Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 106 Xoves, 30 de maio de 1996 Páx. 5.085

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 2 de maio de 1996 pola que se publica a relación de materias optativas do bacharelato, se establece o currículo destas materias e se regula a súa oferta.

O Decreto 275/1994, do 29 de xuño, polo que se establece o currículo do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia dispón no seu artigo 15º que a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria establecerá as materias optativas desta etapa educativa e o seu currículo, así como as condicións baixo as que os centros educativos poderán propoñe-la impartición delas.

A Orde do 16 de febreiro de 1995 (Diario Oficial de Galicia do 27 de marzo) sobre a implantación anticipada do bacharelato no seu artigo 12 establece que as ditas materias optativas deberán servir para desenvolve-los obxectivos xerais da etapa, amplia-las posibilidades de elección de estudios superiores e facilita-la orientación profesional dos alumnos. Con esta finalidade, a presente orde publica o currículo das distintas materias optativas que se poden cursar actualmente no bacharelato e establece as condicións nas que estas poderán ser impartidas.

En consecuencia co exposto anteriormente, e no uso das competencias que lle están atribuídas a esta Consellería de Educación e Ordenación Universitaria na disposición derradeira primeira do Decreto 275/1994, do 29 de xullo, logo do dictame do Consello Escolar de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

A presente orde será de aplicación nos centros dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Artigo 2º.-Finalidade das materias optativas.

A oferta de materias optativas no bacharelato deberá servir para desenvolve-los obxectivos xerais da etapa, contribuír ó exercicio e á potenciación da capacidade de libre opción por parte dos alumnos e alumnas en relación cos seus intereses formativos e vocacionais, amplia-las posibilidades de elección de estudios superiores e facilita-la orientación profesional dos alumnos e das alumnas.

Artigo 3º.-Relación de materias optativas.

Os centros poderán oferta-las materias optativas seguintes:

a) Materias propias da modalidade que se cursa non incluídas entre as que compoñen o itinerario elixido polos alumnos e alumnas e materias propias

dunha modalidade distinta, respectando a distribución por cursos establecida no anexo I da Orde do 16 de febreiro de 1995 (Diario Oficial de Galicia do 27 de marzo), sobre a implantación anticipada do bacharelato.

b) Materias optativas para tódalas modalidades de bacharelato: segunda lingua estranxeira e música.

c) Materias vinculadas a cada modalidade:

-Modalidade de artes: xeometría da arte, taller artístico I e II, e volume II.

-Modalidade de ciencias da natureza e da saúde: métodos estatísticos e numéricos, filosofía da ciencia e da tecnoloxía, xeoloxía.

-Modalidade de humanidades e ciencias sociais: literatura universal contemporánea, literatura galega do século XX, ética e filosofía do dereito, grego II, introducción ás ciencias políticas e socioloxía, historia e xeografía de Galicia, literaturas hispánicas.

-Modalidade de tecnoloxía: métodos estatísticos e numéricos, filosofía da ciencia e da tecnoloxía, xeoloxía.

Artigo 4º.-Condicións.

1. Os alumnos cursarán unha materia optativa no primeiro curso e dúas no segundo, elixidas entre as que ofreza o centro.

2. Os centros ofertarán materias optativas en función das súas posibilidades de organización e de profesorado.

3. As materias segunda lingua estranxeira I e II, e música I e II deberán ser ofertadas obrigatoriamente en tódalas modalidades.

4. As ensinanzas de materias optativas só poderán ser impartidas se existe un número mínimo de quince alumnos matriculados.

5. Excepcionalmente, a Dirección Xeral de Ordenación Educativa e Centros, logo do informe da delegación provincial e dos servicios provinciais da inspección, poderá autoriza-la impartición de materias optativas a un número de alumnos menor do establecido con carácter xeral, cando as peculiaridades do centro o requiran ou circunstancias especiais así o aconsellen.

6. As materias propias de modalidade poderán ser cursadas como optativas sempre que a organización do centro o permita. Tecnoloxía I e II, electrotecnia e mecánica só poderán ser ofertadas como optativas naqueles centros nos que exista a modalidade de tecnoloxía.

Artigo 5º.-Distribución das materias optativas.

1. Os alumnos e alumnas deberán cursa-las materias optativas establecidas para o curso no que estean matriculados.

2. No caso de cambio de modalidade no segundo curso, computaranse como materias optativas da nova modalidade: a optativa cursada e superada en primeiro, así como as materias propias da moda

lidade que se abandona cursadas e aprobadas en primeiro, e non coincidentes coa materias propias da nova modalidade.

3. No primeiro curso, os alumnos e alumnas poderán elixir unha materia optativa da modalidade que estean a cursar segundo a relación seguinte:

-Modalidade de artes: xeometría da arte, taller artístico I.

-Modalidade de humanidades e ciencias sociais: literatura universal contemporánea, ética e filosofía do dereito.

4. No segundo curso, os alumnos e alumnas poderán elixir dúas materias optativas da modalidade que estean a cursar segundo a relación seguinte:

-Modalidade de artes: volume II, taller artístico II.

-Modalidade de ciencias da natureza e da saúde: filosofía da ciencia e da tecnoloxía, métodos estatísticos e numéricos, xeoloxía.

-Modalidade de humanidades e ciencias sociais: literatura galega do século XX, historia e xeografía de Galicia, literaturas hispánicas, grego II, introducción ás ciencias políticas e socioloxía.

-Modalidade de tecnoloxía: filosofía da ciencia e da tecnoloxía, métodos estatísticos e numéricos, xeoloxía.

Artigo 6º.-Currículo.

O currículo das materias optativas relacionadas no artigo 3º da presente orde será o que recolle o anexo dela.

Artigo 7º

Para aqueles aspectos non recollidos explicitamente na presente orde, terase en conta o disposto no artigo 12 da Orde do 16 de febreiro de 1995 (Diario Oficial de Galicia do 27 de marzo), sobre a implantación anticipada do bacharelato.

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación.

Santiago de Compostela, 2 de maio de 1996.

Juan Piñeiro Permuy

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

Sr. Director Xeral de Ordenación Educativa e Centros

ANEXO

CURRÍCULO DAS MATERIAS OPTATIVAS DO BACHARELATO

DESEÑO CURRICULAR BASE

Ética e Filosofía do Dereito

1. Introducción.

O ordenamento legal democrático das sociedades modernas adquire a súa coherencia e lexitimidade do recoñecemento e garantía dos principios básicos de liberdade, igualdade e solidariedade, fundamentos da dignidade humana e, en canto tales, intrinsecamente morais. O recoñecemento da soberanía e da autonomía moral do individuo xuntamente coa

aceptación do pluralismo ideolóxico e cultural presente -e desexable- no seo da sociedade constitúen, pois, a base dun Estado democrático.

Desde estes presupostos, a relación de contidos seleccionados para a materia de «Ética e Filosofía do Dereito» pretende unha explicitación consciente e crítica dos principios éticos sobre os que se asenta a convivencia dentro dun Estado democrático de dereito así coma o desenvolvemento nos alumnos e alumnas das actitudes de respecto, tolerancia e solidariedade que permitan unha cooperación activa e responsable na construcción dun contorno social xusto.

Desde outra perspectiva, os contidos propostos están orientados a constituír un indispensable contrapunto de vertebración sistemática que transcenda reflexiva e criticamente a educación moral en «valores, actitudes e normas», presente dun xeito transversal en tódalas materias do currículo. Este propósito de vertebración reflexiva e sistemática -iniciado xa na Ensinanza Secundaria Obrigatoria co desenvolvemento do bloque das Ciencias Sociais e Xeografía e Historia correspondente á «vida moral e reflexión ética»adquire agora a posibilidade dun maior afondamento e rigor crítico en coherencia coa madurez psicolóxica e intelectual dos alumnos de Bacharelato.

A concreción de contidos curriculares proposta nucléase en torno ós tres eixes básicos dunha análise ou reflexión ética de carácter global e sistemático: a xénese e historicidade das normas e valores morais, a fundamentación dunha moralidade autónoma orientada á definición racional do ben moral e a análise da proxección da mesma no ámbito dun ordenamento xurídico e acción política democráticos. A coherencia secuencial existente entre os tres eixes mencionados e o tratamento sistemático dos mesmos debe permitir abordar tanto os principais problemas morais do noso tempo coma os novos proxectos éticos alternativos desde unha perspectiva integradora na que se evite a dispersión dos discursos morais atomizados e casuísticos.

E aquí radica xustamente o valor formativo desta materia en canto capaz de contribuír ó desenvolvemento da conciencia crítica do alumno e da súa capacidade para elaborar racional e autonomamente principios e normas universais de valor a partir das cales orientar de xeito coherente tanto a súa conducta individual coma a racionalidade colectiva.

Pero a inclusión da «Ética e Filosofía do Dereito» dentro do abano de materias opcionais do Bacharelato humanístico responde a unha finalidade non só formativa senón tamén propedéutica. Neste sentido os contidos curriculares propostos constitúen unha iniciación ó estudio das Ciencias Xurídicas, Sociolóxicas e Humanas en xeral así como un punto de referencia obrigado no que se ha de ancorar calquera código deontolóxico profesional.

2. Obxectivos xerais.

O desenvolvemento das actividades de ensinanza-aprendizaxe da materia de «Ética e Filosofía do

Dereito» servirá para que o alumnado adquira as seguintes capacidades:

-Analizar, contrastar e interpretar informacións diversas sobre os diferentes aspectos das conductas e códigos morais e da súa teorización ética, realizando actividades de documentación e de indagación e incorporando á expresión persoal, tanto oral coma escrita, o correspondente vocabulario específico.

-Comprende-las raíces da estructura moral do ser humano e a xénese histórico-cultural dos códigos morais, analizando criticamente as súas diferentes formas de lexitimación e de reproducción.

-Caracterizar e avalia-los diferentes tipos e niveis de conciencia moral valorando especialmente aquelas modalidades que comportan o desenvolvemento dunha racionalidade crítica e autónoma.

-Analiza-la funcionalidade dos códigos morais e as súas frecuentes pretensións etnocéntricas, así como o grao de consciencia de dita funcionalidade, tendo en conta a posibilidade dunha dobre perspectiva de interpretación da mesma: de identificación acrítica ou de distanciamento crítico («emic»/«etic», en termos de Antropoloxía cultural).

-Desenvolver formas de racionalidade dialóxica adoptando as actitudes de empatía, respecto e tolerancia que as fan posibles.

-Coñecer -fundamentalmente a través da análise de textos- as diferentes interpretacións que do ben moral fan as diversas teorías éticas e aprecia-las súas propostas como achegas valiosas para o desenvolvemento moral, tanto persoal como da sociedade contemporánea.

-Analizar e comprende-las relacións entre moral e dereito desde a perspectiva da xustiza, como ideal de imparcialidade, e valora-las posturas de desobediencia civil lexítima -fronte a outros tipos de desobediencia ó dereito- como manifestacións e esixencias de actitudes morais críticas e orientadas a promover un ordenamento legal máis xusto.

-Comprender e valora-lo significado e alcance da formulación e da proclamación moderna dos dereitos humanos e a problemática da súa implantación práctica, adoptando actitudes de solidariedade e de compromiso consecuentes.

-Comprender que a dignidade humana ten a súa base na liberdade e autonomía moral do individuo, asumindo, en consecuencia, a primacía da función práctica ou moral da razón como guía última de todo esforzo de emancipación, tanto individual como colectiva.

3. Bloques de contidos.

Os contidos propostos para esta materia de «Ética e Filosofía do Dereito» aparecen agrupados en cinco bloques temáticos presentados cunha trabazón lóxica progresiva e sistemática. Ó longo deles a moralidade humana é analizada desde a súa xénese e raíces antropolóxicas ata as súas últimas proxeccións nos

planos xurídico e político. É obvio, sen embargo, que esta ordenación lóxica dos contidos non predetermina necesariamente unha secuencia didáctica paralela, podendo abordarse o seu tratamento, en consecuencia, desde o deseño de unidades didácticas transversais ós diferentes bloques temáticos.

3.1. Xénese da moralidade.

A comprensión da complexidade e especificidade da dimensión moral humana remite a dous planos de investigación diferentes: o psicolóxico e o antropolóxico-social. O tratamento deste bloque deberá desenvolver, en consecuencia, dúas liñas de análise diferenciadas e á vez converxentes. Por unha parte, haberá de aborda-lo estudio das características estructurais específicas do ser humano fronte ás dos outros animais: o déficit instintivo biolóxico, a liberdade como apertura de posibilidades e como necesidade ineludible de invención da propia existencia, a socialidade orixinada na súa capacidade simbolizadora e cooperativa, etc. Por outra parte, será preciso descubrir e reconstruí-los procesos de constitución das normas e valores morais, en canto pautas culturais de conducta, así como os seus procesos de reproducción e de transmisión a través das diversas axencias de socialización. O desenvolvemento do bloque deberá abordar finalmente a contraposición entre as nocións de moral, como

conxunto de códigos de conducta, e de ética, como reflexión filosófica sobre a mesma.

3.1.1. Contidos conceptuais.

-Raíces antropolóxicas da liberdade.

-A socialidade constitutiva do ser humano.

-A constitución cultural de normas e valores morais e a súa reproducción a través dos procesos de socialización.

-Códigos morais e reflexión ética.

3.1.2. Contidos procedementais.

-Identificación e caracterización, mediante análises comparativas de exemplos, dos trazos diferenciais entre as conductas «altruístas» dos animais e as conductas morais humanas.

-Reconstrucción reflexiva de procesos de xeración de normas e valores e da súa reproducción, a partir da análise de contextos reais facilmente observables.

-Identificación e análise na práctica de diversos mecanismos e axentes de socialización moral con especial énfase nos que operan a través dos medios de comunicación de masas modernos.

3.1.3. Contidos actitudinais.

-Aprecio pola liberdade en canto apertura de posibilidades para a realización humana.

-Actitude crítica fronte á acción conformadora dos diversos axentes de socialización moral.

3.2. Historicidade dos códigos morais.

O carácter de constructo cultural -e polo tanto historicamente circunstanciado e cambiante- de todo

código moral comporta a necesidade dunha análise da fundamentación das súas normas e valores. Por outra parte, a posibilidade dunha dobre perspectiva de interpretación («emic»/«etic», en termos de Antropoloxía cultural) da funcionalidade subxacente ós códigos morais deberá conduci-lo desenvolvemento deste bloque á análise dos diversos tipos de lexitimación así como a unha reflexión crítica e relativizadora dos mesmos, como antídoto necesario a calquera tentación de imposición etnocéntrica e á posible utilización dela como xustificación de actitudes discriminatorias, xenófobas, etc.

3.2.1. Contidos conceptuais.

-Relatividade histórico-cultural das normas e valores morais e etnocentrismo.

-Funcionalidade dos códigos morais e grao de consciencia da mesma (perspectiva «emic» e perspectiva «etic»).

-Lexitimación e variantes da mesma: relixiosa, naturalista, contractual.

3.2.2. Contidos procedementais.

-Recoñecemento, análise e caracterización da dobre perspectiva de interpretación (identificación acrítica/distanciamento crítico -«emic»/«etic»-) de normas e valores morais concretos.

-Planificación e execución dalgún pequeno traballo de investigación sobre as xustificacións e lexitimacións empregadas nalgún proceso histórico de imposición etnocéntrica de valores e normas morais.

-Recoñecemento e identificación de posibles actitudes etnocéntricas á hora de analizar e enxuizar valores e normas de culturas alleas.

3.2.3. Contidos actitudinais.

-Tolerancia e respecto con relación á diversidade de códigos morais, de crenzas e de ideoloxías.

-Actitude crítica ante todo tipo de imposición moral etnocéntrica con especial sensibilidade ás procedentes da cultura occidental.

3.3. Autonomía e moralidade.

A reproducción e transmisión cultural de valores e normas morais a través dos procesos de socialización xera no individuo unha conciencia moral inicialmente heterónoma. Un desenvolvemento posterior da súa liberdade e racionalidade permitiralle ir desenvolvendo progresivamente cotas máis altas de autonomía moral. O tratamento deste bloque deberá, polo tanto, contempla-la análise das diferentes modalidades e niveis de conciencia moral así como os diversos tipos de razoamento ós que van aparellados. Por outra parte, tanto o carácter cultural e circunstanciado das normas e valores como a dimensión interesada -e mesmo, ás veces, distorsionante- da razón individual parecen demandar modelos de racionalidade de carácter dialóxico sobre os que asenta-las relaciones intersubxectivas. O fío conductor para o desenvolvemento deste bloque deberá conducir, en consecuencia, a unha análise

teórica -e a unha práctica real- deste tipo de racionalidade na que o exercicio da propia autonomía persoal sexa compatibilizado co exercicio da autonomía dos outros.

3.3.1. Contidos conceptuais.

-Xénese e desenvolvemento da conciencia moral.

-Liberdade e racionalidade: a autonomía moral.

-Dimensión intersubxectiva da racionalidade moral.

3.3.2. Contidos procedementais.

-Descubrimento, caracterización e xerarquización de distintos tipos e modalidades de conciencia moral, a partir da análise de exemplos concretos.

-Recoñecemento e análise dos factores que dificultan a converxencia racional intersubxectiva en conflictos morais, reais ou simulados.

-Utilización de procedementos de discusión e diálogo que propicien o desenvolvemento dunha racionalidade dialóxica e non distorsionada.

3.3.3. Contidos actitudinais.

-Valoración da racionalidade e da liberdade como fundamento da dignidade humana e como condición necesaria para unha conducta moral autónoma.

-Valoración do debate e do diálogo non só como procedementos axeitados para a solución dos conflictos senón tamén como expresións do recoñecemento moral dos demais.

3.4. O ben moral.

A determinación do ben moral constitúe o obxecto básico de toda reflexión ética sistemática. As diversas interpretacións que del fan as diferentes teorías achegan elementos valiosos para o desenvolvemento da autonomía moral do home contemporáneo. O tratamento dos contidos deste bloque deberá centrarse, polo tanto, non só na análise das principais teorías éticas históricas e na aplicación de criterios para unha ordenación e comparación das mesmas, senón tamén, e fundamentalmente, na avaliación da súa diferente capacidade para orientar e enriquece-las diversas propostas e paradigmas de acción moral existentes no seo da sociedade actual. Este enfoque dos contidos deberase dirixir finalmente a promover unha actitude de esforzo por construír un modelo de racionalidade moral capaz de dar forma a ideais de emancipación, tanto individual coma colectiva.

3.4.1. Contidos conceptuais.

-O ben moral como felicidade: contidos da felicidade (éticas materiais e teleolóxicas).

-O ben moral como deber: formalismo e procedementalismo (éticas formal-procedementais e deontolóxicas).

-Felicidade individual, benestar colectivo e xustiza: o ideal da emancipación.

3.4.2. Contidos procedementais.

-Distinción, a través de exemplificacións, do dobre plano, material e formal-procedemental, de normas e valores morais.

-Identificación, caracterización e clasificación, a través de análises de textos, extraídos tanto das diversas teorías éticas como da producción literaria, cinematográfica, etc., das diversas concepcións do ben moral e da súa conexión con determinados postulados filosóficos e circunstancias históricas.

-Achega de propostas orientadas a contribuír á elaboración dun modelo de racionalidade colectiva de carácter emancipatorio.

3.4.3. Contidos actitudinais.

-Aprecio polos esforzos de reflexión ética elaborados ó longo da historia en canto aportacións valiosas para orienta-lo desenvolvemento moral, tanto propio persoal como da sociedade contemporánea.

-Asunción da primacía da función práctica ou moral da razón como guía última para a emancipación, tanto individual coma colectiva.

3.5. Moral e contrato social.

O ordenamento legal das sociedades democráticas modernas postula como elementos básicos, en primeiro lugar, o recoñecemento explícito da soberanía e autonomía moral do individuo e, en segundo lugar, a aceptación do pluralismo ideolóxico e cultural presente no seo da sociedade. A lexitimidade do Estado democrático de dereito remite finalmente á noción de xustiza como imparcialidade e ó seu trasfondo último moral. O desenvolvemento dos contidos deste bloque temático deberá, pois, conduci-la noción de racionalidade moral dialóxica, desenvolta nos bloques anteriores, cara a unha proxección xurídica e política da mesma. Desde esta perspectiva o tema dos dereitos humanos -cunha relevancia obxectiva e cun interese xurídico cada vez maior- poderá ser abordado como un esforzo de extensión e de proxección mundial dos dereitos básicos amparados constitucionalmente nos Estados democráticos de dereito.

3.5.1. Contidos conceptuais.

-Moral e dereito: o problema da lexitimidade e da obrigatoriedade moral das leis.

-«Ética mínima» e xustiza como imparcialidade: fundamentos éticos do Estado democrático de dereito.

-Do Estado democrático de dereito á internacionalización dos dereitos humanos.

3.5.2. Contidos procedementais.

-Análise e delimitación dos ámbitos e relacións entre moral e dereito a partir de debates sobre casos concretos de conflicto entre conciencia moral e legalidade.

-Elaboración e definición dun conxunto de posibles principios éticos mínimos que expresen o ideal

de xustiza como imparcialidade, no marco dunha sociedade pluralista moderna.

-Realización dun dossier informativo sobre a situación actual dos dereitos humanos no mundo, recorrendo á utilización de diversas fontes informativas.

3.5.3. Contidos actitudinais.

-Valoración das posturas de desobediencia civil lexítima fronte a outros tipos de desobediencia ó dereito non só como unha manifestación -e mesmo esixencia de actitudes morais críticas senón tamén como un modo de contribuír ó desenvolvemento dunha orde legal máis xusta.

-Valoración do Estado democrático de dereito en canto marco formal para a realización dos ideais éticos de liberdade, igualdade e solidariedade.

-Sensibilidade e actitudes solidarias e de compromiso respecto ás situacións de violación dos dereitos humanos.

4. Criterios de avaliación.

-Manexar e analizar información, procedente fundamentalmente da Etoloxía, de Antropoloxía e de Psicoloxía, referida a conductas animais e humanas, establecendo analoxías e contrastes.

Con este criterio preténdese comproba-la capacidade dos alumnos e das alumnas para caracteriza-la especificidade da conducta moral humana e a estructura psico-social da mesma.

-Manexar e analizar información, procedente fundamentalmente da Socioloxía e da Antropoloxía cultural, referida ás produccións morais humanas (normas e valores), poñendo de relevo aqueles aspectos que teñen relación cos contextos históricos e culturais nos que xorden e operan.

Preténdese, deste xeito, comproba-la capacidade dos alumnos e das alumnas para descubrir e recoñece-lo carácter histórico-cultural dos códigos morais, para reconstruí-los procesos de reproducción e transmisión deles así como para diferenciar e analiza-los seus diversos planos: graos de consciencia respecto á súa funcionalidade, variantes de lexitimación e proxeccións etnocéntricas.

-Participar en debates e discusións especificamente morais (preferentemente centrados en problemáticas do mundo actual).

Verificaríase así a capacidade dos alumnos e das alumnas para adoptar perspectivas empáticas, e de respecto e tolerancia fronte a outros puntos de vista ou ideoloxías diferentes, así como a capacidade para argumentar racional e ordenadamente.

-Analizar textos filosóficos pertencentes ás principais teorías éticas, así como calquera outros que presenten un claro contido moral (literarios, cinematográficos, etc.) caracterizando as súas diferentes interpretacións do ben moral, así como os postulados filosóficos e as circunstancias históricas que subxacen ós mesmos.

Trátase, mediante este criterio, de comproba-la capacidade dos alumnos e das alumnas para identificar, e expresar con precisión conceptual e terminolóxica, non só os trazos básicos das diferentes teorías éticas filosóficas e a súa dependencia das circunstancias históricas nas que se elaboraron, senón tamén para descubrir e comprende-las diversas interpretacións que do ben moral existen no seo da sociedade actual, reflectidas na literatura, no cine, etc.

-Analizar casos reais e hipotéticos de dilemas e conflictos entre moralidade e legalidade subliñando e caracterizando os supostos teóricos a que remiten as diversas argumentacións.

Este criterio trata de avalia-la capacidade dos alumnos e das alumnas para comprender e caracterizar con precisión a noción de dereito e a súa conexión cos principios básicos da moralidade así como o carácter específico da lexitimidade democrática fronte a outras modalidades de lexitimación. O criterio deberá verificar paralelamente o progreso no desenvolvemento dunha conciencia moral crítica e autónoma.

-Seleccionar e integrar información procedente de diversas fontes en relación coa problemática dos dereitos humanos.

A través deste criterio verificarase a capacidade do alumnado para seleccionar e integrar fontes de información diferentes, así como para transferir conceptos desenvolvidos ó longo do proceso de aprendizaxe a situacións e acontecementos relevantes da actualidade (discriminación, tortura, terrorismo, ausencia de liberdades, etc.). O criterio deberá verificar así mesmo o grao de sensibilidade do alumnado en relación cos citados problemas.

-Analizar datos e problemáticas orixinadas polo uso en exclusiva dun modelo de racionalidade puramente tecnolóxica e instrumental (desastres ecolóxicos, derivación bélica da tecnoloxía, etc.).

Con este criterio preténdese verifica-la capacidade do alumno para valorar criticamente as diversas funcións e usos da razón así como a capacidade para transferi-los conceptos e principios éticos desenvoltos ó longo do proceso de aprendizaxe a situacións concretas reais.

Filosofía da Ciencia e da Tecnoloxía

1. Introducción.

O desenvolvemento científico e tecnolóxico é o factor que máis influíu e inflúe na configuración do mundo contemporáneo. A importancia crecente deste factor na nosa sociedade esixe que o sistema educativo, ademais de formar nas diversas disciplinas especializadas, promova nos alumnos a adopción dunha actitude de permanente reflexión crítica tanto acerca dos contidos e procedementos do coñecemento científico como acerca das implicacións ambientais, sociais, éticas e políticas da ciencia e a tecnoloxía.

Desde estes presupostos, os contidos seleccionados para esta materia pretenden contribuír á consecución de tódalas capacidades presentes nos obxectivos do Bacharelato, aínda que inciden especialmente no desenvolvemento de dúas capacidades: a capacidade de comprende-los elementos fundamentais da investigación e o método científico, e a de analizar e valorar criticamente as realidades do mundo contemporáneo e os antecedentes e factores que inflúen nel. A este dobre obxectivo responden esencialmente os contidos da materia de Filosofía da Ciencia e da Tecnoloxía. Con eles preténdese facilita-la comprensión do que é a ciencia, así como a análise e a valoración crítica do desenvolvemento científico e tecnolóxico como factor configurador do mundo contemporáneo.

Os contidos preséntanse agrupados en catro bloques a través dos cales se aborda o feito da ciencia e a tecnoloxía desde dúas perspectivas filosóficas: a perspectiva epistemolóxica e a perspectiva ético-política. O senso da reflexión filosófica sobre a ciencia e a tecnoloxía, a caracterización das disciplinas científicas e a súa metodoloxía, a historicidade e o desenvolvemento do coñecemento científico, e a relación entre ciencia, tecnoloxía e sociedade constitúen os catro eixes en torno ós que se articulan os contidos dos bloques.

Esta materia supón, polo tanto, un tratamento sistemático daqueles contidos curriculares que abordan aspectos epistemolóxicos -a aproximación á construcción da ciencia- e ético-políticos -a educación ambiental, a educación para a paz, a educación para a saúde e a calidade de vida, etc.- da ciencia e a tecnoloxía, e que están presentes como contidos transversais nas distintas áreas e materias do currículo. E supón tamén unha reflexión interdisciplinar e integradora acerca das características comúns e específicas desas diversas áreas e materias nas que o alumnado se vén formando. Este propósito de vertebración reflexiva e sistemática -iniciado xa no primeiro curso de Bacharelato con algúns contidos da materia de Filosofía- adquire agora a posibilidade dun desenvolvemento máis amplo e rigoroso en correspondencia coa madureza psicolóxica e intelectual dos alumnos e das alumnas de segundo curso.

Cabe sinalar, ademais, que a inclusión da Filosofía da Ciencia e da Tecnoloxía como materia optativa do Bacharelato na modalidade de Ciencias da Natureza e da Saúde e na modalidade de Tecnoloxía ten, xunto coa finalidade formativa, unha finalidade orientadora e unha finalidade propedéutica. Así, por unha parte, os contidos de análise e clasificación das disciplinas científicas e tecnolóxicas orientarán ós alumnos sobre as futuras opcións que poden escoller e, pola outra, os contidos metodolóxicos e críticos ampliarán e reforzarán a preparación dos alumnos para a realización de estudios posteriores -universitarios ou de formación profesional- de carácter científico ou tecnolóxico.

2. Obxectivos xerais

O desenvolvemento do proceso de ensinanza-aprendizaxe da materia de Filosofía da Ciencia e da

Tecnoloxía debe contribuír a que os alumnos e as alumnas adquiran as seguintes capacidades:

-Analizar, contrastar e interpretar informacións diversas sobre os problemas epistemolóxicos e ético-políticos que presentan a ciencia e a tecnoloxía, realizando actividades de documentación e indagación e incorporando á propia expresión, tanto oral como escrita, o correspondente vocabulario específico.

-Comprende-lo significado e o valor da reflexión filosófica sobre a ciencia e a tecnoloxía, adoptando unha actitude crítica e reflexiva ante os problemas teóricos e prácticos presentados polas mesmas.

-Analizar, desde unha perspectiva integradora e interdisciplinar, que se entende por coñecemento científico e que se entende por metodoloxía científica, caracterizando e clasificando os diferentes tipos de disciplinas científicas e distinguindo entre ciencia e tecnoloxía.

-Comprende-la historicidade, tanto interna como externa, inherente ó discurso científico, analizando a relación das teorías científicas co marco económico, social, político e cultural no que se formulan.

-Coñecer e relacionar, fundamentalmente a través da lectura e a análise de textos, as principais teorizacións da filosofía da ciencia actual sobre a fundamentación, valor de verdade, estructura e dinámica do coñecemento científico, distinguindo as semellanzas e as diferencias tanto no modo de formula-los problemas como nas solucións que se propoñen.

-Analizar, avaliar e debater criticamente os fundamentos, posibilidades e límites do coñecemento científico e tecnolóxico.

-Distinguir entre o discurso tecnocientífico e o discurso ético-político, analizando criticamente os intereses e supostos ideolóxicos habitualmente presentes no discurso tecnocientífico e no uso que se fai dos coñecementos científicos e tecnolóxicos.

-Analizar e avalia-las repercusións do desenvolvemento científico e tecnolóxico na natureza e na sociedade, así como os criterios que ó respecto cabe adoptar desde o punto de vista ético e político.

-Adoptar unha actitude crítica ante todo intento de xustificación das desigualdades sociais mediante investigacións e conclusións que se presentan como científicas.

-Valora-los intentos por construír unha sociedade mundial baseada no respecto dos dereitos humanos individuais e colectivos na que o uso da ciencia e a tecnoloxía se oriente cara á convivencia pacífica e á defensa da natureza.

3. Bloques de contidos.

Os contidos seleccionados para esta materia preséntanse agrupados en catro bloques temáticos.

O primeiro bloque xira en torno ó significado e á historia da reflexión filosófica sobre a ciencia e

a tecnoloxía. Os bloques segundo e terceiro abordan os problemas e tópicos fundamentais da epistemoloxía. Así, o segundo xira en torno á caracterización das disciplinas científicas e á súa metodoloxía, e o terceiro ten como eixe a comprensión do desenvolvemento do coñecemento científico. Por último, o cuarto bloque presenta os problemas medioambientais, sociais, éticos e políticos relacionados co desenvolvemento científico e tecnolóxico.

