Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 91 Xoves, 09 de maio de 1996 Páx. 4.337

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 14 de marzo de 1996, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón a inscrición, rexistro e publicación no Diario Oficial de Galicia do convenio colectivo da empresa Remolcadores de Vigo, S.A. (Remolcavisa).

Visto o expediente do convenio colectivo para a empresa Remolcadores de Vigo, S.A. (Remolcavisa), que tivo entrada nesta delegación provincial o día 22-2-1996, subscrito en representación da parte económica por unha representación da empresa, e da parte social, polos delegados de persoal, con data 9-2-1996, de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenio colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de traballo, esta delegación provincial,

ACORDA:

Primeiro.-Ordena-la súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, desta delegación provincial, e a súa notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordena-lo seu depósito no Servicio de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñe-la súa publicacio no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 14 de marzo de 1996.

Antonio Coello Bufill

Delegado provincial de Pontevedra

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

O presente convenio será de aplicación á empresa Remolcadores de Vigo, S.A. (Remolcavisa), e o persoal de flota dos seus buques.

Artigo 2º.-Vixencia, prórroga e denuncia.

O presente convenio entrará en vigor o 1 de xaneiro de 1996 con independencia da data da publicación no BOP.

A súa vixencia será dun ano con efectos ata o 31 de decembro de 1996, e será denunciado polo menos cun mes de antelación respecto da data do seu vencemento; en caso contrario, prorrogarase por períodos anuais sucesivos.

Mentres as partes, unha vez denunciado o convenio, non teñan asinado un novo que substitúa este convenio, continuará vixente na súa totalidade.

Artigo 3º.-Vinculación á totalidade.

Para tódolos efectos o presente convenio constitúe unha unidade indivisible, polo que non se pretenderá unha ou varias das súas cláusulas, rexeitando o resto, senón que será aplicado e observado na súa integridade e considerado globalmente.

Se a autoridade laboral competente non aprobase algunha das normas deste convenio e este feito desvirtuase o seu sentido, a xuízo das partes, quedará sen eficacia a totalidade do convenio, que deberá ser considerado de novo pola comisión negociadora.

Artigo 4º.-Compensación e absorcións futuras.

O conxunto das condicións salariais pactadas neste convenio absorberán e compensarán no seu conxunto e en cómputo anual, outras melloras parciais que, por disposición legal de carácter xeral e específico para o sector, sexan pactadas por calquera orixe que fose, ou que no futuro puidesen establecerse.

Artigo 5º.-Condicións máis beneficiosas.

En todo o establecido neste convenio respectaranse as condicións máis beneficiosas colectivas e ad personam existentes, sempre que no seu conxunto e en cómputo anual sexan superiores ás establecidas no presente convenio.

Artigo 6º.-Período de proba.

1) Toda admisión de persoal fixo para as actividades comprendidas neste convenio considerarase provisional durante o período de proba variable, de acordo co labor ó que o tripulante se dedique, que non será superior á establecida na seguinte escala:

a) Titulados: 75 días.

b) Maestranza e subalternos: 30 días.

2) No caso de que o período de proba finalize no transcurso dunha travesía, este considerarase prorrogado ata que o buque chegue ó porto, pero a vontade por parte do armador de rescindi-lo contrato de traballo por non supera-lo período de proba deberalle ser comunicada por escrito ó tripulante nos prazos recollidos no número anterior.

No caso de non cumprirse co recollido no parágrafo anterior considerarase o tripulante como fixo do cadro de persoal.

3) Nos casos de rescisión do contrato por fin de período de proba, por vontade do trabajador, os gastos da viaxe serán ó seu cargo. No caso de que a rescisión sexa por vontade da empresa, os gastos da viaxe ó domicilio habitual do traballador serán por conta da empresa.

4) Concluído a satisfacción de ámbalas partes o período de proba, o tripulante pasará a figurar no cadro de persoal fixo da empresa e o tempo do período de proba seralle computado para os efectos de antigüedade.

