Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 105 Mércores, 29 de maio de 1996 Páx. 5.059

IV. OPOSICIÓNS E CONCURSOS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 15 de maio de 1996 pola que se regula o proceso de adscrición dos funcionarios do corpo de mestres afectados pola implantación da educación primaria e do primeiro ciclo da educación secundaria obrigatoria.

A Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, regula, entre outras, as ensinanzas de réxime xeral de educación primaria e educación secundaria, comprendendo esta a educación secundaria obrigatoria, o bacharelato e a formación profesional de grao medio.

De conformidade co establecido no Real decreto 1487/1994, do 1 de xullo, polo que se modifica e completa o Real decreto 986/1991, do 14 de xuño, polo que se aproba o calendario de aplicación da nova ordenación do sistema educativo, no próximo curso académico 1996/1997 implántase o primeiro curso da educación secundaria obrigatoria.

A implantación da educación secundaria obrigatoria e a extinción do sétimo curso de educación xeral básica implica a transformación dos actuais postos de educación xeral básica en postos de educación primaria e do primeiro ciclo da educación secundaria obrigatoria.

O Real decreto 1774/1994, do 5 de agosto, polo que se regulan os concursos de traslados de ámbito nacional para a provisión de prazas correspondentes ós corpos docentes que imparten as ensinanzas establecidas na Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, dispón na súa disposición adicional quinta que o Ministerio de Educación e Ciencia e os órganos correspondentes das comunidades autónomas poderán establecer criterios e procedementos para a redistribución do profesorado pola implantación do primeiro ciclo da educación secundaria obrigatoria, na forma que determine cada administración educativa.

Coa finalidade de efectua-la adscrición ós novos postos de traballo debe terse en consideración que a disposición adicional décima. 1 da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, determina que o corpo de mestres desempeñará as súas funcións na educación infantil e primaria e que a disposición transitoria cuarta da mesma lei prescribe que durante os primeiros dez anos de vixencia dela, as vacantes do primeiro ciclo da educación secundaria obrigatoria ofreceránselles ós funcionarios do corpo de mestres cos requisitos de especialización que se establezan.

A transformación dos postos de educación xeral básica en postos de educación primaria e, se é o caso, do primeiro ciclo da educación secundaria obrigatoria, obriga a participar neste proceso de adscrición a tódolos funcionarios do corpo de mestres con destino defi

nitivo en postos de educación xeral básica, coas excepcións e singularidades que se establecen na propia orde. Así mesmo, este proceso de adscrición non recolle a posibilidade de obter praza para a que non se teña a pertinente habilitación e os postos que son obxecto de provisión veñen determinados pola nova rede de centros, sen prexuízo das adscricións provisionais que resulten necesarias en tanto esta non estea totalmente operativa.

En consecuencia, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria,

DISPÓN:

I. Participantes.

Primeiro.-Están obrigados a participar no procedemento de adscrición establecido pola presente orde tódolos funcionarios de carreira do corpo de mestres con destino definitivo nun centro completo de educación primaria ou de educación primaria/EXB ou nun centro incompleto de máis de 2 unidades e que escolaricen ou teñan escolarizado desde o curso 1990/1991, alumnos do ciclo superior de EXB, coas matizacións que se indican nos apartados seguintes.

Segundo.-Poderán participar no procedemento de adscrición tódolos funcionarios de carreira do corpo de mestres que se atopen nalgunha das seguintes situacións:

a) Aqueles profesores ós que se lles suprimise o seu posto de traballo de destino definitivo e continúen na situación de funcionarios con destino provisional por non ter acadado outro destino definitivo por concurso de traslados, sempre que conserven o dereito preferente.

b) Os que estean desempeñando con carácter definitivo un posto de educación infantil e non posúan esta especialidade.

Os funcionarios abranguidos neste apartado que desexen participar no proceso de adscrición deberanllo comunicar á delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, no modelo que se achega como anexo III á presente orde, no prazo de quince días naturais computados a partir do día seguinte ó da súa publicación.

Realizada a opción de participar no proceso de adscrición, este profesorado queda vinculado totalmente a el, incluído, se é o caso, a adxudicación forzosa prevista na quinta fase regulada no apartado noveno da presente orde.