A ordenación didáctica dos contidos propostos nos diferentes bloques non ten que seguir necesariamente a orde na que aquí se presentan, podendo abordarse o seu tratamento en unidades didácticas que agrupen transversalmente contidos temáticos de diferentes bloques. A programación das unidades didácticas farase de acordo cos contidos propostos tendo en conta que estes permiten enfoques e desenvolvementos diversos.

3.1. A reflexión filosófica sobre a ciencia e a tecnoloxía.

A Filosofía da Ciencia como disciplina institucionalizada é un producto do século XX. Non obstante, a filosofía da ciencia -entendida como lóxica, gnoseoloxía ou epistemoloxía-acompañou á ciencia desde o seu nacemento.

Ademais, no pensamento moderno, xunto á filosofía da ciencia entendida como epistemoloxía, foi cobrando cada vez maior importancia a reflexión filosófica, de carácter ético e político, sobre os usos e os fins da ciencia e a tecnoloxía. Ámbalas liñas da reflexión filosófica sobre a ciencia e a tecnoloxía deberán ser tratadas no desenvolvemento deste bloque, aclarando o seu significado e facendo unha aproximación histórica ás etapas e ideas principais da filosofía da ciencia.

3.1.1. Contidos conceptuais.

-A epistemoloxía como metateoría da ciencia.

-Filosofía moral e política da ciencia e a tecnoloxía: os usos e os fins da ciencia e a tecnoloxía.

-Aproximación histórica á filosofía da ciencia.

3.1.2. Contidos procedementais.

-Identificación, caracterización e distinción, a partir de textos escritos, dos discursos científico-tecnolóxico e filosófico, diferenciando, dentro deste último, entre a reflexión epistemolóxica e a reflexión ético-política.

-Construcción de cronoloxías e esquemas conceptuais que permitan localizar e relaciona-las escolas e os autores principais da historia da filosofía da ciencia.

-Recoñecemento e reconstrucción, a partir de textos filosóficos e científicos, das principais concepcións da ciencia que se foron sucedendo ó longo da historia, relacionándoas co seu contexto social e cultural.

3.1.3. Contidos actitudinais.

-Actitude reflexiva ante o feito científico e tecnolóxico, apreciando o valor que as ideas filosóficas teñen para a comprensión da ciencia e a tecnoloxía.

-Curiosidade por coñece-las principais concepcións que da ciencia e a tecnoloxía se foron elaborando ó longo da historia.

-Actitude de atención á influencia que os presupostos filosóficos exercen no desenvolvemento científico e tecnolóxico.

3.2. O coñecemento científico e os seus métodos.

Adóitase describi-la actividade dos científicos, dentro desas empresas humanas que son as ciencias, como disciplinada e metódica. É un tópico dicir que o que distingue a ciencia doutros saberes é o seu método. Polo tanto, o tratamento dos contidos do bloque centrarase na clarificación deste tópico: haberá que analizar que se entendeu e que se entende por método científico e, en función disto, delimita-lo significado da palabra ciencia.

A tal fin, será necesario aborda-los seguintes aspectos: 1) o concepto de teoría científica; 2) os principais métodos que se propuxeron como propios da xeración e/ou avaliación do coñecemento científico; 3) a clasificación das diversas disciplinas científicas en correspondencia cos seus diferentes métodos e obxectos; e 4) a función ou finalidade da ciencia e a súa relación coa metodoloxía científica.

No tratamento do aspecto 2) poñeranse de manifesto as vantaxes e os problemas dos diferentes métodos. No tratamento dos aspectos 3) e 4) haberá que presenta-la cuestión da debatida diferencia entre as ciencias do home e as ciencias da natureza.

Tamén haberá que trata-lo concepto de tecnoloxía, sen o cal a ciencia moderna resulta inintelixible, examinando as relacións e diferencias existentes entre ciencia e tecnoloxía.

3.2.1. Contidos conceptuais.

-As teorías científicas. Estructura e características.

-Os métodos nas ciencias. Deductivo, inductivo e hipotético-deductivo.

-Clasificación das ciencias. Formais e empíricas: naturais e humanas.

-Explicación, comprensión e predicción.

-Ciencia e tecnoloxía. Relación e diferencia.

3.2.2. Contidos procedementais.

-Recoñecemento e análise da estructura básica dunha teoría científica, a partir de exemplos familiares tratados en textos doutras materias.

-Identificación e análise crítica dos métodos deductivo, inductivo e hipotético-deductivo, a partir de exemplos concretos, contrastando e avaliando as vantaxes, inconvenientes e insuficiencias dos tres métodos.

-Identificación, comparación e clasificación dos diferentes tipos de ciencias, a partir dunha serie de disciplinas científicas -como pode se-la formada

polas materias do currículo-, aplicando os conceptos de ciencia formal, ciencia empírica, ciencia natural, ciencia humana, explicación, predicción e comprensión.

-Establecemento de relacións e diferencias entre ciencia e tecnoloxía, a partir de casos concretos.

-Análise dos diferentes elementos da metodoloxía científica que interveñen na formulación e realización dalgún experimento científico tomado da práctica doutras materias ou da historia da ciencia.

3.2.3. Contidos actitudinais.

-Actitude de atención á diversidade das disciplinas científicas e tecnolóxicas e interese pola comprensión da mesma.

-Actitude crítica ante os métodos propostos como xerativos e/ou avaliativos do coñecemento científico.

-Aprecio polo carácter estructurado e estructurante do coñecemento científico, valorando a importancia que teñen a clarificación e o uso preciso e rigoroso dos termos e conceptos no desenvolvemento científico.

-Actitude crítica fronte ás explicacións pseudocientíficas.

3.3. O desenvolvemento do coñecemento científico.

A ciencia é un feito histórico, non só polo carácter de acontecemento histórico que ten a súa orixe, senón, moi especialmente, pola historicidade que a caracteriza dun modo esencial: historicidade dos seus productos -obxectivos, conceptos e teorías- e historicidade da mesma idea de ciencia que posúe un selo cambiante. Comprendela implica coñecer tanto a súa historia interna -a evolución dialéctica dos seus conceptos, teorías e obxectivos- como a súa historia externa -a relación entre o desenvolvemento científico e o contexto social e histórico no que as comunidades científicas se desenvolven-. Nunca a filosofía da ciencia foi tan consciente deste feito coma na actualidade.

Na análise da ciencia pasouse dunha perspectiva predominantemente sincrónica, propia da concepción clásica, a unha perspectiva predominantemente diacrónica -non en balde foi a corrente historicista a que a orixinou- da que se deriva o que se deu en chama-la nova imaxe da ciencia. Hoxe, en consecuencia, non se poden formula-los problemas relativos á estructura, fundamentación e valor de verdade das teorías científicas sen relacionalos coa dinámica do coñecemento científico.

Sobre a aceptación dunha base común -rexeitamento da concepción lineal e acumulativa do progreso científico, negación da existencia de feitos observacionais puros, crítica das metodoloxías inductivista e falsacionista, constatación de que as teorías compiten entre si e non só coa experiencia, reivindicación do papel xogado polos presupostos e procedementos das comunidades científicas-, que os leva a reinterpreta-los problemas tradicionais da

epistemoloxía, os filósofos da ciencia actuais propoñen diversos modelos explicativos da dinámica científica. Da confrontación destes diversos modelos xorden os debates entre racionalistas e relativistas, internalistas e externalistas, realistas e instrumentalistas.

En definitiva, tódolos contidos deste bloque están orientados cara á comprensión crítica do desenvolvemento científico e o seu tratamento esixe aborda-las ideas principais da actual filosofía da ciencia ó respecto.

3.3.1. Contidos conceptuais.

-Estructura, dinámica e fundamentación do coñecemento científico: da concepción clásica á nova imaxe da ciencia.

-O problema da racionalidade na ciencia. Racionalismo versus relativismo.

-O debate sobre o valor de verdade da ciencia. Realismo versus instrumentalismo.

-Dimensión sociohistórica do coñecemento científico.

3.3.2. Contidos procedementais.

-Elaboración de sínteses e comparacións escritas e orais sobre as diferentes posturas filosóficas acerca da estructura da ciencia, o desenvolvemento do coñecemento científico e a súa fundamentación, e os problemas da racionalidade e a verdade na ciencia.

-Establecemento de relacións entre feitos relevantes da historia da ciencia e as condicións económicas, sociais, políticas e culturais que os enmarcan, utilizando fontes bibliográficas e de consulta.

-Lectura dunha obra accesible de historia ou filosofía da ciencia relativa ós problemas tratados.

-Comentario de textos de historia e filosofía da ciencia que fagan referencia ós problemas tratados.

-Elaboración e definición dun conxunto de posibles principios éticos e epistemolóxicos que expresen o ideal da investigación científica.

3.3.3. Contidos actitudinais.

-Actitude reflexiva e crítica respecto ó problema da fundamentación, posibilidades e límites do coñecemento científico, e respecto á idea de progreso científico.

-Interese pola perspectiva histórica como forma de acceso ós problemas da filosofía da ciencia.

-Interese polas diversas dimensións e interpretacións que poden te-los conceptos de verdade e racionalidade científica.

3.4. Ciencia, tecnoloxía e sociedade.

A nosa era é a era tecnolóxica, xa que a ciencia e a tecnoloxía modernas constitúen a base da nosa civilización. Cúmprese así o proxecto, alumado polo pensamento moderno, da ciencia como instrumento de poder.

Cabe sinalar, ademais, que desde a Ilustración a ciencia foi concibida como o camiño seguro para o progreso material, pero tamén moral e político, da humanidade. Non obstante, importantes pensadores e escolas filosóficas do noso século preguntáronse e pregúntanse se a tecnociencia contribúe realmente á liberación e felicidade do ser humano ou, pola contra, á súa alienación.

En efecto, unha boa parte da Filosofía do século XX centrou as súas críticas na racionalidade instrumental que caracteriza a nosa era tecnolóxica, cuestionando o ideal optimista e ilustrado do progreso científico e denunciando os diversos mitos creados en torno á ciencia.

Por outra parte, é innegable que a ciencia, como feito social, implica moito máis ca unha simple actividade teórica ou explicativa: equipos custosísimos de científicos e laboratorios, patentes e negocios, desenvolvemento tecnolóxico e industrial, impacto social e ambiental, etc. Esta dimensión socio-económica e ecolóxica da tecnociencia presenta graves problemas de prioridades e de planificación, de asignación de presupostos, de control social e político da ciencia e da tecnoloxía, de criterios e límites morais na experimentación e aplicación de posibilidades tecnocientíficas, etc. E tamén é innegable que todos estes problemas non poden ser resoltos, nin tan sequera abordados, polo propio quefacer científico. A razón científica non pode decidir, internamente, cales deben se-los usos e os fins da ciencia e da tecnoloxía. É por isto polo que cabe reivindicar neste eido un papel para a reflexión filosófica, de carácter ético e político.

O desenvolvemento deste bloque abordará os problemas relativos ós aspectos sociais, ecolóxicos, éticos e políticos da tecnociencia, analizando criticamente os mitos que en torno á ciencia se crearon na nosa época.

3.4.1. Contidos conceptuais.

-Tecnociencia e sociedade: o impacto ambiental e social do desenvolvemento tecnocientífico e a idea de progreso.

-Crítica da racionalidade instrumental.

-Os mitos da ciencia.

-Ética, política e tecnociencia: o control social e democrático dos usos e fins da tecnociencia.

3.4.2. Contidos procedementais.

-Lectura, análise e discusión de textos de divulgación nos que se fale das implicacións sociais e medioambientais do desenvolvemento científico e tecnolóxico, e dos criterios éticos e políticos que se lle poden ou deben aplicar.

-Planificación e execución, a partir de diferentes fontes de información, dun pequeno traballo de investigación sobre temas tales como «tecnociencia e poder», «tecnoloxía e traballo», «ecoloxía e desenvolvemento tecnocientífico», «a ciencia como mito», «problemas de bioética», etc.

-Debate acerca da relación entre progreso científico e tecnolóxico e progreso moral e social.

-Análise de casos problemáticos concretos de investigación científica ou de acción tecnolóxica que estean sendo obxecto de debate público, a través de informacións de prensa.

3.4.3. Contidos actitudinais.

-Valoración das aportacións que a ciencia e a tecnoloxía fan á humanidade e toma de conciencia ante o fenómeno de investigacións e actividades tecnocientíficas que atentan contra o medio ambiente e/ou a humanidade.

-Interese por coñecer e valora-los proxectos sociais, lexislativos e políticos dos autores e organizacións ou institucións que denuncian as aplicacións nocivas da ciencia e da tecnoloxía, e promoven a resituación do home contemporáneo no seu contorno natural e sociocultural.

-Actitude crítica ante a mitificación do coñecemento científico e tecnolóxico, e toma de conciencia da necesidade de criterios éticos e políticos democráticos que regulen e orienten as aplicacións da ciencia e a tecnoloxía.

-Actitude crítica ante os presupostos ideolóxicos que subxacen ós discursos científicos e tecnolóxicos.

-Sensibilización con respecto á protección do medio ambiente e actitude crítica ante o uso bélico da ciencia e da tecnoloxía.

4. Criterios de avaliación.

-Obter información relevante sobre un tema concreto a partir de materiais adecuados, utilizando fontes diversas, elaborala, contrastala e utilizala criticamente na análise dos problemas filosóficos propios dos bloques temáticos.

Este criterio trata de comproba-la capacidade do alumno para seleccionar información, recorrendo a múltiples fontes e de diversa índole (desde os coñecementos que lle proporcionan outras disciplinas ou os medios de comunicación, á consulta de manuais, diccionarios ou textos especificamente filosóficos), así como o seu dominio de destrezas de carácter xeral, como a análise e a síntese, a clasificación e a sistematización, a comparación e a valoración, etc., necesarias para a utilización crítica de dita información.

-Comentar un texto filosófico atendendo á identificación dos seus elementos fundamentais (problemas, conceptos e termos específicos) e da súa estructura expositiva (teses, argumentos e conclusións), e diferenciando as propostas que contén doutras posicións posibles sobre o mesmo tema.

Este criterio trata de avalia-la capacidade de comprender textos de filosofía da ciencia e da tecnoloxía, mediante a identificación dos problemas que neles se presentan, a explicación dos conceptos e termos específicos, o recoñecemento das proposicións e argumentos que apoien as teses mantidas e as con

clusións derivadas das mesmas, e o contraste con outras posicións sobre os mesmos problemas.

-Compoñer textos -orais ou escritos- que expresen de forma clara e coherente o resultado do traballo de comprensión e reflexión, realizado individual ou colectivamente, sobre os problemas filosóficos que se estean tratando.

Este criterio trata de comproba-lo progreso na competencia lóxica e argumentativa dos alumnos aplicada ó ámbito da reflexión filosófica sobre a ciencia e a tecnoloxía, é dicir, a capacidade para expresa-lo seu pensamento con claridade, utilizando os termos específicos con propiedade e expresándose con rigor e coherencia.

-Realizar, de forma individual ou en grupo, un traballo monográfico acerca dalgún problema filosófico de interese para o alumno, ligado ós contidos da materia.

Este criterio trata de avalia-la capacidade dos alumnos para realizar, coas orientacións pertinentes, pequenos traballos de investigación sobre algún problema que suscite o seu interese, abordando tanto tarefas de planificación (metodoloxía de traballo que se vai utilizar, fontes de consulta,...), como de execución propiamente dita (presentación do tema, aportación de información e de argumentos contrastados, valoración das conclusións alcanzadas). Ámbolos aspectos permiten comproba-lo grao de autonomía adquirido no modo de formular problemas filosóficos, de trata-la información obtida e de formular conclusións.

-Analizar e describi-las características da reflexión filosófica sobre a ciencia e a tecnoloxía, distinguindo e comparando as grandes etapas históricas polas que esta foi pasando.

Con este criterio trátase de avalia-la capacidade do alumno para identificar e comprende-los problemas epistemolóxicos e ético-políticos que presentan a ciencia e a tecnoloxía, así como as principais concepcións que se formularon da ciencia e a tecnoloxía ó longo da historia.

-Recoñecer e explica-las características máis importantes do coñecemento científico e tecnolóxico.

Este criterio pretende avalia-la capacidade do alumno para distinguir, caracterizar e relaciona-las diversas disciplinas científicas e tecnolóxicas e os métodos que se propoñen como propios das mesmas.

-Analizar e explicar, relacionándoas e contrastándoas, as ideas principais da actual filosofía da ciencia sobre o desenvolvemento do coñecemento científico.

Con este criterio preténdese avalia-la capacidade do alumno para comprender e compara-las principais teorizacións da filosofía da ciencia actual sobre a dinámica das teorías científicas.

-Analizar e comparar datos e perspectivas teóricas diversas sobre os problemas éticos e políticos que presenta o desenvolvemento científico e tecnolóxico.

Este criterio fai referencia á capacidade desenvolvida polo alumno para reflexionar sobre as consecuencias sociais e medioambientais do desenvolvemento científico e tecnolóxico, contrastando diferentes perspectivas éticas e políticas e adoptando un xuízo crítico ó respecto.

-Participar en debates acerca de temas de actualidade relacionados cos contidos da materia, confrontando posicións filosóficas e valorando as súas aportacións para a comprensión dos mesmos.

Este criterio trata de avalia-la capacidade do alumnado para abordar temas ou feitos de actualidade, adoptando un punto de vista filosófico e confrontando as propias posicións coas mantidas por outros, valorando a aportación que realiza a análise filosófica ós debates do noso tempo sobre a ciencia e a tecnoloxía, así como a riqueza da diverxencia intelectual ben argumentada. Por outra parte, a aplicación deste criterio permite comproba-la capacidade dos alumnos para expresar e contrasta-las súas propias ideas, e o respecto polas alleas.

Grego II

1. Introducción.

O valor formativo do grego no Bacharelato deriva da súa dobre condición de modelo lingüístico e cultural. O coñecemento do grego antigo é a base fundamental para o dominio do léxico de orixe grega; ademais contribúe a mellora-la formación lingüística e literaria dos alumnos e das alumnas, completando a aprendizaxe da lingua propia.

No primeiro curso de grego do Bacharelato, os alumnos e as alumnas familiarizáronse cos elementos da lingua grega que axudan á comprensión das linguas modernas; interpretaron textos literarios, históricos e filosóficos traducidos e orixinais, desenvolveron técnicas de traballo intelectual mediante o comentario e uso crítico de documentos, bibliografía, material audiovisual, inscricións, elementos arqueolóxicos, etc. e apreciaron os valores máis característicos establecidos pola sociedade grega e a vinculación que á mesma teñen as formas de pensar actuais.

É importante que este elenco de coñecementos que o alumno posúe poida ser perfeccionado e completado nun segundo curso. Neste débese profundar e amplia-los coñecementos morfosintácticos e léxicos elementais adquiridos no primeiro curso e, tomándoos como punto de partida, incorporar máis detalladamente a morfoloxía verbal e as estructuras sintácticas máis complexas.

Os alumnos e as alumnas perfeccionarán o nivel da súa competencia lingüística de modo que poidan traducir textos de moderada complexidade e desenvolve-la capacidade de análise dos aspectos literarios e conceptuais da cultura grega, especialmente da épica, do teatro e da filosofía; ó final do segundo curso os valores permanentes do humanismo grego e a proxección universal do seu pensamento quedarán de manifesto.

Metodoloxicamente é conveniente partir de textos breves anotados, de gradual complexidade, e adecuados ó nivel de competencia dos alumnos e das alumnas. Continuarase a traducción de textos en prosa substituíndo gradualmente a traducción de textos histórico-culturais por outros de tipo filosófico e completarase con algún texto de poesía preferentemente dramática. Así mesmo combinarase a traducción directa coa lectura dalgunha traducción de calidade, co que se conseguirá unha perspectiva maior da complexidade da literatura e do pensamento grego.

2. Obxectivos xerais.

A ensinanza-aprendizaxe desta materia contribuirá a que os alumnos e as alumnas desenvolvan as seguintes capacidades:

-Coñecer e utiliza-la morfosintaxe e o léxico da lingua grega necesarios para a traducción e a interpretación de textos de moderada complexidade, coa axuda do diccionario.

-Identificar e interpreta-las etimoloxías gregas no vocabulario galego e castelán así como no vocabulario doutras linguas estudiadas.

-Interpretar textos literarios e filosóficos, orixinais e traducidos, de gradual complexidade, captando a súa estructura e o seu contido conceptual.

-Aprecia-los valores éticos, estéticos e políticos do mundo grego a través dos seus textos.

-Desenvolver técnicas de traballo intelectual mediante o comentario e o uso crítico de documentos, bibliografía, material audiovisual, inscricións, elementos arqueolóxicos, etc.

3. Bloques de contidos.

Os contidos de Grego II preséntanse agrupados en catro bloques que afondan no coñecemento da lingua grega adquirido en Grego I, así como no desenvolvemento de destrezas e de técnicas que facilitarán o acceso ós textos auténticos de autores e ó legado da cultura grega. A súa orde de presentación non supón ningún tipo de prioridade duns contidos sobre outros na programación anual. O desenvolvemento dos contidos no proceso de ensinanza-aprendizaxe pode abarcar temas procedentes de diferentes bloques que deberán ser tratados na súa secuencia e organización segundo a súa natureza, destacando aquelas relacións que se consideren importantes.

A explicitación dos contidos seguindo a tipoloxía de conceptuais, procedementais e actitudinais chama a atención sobre a conveniencia de acceder ó coñecemento a través de distintas habilidades, técnicas, destrezas ou estratexias que, contextualizadas en valores de interese, sensibilidade e curiosidade intelectual, o farán significativo.

3.1. A lingua grega.

É esencial que os alumnos e as alumnas adquiran un coñecemento máis amplo da lingua grega nos seus aspectos morfolóxico e sintáctico e que apren

dan a diferencia-las particularidades da flexión nominal e verbal.

3.1.1. Contidos conceptuais.

-O indoeuropeo, o grego e as linguas galega e castelá.

-Os fonemas gregos e as linguas modernas. As regras fonéticas do grego. A súa aplicación á lingüística xeral.

-Transcrición e transliteración no paso de palabras gregas ás linguas galega e castelá.

-A flexión nominal e verbal. As súas particularidades.

-Función das palabras dentro da frase.

-Valores dos tempos e dos modos verbais.

-A subordinación.

3.1.2. Contidos procedementais.

-Recoñecemento de formas nominais e verbais que se aparten dos modelos vistos no nivel elemental e identificación das peculiaridades que nelas aparecen.

-Recoñecemento de calquera particularidade mediante a comparación deste tipo de fenómenos cos que se dan noutras linguas.

-Deducción dos elementos lingüísticos novos a partir dos xa coñecidos.

-Análise morfosintáctica de textos, identificando a conexión das oracións e establecendo relacións con outras linguas.

3.1.3. Contidos actitudinais.

-Valoración da influencia do grego nas linguas modernas.

-Valoración das aportacións da lingua grega á mellor comprensión da lingua propia.

-Superación das dificultades de comprensión a tódolos niveis que poidan presenta-los textos que manexan.

3.2. A interpretación dos textos.

Os contidos deste bloque permitirán ós alumnos e ás alumnas coñecer directamente o pensamento dos autores gregos e descubri-la orixe dalgúns aspectos da cultura actual. Por outra parte, a práctica da traducción promoverá o hábito da reflexión sobre a lingua e contribuirá a aumentar tanto o caudal léxico como os coñecementos morfosintácticos.

3.2.1. Contidos conceptuais.

-Técnicas de traducción.

-Elementos esenciais do pensamento e da literatura gregos.

-Estructuras máis frecuentes da prosa histórica, da filosófica e da poesía dramática.

3.2.2. Contidos procedementais.

-Traducción e interpretación de textos de gradual complexidade e relativa extensión, correspondentes

á prosa histórica, á prosa filosófica e á poesía dramática e recoñecemento das estructuras que as caracterizan.

-Comentario formal e conceptual de textos literarios e filosóficos orixinais.

-Análise morfosintáctica de textos traducidos.

-Comparación das estructuras morfosintácticas da lingua grega coas estructuras das outras linguas do currículo, en especial coas das linguas galega e castelá.

3.2.3. Contidos actitudinais.

-Interese por coñece-lo sistema de valores da civilización grega formándose unha opinión sobre eles, especialmente sobre a súa vixencia no mundo actual.

3.3. O léxico grego e a súa evolución.

A ampliación do vocabulario básico resulta indispensable para acada-los obxectivos desta materia, razón pola que os termos filosóficos, técnicos e científicos así como as conexións etimolóxicas adquiren especial relevancia.

3.3.1. Contidos conceptuais.

-Vocabulario básico e de nova adquisición.

-Derivación e composición da lingua grega.

-As conexións etimolóxicas co léxico actual da técnica, da ciencia e da cultura nas linguas do currículo.

3.3.2. Contidos procedementais.

-Identificación, nos termos gregos, dos elementos que forman unha palabra.

-Recoñecemento de termos das linguas galega e castelá que proceden do grego e xustificación da evolución fonética ou semántica que experimentaron.

-Identificación de diferentes termos gregos dunha mesma familia e dos derivados da mesma nas linguas coñecidas, observando nelas a permanencia e a evolución dos termos gregos.

3.3.3. Contidos actitudinais.

-Valoración da importancia da adquisición de novos termos gregos para amplia-la competencia lingüística propia e para mellora-la interpretación de textos gregos.

3.4. Grecia e o seu legado.

Os contidos deste bloque abordan o achegamento sistemático ós principais xéneros literarios e ós seus autores así como a súa influencia na cultura occidental e pretenden contribuír ó desenvolvemento do interese por establecer relacións entre os coñecementos adquiridos e os pertencentes a outras materias, especialmente os relacionados coas Ciencias Humanas e Sociais.

3.4.1. Contidos conceptuais.

-Os principais xéneros literarios gregos. Autores máis representativos.

-Os modelos literarios gregos e a súa influencia nas literaturas europeas.

-A mitoloxía grega. A configuración das institucións políticas. Traspaso ó mundo latino e influencia en culturas posteriores.

-O pensamento grego. A súa pervivencia a través do tempo e a súa significación actual.

3.4.2. Contidos procedementais.

-Identificación dalgúns aspectos relevantes da época grega clásica que perviven no mundo actual.

-Manexo de fontes de diversa índole, restos arqueolóxicos, inscricións, índices, léxicos, artigos específicos, etc. para realizar traballos de investigación sinxelos.

-Identificación e delimitación dos aspectos culturais do mundo grego en temas de carácter literario e filosófico.

3.4.3. Contidos actitudinais.

-Toma de conciencia da importancia do legado da cultura de Grecia no mundo occidental.

4. Criterios de avaliación.

-Identificar prefixos e sufixos de orixe grega e recoñece-las regras de composición e de derivación.

Este criterio pretende comprobar se o alumnado é capaz non só de distingui-los elementos que forman unha palabra e a función que cada un cumpre, senón tamén de recoñece-los que proceden da lingua grega e explicar, no seu caso, a evolución fonética ou semántica que houbo. Os alumnos e as alumnas compararán tanto os diferentes termos gregos dunha mesma familia coma os derivados da mesma nas linguas que coñecen, para observa-las semellanzas e as diferencias e para extrae-las correspondentes conclusións respecto á relación entre elas e á súa evolución.

-Recoñecer formas nominais e verbais que se aparten dos modelos vistos no nivel elemental e identifica-las peculiaridades que nelas aparecen.

Con este criterio inténtase comprobar que, coas nocións morfosintácticas básicas adquiridas no primeiro nivel da lingua, o alumnado é capaz de recoñecer calquera particularidade. Mediante a comparación deste tipo de fenómenos cos que se dan noutras linguas, os alumnos e as alumnas poden deducir elementos novos a partir dos xa coñecidos e relacionar fenómenos similares en distintas linguas.

-Analiza-las relacións entre os elementos morfosintácticos do grego e establecer comparacións entre a estructura morfosintáctica desta lingua e a das outras linguas do currículo.

Con este criterio preténdese comprobar que os alumnos e as alumnas son quen de identifica-la estructura morfosintáctica do grego e de establecer comparacións entre esta estructura e a das outras linguas do currículo, coa finalidade de recoñecer nelas a herdanza grega así como as peculiaridades de cada lingua.

-Transcribir á lingua galega ou castelá textos gregos elementais, filosóficos e dramáticos, coa axuda do diccionario.

Inténtase comproba-la capacidade do alumnado para comprender un texto grego de mínima dificultade e traducilo á lingua galega ou á lingua castelá, respectando ó máximo tanto a forma coma o contido do texto orixinal, recorrendo, se é preciso, ó diccionario.

-Identifica-lo significado léxico básico que aparece nos textos gregos orixinais e deducilo a través doutros termos próximos polo contexto en que aparecen, elixindo, cando sexa necesario, o termo preciso no diccionario.

Este criterio pretende verificar se os alumnos e as alumnas son capaces de domina-lo vocabulario básico, así como de deducir significados polo contexto ou, se é preciso, elixir no diccionario o termo máis apropiado.

-Comentar formal e conceptualmente textos literarios e filosóficos orixinais que informen sobre o sistema de valores da civilización grega e dar unha opinión crítica sobre eles, especialmente sobre a súa vixencia no mundo actual.

Con este criterio preténdese avalia-la capacidade dos alumnos e das alumnas para comprender e comentar textos traducidos por eles ou que se lles presenten en traduccións fiables, distinguindo a idea principal das secundarias e relacionando estes textos cos coñecementos teóricos adquiridos. Trátase de comprobar se os alumnos e as alumnas captan os valores literarios e o contido conceptual dos textos, partindo da distinción dos trazos diferenciais dos distintos xéneros literarios.

-Integrar en temas interdisciplinares os coñecementos adquiridos, comparando a época grega clásica con outras, sobre todo coa actual.

Con este criterio trátase de comproba-la capacidade do alumno para definir e delimita-los aportes culturais do mundo grego en temas relacionados directamente cos contidos doutras materias do currículo.

-Planificar e realizar sinxelas investigacións sobre temas monográficos, manexando fontes de diversa índole: restos arqueolóxicos, inscricións, índices, léxicos, artigos específicos, etc.

Este criterio trata de comproba-la capacidade creativa do alumnado na planificación, busca, recompilación e sistematización da información, así como o grao de corrección na expresión oral e escrita. O alumnado planificará a actividade, organizará e contrastará a información, para emitir hipóteses que lle permitan chegar a conclusións razoadas.

Historia e Xeografía de Galicia

1. Introducción.

A necesidade que sente toda comunidade humana de identificarse como tal sempre se satisfixo empre

gando distintos mecanismos de transmisión da imaxe do seu pasado, tanto máis complexos canto máis diversificada é a sociedade na que se insiren. Desta maneira confórmase a memoria colectiva dos pobos, imprescindible para a súa identidade e para os individuos que os integran.

A Comunidade Autónoma galega é unha das tres nacionalidades históricas contempladas na Constitución española de 1978, como consecuencia non só dos evidentes aspectos específicos (xeográficos, históricos, culturais e máis unha lingua de seu) que a diferencian doutras comunidades, senón tamén da vontade autonomista manifestada plebiscitariamente nos anos 30 e plasmada no Estatuto do 36.

A pesar disto a Historia, a Xeografía, a Arte e a Antropoloxía de Galicia nunca tiveron un tratamento individualizado nos deseños dos distintos planos educativos. É lóxico, pois, que no actual Estado das Autonomías exista, no currículo educativo desta Comunidade, unha materia destinada a que os estudiantes galegos coñezan o pasado e o presente do seu propio país.

