Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 105 Mércores, 29 de maio de 1996 Páx. 5.072

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

RESOLUCIÓN do 10 de abril de 1996, da Delegación Provincial de Lugo, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental do proxecto da explotación mineira derivada do permiso de investigación denominado Vetusta número 5.575.

En cumprimento do disposto no artigo 5 do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación do impacto ambiental para Galicia, faise público o acordo da Comisión Galega de Medio Ambiente, do 14 de marzo de 1996, polo que se formula a declaración de impacto ambiental do proxecto da explotación mineira derivada do permiso de investigación denominado Vetusta nº 5.575, sita en terreos dos concellos de Samos e O Incio, provincia de Lugo, promovido por Pizarras del Oribio, S.L., que se transcribe como anexo a esta resolución.

Lugo, 10 de abril de 1996.

Jesús Bendaña Suárez

Delegado provincial de Lugo

Acordo do 14 de marzo de 1996, da Comisión Galega do Medio Ambiente, polo que se formula a declaración de impacto ambiental do proxecto da explotación mineira derivada do permiso de investigación denominado Vetusta nº 5.575, sita en terreos dos termos municipais de Samos e O Incio, provincia de Lugo, promovido por Pizarras del Oribio, S.L.

No Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia (DOG do 25 de setembro de 1990), da Consellería da Presidencia e Administración Pública da Xunta de Gali

cia, establécese a obriga de formular declaración de impacto ambiental (DIA) con carácter previo á resolución administrativa que se vai adopta-lo órgano substantivo para a autorización da actividade, obxecto do proxecto.

O proxecto preséntase co obxecto de solicita-lo pase á concesión de explotación de 7 cuadrículas mineiras do permiso de investigación Vetusta nº 5.575.

O anexo I contén un resumo do proxecto de explotación. O anexo II contén as medidas correctoras e protectoras propostas no estudio de avaliación do impacto ambiental.

En cumprimento do establecido no artigo 5.3º do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación do impacto ambiental para Galicia, e, o 22 de maio de 1995, sométeuse a información pública, durante 30 días, o estudio de impacto ambiental (DOG nº 96).

Como resultado dela, non consta a presentación de alegacións ó devandito proxecto.

Consultase, así mesmo, ás direccións xerais de Industria, Calidade Medioambiental e Urbanismo e Montes e Medio Ambiente Natural. O resultado das consultas realizadas encóntrase contido no anexo III da presente declaración.

Cumprida a tramitación, a Comisión Galega do Medio Ambiente, no exercicio das competencias que lle concede o Decreto 442/1990, formula a DIA do proxecto da explotación mineira derivada do permiso de investigación Vetusta nº 5.575, sita en terreos dos términos municipais de Samos e O Incio (Lugo), promovido por Pizarras del Oribio, S.L.

O órgano substantivo para este proxecto é a Consellería de Industria e Comercio da Xunta de Galicia, e o órgano ambiental a Comisión Galega do Medio Ambiente.

Declaración de impacto ambiental

A presente declaración refírese, en exclusiva, ás actuacións de explotación e instalacións comprendidas dentro da franxa mineralizada que discorre a través das sete (7) cuadrículas mineiras das que se solicita o pase a concesión, definida tal como se reflicte no plano 2.1 do proxecto de referencia. Para outras zonas ou áreas que se vaian explotar precisaríase unha nova declaración.

Examinada a documentación presentada, a Comisión Galega do Medio Ambiente establece pola presente declaración de impacto ambiental as seguintes condicións, ademais das incluídas no estudio de impacto ambiental, de forma que se asegure a minoración dos posibles efectos ambientais negativos, co fin de que a realización do proxecto poida considerarse ambientalmente viable:

1. Protección da atmosfera.

1.1. Co fin de evita-los posibles efectos negativos que sobre a poboación puidese ter o po xerado pola explotación, adoptaranse as medidas necesarias de

forma que nas vivendas mais próximas á zona de explotación e pertencentes ó lugar de Lampazas, se cumpra:

-Os niveis de partículas sedimentables non superarán os límites establecidos polo Decreto 833/1975, para zonas habitadas, de 300 mg/m (concentración media en 24 h.).

