicas, ou realizadas a través de medios de comunicación social, que supoñan insulto ou menosprezo ás autoridades deportivas ou federativas.

o) A utilización de substancias estimulantes e/ou estupefacientes susceptibles de producir alteracións no normal rendemento deportivo, todo iso, conforme a normativa vixente en cada momento nesta materia.

Artigo 51º.-Infraccións moi graves dos directivos

Ademais das infraccións comúns tipificadas no artigo anterior e das previstas na lei, son infraccións específicas moi graves dos directivos da propia FGT e dos presidentes e directivos das entidades incardinadas nela, as seguintes:

a) O incumprimento dos acordos da asemblea Xeral, así como dos regulamentos electorais e demais disposicións estatutarias ou regulamentarias.

Os incumprimentos constitutivos de infracción serán os expresados nos estatutos e regulamentos dos entes respectivos ou aqueles que, aínda non o estando, revistan gravidade ou teñan especial transcendencia.

b) A non convocatoria, nos prazos ou condicións legais, de forma sistemática e reiterada, dos órganos colexiados federativos.

c) A incorrecta utilización dos fondos privados ou das subvencións, créditos, avales e demais axudas do organismo autonómico ou doutro modo concedidos con cargo ós orzamentos xerais da Xunta de Galicia.

Para estes efectos a apreciación da incorrecta utilización dos fondos públicos rexerase polos criterios que para o uso de axudas e subvencións públicas se conteñen na lexislación específica da Xunta de Galicia.

En canto ós fondos privados, observarase o carácter neglixente ou doloso das conductas.

d) O compromiso de gastos de carácter plurianual do orzamento das federacións deportivas sen a regulamentaria autorización nos termos do artigo 15 D

do Real decreto 1591/1992, sobre disciplina deportiva.

e) A organización de actividades ou competicións deportivas oficiais de carácter internacional sen a regulamentaria autorización.

A esixencia das responsabilidades derivadas das infraccións tipificadas neste artigo, e a competencia para coñecelas, rexerase polo que estea legalmente establecido, seguíndose, polo que atínxe ó non previsto na lei de normas que se especifican de seguido.

Se as infraccións son cometidas polos directivos da FGT será esta competente en única instancia para coñecer delas.

Respecto ás infraccións cometidas por presidentes ou directivos de entidades incardinadas na FGT, esta só será competente:

-En única instancia, cando se trate das infraccións tipificadas nos anteriores puntos c), salvo no relativo á incorrecta utilización de fondos privados e e),

-En segunda instancia, cando se dean os supostos previstos no artigo 36º e) destes estatutos.

Artigo 52º.-Infraccións graves son:

a) A manifesta e reiterada desobediencia ás ordes e instruccións emanadas de xuíces, árbitros, directivos e demais autoridades deportivas.

b) Os actos notorios e públicos que atenten á dignidade ou decoro deportivos, e en xeral á conducta contraria ás normas deportivas, sempre que todo iso non revista os caracteres de falta moi grave.

c) O exercicio de actividades públicas ou privadas declaradas incompatibles coas actividades ou función deportiva desempeñada.

d) A non convocatoria nos prazos ou condicións legais dos órganos colexiados.

e) A manipulación ou alteración, ben sexa personalmente ou a través de persoa interposta, do material ou equipamento deportivo en contra das regras técnicas do tenis.

f) As protestas, intimidacións ou coaccións , individuais ou colectivas ou tumultuarias que alteren o normal desenvolvemento do xogo, proba ou competición.

g) As protestas individuais iradas e ostensibles, feitas publicamente contra árbitros, xuíces, técnicos, directivos e demais autoridades deportivas.

Artigo 53º.-Infraccións leves son:

a) As observacións formuladas ós xuíces, árbitros, técnicos e directivos e demais autoridades deportivas no exercicio das súas funcións de xeito que signifiquen unha lixeira incorrección.

b) A lixeira incorrección co público, contrarios, compañeiros, subordinados e persoal de pista.

c) A adopción dunha actitude pasiva no cumprimento das ordes e instruccións recibidas de xuíces, árbitros e autoridades deportivas no exercicio das súas funcións.

d) O descoido na conservación e coidado dos locais sociais, instalacións deportivas e outros medios materiais.

e) As accións ou omisións que supoñan incumprimento das normas ou ordes deportivas por descoido ou neglixencia escusables.

f) Aplicarase W.O. (perda do partido por non comparecencia) a aquel xogador que non estea disposto a xogar na pista transcorrido o tempo sinalado na normativa técnica desde a hora fixada para o comezo do partido. Todo iso agás causa de forza maior debidamente xustificada a xuízo do xuíz-árbitro e/ou xuíz de cadeira.

g) Presentarse a xogar un partido con equipo e/ou vestimenta incorrecta. A sanción consistirá na perda do partido, a non ser que a incorreción sexa reparada nun tempo razoable a xuízo do xuíz árbitro e/ou xuíz de cadeira. O xuíz árbitro e/ou xuíz de cadeira decidirá previamente ó comezo do partido nos casos de dúbida sobre a aceptación da roupa que vistan os xogadores conforme a normativa nacional e internacional ó respecto.

h) O xogador que non se reincorpore ó xogo tralo descanso, nos partidos no que este estea previsto, será sancionado con multa de cinco a vintecinco mil pesetas. Se non comparece transcorrido o tempo sinalado na normativa técnica desde a hora fixada para a continuación do xogo, será descualificado, sen prexuízo da multa antes establecida.

i) O xogador que abandone a pista sen permiso do xuíz árbitro e/ou xuíz de cadeira, será descualificado con perda do partido, podéndoselle impoñer, ademais, unha multa de cinco a vintecinco mil pesetas.

j) O atraso deliberado no xogo, incluíndo o comezar a xogar despois do período de quecemento, a requirimento do xuíz árbitro e/ou xuíz de cadeira; o atraso no cambio de lado, e entre punto e punto.

k) Recibir consellos ou comunicarse con calquera persoa e por calquera medio durante o decurso do partido, á excepción do regulamentado nas competicións por equipos.

Artigo 54º.-Sancións por infraccións comúns moi graves

Ás infraccións tipificadas no artigo 52º deste título corresponderán as seguintes sancións:

a) Multas non inferiores a cincocentas mil pesetas nin superiores a cinco millóns.

b) Perda de puntos ou postos na clasificación, ou descualificación ou perda do partido.

c) Perda ou descenso de categoría ou división.

d) Celebración da proba ou competición deportiva a porta pechada.

e) Prohibición de acceso ás pistas ou lugares de desenvolvemento das probas ou competicións, por tempo non superior a cinco anos.

f) Perda definitiva dos dereitos que como socio da respectiva asociación deportiva correspondan ó infractor, coas excepcións que poidan estar previstas na lei nesta materia.

g) Clausura dun recinto deportivo por un período que abarque de catro partidos ou encontros a unha tempada.

h) Inhabilitación para ocupar cargos na organización deportiva, ou suspensión ou privación de licencia federativa, con carácter temporal, por un prazo de dous a cinco anos, en adecuada proporción á infracción cometida.

i) Inhabilitación a perpetuidade para ocupar cargos na organización deportiva, ou privación de licencia federativa a perpetuidade. Estas sancións unicamente poderán acordarse de modo excepcional, pola reincidencia en infraccións de extraordinaria gravidade.

Artigo 55º.-Sancións por infraccións moi graves dos directivos son as seguintes:

a) Amoestación pública

b) Inhabilitación temporal de dous meses a un ano.

c) Destitución do cargo.

Artigo 56º.-Sancións por infraccións graves son as seguintes:

a) Amoestación pública

b) Multa de cen mil a cincocentas mil pesetas

c) Perda de puntos ou postos na clasificación, ou descualificación ou perda do partido.

d) Clausura do recinto deportivo, de ata tres partidos ou encontros, ou de dous meses.

e) Privación dos dereitos de asociado, dun mes a dous anos, coa salvidade prevista no apartado f) do artigo 54º.

f) Inhabilitación para ocupar cargos, suspensión ou privación de licencia federativa, dun mes a dous anos.