5) A empresa, no suposto de rescisión durante o período de proba, entregará a documentación relativa ó tempo efectivamente traballado e o certificado de empresa das cotizacións efectuadas á Seguridade Social.

6) Unha vez finalizado o período de proba por vontade da empresa e coa chegada ó porto o traballador percibirá unha gratificación de viaxe consistente en dous días de salario.

7) A situación de incapacidade laboral transitoria (ILT) durante o período de proba interrompe o cómputo del.

Artigo 7º.-Comisión de servicio.

Entenderase por comisión de servicio a misión profesional ou os cometidos especiais que circunstancialmente lles ordene a empresa realizar ós tripulantes en calquera lugar, así como a expectativa de embarque cando o tripulante se encontre fóra do seu domicilio por orden da empresa.

Na comisión de servicio, os tripulantes devengarán o salario real que viñan desfrutando no seu posto normal de traballo, así como vacacións de convenio.

Se a comisión de servicio se realizara fóra do domicilio do tripulante, percibirá as axudas de custo estipuladas neste convenio.

Cando a comisión de servicio teña unha duración superior a 15 días e se realice no domicilio do tripulante, devengaranse vacacións segundo establecido na OTMM (ou norma que a substitúa). En calquera caso, os gastos que poidan realizarse aboaranse logo de xustificación debendo a empresa adiantar unha cantidade estimada polo importe de ditos gastos.

O delegado, durante a negociación do convenio, manterase na comisión de servicio.

Artigo 8º.-Transbordo.

Enténdese como tal o traslado do tripulante dun buque a outro da mesma empresa dentro do transcurso do período de embarque. Existen dúas clases de transbordo:

a) Por iniciativa da empresa. Por necesidades de organización ou servicio, o transbordo será disposto pola empresa, para o que se seguirán os seguintes criterios:

a.1) Criterio de excepción para o delegado.

a.2) Orde inversa á da antigüidade na empresa.

a.3) Non ser transbordado máis dunha vez durante o período de embarque.

a.4) Se o tripulante fose transbordado a un buque onde a percepción salarial fora menor cá que tiña en condicións homoxéneas de traballo, percibirá por

unha soa vez por campaña e en concepto de indemnización, unha cantidade equivalente á diferencia que resulte entre o percibido no seu último destino e no novo.

b) Por iniciativa do tripulante. Cando por razóns de ubicación do seu domicilio e outras causas xustificadas, o tripulante así o solicite e a empresa poida proporcionarllo. En ámbolos casos, ata que o traballador non estea enrolado no novo buque, permanecerá nas condicións que viña desfrutando no buque anterior do cal desembarcou, sendo por conta da empresa os gastos de transporte que ocasione o tripulante.

Artigo 9º.-Expectativa de embarque.

Considerarase expectativa de embarque a situación do tripulante que se atopa no seu domicilio, procedente dunha situación diferente á de embarque ou comisión de servicio dispoñible e ás ordes da empresa. A expectativa de embarque durará ata o día anterior no que o tripulante saia do seu domicilio para entrar na situación de servicio a empresa.

En ningún caso se poderá mante-lo tripulante por un tempo superior a 30 días, pasando a partir dese momento á situación de comisión de servicio.

Durante a expectativa de embarque, o tripulante percibirá o salario profesional e desfrutará das vacacións de ordenanza.

Artigo 10º.-Licencias.

1) Con indiferencia do período convido de vacacións, recoñécese o dereito a desfrutar de licencias polos motivos que a seguir se enumeran:

De índole familiar, para asistir a cursos ou exames para a obtención de títulos ou nomeamentos superiores ou cursiños de carácter obrigatorio, complementarios ou de perfeccionamento e capacitación na Mariña Mercante que sexan necesarias por lei, a empresa verase obrigada a facilita-la obtención dos ditos cursiños ós traballadores, e para asuntos propios.