-As particulas en suspensión, medidas polo procedemento gravimétrico, non superarán, durante tres días consecutivos, os niveis impostos polo R.D. 1613/1986 (300 ug/m), e o seu valor medio anual non superará os 150 ug/m.

As medicións realizaranse en períodos trimestrais, en puntos fixos e en condicións atmósfericas adversas para os receptores.

2. Protección do sistema hidrolóxico.

Dada a posible incidencia que sobre a escorrentía superficial poderían te-los traballos de retirada da cobertura vexetal e os movementos de terra derivados da propia actividade extractiva e debido a que a dita escorrentía podería afectar ás augas do río Castelo, que discorre polas cuadrículas solicitadas, así como á capa freática subxacente, deberán adoptarse as seguintes medidas:

2.1. En ningún caso se modificará o leito nin o caudal do devandito río, e prohíbese de forma expecífica a provisión de estériles no seu leito, salvo que se dispoña para todo iso de autorización expresa por parte do organismo de conca.

2.2. As zonas de explotación máis próximas ó leito do río Castelo rodearanse dunha canle perimetral que recolla as augas de escorrentía procedentes das zonas de excavación, que xunto cos efluentes orixinados polo lavado das estructuras da maquinaria e rega de pistas e vías, e o mesmo que a posible drenaxe da zona de provisións, serán conducidas a unha balsa de decantación, que se deseñará, construirá e manterá de forma que a súa profundidade mínima, medida entre sedimentos e lámina libre de auga, non sexa inferior a 1 m, garantindo así a súa clarificación antes do seu vertido, todo iso sin prexuízo do sistema xa previsto para a depuración das augas utilizadas no proceso de serrado.

2.3. Os finos sedimentados poderán servir de estériles de recheo nas tarefas de restauración, e prohíbese de forma específica o seu vertido en terreos propios ou alleos á explotación, así como en zonas do dominio hidraúlico (D.P.H.).

2.4. As aguas residuais que se poidan xerar nos servicios hixiénicos destinados ós operarios deberán ser conducidas a unha rede de saneamento municipal ou ben a unha fosa séptica ou outro sistema de tratamento axeitado.

2.5. Non se poderá depositar nin acumular na explotación nin en terreos propios adxacentes ningún tipo de residuos sólidos, tales como ferralla, plásticos, pezas inservibles de maquinaria, ou calquera outro material que se xere na explotación, diferente dos materiais propios procedentes da extracción.

Así mesmo, os residuos que se poidan producir polo mantemento da maquinaria recolleranse en recipientes axeitados e entregaranse a un xestor autorizado.

3. Protección do solo.

3.1. Co fin de que a terra vexetal extraída non perda as súas cualidades fisicoquímicas e de capacidade biolóxica, deberánselle dedica-los seguintes coidados:

-As provisións de terra vexetal non se poderán mesturar coas provisións de estériles, excepto coas fraccións deles equivalentes en granulometría, e sempre e cando se acaden condicións de textura e estructura axeitadas para a implantación vexetal.

-A altura dos madarróns virá dada en función da estructura do solo extraído, de forma que a presión das capas superiores sobre as inferiores non supoña unha alteración del, polo que se recomenda que a devandita altura non supere os 2 metros.

-No caso que, por razóns exclusivamente técnicas, tivera que estar amoreada máis de 1 ano, deberase conservar mediante a sementeira dunha mestura de pratenses con predominio de leguminosas, en cantidades arredor de 25 kg/ha, añadendo mulch. En épocas estivais, ou cando a súa sequidade o aconselle, deberá humedecerse.

-Os madarróns de terra vexetal situaranse nas zonas da explotación onde sexa menos probable a súa deterioración por erosión hídrica e non poidan ser afectados pola circulación da maquinaria.

