Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 91 Xoves, 09 de maio de 1996 Páx. 4.313

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 2 de febreiro de 1996, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se ratifican os estatutos da Federación Galega de Béisbol.

Vistos os estatutos da Federación Deportiva Galega de Béisbol e a acta de aprobación da súa asemblea xeral extraordinaria do 12-11-1995.

Visto o informe da sección de Rexistro de Clubs e Asuntos Xurídicos, a Orde do 28 de xullo de 1995, de desenvolvemento do Decreto 228/1994, do 14 de xullo, regulador das federacións deportivas gale

gas, a Lei 10/1990, xeral do deporte, e demais normativa aplicable,

RESOLVO:

Ratificar con efectos desde a aprobación da súa asemblea os estatutos aprobados de conformidade co artigo 8 da Orde do 28 de xullo de 1995 e autoriza-la publicación dos estatutos no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de febreiro de 1996.

Eduardo Lamas Sánchez

Secretario xeral para o Deporte

Estatutos da Federación Galega de Béisbol e Deportes Asociados

Título I

Disposicións xerais

Capítulo I

Denominación, domicilio, obxecto e fin social

Artigo 1º

A Federación Galega de Béisbol e Deportes Asociados (en adiante Fegabe e D.A.) é una entidade asociativa privada, sen ánimo de lucro e con personalidade xurídica propia que ten como fin a organización, xestión e desenvolvemento da modalidade deportiva do Béisbol, rexéndose polos presentes estatutos, no marco legal disposto pola Lei do deporte, do 15 de outubro de 1990, o Real decreto de federacións deportivas, do 20 de decembro de 1991, o Decreto 228/1994, que regula a actividade das federacións deportivas galegas, a Orde do 24 de xullo de 1995, que desenvolve o decreto anterior, e as demáis disposicións que desenvolven ou concorden coas anteriores.

Artigo 2º

A Federación Galega de Béisbol está integrada por clubs deportivos, deportistas, técnicos, árbitros e anotadores e outros colectivos interesados na promoción, práctica e desenvolvemento do Béisbol.

Artigo 3º

A Fegabe e D.A. organízase orgánica e funcionalmente de forma democrática e representativa, con personalidade xurídica e patrimonio propio e independente do dos seus asociados, e plena capacidade de obrar, coas limitacións sinaladas pola lei e disposicións vixentes, e pode adquirir, para os seus propios fins bens de tódalas clases, mobles e inmobles, contratar e obrigarse para o cumprimento das suas finalidades e está suxeita ás súas propias responsabilidades.

A Fegabe e D.A. encóntrase integrada na Federación Española de Béisbol e Sófbol, ostenta de forma exclusiva a representación desta dentro da Comunidade Autónoma de Galicia no referente ó deporte do Béisbol e conserva en tal integración a súa personalidade xurídica, o seu patrimonio propio e diferenciado, o seu orzamento e o seu réxime xurídico particular.

Artigo 4º

A Fegabe e D.A. ten como obxecto social promocionar, dirixir e ordenar exclusivamente dentro de Galicia, sen prexuízo das competencias concorrentes das distintas administracións públicas, as actividades propias da súa modalidade deportiva, en coordinación cos organismos correspondentes da Xunta de Galicia, e rexerase por estes estatutos e os seus regulamentos, polos da Federación Española de Béisbol e Sófbol, no que sexan aplicables, e polas disposicións que dicte a Xunta de Galicia e, supletoriamente, a Administración do Estado.

A Fegabe e D.A. é a única entidade competente dentro da Comunidade Autónoma de Galicia para promocionar, regulamentar, organizar, xestionar e controla-las competicións oficiais de Béisbol.

Artigo 5º

A Fegabe e D.A., dentro da súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia, ademais das súas funcións propias de promoción, goberno, administración, xestión e organización do Béisbol exercerá, baixo a coordinación e tutela da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, as seguintes funcións públicas de carácter administrativo:

a) Promoción e divulgación do Béisbol en tódalas suas facetas.

b) Encamiña-los deportistas á práctica do Béisbol mediante os oportunos cursos de iniciación, formación e perfeccionamento.

c) Amparar técnica e administrativamente a práctica do Béisbol velando ante os organismos competentes polo apoio a esta modalidade deportiva dentro de Galicia.

d) Cualificar e organiza-las actividades e competicións deportivas oficiais de ámbito autonómico galego.

e) Exercer-la potestade disciplinaria sobre os integrantes da federación nos termos previstos pola lei.

f) Exerce-lo control das subvencións que se asignen ás asociacións e entidades deportivas nas condicións que fixe a Secretaría Xeral para o Deporte.

g) Executar, se é o caso, as resolucións do Comité Galego de Disciplina Deportiva.

h) Calquera outra que lle sexa atribuída pola lexislación vixente ou que acorde non ámbito da súa competencia a asemblea xeral.

Os actos realizados pola Fegabe e D.A. no exercicio das funcións públicas de carácter administrativo, son susceptibles de recurso ante o conselleiro da Presidencia e Administración Pública, e as súas resolucións esgotan a vía administrativa.

Artigo 6º

O domicilio social da Federación Galega de Béisbol establécese na Coruña.

A comisión delegada, por maioría dos seus membros e cando as circunstancias o aconsellen, poderá

acorda-lo cambio de domicilio social dentro da mesma localidade. Para o traslado do domicilio a outra localidade, que deberá ser sempre dentro do territorio da Comunidade Autónoma galega, será necesario o acordo maioritario da asemblea xeral; en ámbolos casos, o traslado do domicilio social deberá ser notificado ós afiliados e á Secretaría Xeral para o Deporte.

Por acordo da asemblea xeral, e para efectos puramente de organización interna, poderanse establecer delegacións da Fegabe e D.A. nas localidades de Galicia que decida a citada asemblea.

Capítulo II

Funcións, competencias

Artigo 7º

Son competencias propias da Fegabe e D.A. as relativas ás súas funcións de goberno, xestión e administración do Béisbol no ámbito da Comunidade Autónoma galega, e entre elas:

-A tramitación das inscricións de clubs deportivos e outros colectivos interesados, e a das licencias deportivas de técnicos, deportistas, árbitros e anotadores.

-A tutela, control e supervisión que o ordenamento xurídico deportivo recoñece á Fegabe e D.A. sobre os seus asociados.

-Formar, titular e cualifica-los árbitros, anotadores e adestradores no ámbito das súas competencias.

-Contrata-lo persoal necesario para o cumprimento das suas funcións e a prestación dos seus servicios.

-En xeral, cantas actividades non se opoñan, menoscaben ou destrúan o seu obxecto social.

Capítulo III

Estamentos e membros da Fegabe e D.A.

Artigo 8º

A Federación Galega de Béisbol integrará no seu seo ós seguintes estamentos deportivos:

a) Deportistas.

b) entidades deportivas inscritas na federación, e no Rexistro de Clubs, Entidades e Asociacións Deportivas.

c) Xuíces, árbitros e anotadores.

d) Técnicos.

e) Outros colectivos, segundo o previsto no artigo 1 apartado 1º, do Decreto regulador das federacións deportivas galegas.

Artigo 9º

Serán membros da Fegabe e D.A. os pertencentes ós anteriores estamentos que, cumprindo os requisitos estatutaria e regulamentariamente establecidos, soliciten a súa incorporación nesta federación.

Artigo 10º

Son dereitos dos membros da Federación Galega de Béisbol:

1. Participar nas actividades e competicións de ámbito autonómico e estatal, cualificadas ou organizadas por esta federación.

2. Formar parte dos órganos de goberno, administración, representación e control da Federación Galega de Béisbol.

3. Elixir ou designa-las persoas que formen parte dos órganos de goberno, representación, administración e control desta federación.

4. Utiliza-los medios, recursos e instalacións da Fegabe e D.A. no modo e coas condicións que as disposicións federativas establezan.

5. Solicitar e obte-la tutela da Fegabe e D.A. naquelas cuestións que sexan competencias desta federación.

Artigo 11º

Son deberes dos membros da Fegabe e D.A.:

1. Acata-las normas e disposicións dictadas pola federación no exercicio dos súas competencias.

2. Colaborar coa federación na promoción e desenvolvemento do deporte do Béisbol.

3. Calquera outro que lle impoña os presentes estatutos, os regulamentos dictados no seu desenvolvemento, ou as leis.

Título II

Organización territorial

Artigo 12º

A organización territorial da Fegabe e D.A., axustarase preferentemente á establecida na normativa da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 13º

A Fegabe e D.A. poderase estructurar territorialmente en delegacións.