2) A concesión de toda clase de licencias corresponde ó armador. O peticionario deberá presenta-la oportuna instancia e o armador adoptará a resolución sobre ela, dentro dos 30 días seguintes á súa solicitude.

Nos supostos de licencias por motivos de índole familiar, os permisos que se soliciten deberán ser concedidos polo capitán no momento de ser solicitadas, desembarcando o tripulante no primeiro porto cos medios máis directos de desprazamento e dentro dos límites xeográficos contemplados no apartado número 3.

3) Os gastos de desprazamento para o desfrute das licencias correrán a conta do peticionario a excepción dos ocasionados por morte do cónxuxe ou fillos, que correrán a conta do armador, quedando restrinxido o dereito ó desembarque e reembarque a tódolos portos de Europa, mar Mediterráneo, mar Negro e os portos de África ata o paralelo Noadibou.

Non obstante, quedan excluídas destas limitacións xeográficas as causas de enfermidade grave ou morte do cónxuxe ou fillos.

4) Licencias por motivo de índole familiar.

Estas licencias serán retribuídas nos seguintes casos:

-Matrimonio: 20 días.

-Nacemento de fillos: 15 días.

-Enfermidade grave do cónxuxe, fillos, pais e irmáns, incluso políticos ata 10 días.

-Morte do cónxuxe e fillos, incluso políticos: 15 días.

-Morte de pais e irmáns, incluso políticos: 12 días.

-Traslado de domicilio: 1 día.

Non obstante estes prazos e atendendo ás excepcionais circunstancias que poidan concorrer nalgunhas situacións xustificadas, a empresa concederá os días necesarios.

Ningunha das licencias descritas nestes apartados do número 4), serán acumuladas ás vacacións, a excepción da de matrimonio que si se poderá acumular. Non obstante o parágrafo anterior, o tripulante embarcado, logo de comunicación á empresa armadora, poderá optar pola dita acumulación no caso de natalidade.

Os tripulantes que desfruten das licencias previstas neste apartado percibirán o seu salario profesional.

As licencias empezarán a contar desde o día seguinte ó do desembarco.

5. Cursiños por necesidade da empresa.

Cando algúns dos cursos se realicen por necesidade da empresa, o tripulante atoparase en situación de comisión de servicio todo o tempo que duren os cursiños. Se os tripulantes se integrasen a calquera dos cursos nas vacacións, estas quedarán interrompidas. Unha vez finalizado o curso, seguirá o desfrute delas.

6. Licencias por asuntos propios.

Os tripulantes poderán solicitar licencias por necesidade de atender persoalmente asuntos propios que non admitan demora por un período de ata seis meses que poderán concederse polo armador en atención ós fundamentos que se expoñan polo solicitante e ás necesidades do servicio.

Estas licencias non terán dereito a retribución de ningunha clase.

Artigo 11º.-Excedencias.

1) Excedencia voluntaria.

Poderá solicitala todo tripulante que conte polo menos cun ano de antigüidade na empresa. As peticións resolveranse no prazo dos 30 días seguintes á data da presentación.

O prazo mínimo para as excedencias será de seis meses e o máximo de 5 anos. Se o excedente, un mes antes de finaliza-lo prazo para o que se lle concedeu a excedencia, non solicitase o seu reingreso na empresa, causará baixa definitivamente nela.

Se solicitase o reingreso, este efectuarase tan pronto como exista vacante na sua categoría.

No suposto de que non existise vacante da súa categoría e o excedente optara voluntariamente por algunha categoría inferior, dentro da súa especialidade, percibirá o salario correspondente a esta ata que se produza a súa reincorporación á categoría que lle corresponde.

O excedente, unha vez reincorporado á empresa, non poderá optar á solicitude dunha nova excedencia ata que non transcorreran polo menos 4 anos de servicio activo na compañía, desde a finalización daquela.