Artigo 57º.-Sancións por infraccións leves

1. As infraccións previstas nos apartados f), g), h) e i) do artigo 53º, serán sancionadas conforme o previsto.

2. As restantes infraccións tipificadas no artigo 53º e cometidas por un xogador no decurso dun partido sancionaranse conforme a seguinte escala:

-Primeira infracción: amoestación

-Segunda infracción: perda do punto seguinte.

-Terceira infracción: descualificación: perda do partido.

3. Os demais casos de infraccións leves sancionaranse con:

a) Apercibimento.

b) Multa de ata cen mil pesetas.

c) Inhabilitación para ocupar cargos ou suspensión de ata un mes.

Artigo 58º.-Sancións técnicas acumulables

Nos casos de infraccións moi graves ou graves cometidas por un xogador no decurso dun partido, ademais da sanción que corresponda por tal tipo de infracción, o xuíz árbitro e/ou xuíz de cadeira poderá aplicar, en forma inmediata, a escala de sancións técnicas previstas no apartado 2 do artigo precedente, no grao que estime conveniente conforme a gravidade da infracción. O trámite posterior destas sancións en materia de recursos será o que lles corresponda segundo a súa natureza.

Artigo 59º.-Regras comúns para a determinación e imposición de sancións

Os órganos disciplinarios poderán impoñe-la sanción que estimen xusta de entre as previstas para o tipo de infracción que se cometese, graduándoa en función da natureza dos feitos, graos de responsabilidade e concorrencia de circunstancias agravantes ou atenuantes, conforme co tamén establecido no artigo 46º.

A concorrencia de dúas ou máis circunstancias agravantes e ningunha atenuante determinará a aplicación da sanción se é o grao máximo, igualmente, a concorrencia de dúas atenuantes, ou dunha moi cualificada, e ningunha agravante, determinará a aplicación da sanción se é o grao mínimo.

Artigo 60º.-Multas

Unicamente se poderán impoñer ós deportistas, técnicos, xuíces ou árbitros, sancións consistentes en multa cando estes perciban retribución polo seu labor, e conforme a cuantificación prevista neste título. Para estes efectos, entenderase aplicable a sanción de multa ás infraccións cometidas por xogadores con motivo dun partido, campionato, ou torneo que estea dotado con premios de contido económico, con independencia de que aqueles cheguen ou non a percibir por razón de resultados naquel.

A sanción de multa poderase impoñer de forma simultánea a calquera outra que os órganos disciplinarios estimen congruente ó tipo de infracción cometido, a súa contía, dentro dos límites máximos establecidos para cada caso, será determinado polo órgano sancionador conforme coas circunstancias concorrentes.

As multas aboaranse no prazo máximo de dez días hábiles a partir da imposición da sanción e deberanse facer efectivas ó órgano que as acordase. As multas aboadas ós xuíces árbitros ou xuíces de

cadeira deberanse entregar á FGT, que, ó igual que as restantes, destinará o seu importe ós seus fins deportivos.

O pagamento das multas deberase acreditar mediante o correspondente recibo, e o non pagamento delas terá a consideración de quebrantamento de sanción.

Artigo 61º.-Alteración de resultados

Con independencia das sancións disciplinarias que puidesen corresponder, os órganos disciplinarios terán a facultade de altera-lo resultado de encontros, probas ou competicións por causa de predeterminación mediante prezo, intimidación ou simples acordos, do resultado da proba ou competición; e, en xeral, en tódolos supostos nos que a infracción supoña unha grave alteración da orde do encontro, proba ou competición.

Capítulo IV

Do procedemento disciplinario

Secicón primeira

Disposicións xerais

Artigo 62º.-Rexistro de sancións

A FGT por medio do seu comité correspondente, levará un rexistro de sancións para os efectos, entre outros, da determinación da posible existencia de causas modificativas de responsabilidade e prescrición de infraccións e sancións.

Os diversos órganos disciplinarios deberán comunicar á FGT as sancións que impoñan, para os efectos previstos no parágrafo anterior.

Artigo 63º.-Normativa aplicable

O procedemento para a imposición de sancións por todo tipo de infraccións disciplinarias rexerase polo disposto no presente capítulo, no título II do Real decreto 1591/1992, do 23 de decembro, sobre disciplina deportiva e, supletoriamente, polas normas e principios xerais do dereito administrativo sancionador.

Artigo 64º.-Concorrencia de responsabilidades penais

Os órganos disciplinarios competentes deberán, de oficio ou por instancia do instructor do expediente, comunicar ó Ministerio Fiscal aquelas infraccións que puidesen revesti-los caracteres de delicto ou falta penal.

En tal caso, os órganos disciplinarios deportivos acordarán a suspensión do procedemento, segundo as circunstancias concorrentes, ata que recaia a correspondente resolución xudicial.

En cada suposto concreto os órganos disciplinarios avaliarán as circunstancias que concorran nel, co fin de acordar motivadamente a suspensión ou a continuación do expediente disciplinario ata a súa resolución e imposición de sancións, se procedese.

En caso de que se acorde a suspensión do procedemento, poderanse adoptar medidas cautelares mediante providencia notificada a tódalas partes interesadas.

Durante o tempo en que estea suspendido o procedemento disciplinario polas causas previstas neste artigo non correrá a prescrición respecto á infracción de que se trate. Aquela só volverá a correr se o expediente disciplinario non se continúa dentro dos dous meses seguintes a que recaese resolución xudicial firme que poña termo ó procedemento penal correspondente.

Artigo 65º.-Concorrencia de responsabilidades administrativas

No suposto de que un mesmo feito puidese dar lugar á responsabilidade administrativa prevista no artigo 5.2º do Real decreto 1591/1992 e á responsabilidade de índole deportiva, os órganos disciplinarios comunicarán á autoridade correspondente os antecedentes de que dispuxesen, con independencia da tramitación do procedemento disciplinario deportivo.

Cando os órganos disciplinarios tivesen coñecemento de feitos que puidesen dar lugar, exclusivamente, á responsabilidade administrativa, darán traslado, sen máis, dos antecedentes de que dispoñan á autoridade competente.

Artigo 66º.-Interesados

Na disciplina deportiva tenística considéranse interesados, ademais dos mencionados no presente título todas aquelas persoas ou entidades a favor das cales se deriven dereitos ou intereses lexítimos ou se produzan prexuízos ilexítimos en relación cos efectos da resolución que puidese adoptarse, que poderán comparecer no procedemento, só será obrigatorio efectua-las notificacións a aquelas persoas contra as que se dirixa directamente o procedemento e a aqueloutras que comparecesen nel.

Os interesados comparecidos no procedemento poderán designar unha persoa física que os asista e represente nel, así como sinala-lo domicilio desta para efectos de notificacións e requirimentos.

Sección segunda

Órganos competentes para a instrucción do procedemento e a imposición de sancións

Artigo 67º.-Xuíces árbitros e/ou xuíces de cadeira.

O xuíz árbitro e/ou xuíz de cadeira dun partido será competente para impoñer sancións por infraccións leves ás regras do xogo ou competición durante o seu desenvolvemento, actuando neste caso como órgano disciplinario da FGT.

Estas sancións poderanse impoñer in situ sen necesidade de ningún trámite e serán inmediatamente executivas, sen prexuízo do recurso establecido neste capítulo.

En calquera caso, as actas subscritas polos xuíces árbitros e/ou xuíces de cadeira e as declaracións destes, presúmense certas, salvo erro manifesto, que se poderá acreditar por calquera dos medios admitidos en dereito.

No caso de infraccións graves ou moi graves ás regras do xogo ou competición, o xuíz árbitro e/ou xuíz de cadeira poderá aplica-las sancións técnicas previstas no apartado 2 do artigo 57, pero deberá dar conta inmediatamente ó órgano competente para coñecer da infracción cometida.

Artigo 68º.-Federación Galega de Tenis

A FGT será competente directamente para coñecer de todas aquelas infraccións das cales a potestade para sancionalas non estea delegada expresamente nos xuíces árbitros e/ou xuíz de cadeira conforme o artigo anterior.