Cada delegación quedará integrada polas entidades deportivas, deportistas, adestradores e xuíces, árbitros e outros colectivos, que correspondan ó ámbito territorial fixado pola asemblea xeral para cada delegación.

As delegacións axustarán a súa actividade ás normas dictadas pola Fegabe e D.A. a través dos órganos que correspondan e, directamente, do seu presidente.

Os titulares das delegacións serán nomeados e cesados polo presidente da Fegabe e D.A.. A composición do equipo directivo da delegación e a competencia del, será de libre facultade do titular da delegación, o cal dará conta ó presidente da Fegabe e D.A.

Artigo 14º

Para a participación dos membros en actividades ou competicións deportivas oficiais de ámbito auto

nómico, os estamentos deportivos deberanse integrar na Fegabe e D.A.

Poderanse crea-los órganos territoriais que agrupen tódalas seccións, asociacións e delegacións de entidades federativas dentro dun ámbito xeográfico común.

Artigo 15º

Serán competencia da Fegabe e D.A. as actividades oficiais e competicións organizadas por ela, ou a organización das cales delegue a RFEBS.

Artigo 16º

O presidente da Fegabe e D.A. representará á federación galega formando parte da asemblea xeral da Real Federación Española de Béisbol e Sófbol.

Título III

Estructura orgánica dos órganos de goberno e representación

Capítulo I

Normas xerais

Artigo 17º

Son órganos de goberno e representación da Federación Galega de Béisbol, a asemblea xeral e o presidente.

No seo da asemblea xeral deberase constituír unha comisión delegada de asistencia a ela.

Estes órganos son electivos.

Artigo 18º

Como órganos complementarios dos anteriores, existirán na Fegabe e D.A. unha xunta directiva, un secretario da federación e un tesoureiro, para asisti-lo presidente.

Estes órganos serán designados e separados libremente polo presidente da Fegabe e D.A.

Artigo 19º

O nomeamento ou renovación dos membros dos órganos de goberno e representación, dos órganos complementarios e dos comités que puidesen crearse dentro desta federación deberán ser comunicados a tódolos membros da asemblea xeral e á Secretaría Xeral para o Deporte nun prazo máximo de 15 días a partir da data do nomeamento.

Estes nomeamentos e, se é o caso, as causas que motivaron a renovación deberanse incluír necesariamente na orde do día da seguinte reunión da comisión delegada.

Artigo 20º

Os órganos de goberno e representación reuniranse na forma e termos establecidos nestes estatutos; os seus acordos, salvo disposición expresa que dispoña o contrario adoptaranse por maioría simple; no caso de empate, o presidente terá voto de calidade. Os acordos poderanse impugnar de conformidade co disposto na lexislación aplicable e nos presentes estatutos.

Artigo 21º

A responsabilidade dos membros dos órganos da Fegabe e D.A. no exercicio das suas funcións será esixida no ámbito disciplinario de conformidade co disposto non R.d. 1591/1992, do 23 de decembro, e nos ámbitos civil e penal de acordo coa lexislación xeral de aplicación.

Artigo 22º

Son requisitos xerais para ser membro de calquera órgano da Fegabe e D.A., sen prexuízo do establecido regulamentariamente, os seguintes:

a) Te-la condición de ciudadán de Galicia, segundo o disposto non Art. 3 da L.O. 1/1981, do 6 de abril, do estatuto de autonomía de Galicia.

b) Ser maior de idade e estar en pleno uso dos dereitos civís.

c) Non estar suxeto a corrección disciplinaria de carácter deportivo que o inhabilite.

d) Non ter sido condenado mediante sentencia penal firme que leve anexa pena principal ou accesoria de inhabilitación absoluta ou especial para cargo público.

e) Non estar incurso en ningunha causa de incompatibilidade establecida legalmente ou nos presentes estatutos.

f) Reunir-los requisitos específicos propios de cada estamento deportivo.

Capítulo II

Da asemblea xeral

Sección primeira

Natureza, composición, nomeamento e cesamento

Artigo 23º

A asemblea xeral é o órgano superior de goberno e representación da Fegabe e D.A., e estará constituída por:

a) O presidente da Fegabe e D.A.

b) Deportistas.

c) Entidades deportivas inscritas na federación, e no Rexistro de Clubs, Entidades e Asociacións Deportivas.

d) Xuíces e árbitros.

e) Técnicos.

f) Outros colectivos, segundo o previsto no artigo 1 apartado 1º, do decreto regulador das federacións deportivas galegas.

Os compoñentes da xunta directiva, por este só carácter, poderan asistir ás reunións da asemblea, con dereito a voz pero sen voto.

Artigo 24º

1. Na asemblea xeral terán a consideración de electores e elixibles na representación dos estamentos recollidos no artigo anterior:

a) Os deportistas, con plena capacidade xurídica e de obrar, que teñan licencia en vigor desta federación, expedida ata o momento da convocatoria das eleccións e a tivesen durante a temporada deportiva anterior, sempre que participasen nas competicións ou actividades da respectiva modalidade deportiva de carácter oficial e ámbito autonómico. Naquelas modalidades onde non exista competición ou actividade do dito carácter, abondará estar en posesión da licencia federativa e os requisitos de capacidade mencionados.

b) As entidades deportivas inscritas na respectiva federación, nas mesmas circunstancias cás sinaladas non apartado anterior.

c) Os técnicos con titulación oficialmente recoñecida, xuíces e árbitros, e outros colectivos interesados, así mesmo en idénticas circunstancias (ás señaladas no precitado parágrafo a).

2. Os membros da asemblea xeral formarán parte dela mentres cumpran os requisitos polos que foron elixidos no respectivo estamento. Se se producira unha vacante antes das seguintes eleccións xerais, será cuberta, dentro de cada estamento e de forma sucesiva, co seguinte candidato máis votado despois dos que resultaron electos e, a falta destes, mediante a realización de eleccións parciais sempre que, neste último caso, as vacantes superen o 20% dos membros da asemblea.

Os elixidos, para ocuparen as vacantes ás que se refire o apartado anterior, ostentarán o seu mandato polo tiempo que falte para a celebración das seguintes eleccións xerais.

Artigo 25º

A representación na asemblea xeral dos distintos estamentos de acordo co establecido no artigo 23º destes estatutos, responderá ás seguintes proporcións:

-Entidades deportivas inscritas na Fegabe e D.A., entre as que se inclúen as sociedades anónimas deportivas, máximo 70 por 100.

-Deportistas, máximo 15 por 100.

-Técnicos, máximo 5 por 100.

-Xuíces, árbitros e anotadores, máximo 5 por 100.

-Outros colectivos se os houbese, máximo 5 por 100.

Artigo 26º

Se, debido a un escaso número de membros da Fegabe e D.A. resulta imposible respecta-las porcentaxes establecidas no Art. anterior, serán de aplicación as seguintes regras:

a) Cada entidade deportiva inscrita na Fegabe e D.A., incluídas as sociedades anónimas deportivas, terá como mínimo un representante na asemblea xeral, que será o presidente da entidade ou persoa na que este delegue.

b) O resto de estamentos estará representado polo número de membros que resulte da aplicación das porcentaxes aplicables redondeándose os decimais por exceso ata un número enteiro.

Artigo 27º

A convocatoria de eleccións deberá indicar expresamente o número de membros da asemblea xeral e de cada un dos estamentos.

Artigo 28º

Os membros da asemblea xeral e da comisión delegada cesarán polas seguintes causas:

a) Defunción.

b) Disolución da entidade á que representan.

c) Expiración do mandato para o que foi elixido.

d) Renuncia voluntaria ou demisión.

e) Estar incurso en causa de inelixibilidade o incompatibilidade legal ou estatutaria.

f) Sanción disciplinaria imposta en forma regulamentaria que implique o cesamento no cargo que ostenta.

g) Perda dos requisitos polos que foron elixidos no seu respectivo estamento.