4. Protección da paisaxe.

4.1. Co obxecto de minimizalo posible impacto paisaxístico xerado pola actividade extractiva, non se poderán explotar dúas ou máis frontes simultaneamente.

4.2. Así mesmo, respectarase en todo momento aquela vexetación que atopándose nos límites da explotación, serve como pantalla visual e acústica e como barreira contra o po.

5. Plan de restauración.

5.1. A execución do plan de restauración deberase levar a cabo de xeito progresivo, e non só no caso de predios que se vaian reverter nos seus propietarios iniciais. Así mesmo non se poderán iniciar traballos de extracción dunha nova cuadrícula sen finaliza-los labores de restauración dos terreos situados na cuadrícula onde se estaba desenvolvendo a explotación.

5.2. Remodelarase e acondicionará a topografía alterada, incluídos os terreos alterados pola explotación da canteira Aira Vella, de xeito que se axuste o máis posible á natural. O cascallo que se utilice para a restauración deberá ser procedente da propia actividade mineira, e, no caso de que teñan outra orixe, estes deberán ser totalmente inertes. Os cascallais que se utilicen en calquera forma poderán transformarse en definitivas.

5.3. Utilizarase para o acondicionamiento do solo, principalmente, a terra vexetal acumulada, e, de non ser suficiente, adquirirase terra vexetal proveniente de movementos de terra ou provisións autorizadas. A capa de terra destinada á recuperación deberá dispoñerse por camadas e o seu espesor non será inferior a 0,5 m. O estendido da terra vexetal farase con máquina apropiada para que a compactación sexa a equivalente á do terreo na situación previa á explotación.

5.4. As pistas de acceso á parcela deberán incluírse na restauración. Deberanse pechar e anula-las pistas e camiños propios da actividade, ó rematar esta, salvo que os fins da propiedade unha vez realizada a restauración impliquen a necesidade do seu mantenemento. Así mesmo na rede viaria utilizada para o transporte dos materiais provenientes da actividade, procederase, de ser necesario, ó acondicionamiento dela e á súa recuperación.

5.5. Unha vez finalizada a explotación deberanse desmonta-las instalacións adscritas a ela e que se puidesen construír durante o período de explotación.

6. Documentación adicional.

O promotor remitirá á Comisión Galega do Medio Ambiente, a través do órgano substantivo, a documentación que a continuación se relaciona, e nos prazos seguintes:

6.1. Nun prazo non superior a 3 meses a partir de serlle notificado o contido da presente declaración:

-Xustificación de dimensionamento e características constructivas do sistema de decantación previsto, de acordo co exposto no punto 2.2 da presente declaración.

-Cronograma e planificación dos traballos de seguimento previstos no programa de vixilancia ambiental proposto no estudio.

6.2. Nun prazo non superior a 3 meses a partir do comezo dos traballos de explotación, e no caso de emprearse explosivos, un estudio de propagación de onda aérea producida polas voaduras, no contorno das edificacións pertencentes ó lugar de Lampazas, que servirá para delimitala carga máxima operante que poderá utilizarse nas voaduras de producción.

6.3. Anualmente, e ata a finalización dos traballos de explotación:

-Informe sobre a calidade das augas procedentes do sistema de decantación, baseado na análise de mostras de auga, cunha periodicidade semestral, por laboratorio autorizado.

-Resultado das medicións dos niveis de inmisión de partículas sedimentables e de partículas en suspensión, de acordo co exposto no punto 1.1 da presente declaración.

-Un informe que conterá alomenos:

* Estado actual da actividade extractiva.

* Grao do cumprimento do plan de restauración e labores previstos no ano en curso.

* Reportaxe fotográfica sobre os traballos de recuperación ambiental realizadas no correspondente ano e cronograma das accións de restauración previstas para o vindeiro ano, de acordo co exposto no punto 5.1 da presente declaración.

7. Condicións adicionais.

7.1. O órgano substantivo fixará un aval, para garanti-lo cumprimento do plan de restauración e que poderá ser acumulativo se se considera axeitado. Este aval será renovado, en función do cumprimento por parte do promotor do plan de restauración e o plan de labores anual.

