Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 99 Martes, 21 de maio de 1996 Páx. 4.736

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E MONTES

ORDE do 8 de abril de 1996, conxunta das consellerías de Agricultura, Gandería e Montes e de Sanidade e Servicios Sociais, pola que se crea o Rexistro Oficial de Establecementos e Servicios Praguicidas e se dictan normas para a inscrición nel na Comunidade Autónoma de Galicia.

A regulamentación técnico-sanitaria para a fabricación, comercialización e utilización de praguicidas, no sucesivo RTS, aprobada polo Real decreto 3349/1983, do 30 de novembro, modificada polos reais decretos 162/1991, do 8 de febreiro, e 443/1994, do 11 de marzo, establece que para efectos de facilita-lo control oficial, os establecementos e servicios nos que se desenvolvan actividades reguladas na dita regulamentación, deberán estar inscritas nun Rexistro Oficial de Establecementos e Servicios Praguicidas, no sucesivo Rexistro.

No artigo 4.5º do citado Real decreto 3349/1983, do 30 de novembro, indicábase que os ministerios de Agricultura, Pesca e Alimentación e de Sanidade e Consumo, establecerían conxuntamente as normas de inscrición e funcionamento do Rexistro.

En tanto non se dictaban normas por parte dos ministerios antes mencionados, a Consellería de Agricultura, Gandería e Montes da Xunta de Galicia, ante a urxente necesidade de levar a cabo un control oficial dos establecementos e servicios de praguicidas de uso fitosanitario estableceu, no ámbito da Comunidade Autónoma, unha normativa para regular provisionalmente a inscrición e funcionamento do Rexistro Oficial de Establecementos e Servicios Praguicidas, no referente ós praguicidas de uso fitosanitario.

Finalmente a Orde do 24 de febreiro de 1993, do Ministerio de Relacións coas Cortes e da Secretaría do Goberno, pola que se normaliza a inscrición e funcionamento do Rexistro Oficial de Establecementos e Servicios Praguicidas, establece as normas reguladoras do dito Rexistro sen menoscabo, en todo caso, das competencias de desenvolvemento lexislativo e de execución que ostentan as Comunidades Autónomas e as que corresponden á Administración local.

Ó amparo do Real decreto 3318/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de Agricultura e Pesca, e do Real decreto 1634/1980, do 31 de xullo, de transferencias de competencias da Administración do Estado á Xunta de Galicia en materia, entre outras, de Sanidade, e por proposta das direccións xerais de Producción Agropecuaria e Industrias Agroalimentarias da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes e de Saúde Pública da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais.

DISPOÑEMOS:

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

Créase o Rexistro Oficial de Establecementos e Servicios Praguicidas, no que deberán inscribirse os locais e instalacións en que se fabriquen, formulen, manipulen, almacenen ou comercialicen praguicidas en xeral, así como os que presten servicios de aplicación destes productos no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2º.-Exención de inscrición.

Como excepcións ó establecido no artigo 1º, a obriga de inscrición no Rexistro non afecta a:

a) Os establecementos nos que se fabriquen, manipulen, almacenen ou comercialicen desinfectantes de material clínico ou farmacéutico, de ambientes clínicos e cirúrxicos ou praguicidas de uso na hixiene persoal.

b) Os establecementos nos que se fabriquen, manipulen, almacenen ou comercialicen productos sometidos ó réxime de control dos medicamentos veterinarios.

c) Os establecementos nos que se comercialicen exclusivamente praguicidas autorizados para usos domésticos ou para uso na hixiene persoal, a que se refire o punto 2.3 do artigo 10 da RTS.

Artigo 3º.-Adscrición do rexistro.

O Rexistro queda adscrito á Dirección Xeral de Producción Agropecuaria e Industrias Agroalimentarias da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes.

Artigo 4º.-Estructura do rexistro.

O Rexistro estructurarase en dúas seccións:

1. Sección 1ª: establecementos praguicidas:

Nesta sección deberán ser inscritos, polas persoas naturais ou xurídicas que sexan os seus titulares os seguintes establecementos:

1.1 Plantas de producción: son aquelas instalacións industriais de síntese e de obtención de ingredientes activos praguicidas así como os locais, almacéns e instalacións anexas.

1.2 Plantas formuladoras: son aquelas instalacións dedicadas á formulación de praguicidas mediante a manufacturación ou envasado de preparados, sem

pre que estean situadas fóra da área dunha planta de producción.