Sección segunda

Réxime de funcionamento

Artigo 29º

A asemblea xeral, como órgano máximo de goberno e representación da Fegabe e D.A., pode adoptar calquera acordo ou decisión sobre ela, con sometemento ás regras de competencia e procedemento. Especialmente son competencias da asemblea xeral as seguintes:

a) A aprobación e modificación dos estatutos da Fegabe e D.A.

b) A elección mediante sufraxio libre, igual, directo e secreto do presidente e da comisión delegada da Fegabe e D.A., así como o cesamento e a moción de censura ó presidente.

c) A aprobación e liquidación do orzamento anual da Fegabe e D.A.

d) A aprobación do programa ou calendario deportivo anual e das bases ou regulamentos que rexerán a competición.

e) Aprobación da creación de órganos territoriais da Fegabe e D.A.

f) Aprobación e modificación dos regulamentos.

g) Calquera outra competencia que non estea expresamente atribuída polos presentes estatutos a outro órgano.

Artigo 30º

1. As reunións da asemblea xeral axustaranse ó seguinte réxime:

a) A asemblea xeral convocada polo presidente reunirase unha vez ó ano, necesariamente antes de inicia-la nova temporada deportiva, en sesión ordi

naria para os fins da súa competencia e como mínimo para a aprobación do novo orzamento e liquidación do anterior, aprobación do calendario deportivo, e das bases ou regulamentos que rexerán a competición e para a aprobación da memoria de actividades anuais e o exame e consideración das propostas que formulen os membros da asemblea, da comisión delegada, da xunta directiva e o presidente.

b) As demais reunións terán carácter extraordinario e serán convocadas polo presidente, ou por proposta dun número de membros da asemblea non inferior ó 25 por 100. Neste caso, os solicitantes deberán formular unha petición por escrito dirixida ó presidente da Fegabe e D.A., indicando os puntos que comporán a orde do día. O presidente, no prazo máximo de dez días naturais desde a entrada da petición no rexistro da Fegabe e D.A. deberá convoca-la asemblea xeral con carácter extraordinario, cos requisitos de forma sinalados nestes estatutos, e coa orde do día solicitada, sen incluír ningún outro punto, que se celebrará nun prazo non superior ós quince días naturais desde a convocatoria. No caso de negativa expresa do presidente a efectua-la convocatoria, ou pasados dez días desde que a solicitude fose efectuada sen ter resposta, os solicitantes poderán facer uso dos dereitos que a lexislación vixente establece, ante a Secretaría Xeral para o Deporte para a convocatoria dos órganos

colexiados de goberno.

c) A convocatoria, que deberá conte-la orde do día da reunión, farase pública no taboleiro de anuncios da Fegabe e D.A. e nas delegacións territoriais con 10 días de antelación á data da celebración. En todo caso notificaraselle individualmente a cada un dos membros da asemblea, por calquera medio que permita ter constancia da data de recepción dela, cunha antelación mínima de 48 horas.

Os defectos formais na convocatoria non darán lugar á nulidade da asemblea sempre e cando os membros dela recibisen a convocatoria coa orde do día no prazo establecido e, en todo caso, a asembleas será válida, sen necesidade de ningún outro requisito, sempre que concorran a totalidade dos membros dela.

A orde do día poderá ser modificada, non sentido de incorporar novos puntos, por petición fundada dunha quinta parte dos membros da asemblea xeral e sempre que esta incorporación se solicite cunha marxe de tempo suficiente para que poida ser notificada a tódolos membros da asemblea xeral mediante a notificación e a publicación no taboleiro de anuncios da Fegabe e D.A. cunha antelación mínima de tres días á data de celebración.

d) A asemblea xeral quedará validamente constituída cando concorran na primeira convocatoria a metade máis un dos membros, e en segunda convocatoria, que terá lugar media hora máis tarde, calquera que sexa o número de asistentes.

2. Cando o presidente da Fegabe e D.A. aprecie a existencia dunha situación urxente que non permita demora na convocatoria da asemblea extraordiaria, poderá convocala sen suxeición a prazo nin requisito de forma ningún salvo a citación persoal dos asambleístas que poidan ser localizados nos domicilios que consten na federación. En todo caso, a asemblea requirirá como mínimo a presencia de 2/3 dos seus membros e antes de analiza-la orde do día pronunciarase previamente, por maioría de asistentes, sobre a urxencia da convocatoria e a necesidade ou non da súa celebración. En todo caso, nunha asemblea convocada desta forma non se poderán modifica-los estatutos.

3. Non será admisible en modo ningún para a formación da vontade dos órganos colexiados da Fegabe e D.A. nin para o establecemento do seu quórum o voto por correo nin a delegación de voto sendo, por tanto, necesaria a presencia física dos seus membros.

Exceptuándose a elección dos membros da asemblea xeral, se así se aprobase no regulamento electoral.

Artigo 31º

1. Os membros da asemblea xeral serán elixidos cada catro anos, coincidindo cos anos dos Xogos Olímpicos de inverno, por sufraxio libre, igual, directo e secreto, polos membros de cada estamento, de acordo coa proporción establecida nos presentes estatutos.

2. A asemblea xeral poderase reunir en pleno ou en comisión delegada.

Artigo 32º

Os acordos adoptaranse por maioría simple dos asistentes, salvo nos supostos en que os presentes estatutos requiran outra máis cualificada.

As votacións no seo da asemblea xeral realizaranse na forma e pola orde que a presidencia estableza, sendo esta a que decidirá se serán ordinarias, nominais ou secretas; se o menos o 25% dos asistentes solicita unha modalidade determinada, a forma de votación decidirase por maioría simple dos membros da asemblea xeral.

Os acordos da asemblea xeral e da comisión delegada serán vinculantes e de obrigado cumprimento para a totalidade dos órganos, persoas e entidades que integran a federación e terá forza executiva a partir da data da súa adopción.

A asemblea xeral non poderá adoptar ningún acordo ou realizar ningún acto que poda comprometer de forma irreversible o seu patrimonio ou a actividade que constitúe o obxecto propio da federación.

En caso de dúbida ou por petición dun 5% dos membros de dereito da asemblea, será requisito imprescindible a emisión dun informe favorable, por parte dos organismos competentes da Xunta de Galicia.

Capítulo III

Da comisión delegada

Artigo 33º

1. A comisión delegada da asemblea xeral estará composta polo 15% dos membros de la asemblea xeral cun máximo de 15 e un mínimo de 5, debendo respectarse, se é posible, as porcentaxes de representación para os estamentos deportivos fixados no artigo 25º destes estatutos.

2. A comisión delegada será elixida pola asemblea xeral na primera reunión que esta celebre mediante sufraxio entre os membros dela. O seu mandato coincidirá co da asemblea xeral.

3. Se se producise algunha vacante cubriríase co seguinte candidato máis votado.

4. O presidente da Fegabe e D.A. convocará a comisión delegada, que se reunirá, como mínimo, cada 4 meses para os fins da súa competencia e como mínimo para realiza-lo seguimento da xestión deportiva e económica da Fegabe e D.A.

5. A convocatoria da comisión delegada deberase realizar cunha antelación mínima de cinco días, e entenderase validamente constituída coa asistencia como mínimo do presidente.

Artigo 34º

Correspóndelle á comisión delegada da asemblea xeral:

a) A elaboración dun informe previo á aprobación dos orzamentos.

b) A modificación do calendario deportivo.

c) A modificación dos orzamentos.

d) O seguimento da xestión deportiva e económica da Fegabe e D.A.

As modificacións non poderán exceder dos límites e criterios que a propia asemblea xeral estableza.

A proposta sobre os temas que se van tratar na comisión corresponde exclusivamente ó presidente ou a dous tercios dos membros da comisión delegada.

Capítulo IV

Do presidente

Artigo 35º

1. O presidente é o órgano executivo da Federación Galega de Béisbol. Ostenta a súa representación legal, convoca e preside os órganos de goberno e representación, e executa os acordos deles.

O presidente poderá nomear delegados nas localidades aprobadas pola asemblea xeral, que actuarán seguindo as instruccións daquel e por delegación nas funcións que se lles encomenden. Os ditos delegados poderán ser cesados ou substituídos polo presidente segundo o seu criterio.

Ten, ademais, dereito a asistir a cantas sesións celebren calquera órgano e comisión federativos.

2. Correspóndenlle, en xeral, e ademais das que se determinan nos presentes estatutos e nos seus regulamentos as funcións non encomendadas especificamente á asemblea xeral, a súa comisión delegada e á xunta directiva.