A incorporación de Galicia ás pautas evolutivas do chamado mundo occidental leva a un proceso de esquecemento dos elementos propios. A necesaria incorporación ós saberes actuais desde as raíces culturais orixinais é a única vía posible para neutraliza-los efectos das presións culturais desde nós mesmos, en fecunda interrelación coas outras culturas.

O modelo curricular que se propón resalta, en primeiro lugar, a incorporación das aportacións máis rigorosas da historiografía actual, rexeitando toda manipulación dos datos históricos en función de calquera interese de orde política ou ideolóxica. Non se trata, pois, de reivindicar unha historia mítica, ó gusto romántico, historia que o desenvolvemento científico xa non admite. Pero si, en cambio, de recupera-lo coñecemento do noso propio pasado, das especificidades das transformacións ocorridas no marco territorial da nosa nacionalidade. Todo isto débese plasmar no deseño curricular mediante uns criterios que teñan flexibilidade e que favorezan o coñecemento da realidade próxima e a apertura dos cidadáns galegos ó coñecemento doutros contornos, desde os da Europa na que estamos integrados ata outros máis distantes, coa finalidade de que a comprensión e aprecio do contorno propio se integre no recoñecemento e respecto das diferencias dos contornos alleos.

A selección de contidos do presente documento responde a unha serie de consideracións de carácter curricular: por unha parte, trátase de reducir temporalmente algunhas dimensións que pola súa analoxía coa evolución do resto do Estado español non presenta especificidade propia; por outra, preténdese que estes aspectos, obxecto de estudio, permitan exercita-lo traballo propio das ciencias sociais, tal como a análise de fontes, a clasificación de documentos, a relatividade das interpretacións, etc.

Situada esta proposta nun deseño curricular aberto, a programación concreta do profesor ou profesora poderá articular convenientemente contidos relativos ó presente que teñen as súas claves explicativas nun pasado próximo ou non tan próximo. Os coñecementos poderán organizarse partindo do presente para volver a el, nunha dinámica na que se encadea a presentación do problema coa busca das súas raíces.

2. Obxectivos xerais.

O proceso de ensinanza-aprendizaxe desta materia debe contribuír a que as alumnas e os alumnos desenvolvan as seguintes capacidades:

-Recoñece-la existencia de aspectos específicos que definen a Galicia como nacionalidade histórica e que se refiren ó medio natural e ó xeito de ser este dominado polo home, á peculiaridade da súa evolución histórica e ó peso da formación en común dunha tradición cultural.

-Analiza-los mecanismos que rexen o funcionamento do medio físico, valora-las repercusións que sobre el teñen as actividades humanas e contribuír activamente á súa defensa, conservación e mellora como elemento determinante da calidade de vida.

-Explicar que a evolución histórica de Galicia, aínda nos aspectos específicos, está relacionada coa historia española e europea.

-Analiza-las características da cultura galega actual nos seus trazos máis sinalados: o peso da tradición, a capacidade de supervivencia e a necesidade de acadar unha dimensión universalista.

-Distinguir e analiza-los elementos básicos manexados na explicación da sociedade galega, nas súas manifestacións tanto temporais como espaciais, e saber apreciar e relaciona-la importancia e a xerarquía dos diversos factores que inflúen nela.

-Identifica-los procesos e mecanismos básicos que rexen o funcionamento dos feitos sociais no contexto galego, tendo en conta os factores externos e internos que o condicionan, para comprende-la situación actual de Galicia desde unha posición persoal razoada.

-Valora-la pertenza a unha comunidade nacional (Galicia), a un Estado histórico (España) e a unha cultura universal, desde posicións solidarias e respectuosas con outras comunidades, Estados e culturas.

-Comprender que o patrimonio natural, cultural, histórico e artístico galego é diferente ó doutras nacionalidades e autonomías que compoñen o Estado español, participando activamente na súa defensa e valorando a diversidade como o dereito dos pobos e individuos á súa identidade.

3. Bloques de contidos.

De acordo cos obxectivos expostos, os contidos desta materia estructúranse en seis bloques concibidos como resposta a unha serie de consideracións:

-En primeiro lugar, esta materia é unha materia optativa que se estudia no segundo ano do bacharelato de Humanidades e Ciencias Sociais. Neste mesmo curso, como materia común impártese Historia de España na que a presencia de Galicia ten un papel relevante. Polo tanto, débese evita-lo tratamento de contidos xa contemplados naquela materia.

-En segundo lugar, as distintas materias que compoñen a área (Xeografía, Antropoloxía, Historia e Arte) están consideradas globalmente na explicación da realidade social que nos ocupa. Así, tanto na estructura dos bloques como nos contidos de cada un deles, con excepción do primeiro, evitouse que o peso fora específico dunha materia.

-Por último, a orientación deste deseño curricular base está dirixida cara ó estudio de tódolos aspectos que fan que Galicia sexa unha nacionalidade histórica e que se refiren á interrelación medio físico e sociedade, ás peculiaridades da súa evolución histórica e ó peso dunha tradición cultural propia.

En cada bloque coexisten contidos referentes a feitos, conceptos, procedementos e actitudes. Dada a interdependencia existente entre os diversos bloques, toda compartimentación é sempre relativamente artificial e non definitiva. Desta forma, o deseño curricular base de Historia e Xeografía de Galicia, aínda que con carácter prescritivo nos seus contidos, é aberto e flexible, polo que os profesores e profesoras poderán organizar ditos contidos cunha estructura distinta á aquí proposta.

3.1. Homoxeneidade e heteroxeneidade no medio físico galego.

A realidade xeográfica de Galicia é moi diversa. Esta diversidade interna pode analizarse a través de diferentes factores: o relevo, os dominios climáticos, as augas e a vexetación e a composición dos solos. Estes factores, á súa vez, están influídos polo home. En razón desta interrelación os alumnos e as alumnas deberán descubrir e extraer conclusións sobre a gran variedade na paisaxe galega e as distintas formas de aborda-la realidade xeográfica de Galicia.

3.1.1. Contidos conceptuais.

-As diferentes variables que interaccionan no medio físico.

-As unidades xeomorfolóxicas.

-Os contrastes climáticos e a súa influencia na configuración do medio.

-As augas e o seu papel no territorio.

-Os solos e as formacións vexetais.

-Os axentes erosivos.

3.1.2. Contidos procedementais.

-Interpretación de mapas de distinto tipo que permitan analiza-la diversidade paisaxística galega.

-Elaboración de información cartográfica, gráfica e estatística sobre a realidade física de Galicia.

-Interpretación de imaxes que reflictan medios diferenciados.

-Resolución de problemas sobre as diferentes variables que interaccionan no territorio, a partir de distintas fontes de documentación.

-Análise e interpretación de problemas de degradación espacial: contaminación das augas, do aire, dos espacios litorais, etc.

3.1.3. Contidos actitudinais.

-Interese por perfeccionarse nas técnicas de análise espacial e valoración delas por constituíren instrumentos de axuda para desenvolverse na vida cotiá.

-Valoración dos bens naturais que deben ser respectados, tanto polo propio valor natural como polo seu uso social.

-Respecto polo medio ambiente e actitude solidaria na defensa do mesmo.

3.2. A evolución socioeconómica.

Neste bloque débese estudiar como vai evolucionando a apropiación do medio físico por parte da poboación e o modo de organizarse esta socialmente para a producción e distribución dos bens resultantes.

Os tipos de sociedade e economía que se suceden dependen, en gran medida, dos que son predominantes en cada época no contorno europeo, ó que sempre pertenceu Galicia, pero nesta Comunidade danse sempre unhas variantes específicas desas formas xerais, e son precisamente esas particularidades as que interesa resaltar.

3.2.1. Contidos conceptuais.

-Aspectos económicos e sociais da Galicia castrexa, romana e altomedieval.

-O binomio réxime señorial e sociedade feudal. Formas particulares de cesión da terra e das relacións vasaláticas.

-A incidencia das peregrinacións nas colonizacións monásticas.

-A sociedade urbana e os conflictos entre burgueses e señores.

-Cambio e continuidade na sociedade e na economía do Antigo Réxime.

-As transformacións da época contemporánea: pervivencia e disolución do sistema foral. Desindustrialización e emigración. O camiño da modernización de Galicia.

3.2.2. Contidos procedementais.

-Construcción de eixes cronolóxicos para ordenar e secuenciar feitos históricos.

-Identificación e clasificación, en casos concretos, dos factores causais que explican procesos de cambio.

-Análise de gráficos, datos estatísticos e comentario de textos históricos e historiográficos para observar que, con frecuencia, os cambios socioeconómicos non se producen ó mesmo tempo cos políticos ou os ideolóxicos.

-Establecemento de relacións entre a industrialización e a evolución demográfica e social, os movementos migratorios, os medios de transporte, as repercusións no ámbito familiar, os cambios na alimentación, a hixiene, a organización do espacio urbano, etc., a partir de textos ou casos concretos.

-Identificación e análise, en casos concretos, dos factores causantes dos desequilibrios territoriais no desenvolvemento económico do territorio español.

3.2.3. Contidos actitudinais.

-Valoración de épocas e culturas distintas á actual como elementos enriquecedores da existencia colectiva da nosa sociedade.

-Respecto e preocupación polo rigor e obxectividade na busca e interpretación da información histórica.

-Interese por coñece-las raíces da comunidade histórica galega e compromiso na defensa do seu patrimonio.

-Sensibilidade ante os problemas sociais derivados das situacións de desigualdade.

3.3. A etnicidade galega.

Resulta indubidable que o pobo galego presenta ó longo de polo menos os últimos dez séculos un conxunto de caracteres específicos, que constitúen o que os actuais sociólogos, antropólogos e historiadores denominan etnicidade: cultura material da sociedade rural, institucións consuetudinarias, modos de organización social das pequenas comunidades, sistema de valores, tipo de relixiosidade, arte popular, folclore e lingua.

A existencia dunha etnicidade diferenciada é sempre un factor que inflúe na evolución histórica dun pobo. Por iso, a súa análise e descrición non poden estar ausentes dunha materia coma esta, e deben axudar ó establecemento de nexos de interrelación que permitan a comprensión dos caracteres específicos que configuran a etnicidade do pobo galego.

3.3.1. Contidos conceptuais.

-A cultura material da sociedade rural tradicional.

-A organización social na parroquia e nos lugares galegos.

-A lingua galega. Nacemento e esplendor medieval. A súa desaparición das cidades na Idade Moderna. O rexurdimento nos séculos XIX e XX.

-A cultura espiritual galega: a vida e a morte na conciencia do pobo.

3.3.2. Contidos procedementais.

-Utilización de diversas fontes orais e escritas que permitan identifica-la evolución no tempo de aspec

tos relacionados coa vida cotiá (cambios tecnolóxicos, confort doméstico, pautas culturais).

-Realización de pequenos traballos sobre as tradicións máis relevantes da zona próxima, investigando en distintas fontes as súas orixes e transformacións ó longo do tempo.

-Confección de mapas nos que se reflicta as formas de ocupación do territorio.

-Análise e utilización crítica de fontes e material bibliográfico diverso.

-Busca de analoxías e diferencias entre os elementos da cultura material nun tempo pasado e na actualidade.

3.3.3. Contidos actitudinais.

-Tolerancia, respecto e valoración crítica de épocas e sociedades distintas á propia.

-Respecto ó dereito dos pobos para exerce-la súa cultura, sen prexuízo dos dereitos e liberdades dos demais.

-Valoración da pervivencia de tradicións culturais como elementos enriquecedores da existencia colectiva do pobo galego.

3.4. A articulación política e institucional de Galicia no proceso de constitución do Estado español.

A pesar de que no terreo cultural e socioeconómico Galicia tivo unha personalidade propia, esta non se manifestou no ámbito político institucional. Agás episodios moi efémeros, non contou cun grao de autogoberno nin cunhas estructuras administrativas e representativas como as que tiveron, en cambio, outras nacionalidades históricas.

Sen embargo, esa falta de concordancia, sen chegar a producir tensións políticas de importancia ata épocas moi recentes, non deixou de producir algunhas manifestacións (peculiaridades da II guerra irmandiña, a existencia da Xunta do Reino, o problema do voto en Cortes, etc.) que incrementan de vaga-la súa importancia a medida que avanza a Idade Contemporánea e que constitúen aspectos de interese da Historia de Galicia que deben ser obxecto de interpretación por parte dos alumnos e das alumnas.

3.4.1. Contidos conceptuais.

-As institucións de Gallaecia.

-Igrexa e nobreza galegas na monarquía astur-leonesa.

-Repercusións da afirmación gradual da autoridade dos monarcas casteláns: conflictos internobiliares, corrixidores, xustizas e irmandades.

-Os conflictos sociopolíticos internos: a II guerra irmandiña.

-As institucións do Antigo Réxime en Galicia. Un caso peculiar: a Xunta do Reino.

-Ideoloxías e tendencias políticas na Galicia contemporánea: tradicionalistas, moderados, demócratas, etc.

-As peculiaridades do proceso de democratización política. Nacemento e evolución do galeguismo.

-Galicia e a Constitución de 1931. O Estatuto de Autonomía.

3.4.2. Contidos procedementais.

-Establecemento de semellanzas e diferencias entre os distintos sistemas políticos, a partir de textos ou casos concretos.

-Preparación e realización de debates, coa axuda de material diverso, nos que se poñan de manifesto as actuacións e as motivacións que subxacen nas relacións coas institucións centrais.

-Comentario crítico de textos que traten do funcionamento, nalgún momento determinado da Historia, dalgunhas institucións de Galicia.

3.4.3. Contidos actitudinais.

-Interese por coñece-las ideoloxías que subxacen nos distintos réximes políticos.

-Valoración crítica dos diversos modelos de organización do poder político.

-Respecto ós pobos, nacións e Estados para exerce-la súa soberanía e desenvolve-la súa cultura, sen prexuízo dos dereitos e liberdades dos demais.

-Tolerancia e respecto por opinións políticas e ideolóxicas diferentes á propia.

3.5. Arte e Cultura na Historia de Galicia.

Evidentemente, as grandes manifestacións artísticas que a sociedade galega foi deixando ó longo da historia son moi dependentes dos movementos que se dan en Europa. Non obstante, iso non impide que aquí esas manifestacións teñan caracteres propios.

3.5.1. Contidos conceptuais.

-O legado da Galicia prerromana e romana.

-O esplendor da Idade Media. A arte do camiño.

-Renacemento e Barroco.

-Do Neoclasicismo á arte contemporánea.

-Os movementos vangardistas.

3.5.2. Contidos procedementais.

-Localización cronolóxica dalgunha obra de arte representativa dun momento histórico, identificando os trazos máis destacados que permitan a súa clasificación dentro dun estilo determinado.

-Análise comparativa entre obras de arte que mostren a variabilidade e complexidade das súas relacións co contexto histórico dunha fase ou estilo.

-Diferenciación, clasificación e comparación de obras pertencentes a correntes tradicionais e innovadoras, establecendo as permanencias e os cambios presentes nelas.

-Contraste de información extraída de textos coa observación directa da obra de arte.

3.5.3. Contidos actitudinais.

-Valoración da influencia dos factores históricos nas obras de arte.

-Sensibilización pola conservación e respecto do patrimonio artístico e cultural de Galicia.

-Preocupación diante dos problemas que afectan ó patrimonio artístico-cultural galego.

-Interese polo coñecemento das manifestacións artísticas contemporáneas da arte galega.

3.6. A Galicia actual.

Unha vez analizada a evolución histórica dos aspectos máis importantes da vida dun pobo, convén facer unha síntese da situación actual no período máis recente, de maneira que se poidan percibi-las interrelacións entre o económico, o político, o social e o cultural nunha perspectiva interdisciplinar.

3.6.1. Contidos conceptuais.

-A estructura económica: os sectores productivos e a súa importancia relativa. As relacións económicas de Galicia co seu contorno. Economía e medio ambiente. Problemas e retos da integración en Europa.

-A sociedade galega: a evolución demográfica recente e a súa distribución territorial. A estructura social.

-Tradición e modernidade. A transformación da cultura tradicional rural. Novos valores e modos de vida na cidade e no campo.

-A Galicia Autonómica: as súas institucións. Partidos e sindicatos. A dinámica sociopolítica.

3.6.2. Contidos procedementais.

-Establecemento de relacións entre a industrialización e a evolución demográfica e social, os movementos migratorios dentro e fóra da Comunidade, as repercusións no ámbito familiar, na organización do espacio urbano e rural, etc., a partir de fontes de documentación diversas.

-Análise crítica de problemas sociais de noso tempo: violencia social, consumismo, discriminacións, paro.

-Realización dun organigrama sobre as funcións dalgunha institución autonómica.

-Identificación dos trazos máis característicos da economía galega, comparándoa co resto do Estado e explicando o significado das diferencias establecidas.

-Identificación de actuacións económicas agresivas co contorno natural, sinalando posibles alternativas para os problemas detectados.

3.6.3. Contidos actitudinais.

-Sensibilidade ante os problemas sociais derivados das situacións de desigualdade.

-Actitude crítica ante as necesidades de consumo que suscita a sociedade actual.

-Toma de conciencia de que a explotación desordenada dos recursos naturais e a degradación do medio ambiente non só son prexudiciais para nós, senón tamén para a sociedade do futuro.

4. Criterios de avaliación.

-Identificar e localiza-las características físicas máis destacadas que configuran os grandes espacios naturais galegos, analizando algúns exemplos representativos das paisaxes xeográficas resultantes da actividade humana nestes medios.

Este criterio pretende verificar que os alumnos e as alumnas coñecen a gran variedade que constitúe a realidade física galega tanto desde o punto de vista do relevo, como climático, de poboamento,... e, en consecuencia, que superan a visión decimonónica de presentar a Galicia como un espacio uniforme.

-Describir, a partir da observación da realidade, de fotografías, mapas e textos, as principais características do medio galego.

Trátase de que os alumnos e as alumnas recoñezan na comunidade distintos tipos de unidades paisaxísticas, establecendo relacións causais entre os elementos que as compoñen.

-Analizar algúns dos riscos e problemas medioambientais máis graves da comunidade (explotación desordenada dos recursos, lixos urbanos e industriais, incendios forestais,...) e avalia-los perigos que supoñen.

Preténdese comproba-la capacidade dos alumnos e das alumnas para identificar e analiza-los efectos a curto, a medio e a longo prazo da acción humana sobre o medio físico, fomentando o comportamento respectuoso co medio ambiente.

-Recoñecer e apreciar, na historia de Galicia e en cuestión de actualidade, os vestixios dun pasado máis afastado.

Trátase de verificar que cando se aborda o estudio dos feitos e procesos relevantes da historia galega (por exemplo, a estructura agraria, a articulación territorial co Estado español, as ideoloxías e mentalidades sociais, etc.) o alumnado recoñece no presente os vestixios do pasado, explicando a coexistencia da continuidade e do cambio e a súa proxección cara ó presente.

-Situar cronoloxicamente acontecementos e procesos relevantes da historia de Galicia e analiza-la súa vinculación co contexto español e internacional.

Preténdese comprobar que o alumnado aprecia a continuidade temática e a proximidade cronolóxica entre acontecementos ocorridos en Galicia e outros acontecidos fóra dela. Trátase tamén de verificar se son quen de poñer exemplos das semellanzas existentes entre institucións políticas, hábitos sociais, situacións económicas, etc. de Galicia e outros territorios, e de percibi-las peculiaridades de determinadas situacións galegas.

-Analizar aspectos definitorios de distintas épocas, suficientemente diferenciadas, de Galicia, establecendo unha comparanza entre elas que permita aprecia-las permanencias e os cambios.

Trátase de verificar que os alumnos e as alumnas son quen de recoñecer e valora-lo proceso de cambio histórico, a partir do estudio das diferencias e analoxías entre distintos momentos da historia de Galicia, considerando non só os factores de carácter máis xeral, senón incorporando referencias ás formas de vida cotiá.

-Identifica-las diversas causas dun feito histórico, analiza-las súas interrelacións e valora-la importancia relativa dalgunha delas, desde ópticas tanto coetáneas como historiográficas.

Preténdese comprobar que os alumnos e as alumnas detectan a complexidade causal dos acontecementos históricos, que sopesan a significación das distintas circunstancias que concorren nos feitos, valorando o papel que pode desempeña-la responsabilidade individual, e que aprecian as diferencias entre o punto de vista da época e o que proporciona a perspectiva temporal.

-Recoñecer, situar no tempo e describir manifestacións relevantes da cultura galega, analizando as súas repercusións co contexto histórico e ponderando a súa aportación á cultura humana universal.

Segundo este criterio, os alumnos e as alumnas deberán saber citar e glosar, con precisión cronolóxica, manifestacións culturais de diverso tipo (literarias, artísticas, científicas), explicando a súa relación coa situación histórica na que foron creadas e valorando os elementos de diversidade e peculiaridade da cultura galega.

-Exemplificar, desde presupostos non endocéntricos, os costumes, as tradicións, as crenzas, a arte e a historia de Galicia distinguindo os aspectos culturais que definen unha identidade colectiva e que configuran unha forma de ser diferente doutras comunidades.

Este criterio trata de verificar que os alumnos e as alumnas son quen de identifica-los trazos de cultura, sen que iso signifique creación de fronteiras, nun amplo abano que vai desde as festas populares ata as leis e institucións, aplicando elementos de análise historiográfica a aspectos da vida cotiá.

-Clasificar empresas, a partir de datos concretos, segundo os seus trazos diferenciais e identificando as súas diferentes aportacións sociais e económicas á sociedade galega.

Trátase de comprobar se os alumnos e as alumnas son quen de recoñece-las relacións positivas e negativas, tanto económicas como sociais, que as distintas empresas que conforman a economía galega teñen no seu contorno, e que son capaces de escoller exemplos ilustrativos do desenvolvemento económico de Galicia e das repercusións en tódolos aspectos deste.

Introducción ás Ciencias Políticas e Socioloxía

1. Introducción.

A complexa configuración social e política do mundo contemporáneo esixe de cada individuo un esforzo de comprensión e de interpretación desde o que poder valora-los seus diversos planos e adoptar decisións persoais, libres e responsables.

Desde esta perspectiva, a relación de contidos seleccionados para esta «Introducción ás Ciencias Políticas e Socioloxía» pretende unha explicitación reflexiva e crítica dos diferentes procesos de interacción social, tanto grupais como intergrupais, e das diversas estructuras de poder que conforman a vida social e política da sociedade actual. Unha explicitación na que o esforzo analítico haberá de conducir a miúdo ata a xénese mesma e antecedentes históricos de tales procesos e estructuras. Deste xeito, a análise deberá dota-los alumnos e as alumnas de instrumentos sólidos para unha conceptualización, interpretación e valoración da realidade circundante e contribuír ó desenvolvemento nos mesmos dunha autonomía e madurez persoal desde as que poder tomar opcións responsables e participar, dun xeito creativo e solidario, na construcción do propio contorno social e político. Cómpre ter presente, neste sentido, que a idade dos alumnos e das alumnas, ós que está destinada esta disciplina,

está próxima -ou mesmo coincide- co recoñecemento legal da súa maioría de idade política.

A selección de contidos propostos vertébrase -dun xeito xenérico e flexible- en torno á noción de poder como realidade omnipresente da vida social e que adquire a súa última configuración política nas diversas formas do Estado. Este fío conductor está orientado cara a permitir non só unha estructuración articulada e sistemática dos diversos contidos da materia, senón tamén cara a propiciar unha exploración das proxeccións e das derivacións últimas, no plano social e político, de nocións de Ética e Filosofía do Dereito desenvoltas en cursos anteriores, así como cara a posibilitar unha integración significativa e globalizadora de diversos coñecementos adquiridos en disciplinas como a Historia da Filosofía, a Historia do Mundo Contemporáneo e a Historia de España.

Desde outra perspectiva, o dobre plano -descritivo e teórico- que define os contidos desta materia, permite un transvasamento fluído entre as análises empíricas concretas e un tratamento formal e abstracto dos mesmos, en concordancia coa madurez psicolóxica e intelectual dos alumnos e das alumnas de segundo curso de Bacharelato ós que está destinada.

Finalmente, a inclusión desta «Introducción ás Ciencias Políticas e Socioloxía» dentro das materias optativas do último curso do Bacharelato responde, asemade, a unha finalidade propedéutica e de iniciación, non só -como é evidente- no estudio das Ciencias Políticas e Sociolóxicas, senón tamén no

das Ciencias Económicas, Xurídicas, Históricas e Humanas en xeral.

2. Obxectivos xerais.

O proceso de ensinanza-aprendizaxe desta materia debe contribuír a que os alumnos e as alumnas desenvolvan as seguintes capacidades:

-Analizar, contrastar e interpretar informacións diversas sobre interaccións sociais, estructuras e organización política do poder en diferentes contextos, incorporando á propia expresión, tanto oral como escrita, o correspondente vocabulario específico.

-Coñecer e valorar criticamente as engrenaxes básicas de interacción sobre as que se asenta a orde social: grupos sociais e axencias e procesos de socialización.

-Analizar e coñece-las diferentes estructuras de poder, tanto no plano intra como inter-grupal e os diversos mecanismos de exercicio e de manifestación do mesmo.

-Coñecer e analiza-las características fundamentais da organización política do poder e a súa relación con factores económicos e territoriais.

-Comprende-lo carácter específico do Estado moderno e analiza-la súa xénese, evolución e configuracións, así como as diversas teorizacións contractualistas do mesmo e os presupostos filosóficos nos que se fundamentan.

-Comprender e valora-lo concepto moderno de constitución e analiza-la súa xénese e tipoloxías máis importantes.

-Analizar e coñece-los mecanismos fundamentais do comportamento político democrático: formas de participación, sistemas electorais e de representación, sistemas de partidos, formación da opinión pública e función política da mesma.

-Comprende-lo concepto de Estado social de benestar e analiza-la súa xénese, logros, limitacións e perspectivas de futuro.

-Coñecer e valora-lo propio sistema político español e as súas posibilidades e carencias.

3. Bloques de contidos.

Os contidos seleccionados para esta materia preséntase estructurados en cinco bloques temáticos. Os catro primeiros desenvolven unha secuencia lóxica e sistemática progresiva, baixo o fío conductor da análise do poder, desde a súa xénese nos procesos de interacción social grupal e intergrupal ata a súa organización política no Estado democrático moderno. O quinto bloque aborda exclusivamente a análise do actual sistema político español. É obvio que a súa presentación nun bloque á parte non responde a ningún feito diferencial do mesmo, senón máis ben á súa especial relevancia en canto contexto vivencial no que se desenvolve o alumnado.

A ordenación didáctica dos contidos propostos nos diferentes bloques admite diversas secuencias de

ensinanza-aprendizaxe, podendo abordarse o seu tratamento, en consecuencia, en unidades didácticas que agrupen transversalmente contidos temáticos de diferentes bloques, non só no caso evidente do quinto bloque, senón tamén no dos outros catro restantes.

3.1. O home como animal social.

As interaccións do individuo dentro dos grupos sociais aparecen, desde o primeiro momento, fortemente modeladas cara ó mantemento e á reproducción da orde social vixente. Só unha toma de conciencia reflexiva e crítica permitiralle ó individuo adquirir un grao de autonomía suficiente para participar na construcción dunha orde social máis racional e xusta. O tratamento deste bloque deberá abordar, en consecuencia, os diferentes tipos de interacción social, así como as diversas configuracións e grupos sociais nos que teñen lugar e que funcionan como axencias de socialización, conformando e reproducindo a orde social establecida. Este enfoque dos contidos deberá dirixirse finalmente cara á análise dos fenómenos de desviación e cara á avaliación das diferentes respostas da sociedade ante os mesmos.

3.1.1. Contidos conceptuais.

-Individuo e interacción social.

-Configuracións e grupos sociais.

-Cultura e socialización: axencias de socialización.

-Orde social: conformidade e desviación.

3.1.2. Contidos procedementais.

-A partir da observación de contextos reais, identificación e análise dos diversos tipos de interacción social nas diferentes configuracións e grupos sociais.

-Reconstrucción reflexiva de procesos de socialización en grupos primarios e secundarios e identificación dos mecanismos operantes nas principais axencias de socialización.

-Identificación e análise comparativa de diversos casos de desviación social e das diferentes respostas de cohesión social ante os mesmos (represión-sanción, reeducación-reinserción, reestructuración da propia orde social vixente).

3.1.3. Contidos actitudinais.

-Valoración da función enculturadora dos grupos sociais.

-Actitude crítica respecto á acción das diferentes axencias de socialización.

-Actitude cautelosa e reflexiva ante os diferentes tipos de desviación social.

3.2. Estructuras de poder.

As estructuras de poder, nacidas da asimetría nas relacións de interacción social e reproducidas mediante as axencias de socialización, atravesan e conforman a totalidade da vida social ata culminar na organización política da sociedade. O desenvolvemento dos contidos propostos para este bloque deberá abordar, polo tanto, a análise da relación

existente entre poder e desigualdade e a súa distribución sistemática nos procesos de estratificación social, para encarar finalmente a organización política das sociedades.

3.2.1. Contidos conceptuais.

-Desigualdade e poder dentro do grupo.

-Estratificación social e estructuración xerárquica do poder entre grupos.

-Organización política do poder: formas pre-estatais de dominación, e organización estatal.

-Organización política e estructura territorial. Organización política e estructura económica.

-Dimensión internacional dos procesos políticos contemporáneos.

3.2.2. Contidos procedementais.

-Identificación de indicadores de poder e de mecanismos do exercicio deste, en diferentes grupos facilmente observables polo alumnado (familia, grupo de pares, etc.).

-Elaboración dalgún pequeno traballo de investigación, a partir de diferentes fontes de información, sobre a estratificación social e a estructura e mecanismos de poder nunha sociedade dada, histórica ou actual.

-Identificación, caracterización e comparación das diversas modalidades de organización política do poder, tanto estatais como pre-estatais, tomando como referencia formacións históricas concretas.

3.2.3. Contidos actitudinais.

-Toma de conciencia e sensibilidade crítica ante mecanismos larvados de poder, tanto no plano intergrupal como no intragrupal.

-Valoración das organizacións supraestatais e de carácter internacional orientadas a promover unha orde mundial máis xusta.

3.3. Estado moderno e constitucionalidade.

O sistema político democrático aparece como o único capaz de garanti-los dereitos individuais e a pluralidade ideolóxica da sociedade actual. A súa articulación, orientada polo postulado básico de limitación do poder fronte a toda posible arbitrariedade, adquire forma e consistencia na proclamación dunha constitución. Desde esta perspectiva, os contidos propostos neste bloque están orientados a clarifica-la noción de constitucionalidade en toda a súa extensión á luz da súa xénese histórica, tanto no plano da teorización filosófica como no do devir político, tendo que abordarse, en consecuencia, o proceso histórico que vai desde o Estado liberal clásico ata a situación de encrucillada actual creada polo derrubamento dos sistemas socialistas e pola crise do Estado social de benestar. Unha análise das distintas tipoloxías constitucionais deberá contribuír finalmente á comprensión dos diferentes tipos e variantes de organización política do Estado.

3.3.1. Contidos conceptuais.

-Xénese do Estado moderno: orixe e evolución dos dereitos individuais.

-Do rol de súbdito ó de cidadán: teorizacións contractualistas do Estado.

-Evolución e configuracións do Estado moderno e contemporáneo.

-Constitución como distribución e limitación do poder: diferentes tipoloxías constitucionais e réximes políticos.

3.3.2. Contidos procedementais.

-Identificación de factores que interveñen na configuración e na definición do Estado moderno, a partir da análise de documentación histórica e dos propios coñecementos adquiridos noutras disciplinas do currículo.

