Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 105 Mércores, 29 de maio de 1996 Páx. 5.036

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

DECRETO 199/1996, do 2 de maio, polo que se prorroga o prazo de vixencia do Decreto 142/1992, do 5 de xuño, sobre subvencións a fondo perdido para rehabilitación de vivendas familiares no medio rural de Galicia.

O Decreto 142/1992, do 5 de xuño, articulaba as axudas autonómicas para a rehabilitación da vivenda rural adaptándoas ó marco das actuacións protexibles do Real decreto 1932/1991, como unha liña máis de axuda entre as previstas para a vivenda con carácter permanente ata o ano 1995.

Así o artigo 2º do devandito decreto autonómico estendía a vixencia de aplicación das súas disposicións ás actuacións que se aprobase ata o 31 de decembro de 1995.

A necesidade e xeral aceptación destas axudas fan oportuno prorroga-la súa vixencia por un período semellante de catro anos, o que permite ademais unha coordinación co novo marco 1996-1999 de financiamento de actuacións protexibles en materia de vivenda e solo establecido polo Real decreto 2190/1995, do 28 de decembro.

Faise necesario así mesmo actualiza-lo réxime de incompatibilidades en relación coa nova normativa estatal e autonómica.

En virtude do anterior, por proposta do conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dous de maio de mil novecentos noventa e seis,

DISPOÑO:

Artigo 1º

1.-As disposicións do Decreto 142/1992, do 5 de xuño, sobre subvencións a fondo perdido para a rehabilitación de vivendas familiares no medio rural de Galicia continuarán vixentes e serán de aplicación ás solicitudes que se presenten ata o 31 de decembro de 1999.

2.-O prazo de presentación de solicitudes determinarase por orde da Consellería de Política Territorial Obras Públicas e Vivenda que será publicada no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 2º

Os beneficios establecidos na presente disposición son incompatibles con calquera outra axuda con cargo ós orzamentos do Instituto Galego de Vivenda e Solo para as mesmas actuacións.

Non se poderán acoller ós beneficios do presente decreto as persoas ás que, nos catro exercicios inme

diatamente anteriores ó da solicitude, lles foron concedidas axudas ó abeiro da normativa autonómica nesta materia ou dos reais decretos 1932/1991, do 20 de decembro, 726/1993, do 14 de maio, e 2190/1995, do 28 de decembro, en materia de rehabilitación.

Así mesmo estas axudas non son compatibles coas axudas autonómicas para a reconstrucción de vivendas unifamiliares no medio rural e para a infravivenda rural.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas as disposicións de igual ou inferior categoría que contradigan o disposto na presente norma.

Disposición derradeira

O presente decreto ten efectos desde o 1 de xaneiro de 1996.

Santiago de Compostela, dous de maio de mil novecentos noventa e seis.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Cuíña Crespo

Conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda

9603830