3. O presidente gozará de voto de calidade, en caso de empate, naquelas decisións que adopten os órganos que preside.

4. Para poder ser candidato a presidente ou membro da xunta directiva da Fegabe e D.A., terán que reunirse as condicións seguintes:

a) Te-la condición de cidadán de Galicia, segundo o que dispón o Estatuto de autonomía.

b) Ser maior de idade.

c) Estar en pleno uso dos dereitos civís.

d) Non incorrer en ningunha sanción deportiva que o inhabilite.

5. Non poderá ser elixido presidente quen ostentase ininterrompidamente tal condición durante os tres períodos inmediatamente anteriores.

6. Mentres desempeñe o seu mandato, o presidente non poderá exercer cargo ningún noutro órgano federativo, salvo que estatutariamente lle corresponda, nin en entidade, asociación ou club suxeitos á disciplina federativa galega ou estatal que non sexa a de Béisbol, e será incompatible coa actividade como deportista, árbitro, adestrador ou anotador, continuando na posesión da súa licencia, se a tivese, que permanecerá en suspenso ata que deixe de ostenta-la presidencia da Fegabe e D.A.

7. O presidente cesará por:

a) Transcurso do prazo polo que foi elixido.

b) Demisión.

c) Incapacidade física ou psíquica para continuar no exercicio do seu cargo.

d) Aprobación dunha moción de censura pola asemblea xeral.

e) Por incorrer en causa de inelixibilidade ou incompatibilidade. Neste último caso disporía dun prazo dun mes para cesar non posto que resulte incompatible co de presidente.

8. A moción de censura ó presidente poderá ser presentada polos membros da asemblea xeral que constitúan alomenos un 25% dela mediante escrito presentado no rexistro da Fegabe e D.A. Na dita petición deberán solicitar do presidente a convocatoria dunha asemblea xeral extraordinaria coa dita moción como único punto da orde do día, así como propoñer un candidato alternativo á presidencia.

No caso de prosperar a moción de censura, que se votará nun sistema de dobre volta, debendo alcanzar a maioría absoluta de membros que compoñen a asemblea en primeira ou maioría simple de asistentes na segunda, celebradas cunha hora de diferencia, o candidato quedará investido, cun mandato

polo prazo que falte para concluí-lo período ordinario.

Para a convocatoria da asemblea xeral extraordinaria a que se refire este artigo, haberá que aterse ó disposto non Art. 30º destes estatutos. A sesión da asemblea xeral na que se debata a moción de censura, estará presidida polo membro de maior idade. Non será válido o voto por correo nin a asistencia por representación.

Se a moción de censura non prosperase, non poderá presentarse unha nova dentro do mesmo período de mandato, como tampouco se poderá presentar, no caso de prosperar, contra o candidato investido na dita moción, por período dun ano.

Artigo 36º

A duración do cargo de presidente será de 4 anos.

Capítulo V

Órganos complementarios dos de goberno e representación

Artigo 37º

Son órganos complementarios dos de goberno e representación da Fegabe e D.A., para asisti-lo presidente:

a) A xunta directiva.

b) O secretario.

c) O tesoureiro.

Tódolos cargos son honoríficos e, no caso de establecerse unha compensación económica a favor dalgún dos membros da xunta directiva, deberá ser expresamente acordada pola asemblea xeral e constar dunha maneira diferenciada no orzamento. En ningún caso a compensación económica poderá ser satisfeita con cargo ás subvencións públicas que reciba a Fegabe e D.A.

Sección primeira

A xunta directiva

Artigo 38º

1. A xunta directiva é o órgano colexiado de goberno e xestión da Fegabe e D.A., sendo os seus membros designados e separados libremente polo presidente, quen a presidirá.

2. Estará composta polo número de membros que determine a asemblea xeral que en todo caso non será inferior a 5 nin superior a 15.

3. A xunta directiva poderá ter un vicepresidente, adxunto á presidencia, que substituirá ó presidente no caso de ausencia, enfermidade ou outros análogos.

4. Para ser membro da xunta directiva non será necesario formar parte da asemblea xeral, pero si da Fegabe e D.A. Os membros da xunta directiva que non sexan da asemblea xeral terán acceso as sesións dela, con dereito a voz pero sen voto.

5. Os membros da xunta directiva cesarán polas seguintes causas:

a) Vacancia na presidencia, sen prexuízo da súa conversión en comisión xestora nos casos previstos nos estatutos.

b) Demisión.

c) Falecemento ou incapacidade física ou psíquica para continuar no exercicio do seu cargo.

d) Por incorrer en causa de inelixibilidade ou incompatibilidade.

e) Cesados directamente polo presidente co cumprimento das comunicacións as que se refiren os presentes estatutos.

6. A xunta directiva como órgano colaborador do presidente non terá competencias propias e exercerá por delegación as que lle encomende o presidente que poderá avocar e revogar en calquera momento.

7. Os asuntos ordinarios de trámite serán despachados polo presidente e o secretario.

Sección segunda

Do secretario

Artigo 39º

O presidente da Fegabe e D.A. nomeará un secretario, o cal exercerá as funcións de persoa que dá fe pública e asesor, e máis especificamente:

a) Levantar actas das sesións dos órganos de goberno e representación da Fegabe e D.A., con indicación dos asistentes, temas tratados, o resultado das votacións e, se é o caso, os votos particulares contrarios ó acordo adoptado.

Os votos contrarios ó acordo adoptado, ou as abstencións motivadas, eximirán das responsabilidades que puidesen derivarse, se é o caso, dos acordos dos órganos colexiados.

b) Expedi-las certificacións oportunas das actas dos órganos de goberno e representación.

c) Remitirlle á Secretaría Xeral para o Deporte as actas das reunións da asemblea xeral e da comisión delegada no prazo de 15 días desde a data da súa celebración.

d) Cantas funcións lle encomenden os estatutos e regulamentos da federación, ou lle sexan delegadas polo presidente.

Sección terceira

Do tesoureiro

Artigo 40º

O tesoureiro da Fegabe e D.A. é o órgano de administración da mesma e a súa designación corresponderalle ó presidente.

Son funcións propias do tesoureiro:

a) Leva-la contabilidade da Fegabe e D.A.

b) Exerce-la inspección económica de tódolos órganos da Fegabe e D.A.

c) Elaborar e presentar informes á comisión delegada do estado contable da Fegabe e D.A.

d) Calquera outra función que lle encomenden os estatutos e regulamentos desta federación.

No caso de que estea vacante o posto de tesoureiro, o presidente da federación será o responsable do desempeño destas funcións, podendo delegalas na persoa que considere oportuno.

Capítulo VI

Dos órganos técnicos e asesores

Artigo 41º

A Fegabe e D.A. poderá crear, logo de aprobación pola asemblea xeral, cantas comisións técnicas precise, ademais das seguintes:

a) Os comités de disciplina deportiva: Comité de Competición ou Xuíz Único e Comité de Apelación.

b) Comité de Xuíces Arbitros.

Tódalas comisións rexeranse polos seus respectivos regulamentos internos e, se é o caso, pola normativa nacional unificada e emanada da Federación Española de Béisbol e Sófbol, pola lexislación aplicable, e polo disposto nos presentes estatutos.

Cando os comités atendan ó desenvolvemento dunha especialidade deportiva específica amparada pola Fegabe e D.A., a designación dos seus presidentes efectuarase por proposta dos colectivos ou estamentos interesados.

Os demais presidentes serán designados polo presidente da Fegabe e D.A. As competencias e funcionamento destes comités regularanse polos regulamentos federativos.

Artigo 42º

1. O comité técnico de árbitros atende directamente ó funcionamento do colectivo federativo de árbitros, e correspóndenlle, con subordinación ó presidente da Fegabe e D.A., o goberno, representación e administración das funcións atribuídas a aqueles.