-Análise de textos de diferentes teorizacións contractualistas do Estado moderno e contemporáneo e identificación dos seus presupostos filosóficos.

-Análise comparativa de diversas constitucións, identificando os seus diferentes sistemas de control e de distribución do poder e clasificándoas consecuentemente.

-Debate sobre as conquistas e limitacións do Estado social de benestar e sobre as perspectivas de futuro.

3.3.3. Contidos actitudinais.

-Valoración da concepción do individuo como cidadán suxeito de dereitos.

-Valoración da constitución como instrumento de control do poder político fronte ás posibles arbitrariedades do mesmo.

3.4. Comportamento e representación política.

A ordenación distributiva do poder no sistema democrático descansa e adquire contido nos comportamentos de participación e de representación política dos cidadáns. Desde esta perspectiva, os contidos deste bloque están orientados, tanto a unha análise e comparación valorativa dos diferentes sistemas de participación, de elección e de representación como a unha exploración da función instrumental, que desempeñan os partidos e outros grupos de interese na vertebración da vida política. Por outra parte, a tendencia á burocratización da vida política nas democracias actuais, xunto cos perigos de manipulación da opinión pública por parte de grupos de presión de grande influencia parecen demandar unha actitude de reflexión desde a que espertar unha nova sensibilidade crítica e renovadora da participación política.

3.4.1. Contidos conceptuais.

-Sistemas e instrumentos de participación política institucionalizados: partidos políticos e grupos de interese.

-Sistemas electorais e de representación.

-Burocratización da vida política e novas formas de participación non institucionalizadas.

-A formación da opinión pública e a súa función política.

3.4.2. Contidos procedementais.

-Análise comparativa de distintos sistemas de participación, de elección e de representación existentes nas democracias actuais, avaliando as súas vantaxes e inconvenientes.

-Establecemento de hipóteses explicativas dos niveis de participación política nas democracias actuais, a partir da análise de diversos indicadores (abstención, afiliación, relevancia de movementos cidadáns, etc.).

-Debate sobre a burocratización da vida política nas democracias actuais.

-Análise, a partir de situacións concretas, do papel desempeñado polos medios de comunicación de masas na configuración da opinión pública.

3.4.3. Contidos actitudinais.

-Actitude favorable á participación política democrática, non só a través dos procesos electorais, senón tamén mediante outras canles.

-Tolerancia e valoración da pluralidade política e ideolóxica.

-Valoración dos partidos políticos como elementos básicos do xogo democrático.

3.5. O réxime político español.

Un coñecemento profundo do propio réxime político, das súas posibilidades e carencias, deberá permitir unha participación máis crítica e consciente no mesmo. Os contidos seleccionados para este bloque están orientados, en consecuencia, cara a desenvolver unha análise do réxime político español actual e dos seus diversos compoñentes, en contraste con outros sistemas políticos do contorno cultural e político máis próximo. Pero tal análise e avaliación non deberán esquecer en ningún momento as peculiaridades específicas, tanto históricas como territoriais, culturais, lingüísticas, etc. do contexto español.

3.5.1.Contidos conceptuais.

-Antecedentes históricos do réxime actual.

-Constitución de 1978 e institucións fundamentais do Estado.

-Participación e representación política: réxime electoral, sistema de partidos e grupos de interese.

-Estructura territorial do Estado e réxime de autonomías: o Estatuto de autonomía de Galicia.

3.5.2. Contidos procedementais.

-Análise comparativa da Constitución española de 1978, en relación con outras do contorno cultural e político máis próximo, respecto á forma de distribución e de relación entre os poderes do Estado.

-Análise e discusión sobre os avances e sobre os problemas do actual réxime de autonomías.

-Elaboración de propostas de diverso tipo orientadas a mellorar e a corrixir problemas existentes no sistema de participación e de representación política da democracia española.

3.5.3. Contidos actitudinais.

-Valoración da Constitución española de 1978 como garantía dos dereitos individuais e como instancia limitadora do poder político.

-Valoración da democracia española como conquista irrenunciable e actitude crítica de esixencia permanente dun maior afondamento e afianzamento da mesma.

-Valoración do réxime de autonomías como un avance na articulación territorial descentralizada do Estado susceptible de perfeccionamentos.

4. Criterios de avaliación.

-Manexar e analizar información procedente da Socioloxía referida ós procesos de interacción social: socialización-desviación, grupos sociais e estratificación social.

Con este criterio preténdese comproba-la capacidade dos alumnos e das alumnas para comprender e para caracterizar, con precisión conceptual e terminolóxica, os procesos sociais básicos, tanto no plano teórico como no da análise práctica da realidade circundante.

-Analizar información referida ás diferentes estructuras de poder, así como á organización política do mesmo tanto en sociedades pre-estatais como estatais, precisando as súas características diferenciais e a interdependencia das mesmas respecto a factores económicos e territoriais.

Preténdese, así, avalia-la capacidade do alumnado para analizar e para comprende-las diferentes formas de estructuración do poder e para establecer relacións con factores conformadores do mesmo.

-Utilizar e analizar información histórica diversa referida a procesos de organización e de transformación política: a xénese e a evolución do Estado moderno e as súas diferentes configuracións históricas, así como o desenvolvemento dos sistemas políticos da España contemporánea.

Trataríase, deste xeito, de verifica-la capacidade do alumnado para comprende-las características definitorias do Estado moderno e os factores que interveñen na súa xénese e conformación, así como para entender e para valora-lo sistema político español actual desde unha perspectiva histórica.

-Analizar e comparar diversas informacións e textos constitucionais referidos á distribución do poder dentro do Estado e caracterizar, a partir deles, os diferentes tipos de réximes políticos, con especial referencia ó réxime español actual.

Trátase de avaliar, a través deste criterio, a capacidade do alumnado para comprende-la noción de constitucionalidade, así como para distinguir, identificar e caracterizar con precisión os diversos réximes políticos, e encadrar e valora-lo réxime español actual.

-Comentar textos de filosofía política referidos ás diversas teorizacións e fundamentacións contractualistas do Estado moderno.

Este criterio está orientado a comproba-la capacidade dos alumnos e alumnas para comprende-los fundamentos teóricos do Estado moderno e establecer relacións con outros coñecementos filosóficos acadados noutras disciplinas.

-Seleccionar, integrar e interpretar datos e información diversos, referidos a diferentes aspectos do comportamento político: modalidades de participación, sistemas de elección e de representación, sistemas de partidos, formación da opinión pública e grupos de interese.

Trataríase, deste xeito, de comproba-la capacidade do alumnado para comprender e avalia-los diferentes sistemas de participación política, así como para interpretar datos indicativos de participación política da sociedade española actual e establecer hipóteses explicativas e propostas consecuentes.

-Participar en debates sobre temas políticos próximos e de actualidade.

A través deles, poderíase avalia-la capacidade do alumnado para participar, con talante democrático e tolerante, na confrontación de opinións e na elaboración de propostas creativas e abertas.

Literatura Galega do Século XX

1. Introducción.

A literatura constitúe un feito cultural e social que debe impregnar tódolos ámbitos da vida dos alumnos e das alumnas, e facilita-la súa inserción na tradición cultural.

Tendo en conta isto e como complemento á Lingua Galega e Literatura, materia común nas catro modalidades de Bacharelato, ofértase, como materia optativa, na modalidade do Bacharelato de Humanidades e Ciencias Sociais, a Literatura Galega, que lles axudará, ós alumnos e ás alumnas, a sentirse membros activos da comunidade cultural da que forman parte, a aumenta-lo seu coñecemento do mundo e a analizar de forma crítica a realidade, así como a amplia-las súas posibilidades comunicativas e estéticas.

Baixo o epígrafe de Literatura Galega preséntanse contidos referentes á Literatura do S. XX por estaren próximos á sensibilidade da xuventude, proximidade que facilitará a relación coa obra literaria a nivel contextual, textual e estético.

Cómpre non esquecer que tódolos alumnos e alumnas cursan Lingua Galega e Literatura e que, polo tanto, con esta materia adquirirán unha visión xeral da creación literaria. Entón, para o desenvolvemento

desta materia débese partir da materia común, de forma que non se produza unha redundancia de contidos e se favoreza o afondamento na formación literaria dos alumnos e das alumnas. Así mesmo, a relación con outras materias do currículo, a interdisciplinariedade, pode favorecer grandemente a funcionalidade dos contidos, polo que resulta imprescindible unha boa planificación de centro.

Esta materia permitiralles ós xoves, ademais da ampliación de determinados contidos conceptuais, a mellora na utilización de procedementos, técnicas, habilidades e estratexias que lles axudarán na análise, na investigación, no desenvolvemento do xuízo crítico, na reutilización da información, etc., aplicables non só no campo do literario, senón tamén noutros campos do saber e en situacións da súa vida cotiá.

Un procedemento fundamental en literatura é a lectura, entendida como actividade complexa que implica comprender, explicar, analizar, interpretar e valora-la obra literaria, de forma que se perciba como algo vivo, creativo e lúdico, e conforme lectores sensibles, curiosos, reflexivos e respectuosos cara a tódalas manifestacións literarias, artísticas e de pensamento. Así mesmo, a lectura permite achegarse á realidade cunha actitude aberta e desde múltiples puntos de vista, e comparar textos coa posibilidade de establecer relacións entre novas lecturas e marcos conceptuais previamente incorporados ós coñecementos dos alumnos e das alumnas.

No desenvolvemento da materia, enfocada desde calquera punto de vista (monográfico, temático, historicista, literatura comparada,...) débense articular actividades nas que se estimule a receptividade lectora, comprensión de textos, e a creatividade escritora, aspectos ámbolos dous claves nesta materia. Así mesmo, a proposta de actividades ha de permiti-la posibilidade do traballo individual, en parella e en pequeno ou gran grupo. É fundamental, tamén, que se cree un clima na aula no que se estimulen as inquedanzas literarias dos alumnos e das alumnas e no que se fomente o espírito crítico, a escoita e o respecto ás distintas ideas e opinións sobre unha obra, un autor ou un tema. O desenvolvemento destas actitudes conseguirá non só que os alumnos e as alumnas afonden nos seus coñecementos literarios, senón tamén que completen a súa personalidade, como individuos responsables, críticos e tolerantes, e que sexan quen de expoñe-las súas opinións de forma argumentada e de captar e

acepta-las opinións dos demais.

2. Obxectivos xerais.

A través desta materia, como resultado do proceso de ensinanza-aprendizaxe, os alumnos e as alumnas desenvolverán as seguintes capacidades:

-Coñece-la creación literaria do século XX e utilizar de forma crítica as fontes bibliográficas e documentais adecuadas para o seu estudio, apreciando a obra literaria como fonte de enriquecemento cultural e de pracer persoal.

-Ler obras literarias, identificar nelas os aspectos formais e temáticos que as individualizan e valoralas como expresión da sensibilidade do ser humano e da identidade cultural de Galicia.

-Comprende-la relación entre a obra literaria e o contexto sociocultural no que foi creada e recoñecer nela as influencias literarias e non literarias.

-Valora-la riqueza temática da creación literaria do S. XX a través da análise do seu tratamento por diversos autores e mostrar interese pola actividade cultural desenvolvida polos mesmos.

-Establecer relacións entre textos da Literatura Galega do século XX e textos doutras literaturas, explicando as conexións formais e temáticas existentes entre eles.

-Elaborar sinxelos traballos de investigación sobre algunha obra ou aspecto salientable da mesma, utilizando as fontes de documentación necesarias, e emitir unha opinión persoal argumentada.

3. Bloques de contidos.

Os contidos desta materia aparecen distribuídos ó longo de tres bloques referentes á literatura galega do S. XX cos que se pretende que os alumnos e as alumnas afonden no coñecemento e na análise da creación literaria.

Esta distribución en bloques non implica que na planificación do traballo de aula se desenvolvan como unidades autónomas, senón que o seu tratamento pode ofrecer unha maior riqueza se se realiza de forma que os contidos dos distintos bloques estean relacionados.

Baixo o título de cada bloque preséntanse os tres tipos de contidos, de tipo conceptual, procedemental e actitudinal, cos que se pretende analiza-la complexidade temática, técnica e contextual da creación literaria, na que se contemple a relación intertextual entre distintos autores, entre formas literarias diversas e entre literatura e ciencia e outras artes. Esta actividade esixe unha complicidade entre escritor e lector, complicidade que supón compartir un referente situado tanto no ámbito literario como no extraliterario.

3.1. A prosa.

Neste bloque preséntanse contidos referentes á riqueza que ofrece a narrativa ó longo do S. XX a nivel temático e técnico. A orixinalidade, as innovacións procedentes da literatura universal, oral e escrita, e as influencias non literarias tanto do contexto histórico como doutras artes son aspectos a tratar a partir de exemplos significativos.

Así mesmo, os contidos do bloque poñen ós alumnos e ás alumnas en contacto con aquelas manifestacións en prosa, de carácter literario, referentes á reflexión, á opinión e á investigación científica.

A lectura de textos representativos será o procedemento adecuado para analizar estes distintos aspectos e para que, a partir desta análise, os alum

nos e as alumnas poidan emitir unha opinión persoal crítica.

3.1.1. Contidos conceptuais.

-A prosa de ficción.

Relato curto e novela. A súa presencia ó longo do S. XX.

Estructura e técnica narrativa.

Temática.

-A prosa de non ficción.

O compromiso cultural.

A crítica literaria.

O artigo de opinión.

3.1.2. Contidos procedementais.

-Lectura de obras representativas da prosa do S. XX.

-Reflexión sobre o significado e a importancia de determinadas formas literarias na actividade cultural do S. XX.

-Análise, en textos diversos, da temática e das estructuras formais máis representativas, salientando os aspectos máis innovadores e establecendo relacións entre o tratamento dado por autores diferentes.

-Utilización de textos de crítica literaria coa finalidade de observa-las diferentes interpretacións que pode ofrecer un mesmo texto.

-Observación das relacións intertextuais e extratextuais en diferentes obras literarias.

-Análise crítica dalgún artigo de opinión tendo en conta a canle de transmisión.

-Elaboración dunha exposición oral ou escrita sobre algunha obra ou aspecto significativo da mesma, emitindo unha opinión persoal argumentada e documentada.

3.1.3. Contidos actitudinais.

-Valoración da lectura como medio para o coñecemento da realidade e como fonte de pracer e de enriquecemento persoal.

-Respecto pola obra literaria como transmisora dos trazos característicos da cultura galega.

-Interese por comparti-las opinións persoais sobre as lecturas e respecto e valoración das opinións dos demais.

3.2. O mundo poético.

Os contidos deste bloque fan referencia ás transformacións que sofre a creación poética no S. XX, que abranguen desde un novo enfoque dos temas ata a incorporación de novos obxectos poéticos, así como ós cambios que afectan á linguaxe e á estructura poéticas.

Todas estas transformacións deben ser analizadas dentro da pluralidade estética e cultural que caracteriza o S. XX.

A través dos contidos procedementais aténdese á preparación de lectores atentos, críticos e cómplices, capaces de comparti-los referentes da creación poética deste século.

3.2.1. Contidos conceptuais.

-A creación poética. A súa importancia ó longo do S. XX.

-Temática.

O paisaxismo.

A poesía existencial.

A poesía social.

A poesía amorosa.

-Forma e linguaxe poética.

-Relacións intertextuais.

3.2.2. Contidos procedementais.

-Lectura de textos representativos da poesía do século XX.

-Análise da temática e do seu tratamento en autores diferentes.

-Observación das características formais e temáticas comúns a distintos autores que permiten consideralos membros dun mesmo grupo, así como aqueloutras que os individualizan.

-Análise da estructura e da linguaxe poética en textos significativos.

-Busca de información sobre as influencias literarias na creación poética.

3.2.3. Contidos actitudinais.

-Sensibilidade para comprende-lo contido da obra literaria e para aprecia-las innovacións formais da mesma.

-Valoración da lectura como medio para o coñecemento da realidade e como fonte de pracer e de enriquecemento cultural.

-Respecto polos sentimentos transmitidos na creación poética.

3.3. A literatura e as outras artes.

Os contidos deste bloque refírense á interrelación entre o texto literario e outras manifestacións culturais, entre a arte literaria e as outras artes, de xeito tal que a comunicación non se establece unicamente a través do texto escrito senón que a imaxe, o debuxo, a música, a expresión corporal, é dicir,

os referentes contextuais son elementos imprescindibles para a súa comprensión.

Máis ca unha visión diacrónica destas manifestacións literarias do S. XX interesa que os alumnos e as alumnas sexan quen de percibir esas interrelacións e procurarlle un senso ó texto.

3.3.1. Contidos conceptuais.

-Texto literario e espectáculo teatral. A súa presencia no S. XX.

-Temática e técnica teatral.

-Literatura e cine. Influencias.

-Debuxo e simbolismo. O texto, a imaxe e o contexto.

3.3.2. Contidos procedementais.

-Interpretación de obras nas que se integre texto e imaxe dentro dun determinado contexto.

-Análise, en exemplos concretos, dos elementos que converten o texto literario en espectáculo teatral.

-Identificación, a través da comparación de textos, da diversa temática e da técnica teatral ó longo da creación do S. XX.

-Creación de textos nos que se conxugue o texto literario con outros elementos non literarios.

-Observación das influencias da técnica cinematográfica na obra literaria.

-Análise do texto e do contexto para comprende-la crítica social presente en textos icónico-verbais.

3.3.3. Contidos actitudinais.

-Respecto e valoración das opinión dos demais.

-Interese por coñece-la actividade literaria e cultural.

-Sensibilidade para comprende-lo contido da obra literaria e para aprecia-las innovacións da mesma.

4. Criterios de avaliación.

-Ler textos representativos da creación literaria do S. XX e interpretalos dentro do contexto histórico e sociocultural.

Con este criterio trátase de comprobar se os alumnos e as alumnas son quen de comprender e interpretar un texto literario como un feito cultural situado nun determinado marco histórico, social e ideolóxico.

-Analizar textos, reflexionando sobre a súa técnica, sobre os recursos estilísticos e técnicos, e sobre a interrelación do contido coa forma.

Trátase de avalia-la capacidade dos alumnos e das alumnas para facer un comentario comprensivo dun texto no que capten as características da técnica empregada, resaltando aqueles aspectos máis innovadores, os recursos estilísticos utilizados e aque

loutros elementos que fan do texto unha obra de creación, de xeito que perciban a pertinencia dunha determinada forma para transmitir un contido, e analiza-los distintos elementos da mensaxe literaria.

-Recoñecer en textos de diferentes autores a presencia dunha mesma temática e relacionalos con formulacións anteriores poñendo de relevo as diferencias que os singularizan.

Trátase de comprobar se o alumno recoñece a presencia dunha mesma temática na creación literaria de distintos autores e se é quen de realizar unha análise da mesma a través dunha visión retrospectiva.

-Elaborar traballos sinxelos sobre obras de creación, explicando as características principais, aportando unha opinión persoal e utilizando de forma crítica as fontes bibliográficas e documentais adecuadas.

Este criterio pretende avalia-la capacidade dos alumnos e das alumnas para elaborar sinxelos traballos nos que amosen a súa competencia para a utilización, con criterios persoais, das fontes bibliográficas; para planificar, con certo rigor científico, os seus traballos; e para expresar, a través dunha estructura correcta e dunha linguaxe adecuada e rica, as súas ideas, opinións e xuízos. Tamén é importante ter en conta o interese do alumnado por presentar un traballo ben feito.

-Relacionar textos da nosa literatura con outros de literaturas distintas, observando as posibles influencias e distinguindo as notas peculiares da nosa cultura literaria.

Con este criterio preténdese comprobar se os alumnos son quen de percibir, a través da comparación de textos, as influencias doutras literaturas e os trazos propios da nosa cultura.

-Valora-la creación literaria en lingua galega como expresión dos sentimentos, ideas e ideoloxía, individuais e colectivos, e como medio para enriquece-la propia personalidade.

Este criterio terá en conta o desenvolvemento, nos alumnos e nas alumnas, dunha actitude crítica, de interese e respectuosa cara á creación literaria. Esta actitude pódese observar a través de determinados indicadores: o seu hábito lector, o interese pola creación literaria, as súas opinións e xuízos sobre textos literarios, a súa actitude ante as novas publicacións, o respecto polas opinións alleas, etc.

Literatura Universal Contemporánea

1. Introducción.

O ser humano crea a Literatura e ó mesmo tempo a Literatura conforma o ser humano, producíndose unha continua interacción comunicativa entre literatura e sociedade da que se pretende que participen os alumnos e as alumnas. Será a través da lectura de obras que recrean o pensamento e os sentimentos humanos como os xoves participarán da sabedoría legada por autores, homes e mulleres, doutras épocas.

Como complemento á Lingua Castelá e Literatura e á Lingua Galega e Literatura, materias comúns nas catro modalidades do Bacharelato, inclúese como materia optativa, no Bacharelato de Humanidades e Ciencias Sociais, a Literatura Universal Contemporánea co fin de facilitar ós alumnos e ás alumnas a ampliación dos seus coñecementos literarios e a reflexión sobre aqueles sentimentos, ideas, inquedanzas e intereses que configuraron a historia máis recente da humanidade e que se converteron, en culturas afastadas entre si, en temas literarios que presentan características comúns como se fose un mesmo ser humano o que os sentiu e os expresou.

Céntrase este currículo na época contemporánea porque a lingua estándar deste período é a base da competencia lingüística dos alumnos e das alumnas de hoxe en día, o que lles facilitará tanto a comprensión das obras, ben sexan traduccións ou ben edicións no seu idioma orixinal, como a asimilación das peculiaridades que constitúen a lingua literaria, incluso as rupturas do sistema lingüístico que caracterizan os movementos máis innovadores. Así mesmo, o estudio deste período posibilitaralles as claves de obras representativas do ámbito cultural no que están inmersos.

A comprensión das distintas ideoloxías, así como dos peculiares trazos da lingua literaria necesitan o coñecemento duns antecedentes que poden aportar outras materias do currículo, (Linguas Castelá e Galega e as súas literaturas, Historia, Filosofía,...), ou que se poden inxerir na programación no momento en que sexa necesario. Esta mirada retrospectiva pode estar motivada pola temática, pola utilización ou transformación das distintas formas literarias ou por unha nova visión do obxecto estético, polo que os antecedentes seleccionados non teñen que gardar unha orde cronolóxica e será nas programacións de aula onde o profesorado que imparta a Literatura Universal faga as conexións necesarias para un mellor coñecemento e comprensión dos contidos desta materia.

Así mesmo, debido á extensión literaria, cómpre que se realice unha selección de determinados movementos, temas, obras, autores tendo en conta as pegadas que deixaron na creación literaria castelá e galega e os intereses dos alumnos e das alumnas de forma que se sintan atraídos pola riqueza pluricultural transmitida na Literatura.

O desenvolvemento desta materia permitirá, tamén, a utilización de procedementos, técnicas, habilidades e estratexias que lles axudará na análise, na investigación, no desenvolvemento do xuízo crítico e na reutilización da información, aplicables non só no campo do literario, senón tamén noutros campos do saber e en situacións da súa vida cotiá.

Un procedemento fundamental en Literatura é a lectura, entendida como actividade complexa que implica comprender, explicar, analizar, relacionar, interpretar e valora-la obra literaria, de forma que os alumnos e as alumnas a perciban como algo vivo, creativo e lúdico e os conforme como lectores sen

sibles, curiosos, reflexivos e respectuosos cara a tódalas manifestacións literarias, artísticas e de pensamento froito de culturas diferentes. Así mesmo, a lectura pode permitirlles achegarse á realidade cunha actitude aberta e desde múltiples puntos de vista, e comparar textos para transferi-los seus coñecementos e para establecer relacións entre novas lecturas e esquemas conceptuais previamente incorporados ós seus coñecementos.

Os estudios de literatura, ademais de axudar á formación intelectual dos xoves, contribúen ó seu desenvolvemento humano afianzando actitudes de aprecio, de respecto e de tolerancia cara a outras ideas e opinións, e permiten acrecenta-la súa sensibilidade configurando neles un espírito aberto e crítico, de forma que cheguen a ser individuos responsables en harmonía coa sociedade da que forman parte.

2. Obxectivos xerais.

-Coñece-los períodos máis representativos, os grandes movementos estéticos e as obras máis significativas da Literatura Universal Contemporánea que foron conformando a nosa realidade cultural.

-Ler textos significativos da literatura universal, relacionalos co contexto histórico no que foron creados, atendendo especialmente ós aspectos socioculturais máis relevantes, e gozar da lectura como actividade pracenteira.

-Recoñecer, a través da lectura e da análise de textos, a presencia duns mesmos temas en distintos momentos da creación literaria universal e as influencias, temáticas e formais, entre textos literarios de diferentes culturas, épocas e autores, así como as influencias non literarias.

-Establecer relacións entre textos da literatura universal e textos das literaturas castelá e galega, explicando as conexións formais e temáticas existentes entre eles.

-Elaborar traballos sobre movementos estéticos, sobre autores ou autoras, sobre temas ou sobre obras da literatura universal, utiliza-las fontes de documentación necesarias e mostrar interese por presentar un traballo ben feito.

-Valora-la creación literaria como expresión de inquedanzas, de sentimentos e de crenzas, individuais e colectivas, como instrumento de coñecemento doutras culturas e como fonte de enriquecemento persoal.

-Interesarse por coñece-la creación literaria universal contemporánea e respecta-los sentimentos e as actitudes reflectidas nos textos das distintas culturas.

3. Bloques de contidos.

Os contidos desta materia aparecen distribuídos ó longo de tres bloques que, a partir das distintas formas literarias, recollen os coñecementos esenciais para que os alumnos e as alumnas adquiran unha

visión global da Literatura Universal Contemporánea.

Para que a aprendizaxe dos contidos sexa significativa, cómpre que os alumnos e as alumnas se exerciten en procedementos tales como a lectura de obras dentro do contexto histórico e sociocultural no que foron creadas, a análise da evolución das distintas formas literarias e da súa linguaxe, a identificación dos elementos non literarios ou a relación entre diversos textos, de forma que poidan facer unha interpretación global da creación literaria universal, ó mesmo tempo que afianzan actitudes de interese, de respecto e de aprecio por este patrimonio cultural universal. Así mesmo, cómpre que engarcen todos estes contidos cos coñecementos literarios que xa posúen, de xeito que os poidan utilizar e ampliar na vida futura de forma autónoma.

Esta distribución en bloques diferentes non supón que cada un deles sexa unha unidade autónoma, senón que, no momento do seu desenvolvemento, debe existir entre eles unha forte conexión, de xeito que os alumnos e as alumnas poidan establecer relacións entre os contidos dos distintos bloques.

3.1. Poesía.

Os contidos deste bloque tratan as transformacións que a poesía experimentou durante a época contemporánea, partindo da subxectividade que o poeta romántico impón á súa obra. A liberdade propugnada desde entón non só transformará as estructuras e a linguaxe poéticas, e influirá sobre a temática, senón que dará unha nova visión do obxecto poético. A lectura de textos poéticos contemporáneos de literaturas diversas débese apoiar nunha mirada retrospectiva cara a outros textos, subliñando os elementos de intertextualidade que explicarán a débeda de moitos dos movementos estéticos contemporáneos cos grandes fitos literarios da cultura occidental.

3.1.1. Contidos conceptuais.

-A estética romántica.

-Evolución cara á poesía do século XX: parnasianismo, simbolismo e modernismo.

-As vangardas.

-Últimas tendencias da poesía.

3.1.2. Contidos procedementais.

-Lectura de textos representativos desta forma literaria.

-Establecemento de relacións entre o texto poético e o marco sociocultural no que se produciu.

-Identificación, a través da comparación de textos, dos elementos de intertextualidade, así como da distinta temática e das transformacións desta forma literaria en momentos diversos e en literaturas distintas.

-Elaboración de traballos, orais e escritos, utilizando diversas fontes de documentación.

3.1.3. Contidos actitudinais.

-Valoración da creación literaria como patrimonio cultural da humanidade.

-Interese polo achegamento á cultura universal a través da lectura de textos poéticos.

-Respecto polos sentimentos e inquedanzas expresadas en textos poéticos de diversas literaturas.

3.2. Narrativa.

Cos contidos que se desenvolven baixo o epígrafe deste bloque preténdese que os alumnos e as alumnas adquiran unha visión global dos cambios sufridos por esta forma literaria a partir do Romanticismo ata os nosos días. A complexidade do momento histórico, cos seus acontecementos políticos, sociais e culturais, vai propiciar unha narrativa de temática e de técnica complexas tanto naquelas obras que fan referencia a unha realidade máis ou menos aparente como naqueloutras nas que as influencias non literarias comportan innovacións espectaculares (enfoque, personaxes, espacio, tempo,...). A lectura de textos de diferentes literaturas permitirá, ó alumnado, coñece-las influencias e as relacións intertextuais, así como as aportacións orixinais dun determinado movemento, obra ou autor.

3.2.1. Contidos conceptuais.

-A prosa romántica: o conto, o relato curto, a novela.

-A relación entre novela e sociedade: realismo, naturalismo, realismo socialista.

-Innovacións técnicas e temáticas.

-A narrativa latinoamericana.

-A narrativa no último tercio do século XX.

3.2.2. Contidos procedementais.

-Lectura de textos representativos desta forma literaria.

-Análise, en textos concretos, da relación entre forma literaria e contido.

-Establecemento de relacións entre o contido e a estructura de textos narrativos de distintas literaturas e de textos das literaturas castelá e galega.

-Análise, en diferentes textos, da subxectividade e da obxectividade que impregnan a obra literaria, así como da estructura e técnica que as sustentan.

-Emisión de xuízos sobre os textos lidos, a través de exposicións orais ou escritas.

3.2.3. Contidos actitudinais.

-Respecto pola tradición literaria narrativa.

-Interese por comparti-las opinións persoais sobre os textos.

-Valoración da lectura como medio para o coñecemento da realidade e como fonte de pracer e de enriquecemento cultural.

3.3. Teatro.

Os contidos deste bloque tratan de presenta-lo texto dramático ós alumnos a ás alumnas non unicamente como texto literario senón como un conxunto de elementos que lle permiten converterse en espec

táculo teatral: texto, técnicas, modos de representación, etc.

Os xoves deben adquirir unha visión da evolución do teatro na literatura contemporánea occidental, pero dentro do seu contexto histórico, pois a escena reflectiu sempre a historia, tanto na súa vertente estética como social.

3.3.1. Contidos conceptuais.

-O drama romántico: Goethe e Víctor Hugo.

-Realismo-naturalismo e grandes innovacións dramáticas.

-O espectáculo teatral a finais do século XX.

3.3.2. Contidos procedementais.

-Lectura de textos significativos desta forma literaria.

-Observación da transcendencia que determinadas obras e autores tiveron para a creación dramática universal.

-Identificación, en exemplos concretos, dos elementos non literarios que converten o texto dramático en espectáculo teatral.

-Análise, a través da comparación de textos de literaturas diferentes, da evolución temática e da técnica teatral.

3.3.3. Contidos actitudinais.

-Valoración do teatro como fonte de pracer e de riqueza cultural.

-Interese por coñece-la complexidade desta forma literaria.

-Respecto polas peculiaridades dunha determinada cultura reflectidas na obra de teatro.

4. Criterios de avaliación.

-Ler textos representativos de distintas literaturas, de diversas épocas e de autoras e autores distintos e situalos no seu contexto histórico e sociocultural.