1.3 Plantas de tratamento: son aqueles establecementos con cámaras de fumigación, balsas de inmersión e/ou outras instalacións fixas destinadas á execución de tratamentos praguicidas, incluídos os almacéns e instalacións anexas.

1.4 Almacéns distribuidores: son aqueles locais, independentes doutras instalacións, destinados ó almacenamento de praguicidas, técnicos ou formulados, nas redes comerciais de distribución.

1.5 Almacéns comunitarios: son aqueles locais de entidades asociativas, formalmente constituídas que lles subministren praguicidas exclusivamente ós seus asociados.

1.6 Outros almacéns: son aqueles locais destinados ó depósito e almacenamento de productos praguicidas, cando requiran tamén a correspondente autorización municipal para a dita actividade.

1.7 Establecementos de venda: son aqueles locais destinados á venda ó público de preparados praguicidas.

2. Sección 2ª: servicios praguicidas:

Nesta sección incribiranse:

2.1 Fabricantes: son aquelas persoas físicas ou xurídicas que sexan titulares dunha planta de producción ou dunha planta formuladora.

2.2 Distribuidores: son aquelas persoas físicas ou xurídicas que, sen dedicarse á venda ó público, comercializan os praguicidas.

2.3 Vendedores: son aquelas persoas físicas ou xurídicas que teñan como actividade a venda de praguicidas.

2.4 Aplicadores ou empresas de tratamentos: son aquelas persoas fisicas ou xurídicas que efectúan tratamentos praguicidas con carácter industrial, corporativo ou de servicios a terceiros.

A inscrición nesta sección non exclúe da obrigatoriedade de inscrición de cada instalación ou almacén na sección de establecementos, segundo o que se indica no apartado 1, deste artigo.

Artigo 5º.-Solicitudes e documentación.

As solicitudes de inscrición no Rexistro axustaranse ós modelos que figuran nos anexos I e II desta orde. As mesmas, unha vez cubertas polos seus titulares ou representantes acompañaranse, segundo corresponda, da seguinte documentación:

1. Sección de establecementos praguicidas:

a) Fotocopia do NIF/CIF do solicitante.

b) Acreditación da representación, se procede.

c) Fotocopia compulsada da licencia municipal de apertura da actividade para a que solicita autorización. Se os productos que se van a manipular ou almacenar están clasificados como «tóxicos» ou «moi tóxicos», de acordo co indicado no artigo 3º

da RTS, na licencia municipal deberase especifica-la categoría toxicolóxica máxima para a que se autoriza.

d) Memoria descritiva do establecemento ou instalación, referida aás súas características e actividade, incluíndo un plano ou esbozo de situación e outro de distribución interior.

2. Sección de servicios praguicidas:

a) Fotocopia do NIF/CIF do solicitante.

b) Acreditación da representación, se procede.

c) Fotocopia compulsada da licencia fiscal.

d) Relación de persoal afecto ó servicio, detallando a titulación ou capacitación das persoas que desempeñen os postos de particular responsabilidade, ou que desenvolvan as actividades que expresamente a requiran, en aplicación da normativa vixente.

No caso de aplicadores e empresas de tratamentos, ademais dos documentos anteriormente reseñados os solicitantes deberán presentar:

e) Modelo de contrato-factura acreditativo dos tratamentos que van realizar.

f) Memoria na que se indique os principais tratamentos a realizar, zonas de actuación, relación de productos que se empregarán e maquinaria que se utilizará.

g) No caso de que apliquen productos clasificados como «moi tóxicos», contrato subscrito co técnico responsable, se é o caso.

Artigo 6º.-Tramitación.

1. As solicitudes, xunto coa documentación a que fai referencia o artigo anterior, presentaranse na delegación da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes da provincia na que estea o establecemento ou onde teña o domicilio social o servicio. Tamén poderán presentarse en calquera das formas establecidas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. As solicitudes de inscrición requirirán para a súa tramitación un informe dos servicios técnicos das delegacións provinciais da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes para aquelas que teñan relación con praguicidas de uso fitosanitario e/ou de uso gandeiro, ou das delegacións provinciais da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais para as relacionadas con praquicidas de uso na industria alimentaria e/ou de uso ambiental, de acordo coas súas respectivas competencias.

3. As delegacións provinciais de cada unha das consellerías responsables, poderán solicitar informes aclaratorios a outros organismos das administracións públicas, sobre a documentación presentada polo solicitante.

Artigo 7º.-Inscrición.