2. A presidencia do comité recaerá en quen designe o presidente da Fegabe e D.A.

Artigo 43º

Serán funcións deste comité:

a) Establece-los niveis de formación arbitral.

b) Clasificar tecnicamente os xuíces ou árbitros, propoñendo á xunta directiva a adscrición ás categorías correspondentes. Estas clasificacións comunicaranse á asemblea xeral.

c) Propoñe-los candidatos a xuíces ou árbitros nacionais.

d) Propoñer á xunta directiva as normas administrativas que regulan a arbitraxe, para a súa posterior aprobación pola asemblea xeral.

e) Designa-los colexiados nas competicións oficiais de ámbito galego.

f) Colaborar cos órganos competentes da Fegabe e D.A. na formación de xuíces e árbitros.

g) Calquera outra delegada pola Fegabe e D.A.

Artigo 44º

A designación dos árbitros non estará limitada polas recusacions, e os que fosen nomeados non poderán absterse de dirixi-lo encontro de que se trate, salvo que concorran razóns de forza maior, que ponderará, en cada caso, o comité.

Capítulo VII

As licencias

Artigo 45º

1. Para a participación en actividades ou competicións deportivas de ámbito autonómico, será preciso estar en posesión dunha licencia expedida pola Fegabe e D.A., segúndo os seguintes requisitos mínimos:

a) Uniformidade de condicións económicas para cada modalidade, en similar estamento e categoría, a cuantía das cales será fixada pola asemblea xeral.

b) Uniformidade de contido e datos, expresados en función das distintas categorías deportivas.

c) A Fegabe e D.A. expedirá as licencias no prazo de quince días contados a partir da solicitude, unha vez verificado o cumprimento dos requisitos establecidos para tal expedición nestes estatutos e os regulamentos que os desenvolven.

2. As licencias expedidas pola Fegabe e D.A., habilitarán para a participación en actividades ou competicións deportivas de ámbito estatal, sempre que se cumpran os requisitos establecidos pola RFEBS, debendo conter polo menos tres conceptos económicos:

a) Seguro obrigatorio ó que se refire o artigo 59.2º da Lei do deporte.

b) Cota correspondente á Fegabe e D.A., que será de igual montante económico para cada modalidade deportiva, estamento e categoría, e fixarao a asemblea xeral da Fegabe e D.A.

c) Cota para a Real Federación Española de Béisbol e Sófbol.

Título IV

Réxime económico

Artigo 46º

O tesoureiro someterá á asemblea xeral Ordinaria un balance de situación e as contas de ingresos e gastos, memoria económica, así como o orzamento para a tempada seguinte, balance e orzamento que deberá ser notificado á Secretaría Xeral para o Deporte.

1. O orzamento deberá elaborarse anualmente correspondendo a sua aprobación á asemblea xeral.

2. A Fegabe e D.A. non poderá aprobar orzamentos deficitarios; excepcionalmente a Secretaría Xeral para o Deporte poderá autoriza-lo carácter deficitario de tales orzamentos.

Artigo 47º

A Fegabe e D.A. ten o seu propio réxime de administración, xestión de orzamento e patrimonio, e estará sometida ás seguintes regras:

a) Pode promover e organizar actividades e competicións deportivas dirixidas ó público; deberá aplica-los beneficios económicos, se os houbere, ó desenvolvemento do seu obxecto social.

b) Pode gravar e allea-los seus bens inmobles, tomar diñeiro a préstamo e emitir títulos representativos de débeda ou de parte alícuota patrimonial, sempre que os ditos negocios xurídicos non comprometan de modo irreversible o patrimonio da entidade ou do seu obxecto social. En todo caso cando a sua cuantía supere o 25 por 100 do orzamento anual da Fegabe e D.A., ademais do acordo da asemblea xeral será imprescindible o informe favorable da Secretaría Xeral para o Deporte.

Cando se trate de bens inmobles que fosen financiados, en todo ou en parte, con fondos públicos da Comunidade Autónoma galega, será preceptiva a autorización do órgano competente da Secretaría Xeral para o Deporte para o seu gravame ou alleamento.

c) Pode exercer, complementariamente, actividades de carácter industrial, comercial, profesional ou de servicios e destina-los seus bens e recursos ós mesmos obxectivos deportivos, pero en ningún caso poderán repartir beneficios entre os seus membros.

d) Non poderá comprometer gastos de carácter plurianual, no seu período de mandato, sen autorización previa do órgano competente da Secretaría Xeral para o Deporte, cando o gasto anual comprometido supere o 10 por 100 do seu orzamento ou supere o período de mandato do presidente.

Artigo 48º

A Fegabe e D.A. elaborará unha memoria que analizará fielmente a actividade económica da federación, a súa adecuada actuación orzamentaria, o cumprimento dos obxectivos e os proxectos que desenvolver, e informará separadamente como mínimo sobre os seguintes aspectos:

1. Diferenciación dos ingresos e aportacións segundo:

a) Subvencións públicas.

b) Subvencións, donativos ou aportacións privadas.

c) Vendas de activos.

d) Ingresos procedentes de competicións organizadas.

e) Ingresos para servicios prestados pola federación, permisos, licencias e outros.

f) Ingresos financieros.

2. Tamén constará o destino da totalidade dos recursos, distinguindo como mínimo os grupos de custo ou investimentos seguintes:

a) Administración da federación.

b) Dirección e servicios da directiva, incluindo viaxes.

c) Competicións.

d) Axudas a clubs e outras entidades.

e) Axudas para actos deportivos.

f) Construccións e outros inmobilizados.

g) Formación de deportistas e técnicos.

h) Deportes de elite e profesional.

i) Árbitros.

j) Órganos xurisdiccionais.

3. O importe das obrigacións de pagamento que é necesario satisfacer noutros exercicios que non estean previstos no balance.

4. O importe das garantías e os avais comprometidos.

5. A liquidación do orzamento, que explique as variacións en relación co orzamento aprobado na asemblea anterior.

Artigo 49º

Esta federación deberá someterse á inspección do seu réxime documental pola Secretaría Xeral para o Deporte, nas condicións que esta determine.

Artigo 50º

As contas anuais e os orzamentos estarán no domicilio social da federación cunha antelación mínima de 15 días á celebración da asemblea a disposición das persoas ou entidades con dereito a voto, as cales poderán pedir copia que se lles terá que entregar antes da celebración da asemblea.

Artigo 51º

Constitúen os ingresos da Fegabe e D.A.:

a) As subvencións ordinarias e extraordinarias da Xunta de Galicia ou as que outras entidades públicas poidan concederlle, así como as que proveñan, se é o caso, da Federación Española de Béisbol e Sófbol.

b) Os bens ou dereitos que reciba por herdanza, legado ou doazón de persoas físicas ou entidades particulares así como os premios que lle sexan outorgados.

c) As cotas dos seus afiliados.

d) As sancións pecuniarias que se lles impoñan os seus afiliados dentro do exercicio da potestade disciplinaria.

e) Os froitos, rendas e xuros dos seus bens patrimoniais.

f) Os préstamos ou créditos que se lle concedan.

g) Os beneficios que produzan as actividades e competicións deportivas que organice, así como os derivados dos contratos que realice.

h) Calquera outro que poida serlle atribuído por disposición legal ou en virtude de convenio.

Artigo 52º

A Fegabe e D.A. destinará a totalidade dos seus ingresos e patrimonio á consecución dos fins propios do seu obxecto social.

Artigo 53º

A xestión económica ordinaria correrá a cargo do tesoureiro, baixo a dirección do presidente, coidando das operacións de cobros e pagamentos. Autorizará coa súa sinatura, mancomunada cá do presidente, ou cá do vicepresidente autorizado, tódolos documentos de movementos de fondos. Será responsable de levar e custodia-los libros de contabilidade. Formulará os balances que anualmente deberán presentarse á asemblea xeral para a súa aprobación.

Artigo 54º

No caso de disolución da Fegabe e D.A., o seu patrimonio neto, se o houbese, aplicarase á realización de actividades análogas, determinándose pola Secretaría Xeral para o Deporte o seu destino concreto.

Título V

Réxime disciplinario

Capítulo I

Normas comúns

Artigo 55º

1. O ámbito da disciplina federativa esténdese ás infraccións das regras do xogo e das normas xerais deportivas, tipificadas na Lei do deporte, nas súas disposicións de desenvolvemento e nos estatutos e regulamentos desta federación.

2. Son infraccións ás regras do xogo as accións ou omisións que, durante o curso daquel, vulneren, impidan ou perturben o seu normal desenvolvemento.

3. Son infraccións ás normas xerais deportivas as demais accións ou omisións que sexan contrarias ó disposto polas ditas normas.