7.2. As condicións indicadas nesta declaración de impacto ambiental (DIA) son de obrigado cumprimento para o promotor.

Sen embargo, a empresa promotora poderá solicitarlle ó órgano ambiental a revisión das medidas indicadas nesta declaración co obxecto de modificalas ou cambialas por outras, naqueles supostos que tecnoloxicamente presentasen graves deficiencias para a súa implantación ou implicasen modificacións importantes na actividade, e sempre e cando as novas medidas propostas permitan acada-los obxectivos e fins que se indican.

Nesta circunstancia, a empresa promotora solicitarallo á Comisión Galega do Medio Ambiente, achegando documentación técnica que xustifique as novas medidas propostas. Estas solicitudes remitiranse tres meses despois, de serlle enviada a presente declaración polo órgano substantivo. Unha vez recibida a solicitude e documentación mencionadas, o órgano ambiental avaliaraas, comunicando o acordo adoptado á empresa promotora.

7.3. Se unha vez emitida esta declaración se manifestase algún outro tipo de impacto, severo ou crítico, sobre o medio ambiente, o órgano substantivo, por propia iniciativa ou por solicitude da Comisión Galega do Medio Ambiente, poderá suspender cautelarmente a actividade ata determina-las causas que xeran os mencionados impactos, e se corrixan eñas.

7.4. Do mesmo xeito, o incumprimento total ou parcial por parte do promotor, dos labores de restauración previstos, serán causa suficiente para que se proceda ó peche cautelar e a adopta-las medidas oportunas en cumprimento da legalidade vixente.

7.5 O presente acordo, adoptado por esta comisión, non exime ó promotor de solicitar tódolos permisos necesarios ós organismos competentes, para levar a cabo modificacións na actividade.

7.6. O promotor queda obrigado a cumprir tódalas disposicións que se dicten con posterioridade, en relación con este tipo de actividades.

Santiago de Compostela, 14 de marzo de 1996.

José Luis Aboal García-Tuñón

Secretario xeral da Comisión Galega do Medio Ambiente

ANEXO I

Resumo do proxecto de explotación

O proxecto presentado consiste na explotación da concesión mineira de sete(7) cuadrículas mineiras, derivada do permiso de investigación, denominado Vetusta nº 5.575, para lousa ornamental (recurso da sección C), sita nos lugares do Piornedo e Os Currais, parroquias de San Cristovo de Louzara e San Salvador de Mao, concellos de Samos e O Incio da provincia de Lugo, na que o promotor proxecta a extracción de 435.000 toneladas de lousa ornamental, útil ó longo duns 36 anos.

A superficie que se vai explotar, dentro das sete cuadrículas definidas pola seguinte designación, supón unhos 431.058 m.

VérticeLonxitude Latitude

1-7º 15' 00''42º 42' 40''

2-7º 15' 00''42º 42' 00''

3-7º 15' 20''42º 42' 00''

4-7º 15' 20''42º 42' 20''

5-7º 17' 00''42º 42' 20''

6-7º 17' 00''42º 42' 40''

A potencia da franxa mineralizada está comprendida entre os 2,5 e os 5,5 m.

As reservas brutas ascenden, segundo as medicións, a 1.630.000 m, cunhas reservas útiles duns 245.000 m.

O sistema de explotación será á boria, por medio de bancos de ata 6 m de altura.

O arranque levarase a cabo por medios mecánicos e, de ser necesario, mediante explosivos de baixo poder detonante.

ANEXO II

Medidas correctoras e protectoras propostas no estudio de avaliación de impacto ambiental

No que respecta á contaminación polo po do serrado, as medidas correctoras propostas pasan pola rega frecuente do piso da nave e de todos aqueles lugares nos que se procede ó estrío, serrado e clasificación das lousas.

A depuración das augas, utilizadas no proceso de serrado, conseguirase mediante unha depuradora de lamelas, de tal forma que en todo o proceso productivo as augas lixadas trátanse en circuíto pechado.