Terceiro.-Non poderán participar no procedemento de adscrición os funcionarios do corpo de mestres:

a) Que estean desempeñando con carácter definitivo un posto de educación infantil e posúan a especialidade correspondente.

b) Que desempeñen con carácter definitivo un posto de educación permanente de adultos.

c) Que estean prestando servicios en centros incompletos de menos de 3 unidades ou de máis unidades

que non teñan escolarizado alumnos do ciclo superior de EXB desde o curso 1990/1991.

d) Que presten servicios nun centro específico de educación especial ou en unidades de educación especial especificamente centradas nun determinado tipo de minusvalidez.

e) Que estean prestando servicios nun centro da Xunta de Promoción Educativa.

f) Que se xubilen forzosa ou voluntariamente con anterioridade ó 1 de setembro de 1996.

Cuarto.-O profesorado especialista non incluído no punto anterior e adscrito actualmente a postos de idioma estranxeiro, educación física, educación musical e educación especial optará ás vacantes existentes da súa especialidade tanto do primeiro ciclo da educación secundaria obrigatoria como ás do centro de educación primaria no que estea destinado.

Poderán optar a estas prazas, igualmente, os profesores especialistas que non estean actualmente adscritos ás citadas especialidades. Os que desexen optar a estas prazas deberanllo comunicar á delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, no modelo que se achega como anexo III á presente orde, no prazo de quince días naturais computados a partir do día seguinte ó da súa publicación.

Realizada a opción de participar no proceso de adscrición por unha destas especialidades, este profesorado queda vinculado no seu desenvolvemento como se estivese ben adscrito na especialidade elixida.

De non existiren vacantes desas especialidades para tódolos especialistas adscritos ou de resultaren adscritos outros profesores con maior dereito que posúan a correspondente especialidade, poderán elixir outra praza para a que estean habilitados tanto do primeiro ciclo da educación secundaria obrigatoria coma de educación primaria.

II. Vacantes.

Quinto.-1. As vacantes que se ofertarán neste procedemento de adscrición serán tódalas prazas de educación primaria e as correspondentes ós idiomas estranxeiros, educación física, educación musical e profesor de apoio á atención de alumnos con necesidades educativas especiais, dos centros sinalados no punto primeiro.

Excepcionalmente, cando o profesorado a que se fai referencia no apartado b) do punto segundo desta orde opte por participar no proceso de adscrición, ofertaranse as prazas de educación infantil que este profesorado deixa vacantes.

2. Ademais das prazas mencionadas no apartado anterior, ofertaranse as vacantes do primeiro ciclo de educación secundaria obrigatoria que, de acordo co catálogo de postos, estean reservadas ós funcionarios do corpo de mestres, das especialidades seguintes:

-Ciencias sociais: xeografía e historia.

-Ciencias da natureza.

-Matemáticas.

-Lingua galega e literatura.

-Lingua castelá e literatura.

-Lingua estranxeira: inglés.

-Lingua estranxeira: francés.

-Educación física.

-Música.

-Profesor de apoio á atención de alumnos con necesidades educativas especiais.

III. Requisitos dos solicitantes e postos ós que se pode optar.

Sexto.-1. Os funcionarios de carreira do corpo de mestres que estean obrigados a participar no procedemento de adscrición regulado nesta orde e os que o fagan voluntariamente, optarán ás prazas do primeiro ciclo de educación secundaria obrigatoria do instituto ó que estea adscrito o seu centro de destino definitivo e ós postos do seu centro de educación primaria para os que estean habilitados, segundo as especialidades que posúan e as equivalencias establecidas no anexo I da presente orde, e coas limitacións establecidas nos puntos anteriores.

2. Entenderanse habilitados os funcionarios do corpo de mestres que accederan ó corpo de profesores de ensino secundario segundo a táboa de equivalencias establecidas no anexo II da presente orde, de acordo co establecido na disposición adicional sexta do Real decreto 1744/1994, do 5 de agosto (BOE do 30 de setembro).