Artigo 56º

A disciplina deportiva réxese pola Lei do deporte, polo Real decreto 1591/1992, do 25 de decembro, polos presentes estatutos e polos regulamentos e demáis normas federativas dictadas no seu desenvolvemento.

Artigo 57º

Corresponde á Fegabe e D.A. exerce-la potestade en materia de disciplina deportiva sobre tódalas persoas que formen parte da súa estructura orgánica, os clubs deportivos e os seus deportistas, técnicos e directivos, os xuíces e árbitros, e, en xeral, todas aquelas persoas e entidades que, estando federadas, desenvolven o deporte do Béisbol no ámbito territorial da Comunidade Autónoma galega.

Como titular da potestade disciplinaria, a Fegabe e D.A. ten a facultade de investigar e, se é o caso, sancionar ou corrixi-las persoas ou entidades sobre as que exerce tal potestade, dentro do ámbito da súa competencia.

Artigo 58º

Correspóndelles, ademais, exerce-la potestade disciplinaria deportiva:

a) Ós árbitros durante o desenvolvemento dos encontros, con suxeición ás normas dictadas nos regulamentos e demais disposicións federativas.

A reclamación das decisións dos árbitros nesta materia realizarase polas canles previstas nestes estatutos.

b) Ós clubs deportivos, sobre os seus socios ou asociados, deportistas, técnicos e directivos, sendo os seus acordos recorribles ante a Fegabe e D.A., ou ante a RFEBS, segundo o ámbito da competición na que se produce o feito sancionado.

Os recursos ante a Fegabe e D.A. se tramitarán segundo o disposto no regulamento de disciplina desta federación.

Artigo 59º

O regulamento disciplinario da Fegabe e D.A. arbitrará, conforme o disposto no Real decreto 1521/1992, do 23 de decembro, un procedemento ordinario e un extraordinario para a aplicación das sancións nesta materia.

Artigo 60º

Os procedementos disciplinarios cumprirán, en todo caso, as condicións xerais mínimas previstas no artigo 33 do R.D. 1521/1992.

Os ditos procedementos garantirán necesariamente os principios de proba, contradicción, audiencia do interesado e dereito a recurso.

Así mesmo, o procedemento disciplinario deberá asegura-lo normal desenvolvemento das competicións.

Artigo 61º

1. O procedemento disciplinario extraordinario tramitarase para ás sancións correspondentes ás infraccións as normas deportivas xerais, e axustarase ós principios e regras da lexislación xeral e ó establecido no RD 1591/1992, do 23 de decembro.

O procedemento ordinario, que se aplicará para a imposición de sancións por infraccións das regras do xogo ou da competición, axustarase no posible ó disposto para o procedemento extraordinario.

Artigo 62º

1. A potestade disciplinaria que corresponde á Fegabe e D.A. exercerase:

a) En primeira instancia por un comité de competición ou xuíz único, nomeado pola asemblea xeral da Fegabe e D.A., que poderá impoñer, cautelarmente, as sancións que corresponda ata o límite de

partidos que falten para finaliza-la competición, remitindo seguidamente o expediente a Fegabe e D.A. para que lle dea o trámite oportuno.

En calquera caso, o comité de competición ou xuíz único, dará audiencia ó presunto infractor, quen poderá formular alegacións e propoñe-la proba que lle conveña.

2. Contra as resolucións dictadas polos órganos de instancia previstos no apartado anterior, caberá interpoñer recurso ante o comité de apelación, composto por tres membros, que nomeará o presidente da Fegabe e D.A., presidindo o órgano quen resulte elixido por e entre os seus membros.

3. A duración do cargo coincidirá co da asemblea xeral que os nomee e durante o dito período só cesarán por renuncia ou demisión, falecemento, incapacidade física ou psíquica, perda da condición de membro da Fegabe e D.A., e sanción que o inhabilite para o cargo.

Mentres non se nomee comité de apelación, será competente para resolver en segunda instancia a comisión delegada da federación.

Unha vez elixidos os membros dos comités, estes designarán os seus presidentes nas primeras reunións que celebren. A composición destes comités será comunicada á Secretaría Xeral para o Deporte na forma prevista nestes estatutos.

Artigo 63º

Contra as resolucións definitivas da Fegabe e D.A. en materia de disciplina deportiva cabe recurso ante o Comité Galego de Disciplina Deportiva.

Artigo 64º

1. Na determinación da responsabilidade das infraccións deportivas, os órganos disciplinarios federativos deberán aterse ós principios informadores do dereito sancionador.

2. Non poderá impoñerse sanción ningunha por accións ou omisións non tipificadas como infraccións no momento de producirse os feitos, polas disposicións vixentes, non podendo así mesmo impoñer correctivos que non estean establecidos por norma anterior a perpetración do feito.

3. Soamente poderán impoñerse sancións en virtude de expediente instruído para o efecto, de acordo cos procedementos regulados no Regulamento disciplinario da Fegabe e D.A..

4. A apreciación de circunstancias modificativas da responsabilidade obrigará, cando a natureza da posible sanción así o permita, á congruente gradación desta. Con independencia do anterior, os órganos disciplinarios poderán valora-lo resto de circunstancias que concurran na falta, tales como as consecuencias da infracción, a natureza dos feitos ou a concorrencia no inculpado de singulares responsabilidades na orde deportiva.

Artigo 65º

1. O regulamento disciplinario da Fegabe e D.A. disporá qué circunstancias modificativas da responsabilidade serán consideradas como atenuantes, e cales como agravantes da sanción a impoñer, así como os efectos xurídicos de tales circunstancias.

2. En calquera caso, serán circunstancias atenuantes:

a) A de arrepentimento espontáneo.

b) A de preceder, inmediatamente á infracción, provocación suficiente.

c) A de non ter sido sancionado o infractor con anterioridade no transcurso da súa vida deportiva.

3. Considerarase, en todo caso, como circunstancia agravante, a reincidencia.

Existirá reincidencia cando o autor fose sancionado anteriormente por calquera infracción á disciplina deportiva de igual ou maior gravidade, ou por dous ou máis infraccións de inferior gravidade da que nese suposto se trate.

A reincidencia entenderase producida no transcurso dun ano, contado a partir do momento no que se cometese a infracción.

Artigo 66º

1. Os acordos, providencias e resolucións que adopten ós órganos disciplinarios federativos deberán notificarse os interesados no prazo máis breve posible, co límite máximo de dez días hábiles.

As notificacións realizaranse de acordo cas normas previstas na lexislación do procedemento administrativo común.

2. As notificacións deberán conte-lo texto íntegro da resolución con indicación de se é ou non definitiva, expresando os recursos que contra ela procedan, o órgano ante o cal teñan que formalizarse e o prazo de interposición.

Artigo 67º

Ademais da notificación persoal, as resolucións sancionadoras comunicaranse publicamente mediante remisión da acta os clubs e á Real Federación Española de Béisbol e Sófbol.

Artigo 68º

Contra as resolucións disciplinarias dictadas en primeira instancia poderase recorrer no prazo máximo de cinco días hábiles.

Artigo 69º

A responsabilidade disciplinaria deportiva considerarase extinguida polas seguintes causas:

a) O falecemento do inculpado.

b) A disolución do club ou entidade sancionada.

c) O cumprimento da sanción.

d) A prescrición das infraccións ou sancións impostas.

e) A perda da condición de membro da Fegabe e D.A. en calquera dos seus estamentos.

Os efectos desta última causa, para o caso de recuperarse tal condición no prazo de tres anos, serán meramente suspensivos.

Artigo 70º

1. Unicamente poderán impoñerse sancións persoais consistentes en multa nos casos en que os deportistas, técnicos, árbitros e anotadores perciban retribucións polo seu labor.

2. Para unha mesma infracción poderán impoñerse multas de modo simultáneo a outra sanción de distinta natureza, sempre que estea previstas para a categoría de infracción de que se trate, e que, no seu conxunto, resulten congruentes coa súa gravidade.

3. Con independencia das sancións que poidan corresponder, os órganos disciplinarios da Fegabe e D.A. terán a facultade de altera-lo resultado de encontros e competicións por causa de predeterminación mediante prezo, intimidación ou simples acordos, do resultado deles; nos supostos de aliñación indebida, e en xeral, en todos aqueles nos que a infracción supoña unha grave alteración da orde do encontro ou competición.