O tempo transcorrido nesta situación non se computará para ningún efecto.

2) Excedencia forzosa.

Dará lugar a situación de excedencia forzosa calquera situación orixinada polas seguintes causas: nomeamento para calquera cargo político ou sindical de ámbito provincial ou superior, electivo ou por designación.

Nos casos de cargo político ou sindical, a excedencia comprenderá todo o tempo que dure o cargo que o determine e outorgará dereito a ocupa-la mesma praza que desempeñaba anteriormente, computándose o tempo de excedencia como en activo para tódolos efectos.

O excedente deberá solicita-lo seu reingreso dentro dos 30 días seguintes ó cesamento no seu cargo político ou sindical. Caso de non exerce-la dita petición dentro deste prazo perderá o seu dereito ó reingreso na empresa.

Artigo 12º.-Escalafóns.

A empresa levará obrigatoriamente un escalafón público onde figure todo o persoal dela, co seu cargo e antigüidade.

O dito escalafón deberá encontrarse actualizado anualmente e á disposición directa dos tripulantes de cada buque, entregando copia ó delegado de personal.

Artigo 13º.-Axudas de custo e viaxes.

Axuda de custo é a cantidade que se devenga diariamente para satisface-los gastos de manutención e estadías que se orixinen no desprazamento fóra do domicilio.

Percibiranse axudas de custo nos seguintes casos:

1) Comisión de servicio fóra do domicilio.

2) Durante o tempo de viaxe necesario para o embarque ou desembarque ata a chegada ó seu domicilio.

3) Na expectativa de embarque fóra do domicilio.

As axudas de custo no territorio nacional pagaranse a razón de 7.875 ptas. por cada unha das viaxes, sexa para o embarque ou de regreso ó domicilio, establecéndose os seguintes conceptos e valores:

Comida: 1.863 ptas.

Cea: 1.630 ptas.

Almorzo: 518 ptas.

Aloxamento: 4.140 ptas.

A empresa entregará como mínimo a cantidade de 5.000 ptas. os traballadores (en concepto de anticipo) para que poidan satisface-los gastos que se orixinen no desprazamento ó embarque ou ó desembarque, xustificando os gastos ocasionados; no caso de que por motivos xustificados teñan que realizarse gastos superiores, entregaránselle á empresa os recibos oportunos para a súa consideración para efectos do reembolso.

No estranxeiro, a empresa estará obrigada a facilita-los medios de transporte e aloxamento máis idóneos e adecuados ó tripulante.

A empresa aboará os gastos de viaxe elixindo o tripulante o medio de transporte máis idóneo, adecuado e directo, quedando excluídos os taxis de alugueiro e as clases de luxo. Para os taxis de longo percorrido considerarase como tal as distancias superiores a 25 quilómetros.

No caso de uso destes medios, a súa utilización deberá estar xustificada por falta de billetes doutro tipo para o seu urxente embarque ou porque da súa utilización se deriven maiores economías que os propios gastos. O tripulante presentará os comprobantes.

En todo caso, o tripulante percibirá por adiantado da empresa ou armador ou do seu representante, o importe aproximado dos gastos de locomoción e axudas de custo, no caso de que non entreguen os correspondentes billetes de pasaxe.

No caso de que os gastos de desembarco por accidente ou enfermidade lles sexan aboados pola empresa ós tripulantes, estes estarán obrigados a enviarlle á empresa os correspondentes xustificantes.

Artigo 14º.-Xornada laboral.

A xornada laboral será de 40 horas semanais. A diferencia entre esta xornada e a que se realice na mañá do sábado, compensarase en descansos anuais para os tripulantes na forma que se detalla no artigo 16 do presente convenio. Os sábados, domingos e festivos soamente se empregarán para gardas de mar, gardas de fonda, emerxencia do buque ou a carga, así como para as manobras de porto e fondeo sempre e cando se realicen dentro da xornada laboral que ten asignada a tripulación nun día ordinario, suplementándose mediante un plus de gardas e traballos, que se establece en 229 ptas./hora.