3. Tamén poderán optar a vacantes situadas noutros centros conforme se establece no punto noveno da presente orde.

IV. Criterios de adscrición.

Sétimo.-A adscrición ás vacantes do primeiro ciclo da educación secundaria obrigatoria que corresponda prover por funcionarios do corpo de mestres que posúan a correspondente especialidade, de acordo co catálogo de postos do centro, efectuarase seguindo os seguintes criterios prioritarios, aplicados sucesivamente:

a) Ter superado o procedemento selectivo de acceso e ingreso ó corpo de profesores de ensino secundario pola quenda de mobilidade previsto na disposición adicional décimo sexta.2 da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo. Esta prioridade será de aplicación unicamente para a especialidade pola que ingresaron no dito corpo e para o instituto ó que estea adscrito o centro de educación primaria no que teñan destino definitivo.

b) A puntuación que resulte da aplicación do seguinte baremo:

-1 punto por cada ano de servicio efectivo prestado ininterrompidamente como funcionario de carreira con destino definitivo na zona de escolarización. Para estes efectos valoraranse os servicios prestados en calquera

dos centros de educación primaria adscritos ó instituto. Ó profesorado que continúe en situación de suprimido computaráselle ademais o tempo transcorrido desde a supresión ata o 31 de agosto de 1996.

-1 punto por cada ano de servicio efectivo prestado como funcionario de carreira do corpo de mestres.

Neste punto b) puntuaranse as fraccións de ano a razón de 0,083 puntos por cada mes.

Para estes efectos será computable o presente curso escolar ata o 31 de agosto de 1996.

c) Tempo de servicios efectivos prestados ininterrompidamente como funcionario de carreira con destino definitivo na zona de escolarización.

d) Tempo de servicios efectivos prestados como funcionario de carreira no corpo de mestres.

e) Menor número de rexistro de persoal ou, de se-lo caso, de orde de lista.

f) Aqueles profesores con primeiro apelido que empece pola letra que resulte do sorteo que, para estes efectos, realice a Dirección Xeral de Persoal.

Oitavo.-A adscrición ós postos do centro de educación primaria farase seguindo os seguintes criterios prioritarios aplicados sucesivamente:

a) Antigüidade ininterrompida como propietario definitivo no centro desde o que se solicita. Para estes únicos efectos, ó profesorado que continúe en situación de suprimido computaráselle ademais da antigüidade no centro no que se realizou a supresión, o tempo transcorrido desde a supresión ata o 31 de agosto de 1996.

b) Tempo de servicios efectivos prestados no corpo de mestres como funcionario de carreira.

c) Menor número de rexistro de persoal ou, de se-lo caso, de orde de lista.

d) Aqueles profesores con primeiro apelido que empece pola letra que resulte do sorteo que, para estes efectos, realice a Dirección Xeral de Persoal.

V. Procedemento de adscrición.

Noveno.-O proceso de adscrición desenvolverase, en acto público, seguindo as seguintes fases:

a) Primeira fase.-Ofertaranse as vacantes do primeiro ciclo da educación secundaria obrigatoria do instituto ó que estean adscritos os centros de educación primaria, que estean reservadas para a súa cobertura por funcionarios do corpo de mestres que posúan a especialidade correspondente.

Poderán participar nesta fase, con carácter voluntario, os funcionarios do corpo de mestres abranguidos nos puntos primeiro e segundo desta orde, con destino definitivo nun dos centros de educación primaria adscritos ó instituto de educación secundaria, ou en situación de suprimidos de calquera daqueles.

b) Segunda fase.-Ofertaranse tódalas prazas que resulten vacantes na fase anterior nos centros de educación secundaria radicados no mesmo concello.

Poderán participar nesta segunda fase, con carácter voluntario, os funcionarios do corpo de mestres que na primeira fase non obtiveron praza definitiva e estean destinados definitivamente en calquera dos centros de primaria que estean adscritos a un centro de educación secundaria do concello, ou en situación de suprimidos de calquera daqueles.

c) Terceira fase.-Ofertaranse as vacantes existentes en cada centro de educación primaria.