1. Recibidos os informes técnicos ós que fai referencia o artigo 6º, os delegados provinciais das con

sellerías de Agricultura, Gandería e Montes ou de Sanidade e Servicios Sociais, segundo corresponda, elevarán á Dirección Xeral de Producción Agropecuaria e Industrias Agroalimentarias proposta motivada para a súa inscrición ou non no Rexistro.

2. Unha vez recibida a proposta, a Dirección Xeral de Producción Agropecuaria e Industrias Agroalimentarias resolverá expresamente sobre a inscrición no prazo de tres meses, contados desde o día da presentación da solicitude, comunicando a dita resolución ó interesado e ofrecéndolle os recursos que procedan. Entenderanse desestimadas aquelas solicitudes nas que non se dicte resolución no dito prazo.

3. Realizada a inscrición, a Dirección Xeral de Producción Agropecuaria e Industrias Agroalimentarias expedirá o correspondente certificado de inscrición.

4. O prazo de validez do certificado de inscrición será de cinco anos e o titular do establecemento ou servicio deberá solicita-la expedición dun novo certificado nos tres meses anteriores ó prazo de caducidade do anterior, presentando para isto unha nova solicitude de acordo co que se indica no artigo 5º da presente orde.

5. O titular do establecemento ou do servicio é o responsable de mante-lo certificado de inscrición á disposición dos servicios oficiais de inspección correspondentes.

6. O inicio da actividade dos establecementos e servicios que manexen productos clasificados como «tóxicos» ou «moi tóxicos», estará condicionada á tenza do Libro Oficial de Movemento de Praguicidas Perigosos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 8º.-Actualización do Rexistro.

1. Co obxecto de que a información contida no rexistro se manteña actualizada, a Dirección Xeral de Producción Agropecuaria e Industrias Agroalimentarias procederá á cancelación das inscricións nos seguintes casos:

a) Cando así o solicite o titular do establecemento ou do servicio.

b) Cando, como resultado do informe dunha inspección oficial ou por motivos doutra índole, a autoridade municipal competente revogue a licencia municipal de apertura do establecemento.

c) Cando as actividades do servicio ou as condicións do establecemento incumpran a lexislación vixente.

d) Cando transcorrido o prazo de validez do certificado de inscrición, o titular non solicitase a expedición dun novo certificado.

2. Calquera modificación dos datos consignados no Rexistro será solicitada polo titular á delegación provincial da Consellería de Agricultura, Gandería

e Montes, quedando sometido ó disposto nos termos sinalados no artigo 7º para a inscrición no Rexistro.

Unha vez aceptada a modificación procederase a expedir un novo certificado que exprese as circunstancias daquela.

Artigo 9º.-Réxime sancionador.

A fabricación, venda, distribución ou aplicación de praguicidas sen solicita-la regulamentaria inscrición no Rexistro ou sen cumpri-los trámites de renovación ou continuación periódica das súas inscricións, sancionarase de acordo co previsto no artigo 14 do Real decreto 3349/1983, do 30 de novembro, ou normativa que o substitúa.

Disposicións transitorias

Primeira.-Para a inscrición no Rexistro conforme ó previsto na presente orde disporase dun prazo de seis meses contados desde o día seguinte ó da súa entrada en vigor.

Segunda.-As inscricións efectuadas no Rexistro Oficial de Establecementos e Servicios Praguicidas, para os de uso fitosanitario, de acordo coa normativa establecida na Orde do 31 de xaneiro de 1991 da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes, así como as autorizacións provisionais outorgadas pola Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, para os de uso ambiental, realizadas con anterioridade á entrada en vigor da presente disposición, dispoñerán dun prazo de seis meses para adaptarse ó regulamentado na presente orde. Os ditos documentos serán válidos en tanto non se resolva o expediente de revisión presentado no prazo establecido no parágrafo anterior.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a Orde do 31 de xaneiro de 1991 da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes da Xunta de Galicia, pola que se establece unha normativa para a inscrición no Rexistro Oficial de Establecementos e Servicios Praguicidas.

Disposicións derradeiras

Primeira.-A Dirección Xeral de Producción Agropecuaria e Industrias Agroalimentarias da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes e a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade e Servicios Sociais, propoñerán a elaboración das disposicións necesarias para o desenvolvemento da presente orde, no ámbito das súas respectivas competencias.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Tomás Pérez Vidal José Manuel Romay Beccaría

Conselleiro de Agricultura, Conselleiro de Sanidade

Gandería e Montes e Servicios Sociais

9603832