No caso de que estes traballos se realizaran fóra do horario establecido para os tripulantes nun día

ordinario, pagarase o valor establecido para a hora extraordinaria de acordo coa respectiva categoría.

Artigo 15º.-Horas extraordinarias.

As horas extraordinarias serán de libre ofrecemento por parte do armador ou dos seus representantes e a prestación delas será sempre voluntaria por parte dos tripulantes, salvo nos seguintes supostos:

1. Os traballos de fondeo, atracada e desatracada, emendadas previas, aperturas e peches de zapóns e arranches.

2. No mar, sempre que as necesidades da navegación así o esixan para chegar a boa fin a viaxe iniciada polo buque e en porto cando a programada saída do porto o requira.

3. Atención da carga e as operacións necesarias para que o buque poida realiza-la carga e descarga, así como aprovisionamento sempre e cando por te-lo o buque que saír ó mar inmediatamente, non podida realizarse en xornada normal. Nestes casos utilizarase unicamente o persoal estrictamente necesario.

4. Atención de autoridades no porto e traballos similares de ineludible realización.

5. En situación de socorro a outros buques ou persoas en perigo ou cando foran necesarias ou urxentes durante a navegación para a seguridade do buque, persoas ou cargamento.

6. Nos supostos de formalidades aduaneiras, corentena e outras disposicións sanitarias.

As horas extraordinarias na Mariña Mercante teñen carácter especial, consideraranse como horas estructurais, dado que se producen por continxencias necesarias na navegación, imprevisibles na maior parte dos casos. A consideración do buque como centro de traballo da tripulación e o réxime especial da Mariña Mercante fai que a compensación retribuída das horas extraordinarias teña unha natureza específica de cálculo do seu valor.

Establécese unha garantía retributiva para as horas extraordinarias, cun valor que está recollido na táboa salarial anexa.

Artigo 16º.-Vacacións.

As vacacións devengaranse a razón de 0,5 días por cada día de embarque, a razón de 30 días de vacacións por cada 60 días de embarque ou situación similar. Cando por necesidades do servicio fose necesario o embarque dun tripulante antes de finaliza-las súas vacacións, os días desfrutados acumularanse ó seguinte período de vacacións, se ben o embarque non se producirá antes do desfrute das 4/5 partes das mesmas. En calquera caso o embarque anticipado non deberá producirse en dúas ocasións consecutivas. En casos de alta por enfermidade ou accidente, o tripulante pasará a desfruta-las vacacións que teñan devengadas, non rexendo o parágrafo mínimo a que se refire o parágrafo anterior.

Considerarase como situación asimilada ó embarco para efectos de vacacións, as seguintes: expectativa

fóra do domicilio, desprazamentos para embarque, reparacións para o buque e baixas por accidente de traballo ou enfermidade que requira hospitalización e polo tempo que precise a dita hospitalización.

Artigo 17º.-Relevos de persoal de vacacións.

Empresa e tripulantes están obrigados ó estricto cumprimento do réxime de vacacións establecido neste convenio, non podendo en ningún caso ser compensadas economicamente, admitindo como límite de flexibilidade o regulado a continuación.

A empresa poderá efectua-los relevos do persoal que teña que desfrutar das súas vacacións da siguinte forma:

15 días antes daquel que corresponda ó devengo delas ata 15 días despois do dito prazo de devengo.

Artigo 18º.-Incremento salarial.

Os valores salariais están reflectidos na táboa salarial anexa a este convenio.

Artigo 19º.-Traballos especiais.

Teñen consideración de traballos especiais aqueles que en condicións normais, non lles é obrigatorio realizar ós tripulantes, por corresponde-los ditos traballos a traballadores de terra.