Artigo 71º

As sancións graduaranse e imporanse atendendo á gravidade da infracción, ás consecuencias e circunstancias do feito na que esta consista, e, especialmente, naquelas circunstancias concorrentes que piodesen modifica-la responsabilidade disciplinaria deportiva.

Artigo 72º

1. As infraccións prescribirán ós tres anos, ó ano ou ó mes, segundo se trate das moi graves, graves ou leves, comenzándose a contar o prazo de prescrición o día seguinte ó da comisión da infracción.

O prazo de prescrición interromperase pola iniciación do procedemento sancionador, pero se este permanecese paralizado durante un mes, por causa non imputable á persoa ou entidade suxeita ó dito procedemento volverá a corre-lo prazo correspondente, interrompéndose de novo a prescrición ó reanudarse a tramitación do expediente.

2. As sancións prescribirán ós tres anos, ó ano ou ó mes, segundo se trate das que correspondan a infraccións moi graves, graves ou leves, comezándose a conta-lo prazo de prescrición desde o día seguinte a aquel no que adquira firmeza a resolución pola que se impuxo a sanción, ou desde que se quebrantase o seu cumprimento se este comezase.

Título VI

Réxime electoral

Capítulo I

Os censos

Artigo 73º

Comporán os censos correspondentes a cada estamento electoral tódolos membros da Fegabe e D.A.

que reúnan os requisitos establecidos para cada estamento nos presentes estatutos e no regulamento electoral.

Capítulo II

Regulamento electoral

Artigo 74º

Os procesos electorais desenvolveranse conforme o regulamento electoral que deberá ser aprobado pola asemblea xeral, por proposta do presidente, e regulará as seguintes cuestións:

1. Número de membros da asemblea xeral; circunscrición electoral e número de representantes que por cada circunscrición electoral corresponda a cada un dos estamentos.

2. Calendario electoral.

3. Censo electoral.

4. Composición, competencias e funcionamento da xunta electoral.

5. Requisitos para presentación e proclamación de candidatos. O termo para a presentación de candidatos a presidente non poderá ser inferior a dez días.

6. Procedemento de resolución de conflictos, impugnacións e reclamacións así como os recursos electorais.

7. Regulación do voto por correo nas eleccións á asemblea xeral. Non se admitirá esta clase de voto nas eleccións á comisión delegada e presidente.

8. Composición, competencia, funcionamento e localización das mesas electorais.

9. Elección de presidente.

10. Elección da comisión delegada.

O regulamento electoral deberá ser ratificado pola Secretaría Xeral para o Deporte.

Capítulo III

A comisión xestora

Artigo 75º

Acordada a convocatoria de eleccións pola asemblea xeral e aprobado o regulamento electoral, o presidente procederá no prazo sinalado nel á convocatoria de eleccións a asemblea xeral. A partir de este momento, a xunta directiva e o presidente constituiranse en comisión xestora, e someterán o regulamento electoral a ratificación pola Secretaría Xeral para o Deporte.

A comisión xestora garantirá a máxima difusión e publicidade das convocatorias de eleccións á asemblea xeral e presidente, así como, do regulamento electoral coas medidas previstas nas disposicións federativas a través dun medio que permita asegura-la recepción da dita notificación. Deberase expo

ñe-lo regulamento electoral en cada circunscrición electoral o mesmo día da convocatoria.

A comisión xestora administrará a federación e convocará e realizará novas eleccións no prazo máximo de tres meses no caso de que non se presentase ninguna candidatura ou non fose válida ninguna das presentadas.

Capítulo IV

Circunscrición electoral

Artigo 76º

A circunscrición electoral será a Comunidade Autónoma.

Capítulo V

Xunta electoral

Artigo 77º

1. A elección do presidente da Fegabe e D.A. levarase a cabo mediante convocatoria acordada pola asemblea extraordinaria; e na orde do día constará o procedemento a seguir para a elección e o nomeamento da xunta electoral, que estará integrada por tres membros titulares e tres suplentes que se escollerán entre persoas que non sexan candidatos, en elección libre, directa, igual e secreta, de acordo cos presentes estatutos e disposicións complementarias.

2. De entre os membros designados o presidente será o de maior idade, e actuará como secretario o que o sexa da Fegabe e D.A., con voz pero sen voto.

3. Os membros da xunta electoral non poderán figurar como candidatos á asemblea xeral e á presidencia da Fegabe e D.A.

4. A xunta electoral controlará todo o proceso electoral e terá competencia para coñecer e resolve-las incidencias que se produzan sobre o censo electoral, presentación e proclamación de candidatos, proclamación de membros da asemblea xeral e comisión delegada e do presidente da Fegabe e D.A., así como a decisión de calquera outra cuestións que afecten directamente á celebración das eleccións e ós seus resultados. Unha vez finalizada a votación levantará acta da votación, e do reconto e remitirá a acta á Secretaría Xeral para o Deporte no prazo máximo de tres días.

5. As decisións da xunta electoral son executivas e formaranse por maioría dos votos. Nos casos de empate, o voto do presidente terá carácter dirimente.

6. Unha vez concluído o proceso electoral da asemblea xeral, do presidente da Fegabe e D.A. e da comisión delegada, a xunta electoral disolverase.

Capítulo VI

Mesas electorais

Artigo 78º

Para a elección dos distintos estamentos da asemblea xeral, do presidente e da comisión delegada,

constituiranse unha ou varias mesas electorais na forma establecida no regulamento electoral. Os membros destas mesas non poderán ser candidatos, axustándose no seu funcionamento ás normas que se establezan no regulamento electoral.

Capítulo VII

Recursos

Artigo 79º

As reclamacións e impugnacións que se presenten contra calquera acto electoral dirixiranse á xunta electoral e contra o que esta resolva caberá recurso ante o Comité Galego de Disciplina Deportiva. Así mesmo caberá recurso ante o Comité Galego de Disciplina Deportiva, contra tódolos actos, acordos ou resolucións da xunta electoral ou calquera outro órgano o membro da federación en materia electoral.

Capítulo VIII

Elección da asemblea xeral

Artigo 80º

1. Os membros da asemblea xeral serán elixidos cada catro anos coincidindo cos Xogos Olímpicos de inverno, mediante sufraxio libre, secreto, igual e directo entre e polos compoñentes dos distintos estamentos da Fegabe e D.A.

2. As eleccións á asemblea xeral serán acordadas por ela que aprobará a convocatoria con tódolos requisitos que se establecerán no regulamento electoral, que así mesmo se aprobe.

3. Acordada pola asemblea xeral a convocatoria de eleccións, o acordo será formalmente executado polo presidente da Fegabe e D.A., quen a asinará.

4. Desde a convocatoria para a celebración desta asemblea xeral a xunta directiva e o presidente constituiranse en comisión xestora, de acordo co disposto no artigo 75º dos presentes estatutos.

Artigo 81º

Para ser candidato a membro da asemblea xeral requírese o cumprimento dos requisitos establecidos con carácter xeral no Art. 24º destes estatutos.

Os requisitos esixidos para ser electores ou elixibles deberán estar cumpridos no día no que se publique a convocatoria de eleccións.

Artigo 82º

As eleccións a asemblea xeral realizaranse para cada un dos postos correspondentes ós estamentos integrantes dela de acordo co previsto nestes estatutos.

Artigo 83º

Os representantes das entidades deportivas na asemblea xeral serán elixidos por e entre os representantes dos correspondentes a cada circunscrición electoral dos que integran o censo de entidades deportivas inscritas no rexistro público da Fegabe e D.A. e no Rexistro de Clubs, Federacións e Asociacións Deportivas da Xunta de Galicia, no momen

to da convocatoria das eleccións e estivesen igualmente inscritos durante a tempada deportiva anterior, sempre que participasen en competicións ou actividades de carácter oficial organizadas pola Fegabe e D.A.

Artigo 84º

Os representantes dos deportistas na asemblea xeral serán elixidos por e entre os maiores de 18 anos correspondentes a cada circunscrición electoral dos que teñan licencia en vigor expedida pola Fegabe e D.A. no momento da convocatoria das eleccións e tamén a tivesen, ó menos, durante a tempada deportiva anterior, sempre que participasen en competicións ou actividades de carácter oficial organizadas pola Fegabe e D.A.