Trátase de comprobar se os alumnos e as alumnas son quen de comprender e interpretar un texto literario como un feito cultural situado nun marco histórico, social, ideolóxico e estético determinado, para o que deberán aplica-los coñecementos xerais sobre os períodos máis representativos da Literatura Universal Contemporánea no seu contexto histórico e social, sobre os grandes movementos estéticos e sobre autoras e autores determinados, así como saber utilizar e aplica-las fontes bibliográficas adecuadas.

-Analizar textos literarios, reflexionando sobre as distintas formas literarias, sobre os recursos estilísticos e técnicos, e sobre a relación do contido coa forma.

Trátase de avalia-la capacidade dos alumnos e das alumnas para facer un comentario sobre un texto representativo de calquera das formas literarias, no que se poña de relevo as características estructurais, técnicas e de significado, así como a idoneidade

dunha forma literaria para expresar un determinado contido.

-Recoñecer en textos contemporáneos dunha determinada literatura a presencia dunha mesma temática e relacionala coa súa formulación noutras épocas e noutras literaturas, indicando as diferencias existentes.

Este criterio trata de comprobar se o alumnado é consciente da recorrencia de determinados temas ó longo da creación literaria universal e se é quen de explica-las aportacións dunha determinada época a temas e a tópicos literarios. Trátase, ademais, de observar se as alumnas e os alumnos comprenden a Literatura como resultado da conexión e das influencias entre a tradición e a creación persoal de diferentes autores e autoras.

-Relacionar textos das Literaturas Castelá e Galega con outros da Literatura Universal, observando as relacións que existen entre eles e poñendo de manifesto os trazos característicos das culturas castelá e galega.

Este criterio quere comprobar, a través da análise de textos, a capacidade dos alumnos e das alumnas para observa-las influencias mutuas entre as distintas Literaturas e os puntos comúns que reflecten as mesmas preocupacións. Comprobarase, así mesmo, a súa capacidade para capta-la especificidade das culturas castelá e galega.

-Valora-la creación literaria como expresión dos sentimentos e das ideas, individuais e colectivas, e como medio para enriquece-la propia personalidade.

Este criterio ten en conta o desenvolvemento, nos alumnos e nas alumnas, dunha actitude crítica, de interese e respectuosa cara á creación literaria. Esta actitude maniféstase na súa conducta, pero pódese, tamén, observar a través de determinados indicadores concretos: o seu hábito lector, o seu interese pola creación literaria, as súas opinións e xuízos sobre textos literarios, etc.

-Elaborar monografías, reseñas, exposicións orais e outros traballos sinxelos, sobre épocas, movementos estéticos, autoras e autores ou textos de creación.

Este criterio pretende avalia-la capacidade dos alumnos e das alumnas para elaborar sinxelos traballos nos que amosen a súa competencia para a utilización, con criterios persoais, das fontes bibliográficas; para planificar, con certo rigor científico, os seus traballos; e para expresar, a través dunha estructura textual correcta e dunha linguaxe adecuada e rica, as súas ideas, opinións e xuízos. Tamén é importante ter en conta o interese do alumnado por presentar un traballo ben feito.

Literaturas Hispánicas

1. Introducción.

A literatura, como creación estética, traduce unha experiencia humana e di algo acerca dos seres humanos e o mundo. En tanto que expresión de valores

e cosmovisións diferentes, a literatura afírmase como un medio privilexiado de exploración e coñecemento dunha realidade humana íntima, ás veces enmascarada por convencións e hábitos sociais. Por todo isto, a ensinanza da literatura incide no desenvolvemento da sensibilidade artística e na adquisición da capacidade de analizar e valorar criticamente a realidade.

O currículo das Literaturas Hispánicas -materia optativa de 2º curso de Bacharelato na modalidade de Humanidades e Ciencias Sociais- concíbese como un complemento de Lingua Castelá e Literatura e de Lingua Galega e Literatura, materias comúns en tódalas modalidades do Bacharelato. O seu estudio debe permitir, ás alumnas e ós alumnos que a elixan, profundar no coñecemento dos trazos específicos da producción literaria desenvolvida no noso ámbito cultural e amplia-los procedementos propios da literatura en tanto que disciplina, tales como a lectura crítica de obras literarias, a análise e interpretación de textos e a busca de información utilizando as fontes adecuadas. Así mesmo permite a sistematización e o afondamento en contidos compartidos coas dúas materias comúns.

Cronoloxicamente, a materia enmárcase entre a crise finisecular do século XIX e as últimas tendencias do século XX. E isto por dúas razóns. A primeira, porque se considera que o alumnado, tras cursa-la Secundaria Obrigatoria e o primeiro curso de Bacharelato, ten o suficiente coñecemento do noso patrimonio literario como para acceder á rica diversidade de tendencias literarias, á evolución dos xéneros tradicionais e ós profundos cambios na sensibilidade estética que se dan na nosa literatura ó longo da época aquí enmarcada. A segunda, porque a madureza intelectual e afectiva das alumnas e alumnos permite orienta-los seus intereses culturais cara ó coñecemento da creación literaria do pasado máis recente e do seu propio presente.

O concepto do hispánico, no seu senso máis amplo e aplicado ó literario, permite delimita-lo ámbito pluricultural da disciplina. Aínda que o obxecto de estudio fundamental sexa a producción literaria en castelán tanto do Estado español como de Hispanoamérica, prestarase tamén atención ó coñecemento da producción literaria noutras linguas peninsulares (debe terse en conta que a literatura galega está contemplada como materia común no bacharelato e como optativa en 2º curso da modalidade de Humanidades) máis significativa pola súa contribución ó ámbito cultural común, especialmente na segunda metade do século XX.

O estudio da literatura, en tanto que materia independente, permite abordar, como obxectivo básico, a ampliación da competencia literaria do alumnado atendendo ós trazos específicos do feito literario como fenómeno comunicativo: a distancia espacio/temporal e histórico/cultural entre o emisor e os seus receptores potenciais inflúe na recepción e a interpretación do texto literario; interpretación suxeita, por outra parte, ó grao de coñecemento das

convencións literarias (tendencia artística, xénero,...) nas que se insire unha determinada obra; a interrelación con outros textos literarios e non literarios, etc. Desde esta consideración da literatura como actividade comunicativa e instrumento privilexiado para expresa-las complexas relacións dos seres humanos co mundo que os rodea, é posible analizar e recoñece-los factores ideolóxicos, sociais, culturais ou sociolingüísticos que condicionan a producción e recepción dos textos literarios.

A lectura e interpretación de obras literarias, atendendo ó contexto cultural no que se produciron, debe considerarse como eixe da programación. Isto permitirá acceder a outros coñecementos propios da especialización dunha materia optativa: características xerais da literatura no período histórico enmarcado, relacións coa literatura occidental, xeracións e movementos literarios, evolución dos xéneros narrativos, poéticos e teatrais, cambios na concepción do papel social do escritor e da función da literatura, etc.

Como criterios para selecciona-las obras de lectura propóñense os seguintes: valor literario específico dos textos seleccionados, representatividade en relación coas grandes liñas literarias do século XX, inserción nunha tendencia artística relevante e aportación á renovación literaria, valor representativo do xénero, etc. Como último criterio, pero non o menos importante, terase en conta o interese da obra para o lector actual. En relación con este interese e tendo en conta a idade das alumnas e alumnos, a lectura crítica non debe esquece-las posibilidades dunha lectura creadora, de xeito que o alumnado poida aportar tódalas suxestións intelectuais e afectivas que o texto lle provocase, ben mediante o taller de textos literarios, ben mediante a elaboración de breves traballos de investigación que corroboren ou contrasten a súa propia interpretación.

En canto ó número de lecturas durante o curso, é aconsellable que se lean polo menos tres obras da primeira metade do século e tres da segunda metade, tendo en conta ademais a variedade de formas (narrativa, teatro, lírica). Por outra parte, dada a gran riqueza e variedade da producción literaria no período acoutado, pode ser conveniente substituí-la lectura completa de obras significativas pola lectura de antoloxías poéticas, teatrais ou de relatos breves que faciliten un coñecemento e unha valoración máis globais das diversas tendencias e xeracións de autores, así como o contacto cunha panorámica da evolución dos tres grandes xéneros mencionados.

2. Obxectivos xerais.

Como resultado do proceso de ensinanza-aprendizaxe os estudiantes desenvolverán as capacidades ás que aluden os seguintes obxectivos xerais:

-Coñece-las tendencias e movementos estéticos máis representativos e os autores e autoras máis significativos das Literaturas Hispánicas que conformaron a nosa realidade pluricultural actual.

-Ler, analizar e interpretar textos significativos das Literaturas Hispánicas relacionándoos co momento histórico no que foron creados e atendendo ós aspectos socioculturais e literarios máis relevantes.

-Elaborar traballos sobre movementos estéticos, sobre autores ou autoras, sobre obras ou temas relevantes, utilizando as fontes de documentación necesarias e mostrando un interese suficiente pola realización e presentación dun traballo ben feito.

-Comunicar ideas, sentimentos e sensacións propios mediante a elaboración de textos escritos con intención estética ou ben coa finalidade de expresar opinión (reseñas, breves artigos de crítica literaria,...).

-Valora-la creación literaria como expresión de sentimentos, crenzas e inquietudes, individuais e colectivos, como instrumento de coñecemento das nosas culturas e como fonte de enriquecemento persoal.

-Interesarse por coñece-la creación literaria hispánica e respecta-las diferencias culturais reflectidas nos diversos textos lidos.

3. Bloques de contidos.

Os contidos desta materia distribúense en tres bloques que, de acordo coas tres formas literarias (narrativa, poesía e teatro), recollen os coñecementos esenciais para que o alumnado adquira unha visión global das Literaturas Hispánicas ó longo do século XX.

Para que a aprendizaxe dos contidos poida realizarse de forma máis significativa para o alumnado, mediante a secuencia de lecturas e interpretación de textos, atenderase ás relacións de producción e recepción que se establecen entre autor, obra e receptores. Así, en relación co autor teranse en conta os trazos que o caracterizan (personalidade, formación estética) e o mundo social ó que pertence; en relación coa obra, establecerase a súa organización interna e as finalidades literarias e extraliterarias no momento da súa producción; por último, en canto ás condicións de recepción, teranse en conta as canles de difusión e comentaranse as interpretacións sucesivas ás que deu lugar a obra, destacando a importancia do lector como co-partícipe na construcción do significado do texto.

3.1. Narrativa.

Cos contidos que se recollen neste bloque preténdese que o alumnado acade unha visión panorámica da evolución da narrativa hispánica desde a superación do realismo decimonónico ata os nosos días. Interesa mostrar como este panorama narrativo é especialmente complexo debido non só á abundancia de textos, senón tamén á permeabilidade da ficción narrativa para acoller e reflectir técnica e tematicamente os profundos cambios políticos, sociais e culturais que se producen durante este século.

A lectura e o traballo con textos deben facilita-la comprensión de que a pluralidade de tendencias

narrativas responde ó intento de reflectir e interpretar unha realidade moi diversa nun tempo histórico especialmente suxeito a cambios.

3.1.1. Contidos conceptuais.

-Tendencias narrativas desde a fin de século ata 1940: permanencia e renovación do realismo tradicional. A narración formalista e intelectual.

-Tendencias narrativas desde 1940 ata os nosos días. Diversificación das propostas narrativas: realismo social, realismo obxectivo, realismo máxico e realismo experimental. Últimas tendencias: asimilación da renovación formal e eclecticismo.

-Innovacións técnicas e temáticas.

-Renovación dos xéneros narrativos: novela, novela curta e conto.

-Narrativa e medios de difusión. Adaptacións cinematográficas e televisivas.

3.1.2. Contidos procedementais.

-Lectura e interpretación de textos significativos desta forma literaria.

-Identificación, en textos concretos, dos elementos que conforman o relato: modalización narrativa, personaxes, tempo, espacio,...

-Análise, en textos concretos, da relación entre estructuras e recursos literarios e contido.

-Análise, en diferentes textos, da obxectividade ou subxectividade que impregnan a obra literaria, así como da estructura e técnica que a sustentan.

-Utilización, a partir da observación de textos modelo e da súa manipulación, dos elementos que conforman o relato.

-Elaboración de traballos, orais ou escritos, utilizando diversas fontes de documentación.

3.1.3. Contidos actitudinais.

-Respecto pola diversidade da nosa creación narrativa contemporánea.

-Interese por comparti-las opinións persoais sobre os textos lidos e analizados.

-Valoración da lectura como medio para o coñecemento da nosa realidade cultural e como fonte de pracer e enriquecemento persoal.

3.2. Poesía.

Os contidos integrados neste bloque teñen por obxecto que o alumnado adquira unha visión global da renovación da poesía hispánica durante o século XX. É importante que se valore a profunda innovación levada a cabo tanto nos recursos poéticos como nos temas, tratados sempre desde a orixinalidade e individualidade do poeta.

Mediante a lectura e o traballo con textos as alumnas e alumnos deben coñece-las tendencias poéticas máis relevantes e valorar que, como ningunha outra forma literaria, a poesía ofrece diversas interpre

tacións da realidade desde a experiencia intransferible de cada poeta.

3.2.1. Contidos conceptuais.

-Tendencias poéticas desde fin de século ata 1940: simbolismo, impresionismo e modernismo. As vangardas: o surrealismo. A rehumanización da poesía.

-Tendencias poéticas desde 1940 ata os nosos días: do existencialismo e o testemuño social ó culturalismo e experimentación dos últimos trinta anos.

-Innovacións métricas, estilísticas e temáticas fundamentais na renovación poética do século XX.

-As distintas canles de divulgación da poesía. Relacións entre poesía e canción.

3.2.2. Contidos procedementais.

-Lectura e interpretación de textos representativos da poesía hispánica do século XX.

-Identificación, en textos concretos, dos recursos poéticos máis relevantes, ben para a tendencia na que se insiren, ben en relación co autor ou autora ó que pertencen.

-Imitación, con finalidade lúdica e estética, daqueles recursos que poidan resultar máis relevantes para a renovación poética do século XX.

-Emisión de xuízos sobre textos lidos, a través de exposicións orais e escritas.

3.2.3. Contidos actitudinais.

-Valoración da poesía como expresión estética dos sentimentos, ideas e inquietudes do poeta sobre o mundo que o rodea.

-Interese polo coñecemento da poesía hispánica contemporánea na súa rica variedade cultural e estética.

3.3. Teatro.

Os contidos presentados neste bloque permitirán que o alumnado acceda a unha visión de conxunto da evolución do teatro hispánico ó longo do século XX. Nesta evolución adquire especial relevancia a innovación dos elementos que permiten a conversión do texto literario en espectáculo teatral mediante a representación.

Interesa que os xoves comprendan como a dimensión espectacular do teatro dramático, que esixe o contacto directo co espectador, tivo que afrontar durante o século dificultades sociais, económicas e ideolóxicas para a súa posta en escena cando se pretendeu renova-las liñas habituais do teatro convencionalmente establecido.

3.3.1. Contidos conceptuais.

-Tendencias teatrais desde fin de século ata 1940: a consolidación da comedia burguesa e as fórmulas renovadoras do teatro.

-Tendencias teatrais desde 1940 ata os nosos días: o teatro convencional e as propostas de renovación teatral.

-O texto dramático: texto espectacular e texto literario.

-Trazos específicos da situación comunicativa no teatro.

-Canles de difusión: grupos e festivais de teatro. Outros medios.

3.3.2. Contidos procedementais.

-Lectura e interpretación de textos significativos desta forma literaria.

-Identificación, en textos concretos, dos elementos non literarios que converten o texto dramático en espectáculo teatral.

-Análise, a través da comparación de textos dramáticos, da evolución temática e da técnica teatral.

-Dramatización e/ou adaptación, con finalidade lúdica e estética, de breves textos teatrais.

-Elaboración de traballos, orais ou escritos, sobre textos lidos e analizados.

3.3.3. Contidos actitudinais.

-Valoración da especificidade do teatro como medio de comunicación colectiva e como enriquecemento cultural da sociedade.

-Interese por coñece-la complexidade desta forma literaria.

-Respecto polas peculiaridades culturais reflectidas en diversos textos dramáticos.

4. Criterios de avaliación.

-Recoñecer en textos contemporáneos das Literaturas Hispánicas os trazos máis característicos da tendencia e movemento estético ó que pertencen, así como do xénero literario no que se insiren.

Este criterio trata de valorar se as alumnas e alumnos comprenden os cambios producidos na concepción e función da creación literaria durante o período estudiado e a súa relación cos cambios producidos na renovación dos xéneros ó longo do século XX. Así mesmo, este criterio permite comprobar se o alumnado establece a interrelación destes cambios coas condicións de producción e recepción da obra literaria.

-Identificar e situar no seu contexto sociocultural os autores e autoras máis relevantes das Literaturas Hispánicas no século XX.

Este criterio trata de avaliar se as alumnas e alumnos son quen de situar no tempo as figuras literarias máis significativas, relacionando os trazos xerais do contexto sociocultural no que se produciu a súa obra cos trazos individuais que caracterizan estes autores e autoras e valorando a súa aportación ó enriquecemento do patrimonio cultural común.

-Ler e analizar obras literarias significativas, reflexionando sobre os recursos técnicos e temáticos fundamentais para a súa valoración e utilizando un método que permita interpreta-las diversas dimensións da obra literaria.

Este criterio trata de avaliar en que medida o alumnado aprendeu a achegarse criticamente ás obras literarias cun método e unhas técnicas de análise coherentes e razoadas, e se é quen de interrelacionar contido e forma. Ó mesmo tempo, permite valorar se as alumnas e alumnos, partindo da súa experiencia lectora, da bibliografía adecuada e da análise da obra, son capaces de expresa-las súas propias hipóteses e de argumentalas mediante a elaboración de sínteses interpretativas.

-Redactar textos breves con intención lúdica e estética, a partir de modelos, utilizando conscientemente elementos e estructuras propios dos textos literarios e manifestando as propias ideas ou sentimentos.

Este criterio pretende valora-la capacidade das alumnas e alumnos para imitar, presentar e desenvolve-lo proceso de elaboración dun texto con finalidade estética, a partir dos sentimentos ou sensacións suxeridos pola lectura e optando polos recursos retóricos e modelos xenéricos máis adecuados.

-Elaborar traballos breves, reseñas, exposicións orais ou escritas, sobre épocas, movementos literarios, autoras e autores ou textos de creación.

Este criterio permite avalia-la capacidade de alumnas e alumnos para elaborar traballos adecuados ó seu nivel académico nos que mostren a súa competencia para utilizar fontes bibliográficas, para planificar con certo rigor disciplinar os seus propios textos e para expresar, mediante unha estructura textual correcta e unha linguaxe académica adecuada, as súas ideas, opinións e valoracións. É importante tamén ter en conta o interese en presentar un traballo correcto e ben feito.

Métodos Estatísticos e Numéricos

1. Introducción.

A realización de experimentos é unha das actividades que levan a cabo os investigadores para estudiar algún aspecto particular dos fenómenos, construíndo a partir dos datos obtidos un modelo do mesmo. O estudio do modelo creado servirá para facer prediccións sobre o fenómeno e para deseñar novos experimentos con que verificalo, falsalo, simplificalo ou facelo máis complexo. As Matemáticas proporcionan ferramentas para a creación de modelos.

Ás veces é posible definir relacións funcionais entre as magnitudes implicadas, obténdose modelos determinísticos. Pero moitos fenómenos son tan complexos no seu comportamento e interveñen neles tantas magnitudes que é difícil estudialos baixo este punto de vista, sendo máis axeitado o uso de modelos non causais.

A educación científica non pode reducirse a unha interpretación determinista dos sucesos, pois algúns deles parecen ter causas tan afastadas que precisan dos modelos estocásticos para o seu mellor estudio. Pero a estatística descansa sobre a probabilidade, polo que na formulación e no estudio dos modelos estocásticos están presentes os conceptos e teoremas

da probabilidade. Polo tanto, unha educación no pensamento estatístico e probabilístico vén a complementa-la formación científica xeral que os alumnos e as alumnas do Bacharelato de Ciencias da Natureza e da Saúde e do Bacharelato de Tecnoloxía acaden a partir doutras materias.

Ó longo da Educación Obrigatoria foise introducindo ós alumnos e ás alumnas nesta linguaxe para poder cuantificar e interpreta-los elementos de incerteza da nosa linguaxe natural, para adoptar criterios probabilísticos ante a complexidade das situacións cotiás e para interpretar e producir informacións sobre fenómenos utilizando as técnicas da estatística descritiva. Nas Matemáticas dos Bacharelatos de Ciencias da Natureza e da Saúde e de Tecnoloxía, os contidos referidos á estatística e á probabilidade corresponden ó estudio da relación entre dúas variables, ás distribucións binomial e normal e ás probabilidades. Os contidos de estatística e probabilidade seleccionados para esta materia non se solapan cos devanditos, aínda que se apoian neles, ampliándoos nalgúns casos. Así sucede coas series temporais, coa mostraxe e a estatística inferencial e coa probabilidade condicionada, que ademais proporcionan bases para modelar e resolver unha máis ampla gamma de problemas non deterministas.

A complexidade e o nivel de abstracción dos conceptos de probabilidade fan difícil orienta-la ensinanza cara á formalización, polo que é precisa unha metodoloxía experimental coa finalidade de construír intuicións, partindo do estudio de situacións variadas.

Os contidos de cálculo numérico veñen a cubrir unha das parcelas desasistidas na Educación Secundaria. Os métodos numéricos proporcionan modos de resolución de diversos problemas, que non poderían abordarse de maneira simbólica e precisan da calculadora ou do ordenador para a súa realización. A crecente importancia destes métodos vén determinada pola accesibilidade á estas ferramentas por parte dunha gran maioría de profesionais. Hoxe é difícil concibir un científico facendo os seus estudios de carácter numérico sen eses útiles, porque ó descarga-las tarefas tediosas sobre eles, permiten unha maior atención ós aspectos relativos á formulación dos problemas e á interpretación dos resultados. Ademais estes métodos, ó reducir complexos procedementos a operacións aritméticas básicas, constitúen un medio para mellora-la comprensión das matemáticas.

A actividade de resolución de problemas, tan propia das Matemáticas, é imprescindible para lograr unha apropiada capacitación no uso dos recursos referidos á habilidade na comprensión e no emprego de diferentes linguaxes matemáticas; das estratexias xerais ou heurísticas como a formulación, comprobación e rechazo de hipóteses, toma de decisións sobre o proxecto a realizar, etc., e na aplicación de algoritmos particulares que teñan un propósito concreto. Por isto, non deben faltar no desenvolvemento desta materia, aínda que non se expliciten

como contidos concretos de aprendizaxe. Ademais, resolvendo problemas que traten situacións reais, os conceptos e métodos estatísticos e numéricos empregados mostran tanto a súa potencia como a súa relevancia.

O valor formativo dos contidos desta materia concrétase na súa aportación para acada-los obxectivos e finalidades da etapa. O coñecemento dos contidos que se propoñen e dalgunhas das múltiples aplicacións que a estatística ten no mundo biolóxico, físico, social ou político proporciónalles ós estudiantes as bases para abordar algúns estudios posteriores. Así mesmo, cos coñecementos adquiridos a través desta materia pódense analizar diversas situacións cotiás ou as informacións que, revestidas dun formalismo estatístico, aparecen nos diferentes medios, contribuíndo á formación dos alumnos e das alumnas como cidadáns autónomos e con criterio propio, e acercándoos ás técnicas necesarias para acadar un coñecemento máis profundo da complexidade do mundo que nos rodea.

2. Obxectivos xerais.

Como resultado do proceso de ensinanza-aprendizaxe os estudiantes desenvolverán as capacidades ás que aluden os seguintes obxectivos xerais:

-Comprende-los conceptos, procedementos e métodos estatísticos e numéricos que permitan a análise e o modelado de situacións, para adquirir unha formación científica xeral.

-Relaciona-la estatística e a probabilidade coas outras áreas do saber, especialmente cos mundos biolóxico, físico e tecnolóxico, apreciando que o seu carácter interdisciplinar é unha fonte necesaria para o seu desenvolvemento.

-Utiliza-la estatística na toma de decisións, confrontando os puntos de vista deterministas cos estocásticos cunha base racional e obxectiva.

-Levar a cabo investigacións que requiran a elaboración de series de datos e a transcrición a táboas, diagramas e gráficas como un modo de organizalos e de interpretalos, identificando posibles modelos ós que se axusten e formulando novas cuestións.

-Emprega-los coñecementos estatísticos adquiridos para analiza-los datos e informacións que aparecen nos medios de comunicación e noutros ámbitos, sendo sensibles ante a súa utilización incorrecta.

-Utiliza-la linguaxe estatística para interpretar e comunica-la información que poida ser tratada polos seus métodos, valorando a estatística coma unha tecnoloxía de transformación de datos en información significativa.

-Aprecia-la importancia dos métodos estatísticos no intento do home de coñece-lo mundo, valorando as actitudes asociadas a eles como a análise crítica das afirmacións, o cuestionamento das ideas intuitivas, a necesidade de verificación ou a busca dunha medida da incerteza.

-Utiliza-los métodos numéricos na resolución de problemas contextualizados, tendo en conta a precisión requirida de acordo coa situación formulada e valorando a necesidade de verificación e de interpretación dos resultados.

3. Bloques de contidos.

Os métodos estatísticos e numéricos abórdanse, dentro do Bacharelato, ligados ás aplicacións prácticas, que servirán como un paso necesario para a comprensión dos conceptos propios desta materia.

Os contidos preséntanse agrupados en seis bloques: «Mostraxe», «Estatística inferencial», «Probabilidade condicionada», «Series temporais», «Programación lineal» e «Métodos numéricos».

A mostraxe e a estatística inferencial constitúen técnicas imprescindibles para obter coñecemento acerca da natureza por medio de experimentos. As distribucións mostrais, que se basearán na binomial ou na normal, servirán ó propósito de responde-las preguntas sobre a mellor maneira de obter mostras, sobre as conclusións que poden inferise do seu estudio e sobre a garantía que ofrecen. O estudio da probabilidade condicionada compleméntase coas aplicacións das cadeas de Markov. A análise elemental de series de tempo complementa os coñecementos da correlación entre dúas variables.

A inclusión dos contidos de programación lineal obedece á necesidade de inicia-los estudiantes do Bacharelato nunha técnica de optimización de cantidades suxeitas a certas restriccións, moi utilizada na resolución de problemas de diversas áreas científicas.

Algúns modelos dos fenómenos naturales, pola súa complexidade, ou non admiten unha solución analítica exacta, ou precisan para a súa resolución de técnicas matemáticas avanzadas respecto ó nivel do Bacharelato. Unha alternativa a esta situación proporciónana os métodos numéricos cos que obter solucións numéricas aproximadas.

Os bloques de contidos non teñen que corresponderse necesariamente con unidades didácticas. Os profesores concretarán o desenvolvemento dos contidos a través da programación que se fará de acordo co equipo docente do centro, co nivel formativo do alumnado e cos medios educativos á súa disposición, relacionando os contidos dos diferentes bloques e evitando tratalos de forma illada.

3.1. Mostraxe.

O emprego do cálculo de probabilidades por si só non abonda para deducir conclusións sobre feitos concretos dunha poboación. Para obter coñecementos sobre unha poboación dada debemos estudiar mostras da mesma. Neste bloque abórdanse contidos necesarios para poder tomar mostras de maneira que describan axustadamente o carácter da poboación, para describilas de forma útil e clara e para xustifica-las conclusións sobre a poboación a partir do carácter da mostra.

Non é necesario dar xustificacións teóricas xerais ós teoremas sobre os que se basea a mostraxe. É máis importante obte-lo seu significado partindo de exemplos concretos e dar interpretacións dos seus contidos en contextos variados.

3.1.1. Contidos conceptuais.

-Fundamentos probabilísticos. Distribucións de probabilidade.

-Poboación e mostra. Parámetros poboacionais e estatísticos mostrais.

-Mostraxe. Tipos.

-Distribucións mostrais.

3.1.2. Contidos procedementais.

-Obtención de mostras por diversos métodos en problemas contextualizados, representación gráfica e cálculo de estatísticos mostrais.

-Asignación de probabilidades a sucesos usando as táboas das distribucións teóricas ou os datos das distribucións de frecuencias.

-Axuste de distribucións teóricas a distribucións mostrais utilizando diversos medios.

3.1.3. Contidos actitudinais.

-Valoración da importancia da mostraxe como medio para a obtención de conclusións fiables sobre as poboacións.

3.2. Estatística inferencial.

En moitas das actividades humanas deben tomarse decisións ante evidencias incompletas, sobre bases de incerteza. A estatística inferencial ofrece un método para inferir conclusións a partir de mostras, asignándolles unha confianza medible. Neste bloque trátanse contidos relacionados coa estimación de parámetros a partir de mostras e coa teoría da decisión, dándolle resposta ó problema de que é o que se pode coñecer e con que grao de confianza acerca dunha poboación estudiando unha mostra.

Os conceptos nos que se basea a estimación e a inferencia estatística poden presentarse e ilustrarse estudiando só grandes mostras ou poboacións normais.

3.2.1. Contidos conceptuais.

-Estimación puntual e por intervalos.

-Decisións estatísticas. Hipóteses estatísticas. Contraste de hipóteses.

-Errores de tipo I e II. Nivel de significación. Potencia dun contraste. Relacións entre a, b e o tamaño da mostra.

3.2.2. Contidos procedementais.

-Obtención de estimadores puntuais de diversos tipos de parámetros poboacionais.

-Obtención dos límites de confianza de parámetros poboacionais en problemas contextualizados, partindo de diversas distribucións mostrais.

-Formulación das hipóteses nula e alternativa en contrastes de hipóteses.

-Cálculo das rexións de aceptación e rexeitamento e formulación da regra de decisión.

-Realización de experimentos para a toma de decisións estatísticas.

-Análise de informes estatísticos dados en forma de táboa ou gráfica.

3.2.3. Contidos actitudinais.

-Valoración crítica do uso da probabilidade e da estatística nos medios de comunicación.

3.3. Probabilidade condicionada.

Os contidos deste bloque proporcionan a base para aplica-la teoría da probabilidade a sucesións de ensaios dependentes, como os que aparecen moitas veces en medicina, xenética, etc. nos que os acontecementos pasados condicionan as probabilidades presentes. As cadeas de Markov constitúen un modelo para a aplicación de probabilidades condicionadas en campos de estudio moi dispares. O seu estudio deberá facerse a nivel elemental.

3.3.1. Contidos conceptuais.

-Probabilidade condicionada.

-Cadeas de Markov. Distribucións estacionarias. Cadeas absorbentes.

3.3.2. Contidos procedementais.

-Clasificación e identificación dos estados en cadeas de Markov.

-Cálculo das probabilidades dos estados.

3.3.3. Contidos actitudinais.

-Valoración da probabilidade como instrumento que permite interpretar, describir e predicir situacións incertas.

3.4. Series temporais.

O coñecemento que os alumnos e as alumnas teñen da correlación entre dúas variables compleméntase co estudio das series de tempo. As situacións que se presenten deben tratarse tanto cualitativa como cuantitativamente, aínda que neste último caso só se pretende que os alumnos e as alumnas coñezan algún método de cálculo de tendencias e índices. Deberán ser capaces de interpreta-los datos no contexto das situacións formuladas e de facer prediccións.

3.4.1. Contidos conceptuais.

-Series de tempo. Compoñentes.

-Curva de tendencia. Índice estacional. Índices cíclicos. Variación irregular.

3.4.2. Contidos procedementais.

-Recollida, organización e representación de datos cronolóxicos a partir de diversas fontes, identificando cualitativamente as compoñentes.

-Determinación das curvas de tendencia por diversos métodos como o axuste por mínimos cadrados.