Artigo 69º.-Atribución de competencias funcionais

A potestade disciplinaria da FGT para coñecer das infraccións, incoar expedientes, nomear instructor e secretario deles e impoñer e executar sancións exercerase, salvo no previsto no Artigo 67, a través do seu comité de Disciplina, cando estea facultado para iso en virtude de disposición regulamentaria ou polo acordo da súa creación.

A xunta directiva en pleno da FGT será o órgano competente para resolver en 2ª instancia.

Procederase a unha terceira instancia dirixíndose ó Comité de Disciplina Deportiva da Xunta de Galicia.

Artigo 70º.-Incompatibilidades

Cando existan dous ou máis órganos disciplinarios que poidan coñecer sucesivamente dun determinado asunto, unha mesma persoa non poderá pertencer a máis dun dos ditos órganos.

Sección terceira

Tramitación dos procedementos

Artigo 71º.-Iniciación do procedemento

O procedemento disciplinario incoarase por resolución do órgano competente, cando de oficio ou como consecuencia de orde superior ou denuncia motivada por instancia de parte interesada.

Artigo72º.-Medidas cautelares

Ó se inicia-lo expediente, o órgano disciplinario poderá adopta-las medidas cautelares oportunas mediante providencia que se notificará ós interesados para os efectos do correspondente recurso perante o órgano superior.

Este recurso axustarase nos seus trámites ó disposto no presente capítulo, substanciarase en peza separada e non suspenderá o curso do expediente.

Artigo 73º.-Acumulación de expedientes

Os órganos disciplinarios poderán acorda-la acumulación de expedientes cando se produzan circunstancias de identidade ou analoxía razoable e suficiente, de carácter subxectivo ou obxectivo, que fixesen aconsellable a tramitación e resolución únicas.

Artigo74º.-Clases de procedementos e a súa determinación

As infraccións leves ás regras do xogo ou competición sancionaranse procedementalmente conforme o previsto no artigo 67º.

As infraccións graves ou moi graves ás regras do xogo ou competición, tal como se definen no artigo 36º, sancionaranse conforme o procedemento ordinario previsto nesta sección.

As infraccións de todo tipo ás normas deportivas xerais sancionaranse conforme ó procedemento extraordinario previsto no capítulo III do título II do Real decreto 1591/1992, que se dá aquí por integramente reproducido.

Artigo 75º.-O procedemento ordinario

Axustarase ás seguintes regras:

a) Iniciarase por acordo do órgano competente, que incluirá o nomeamento de instructor, ou de instructor e secretario, se aquel o estimase conveniente polas características do caso. O secretario, de habelo, asistirá ó instructor na instrucción do expediente. O nomeamento de instructor e, se é o caso, de secretario, poderá recaer en calquera persoa maior de idade e cos coñecementos suficientes; poderán ser designados como tales calquera membro do comité de competición da FGT, pero, neste caso, deberanse abster de concorrer e votar nas reunións deste en canto traten sobre a imposición da sanción que corresponda no expediente instruído.

b) A abstención e recusación do instructor e secretario rexerase polo disposto ó respecto no procedemento extraordinario.

c) O inicio do expediente e o nomeamento de instructor, e de secretario se o houbese, notificaráselle ó interesado. No mesmo acto notificarase tamén, por escrito detallado, os feitos que se imputan e a cualificación que poidan merecer conforme o presente título.

d) O interesado dispoñerá dun prazo de trinta días hábiles a partir da notificación a que se refire o parágrafo anterior para efectuar cantas alegacións considere convenientes en defensa dos seus intereses e para propoñer e practica-la proba que solicite e que teña relación co caso. Todas estas manifestacións deberaas realiza-lo interesado en debida forma e por escrito dirixido ó instructor; este poderá, e deberá, levar a cabo durante o período sinalado cantas dilixencias ou probas coide de interese para aclaración dos feitos.

e) O prazo indicado de 30 días poderase prorrogar noutros 30 días máis, como máximo, por acordo

do órgano competente de oficio ou por instancia do instructor ou do interesado, cando o volume ou complexidade da proba que se vai aportar así o aconsellase.

f) Os tipos de probas que se presenten e a forma de practicarse rexeranse polo previsto nas leis de procedemento administrativo e nas procesuais comúns.

g) As decisións que adopte o instructor sobre a admisión ou inadmisión de probas e sobre calquera outro extremo procesual, con excepción das providencias de simple trámite, sexan susceptibles de recurso de alzada perante o órgano sancionador, que se deberá presentar no prazo máximo de tres días hábiles a partir da notificación da correspondente resolución. O órgano sancionador resolverá no prazo máximo doutros cinco días, sen ulterior recurso, se ben quedará a correspondente constancia de todo iso no expediente para os fins oportunos.

h) Rematado o prazo de alegacións e probas, ou a súa prórroga, o instructor elevará todo o actuado, co seu informe e recomendación, ó órgano sancionador, e este resolverá sen máis trámites no improrrogable prazo de trinta días hábiles.

i) En todo momento, antes de recae-la resolución o interesado poderá solicitar ser escoitado persoalmente, tanto polo instructor como polo órgano sancionador, e deberase acceder a iso, sinalando oportunamente día e hora deixándose constancia do resultado da comparecencia na oportuna acta que se engadirá ó expediente.

j) Os interesados, distintos do imputado, poderán comparecer no expediente en calquera momento, ata o remate do prazo de probas e alegacións, e daráselles vista do actuado co fin de que poidan propoñer e practica-las súas, sen que iso signifique, en ningún caso, prolongación dos prazos que estean correndo para os respectivos trámites.

Artigo 76º.-Notificacións

Toda providencia ou resolución que afecte ós interesados no procedemento disciplinario será notificada a aqueles no máis breve prazo posible, co límite máximo de dez días hábiles.

As notificacións realizaranse conforme as normas previstas na lexislación do procedemento administrativo común.

As notificacións deberán conte-lo texto íntegro da resolución, coa indicación de se é ou non definitiva, a expresión das reclamacións ou recursos que procedan , órgano perante o que tivesen que comparecer e prazo para interpoñelas.

Artigo 77º.-Comunicación pública

Con independencia da notificación persoal, poderase acorda-la comunicación pública das resolucións sancionadoras, respectando o dereito á honra e á intimidade das persoas conforme a lexislación vixente.

Non obstante, as providencias e resolucións non producirán efectos para os interesados ata a súa notificación persoal, agás nos supostos previstos nos parágrafos seguintes:

Para os efectos das sancións previstas nos números 1 e 2 do artigo 57º, abondará coa comunicación pública do órgano disciplinario competente, xuíz árbitro ou xuíz de cadeira, para que a sanción sexa inmediatamente executiva; para o caso do número 1 do artigo 57º será preciso que, con posterioridade, se efectúe a notificación persoal, computándose só a partir desta os prazos para reclamacións e recursos.

Artigo 78º.-Motivación

As providencias e resolucións deberán ser motivadas nos casos previstos na lexislación do organismo autonómico sobre procedemento administrativo común e cando así se dispoña nas demais leis aplicables, estatutos e regulamentos.

Artigo 79º.-Obriga de resolver

As peticións ou reclamacións presentadas perante os órganos disciplinarios deberanse resolver de xeito expreso nun prazo non superior a quince días hábiles. Transcorrido o dito prazo entenderanse desestimadas.

Artigo 80º.-Recursos

As resolucións dos xuíces árbitros e/ou xuíces de cadeira en materia disciplinaria serán recorribles conforme o seguinte artigo 84º.

As resolucións da FGT que esgoten a vía federativa poderán ser recorridas no prazo máximo de quince días hábiles ante o Comité Galego de Disciplina Deportiva.

Artigo 81º.-Cómputo de prazos de recursos e reclamacións

O prazo para formular recursos ou reclamacións contarase a partir do día seguinte hábil ó da notificación da resolución ou providencia, se estas fosen expresas.

Se non o fosen, o prazo será de quince días hábiles contados desde o seguinte ó que se deban entender desestimadas as reclamacións ou recursos conforme o disposto nos artículos 79º e 83º deste título.

Artigo 82º.-Contido das resolucións que decidan sobre recursos.

