Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 92 Venres, 10 de maio de 1996 Páx. 4.394

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE

RESOLUCIÓN do 18 de abril de 1996 pola que se convoca un curso sobre problemática en municipios turísticos dirixido ós membros dos corpos das policías locais de Galicia.

Dentro dos programas de actividades que a Academia Galega de Seguridade ten previsto realizar no ano 1996 de forma descentralizada, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade, anúnciase a celebración dun curso sobre problemática en municipios turísticos, que deberá desenvolverse conforme as seguintes bases:

Obxectivos.

O curso ten por obxectivo principal da-los coñecementos necesarios en materia turística, para que os policías poidan atallar e resolve-los posibles problemas que se lles poidan presentar en época estival.

Destinatarios.

O curso vai dirixido ós membros dos corpos das policías locais de Galicia.

Inscrición.

A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta.

Prazas.

O número de prazas que se ofertarán neste curso será de 40.

Solicitudes.

1. O persoal que desexe participar neste curso deberá presentar cuberta á máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo, acompañada dunha fotocopia do DNI, e do carné profesional.

2. O prazo para a presentación de instancias rematará o día 30 de maio, ás 14 horas.

3. As instancias deberán vir asinadas polo xefe do cadro de persoal, ou polo concelleiro de tráfico e seladas, será isto requisito indispensable para ser admitido no curso; o incumprimento deste requisito suporá a non admisión no devandito curso.

4. As instancias deberán enviarse á sede da Academia Galega de Seguridade: rúa de Madrid, 2-4,

polígono das Fontiñas, 15703, Santiago de Compostela, ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Contido e duración.

O curso celebrarase en sesións de tarde, de luns a venres, e nel trataranse, entre outros, os seguintes temas:

a) Tráfico: regulación, concentracións, párking, retirada e inmobilizacións de vehículos.

b) Alcoholemia: controis, a nova regulación.

c) Hostelería: reclamacións por distintas cuestións, prezos abusivos, mala calidade, medidas territoriais.

d) Extranxeiros: non residentes, identificación, detención, menores, denuncias por tráfico.

e) Movidas nocturnas: horarios de peche dos locais, ruídos no exterior deles, altercados e alteracións da orde, tráfico de drogas, consumo de alcohol por menores, venda de tabaco e acceso a locais.

f) Venda ambulante: venda, ruídos.

Datas.

O curso celebraráse en datas do 17 ó 21 de xuño, en horario de 16 a 20 horas do serán.

Realción de admitidos.

A relación de admitidos publicarase o día 6 de xuño, no taboleiro de anuncios da Academia Galega de Seguridade, ou ben poden confirma-la súa asistencia chamando ó teléfono (981) 56 34 00.

Lugar.

O curso desenvolveráse no concello de Foz, quedando por determina-lo lugar de celebración, que se comunicará previamente xunto coa lista de admitidos.

Certificado de asistencia.

Ó remate do curso entregaráselles un certificado de asistencia a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada a el. Non poderán supera-las faltas de asistencia un 15% do total da duración de horas lectivas do curso; unha inasistencia superior ó 15%, aínda que sexa xustificada, implicará a non expedición do certificado.

Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade poderá modificá-lo desenvolvemento do curso para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

Santiago de Compostela, 18 de abril de 1996

Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridade

3470