-Determinación do índice estacional e de índices cíclicos.

-Análise de series de tempo.

3.4.3. Contidos actitudinais.

-Valoración das técnicas de análise de series cronolóxicas como instrumentos que permiten interpretar, describir e predicir situacións incertas.

-Valoración da incidencia dos medios tecnolóxicos no tratamento e representación gráfica de datos estatísticos que proveñen de diversas fontes.

-Precaución ante a fiabilidade dos datos.

3.5. Programación lineal.

A programación lineal inclúese debido á variedade de problemas de optimización relacionados coas ciencias e coa economía, que poden resolverse empregando os seus métodos. O seu estudio pode circunscribirse ó caso de dúas variables no que é axeitada a interpretación gráfica da resolución. Poderán formularse problemas de tres variables e resolverse por medio do estudio do comportamento da función obxectivo nas solucións factibles.

Prestarase especial atención ó caso no que o problema formulado esixa solucións enteiras.

3.5.1. Contidos conceptuais.

-Desigualdades. Inecuacións lineais.

-Problema estándar de programación lineal. Función obxectivo. Solución factible.

-Problema dual.

3.5.2. Contidos procedementais.

Resolución gráfica de inecuacións lineais.

-Formulación e resolución de problemas de programación lineal bidimensional por métodos gráficos e interpretación das solucións obtidas.

3.5.3. Contidos actitudinais.

-Disposición favorable a incorpora-la programación lineal na resolución de problemas das ciencias.

-Sensibilidade e gusto polo rigor e pola precisión na realización dos cálculos e pola presentación ordenada e clara do proceso seguido e dos resultados obtidos na resolución de problemas.

3.6. Métodos numéricos.

A difusión do uso da calculadora e do ordenador no campo científico e a dispoñibilidade de métodos numéricos ad hoc para a resolución de gran número de problemas fan posible a realización de moitos cálculos con rapidez e exactitude. A utilización da calculadora e do ordenador, se é o caso, será nece

saria para a resolución de problemas por medio dalgúns métodos numéricos. As condicións de converxencia e de estabilidade trataranse cando sexa posible.

Entre os procesos de modelado de situacións das ciencias, son importantes aqueles nos que, a partir de datos concretos, se desexa chegar a un modelo funcional. As técnicas elementais de interpolación polinómica serven ben ó propósito de ilustrar este proceso, poñendo de manifesto a súa potencia á hora de interpreta-los fenómenos e extraer conclusións dos mesmos.

3.6.1. Contidos conceptuais.

-Díxitos significativos. Truncamento e redondeo. Error acumulado. Errores absoluto e relativo.

-Converxencia.

-Métodos de resolución de ecuacións cunha incógnita.

-Métodos de resolución de sistemas lineais.

-Métodos de cálculo de integrais definidas.

-Interpolación polinómica.

3.6.2. Contidos procedementais.

-Resolución de problemas que orixinen ecuacións e sistemas de ecuacións, empregando os métodos numéricos axeitados a cada caso, e interpretación das solucións obtidas.

-Cálculo de superficies mediante métodos numéricos.

-Axuste dos datos extraídos de situacións empíricas a unha función, e obtención de valores non coñecidos utilizando técnicas de interpolación e extrapolación.

3.6.3. Contidos actitudinais.

-Valoración da incidencia dos medios tecnolóxicos na resolución de problemas.

-Valoración da importancia de buscar un plan de resolución de problemas, no que se investigue a posibilidade de utilizar diferentes métodos antes de proceder a aplicar indiscriminadamente as ferramentas matemáticas.

-Sensibilidade e gusto polo rigor e pola precisión na realización dos cálculos e pola presentación ordenada e clara do proceso seguido e dos resultados obtidos na resolución de problemas.

4. Criterios de avaliación.

-Modelar situacións contextualizadas dos mundos científico, tecnolóxico, económico e social, utilizando as cadeas de Markov para estudia-la súa evolución, asignándolles probabilidades ós diferentes estados.

Trátase de comprobar se os alumnos e as alumnas identifican certos fenómenos coas cadeas de Markov, se saben distingui-los seus estados e representalos, e se calculan as probabilidades correspondentes utilizando as operacións con matrices ou outros métodos.

-Tomar decisións ante situacións que se axusten a unha distribución binomial ou normal, por medio da asignación de probabilidades ós sucesos correspondentes.

Preténdese valora-la capacidade dos alumnos e das alumnas para distinguir se diversos fenómenos aleatorios, discretos ou continuos, seguen a distribución binomial ou normal; igualmente, valorarase a soltura no manexo das correspondentes táboas para asignarlles probabilidades ós sucesos, analizándoos e decidindo a opción máis conveniente.

-Planificar e realizar estudios concretos partindo da elaboración de enquisas, selección da mostra e estudio estatístico dos datos obtidos acerca de determinadas características da poboación estudiada para inferir conclusións, asignándolles unha confianza medible.

Por medio deste criterio inténtase poñer de manifesto a capacidade de aplica-los conceptos relacionados coa mostraxe para obter datos estatísticos dunha poboación, e comprobar se os alumnos e as alumnas son capaces de extraer conclusións sobre aspectos determinantes da poboación de partida.

-Analizar de forma crítica informes estatísticos presentes nos medios de comunicación e noutros ámbitos, detectando posibles erros e manipulacións na presentación de determinados datos.

O alumnado ha de mostrar, a través deste criterio, unha actitude crítica ante as informacións que, revestidas dun formalismo estatístico, intentan deforma-la realidade, axustándoa a intereses determinados. Os informes poderán incluír datos en forma de táboa ou gráfica, parámetros obtidos a partir dela, así como posibles interpretacións.

-Analizar e interpretar cuantitativa e cualitativamente series cronolóxicas mediante o estudio das compoñentes que aparecen nelas.

Trátase de valora-la capacidade de descrición e de interpretación global, cualitativa e cuantitativamente, das compoñentes das series de tempo que representan distintos fenómenos científicos ou sociais, cando veñen dadas por unha táboa ou por unha gráfica. Valorarase a competencia para calcular e utiliza-la curva de tendencia e os índices cíclicos e estacionais como modelos matemáticos que permiten realizar prediccións.

-Resolver problemas de optimización extraídos de situacións reais de carácter científico, tecnolóxico, económico e social enunciados na linguaxe natural, traducíndoos á linguaxe alxebraica, utilizando as técnicas de programación lineal e interpretando as solucións obtidas no contexto do que se trate.

Inténtase comprobar con este criterio se os alumnos e as alumnas son capaces de resolver problemas provenientes de diversos campos, utilizando a linguaxe alxebraica con soltura e a programación lineal bidimensional para obte-la solución. Tamén debe valorarse a capacidade de interpreta-los resultados obtidos no contexto do problema formulado.

-Utilizar táboas e gráficas como instrumento para o estudio de situacións empíricas, axustándoas a unha función, e obte-los seus parámetros para adquirir información suplementaria, empregando os métodos de interpolación e extrapolación adecuados.

Con este criterio preténdese comproba-la capacidade dos alumnos e das alumnas para axusta-los datos extraídos dun experimento concreto a unha función, e para obter información suplementaria mediante técnicas numéricas. Comprobarase tamén se o alumnado é capaz de analizar relacións entre variables que non se axusten a ningunha fórmula alxebraica, demostrando competencia no manexo de datos numéricos.

-Utiliza-las técnicas de cálculo numérico na resolución de problemas contextualizados dos campos científico, tecnolóxico ou económico, traducíndoos á linguaxe alxebraica adecuada e estudiando as relacións funcionais que interveñen neles.

Preténdese verificar con este criterio se os estudiantes son capaces de analiza-los problemas e de determina-lo método de cálculo da solución apropiado a cada caso, empregando números aproximados e acoutando o erro que se comete co seu uso. Valorarase a actitude que leva a non toma-lo resultado do cálculo por bo sen contrastalo coa situación de partida.

Música

1. Introducción.

A música forma parte da nosa vida desde o momento en que está presente en moitas das nosas actividades máis cotiás. As diferentes formas en que a música aparece, a influencia que exerce sobre os individuos ou sobre determinados grupos sociais e a importancia crecente de sectores como a industria musical ou o comercio, propiciaron que se desenvolva un progresivo interese polo seu estudio. Se, por outra parte, tense en conta as capacidades que o Bacharelato debe desenvolver nos alumnos e nas alumnas, concluirase que procede formularlles ós estudiantes de Bacharelato unha aproximación á esencia e ó significado da música no mundo actual.

A continua difusión de mensaxes musicais na sociedade dos nosos días esixe dos cidadáns unha capacidade de crítica que só se adquire mediante unha sólida formación musical, non necesariamente profesional. Esta formación ha de contempla-la música desde distintas perspectivas relacionadas entre si, tanto aquelas que fan referencia ás múltiples e variadas funcións tradicionais que desempeñou a música -moitas das cales aínda se manteñen-, como outras que xurdiron nos nosos días. Ademais, a músi

ca, na súa dimensión máis lúdica, constitúe nos centros educativos un importante medio de difusión cultural, que fomenta as relacións interpersoais e a comunicación entre os distintos individuos que forman parte da comunidade educativa.

En consecuencia, esta materia terá como finalidade principal a análise, a comprensión, o goce e a valoración das manifestacións musicais que se producen nos nosos días: desde as que se desenvolven nos núcleos que son máis próximos, como a familia, o centro de estudio ou a comunidade na que vivimos, ata as que son propias de países ou de culturas moi afastadas da nosa.

O enfoque xeral da música no Bacharelato non difire en esencia do enfoque propio de etapas precedentes: a música como percepción, como coñecemento vital no que se asocian as experiencias musicais anteriores coa nova información, a actitude de escoita e de memorización xunto coa predisposición á expresión e á audición, en definitiva, a participación na experiencia da música que o mundo de hoxe en día nos ofrece. O que si marcará unha diferencia coa educación secundaria obrigatoria será o grao de madurez alcanzado polos alumnos e polas alumnas e tamén o feito de tratarse dunha etapa non obrigatoria. Na educación obrigatoria os alumnos e as alumnas adquiriron os coñecementos básicos para comprende-la música (audición, expresión e linguaxe musicais), para poder contextualizalas creacións musicais na historia e para ser capaces de relacionala con outras linguaxes e manifestacións artísticas. No Bacharelato amplíase a capacidade de percepción e de autonomía do alumnado, o que permitirá

abordar con maior profundidade o coñecemento da música.

Partindo do feito musical que acontece no contorno no que nos movemos. Esta materia recolle aspectos históricos, sociolóxicos e estéticos, da linguaxe, da expresión e da audición, tanto de obras do pasado como do presente, establecendo relacións con outras disciplinas. Deste xeito, cantos traballos ou reflexións se fagan sobre manifestacións musicais, obras, autores, etc., partirán de experiencias reais, próximas e inmediatas. Os alumnos e as alumnas deben aprender a valora-la importancia das creacións do seu país e dos estilos máis relevantes, analizando as posibles influencias de músicas foráneas así como a proxección da música galega no exterior, ata chegar ó afondamento no coñecemento da música nas súas distintas vertentes (artística, científica, técnica, etc.), o que enriquecerá ó alumnado en campos específicos afíns ou complementarios ás disciplinas que estea cursando.

O estudio e a análise de obras musicais desde distintos puntos de vista será imprescindible xa que este é un traballo primordial para desenvolve-la sensibilidade do estudiante. Por outra parte, o tratamento que se outorgou á programación debe estar encamiñado a propicia-lo coñecemento a través do pracer estético. Para unir todas estas ideas, debe tenderse a unha programación na que os contidos

conceptuais e a práctica musical estean debidamente equilibrados.

Esta materia pretende atende-las necesidades dos alumnos e das alumnas que, procedentes das distintas modalidades do Bacharelato, queren ter un último contacto sistemático coa música e as daqueles outros que desexan continuar estudios superiores, polo que a súa formulación global non debe afecta-la atención á diversidade de intereses dos alumnos. Por iso as actividades que realicen os estudiantes durante o seu desenvolvemento servirán tanto para consolida-los hábitos, as técnicas e as destrezas relativas ós ámbitos vocal, instrumental e da danza, como para deriva-las demandas que deles se realicen nos distintos momentos da vida escolar. O afianzamento da práctica musical dos alumnos e das alumnas, xa sexa como oíntes e intérpretes afeccionados ou como estudiosos e futuros profesionais da música, favorecerá a súa participación máis completa na sociedade e a valoración da música como unha faceta esencial na vida dos pobos e como medio de comunicación e integración crítica no mundo

actual.

2. Obxectivos xerais.

O desenvolvemento desta materia contribuirá a que as alumnas e os alumnos adquiran as seguintes capacidades:

-Valora-las múltiples manifestacións musicais que se producen na nosa sociedade desde distintos puntos de vista.

-Utilizar un método de análise musical baseado na audición e na investigación, tendo en conta a empatía, a imaxinación e a sensibilidade persoais para coñecer aspectos estilísticos e formais da obra.

-Comprende-lo proceso de creación e de difusión das obras musicais, considerando o papel do compositor, dos intérpretes e dos medios utilizados en cada momento histórico.

-Coñecer e valora-la utilización que se fai da música nos medios audiovisuais, deseñando e levando a cabo experiencias que permitan afondar nas posibilidades expresivas que a música ten nestes medios.

-Percibi-la música como unha manifestación artística inmersa na súa propia historia e, á vez, aberta á innovación, considerando a influencia doutros factores de tipo cultural, económico e político no proceso creativo.

-Contribuír coas súas ideas e experiencias na organización e no desenvolvemento das actividades musicais que se realicen no centro, participando con autonomía e responsabilidade.

-Expresarse por medio da voz, dos instrumentos e da danza, tanto en obras de repertorio como nas improvisacións, poñendo de manifesto a sensibilidade e o gusto persoal.

-Coñecer e utilizar con actitude crítica os principais recursos musicais que ofrece a comunidade (concertos, bibliotecas, bailes,...) como medios para

o lecer durante o tempo de ocio e tamén para o estudio.

3. Bloques de contidos.

Os fundamentos epistemolóxicos e pedagóxicos nos que se basea esta materia, así como o seu carácter recorrente fan que teña unha continuidade respecto da programación de música na ESO. Así, poden apreciarse os mesmos contidos agrupados de forma diferente e coa profundidade e o enfoque que require o bacharelato.

Os bloques que figuran a continuación agrupan de maneira coherente os contidos ós que se fai referencia na introducción e, polo tanto, desde a perspectiva desta materia son complementarios entre si.

Do mesmo xeito que ocorre cos contidos de calquera outra materia, a orde na que aquí se presentan non supón que uns sexan máis importantes ca outros, nin que as unidades didácticas deban facer referencia ós bloques respectando esta orde, senón que, ben ó contrario, unha programación será máis rica e suxestiva cantos máis elementos integre dos distintos bloques. De igual maneira, os tres tipos de contidos son igualmente importantes, aínda que en ningún caso debemos esquecer que, debido ás características da música, unha vía adecuada de aborda-los contidos é a procedemental, e que os contidos conceptuais e actitudinais pódense traballar seguindo a pauta que suxira a organización dos procedementos.

Para satisface-las demandas desde cada modalidade de bacharelato e responder ós intereses dos alumnos e das alumnas, poden orientarse determinados aspectos da programación cara a ámbitos próximos á modalidade que en cada caso se estea cursando: literatura, arte, historia, tecnoloxía,..., mantendo, en todo caso, a esencia dos núcleos temáticos no seu conxunto.

3.1. A música cotiá.

A música está presente en moitísimos momentos da nosa vida cotiá, desempeñando as máis variadas funcións. Basta que repasemos con atención a nosa actividade diaria para darnos conta de isto (a radioespertador; a música ambiental que está en case todas partes: supermercados, grandes almacéns, bancos,..., a que soa no teléfono cando chamamos a determinados sitios, no ascensor dalgúns edificios, nos bares producida polas máquinas tragaperras; a dos anuncios, documentais, películas e a maior parte dos programas que se emiten por televisión, ou que se proxectan no cine e noutros espectáculos; a que soa no autocar, o tren, etc.). O amplísimo campo de sensacións, que a súa escoita -moitas veces en contra da nosa vontadenos proporciona, esténdese desde o molesto ruído que a cidade incorpora á súa alta contaminación sonora, ata a fonte dos sentimentos e praceres máis depurados que podemos sentir.

Ademais, todo este mundo sonoro que nos rodea non é claramente homoxéneo nas súas características, polo que unha reflexión, que se debe formular

na aula, xiraría en torno á pluralidade da música que escoitamos e, incluso, á validez da utilización do termo «músicas» para designar de maneira máis axustada a idea que aquí tratamos.

Os contidos que se agrupan neste núcleo deben propiciar, polo tanto, un traballo que se enfocará cara á consecución dun mellor entendemento do papel que a música desempeña na nosa sociedade, tratando de afondar no senso que ten a utilización da música en determinados momentos e circunstancias.

3.1.1. Contidos conceptuais.

-A música na vida cotiá. Diversidade de lugares e situacións.

-Música de fondo. Fío musical e músicas ambientais.

-A música nos espectáculos e cerimonias. Definición. Clasificación. Funcións.

-A música nos medios audiovisuais. Características de cada medio. Funcións. Interacción entre a imaxe e o son.

-Manifestacións e referencias visuais da música. Partituras. Instrumentos musicais. Imaxes e símbolos nas artes plásticas. Portadas e material gráfico que acompañan os discos e outros tipos de gravacións.

3.1.2. Contidos procedementais.

-Análise dos espectáculos e cerimonias públicas nos que está presente a música, atendendo á finalidade do espectáculo, ó lugar, ó estilo de música e á participación dos espectadores.

-Reflexión acerca da expresión musical na nosa vida: actividade privada, persoal, familiar, de relación con amigos, no instituto, etc., e o estilo de música para cada situación.

-Planificación e realización dun traballo de investigación relativo ós estilos de música de fondo utilizados en distintas situacións: traballo mecánico, ocio, estudio, comercio, etc.

-Análise dos distintos medios audiovisuais (radio, televisión, vídeo, ordenador, etc.) para coñecer e analiza-lo uso que se fai da música neles.

-Producción dun pequeno traballo audiovisual en grupo, no que algún dos elementos que o compón sexa orixinal do grupo.

-Busca de imaxes que aparecen en determinados productos comerciais e que están relacionadas coa música. Comparación dunhas coas outras e elaboración de comentarios.

-Indagación en torno ós recursos musicais que ofrece a nosa comunidade.

3.1.3. Contidos actitudinais.

-Interese por coñecer e respecta-las normas que rexen o comportamento dos espectadores nos distintos espectáculos musicais.

-Valoración da vida musical do contorno. Variedade, calidade, participación dos cidadáns.

-Interese polo coñecemento analítico dos medios audiovisuais máis alá do simple uso.

-Actitude creativa na manipulación e na elaboración do traballo audiovisual.

-Interese por reflexionar acerca da participación musical dos individuos na sociedade: familia, instituto e outros lugares.

3.2. Creación e difusión da música.

Para que o feito da creación musical se realice na súa totalidade precisa o concurso dunha serie de elementos, alleos ó propio compositor, que lle confiren unha gran complexidade e que deben ser tidos en conta para unha mellor comprensión de nosa materia. O máis evidente é o intérprete, designando así tanto o solista como a agrupación máis o menos numerosa que fai que soe a música, mais non debemos esquecer todo o que o rodea: a edición, distribución e venda da partitura, a sala ou local do concerto no que se vai face-la música (lémbrese que se pode encontrar desde unha pequena sala de cámara ou un discreto café, ata un estadio de fútbol ou un gran terreo ó aire libre), a publicidade, a crítica e un largo etcétera de condicionantes que existen nos nosos días e que, mal que pese nalgúns casos, son os que, dunha ou doutra maneira, fan que o son da música chegue ata nós.

Evidentemente, a asistencia a concertos de diverso tipo, xunto co desenvolvemento de tódolos traballos que rodean unha actividade deste carácter, será imprescindible para chegar a consegue-los obxectivos propostos.

Neste bloque, polo tanto, incluiranse todos aqueles contidos que permitan unha aproximación ó complexo mundo da música que esbozamos anteriormente, tendo en conta que será interesante tanto a reflexión sobre o que ocorre nos nosos días nos distintos campos da música, como a indagación sobre o que ocorreu noutros momentos da historia.

3.2.1. Contidos conceptuais.

-A profesión de músico: compositores, arreglistas, intérpretes (cantantes, instrumentistas e directores), profesores.

-A fabricación de instrumentos. A construcción de instrumentos de tradición local. Os talleres artesanais e a industria. A electrónica e a informática.

-A edición de partituras. A gravación de música. A comercialización de productos musicais.

-O lugar do concerto. Escenarios musicais: edificios e locais tradicionais. Espacios ó aire libre destinados ocasionalmente á celebración de concertos. Visibilidade e acústica.

-A programación e a organización de concertos. Institucións públicas e privadas. A programación de música en emisoras de radio e televisión locais.

-A crítica como medio de información, análise e valoración do feito musical.

3.2.2. Contidos procedementais.

-Reflexión documentada acerca das distintas actividades profesionais que require a creación e a difusión da música.

-Realización dun traballo de investigación sobre a construcción ou a restauración dalgún instrumento de tradición local.

-Manexo de diversos textos musicais (manuscritos e impresos) para coñece-la súa importancia na difusión da música no pasado e no presente.

-Observación da arquitectura das salas e dos lugares do concerto, en canto ás súas calidades acústicas, de visibilidade e tamén á súa estética.

-Análise comparativa das programacións de música en distintas emisoras de radio e de televisión, identificando a súa idoneidade.

-Elaboración de críticas de actividades musicais ás que se ten asistido. Utilización dun vocabulario musical apropiado e comparación posterior coas que aparezan nos medios de comunicación.

3.2.3. Contidos actitudinais.

-Valoración das distintas profesións de músico, independentemente da fama e da súa consideración social.

-Curiosidade por coñece-lo proceso de construcción artesanal dos instrumentos.

-Interese por coñece-las posibilidades musicais das novas tecnoloxías.

-Aprecio pola partitura como recurso para a difusión da música.

-Actitude crítica ante a programación de música nos medios de comunicación e a aceptación do público.

-Interese pola observación das calidades acústicas e da visibilidade dos locais e salas de concerto, e respecto polas normas de intensidade sonora para non perturbar con mensaxes non desexadas.

3.3. A obra musical.

Neste bloque aparecen os contidos relacionados co afondamento no coñecemento da obra musical: aspectos que se derivan da utilización dunha determinada linguaxe e que están relacionados cos trazos que caracterizan un estilo, unha época ou un autor.

Deberase establecer unha conexión entre dúas realidades separadas no tempo o no espacio: por unha parte, a obra, o seu autor e o contexto xeográfico

e histórico no que se produciu, e por outra o oínte actual. Este traballo levarase a cabo con creacións dispares entre si para conseguir que o alumnado se acerque a feitos e a situacións musicais que en principio lle sexan alleas, xa se trate de obras do presente ou do pasado.

Un procedemento apropiado de traballo é a análise e esta realizarase principalmente a través da audición. Estudiaranse os textos musicais desde unha perspectiva que lle permita ó alumnado unha mellor comprensión da obra e que o capacite para unha valoración adecuada. Teranse en conta, tanto os aspectos formais da obra como aqueles que se refiren ó mundo das sensacións e dos sentimentos, de forma que se consiga unha percepción da obra que sexa o máis global posible. Non se debe esquece-lo feito de que canto mellor coñezamos unha obra máis poderemos gozar dela.

3.3.1. Contidos conceptuais.

-O compositor e o seu tempo. Época, lugar e contorno xeográfico. Relación coas correntes artísticas, filosóficas, etc. da súa época.

-O compositor e a súa obra. Estructura organizativa: textura, motivos, temas, etc. Texto.

-A obra musical como proposta de comunicación entre o compositor e o público. O papel do intérprete.

3.3.2. Contidos procedementais.

-Audición global de obras representativas.

-Análise dalgunha obra mediante a audición. Recoñecemento dos elementos constitutivos e da súa estructura. Identificación dos trazos característicos do estilo e do autor.

-Utilización de partituras e doutros recursos musicais que faciliten a comprensión da forma, o estilo da obra, etc.

-Lectura e comentario de textos significativos referentes a obras e a autores estudiados ou traballados.

-Utilización de diversas fontes de documentación para a elaboración de traballos, nos que se estableza unha relación entre determinadas obras musicais (o seu autor, o marco no que se produciu, etc.) e a súa presencia na vida musical actual.

-Interpretación de pezas, fragmentos ou versións adaptadas de obras que fomenten a creatividade e faciliten a súa comprensión.

3.3.3. Contidos actitudinais.

-Interese por afondar no coñecemento das composicións musicais de distintos estilos.

-Interese pola participación activa nos comentarios e traballos relativos á análise da música.

-Sensibilidade ante as obras e autores que constitúen o noso patrimonio musical.

-Valoración dos distintos sentimentos e ideas que suscitan na nosa sociedade as obras do pasado e do presente.

3.4. Práctica musical.

En ningún momento se pode esquecer que os alumnos e as alumnas de bacharelato están nunha idade na que a música, ou mellor dito «algún tipo de música», está presente de maneira importantísima na súa vida e que para eles o concepto «música» encerra un significado intimamente relacionado co lúdico. Ademais, debido á aprendizaxe realizada na ensinanza obrigatoria, os nosos alumnos e alumnas deben saber tocar, en maior ou menor grao, determinados instrumentos musicais, están familiarizados co canto e co movemento e os rapaces xa cambiaron a voz; é dicir, por un lado hai motivación e polo outro posibilidade real de facer música na aula. Por iso, a práctica musical será un contido necesario.

Debemos ter en conta tamén que non soamente a interpretación de determinadas obras musicais debe ser unha materia de traballo na clase, senón que o alumnado pode colaborar, sendo un protagonista importante, noutras actividades que se organicen, nas que a música teña un papel destacado. A promoción e a organización de concertos no propio centro, de forma que o estudiante participe de maneira activa en todo o que unha montaxe deste tipo conleva (preparación e confección do programa, elaboración de carteis publicitarios, preparación do local, etc.), colaborará de maneira decisiva na súa formación.

Por outra parte, neste núcleo inclúense non só os contidos relacionados coa expresión musical, senón tamén aqueles de carácter reflexivo e analítico que serán unha consecuencia do traballo co material sonoro e da propia práctica musical.

3.4.1. Contidos conceptuais.

-A expresión musical e a comunicación.

-Posibilidades expresivas da voz. O repertorio vocal. Cancións a unha e a varias voces con e sen acompañamento instrumental. O solista e os coros. O texto e a música.

-Recursos para a instrumentación de pezas. Acompañamentos. Variedade tímbrica dos instrumentos e posibilidades expresivas.

-O corpo como emisor de mensaxes. A danza como medio de comunicación.

-A improvisación vocal, instrumental e de movemento como recurso creativo.

3.4.2. Contidos procedementais.

-Utilización de recursos como relaxación, respiración natural e emisión da voz para a expresión vocal.

-Práctica dun repertorio vocal a unha e a varias voces, clásico e moderno.

-Aplicación de destrezas instrumentais (guitarra, láminas, teclados e outros instrumentos) para interpretar determinadas pezas e para realizar acompañamentos.

-Adquisición dun repertorio de danzas mediante a aprendizaxe de novos pasos e coreografías.

-Utilización de distintos recursos para a improvisación musical. Invención de música para un texto e viceversa, sonorizacións seguindo pautas extramusicais e invención de coreografías para unha música determinada.

-Participación na montaxe de concertos e doutras actividades que requiran música.

3.4.3. Contidos actitudinais.

-Actitude positiva na aprendizaxe das distintas actividades de expresión.

-Aceptación das normas que rexen o traballo expresivo en grupo.

-Valoración da improvisación como un medio rico de expresión musical.

-Interese pola adquisición dun repertorio como medio de enriquecemento da cultura musical.

-Interese pola autonomía e responsabilidade nas montaxes de concertos e doutras actividades.

-Interese pola aprendizaxe e pola mellora dos recursos expresivos.

4. Criterios de avaliación.

-Distinguir algunhas das finalidades para as que a nosa sociedade utiliza a música, tendo en conta diversos factores que interveñen: artísticos, culturais, económicos, políticos, etc.

Preténdese comprobar se os alumnos e as alumnas son capaces de observa-las múltiples manifestacións musicais que se producen na nosa sociedade, e analiza-la relación que existe entre o fin que cada unha delas persegue, os medios empregados para a súa realización, os resultados obtidos e a implicación de diversos factores extramusicais (consumo, propaganda, saúde, etc.).

-Comentar e avalia-los efectos que pode produci-la música no individuo, considerando aspectos psicolóxicos, sociais e a súa propia experiencia musical.

Trátase de saber valora-las consecuencias da presencia masiva da música na nosa vida, diferenciar como ante unha mesma situación a música produce efectos diferentes en cada persoa (agrado, rechazo, distracción, concentración, irritabilidade, relaxación, etc.). Para isto considerarase a situación psicolóxica do oínte, os seus coñecementos musicais

previos, o ambiente no que se produce (traballo, ocio, comercio, sala de concertos, etc.) e especialmente a súa actitude de desexo, rechazo ou indiferencia cara ó feito de escoitar unha música determinada nun momento concreto. Para poder emitir xuízos terase en conta tanto a propia experiencia como a allea.

-Aplica-los procedementos de audición e de investigación musicais para analizar obras, atendendo ás súas características formais, ós seus trazos estilísticos máis significativos e á súa relación con outras manifestacións artísticas do momento.

Entre os factores que hai que ter en conta ó avaliar están o coñecemento das obras, derivado do seu estudio fragmentario por medio de sucesivas audicións, o comentario de partituras e de textos que debe ter como resultado, non só identificar elementos musicais ou facer clasificacións estilísticas, senón tamén ter unha visión global da obra, aplicando o coñecemento que se posúe doutras pezas musicais de características similares, e por último a localización da obra na arte no seu tempo, mediante apreciacións que inclúan a música, a literatura e as artes plásticas.

-Defini-las principais funcións dos músicos na sociedade actual, comparando a súa situación e consideración no presente coa que tiñan no pasado ou coa que teñen noutras culturas.

Este criterio debe servir para comproba-lo coñecemento que teñen os alumnos e as alumnas da profesión de músico, especialmente dos compositores e intérpretes, mais tamén doutros profesionais que fan posible a experiencia da música. O factor de difusión da música e dos que interveñen neste proceso debe considerarse con independencia dos valores estéticos da obra. Tamén se debe ter en conta o grao de consideración que lle outorga cada sociedade ó músico, sen confundilo co aprecio e coa necesidade que sente a sociedade pola música.

-Utiliza-los recursos musicais adquiridos para intervir na aula e nas actividades con compoñentes musicais que se realicen no centro (concertos, montaxes audiovisuais, teatro, etc.).

Preténdese verificar que os alumnos e as alumnas siguen utilizando os seus recursos e habilidades expresivas, adquiridos nos seus anteriores estudios no campo vocal, instrumental e da danza, e tamén o seu repertorio para intervir en tódalas situacións académicas que o requiran e completa-la visión que o alumnado debe ter da música dos nosos días.

-Distingui-los elementos que interveñen nos procesos de creación e de realización musical (concertos, gravacións musicais, produccións audiovisuais, etc.) e as diferentes fases de que constan, considerando a participación dos distintos profesionais e valorando o resultado final.

Os alumnos e as alumnas deberán mostrar que coñecen que a elaboración dun disco, a interpretación dun concerto ou a realización dun programa de radio ou televisión requiren unha planificación e unha organización complexas e precisas, nas que interveñen institucións e empresas diversas e equipos de persoal cualificado. A valoración do resultado final farase tendo en conta todo o dito anteriormente.