Poderán participar nela, con carácter voluntario, os funcionarios de carreira do corpo de mestres abranguidos nos puntos primeiro e segundo, con destino definitivo no propio centro ó que corresponden as vacantes, así como os que continúen en situación de suprimidos del, sempre que non obtiveran destino en calquera das fases anteriores.

d) Cuarta fase.-Ofertaranse tódalas prazas que resulten vacantes na fase anterior en tódolos centros de educación primaria dun mesmo concello.

Poderán participar nela, con carácter voluntario, os funcionarios de carreira do corpo de mestres que non resultaron adscritos nas fases anteriores, con destino definitivo en calquera dos centros do concello, así como os que continúen en situación de suprimidos de calquera deles.

e) Quinta fase.-Ofertaranse tódalas vacantes do primeiro ciclo da educación secundaria obrigatoria do instituto ó que estean adscritos os centros de educación primaria, así como as existentes en cada un destes centros de educación primaria que non foron adxudicadas nas fases anteriores.

Participarán obrigatoriamente nesta fase os profesores abranguidos nos puntos primeiro e segundo desta orde que, non resultando adscritos nas fases anteriores, estean destinados nalgún dos centros de educación primaria ós que se fai referencia no parágrafo anterior independentemente de que as vacantes existentes correspondan ó seu centro de educación primaria ou ó centro de educación secundaria ó que está adscrito o seu centro de destino.

O desenvolvemento desta fase será o seguinte:

1º. Ofertaránselle inicialmente as vacantes existentes do primeiro ciclo da educación secundaria obrigatoria ó profesorado que estea habilitado para desempeñalas.

2º. Ofertaránselle as vacantes existentes no centro de primaria ó profesorado con destino definitivo nel ou en situación de suprimido procedente do propio centro que conte coa habilitación para desempeñalas.

No suposto de que queden vacantes no centro de primaria e profesorado sen adscribir procederase á adxudicación forzosa destas vacantes se o profesorado conta coa especialidade correspondente.

3º. Se como consecuencia dos apartados 1º e 2º anteriores quedasen profesores sen resultar adscritos a posto e existisen vacantes no instituto de educación secundaria ó que está adscrito o centro no que tiña destino definitivo o profesor ou desde o que foi supri

mido, procederase á adxudicación forzosa destas vacantes a profesores que posúan a habilitación correspondente para desempeñalas.

Sen prexuízo do establecido no punto cuarto da presente orde o profesorado poderá reservarse. Se na quinta fase se realizasen adxudicacións forzosas, estas recaerán no profesorado que estando en posesión da habilitación pertinente teña menor dereito segundo os criterios establecidos nos puntos sétimo e oitavo.

Sexta fase.-Se rematada a quinta fase continuasen quedando prazas vacantes, estas poderán ser solicitadas voluntariamente polo profesorado que non resultou adscrito, e que tiña dereito a participar na segunda fase.

As vacantes que se ofertan son as resultantes nas fases anteriores en tódolos institutos de educación secundaria e de educación primaria afectados na segunda fase prevista no punto noveno da presente orde.

Décimo.-1. A delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria remitirá ós centros de educación primaria afectados e coa finalidade de que procedan a facelas públicas nos taboleiros de anuncios, alomenos con 10 días naturais de antelación respecto da celebración do acto público de adscrición, as prazas obxecto de adscrición, así como as relacións do profesorado que participa no proceso, nas que se indicará, como mínimo, as especialidades que posúen, o tempo de servicios prestados como funcionario de carreira do corpo de mestres, a antigüidade na zona de escolarización, o número de rexistro de persoal e, se é o caso, ano de oposición e número de lista. Tamén se fará constar se o profesor ou profesora está actualmente ben adscrito a unha das especialidades que se citan no punto cuarto desta orde, indicándoa, así como os que optan por adscribirse a algunha destas especialidades sen que estean adscritos a elas na actualidade.