Dado o carácter voluntario da realización destes traballos, o tratamento económico pactarase libremente entre o armador e os traballadores.

Exclúense aqueles traballos que tradicionalmente se viñeron efectuando.

Este punto será desenvolto pola comisión paritaria, formada polo empresario e os traballadores.

Artigo 20º.-Baixas por enfermidade profesional e accidente laboral.

Durante o tempo de baixa por enfermidade profesional ou accidente, percibirase o 100 % da base de cotización do tripulante afectado, durante os 30 primeiros días, o resto segundo a lexislación vixente, referido sempre ó mes embarcado inmediatamente anterior ó da súa baixa, devengando neses 30 días vacacións de convenio.

Os traballadores que con ocasión dun accidente resultaran incapacitados para o exercicio da súa profesión mariña, terá dereito a incorporarse a un posto no cadro de persoal de Remolcavisa de terra, nos postos de nova creación ou vacantes que se produzan na categoría profesional adecuada. Se fose necesario incluso se facilitaría a reciclaxe profesional adecuada.

Artigo 21º.-Seguro de accidentes.

Establécese a cargo da empresa e a favor dos tripulantes un seguro de accidentes, para cubri-los riscos de morte e invalidez permanente, coas seguintes contías:

Por morte: 5.000.000 de ptas.

Por invalidez permanente: 5.000.000 de ptas.

Artigo 22º.-Perda de equipaxe a bordo.

En caso de perda de equipaxe a bordo por calquera membro da tripulación debido a naufraxio, incendio ou calquera outro accidente, non imputable ó ou ós prexudicados, a empresa aboará como compensación as seguintes cantidades:

a) Por perda total: 100.000 ptas.

b) Por perda parcial unha cantidade que non será superior as 100.000 ptas. a xuízo do capitán, unha vez oído o delegado dos tripulantes e o interesado.

En caso de que por parte da empresa se aboe indemnización de vestiario ou se faciliten uniformes e estes artigos foran danados, a indemnización reducirase un 20%.

En caso de falecemento do tripulante, esta indemnización serálles aboada ós seus herdeiros.

Artigo 23º.-Gratificacións extraordinarias.

Aboaranse con carácter extraordinario dúas pagas extras, unha antes do 30 de xuño e outra antes do 15 de decembro.

Artigo 24º.-Roupa e servicios de lavandería.

1. A roupa de traballo será por conta da empresa atendéndose ó establecido nas normas de seguridade e hixiene no traballo.

2. O lavado da roupa da cama, toallas e servicio de fonda, correrá a cargo da empresa, así como proverá ós buques de medios pertinentes para o lavado dos efectos persoais dos tripulantes (lavadora, prancha ou pranchadora e secadora).

-Roupa de traballo a bordo.

Todo o persoal embarcado disporá en perfecto uso dos efectos seguintes:

A) Oficiais de ponte.

Disporán de funda, un equipo de auga completo, un casco (lanterna e luvas), segundo necesidades e en cantidades suficientes (ante entrega do vello).

B) Oficiais de máquinas.

Disporán de dúas fundas, un casco, calzado especial de seguridade, lanternas e luvas, segundo necesidades e en cantidades suficientes (ante entrega do vello).

C) Contramestres e mariñeiros.

Disporán de tres fundas ou similar, un equipo de auga completo, un casco, calzado especial, (lanterna e luvas), segundo necesidades e en cantidades suficientes (ante entrega do vello).

D) Engraxadores.

Percibirán os mesmos efectos cós de cuberta, agás roupas de auga, que utilizarán a xa citada comunmente para o departamento de máquinas.

E) Persoal de cociña.

Os cociñeiros disporán de dúas chaquetiñas brancas, dous pantalóns, tres camisetas brancas e seis mandís.

Os camareiros, de dúas chaquetiñas brancas e dous pantalóns.