-Avalia-las calidades acústicas e visuais daqueles locais nos que se interpreta e difunde música e que lle son familiares ó alumnado.

Con este criterio preténdese comproba-los coñecementos que os alumnos e as alumnas teñen sobre as calidades acústicas e visuais óptimas, que deben existir nos distintos lugares nos que se produce e transmite a música (salas de concerto, teatros, discotecas, espacios ó aire libre, lugares privados, etc.), e recoñece-la necesidade de que tódolos lugares reúnan unhas condicións idóneas de illamento para non recibir interferencias de espacios lindantes e, á súa vez, non perturbar con mensaxes non desexadas.

-Utiliza-los distintos medios de documentación musical (partituras, gravacións discográficas e audiovisuais, libros, revistas, etc.) para a análise, comprensión, goce e valoración da música.

Este criterio serve para comproba-las destrezas do alumnado no manexo dos medios de coñecemento musical ó seu alcance: a escoita significativa da música gravada, a lectura e o comentario de partituras, o emprego das fontes escritas e plásticas, etc. Todo isto irá encamiñado a que o alumno e a alumna manifesten as súas preferencias, sensacións e xuízos acerca da música. Os comentarios deberán facerse utilizando a terminoloxía apropiada.

-Participar na planificación, organización, montaxe e difusión dos actos musicais que se celebren no centro.

A autonomía dos alumnos e das alumnas destas idades e os seus coñecementos musicais deben permitirlles facer do centro e do seu contorno lugares gratos, nos que poder practicar e gozar coa música. Concretamente pídese que coñezan as posibilidades que ofrece o centro e o contorno para organizar montaxes musicais, recitais e concertos, que os valoren e saiban aproveitalos, que busquen solucións ós problemas ou ás necesidades que xurdan, intervindo nas distintas fases e realizando diversos traballos.

Segunda Lingua Estranxeira

1. Introducción.

A pluralidade dos mecanismos e armazóns internos con que se constrúe a realidade colócanos nun mundo progresivamente máis complexo e ante un modo de existir social que se plasma nas modernas formas de comunicación. Facilitar ós alumnos e ás alumnas a comprensión desta realidade e a interacción con ela é un obxectivo prioritario do Bacharelato. Esta interacción pode realizarse de varias formas, entre as que a linguaxe, como factor clave das relacións entre os seres humanos, é a máis destacable.

As linguas son un instrumento de comunicación intimamente relacionado coas estructuras e valores das sociedades que as utilizan como medio de expresión. Polo tanto, o estudio da Segunda Lingua

Estranxeira permitirá tanto a aproximación a novas realidades culturais coma as relacións entre diferentes culturas en ámbitos académicos, científicos, humanísticos e da vida cotiá. Neste sentido, a aprendizaxe dunha nova lingua ha de proporcionar ós alumnos e ás alumnas un instrumento de comunicación útil para participar en situacións cotiás diversas, e ha de facilitarlle-lo achegamento a distintos contidos informativos.

Así, o carácter social e instrumental das linguas e a súa dimensión comunicativa son factores determinantes á hora de planifica-lo currículo. Os alumnos e as alumnas deberán desenvolver unha competencia comunicativa básica que lles permita participar en situacións de comunicación, orais e escritas, propias da vida cotiá e acordes coa súa idade, necesidades e intereses. O seu desenvolvemento supón facilitarlles o progreso en tódalas competencias que a integran: a competencia lingüística permitirá o recoñecemento e emprego do léxico, da fonética e das regras gramaticais, valorando a súa importancia na comunicación; a competencia sociolingüística axudará a utilizar aqueles hábitos e conductas propios da lingua estranxeira para participar con adecuación e idoneidade nas distintas situacións de comunicación; a competencia discursiva contribuirá a unha mellor utilización dos elementos que dan cohesión ó discurso ó mesmo tempo que permitirá adentrarse no recoñecemento da coherencia interna

do mesmo; e por último, a competencia estratéxica axudará a resolve-los problemas de comunicación de maneira cada vez máis espontánea. Polo tanto, a aprendizaxe da lingua deberá entenderse non só como o estudio do código senón fundamentalmente como a capacitación para o emprego do mesmo en situacións de comunicación.

Os distintos contidos seleccionados proporcionarán tamén ós alumnos e ás alumnas a posibilidade de acceder, de maneira satisfactoria, á comprensión de textos orais e escritos de distinto tipo e que máis se adecúen ás súas necesidades e intereses actuais e futuros. Xa que a lectura comprensiva será posiblemente unha das destrezas que máis precisen utilizar na súa vida académica ou profesional futura, é necesario incidir no uso consciente de estratexias e técnicas de lectura que lles faciliten o acceso a diferentes textos. Para a súa selección teranse en conta tanto aqueles que traten temas actuais de carácter xeral (textos informativos, periodísticos ou literarios), coma outros máis específicos (revistas especializadas, libros científicos, etc.) relacionados coas diferentes modalidades do bacharelato. Ademais, a crecente presencia e expansión dos medios de comunicación en distintas linguas aconsella unha aproximación comprensiva e crítica ás informacións que transmiten; os alumnos e

as alumnas traballarán contidos que desenvolvan a súa capacidade de escoita comprensiva e que lles axuden a un adecuado acceso e utilización dos mesmos. A familiarización co seu uso contribuirá a perfecciona-la lingua en situacións de aula e permitirá ademais continua-lo

contacto autónomo con ela en situacións extraescolares.

A autonomía na aprendizaxe é un obxectivo primordial desta etapa, polo que os contidos da Segunda Lingua Estranxeira deben proporcionar ós alumnos e ás alumnas oportunidades de adquirir e utilizar estratexias nesa lingua, ó mesmo tempo que consolidan outras xa adquiridas en aprendizaxes previas. O desenvolvemento de estratexias persoais á hora de afrontar novos contidos e de planificar e avalia-la súa propia aprendizaxe permitiralles avanzar nas súas adquisicións en relación coa lingua estranxeira tanto nun contexto académico coma extra-académico.

A experiencia didáctica na aprendizaxe das linguas estranxeiras mostra que as actividades de clase deben formar un continuo que ha de ir desde aquelas que serven para facilita-la toma de contacto con novos contidos ata as que permiten un emprego máis creativo da linguaxe. En cada unha das fases deste proceso deben deseñarse actividades variadas que sirvan á diversidade de estilos de aprendizaxe dos alumnos e das alumnas e que faciliten a progresión na aprendizaxe de todos eles segundo os seus ritmos e capacidades, tendo en conta que na selección de actividades será o grao de complexidade da tarefa e non a complexidade da lingua o que haberá de adecuarse ó nivel dos alumnos e das alumnas. A duración das actividades, a organización da clase en canto a agrupamentos e distribución do espacio, e o tipo de interacción teñen que ser variables, dinámicas e flexibles de acordo co tipo de contido e coas características dos alumnos e das alumnas. Na avaliación do progreso da competencia

comunicativa teñen un papel fundamental as actividades e produccións de clase así como a interacción dos alumnos e das alumnas na aula xa que facilitan información inmediata e continua sobre o seu progreso e ó profesor sobre a validez da metodoloxía empregada.

2. Obxectivos xerais.

A Segunda Lingua Estranxeira ha de contribuír a que as alumnas e os alumnos desenvolvan as seguintes capacidades:

-Comprende-la información global e aquelas informacións específicas previamente requiridas en textos orais, relativos ás situacións habituais de comunicación ou relacionados cos ámbitos específicos de estudio, procedentes dos medios de comunicación audiovisual ou emitidos cara a cara, apoiándose en claves lingüísticas e non lingüísticas.

-Comprende-las informacións de carácter xeral e específico contidas en textos escritos que presenten distintas estructuras organizativas, desenvolvendo estratexias persoais que lles axuden a acceder á información.

-Participar en situacións habituais de comunicación utilizando, de forma oral e escrita, a lingua estranxeira co fin de satisfacer necesidades básicas, atendendo ás normas da comunicación interpersoal

e mostrando interese por comprender e facerse comprender.

-Ler de maneira autónoma e extensiva libros curtos e sinxelos que traten temas próximos ás súas necesidades e intereses.

-Reflexionar sobre o funcionamento da lingua estranxeira na comunicación como forma de mellora-la participación en intercambios comunicativos e a comprensión dos textos.

-Recoñece-lo valor das convencións socioculturais, lingüísticas e non lingüísticas, propias da lingua estranxeira para a comprensión das mensaxes e utilizalas para facer que a comunicación sexa máis eficaz.

-Utilizar estratexias que axuden a mellora-la comunicación e a controla-la propia aprendizaxe, aplicando á aprendizaxe da segunda lingua estranxeira as estratexias adquiridas nas outras linguas do currículo.

3. Bloques de contidos.

Os contidos xerais da materia preséntanse divididos en catro bloques nos que se relacionan os tres tipos de contidos: conceptuais, procedementais e actitudinais. Esta presentación en bloques non debe impedir un tratamento integrado dos contidos xa que existe unha evidente interrelación entre eles que deberá manifestarse no desenvolvemento curricular da materia.

Para a definición dos bloques mantense a estructura empregada na etapa de Secundaria Obrigatoria, que coincide tamén coa da primeira lingua xa que a concepción desta e da súa aprendizaxe son comúns; a diferencia estará nun menor afondamento nalgúns dos contidos e no grao de fluidez e corrección na comunicación, que será tamén menor.

En canto ó contido e á orde de presentación dos distintos bloques, os dous primeiros tratan aspectos relacionados coa comprensión e o uso da lingua oral e escrita respectivamente e, aínda que se presentan por separado, comparten contidos que deben abordarse conxuntamente. O terceiro está relacionado co estudio da lingua como sistema e o seu valor na producción e comprensión de discursos así como coa regulación do propio proceso de aprendizaxe, polo que se inclúen tamén contidos que favorezan a progresiva autonomía dos alumnos e das alumnas. O último bloque trata os contidos relacionados coa realidade transmitida pola lingua estranxeira.

3.1. Comunicación oral.

Os contidos presentados neste bloque pretenden que os alumnos e as alumnas alcancen unha certa fluidez no uso da lingua oral que lles permita manter intercambios comunicativos en situacións de comunicación habituais; igualmente pretenden fomenta-la capacidade de aplica-los coñecementos e habilidades adquiridos a novas situacións sendo capaces de negocia-lo significado e facer fronte ó imprevisto. Ademais, cos contidos abordados neste bloque téntase que o alumno e a alumna adquiran práctica

na comprensión de mensaxes orais procedentes dos medios de comunicación e no desenvolvemento de estratexias que lles permitan continua-lo acceso a textos orais unha vez rematados os seus estudios.

3.1.1. Contidos conceptuais.

-Situacións de comunicación oral propias da vida cotiá e académica e as derivadas das actividades de aprendizaxe.

-Léxico, activo e pasivo, relativo a situacións básicas de comunicación e a temas relacionados con outras áreas do currículo.

-Aspectos funcionais (intención comunicativa): interacción social cotiá, informar, describir, narrar, explicar, etc.

-Intercambios orais planificados e non planificados. Características.

-Normas que rexen a comprensión de textos orais de carácter narrativo, descriptivo, instruccional e expositivo.

3.1.2. Contidos procedementais.

-Comprensión global e específica de textos orais propios da comunicación interpersoal ou habituais na vida cotiá procedentes de diversas fontes (profesor, compañeiros, radio, televisión, etc.).

-Identificación da información relevante en mensaxes orais procedentes dos medios de comunicación como forma de acceder a unha mellor comprensión e interpretación.

-Participación activa en intercambios comunicativos orais producindo mensaxes comprensibles e adecuadas á situación de comunicación.

-Utilización de estratexias lingüísticas e non lingüísticas que facilitan a interacción e que axudan a participar na conversación e a mante-la comunicación.

-Utilización de estratexias lingüísticas e non lingüísticas que axudan á comprensión dos textos.

3.1.3. Contidos actitudinais.

-Valoración da capacidade de expresarse oralmente na lingua estranxeira para satisfacer necesidades de comunicación e como medio de entendemento entre as persoas.

-Interese polo enriquecemento persoal e profesional que supón o acceso á información na lingua estranxeira.

-Valoración da capacidade de comprender un texto oral sen ter que comprender tódolos seus elementos.

3.2. Comunicación escrita.

Neste bloque abórdanse contidos relacionados coa comprensión e o uso da lingua escrita. Os contidos deste bloque tratan de potencia-lo desenvolvemento da capacidade lectora dos alumnos e das alumnas ofrecéndolles un instrumento que lles permita mellora-las súas aprendizaxes futuras tanto en relación coa aprendizaxe da lingua coma con estudios actuais e posteriores de carácter máis específico. Con respecto á expresión, trátase de que os alumnos e as alumnas se familiaricen coa elaboración de textos sinxelos que lles permitan participar en situacións de interacción cotiá e nas que se desprenden das actividades de aprendizaxe; deberase prestar atención ó aprecio e rigor na corrección formal como maneira de mellora-la comprensibilidade dos textos.

3.2.1. Contidos conceptuais.

-Situacións da comunicación escrita máis habituais na lingua estranxeira e outras relacionadas con actividades de aprendizaxe.

-Léxico activo e pasivo relativo ás diversas situacións de comunicación e a estudios específicos.

-Aspectos funcionais (intención comunicativa): describir, narrar, resumir, comentar, explicar, etc.

-Principios e características máis relevantes do discurso escrito. Elementos de cohesión e coherencia.

-Normas que facilitan a comprensión de textos escritos de carácter narrativo, descriptivo e expositivo.

3.2.2. Contidos procedementais.

-Comprensión global de textos escritos de utilidade na vida cotiá (cartas, folletos notas, etc.) ou relacionados coas actividades de clase (instruccións, comentarios ós traballos, avisos, etc.).

-Comprensión global e extracción de informacións específicas previamente requiridas de textos dos medios de comunicación de carácter xeral (artigos de revistas e periódicos, anuncios, etc.) ou relacionados cos estudios específicos, coa axuda do diccionario.

-Producción de mensaxes escritas sinxelas e comprensibles co fin de satisfacer necesidades persoais de comunicación.

-Utilización de estratexias lingüísticas e non lingüísticas que axudan á comprensión e á elaboración de textos escritos.

-Lectura extensiva de textos curtos de carácter xeral ou específico seguindo a liña argumental.

-Lectura intensiva de textos de carácter xeral ou específico distinguindo entre datos e opinións.

3.2.3. Contidos actitudinais.

-Interese cara ás ideas expresadas en textos escritos na lingua estranxeira.

-Valoración da lectura autónoma de textos como fonte de información, para adquirir coñecementos e como medio de pracer persoal.

-Interese por participar en intercambios comunicativos escritos mostrando aprecio pola corrección como medio de facilita-la comprensión das mensaxes.

-Valoración da capacidade de supera-las propias limitacións sacando o máximo partido dos recursos dispoñibles.

-Interese por comprender globalmente un texto escrito aínda que non se entendan tódolos seus elementos.

3.3. Reflexión sobre a lingua e a súa aprendizaxe.

Os contidos deste bloque están relacionados co carácter sistémico-funcional da lingua e o desenvolvemento da autonomía na aprendizaxe. Preténdese con eles que os alumnos e as alumnas reflexionen sobre o sistema da lingua e o seu funcionamento na comunicación e utilicen os coñecementos adquiridos como un medio de control e autocorrección, co fin de mellora-la eficacia comunicativa das produccións propias e comprender mellor as dos demais.

3.3.1. Contidos conceptuais.

-Aspectos nocionais-funcionais: intercambiar información, suxerir, convencer, iniciar relacións, expoñer, narrar, comparar, expresar acordo ou desacordo, expresar opinións, etc.

-Elementos léxicos: formación de palabras.

-Elementos fonolóxicos: sons diferentes en relación coa lingua galega e a castelá, ritmo, entoación, etc.

-Elementos morfosintácticos. O seu funcionamento no discurso.

-Estratexias de aprendizaxe relacionadas cos procesos mentais en tarefas de aprendizaxe (inducción, deducción, control, etc.) e coa planificación da actividade na aula (identificación de necesidades, selección de medios e formas de traballo apropiados, organización e avaliación do traballo, etc.).

3.3.2. Contidos procedementais.

-Reflexión sobre o funcionamento do sistema lingüístico na comunicación.

-Utilización dos coñecementos adquiridos sobre o novo sistema lingüístico como instrumento de control e autocorrección para mellora-la eficacia comunicativa das produccións propias e para comprender mellor as produccións alleas.

-Utilización de estratexias de comunicación que mellor se adapten ás características propias co fin de mellora-la comprensión e a producción.

-Utilización autónoma de recursos para a aprendizaxe (diccionarios, libros de consulta, material audiovisual e informático).

3.3.3. Contidos actitudinais.

-Interese por coñece-lo funcionamento da lingua estranxeira na comunicación valorando a súa utilidade como garantía dunha comunicación fluída e eficaz.

-Valoración da utilidade de aplicar instrumentos de control e autocorrección para mellora-la comunicación propia.

-Interese por coñecer e mellora-las técnicas que poden favorece-la autonomía na aprendizaxe da lingua.

-Actitude positiva cara á superación dos problemas que poidan xurdir no proceso de aprendizaxe.

3.4. Aspectos socioculturais.

As regras e hábitos que interveñen nas relacións entre falantes da lingua estranxeira e outros elementos de civilización necesarios para unha mellor interpretación da realidade dos países nos que se fala a lingua obxecto desta materia constitúen os contidos deste bloque. Preténdese que o coñecemento das convencións socioculturais permita que os alumnos e as alumnas se adecúen con maior eficacia a outros contextos comunicativos e que a comprensión de aspectos propios da cultura, tanto de carácter xeral como en relación máis estreita coas distintas modalidades de estudio, lles permita analizar outras manifestacións socioculturais e ampliar e mellora-la súa formación.

3.4.1. Contidos conceptuais.

-Aspectos socioculturais dos países nos que se fala a lingua obxecto desta materia relacionados cos intereses e motivacións dos alumnos e das alumnas e con outras áreas do currículo.

-Elementos culturais relevantes presentes nos textos.

3.4.2. Contidos procedementais.

-Emprego contextualizado das convencións socioculturais propias dos países nos que se fala a lingua obxecto desta materia.

-Busca e localización dos elementos de civilización e culturais, presentes nos textos, que contribúen a estructura-lo mundo de referencias.

3.4.3. Contidos actitudinais.

-Interese, respecto e valoración crítica das formas de vida, e doutros aspectos socioculturais dos países nos que se fala a lingua obxecto de estudio.

-Valoración da importancia da lingua estranxeira como vehículo de comunicación nas relacións internacionais e como medio de relación e entendemento entre as persoas e as culturas.

4. Criterios de avaliación.

-Extrae-la información global e informacións específicas en textos orais, emitidos en situacións de comunicación cara a cara sobre temas relacionados coa vida cotiá dos alumnos e das alumnas, sobre aspectos socioculturais e sobre temas de carácter xeral referidos ós seus intereses e estudios.

Con este criterio preténdese avalia-la capacidade dos alumnos e das alumnas para comprende-las informacións dos interlocutores nas condicións máis idóneas (apoio contextual, temas relacionados coa súa experiencia, etc.) no transcurso de intercambios comunicativos.

-Extraer informacións globais e as específicas previamente requiridas en textos orais que presenten apoio visual, procedentes dos medios de comunicación sobre temas de carácter xeral ou relacionados cos seus estudios específicos.

Este criterio pretende avalia-la capacidade dos alumnos e das alumnas para comprende-lo esencial, aínda que non comprendan a totalidade das mensaxes, en textos gravados nos medios de comunicación audiovisual como noticias, programas de divulgación, entrevistas, series, etc., así como comproba-la comprensión de informacións específicas relevantes sinaladas previamente.

-Participar en intercambios comunicativos orais que respondan a situacións habituais producindo un discurso comprensible e adecuado á situación e utilizando as estratexias necesarias para iniciar, manter e facer progresa-la comunicación.

Con este criterio preténdese avalia-la capacidade dos alumnos e das alumnas para desenvolverse en interaccións onde satisfagan necesidades habituais de comunicación facendo uso das estratexias necesarias para asegura-la comprensión e a realización das mensaxes.

-Extrae-la información contida en textos escritos de diferente tipo (narrativos, descriptivos e expositivos) e procedentes de diversas fontes (periódicos, revistas, libros, etc.) con axuda do diccionario e doutros recursos. Os textos tratarán temas relacionados con intereses dos alumnos e das alumnas, e outros de carácter xeral ou en relación con outras materias do currículo.

Preténdese avaliar con este criterio a capacidade dos alumnos e das alumnas para acceder ó contido de textos auténticos de carácter xeral e específico utilizando aquelas estratexias persoais que lles axuden na comprensión.

-Ler de maneira autónoma textos sinxelos con sentido completo sobre temas relacionados cos seus intereses facendo uso do diccionario e doutros materiais de consulta e demostra-la comprensión por medio da realización dunha tarefa.

Con este criterio trátase de avalia-la capacidade dos alumnos e das alumnas para ler de maneira extensiva textos que non presenten dificultade no seu contido e estilo, seguindo o argumento ou as teses propostas. A realización da tarefa servirá para avalia-la comprensión e non a expresión.

-Redactar textos escritos sinxelos e comprensibles atendendo a diferentes situacións habituais, respectando as convencións da lingua escrita e utilizando os recursos necesarios para facelos cohesivos e coherentes.

Preténdese avaliar con este criterio a capacidade dos alumnos e das alumnas para elaborar textos sinxelos que respondan a situacións propias da vida cotiá ou relacionadas coas actividades de clase (cartas, enquisas, notas, resumos, etc.), así como a súa capacidade para manexa-los materiais de consulta necesarios (diccionarios, gramáticas, etc.) que lles axuden a producir textos ordenados e coherentes. Os textos presentarán unha estructura lóxica adecuada e respectarán as características propias do código escrito.

-Utilizar de maneira reflexiva e consciente os coñecementos adquiridos sobre o novo sistema lingüístico e o seu funcionamento no discurso como un instrumento de control e autocorrección das produccións propias e un recurso para comprender mellor as produccións dos demais.

Este criterio trata de avalia-la capacidade dos alumnos e das alumnas para recoñece-la corrección formal e a adecuación do discurso á situación de comunicación. Igualmente, verificarase con este criterio a utilización consciente de elementos de cohesión e coherencia e de estratexias que garanten unha mellor comprensión das produccións propias.

-Recoñece-los factores socioculturais dos países nos que se fala a lingua obxecto desta materia e analizalos desde unha perspectiva máis ampla, enriquecida polo contacto dos alumnos e das alumnas con outras linguas e culturas.

Trátase de avaliar con este criterio a capacidade dos alumnos e das alumnas para identificar e analizar con rigor aqueles trazos que pertencen ó contexto sociocultural dun país, necesarios para unha correcta elaboración e interpretación dos textos, relacionándoos coas outras culturas que xa coñecen.

-Utilizar de maneira persoal as estratexias que lles axuden a supera-las dificultades na comunicación e a progresar de maneira autónoma na aprendizaxe da lingua estranxeira.

Con este criterio preténdese avalia-la capacidade dos alumnos e das alumnas para traslada-las estratexias e destrezas adquiridas en aprendizaxes previos a novas situacións facendo fronte ós imprevistos xurdidos na comunicación. Igualmente, búscase avalia-la súa capacidade para desempeñar un papel activo na construcción do seu proceso de aprendizaxe, tomando decisións sobre o mesmo e avaliando o seu progreso.

Xeoloxía

1. Introducción.

O coñecemento do contorno, sen que se faga explícita ós xoves a relación entre a paisaxe que poden observar ou contemplar e aquela existente nos tempos pretéritos, ou sen que se lles dea a coñecer moitos dos feitos que diferencian unha zona doutra, é un saber incompleto. Tradicionalmente, o estudio da terra nos seus primeiros niveis circunscríbese ó coñecemento da realidade próxima, directamente accesible -as rochas, os minerais, os fósiles e, en xeral, os materiais xeolóxicos- e a fenómenos que se poden observar ou que acontecen na actualidade. Estes saberes forman a base que permite a aproximación ó coñecemento do comportamento global, tanto espacial como temporal, da terra. O concepto de tempo xeolóxico, a interpretación das estructuras xeolóxicas, a relación entre os acontecementos superficiais e as manifestacións enerxéticas da terra, a influencia de todos estes procesos na vida, etc. constitúen os alicerces que a Xeoloxía aporta para coñece-la historia e a evolución da terra, o

que lles permitirá, ós alumnos e ás alumnas, atopar respostas para unha maior comprensión do mundo que nos rodea e busca-la luz que proxectada sobre el lles axude a percibi-lo máis próximo á súa esencia. Isto, sen dúbida, espertará nos estudiantes actitudes de respecto polo medio no que viven e aumentará a súa capacidade de goce do mesmo.

O interese da Xeoloxía no bacharelato reside igualmente na súa funcionalidade para resolver problemas que a sociedade actual ten suscitados, como o abastecemento de materias primas, a investigación e procura de novas fontes de enerxía, a realización de obras públicas e a prevención de danos e riscos, tanto naturais como provocados pola incorrecta utilización dos recursos. Os procedementos implicados na resolución destes problemas son os propios do labor profesional do xeólogo e deben constituí-lo fío conductor do desenvolvemento do currículo de Xeoloxía. A interpretación de mapas, a reconstrucción de modelos, a análise de materiais xeolóxicos, e outros, son tamén instrumentos de grande utilidade para o desenvolvemento de destrezas cognitivas esenciais para a comprensión do espacio e do tempo xeolóxicos. Por outra banda, o desenvolvemento do pensamento formal dos alumnos e das alumnas vera

se favorecido polo estudio de fenómenos e procesos que aborda a Xeoloxía, debido á súa gran complexidade e á enorme cantidade de variables que interveñen neles.

A ensinanza-aprendizaxe dos contidos propostos no currículo de Xeoloxía require un ineludible contacto coa natureza; saídas, itinerarios e experiencias puntuais no contorno favorecen o desenvolvemento de actitudes esenciais vencelladas á natureza e á ciencia que deben impregna-lo tratamento desta materia, salientando as aportacións que o coñecemento científico ofrece no referente á protección e conservación do medio, así como á súa restauración e recuperación tralas actividades humanas que o deterioran.

Compréndese, pois, que a relación entre Ciencias da terra, Tecnoloxía e Sociedade faise cada vez máis evidente, constituíndo un coñecemento que non debe obviarse no Bacharelato, xa que o desenvolvemento das dúas primeiras ten unha profunda influencia na Sociedade, chegando mesmo a cambia-los hábitos de vida do home e da muller de hoxe mediante, entre outros, a realización de obras públicas e a utilización de fontes de enerxía.

En todo caso, esta materia debe afondar nos coñecementos adquiridos en etapas anteriores, facilita-la utilización daqueloutros propios doutras ciencias experimentais e complementa-los adquiridos en Bioloxía e Xeoloxía do primeiro curso e tamén e simultaneamente, no seu caso, nas Ciencias da terra e do Medio Ambiente, desde unha organización progresiva en graos de complexidade ata chegar ó estadio máis elevado coa utilización de modelos e teorías globais.

Esta ciencia, que dá soporte a moitas actividades da nosa sociedade, é de grande importancia para moitas especialidades técnicas relacionadas, sobre todo, coa Agricultura, Minería, Construcción Civil e Explotación Forestal, polo que o seu coñecemento orientará e preparará ós xoves que desexen conforma-lo seu futuro profesional nestes eidos.

2. Obxectivos xerais.

O desenvolvemento desta materia ten que contribuír a que os alumnos e as alumnas adquiran as seguintes capacidades:

-Comprende-los principais conceptos, feitos, principios, teorías e modelos referentes ó noso planeta e empregalos para interpreta-los diferentes fenómenos, valorando o papel que desempeñan no desenvolvemento da xeoloxía.

-Utiliza-las estratexias propias da investigación científica e os procedementos característicos da xeoloxía para realizar pequenas investigacións e explorar situacións e fenómenos que lles sexan descoñecidos.

-Resolver problemas que se suscitan na vida cotiá, seleccionando e aplicando os coñecementos xeolóxicos relevantes.

-Adquiri-las habilidades básicas propias da xeoloxía e utilizar instrumentos específicos da investigación xeolóxica no laboratorio e no campo.

-Comprende-las interaccións da xeoloxía coa tecnoloxía e a sociedade, valorando a necesidade de mante-la calidade de vida e do medio ambiente.

-Valora-la información procedente de diversas fontes para adquirir unha opinión propia que lles permita expresarse criticamente sobre os problemas xeolóxicos da actualidade.

-Comprender que o desenvolvemento da xeoloxía supón un proceso cambiante e dinámico, amosando unha actitude flexible e aberta fronte a diferentes opinións.

3. Bloques de contidos.

Os contidos desta materia xiran en torno ós cambios e transformacións que sufriu a terra ó longo da súa historia, ós procesos que nela se dan e á utilización e aproveitamento dos seus recursos, facendo especial referencia á xeoloxía de Galicia. Para iso divídese a materia en catro grandes bloques temáticos, sen que isto supoña ningún tipo de organización ou desenvolvemento prescritivo da materia, quedando esta aberta ás consideracións do profesorado, que deberá decidi-la organización, secuencia e concreción dos contidos. Estes contidos son de tres tipos: procedementais, que contribúen a desenvolve-las habilidades científicas e o método de traballo propio da xeoloxía; actitudinais, que permiten a adquisición de actitudes, valores e normas para abordar criticamente as relacións entre a Xeoloxía, a Tecnoloxía e a Sociedade; e conceptuais, que son os feitos, conceptos e principios que conforman a estructura conceptual da xeoloxía.

En cada un dos bloques estes tres tipos de contidos han ser tratados e avaliados coordinadamente de xeito simultáneo. Especialmente os bloques 1, 3 e 4 deberán subliña-la interrelación existente entre Ciencia-Tecnoloxía-Sociedade.

Un aspecto de dimensión transversal do currículo proposto para esta materia optativa son os métodos de traballo da Ciencia, que deberá estar permanentemente presente ó longo de tódolos bloques. No relativo ós contidos do bloque de Galicia como espacio xeolóxico, é importante subliñar que, nalgunha medida, deben ser tratados ó longo do desenvolvemento dos outros bloques de contidos, sen prexuízo da identidade propia deste bloque. Así, considerando Galicia como espacio xeolóxico deberán coñecerse os seus recursos, a conveniencia ou prexuízo da súa explotación e as aplicacións actuais e futuras, tales

como as fontes de enerxía, os novos materiais, as aplicacións agrícolas, médicas, as rochas de construcción e ornamentais, etc.

Debido a que a Xeoloxía é unha disciplina optativa común ás modalidades de Ciencias da Natureza e da Saúde, e de Tecnoloxía, os bloques de contidos están concibidos non só desde a perspectiva da xeoloxía fundamental, senón tamén desde a óptica de ofrece-la formación necesaria para afronta-los estudios relacionados coas especialidades técnicas: Agricultura, Minería, Construcción Civil e Explotación Forestal, entre outras, xa que a sociedade actual require, cada vez máis, estudios de tipo xeolóxico para a utilización do territorio, xa sexa urbano, vial, recreativo, etc. Nesta materia hanse integrar coñecementos que foron estudiados de forma dispersa ó longo do desenvolvemento da área de Ciencias da Natureza, coa finalidade de que os alumnos e alumnas adquiran unha visión de conxunto coherente desta ciencia; polo que é preciso que se fagan actividades de síntese para reorganiza-la información.