A resolución dun recurso confirmará, revogará ou modificará a resolución recorrida, non podendo, no caso de modificación, derivarse maior prexuízo para o interesado, cando este sexa o único recorrente.

Se o órgano competente para resolver estimase a existencia de vicio formal, poderá ordena-la retroacción do procedemento ata o momento no que se produciu a irregularidade, coa indicación expresa da fórmula para resolvela.

Artigo 83º.-Desestimación presunta de recursos

A resolución expresa dos recursos deberase producir nun prazo non superior a trinta días.

En todo caso, e sen que iso supoña a exención do deber de dictar resolución expresa, transcorridos trinta días hábiles sen que se dicte e notifique a resolución do recurso interposto, enténdese que este foi desestimado, quedando expedita a vía procedente.

Artigo 84º.-Recursos contra resolucións dos xuíces árbitros e/ou xuíces de cadeira en materia de infraccións leves.

Nestes casos os interesados poderán recorrer no prazo improrrogable de dous días hábiles a partir daquel no que se impuxo a sanción.

O recurso poderase presentar por escrito debidamente motivado perante o órgano competente para coñecer del, que será a propia FGT

Esta, de oficio ou por instancia do interesado, poderá establecer un período probatorio por prazo non superior a quince días hábiles.

O órgano competente dictará resolución, sen máis trámites no prazo máximo de trinta días hábiles desde a interposición do recurso ou desde o remate do prazo probatorio, se o acordase.

Esta resolución esgotará a vía federativa.

Artigo 85º.-Recursos perante a Federación Galega de Tenis

Nos casos nos que conforme o artigo 37, e) deste título a FGT sexa competente para coñecer en segunda instancia dunha cuestión disciplinaria, o recurso e o seu trámite axustaranse ó previsto nos anteriores artigos 81º, 82º e 83º e ó procedemento regulado do artigo 75º, todos estes dos presente título, coas únicas salvidades previstas nos parágrafos seguintes:

-Poderá presenta-lo recurso calquera interesado, aínda distinto do infractor que se constituíse en parte no expediente de orixe.

-Ó se inicia-lo expediente de recurso, o instructor comunicará o contido do escrito de recurso ó órgano que impuxese a sanción na instancia inmediatamente anterior, e solicitará o seu informe, que este debe emitir no prazo máximo de quince días hábiles. O instructor tamén efectuará igual comunicación, para efectos informativos, ás demais partes, distintas do recorrente, que comparecesen no expediente de orixe.

-Tanto o órgano disciplinario a quo sen prexuízo do informe que debe emitir, como os demais interesados non recorrentes, poderán comparecer no recurso no prazo de quince días hábiles a partir da notificación á que se refire o artigo anterior, para os efectos de ser parte no expediente de recurso e instar e manifestar nel o que entendan pertinente conforme as normas procedementais.

-Rematados os prazos de comparecencia e de emisión do informe do órgano a quo que serán comúns para este, e se recibise ou non o devandito informe, iniciaranse os demais prazos e actuacións previstos no artigo 75º.

Título VII

Procedementos electorais para os órganos electivos da Federación Galega de Tenis

Artigo 86º.-Ámbito do presente capítulo.

O presente capítulo regula os procesos electorais para a designación dos membros da asemblea xeral da FGT así como do seu presidente e dos membros da comisión delegada daquela.

Serán tamén de aplicación, directa ou supletoria, se é o caso, as disposicións legais que agora ou no futuro poidan rexer nesta materia.

Tódolos procesos electorais previstos neste capítulo terán igualmente lugar, desenvolvéndose conforme as normas deste, aínda no caso de que queden proclamadas candidaturas en número equivalente ou inferior ó de prazas que se vaian cubrir mediante aqueles.

Artigo 87º.-Dos prazos e datas

Nos prazos sinalados por días neste capítulo entenderase que estes son naturais, salvo que se indique o contrario.

Coa mesma salvidade, cando se sinale data de apertura dalgún prazo entenderase desde as oito horas da mañá do día que se indique; cando se sinale data do remate ou peche dalgún prazo, entenderase que este remata ás doce horas da noite do día que se indique.

Os días nos que teñan lugar as eleccións de membros da asemblea xeral e presidente da FGT non se celebrarán campionatos galegos de individuais.

Artigo 88º.-Do calendario electoral

O calendario electoral axustarase ó que determine oportunamente a xunta directiva da FGT deben respectarse en todo caso, os seguintes intervalos mínimos:

a) Prazos de reclamacións sobre os censos: 14 días

b) Prazos de presentación de candidaturas a membros da asemblea xeral: 6 días.

c) Prazos de reclamacións sobre candidaturas á asemblea xeral: 5 días.

d) Prazo de reclamación sobre o desenvolvemento das eleccións á asemblea xeral: 5 días.

e) Prazo de presentación de candidaturas a presidente e membros da comisión delegada da asemblea xeral da FGT: 10 días.

f) Prazo de reclamacións sobre as anteriores candidaturas 4 días

g) Prazo de reclamacións sobre o desenvolvemento das eleccións a presidente e membros da Comisión delegada: 5 días.

Artigo 89º.-Da convocatoria de eleccións a membros da asemblea xeral, a presidente e a membros da comisión delegada. A comisión xestora. Publicidade.

A xunta directiva da FGT efectuará a convocatoria de eleccións e para as datas que estableza, dentro do previsto nos presentes estatutos. A partir do día da convocatoria, a dita xunta directiva constituirase en comisión xestora da FGT.

O anuncio da convocatoria conterá o seu obxecto, e, con relación ás eleccións a membros da asemblea xeral, a indicación da data (que será única), hora e lugar no que se desenvolverán as votacións para cada circunscrición. Sinalará, ademais, a data, lugar e hora de celebración da primeira asemblea xeral, que terá como obxecto a elección de presidente e membros da comisión delegada.

A xunta directiva deberá toma-las medidas oportunas para que, o mesmo día da convocatoria se recibise e quede exposto na sede de cada club o anuncio daquela, con indicación do número de postos que se van cubrir e as particularidades que afecten á circunscrición de que se trate.

Con independencia e ademais diso, a comisión xestora garantirá a máxima difusión á convocatoria de eleccións que, co contido indicado, enviarase oportunamente a tódolos clubs inscritos na FGT, a través dun medio que permita asegura-la súa recepción, con instruccións de que a dean a coñece-los seus socios, e coidará da súa publicación nun diario de información xeral e deportiva de ámbito rexional, a criterio da propia comisión.

Artigo 90º.-Da xunta electoral

a) Natureza

A xunta electoral da FGT é o órgano supremo que rexe o proceso para a elección dos membros da súa asemblea xeral, da comisión delegada desta e do seu presidente.

b) Composición

Estará composta por tres membros de pleno dereito, elixidos pola FGT.

Designaranse tamén os correspondentes suplentes dos membros da xunta electoral que resulten elixidos.

A xunta electoral, ademais, terá como secretario e letrado asesor a aqueles que o sexan da FGT, con voz pero sen voto.

Os membros da xunta electoral deberán ser, en todo caso, maiores de idade, e estar no pleno exercicio dos seus dereitos e facultades e non estar inhabilitados por sanción penal ou federativa firme; tampouco poderán ocupar cargos directivos dos clubs de ámbito galego ou da FGT, nin presenta-la

súa candidatura a membro da asemblea ou a presidente da FGT.

No caso de producirse vacantes, designaranse para cubrilas ós correspondentes substitutos.

c) Funcionamento.

A designación dos membros da xunta electoral terá lugar cada ano electoral, coa necesaria antelación á convocatoria das eleccións, e os seus membros reuniranse na mesma data daquela para tomar posesión dos seus cargos e constituí-la xunta, do que se levantará a correspondente acta.

Será presidente da xunta electoral o membro de maior idade dela, e secretario, con voz e sen voto, como se dixo, o que o sexa da FGT

A xunta electoral reunirase cantas veces sexa preciso; será convocada polo secretario, de orde do presidente ou por petición de polo menos 3 dos seus membros de pleno dereito.