No referente á contaminación acústica procederase a levantar tabiques que separen as zonas de serrado, colocación de topes de material elastómero no contrapeso das cizallas de corte, e instalación de silenciadores nos martelos pneumáticos.

Como apantallamento visual procederase á implantación dunha cortina vexetal en marco de plantación de dobre aliñación disposta en triángulos, nunha franxa paralela ó camiño de acceso a Lampazas e unha lonxitude de 520 m.

En canto a restauración dos terreos afectados, procederase, en primer lugar, a un acondicionamento do terreo mediante o seu recheo cos estériles previamente aprovisionados (non se recolle a existencia de cascallais permanentes) e posterior estendido de terra vexetal, e prevese darlle unha aplicación de solo agrícola de pradera. A revexetación levarase a cabo da seguinte forma: estendido sobre a superficie dunha capa de esterco, refino xeral, sementeira a voleo, recubrimento cunha lixeira capa de terra vexetal cribada, e rega co fin de manter húmido o terreo.

A especie vexetal elixida é Lolium perenne, cunha cantidade de semilla que se debe empregar de 40 a 60 g/m.

O recheo de estériles e terra vexetal, así como a sementeira, levarase a cabo por tramos de tallo explotados, no caso de predios que reverterán os seus propietarios iniciais, e o resto farase ó finalizala explotación.

Así mesmo inclúese o custo estimado dos traballos.

ANEXO III

Resultado das consultas realizadas sobre o impacto ambiental do proxecto

Do contido dos informes recibidos cabe destaca-las seguintes consideracións:

A Dirección Xeral de Calidade Medioambiental e Urbanismos considera que ó esta-la concesión de referencia localizada no espacio natural O Courel, e de acordo co artígo 28 das normas complementarias e subsidiarias de planeamento da provincia de Lugo, a explotación dos recursos deberá ser racional e sen que atente contra os valores esenciais que se protexen, e deberán formularse as actuacións oportunas para que a restauración se realice globalmente en toda a zona e paralelamente ó desenvolvemento da actividade extractiva.

Ademais terá que ir verificando a través dos anos que se cumpren as medidas correctoras, así como o plan de restauración e de vixilancia ambiental.

A Dirección Xeral de Montes e MAN informa desfavorablemente o devandito proxecto, baseándose seguintes consideracións:

-Realizouse unha modificación do leito do río Castelo sen que apareza recollido no proxecto.

-Non se tomaron medidas para evitar que as augas superficiais de escorrentía contaminen o río.

-Non se tomaron medidas para evita-las acumulacións de estériles no leite.

-A descrición do medio natural é deficiente e o plan de vixilancia ambiental preciso.

-No plan de restauración proponse a plantación dun millar de exemplares de Pinus radiata, cando no contorno próximo á vexetación dominante son as especies caducifolias.

-Non se recolle a restauración dos antigos bancos de explotación situados na ladeira de fronte onde se realizan os actuais labores de extracción.

A Dirección Xeral de Industria considera axeitado o plan de restauración presentado, establecendo adicionalmente as seguintes condicións:

-A rehabilitación morfolóxica será ó mais próxima á actual, utilizando os propios estériles producidos na explotación.

-Co fin de minimizala formación de po, os eventuais equipos perforadores contarán con captadores. Evitarase o retacado dos barrenos con detritos de perforación e deberase facer con tacos de arxila; regularanse regularmente as pistas e superficies utilizadas, a composición dos gases dos motores de combustión interna deberá axustarse ós valores regulamentados; a velocidade da maquinaria móbil, dentro da explotación, non superará os 15 km/h.

-Respectarase sistematicamente todo tipo de vexetación existente e que sirva como pantalla visual e acústica.

-No referente as pistas e vías, e en canto as condicións ambientais, cumprirase o disposto na ITC.O7.1.03.

-Prohíbese expresamente calquera depósito, vertido ou acumulación de residuos, tanto na zona de explotación como en terreos adxacentes. Os aceites usados deberán entregarse a un xestor autorizado.

3630