Todo persoal embarcado disporá dunha cartilla onde reflicta a roupa e efectos que reciben. Os efectos transferibles (cascos, lanternas, chuvasqueiros, etc.), serán entregados ó desembarco ós seus respectivos xefes de departamento.

Os criterios para cambio de roupa serán levados segundo estado de uso dos ditos efectos.

A comisión de a bordo, delegado dos tripulantes ou membro do comité de empresa de flota, xunto co xefe de departamento, determinarán o estado deles.

Artigo 25º.-Traballo de reparación.

Estando o barco en reparación fóra do porto base, o persoal embarcado estará nas mesmas condicións que co barco en servicio para tódolos efectos.

Co barco no porto base, o persoal que traballe a bordo será a xornada normal e os días computaranse como embarcado. Se durante a realización dos citados traballos non se lles dá servicio de comidas e durmida a bordo, aboaráselle as axudas de custo establecidas no artigo 13º do presente convenio. Así mesmo entregaráselle o importe das viaxes que teñan que realizar para os desprazamentos para efectua-lo dito traballo (ós traballadores que vivan fóra da localidade onde se realice a reparación).

Artigo 26º.-Comidas especiais.

Enténdese por comidas especiais as que se preparan para datas sinaladas como os días: 1º de maio, Nosa. Sra. do Carme, Noiteboa e Noitevella. A cantidade, calidade e tipo de comida para estes días será a criterio do cociñeiro e comisión de comidas e a compañía correrá cos gastos.

A manutención, para ningún efecto terá a consideración de salario, por conseguinte non será esixible durante as vacacións, permisos, licencias, baixa por enfermidade, accidentes ou outras situacións similares. Tampouco se aboará coas pagas extraordinarias ni con calquera outro devengo que recoñeza a Ordenanza de traballo da Mariña Mercante.

Artigo 27º.-Cadros de persoal operativos.

Establécense os seguintes cadros de persoal operativos:

Bq/mariñeiroBq/explorador

CapitánCapitán

Xefe de máquinasXefe de máquinas

1º oficial de ponte1º oficial de ponte

1º oficial de máquinas1º oficial de máquinas

CociñeiroCociñeiro

ContramestreContramestre

EngraxadorEngraxador

Artigo 28º.-Actividade sindical.

Norma 1.

O tripulante que resulte elixido como representante, ou delegado de persoal exercerá as súas funcións sindicais representativas con toda liberdade durante o tempo para o que fora elixido, a salvo sempre das súas obrigacións de traballo.

O exercicio destas funcións concrétase nas seguintes facultades:

1) Expresar con enteira liberdade as súas opinións nas materias concernentes á esfera da representación sindical.

2) Reunirse co resto da tripulación para deliberar sobre temas de actividade sindical.

3) Promove-las accións que sexan necesarias para a defensa dos dereitos ou do interese sindical dos seus representados.

4) Gozar de protección eficaz contra calquera acto de usurpación, abuso ou inxerencia que afecte o libre exercicio da súa función, e poida prexudicalo, incluído o despedimento pola súa condición de representante dos traballadores, da súa actividade sindical, ou da súa afiliación ó sindicato, etc.

5) Interrompe-la súa actividade laboral no buque cando as esixencias da súa representación sindical impoñan unha intervención directa ou inaprazable para intentar solucionar calquera problema que afecte os intereses dos tripulantes, logo de aviso ó capitán.

Norma 2.

O delegado de persoal dispoñerá dunha reserva de 20 horas laborais retribuídas mensuais para o exercicio da súa actividade nos seguintes casos:

a) Asistencia a congresos, asembleas, consellos, coordinadoras, se é o caso e, en xeral, a calquera clase de reunións a que fora convocado polo sindicato.

b) Participación en seminarios, cursos ou actividades de carácter formativo sindical, promovidos polo sindicato ó que pertenza ou cando expresa ou persoalmente sexa convocado.

c) Actos de xestión que deba realizar por cargo do seu sindicato ou por razóns das súas obrigacións específicas. Para os mesmos casos poderán, ademais, utiliza-lo seu cargo, as horas necesarias.