Para que a xunta se poida constituír validamente e tomar acordos, será preciso que concorran, previamente os convocados, polo menos I dos seus tres membros de pleno dereito. Os debates serán dirixidos polo presidente, o secretario levantará sucinta acta deles e dos acordos tomados que, para a súa validez, requirirán o voto favorable da maioría simple dos membros con dereito a voto concorrentes, tendo o presidente voto de calidade no caso de empate. No demais, a xunta poderá establece-lo seu propio réxime de funcionamento.

Non obstante o disposto nos parágrafos anteriores, a xunta electoral entenderase validamente constituída, para tódolos efectos e sen necesidade de convocatoria previa, cando estean presentes a totalidade dos seus membros e acepten por unanimidade celebrar sesión.

O domicilio da xunta electoral será, para tódolos efectos, o mesmo que o da FGT.

d) Competencias.

A xunta electoral ten a misión de impulsar, dirixir, controlar e verifica-lo procesos electorais a que se refire este capítulo, sobre os que ten competencia, se é o conxunto e en tódolos estamentos e circunscricións, gozando para iso da máxima autoridade e das máis amplas facultades e atribucións, ademais das establecidas especificamente no presente articulado.

Correspóndelle tamén á xunta electoral resolver cantas dúbidas se puidesen suscitar na aplicación do presente capítulo.

e) Vixencia.

A xunta electoral continuará en funcións ata o remate da lexislatura da asemblea xeral elixida baixo o seu mandato, para efectos de intervir, se procede, nos procesos de designación de substitutos das vacantes ou baixas que se poidan producir

durante aquel período entre os membros da asemblea.

Artigo 91º.-Dos electores e elixibles

Teñen esta consideración para os distintos estamentos da FGT:

a) Deportistas: ser maiores de idade para ser elixibles e electores, e estar en posesión da licencia federativa en vigor, expedida e homologada pola FGT antes da data de convocatoria das eleccións, e tela, polo menos na tempada deportiva anterior, entendendo como tal a do ano natural inmediato anterior ó das eleccións; ademais, deberán estar incluídos na clasificación oficial da RFET que estea en vigor no momento da convocatoria das eleccións e na clasificación oficial inmediata anterior.

b) Clubs deportivos: os inscritos na FGT e que o estivesen tamén no ano anterior ó da celebración das eleccións, debendo ter polo menos un xogador afiliado que estea incluído na clasificación oficial da RFET que estea en vigor no momento da convocatoria das eleccións, e na clasificación oficial inmediata anterior. O dereito de voto neste estamento corresponde, no nome do club, a quen sexa o seu presidente, ou quen aquel designe conforme os propios estatutos.

c) Técnicos: os que, coas mesmas circunstancias de idade e posesión de licencia que para tódolos deportistas, estean titulados como técnicos, adestradores pola propia RFET ou outros organismo oficiais que poidan chegar a emitir estes títulos.

d) Xuíces-árbitros: os que coas mesmas circunstancias de idade e posesión de licencia que para os deportistas, estean ademais en posesión da titulación expedida pola RFET ou outros organismos oficiais que poidan chegar a emitir estes títulos, que os habilite para exercer como xuíces e/ou árbitros.

As persoas físicas só poderán ser incluídas no censo dun estamento e circunscrición e votar nestes; se algunha reunise as condicións requiridas para figurar en máis dun censo poderá solicita-lo cambio e/ou circunscrición dentro do prazo e na forma que se sinala neste capítulo para efectuar reclamacións sobre os censos electorais.

Os presidentes de clubs poderán estar incluídos no censo dun estamento composto por persoas físicas e votar neste; non obstante, o representante dun club que fose elixido polo estamento de clubs deportivos non poderá ser membro da asemblea por outro estamento.

Os presidentes dos clubs da FGT poderán estar incluídos no censo dun estamento composto por persoas físicas, só como electores. Os ditos presidentes non poderán, en ningún caso, ostenta-la representación dun club deportivo para os fins e efectos deste capítulo.

Artigo 92º.-Do proceso electoral

O proceso electoral para designa-los membros da asemblea xeral da FGT correspondentes ós estamentos de clubs deportivos e deportistas efectuarase a través de circunscricións provinciais, e no que sexa pertinente, por medio das estructuras federativas do devandito ámbito. A elección dos representantes de técnicos-adestradores e xuíces-árbitros efectuarase a través dunha circunscrición única rexional.

Artigo 93º.-Dos censos electorais

Os censos electorais para cada estamento e circunscrición serán elaborados pola FGT, conforme os criterios establecidos no precedente artigo 91. Para efectos da súa publicación, o censo electoral, xeral para tódolos estamentos e circunscricións, quedará á disposición dos interesados na sede social da FGT, para o seu exame e consulta. Para os mesmos fins, expoñeranse nas sedes provinciais designadas, os censos que correspondan ás respectivas circunscricións.

Resoltas as reclamacións sobre os censos, introduciranse neles as rectificacións, que procedan, quedarán estes pechados, e manterase a súa publicidade, na forma mencionada, ata o remate do proceso electoral para a elección dos membros da asemblea xeral.

A xunta electoral, de oficio, incluirá no censo a aqueles electores que se atopen en circunstancias de posesión de licencia antes da data de convocatoria e se acrediten despois desta, e sempre con anterioridade ó peche dos censos.

Artigo 94º.-Da presentación de candidaturas e da proclama de candidatos a membros da asemblea xeral

Só poderán ser candidatos as persoas e entidades que figuren como elixibles no censo electoral, e polo estamento no que estean incluídos. A presentación de candidaturas efectuarase na seguinte forma:

Deberase remitir una carta, fax ou telegrama, asinado polo interesado (o presidente do club cando se trate deste estamento) e dirixido á xunta electoral e á sede social da FGT, na que deberá ter entrada antes do remate do prazo de presentación de candidaturas, indicando o nome do candidato, estamento e circunscrición polos que se presente, e o domicilio, e se é o caso número de fax, que designe para notificacións, así como cantos outros datos de identificación estime convenientes.

Se non se indica o domicilio ou número de fax, terase como válido e eficaz para tódolos efectos aquel que figure nos antecedentes da FGT

A xunta electoral controlará a recepción destas comunicacións e deberá admitir aquelas candidaturas que, cumprindo os requisitos de elixibilidade, fosen presentadas na forma que queda previsto. A

xunta electoral comunicará o domicilio de cada interesado, e por calquera dos medios antes expresados, se a súa candidatura fose aceptada ou rexeitada, indicando neste último caso o motivo da non aceptación, quedando a salvo o dereito de recurso establecido neste capítulo.

Rematado o prazo de presentación de candidaturas e resoltas as posibles reclamacións, a Xunta Electoral proclamará as admitidas, procedendo á súa inmediata publicación na sede da FGT.

Ademais, a xunta electoral remitirá a cada club deportivo, para a publicación na súa sede social, a relación de candidaturas proclamadas para a súa circunscrición nos estamentos de deportistas e clubs deportivos, así como a relación completa das candidaturas proclamadas para os estamentos de técnicos e de xuíces/árbitros.

Artigo 95º.-Das mesas electorais

O día sinalado para a celebración das eleccións, constituirase una mesa electoral na sede social da FGT.

A mesa electoral constituída na FGT terá competencia directa sobre as eleccións nos estamentos de técnicos e de xuíces/árbitros, que se celebrarán perante ela. Compoñerase de dous representantes do estamento de técnicos e un dos xuíces/árbitros, que terán sido designados por sorteo previo entre os compoñentes dos ditos estamentos, celebrado ó propio tempo que o previsto para os membros da xunta electoral. O presidente será o membro de maior idade, e secretario o de menor idade.

As mesas electorais constituídas nas sedes provinciais estarán compostas ademais de polo delegado provincial, por un máximo de 3 membros designados por el mesmo, respectando no posible o criterio de proporcionalide. Terán competencia sobre os estamentos de deportistas e clubs deportivos.

Correspóndelle á mesa electoral velar pola corrección do desenvolvemento da xornada electoral na circunscrición e estamentos da súa competencia. Recibirá os votos, formalizará o escrutinio, determinará os votos válidos e os nulos e proclamará provisionalmente os resultados correspondentes, tendo ademais cantas outras facultades se poidan especificar neste capítulo.