Artigo 85º

Os representantes dos técnicos-adestradores e dos xuíces-árbitros na asemblea xeral serán elixidos por e entre os pertencentes a cada estamento, calquera que sexa a súa categoría, dos que teñan licencia en vigor no momento da convocatoria das eleccións e tamén a tivesen, como mínimo, na temporada inmediatamente anterior, sempre que participasen na competición ou actividades de carácter oficial organizadas pola Fegabe e D.A.

Capítulo IX

Elección de presidente

Artigo 86º

Unha vez concluídas as eleccións á asemblea xeral, o presidente da comisión xestora, logo acordo dela, procederá inmediatamente á convocatoria da dita asemblea para elixir ó presidente e á comisión delegada da Fegabe e D.A.

Será elixido cada catro anos, coincidindo cos anos dos Xogos Olímpicos de inverno, por sufraxio libre, igual, directo e secreto, polos membros da asemblea xeral.

No caso de que, excepcionalmente, quede vacante a presidencia antes de que transcorra o prazo para o que foi elixido, considerarase demisionaria toda a xunta directiva, constituíndose a comisión delegada en comisión xestora, presidida polo membro de maior idade. Convocará á asemblea xeral, e esta acordará unha nova elección do presidente para cubri-la vacante polo tempo que falte ata a terminación do prazo correspondente ó mandato ordinario. Se a vacante se produce por prosperar unha moción de censura, haberá que aterse ó disposto no Art. 35º destes estatutos.

Os candidatos, que poderán non ser membros da asemblea xeral, deberán avala-la presentación da sua candidatura, mediante a firma de, ó menos o 10 por 100 dos membros da asemblea.

Elixirase como presidente o candidato que obteña a maioría absoluta dos votos emitidos. No caso de que ningún candidato alcance esta maioría procederase a unha segunda votación entre os dous can

didatos máis votados, resultando elixido o que obteña a maioría dos votos.

No suposto de que se presentase un só candidato, non se efectuará votación, sendo proclamado presidente o único candidato pola Secretaría Xeral para o Deporte.

Artigo 87º

Para poder ser candidato a presidente ou membro da xunta directiva da Fegabe e D.A., deberanse reuni-las condicións seguintes:

a) Te-la condición de cidadán de Galicia, segundo o que dispón o estatuto de autonomía.

b) Ser maior de idade.

c) Estar no pleno uso dos dereitos civís.

d) Non estar incurso en ningunha sanción deportiva que o inhabilite, dictada polos órganos disciplinarios da Fegabe e D.A. o polo Comité Galego de Disciplina Deportiva.

e) Non ter sido condenado mediante sentencia xudicial firme que leve anexa pena principal ou accesoria de inhabilitación absoluta ou especial para o desempeño de cargos públicos.

Artigo 88º

A votación será libre, igual, secreta e directa, non admitíndose o voto por correo, nin por delegación das persoas físicas.

Capítulo X

Elección da comisión delegada

Artigo 89º

Na mesma asemblea xeral convocada para a elección de presidente, e unha vez realizada esta, procederase á elección dos membros da comisión delegada da asemblea xeral.

A comisión delegada estará composta por catro membros, e ademais o presidente da Fegabe e D.A.

Os membros da comisión delegada elexiranse por e entre os integrantes da asemblea xeral.

Serán elixidos membros da comisión delegada os que obteñan maior número de votos ata cubri-lo número de membros correspondente á comisión delegada.

Título VII

Do réxime documental e contable

Artigo 90º

1. Integran, en todo caso, o réxime documental e contable da Fegabe e D.A.:

a) Libro de rexistro de entrada e saída de documentos e comunicacións oficiais.

b) O libro rexistro de clubs e asociacións afiliadas, no que constará a sua denominación, domicilio social e filiación dos presidentes e membros das xuntas directivas, consignándose as datas de toma de posesión e cesamento, e se é o caso, dos interesados.

c) O libro de actas, no que incluirán as das reunións que celebren tódolos órganos colegiados da Fegabe e D.A., tanto de goberno e representación como complementarios e técnicos.

d) Os libros de contabilidade, nos que figurarán tanto o patrimonio como os dereitos e obrigacións, e os ingresos e gastos da Fegabe e D.A., debendo precisarse a procedencia daquelles e o investimento ou destino destes.

e) Libro onde se recolla a relación de bens mobles e inmobles, todos eles debidamente dilixenciados.

f) Rexistro dos membros da asemblea xeral e da comisión delegada no que deberán consta-los nomes dos titulares ou representantes legais e os domicilios para as citacións e comunicaciones.

Artigo 91º

O réxime documental da Fegabe e D.A. estará a cargo do secretario, a quen lle corresponde a custodia dos libros da Fegabe e D.A., expedir actas das reunións dos órgano colegiados e, unha vez aprobadas, asinadas co visto e prace do presidente, expedir certificacións, remitir-las certificacións e acordos que procedan á Secretaría Xeral para o Deporte e, en xeral, prepara-la resolución e despacho de tódolos asuntos.

No caso de ausencia ou imposibilidade física do secretario, as súas funcións serán desempeñadas polo propio presidente da Fegabe e D.A. ou pola persoa na quen delegue.

Título VIII

Da aprobación e reforma dos estatutos federativos

Artigo 92º

A aprobación ou reforma dos estatutos da Fegabe e D.A. axustarase ó seguinte procedemento:

a) O proceso de modificación salvo cando este fose por imperio legal, iniciarase a proposta, exclusivamente, do presidente da Fegabe e D.A. ou de dous tercios dos membros da comisión delegada. Nomearase seguidamente por ela unha comisión técnica que realice os traballos necesarios para presenta-la asemblea o novo texto que se someterá a aprobación.

As modificacións non poderán exceder dos límites e criterios que a asemblea xeral estableza.

Obtida a aprobación, cursarase o texto, individualmente, a tódolos membros da asemblea xeral, otorgando un prazo non inferior a quince días para que formulen, motivadamente, as emendas ou suxestión que coiden pertinentes.

b) Convocarase a asemblea xeral, a quen corresponda a súa aprobación, a cal decidirá tras discutirse o texto proposto e as emendas, e, se é o caso, presentadas.

c) Recaída, se é o caso, a pertinente aprobación, elevarase o acordado á Secretaría Xeral para o Deporte.

d) Aprobado o novo texto, a comisión directiva da Secretaría Xeral para o Deporte publicara no Diario Oficial de Galicia e inscribirase no rexistro de asociacións correspondente.

Título IX

Da disolución da Fegabe e D.A.

Artigo 93º

1. A Fegabe e D.A. disolverase:

a) Pola revogación do seu recoñecemento. Se desaparecesen as condicións ou motivacións que deron lugar a el, ou a comisión directiva da Secretaría Xeral para o Deporte estimase o incumprimento dos obxectos para os que a federación foi constituída, instruirase un procedemento, con audiencia da propia Fegabe e D.A.

Concluso aquel, a comisión directiva da Secretaría Xeral para o Deporte resolverá, motivadamente, sobre tal revogación e contra o seu acordo caberá interpor os recursos administrativos pertinentes.

b) Por acordo da maioría de dous tercios dos membros da asemblea xeral referendado, por maioría absoluta, por tódolos membros da Fegabe e D.A. a través de votación libre, igual, directa e secreta.

c) Por resolución xudicial.

d) Polas demais causas previstas no ordenamento xurídico xeral.

2. No caso de disolución da Fegabe e D.A., o seu patrimonio neto, se o houbese, aplicarase á realización de actividades análogas, determinando pola Secretaría Xeral para o Deporte o seu destino concreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Quedan derrogados os estatutos da Fegabe e D.A. ata agora vixentes, aprobados pola Secretaría Xeral para o Deporte o 18 de maio de 1989.

Segunda.-Os presentes estatutos entrarán en vigor o día seguinte ó da súa aprobación na asemblea xeral, sen prexuízo da súa posterior ratificación pola Secretaría Xeral para o Deporte e publicación no Diario Oficial de Galicia.

Terceira.-Conforme o disposto na Orde do 28 de xullo de 1995 que desenvolve o Decreto 228/1994, do 14 de xullo, sobre federacións deportivas galegas, os presentes estatutos da Fegabe e D.A. deberán inscribirse no rexistro de asociacións deportivas correspondente.

3329