2. As relacións do profesorado que se publicarán ordenadas segundo a prioridade que resulte da aplicación dos criterios establecidos nos puntos sétimo e oitavo da presente orde, serán as seguintes:

a) Unha relación de todo o profesorado afectado para a adscrición ós postos do primeiro ciclo de educación secundaria obrigatoria que se ofertan na primeira fase.

b) Unha relación de todo o profesorado afectado para a adscrición ós postos do primeiro ciclo de educación secundaria obrigatoria que se poden ofertar na segunda fase.

c) Unha relación de todo o profesorado de cada centro para a adscrición ós postos existentes nel.

d) Unha relación de todo o profesorado de tódolos centros afectados na cuarta fase.

3. No prazo de cinco días naturais contados desde o seguinte ó da publicación das relacións poderase presentar reclamacións contra elas ante a delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

4. As reclamacións serán estimadas ou desestimadas a través da publicación das listas definitivas.

Décimo primeiro.-O procedemento de adscrición será efectuado en sesión pública por unha comisión coa seguinte composición:

a) Un inspector de educación designado pola delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que actuará coma presidente.

b) Cinco vocais, que serán directores de centros de educación primaria, designados pola delegación provincial.

De non existir suficiente número de directores para constituí-la comisión, a delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria procederá a designar a outros profesores.

c) Nos concellos que determinen as delegacións provincias, por razón da súa complexidade, formará parte da comisión un funcionario da delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, designado polo delegado provincial.

d) Poderá formar parte da comisión un representante por cada organización sindical con representación na Mesa Sectorial Docente non universitaria.

Décimo segundo.-As comisións establecerán o calendario da realización das distintas fases da adscrición dentro do período que determine a Dirección Xeral de Persoal.

O calendario farase público no taboleiro de anuncios dos centros afectados.

Décimo terceiro.-1. Coa finalidade de lle dar cumprimento ó disposto no punto cuarto desta orde e tendo en conta o establecido nel, nunha primeira etapa realizaranse tódalas fases de adscrición establecidas no punto noveno das especialidades de idioma estranxeiro, educación física, educación musical e educación especial. De ser posible, esta etapa desenvolverase nunha única ou en dúas sesións públicas.

A orde de elección das vacantes destas especialidades será determinada pola comisión tendo en conta que deberá iniciarse por aquelas especialidades que teñan máis especialistas ca vacantes ofertadas. De darse este suposto en máis dunha especialidade iniciarase por aquela na que a diferencia entre especialistas e vacantes sexa maior.

2. Rematada esta primeira etapa, desenvolverase o proceso de adscrición das restantes vacantes iniciándose pola primeira fase e incluíndose, de se-lo caso, as vacantes resultantes da primeira etapa.

Décimo cuarto.-Rematado o proceso de adscrición as comisións levantarán unha acta por cada fase, e remitiráselle o orixinal á delegación provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e unha copia a cada un dos centros afectados. Os centros publicarán unha fotocopia da acta no taboleiro de anuncios e arquivarán outra copia na secretaría.

Décimo quinto.-Para os únicos efectos de participación no concurso de traslados, ó profesorado que

obteña praza na presente adscrición contaralle para efectos de antigüidade no centro a xerada no seu centro de procedencia.

Décimo sexto.-Contra a resolución da reclamación prevista no apartado 4 do punto décimo e a adscrición poderá interpoñerse recurso ordinario, perante a Dirección Xeral de Persoal, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ó da publicación das copias das actas a que fai referencia o punto décimo cuarto no taboleiro de anuncios do centro.

Disposicións adicionais

Primeira.-A adxudicación dun determinado posto de traballo non exime o profesorado de impartir outras ensinanzas ou actividades que poidan corresponderlle de acordo coas súas especialidades e coa organización pedagóxica do centro.

Segunda.-Para os efectos de determina-la antigüidade no centro será computable o tempo transcorrido en situación de suprimido se, por concurso de traslados, se acadou no mesmo centro o primeiro destino definitivo a partir da supresión.

Terceira.-A participación neste procedemento de adscrición do profesorado que continúa en situación de suprimido procedente dunha escola unitaria efectuarase no centro no que foron escolarizados maioritariamente os seus alumnos. Para os efectos da fase terceira prevista no punto noveno, estes profesores participarán con cero puntos. Nas demais fases participarán coa puntuación que lles corresponda tendo en conta que para efectos de antigüidade se lles computará unicamente o tempo transcorrido desde que foi suprimido na escola unitaria.