Artigo 96º.-Do contido do voto

Cada elector poderá votar, coas formalidades que se dirán, a un, ou varios ou tódolos candidatos presentados polo seu estamento e circunscrición. Non serán válidos os votos que se emitan a favor de persoas ou entidades que non figuren como candidatos proclamados definitivamente no estamento e circunscrición de que se trate; neste caso anularanse tamén os votos contidos na mesma papeleta a favor de quen si o sexa. Será nulo o voto que conteña nomes de candidatos en número superior ó de prazas que se vaian cubrir.

Artigo 97º.-Do voto por correo

Para a elección dos membros da asemblea xeral da Federación Galega de Tenis poderase utiliza-lo voto por correo, conforme as seguintes normas:

-Prazo: os votos por correo deberán ter entrada na instancia destinataria ata antes das doce horas da noite do día anterior ó das eleccións.

-Forma: mediante carta asinada por persoa física ou por presidente de club deportivo que teñan a condición de electores, con indicación do seu nome ou razón social, estamento e circunscrición á que pertenzan, e fotocopia do DNI da persoa física ou do presidente. Á carta acompañará, en sobre pechado, o voto coa configuración prevista no seguinte artigo.

-Destinatario: os votos por correo para os distintos estamentos dirixiranse á xunta electoral da FGT.

-Trámite: a xunta electoral e os delegados provinciais custodiará os votos por correo recibidos, sen abrilos se estivesen en sobre pechado, e clasificándoos por estamentos. O día das eleccións os votos por correo entregaranse na respectiva mesa electoral tan pronto como estas queden constituídas, as cales pasarán a custodialos ata o momento da súa apertura segundo se establece no artigo seguinte.

Artigo 98º.-Do desenvolvemento das eleccións a membros da asemblea xeral.

O día no que deban ter lugar as eleccións, a mesa electoral constituirase non máis tarde ás dez horas da mañá e dispoñerá unha urna selada para cada estamento que lle corresponda, debendo esta-la mesa atendida permanentemente polo menos por dous dos seus membros.

A partir da dita hora e ata o peche das urnas, que se producirá ás vinte horas deste día, os electores poderán comparecer perante a mesa e emiti-lo seu voto polo estamento o que pertenzan, debendo identificarse ante aquela mediante exhibición do seu DNI, e logo da comprobación de que se atopan incluídos no censo de electores que lles corresponda. En canto ós presidentes dos clubs, ademais da exhibición do seu DNI a súa calidade de tales poderá comprobarse mediante presentación de certificado da xunta directiva, ou por notoriedade ou constancia nos rexistros da FGT.

O voto, que será secreto, emitirase mediante unha papeleta na que constará a seguinte lenda ou similar: «Dou o meu voto para membro da asemblea xeral da FGT polo estamento de .... e a circunscrición de .... a....» En todo caso será válido o voto no que conste o nome do candidato ou candidatos, en forma suficientemente identificativa e o estamento a que pertenza.

Pechadas as urnas, a mesa electoral procederá ó escrutinio dos votos, que será público, declarándose válidos aqueles que reúnan as condicións esta

blecidas neste capítulo. Rematado o escrutinio dos votos emitidos, computaranse os que fosen recibidos por correo, co que se efectuará o reconto definitivo e a proclamación de resultados, dos que se dará conta inmediatamente, se é posible o mesmo día e vía fax, á xunta electoral, con indicación do número total de votos emitidos a favor da cada candidato, aínda daqueles que excedan das prazas a cubrir.

Artigo 99º.-Proclamación definitiva de resultados das eleccións á asemblea xeral e a súa publicación

A xunta electoral recompilará os resultados habidos en cada estamento e circunscrición e levantará acta deles; rematado o prazo de reclamacións, e resoltas estas, proclamará definitivamente os resultados, do que se deixará igualmente constancia actuarial, con indicación dos votos obtidos por tódolos candidatos, aínda aqueles que excedan do número de prazas que se van cubrir.

Os resultados definitivos serán publicados mediante a súa exposición na sede da FGTA. A criterio desta mesma, poderanse publicar igualmente nos medios de información periodísticos que estime conveniente.

Quedarán automaticamente proclamados como membros da asemblea xeral da FGT aqueles candidatos que obtivesen maior número de votos, pola súa orde, e ata o número de postos que se vaian cubrir por cada estamento e circunscrición.

Se houbese empate entre diversos candidatos e non lle puidese corresponder praza a algún deles, e salvo o que os interesados decidan entre si, determinarase que debe ocupa-los postos que correspondan, mediante sorteo que realizará a xunta electoral.

Artigo 100º.-Substitución de baixas ou vacantes na asemblea xeral

Se durante o período de lexislatura da asemblea Xeral da FGT se producisen baixas ou vacantes entre os seus membros, estas serán cubertas conforme o seguinte sistema:

-En primeiro lugar, o substituto será o candidato que, polo mesmo estamento e circunscrición do que cause baixa, obtivese maior número de votos de entre os que non obtiveron praza na asemblea xeral. Se son varios co mesmo número de votos, e de non haber acordo entre eles, procederase por sorteo.

-Se polo sistema anterior non fose posible designar substituto, este serao por elección entre tódolos compoñentes do estamento e circunscrición de que se trate. Nestes casos poderase dilatar tal elección parcial un prazo máximo de seis meses desde que ocorrese a vacante, para efectos de poder comprender naquela outras substitucións por novas baixas que se producisen con posterioridade.

-Cando se produza calquera baixa ou vacante, deberase dar conta dela, polos interesados ou polos propios órganos federativos, á xunta electoral, a cal

actuará, segundo proceda, conforme se indica no presente artigo, con plenas facultades para decidir ó respecto, así como, se é o caso, para organiza-las posibles eleccións parciais, para proclama-los resultados e acredita-los substitutos elixidos. Todo iso dentro do espírito normativo do presente capítulo.

Artigo 101º.-Primeira reunión da asemblea xeral electa. O seu obxecto.

Proclamados definitivamente os membros electos da asemblea xeral, esta celebrará a súa primeira reunión no día, hora e lugar que sexan previamente sinalados no calendario electoral e na convocatoria de eleccións.

Sen prexuízo diso, a xunta electoral poderá enviar a cada un dos devanditos membros electos, coa debida antelación, unha convocatoria lembrándolles desta primeira reunión, na que se poderán modificar, por causas de forza maior, o seu lugar e hora.

A dita primeira reunión da asemblea xeral terá por obxecto, nesta orde, a elección de presidente da FGT e dos membros da comisión delegada da asemblea, conforme ó previsto nos artigos 21 e 17 destes estatutos, detallándose seguidamente ámbolos dous procesos.

Artigo 102º.-Da constitución da asemblea xeral e da mesa electoral

A asemblea xeral referida no artigo anterior reunirase o día e hora sinalados, baixo a dirección do presidente saínte ou do membro da comisión xestora que esta designe. Procederase en primeiro lugar ó reconto de asistentes, quedando constituída a asemblea en primeira convocatoria se asiste a metade máis un dos seus compoñentes, e, en segunda, media hora despois, calquera que sexa o número de asistentes.

Con posterioridade poderanse incorpora-los membros da asemblea que vaian acudindo, pero só poderán exerce-lo dereito de voto se aínda non rematase a votación na que tivesen que intervir.

Constituída a asemblea procederase a designa-la mesa electoral, que estará composta polo membro de máis idade (que actuará como presidente) e o de menos idade (que actuará como secretario).

A mesa electoral, unha vez designada, pasará a ocupa-la presidencia da asemblea, e velará polo bo desenvolvemento tanto das eleccións a membros da comisión delegada como a presidente da FGT, coas máis amplas facultades.

Artigo 103º.-Das candidaturas a presidente da FGT

Observarase o seguinte:

Poderá ser candidato a presidente da FGT calquera persoa física coa condición de cidadán de Galicia, segundo o que dispón o estatuto de autonomía, ser maior de idade, estar en pleno uso dos

dereitos civís e non ter incorrido en ningunha sanción que o inhabilite.