O delegado de persoal garantirá a non demora do buque pola súa asistencia a cursos.

Norma 3.

Dereitos e funcións do delegado de persoal.

1) Vixia-lo estricto cumprimento das normas laborais regulamentarias ou pactadas, especialmente as relativas a xornada de traballo, control de quendas de vacacións, horas extraordinarias, etc.

2) Ser informado por escrito, preceptiva e previamente, sobre sancións impostas ós tripulantes por faltas moi graves.

3) Non ser trasbordado contra a súa vontade en tanto dure o exercicio do seu cargo sindical.

4) Convocar asemblea no buque por propia iniciativa ou cando o solicite un tercio da tripulación.

5) Utilizar tódolos servicios de impresión, comunicación e oficina de a bordo para o desenvolvemento das súas funcións sindicais, se fora necesario.

Aquelas comunicacións que afecten ámbalas partes, correrán a cargo da empresa, as que sexan única e exclusivamente de carácter sindical, correrán a cargo dos tripulantes.

-O empresario facilitaralle ó delegado información das contratacións, suspensións ou extincións dos contratos, así como modelo ou modelos de contrato de embarque que utilice, estando lexitimado o delegado para efectua-las oportunas reclamacións ante a empresa e, se é o caso, ante a autoridade laboral competente.

-No referente ás estatísticas sobre o índice de absentismo e as súas causas, os accidentes de traballo e enfermidade profesional e as súas consecuencias, os índices de sinistralidade, o movemento de ingresos, cesamentos e os ascensos.

Artigo 29º.-Día do Carme.

O día 16 de xullo, festividade da Nosa Señora do Carme, patroa da Mariña Mercante, ten a consideración de festivo non recuperable.

Artigo 30º.-Comisión paritaria.

Para interpretar e vixia-la aplicación do presente convenio colectivo créase unha comisión paritaria de ata 4 membros, composta por dous membros elixidos pola empresa e dous membros pola parte social (o delegado de persoal e un representante do Sindicato Libre da Mariña Mercante de Comisións Obreiras).

As partes someterán cantas dúbidas, discrepancias ou conflictos puideran xurdir pola interpretación ou aplicación do convenio. A dita comisión resolverá o que proceda no prazo mais breve posible.

Artigo 31º.-Idiomas.

O presente convenio será asinado e publicado nas dúas linguas oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 32º.-Artigo derradeiro.

Ámbalas partes acordan que en todo o non disposto no presente convenio, estarán ó disposto no convenio xeral da Mariña Mercante e a lexislación xeral vixente.

TÁBOA DE SALARIOS PARA 1996

CategoríaSalario

profesional

Valor

trienio

Horas

extras

Pagas

extras

Capitán245.4147.56338.660171.163
Xefe de máquinas236.1977.56334.563171.163
Oficial N.P.C.M201.3737.11531.042152.335
Oficial de M.M.201.3737.11531.042152.335

CategoríaSalario

profesional

Valor

trienio

Horas

extras

Pagas

extras

Oficial de N.P.152.9376.66920.594136.931
2º oficial Máq.152.9376.66920.594136.931
Contramestre146.5596.22019.841131.226
Cociñeiro146.5596.22019.841131.226
Mecánico reparador146.5596.22019.841131.226
Engraxador144.9695.13518.999125.520
Mariñeiro143.6775.13518.999125.520
Limpador128.2554.33716.743102.698
Mozo120.6354.33715.793102.698

Disposición adicional

As partes asinantes do presente convenio foron:

Pola representación empresarial:

Cándido Correa García.

E pola representación dos traballadores:

Manuel Martínez Santomé.

E como asesor sindical:

Serafín Sa Pazo, S.L.M.M.-CC.OO.

3161