Cuarta.-Os profesores que obtiveron destino definitivo nun centro como consecuencia de desagregación ou desdobramento doutro centro computarán, para efectos de antigüidade, a xerada no centro de orixe. Para estes efectos non se terán en conta as integracións das escolas unitarias que computarán a antigüidade no centro desde a data na que se produce a integración.

Quinta.-Os funcionarios do corpo de mestres abranguidas no apartado a) do punto sétimo desta orde, que resulten adscritos ó primeiro ciclo da educación secundaria obrigatoria na mesma especialidade pola que superaron o procedemento selectivo de acceso ó corpo de profesores de ensino secundario, desempeñarán dita praza como funcionarios deste corpo a partir do curso académico 1997-1998.

Estes profesores non poderán cubrir prazas do segundo ciclo de educación secundaria obrigatoria e do ensino post-obrigatorio no seu centro de destino, sen prexuízo de que excepcionalmente impartan determinadas sesións lectivas cando as necesidades do servicio o esixan.

Sexta.-Os funcionarios do corpo de mestres destinados en centros de educación primaria que vaian ser transformados na súa totalidade en centros de educación secundaria ou en centros de educación de adultos, participarán no proceso de adscrición desde o centro de educación primaria que acolla os alumnos

do centro transformado, coa antigüidade correspondente ó seu centro de orixe.

Estes funcionarios, nun número de profesores igual ó que resulte de dividi-la totalidade de alumnos do centro transformado de educación infantil e primaria, agás os de sexto curso, pola ratio media do centro receptor nos cursos citados, participarán no proceso de adscrición no centro de educación primaria que acolla os alumnos do centro transformado. Os restantes profesores destes centros transformados participarán ou poderán participar, segundo o caso, no proceso de adscrición na primeira, segunda, cuarta e sexta fases.

Para os efectos de determinar que profesores participarán no proceso de adscrición no centro de educación primaria aplicaranse os criterios previstos no punto oitavo da presente orde.

Non obstante o anterior, o profesorado adscrito a educación infantil no centro que se transforma poderá optar por quedar na situación de suprimido.

Sétima.-Cando un centro de educación primaria estea adscrito indistintamente a varios institutos de educación secundaria, na primeira fase de adscrición prevista no punto noveno desta orde ofertaranse as vacantes do primeiro ciclo da educación secundaria obrigatoria dos centros afectados e poderán participar nela tódolos funcionarios do corpo de mestres lexitimados para participar neste proceso de adscrición con destino en calquera dos centros de primaria adscritos a aqueles.

Cando un centro de educación primaria estea adscrito indistintamente a máis dun instituto de educación secundaria obrigatoria situados en distinto concello, para efectos da segunda fase optarán ás vacantes dos institutos do concello no que estea radicado o centro de educación primaria.

No suposto de que o centro de educación primaria de adscrición indistinta non conte no seu concello con instituto de educación secundaria o profesorado poderá optar individualmente, para efectos da segunda fase, por calquera dos concellos nos que estean situados os institutos ós que o centro estea adscrito.

Oitavo.-Ó profesorado que desde a situación de suprimido nunha localidade obtivo destino definitivo no centro da mesma localidade correspondente a ámbito de escolarización distinto ó do centro suprimido computáreselle para efectos de antigüidade na zona, desde o centro no que foi suprimido.

Novena.-Os funcionarios pertencentes ó corpo de mestres que desexen participar nos futuros concursos de traslados que se convoquen farano desde os novos postos de traballo obtidos neste proceso de adscrición.

Para efectos da súa participación no concurso de traslados, ó profesorado que obteña praza neste proceso de adscrición non lle será esixible levar dous anos de permanencia ininterrompida no centro, e computaráselle a puntuación de acordo co que se establece no apartado décimo quinto da presente orde.

Décima.-Mentres non se extinga a educación xeral básica, os funcionarios do corpo de mestres seguirán impartindo, de se-lo caso, as áreas correspondentes a ela, segundo as habilitacións que teñan recoñecidas e de acordo coas necesidades de organización dos centros.

