Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 95 Mércores, 15 de maio de 1996 Páx. 4.605

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

DECRETO 162/1996, do 25 de abril, polo que se declara a urxente ocupación de bens e dereitos co obxecto de impoñe-la servidume de paso para o establecemento e conservación da liña eléctrica aérea, a 15/20 kV e C.T. no Pontido, concellos de Cambre e Culleredo (A Coruña) (expediente 52594).

Unión Eléctrica-Fenosa, S.A., con domicilio para efectos de notificacións na r/ Fernando Macías nº 2 da Coruña, solicitou desta Consellería de Industria e Comercio a concesión dos beneficios de expropiación forzosa e a declaración de urxente ocupación dos terreos afectados pola execución do proxecto de construcción da liña eléctrica aérea a 15/20 kV de 499 m de lonxitude, en conductor LA-56, sobre

apoios metálicos e de formigón, con orixe na L.M.T. Sigrás-Celas e remate no C.T. de 100 kVA que se vai contruír no Pontido, afectando ós termos municipais de Cambre e Culleredo (A Coruña) (Expte. n: 52594).

A dita instalación autorizouse, declarouse de utilidade pública e aprobouse o seu proxecto de execución por resolución da Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña do 21-10-1993, a cal foi obxecto de publicación, inseríndose no DOG do 29-12-1993, no BOP da Coruña do 11-12-1993 e no BOE do 18-11-1993.

A solicitude de urxente ocupación fíxose de acordo co disposto no artigo 31 do regulamento que desenvolve a Lei 10/1966, do 18 de marzo, de expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, aplicable ó presente expediente en virtude do establecido pola alínea 2 da disposición transitoria segunda da Lei 40/1994, do 30 de decembro, de ordenación do sistema eléctrico nacional.

Os anuncios de información pública aberta en función desta petición, coa relación de interesados, bens e dereitos afectados, publicáronse no DOG do 26-10-1995, no BOP da Coruña do 28-10-1995, no xornal El Ideal Gallego do 30-10-1995, e nos taboleiros de anuncios das casas do concello de Cambre e Culleredo e nos da delegación provincial ó mesmo tempo na forma regulamentaria notificouse individualmente a cada un dos interesados que figuran na dita relación.

A tramitación do expediente fíxose de acordo coa Lei 10/1966, do 18 de marzo, e co seu regulamento de aplicación, aprobado polo Decreto 2619/1966, do 20 de outubro; durante o período en que se someteu a trámite de información pública, formulou alegación de desconformidade co trazado da liña o propietario dos predios nº 10 e 11, a que se desestima xa que a variante proposta afectaría de forma distinta ós predios colindantes, cos que xa chegou ó mutuo acordo, afecta a terceiros propietarios dos que non consta o seu consentimento ó paso da liña, e supera os límites previstos no artigo 26 do Decreto 2619/1966, do 20 de outubro. En canto á información pedida polo propietario dos predios nº: 12 e 13, relativa á forma de afección da liña ás súas propiedades, foilles achegada pola empresa beneficiaria.

Unha vez efectuada, por técnicos da Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio da Coruña, a inspección sobre o terreo seguindo o trazado aprobado para a instalación desta liña, púidose comprobar que nos bens afectados sobre os que se solicitan os beneficios de expropiación, para os efectos da imposición de servidume, non se dan os supostos prohibitivos previstos nos artigos 6 de Lei 10/1966, do 18 de marzo, e 25 do Decreto 2619/1966, nin lles son de aplicación as limitacións do artigo 26 do dito decreto.

Estímase xustificada a urxente ocupación solicitada pola compañía Unión Eléctrica-Fenosa, S.A., xa que con esta liña preténdese amplia-las redes

de distribución de enerxía, para mellora-la subministración eléctrica nos sectores de establecemento das instalacións e poder garanti-las máximas condicións de seguridade da subministración nas ditas zonas, atendendo as constantes reclamacións polo mal servicio no sector e debido a que a imposición da servidume de paso polo procedemento ordinario faría imposible cumpri-los prazos previstos para estas instalacións.

Na súa virtude, e por proposta do conselleiro de Industria e Comercio, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vintecinco de abril de mil novecentos noventa e seis,

DISPOÑO:

Artigo único.-Para os efectos previstos na Lei 10/1966, do 18 de marzo, de expropiación forzosa e sancións en materia de instalacións eléctricas, e no seu regulamento de aplicación, aprobado polo Decreto 2619/1966, do 20 de outubro, declárase urxente a ocupación de terreos e bens gravados coa servidume de paso imposta co alcance previsto no artigo 4 da lei citada, para realiza-la instalación proxectada e proposta por Unión Eléctrica-Fenosa, S.A., da liña eléctrica aérea e centro de transformación (C.T.) no Pontido.

Os bens e dereitos a que afecta esta disposición sitúanse nos termos municipais de Cambre e Culleredo (A Coruña) e son tódolos que figuran na relación presentada pola empresa solicitante dos beneficios de expropiación, que consta no expediente, o cal se someteu a información pública na forma e datas anteriormente descritas.

Santiago de Compostela, vintecinco de abril de mil novecentos noventa e seis.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Antonio Couceiro Méndez

Conselleiro de Industria e Comercio

3544