Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 92 Venres, 10 de maio de 1996 Páx. 4.394

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 29 de abril de 1996 pola que se autoriza a apertura das librerías o día 17 de maio, festividade do Día das Letras Galegas.

De acordo co disposto no Decreto 20/1994, do 4 de febreiro, polo que se regulamentan os horarios comerciais no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, correspóndelle á Consellería de Industria e Comercio fixar anualmente os domingos e festivos que se consideren hábiles para os efectos do exercicio da actividade comercial.

En desenvolvemento do citado decreto de 1994, a Orde do 14 de decembro de 1995 determina os domingos e festivos nos que os establecementos comerciais poderán permanecer abertos ó público durante o ano 1996.

Debido á conmemoración do Día das Letras Galegas, considerado día de festa con carácter xeral no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e tendo en conta a estreita relación existente entre a divulgación das letras galegas, a súa promoción e difusión a través dos libros escritos neste idioma,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Autorízase a apertura dos establecementos comerciais adicados á venda de libros o día 17 de maio de 1996, festividade do Día das Letras Galegas.

Artigo 2º

Os establecementos comerciais dedicados á venda de libros poderán cambia-lo día 30 de xuño de 1996 no que se autoriza a apertura de establecementos comerciais para o ano 1996 polo 17 de maio, celebración do Día das Letras Galegas.

Disposicións derradeiras

Primeira.-As disposicións contidas na presente orde aplicaranse sen prexuízo do disposto na Orde do 14 de decembro de 1995 pola que se establecen os domingos e festivos nos que se autoriza a apertura de establecementos comerciais durante o ano 1996.

Segunda.-A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de abril de 1996.

Antonio Couceiro Méndez

Conselleiro de Industria e Comercio

3160