Décimo primeira.-Os postos de traballo adxudicados como consecuencia da adscrición regulada na presente orde terán efectos do 1 de setembro de 1996. Sen prexuízo do anterior, a Dirección Xeral de Persoal establecerá os criterios para efectua-las adscricións funcionais, de carácter temporal, que sexan necesarias durante o período de implantación do novo sistema educativo e da operatividade parcial da rede de centros.

Décimo segunda.-Para os efectos de mante-lo dereito preferente no concurso de traslados, os funcionarios do corpo de mestres que queden en situación de suprimidos terán a obriga de solicita-las vacantes dos centros de educación primaria e de educación secundaria situados na mesma localidade na que tiñan destino definitivo, por tódalas especialidades nas que estean habilitados, podendo pedir voluntariamente as restantes da zona educativa que se determine.

Disposición derradeira

Autorízase as direccións xerais de Persoal e Ordenación Educativa e Centros para dictar tódalas disposicións que sexan precisas para o desenvolvemento e execución do disposto nesta orde.

Santiago de Compostela, 15 de maio de 1996.

Juan Piñeiro Permuy

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO I

Profesorado coa habilitación de postos de preescolar ou EGBPostos de educación infantil e primariaPostos do primeiro ciclo de ESO
Ciencias sociaisEducación primaria-Ciencias sociais-Xeografía e historia
Matemáticas e ciencias naturaisEducación primaria-Ciencias da natureza-Matemáticas
Filoloxía: lingua castelá e literaturaEducación primariaLingua castelá e literatura
Filoloxía: lingua e literatura galegaEducación primariaLingua e literatura galega
Filoloxía: lingua castelá e inglés-Idioma estranxeiro: inglés

Educación primaria

Lingua estranxeira: inglés
Filoloxía: lingua castelá e francés-Idioma estranxeiro: francés-Educación primariaLingua estranxeira: francés
Educación física-Educación física-Educación primariaEducación física
Educación musical-Música-Educación primariaMúsica
Educación especial: pedagoxía terapéutica-Educación primaria-Profesor de apoio á atención de alumnos con necesidades educativas especiais-Educación primariaProfesor de apoio á atención de alumnos con necesidades educativas especiais

Educación especial: audición e linguaxe-Audición e linguaxe-Educación primariaAudición e linguaxe
Educación preescolar-Educación infantil-Educación primaria

ANEXO II

Especialidade de acceso ó corpo de profesores de ensinanza secundariaPosto para o que queda habilitado

InglésLingua estranxeira. Inglés
FrancésLingua estranxeira. Francés
Lingua castelá e literaturaLingua castelá e literatura
Lingua e literatura galegaLingua e literatura galega
Matemáticas

Bioloxía e xeología

Física e química

Matemáticas

Ciencias da natureza

Xeografía e historiaCiencias sociais: xeografía e historia
Educación físicaEducación física
MúsicaMúsica
TecnoloxíaTecnoloxía
DebuxoEducación plástica e visual

ANEXO III

Don/Dona

(Apelido e nome)

funcionario/a de carreira do corpo de mestres, con NRP..., e con domicilio para efectos de notificacións en..., Tfno...

EXPÓN: que para efectos da Orde do 15 de maio de 1996, pola que se regula o proceso de adscrición dos funcionarios do corpo de mestres afectados pola implantación de educación primaria e do primeiro ciclo de educación secundaria obrigatoria, se encontra na seguinte situación:

p Suprimido do seu posto de traballo de destino definitivo, continuando na situación de funcionario con destino provisional e conserva o dereito preferente.

p Desempeñando un posto de educación infantil e non posúe esta especialidade.

p Profesor que posúe a especialidade de... e non está adscrito actualmente a unha praza desta especialidade.

p Profesor de centro transformado en centro de educación secundaria ou centro de adultos que desexa participar no centro de educación primaria que acolla os alumnos.

SOLICITA: participar no proceso de adscrición establecido pola Orde do 15 de maio de 1996.

..............., ........ de................... de 1996

(Sinatura)

Sr. Delegado Provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria de....

3740