3.1. O tempo e o espacio en xeoloxía.

Os contidos deste bloque van encamiñados a que o alumnado coñeza os principios básicos sobre os que se asenta a xeoloxía clásica, a metodoloxía e os instrumentos que permitiron o avance desta ciencia e o seu desenvolvemento a través da sucesión histórica das distintas teorías sobre o noso planeta (fixismo, cataclismos, uniformismo, mobilismo, neocatastrofismo, etc.).

A aplicación dos principios de superposición e do actualismo, o estudio dos fósiles característicos, así como das estructuras que aparecen frecuentemente nos estratos permitirán o establecemento de series estratigráficas e a súa ordenación temporal de acordo con criterios de datación relativa. Tamén o coñecemento das series de desintegración radioactiva permitirá comprender como se realizan as datacións absolutas dos materiais xeolóxicos. Así mesmo, os grandes acontecementos xeolóxicos (glaciacións, transgresións, oroxenias, extincións, etc.) empregaranse para o establecemento das divisións xeocronolóxicas. A interpretación e realización de cortes xeolóxicos sinxelos constituirán un instrumento fundamental na comprensión do tempo e do espacio xeolóxico. Para este último aspecto é conveniente a realización de exercicios con escalas. É importante subliñar que a realización de cortes non debe quedar nunha simple actividade de aprendizaxe dunha técnica, senón que o seu alcance debe

abrangue-los aspectos sociais, tecnolóxicos e humanos dos problemas.

É preciso resalta-la evidencia das interrelacións entre a Bioloxía e a Xeoloxía no tocante ó coñecemento dos fósiles e ás grandes teorías sobre a terra, e entre a Xeoloxía, a Física e a Química no que atingue ós métodos de datación radioactivos.

3.1.1. Contidos conceptuais.

-Principios básicos da xeoloxía clásica. Controversias xeolóxicas.

-O tempo xeolóxico: evolución histórica das ideas sobre a idade da terra.

-Métodos de datación. Principais acontecementos na historia da terra: a escala de tempo.

-A información que proporcionan os estratos.

-Secuencia e correlación de series estratigráficas. Xeometría dos contactos.

3.1.2. Contidos procedementais.

-Utilización e análise de textos históricos e/ou científicos en relación coas grandes controversias xeolóxicas e co desenvolvemento histórico das ideas sobre a idade da terra.

-Recoñecemento de visu dos principais fósiles guía e de facies utilizados como criterio de datación relativa.

-Construcción de escalas temporais e espaciais mediante a aplicación dos grandes acontecementos xeolóxicos.

-Utilización de escalas gráficas e numéricas para a resolución de problemas topográficos.

-Elaboración e interpretación de cortes xeolóxicos.

-Formulación e resolución de problemas (datacións, correlacións, xeotécnicos, etc.).

3.1.3. Contidos actitudinais.

-Curiosidade polos métodos e instrumentos utilizados nas diferentes disciplinas.

-Toma de conciencia de que a Ciencia non segue un desenvolvemento lineal senón que presenta grandes crises.

-Responsabilidade fronte ás decisións a tomar nas actuacións de impacto xeolóxico.

-Actitude de respecto polos depósitos fosilíferos que impida o coleccionismo incontrolado e especialmente cos escasos exemplos que se atopan en Galicia.

-Interese pola utilización da consulta bibliográfica de revistas e publicacións de actualización científica.

3.2. Manifestacións da enerxía da terra: a formación dos materiais xeolóxicos.

Preténdese que este bloque sexa un complemento dos contidos do bloque «Dinámica do planeta» da materia «Bioloxía e Xeoloxía» do primeiro curso. Débese conseguir que os alumnos e alumnas acaden unha visión global do funcionamento da terra e do

papel que desempeña a enerxía nos procesos petroxenéticos. A comprensión do papel da enerxía como xeradora dos procesos xeolóxicos, así como da formación dos materiais resultantes deben ser obxectivos básicos a acadar.

Tamén é fundamental a valoración das repercusións dos devanditos procesos globais na vida humana: vulcanismo, sismicidade, erosión. etc.

3.2.1. Contidos conceptuais.

-As enerxías solar e gravitatoria: procesos sedimentarios.

-As enerxías térmica e elástica: procesos magmáticos e metamórficos.

-Principais minerais e rochas resultantes dos procesos sedimentarios, magmáticos e metamórficos.

-A enerxía cinética: procesos oroxénicos. Estructura dos continentes e océanos á vista da tectónica global.

3.2.2. Contidos procedementais.

-Construcción e utilización de modelos de simulación sobre procesos sedimentarios.

-Análise de medios sedimentarios a partir da realización de estudios de facies (granulometrías, madurez sedimentolóxica e contido en fósiles).

-Resolución de problemas sobre procesos petrolóxicos (equilibrios químicos, precipitacións, condicións de transporte, magmas, facies metamórficas, etc.).

-Interpretación de gráficas de arrefrío dos principais silicatos.

-Representacións gráficas de diagramas triangulares.

-Recoñecemento e interpretación das principais texturas con utilización de medios adecuados: fotografías, diapositivas, videos, etc.

-Recoñecemento de visu dos principais silicatos e rochas.

-Utilización de modelos de simulación sobre tectónica de placas.

3.2.3. Contidos actitudinais.

-Valoración da importancia dos avances tecnolóxicos no progreso da moderna xeoloxía e viceversa.

-Sensibilización sobre as repercusións sociais das manifestacións enerxéticas terrestres.

-Rigor e meticulosidade na utilización e realización das gráficas, diagramas e modelos empregados no traballo científico.

3.3. As aplicacións dos materiais xeolóxicos.

Os contidos deste bloque son marcadamente tecnolóxicos e céntranse, sobre todo, nas aplicacións de tipo práctico. A partir do estudio das propiedades físicas máis salientables da materia mineral chegarase a comprende-la utilización industrial de cada un dos materiais xeolóxicos, tanto sen elaborar como elaborados: granito, lousa, metais, cal, xiz, cemento, vidro, cerámica. etc.

O seguinte paso levará a coñecer e delimita-los problemas que a utilización destes materiais pola sociedade comporta a xeoloxía e que deben resolver xeólogos e xeólogas na súa actividade profesional. Mediante estudios de situacións reais ou imaxinarias os estudiantes -utilizando como ferramentas máis importantes os mapas xeolóxicos- tratarán de aproximarse á súa resolución.

3.3.1. Contidos conceptuais.

-Propiedades físicas dos materiais xeolóxicos: anisotropía, dureza, porosidade, permeabilidade, conductividade e alterabilidade.

-Resistencia uniaxial compresiva. A fractura e o pregamento.

-O uso industrial dos materiais xeolóxicos e dos seus derivados.

-Principais problemas dos que se ocupa a xeoloxía aplicada: Xeodesia, Hidroxeoloxía, busca e avaliación de depósitos minerais, obras públicas (estabilidade de noiros, presas, canteiras, etc.), prevención de catástrofes naturais.

3.3.2. Contidos procedementais.

-Realización de ensaios de laboratorio para o estudio das propiedades físicas das rochas.

-Observación in situ de alteración de rochas naturais e monumentais.

-Utilización de mapas temáticos: xeolóxico, xeolóxico-mineiro, xeotécnico, hidroxeolóxico, mineiro-metaloxenético, de rochas industriais, xeomorfolóxico, neotectónico e de riscos.

-Utilización de modelos de simulación para estudia-lo comportamento de distintos materiais fronte a diferentes esforzos.

-Resolución de problemas relativos á deformación de materiais, utilizando datos numéricos e gráficos.

-Observación in situ dalgún xacemento e dalgún proceso de transformación industrial de materiais xeolóxicos.

-Formulación e resolución de problemas sinxelos de xeoloxía aplicada.

3.3.3. Contidos actitudinais.

-Actitudes positivas de aprecio e respecto fronte ó medio xeolóxico e de responsabilidade ante a sobreexplotación crecente dos materiais industriais e de construcción.

-Toma de conciencia de que as rochas monumentais e de construcción son susceptibles de ser contaminadas e alteradas pola acción humana de xeito irreversible.

-Sensibilización ante os problemas que trae consigo a contaminación dos acuíferos e fontes.

-Respecto polos depósitos e cristalizacións minerais e reacción contraria ó coleccionismo incontrolado.

3.4. Galicia como espacio xeolóxico.

Este último bloque trata de recolle-los aspectos máis relevantes da xeoloxía de Galicia. Convén situa-las estructuras xeolóxicas galegas no marco do Macizo Hercínico distinguindo as principais unidades que o conforman e tentando integralas no relevo (aspectos xeomorfolóxicos).

No referente á Litoloxía cómpre diferenciar, entre outros aspectos, a Galicia granítica e xistosa, a Galicia sedimentaria, os complexos antigos e mailas concas terciarias.

Dadas a antigüidade e complexidade dos terreos galegos así como a dificultade de acceso a gran parte dos afloramentos, faise complicado o estudio da evolución xeolóxica do país. Por esta razón preténdese acadar unha idea xeral globalizadora dos principais acontecementos que ocorreron na historia xeolóxica galega. Unha maneira axeitada de facelo é coa utilización dos Puntos de Interese Xeolóxico (P.I.X.) de Galicia, collendo cada quen aqueles que estean situados no seu contorno amais dos de interese xeral (o Complexo de Cabo Ortegal, desembocadura do Xallas, rías, etc.).

No aspecto económico non pode obviarse o aproveitamento dos recursos minerais (metálicos e non metálicos) e das fontes de enerxía (lignitos, eólica, termal) de Galicia, polo que convén salienta-la importancia e conveniencia ou prexuízo da súa explotación.

3.4.1. Contidos conceptuais.

-Evolución xeolóxica de Galicia no marco da tectónica de placas.

-Litoloxía endóxena. Os terreos sedimentarios.

-Xeomorfoloxía de Galicia: granítica, fluvial, litoral.

-Xeoloxía económica de Galicia: fontes de enerxía, minería e rochas industriais. Termalismo.

3.4.2. Contidos procedementais.

-Utilización de técnicas de consulta bibliográfica en relación coa xeoloxía de Galicia.

-Observación e toma de datos, mediante saídas ós arredores, sobre aspectos litolóxicos, tectónicos e xeomorfolóxicos, e interpretación dos mesmos de forma que conduzan a unha aproximación da complexa xeoloxía do noso país.

-Localización de Galicia no mapa do Macizo Hercínico.

3.4.3. Contidos actitudinais.

-Curiosidade polo coñecemento da xeoloxía de Galicia.

-Actitude responsable e comprometida cara ós lugares internacionalmente recoñecidos como puntos de interese xeolóxico.

4. Criterios de avaliación.

-Utilizar adecuadamente a bibliografía científica e elaborar informes sobre problemas xeolóxicos.

Trátase de avaliar se o alumnado é quen de buscar, contrastar e debate-las distintas teorías que xurdiron ó longo da historia do coñecemento científico. Preténdese, igualmente, indagar se sabe aplica-los principios básicos da xeoloxía para a resolución de problemas.

-Aplica-lo concepto de tempo xeolóxico á ordenación dos acontecementos máis relevantes da historia da terra.

Preténdese valorar se os estudiantes son quen de situar no tempo os principais feitos acaecidos na terra (panxeas, glaciacións, transgresións, etc.) e de valora-la ocorrencia dos mesmos (cíclicos, catastróficos, constructivos, lentos, descontinuos, etc.). Téntase tamén avalia-la correcta valoración da fiabilidade dos métodos utilizados en Cronoloxía e a toma de conciencia da dimensión do tempo en xeoloxía.

-Interpreta-la xeoloxía dunha rexión a partir dun mapa.

Este criterio servirá para observar se os alumnos e alumnas se decatan da dimensión espacial mediante o uso de escalas. Tamén se trata de comprobar se son quen de deduci-las estructuras xeolóxicas e a ordenación temporal dos acontecementos (fallas, pregos, intrusións, etc.) a partir dun mapa e/ou a través dun corte xeolóxico.

-Relaciona-las distintas manifestacións enerxéticas da terra co seu comportamento dinámico.

Con este criterio trátase de comprobar ata que punto os estudiantes son quen de discernir que os procesos petroxéneticos e outros acontecementos xeolóxicos superficiais son o resultado de transformacións enerxéticas de diversa índole (térmica en cinética, solar en cinética, etc.).

-Identifica-las rochas máis comúns así como os minerais que as constitúen.

Este criterio tenta servir para valora-lo coñecemento que os alumnos e as alumnas teñen do subsolo galego, así como dos principais materiais empregados na construcción tanto dos edificios antigos como das construccións actuais. Tamén ten como finalidade observar se os alumnos recoñecen os principais minerais petroxenéticos en mostras de laboratorio.

-Explica-la configuración actual do planeta aplicando a teoría da tectónica global.

Trátase de verificar se o alumnado sabe recoñece-la formación e evolución da estructura da codia terrestre (cordilleiras, illas, fosas, rexións volcánicas e sísmicas, etc.) utilizando os argumentos da moderna teoría de placas, admitindo que existen situacións nas que esta teoría non dá unha resposta plenamente satisfactoria.

-Analiza-lo comportamento físico dos principais materiais xeolóxicos deducindo a súa posible aplicación industrial.

A partir de ensaios de laboratorio de recoñecemento de propiedades físicas das rochas, verificarase se o alumno é quen de valora-los distintos usos que poden ter estas e tamén, diante do mapa xeolóxico, se é capaz de analiza-las súas características e as súas posibilidades de explotación.

-Relaciona-la investigación xeolóxica coa resolución de problemas de índole industrial e social.

Preténdese con este criterio verificar se os alumnos e alumnas valoran que un mellor coñecemento dos materiais xeolóxicos incidirá nunha mellor resolución dos problemas da sociedade actual en relación coa xeoloxía (trazado de vías de comunicación, construcción de encoros e presas, aproveitamento da auga, emprazamento de residuos, planificación urbanística, etc.).

-Relaciona-los aspectos litolóxicos e xeomorfolóxicos de Galicia tendo en conta a súa evolución xeolóxica.

Trátase de comprobar que as alumnas e os alumnos, logo do estudio do contorno xeolóxico próximo, encadran este nos grandes procesos globais. Tamén se tenta verificar se coñecen as características particulares das principais estructuras e rochas galegas, así como os procesos formadores das nosas rías e os que configuran a paisaxe actual. Será importante que, no estudio da xeoloxía económica de Galicia, os alumnos e alumnas amosen coñecemento da relevancia das principais fontes de enerxía (térmica, eólica, etc.), os recursos mineiros e petrolóxicos, o seu aproveitamento e a abundancia de fontes termais derivadas da particular estructura do subsolo galego.

-Identificar e interpreta-las distintas formacións xeolóxicas galegas.

Con este criterio preténdese observar se os alumnos e alumnas recoñecen in situ as máis frecuentes das diferentes formacións xeolóxicas que caracterizan o país galego, valéndose para iso dos afloramentos, canteiras ou accidentes xeomorfolóxicos.

-Utilizar axeitadamente diversos instrumentos e técnicas xeolóxicas.

A finalidade deste criterio é comprobar se o alumnado é quen de utilizar adecuadamente os instrumentos e técnicas básicas no quefacer xeolóxico, tales como: contafíos, lupa binocular, láminas delgadas, compás de xeólogo, estereoscopio, fotografía aérea, clinómetro, curvímetro, táboa cronoestratigráfica e bloques diagrama.

-Valora-la influencia dos procesos xeolóxicos no medio ambiente e na vida humana.

Este último criterio pretende verificar se o alumnado coñece e valora a influencia da dinámica xeolóxica no medio ambiente. Ó mesmo tempo, é un instrumento para coñecer cal é a súa actitude respecto ó papel que han de xoga-los xeólogos e as xeólogas no uso racional do medio ambiente.

Xeometría da Arte

1. Introducción.

A observación da realidade é unha das bases sobre a que se asenta o traballo creador do artista ou do deseñador para, tras analizala, poder reinterpretala a través das súas obras. Pero tanto na natureza como nas obras humanas están presentes as formas xeométricas xunto con outros elementos. É por isto que a xeometría foi un campo de atracción permanente tanto para científicos e filósofos como para artistas. O seu potencial para resolver problemas respecto á orde, á proporción e á perspectiva fascinou a arquitectos e a artistas. A aportación da xeometría ó desenvolvemento das artes e a súa utilización como ferramenta necesaria para o deseño e a creación artística avalan a presencia da materia nesta etapa educativa.

Os contidos desta materia xorden da necesidade de analiza-la natureza e as creacións humanas desde a perspectiva xeométrica, coa idea de dota-los alumnos e as alumnas das capacidades necesarias para a experimentación, a investigación e a creación artístico-xeométrica.

Preséntase a materia como un percorrido polo mundo das construccións xeométricas planas e espaciais, estudiando as súas propiedades, as súas características e técnicas de construcción, a fin de capacita-los alumnos e as alumnas para analizar, experimentar e deseñar formas xeométricas. É importante non esquece-la necesidade de conecta-los coñecementos xeométricos que aporta esta materia cos que os alumnos e as alumnas acaden sobre a luz, a cor ou o volume, pois é o conxunto de todos eles o que proporciona resultado final axeitado nas creacións artísticas ou de deseño. Esta conexión ten dous planos ben definidos co debuxo. Por unha banda, os modelos xeométricos son un instrumento para analiza-las creacións e os deseños ou para construílos e, pola outra, as aplicacións da xeometría á arte precisan dos procedementos aportados polo debuxo técnico.

Para o desenvolvemento da materia deben incluírse explicacións e actividades de representación, de debuxo, de deseño e de resolución de problemas, combinando medios comunicativos diversos -sólidos, calidoscopios, poliminos, etc.- que inciten á curiosidade dos estudiantes para, deste xeito, consegui-la súa participación activa e fructífera. Aínda que non deben excluírse totalmente as xustificacións dalgunhas propiedades das figuras xeométricas por medio de razoamentos máis ou menos rigorosos, a ensinanza desta materia debe basearse en actividades que axuden ós estudiantes a descubri-lo mundo xeométrico que subxace na Arte e na Natureza, a deseñar e a construír formas.

A potenciación da capacidade de observación e comprensión, aínda que focalizada nos aspectos xeométricos presentes na natureza e nas artes, dota esta materia dun valor formativo de carácter xeral ó proporcionar ós alumnos e ás alumnas coñecementos conceptuais e procedementais para analiza-las realidades do contorno. Por outro lado o estudio da linguaxe xeométrica favorece a capacidade de abstracción relativa á comprensión dos diferentes trazados e esixe unhas actitudes respecto da orde e do coidado na súa elaboración que poden estenderse facilmente a outras actividades.

2. Obxectivos xerais.

O desenvolvemento da Xeometría da Arte contribuirá, como resultado dos procesos de ensinanza-aprendizaxe, á consecución das capacidades enunciadas nos seguintes obxectivos xerais:

-Coñecer e valora-la linguaxe xeométrica como medio para a análise e a creación artística, sendo consciente da importancia das propiedades xeométricas e cualidades estéticas observables na natureza e nas artes.

-Identificar e describir por medio de curvas, superficies ou límites de trazados, as formas xeométricas presentes na natureza e nas creacións humanas, valorando a súa beleza e a súa funcionalidade.

-Utiliza-las transformacións dinámicas para analiza-las figuras xeométricas e realizar creacións artísticas.

-Adquirir visión espacial por medio da identificación, análise, clasificación e medida de figuras xeométricas.

-Utiliza-la proporcionalidade para o estudio e realización de composicións harmoniosas.

3. Bloques de contidos.

Os elementos básicos xeométricos que forman parte das creacións humanas de arte e de deseño preséntanse distribuídos en cinco bloques. Esta agrupación realizouse atendendo a puntos de vista dependentes máis da xeometría ca da arte, separándose as construccións e os movementos no plano dos do espacio, os elementos poligonais das curvas, as cuestións sobre medicións e a teoría da proporcionalidade, o que da orixe ós seguintes bloques: «Elementos, dinámica e decoración do plano», «Curvas

e superficies», «Elementos e dinámica do espacio», «Áreas e volumes» e «Razón, semellanza e proporción».

A organización dos contidos en bloques non pretende establece-la secuencia dos mesmos, nin indicar prioridades na súa presentación ó alumnado. Na elaboración da programación de aula débense fomenta-las relacións entre os contidos dos diversos bloques así como as relacións transversais con outras áreas, evitando o seu tratamento illado. Os contidos conceptuais, procedementais e actitudinais deberán tratarse conxuntamente no desenvolvemento das unidades didácticas.

3.1. Elementos, dinámica e decoración do plano.

Os contidos deste bloque, xa iniciados en anteriores etapas educativas, presentan unha aproximación á análise de formas planas, atendendo aspectos de clasificación, trazado, construcción e xeración de formas poligonais. O estudio de construccións poligonais e das súas isometrías planas é preciso na análise e deseño de frisos e mosaicos.

3.1.1. Contidos conceptuais.

-Os polígonos. Distintas clasificacións. Triángulos, cuadriláteros. Polígonos regulares e estrelados.

-Isometrías: simetrías, translacións, xiros e as súas combinacións no plano.

-Recubrimentos do plano: os frisos e mosaicos como resultado da aplicación e combinación de movementos. Mosaicos regulares, semirregulares e irregulares. Outras formas de estructura-los recubrimentos do plano.

3.1.2. Contidos procedementais.

-Construcción de formas poligonais utilizando recursos variados.

-Busca e aplicación de distintos criterios para a clasificación de polígonos que aparezan en figuras-exemplo concretas.

-Utilización de instrumentos ligados ás isometrías do plano para a súa análise e elaboración.

-Análise e realización de figuras, frisos e mosaicos recoñecendo ou deseñando a peza mínima xeradora.

-Identificación e análise de formas xeométricas presentes na natureza e nas artes.

3.1.3. Contidos actitudinais.

-Valoración da experimentación como método para investigar en xeometría.

-Valoración dos polígonos como formas útiles para a construcción de deseños e para a realización de obras de arte.

-Apreciación da beleza das formas xeométricas planas de xeración dinámica, repetidas ritmicamente.

3.2. Curvas e superficies.

Neste bloque estúdianse as curvas e superficies que aparecen na natureza: a circunferencia, a espi

ral, a esfera e as seccións cónicas que se poden observar como sombras dunha esfera. Trátanse tamén neste bloque outras atractivas construccións froito da creación humana: cicloides, epicicloides e hipocicloides no plano, mentres que a nivel espacial preséntanse as cuádricas -de gran utilidade práctica e valor estéticoe as superficies regradas, que ofrecen suxestivas posibilidades para a creatividade. O seu estudio presentarase partindo da definición como lugar xeométrico, como límite de envolventes ou como resultado de movementos relativos de certas figuras. Trátase de que os alumnos e as alumnas se aproximen desde diversas fontes (experimentación, debuxo, bordado,...) á xeración de curvas no plano ou de superficies no espacio.

3.2.1. Contidos conceptuais.

-Lugar xeométrico.

-A circunferencia e os seus elementos. Rectas e ángulos nunha circunferencia.

-Cónicas: como seccións dun cono e como lugares xeométricos.

-Cicloide, epicicloides e hipocicloides: como lugares xeométricos e como envolventes.

-Espirais. Espiral áurea e espiral logarítmica.

-A esfera e as cuádricas.

-Superficies regradas.

-Características, propiedades e aplicacións prácticas de curvas e superficies.

3.2.2. Contidos procedementais.

-Identificación de curvas e superficies na natureza e na arte.

-Trazado de curvas empregando diversos métodos: por puntos, con cordón, por envolventes de liñas rectas.

-Construcción de curvas a partir da súa definición como lugar xeométrico.

-Representación e identificación de curvas como límites de trazados de liñas envolventes.

-Realización de modelos de superficies identificando as súas seccións.

-Identificación de superficies a partir das súas seccións.

3.2.3. Contidos actitudinais.

-Valoración da naturalidade, da beleza e da funcionalidade de formas xeométricas descritibles como curvas, superficies ou límites de trazados, que estean presentes na natureza ou nas artes.

-Interese polos trazados ben acabados.

3.3. Elementos e dinámica do espacio.

Este bloque temático ofrece unha aproximación á visión xeométrica tridimensional a través dos corpos de revolución e dos poliedros como figuras descritibles matematicamente, mediante a análise das

súas características, relacións, representacións e construccións.

É de grande importancia o desenvolvemento da capacidade de visión espacial a través da realización de prácticas nas que se utilice a dobre representación -tridimensional e bidimensional- dos obxectos.

O coñecemento destes contidos proporciona recursos para a creatividade artística, aplicable neste caso á realización de estructuras de recheo do espacio.

3.3.1. Contidos conceptuais.

-Poliedros: criterios de clasificación. Prismas e pirámides. Deltaedros. Poliedros regulares e semirregulares. Truncamentos. Poliedros duales.

-Figuras de revolución. Características. Xeración das mesmas.

-Isometrías espaciais: reflexión, rotación, translación e movemento helicoidal. Transformacións dinámicas de poliedros en si mesmos.

-O recheo do espacio. Retículas espaciais.

3.3.2. Contidos procedementais.

-Construcción de corpos tridimensionais utilizando recursos variados.

-Aplicación de diversos criterios para a clasificación dos poliedros.

-Análise das relacións entre familias de poliedros e entre parámetros dun mesmo poliedro.

-Representación plana de corpos tridimensionais por diversos métodos.

-Utilización dos recursos que proporcionan as isometrías espaciais para o recheo do espacio.

-Análise da dinámica espacial en realizacións humanas.

-Investigación sobre distintos tipos de pezas capaces de enche-lo espacio.

3.3.3. Contidos actitudinais.

-Valoración da experimentación como método de investigación en xeometría.

-Interese polos modelos ben acabados e polas representacións ben feitas.

-Aprecio polo mundo dos poliedros e dos corpos de revolución como fonte de creatividade artístico-plástica.

3.4. Áreas e volumes.

Este bloque preséntase para cubri-la necesidade de coñece-las dimensións das obras artísticas, co fin de poder calcular embalaxes, encargar materiais e, como consecuencia, poder realizar presupostos. O método máis axeitado que se debe aplicar neste eido é o cálculo razoado para a determinación de superficies e volumes.

3.4.1. Contidos conceptuais.

-Superficies de polígonos, círculos e figuras circulares.

-Equivalencia. Transformación de polígonos en triángulos ou cadrados equivalentes.

-Superficies e volumes en poliedros e figuras de revolución.

-Desenvolvementos planos. Empaquetamentos.

3.4.2. Contidos procedementais.

-Percepción, comparación, medida, aritmetización e estimación de áreas e volumes en casos concretos.

-Aplicación de distintos criterios experimentais ou xeométricos para o cálculo de superficies e volumes.

-Xeración de formas simples a partir de formas complexas.

-Cálculo razoado das fórmulas matemáticas correspondentes a superficies e volumes de figuras planas e tridimensionais.

-Utilización de diferentes recursos: poliminos e policubos, xeoplano, tangrams, cartolinas, papel vexetal, equipo de debuxo, líquidos, etc., para o cálculo de áreas e volumes.

3.4.3. Contidos actitudinais.

-Interese polo cálculo razoado de superficies e volumes.

-Valoración da estimación como método útil de aproximación ó cálculo de magnitudes.

3.5. Razón, semellanza e proporción.

As creacións artísticas ó longo da historia utilizaron unhas relacións ideais entre as súas dimensións. O obxecto do presente bloque é a observación e aplicación desas proporcións harmoniosas, así como a súa relación coas medidas humanas. Estudiaranse previamente conceptos básicos de proporcionalidade, necesarios para desenvolve-los contidos propostos.

3.5.1. Contidos conceptuais.

-Proporcionalidade de segmentos. Homotecias e semellanza. Razón de semellanza. Escalas. Razón de lonxitudes, superficies e volumes en corpos semellantes.

-A sección áurea e o seu representante alxebraico. Características e propiedades notables. Sucesión de Fibonacci e número de ouro. O rectángulo áureo ou dos cadrados xiratorios.

-Proporcións dinámicas. A diagonal na descomposición harmónica dos rectángulos.

-A proporción na estética mediterránea.

-Medidas e proporcións humanas. Proporcións clásicas, o Modulor e o Ken xaponés.

3.5.2. Contidos procedementais.

-Transformación de figuras utilizando a semellanza. Realización de representacións a escala.

-Análise de rectángulos dinámicos e áureos.

-Identificación e análise de proporcións áureas, dinámicas e humanas en obras de arte e de deseño.

-Realización de composicións aplicando a proporción áurea e as proporcións dinámicas.

3.5.3. Contidos actitudinais.

-Interese pola funcionalidade e beleza de determinadas proporcións, e pola súa aplicación no deseño e na creación artística.

4. Criterios de avaliación.

-Identificar e analizar formas xeométricas, describindo as proporcións matemáticas que estean presentes.

Trátase de comprobar se os alumnos e as alumnas coñecen as diferentes formas xeométricas tanto se se lles presentan en trazados ou modelos illados como se forman parte de obras de arte ou da natureza. O criterio tamén comprobará se os estudiantes son capaces de aprecia-la beleza e a funcionalidade das formas xeométricas.

-Representar e clasificar formas poligonais, atendendo a diversos criterios.

Preténdese con este criterio avalia-los coñecementos adquiridos polos alumnos e polas alumnas na realización e na análise de formas planas, a partir de exemplos concretos presentes nas obras de arte e de deseño, e na natureza.

-Deseñar recubrimentos do plano a partir da elección dunha figura xeradora obtida de polígonos regulares ou pola aplicación de isometrías planas.

Trátase de comprobar se os alumnos e as alumnas coñecen as posibilidades que ofrecen as formas xeométricas bidimensionais no desenvolvemento da creatividade artística.

-Identificar e representar curvas cónicas e outros lugares xeométricos.

Este criterio permite avalia-la capacidade de observación do alumnado para a identificación das curvas na natureza e nas creacións humanas, así como para comproba-lo seu grao de coñecemento sobre as propiedades dalgunhas curvas.

-Analizar e identifica-las propiedades e características dos poliedros.

Este criterio pretende avalia-los coñecementos do alumno sobre formas tridimensionais, para o que terán que ser quen de recoñece-los poliedros que formen parte de realización humanas nos eidos do deseño ou da arte. O criterio tamén valorará a capacidade de análise dos estudiantes, ó teren que identificar e describi-las propiedades e características dos poliedros.

-Deseñar poliedros elementais que permitan enche-lo espacio.

Búscase con este criterio comprobar se os alumnos e as alumnas coñecen as posibilidades que ofrecen as formas xeométricas tridimensionais para desenvolve-la creatividade artística no referente ó recheo do espacio. Pretendese tamén valora-lo grao de desenvolvemento da capacidade de visión espacial

en función da aplicación da mesma ó deseño creativo.

-Calcular razoadamente superficies de polígonos e volumes e superficies de poliedros.

Trátase de valorar se os estudiantes saben aplica-los coñecementos adquiridos na resolución de problemas de cálculo de superficies e volumes empregando diversos métodos. O criterio valora tamén a adecuación do método empregado ó problema.

-Identifica-la existencia de proporcións harmoniosas en exemplos concretos da natureza e das artes.

Este criterio pretende comprobar se os alumnos e as alumnas, despois dunha fase de observación, son quen de descubrir e de analiza-las proporcións ocultas que con frecuencia xeran e organizan os elementos da natureza e as obras artísticas.

-Deseñar ou compoñer obxectos de diferente índole aplicando a proporción áurea e as proporcións dinámicas.

Preténdese comprobar se os alumnos e alumnas son capaces de utiliza-los coñecementos adquiridos sobre as proporcións harmoniosas para integralos no deseño de traballos persoais e creativos.

3972