A candidatura para ser aceptada, deberá contar co apoio de, como mínimo, o dez por cento dos membros da asemblea, que se expresará ben mediante cartas, declaracións individuais por escrito ou pregos de sinaturas, dos que resulte clara e indubidablemente o dito apoio e a identificación como membros da asemblea de quen o presta. Cada membro da asemblea só poderá apoiar un candidato; serán nulos, e non se computarán tódolos apoios prestados por un mesmo membro a máis dun candidato.

Dentro do prazo de presentación de candidaturas, estas deberanse remitir á xunta electoral, onde deberán ter entrada antes do remate daquel. A candidatura deberá expresar, por escrito debidamente asinado polo interesado o nome completo, domicilio para efectos de comunicacións - incluíndo número de fax, se é o caso - e fotocopia do DNI do candidato, e estar acompañada necesariamente pola documentación á que se refire o parágrafo precedente.

Á recepción de cada candidatura, a xunta electoral examinará a documentación presentada e aceptará ou rexeitará aquela, o que se lle comunicará de xeito inmediato ó interesado ó domicilio ou número de fax que indicase, expresando, se é o caso, as razóns da non aceptación, contra a que procederán os recursos establecidos no capítulo correspondente deste regulamento.

Concluído o prazo de presentación de candidaturas, e resoltos dado o caso, os recursos, a xunta electoral proclamará as candidaturas admitidas, ás que dará a publicidade conveniente coa debida antelación.

Un mesmo membro da asemblea xeral poderá presentar simultaneamente a súa candidatura a presidente da FGT e a membro da comisión delegada. Sen embargo, se resulta elixido presidente, será dado de baixa inmediatamente como candidato á comisión delegada.

O prazo de presentación de candidaturas para a elección de presidente non poderá ser inferior a dez días naturais.

Artigo 104º.-Do desenvolvemento da elección de presidente da FGT

Constituída a mesa electoral, e facéndose cargo esta da presidencia da asemblea, dispoñerá das correspondentes urnas e procederá seguidamente á elección do presidente da FGT

Neste momento, terán acceso ó local os candidatos que non fosen membros da asemblea xeral. Seguidamente, os candidatos poderán utiliza-la quenda de palabra cada un deles por prazo non superior a quince minutos, para expoñe-lo seu programa. A orde de intervención determinarase por sorteo que realizará in situ a mesa electoral, e non se

admitirán réplicas, interrupcións nin intervencións doutros membros da asemblea.

Rematada a quenda de palabras, procederase á votación, habilitándose a correspondente urna.

Os electores serán chamados nominativamente pola súa orde e introducirán o voto na urna.

A papeleta de voto só será válida se dela resulta indubidablemente que se outorga o voto só a un dos candidatos, identificado plenamente, polo menos co seu apelido. Pola xunta electoral poderanse prover papeletas normalizadas de voto.

Rematada a votación, abriranse as urnas e procederase ó escrutinio, proclamándose os resultados en forma inmediata. Quedará proclamado provisionalmente presidente da FGT o candidato que obtivese a maioría absoluta dos votos emitidos.

Se ningún candidato obtivese o devandito número de votos, efectuarase inmediatamente unha segunda volta, quedando proclamado neste caso, o candidato máis votado. En caso de empate, deberase repeti-la votación en terceira ou sucesivas voltas, ata acadar un resultado por maioría.

Rematado o prazo de reclamacións e recursos e resoltos estes, a xunta electoral proclamará definitivamente o candidato elixido como presidente da FGT.

No suposto de que se presentase un só candidato, non se efectuará votación e o secretario xeral para o Deporte ou a persoa na que delegue, proclamará presidente a este candidato, á vista da acta da xunta electoral.

Se non se presenta ningunha candidatura ou non é válida ningunha das presentadas, a xunta directiva constituída en comisión xestora administrará a federación e convocará e realizará novas eleccións no prazo máximo de tres meses.

Artigo 105º.-Dos candidatos á comisión delegada e do contido do voto.

As candidaturas a membros da comisión delegada deberán presentarse dentro dos prazos sinalados no calendario electoral, e con aplicación analóxica do artigo 94º deste capítulo.

A xunta electoral poñerá as candidaturas admitidas en coñecemento dos membros da asemblea xeral, con razoable antelación á celebración desta.

Cada un dos membros dos catro grupos que compoñen a comisión delegada segundo o artigo 17 destes estatutos (clubs deportivos, deportistas, técnicos e xuíces/árbitros) poderá votar por calquera dos membros do seu propio grupo que fosen proclamados definitivamente como candidatos, ata un número máximo equivalente ó de postos que correspondan a este na comisión delegada, podendo habilita-la xunta electoral o correspondente sistema de papeletas normalizadas.

Polo demais, será de aplicación analóxica o disposto neste capítulo para a elección dos membros da asemblea xeral.

Artigo 106º.-Do desenvolvemento da elección

Concluída a votación, escrutinio e proclamación provisional de resultados respecto ó cargo de presidente da FGT, a mesa electoral chamará a votar para a elección dos membros da comisión delegada.

Serán chamados os electores a deposita-lo seu voto, polos grupos sinalados, en alta voz e polo seu nome ou o do club que representen, introducindo o sufraxio na urna.

Unha vez que se efectúe a votación dos catro grupos, declararase esta pechada, abriranse as urnas e a mesa electoral procederá ó reconto, proclamando en forma inmediata e provisional os resultados, e efectuando a atribución de postos entre os máis votados.

En caso de empate que afecte ós postos que se van cubrir, procederase tal como se indica no artigo 99, realizando o sorteo, se procede, e en forma inmediata, a propia mesa electoral.

De todo iso, levantarase a correspondente acta, que será asinada polos membros da mesa electoral e será remitida á Secretaría Xeral para o Deporte no prazo de tres días.

Rematado o prazo de reclamacións e recursos, e resoltos estes, a xunta electoral proclamará os resultados definitivos e atribuirá os postos da comisión delegada segundo resulte daqueles.

Artigo 107º.-Dos conflictos e reclamacións e da súa regulación

Tódolos que susciten con motivo dos procesos electorais regulados por este capítulo, deberán ser sometidos á xunta electoral, e resoltos por ela conforme o establecido nos artigos seguintes:

Artigo 108º.-Dos recursos electorais

Serán os seguintes:

-En materia de censos, que teñen por obxecto reclamar contra as exclusións e inclusións neles e contra os erros que puidesen padecer.

-En materia de candidaturas que teñen por obxecto reclamar contra a admisión ou inadmisión de candidaturas a membro da asemblea xeral ou da comisión delegada, ou contra a admisión ou inadmisión de candidaturas a presidente da FGT.

-Sobre o desenvolvemento das eleccións a membros da asemblea xeral, que teñen por obxecto impugna-los seus resultados por eventuais irregularidades legais no proceso electoral.

-Sobre o desenvolvemento das eleccións a membros da comisión delegada e presidente da FGT, co mesmo obxecto que no caso anterior.

Artigo 109º.-Dos interesados

Estarán lexitimados activamente para interpoñe-los recursos a que se refire este capítulo, unicamente as persoas físicas e representantes de clubs, segundo o previsto no artigo 91 b) que se detallan de seguido:

-Nos recursos en materia de censos: a persoa física ou xurídica que se crea indebidamente excluída ou incluída no censo; e calquera membro dun estamento e circunscrición que crea indebidamente excluído ou incluído a outro no censo deste estamento e circunscrición.

-Nos recursos en materia de candidaturas: a persoa, a candidatura da cal non fose aceptada pola xunta electoral, así como calquera membro dun estamento e circunscrición que crea indebidamente admitido algún candidato polo seu mesmo estamento e circunscrición, e respecto ás candidaturas a presidente da FGT, calquera membro da asemblea xeral.

-Nos recursos sobre o desenvolvemento das eleccións a membros da asemblea xeral: calquera elector que exercese o dereito de voto, ou fose privado ilexitimamente del.

-Nos recursos sobre o desenvolvemento das eleccións a membros da comisión delegada e presidente da FGT: calquera membro da asemblea xeral. Tamén estará lexitimado, respecto ás eleccións a presidente, calquera candidato proclamado definitivamente para tal cargo, sexa ou non membro da asemblea xeral.

Artigo 110º.-Da forma e prazo de recursos e dos medios probatorios

Os recursos deberán ser presentados polos interesados mediante escrito dirixido por correo ou fax á xunta electoral e ó domicilio da FGT, onde deberán ter entrada necesariamente dentro dos prazos establecidos para cada caso no calendario electoral. Os recursos presentados fóra de prazo non serán admitidos a trámite e quedarán sen efecto ningún.

Por excepción, os recursos contra a inadmisión de candidaturas deberanse presentar polo candidato non admitido dentro dos tres días seguintes a aquel no que lle fose notificada a inadmisión, e, en todo caso, non máis tarde dos días sinalados no calendario electoral, segundo proceda.

O escrito de recurso deberá ser asinado polo interesado e acompañado por fotocopia do documento nacional de identidade, debendo expresa-lo acto contra o cal se interpón, os motivos do recurso, a petición concreta que se formule e un domicilio, e a ser posible un número de fax, para efectos de notificacións. De omitirse este último requisito, considerarase válido para tódolos efectos o domicilio do recorrente que figure nos antecedentes da FGT

Poderanse engadir ó escrito de recurso e enviarse xunto con el cantos documentos crea necesarios o recorrente en defensa das súas alegacións. Tamén

poderá este designar outros medios de proba indicando o que se pretenda con eles e o que concretamente deba ser obxecto da proba. Neste último caso, a xunta electoral, ó seu criterio, poderá aceptar ou rexeitar tales medios de proba e dispoñe-lo procedente para a súa práctica.

Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, a xunta electoral poderá realizar, motu proprio e ó seu criterio, cantas outras actividades probatorias considere convenientes.

Salvo que a xunta electoral o solicite expresamente ó interesado, este non poderá presentar con posterioridade ó seu recurso ningún outro documento nin escrito que verse sobre o que sexa obxecto del, salvo que xurdisen feitos novos ou documentos que non puidesen ser coñecidos por aquel no momento de presenta-lo seu recurso.

Artigo 111º.-Da resolución dos recursos e da súa notificación

A xunta electoral dará entrada a cada recurso que reciba, admitirá os presentados en forma e prazo e rexeitará os restantes, realizará actividade probatoria segundo se indicou, e resolverá os recursos admitidos por maioría de votos, nos máis breves prazos posibles e sempre dentro dos que se poidan sinalar no calendario electoral.

Tanto a inadmisión dos recursos como a súa resolución será notificada pola xunta electoral ós interesados, con sucinta expresión dos antecedentes e consideracións que procedan.

De todo iso, deixarase debida constancia documental nos antecedentes da xunta electoral.

Artigo 112º.-Dos ulteriores recursos

Contra as resolucións da xunta electoral da FGT nesta material, caberá recurso, en última instancia administrativa, perante o Comité Galego de Disciplina Deportiva.

Artigo 113º.-Dos efectos dos recursos e das súas resolucións

A interposición de calquera recurso non interromperá os procesos electorais, sen prexuízo de que a xunta electoral poida adoptar, á vista daqueles, cantas medidas preventivas estime convenientes.

A resolución favorable dos recursos terá os seguintes efectos:

-En materia de censos: estes quedarán rectificados na forma interesada no recurso, adoptando a xunta electoral as medidas que sexan procedentes para iso.

-En material de candidaturas: estas quedarán proclamadas definitivamente pola xunta electoral na forma interesada no recurso.

-Sobre o desenvolvemento das eleccións a membros da asemblea xeral: a xunta electoral poderá acorda-la anulación total ou parcial e segundo as circunstancias de cada caso, do proceso electoral

de que se trate. Nestes supostos, a xunta electoral deberá ordena-la repetición das eleccións na forma que proceda, organizándoas conforme os principios destes estatutos, e procurando no posible que o proceso estea rematado antes da apertura do prazo para presentación de candidaturas a presidente da FGT

-Sobre o desenvolvemento das eleccións a membros da comisión delegada e presidente da FGT: a xunta electoral poderá acorda-la súa anulación e ordena-la súa repetición, organizándoas novamente conforme os principios destes estatutos. Neste caso, a xunta electoral estará facultada para convocar directamente e por si á asemblea xeral da FGT, para os fins indicados. Se só se anularan as eleccións do presidente da FGT, que será igualmente proclamado como tal en forma definitiva no prazo sinalado no calendario electoral. O mesmo observarase, analogamente, para o caso inverso.

Causas de extinción e disolución

Artigo 114º.-Disposición única

A FGT disolverase por decisión da asemblea xeral, adoptada polas tres cuartas partes dos asistentes, que deberán representar, como mínimo, os dous tercios dos seus totais compoñentes, e requirirá a súa ratificación pola Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia.

Tamén procederá a extinción da federación nos demais casos previstos polas Leis.

En caso de disolución da FGT, o seu patrimonio neto, se o houbese, aplicarase á realización de actividades análogas, e será determinado pola Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia.

Título VIII

Procedemento para a aprobación e reforma de estatutos e regulamentos

Artigo 115º.-Disposición única

A reforma dos estatutos da FGT é competencia da asemblea xeral. Poderaa propoñe-lo presidente da asemblea que representen polo menos a terceira parte dos seus totais compoñentes. En calquera caso, a proposta deberá ir acompañada do novo texto que se pretenda, que se engadirá á orde do día e será notificado ós membros da asemblea na mesma forma que este.

A reforma dos estatutos deberá ser aprobada polas dúas terceiras partes dos asistentes á asemblea xeral de que se trate, que representen polo menos a maioría dos seus totais compoñentes.

A aprobación e modificación dos regulamentos da FGT é competencia da comisión delegada da asemblea e, para prosperar, necesitará o voto favorable, en calquera caso, dos dous tercios dos seus compoñentes.

Título IX

Fórmulas de conciliación extraxudicial

Artigo 116º.-Disposición única

As fórmulas de conciliación extraxudicial para resolve-las cuestións que se presenten no seo da FGT axustaranse ó previsto no título XIII da Lei 10/1990, do 15 de outubro, do deporte, e no capítulo IX do Real decreto 1853/1991, do 20 de decembro, sen prexuízo de que a FGT, por vía regulamentaria, poida establecer normas específicas, supletorias, ou complementarias, das contidas nas ditas disposicións.

Disposición adicional

A responsabilidade disciplinaria na que poida incorre-la propia FGT rexerase polo disposto no Real decreto 1591/1992, do 23 de decembro, sobre disciplina deportiva, sendo de especial observancia ó respecto os seus artigos 17 e 18 e).

Disposicións transitorias

Primeira.-O mandato do actual presidente, asemblea Xeral e comisión delegada da asemblea durará ata que se celebren novas eleccións no Ano Olímpico de 1998, conforme os prazos previstos nestes estatutos.

Segunda.-A xunta electoral que estea actualmente designada continuará en funcións ata que sexa substituída pola que debe ser designada para as eleccións que se van celebrar no Ano Olímpico de 1998.

Terceira.-Seguirán en vigor os convenios actualmente existentes entre a FGT e a RFET en materia de licencias.

Cuarta.-Os clubs actualmente integrados na FGT seguirano estando, nos termos previstos no artigo 7/2 dos presentes estatutos.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Estes estatutos entrarán en vigor o día seguinte a aquel da notificación da súa aprobación pola Comisión Galega Deportiva da Xunta de Galicia sen prexuízo da súa publicación no DOG.

Segunda.-Os presentes estatutos serán sometidos previamente á asemblea xeral da FGT, da que a actual xunta directiva queda facultada, en virtude desta disposición, para establecer neles as modificacións e concordancias que indique a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia e que sexan necesarias para a súa aprobación polo devandito organismo.

Estes estatutos foron aprobados pola asemblea xeral do día 4 de novembro de 1995 e pola comisión directiva de Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia o día, sendo publicados no Diario Oficial de Galicia en data ...

3835