Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 90 Mércores, 08 de maio de 1996 Páx. 4.256

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 15 de abril de 1996 pola que se lle outorga concesión administrativa a Enagás, S.A. para a prestación do servicio público de conducción e subministración de gas natural para usos industriais nos termos municipais de Abegondo, Carral, Cambre, Culleredo, Arteixo, Oleiros, Sada e A Coruña.

Enagás, S.A., con domicilio social en Madrid, Avda. de América, 38, solicitou concesión administrativa para o servicio público de conducción e subministración de gas natural para usos industriais en Abegondo, Carral, Cambre, Culleredo, Arteixo, Oleiros, Sada e A Coruña, mediante a rede de distribución correspondente, que transportará o gas natural desde o gasoducto de transporte ás diferentes redes de distribución.

As características principais das instalacións serán as seguintes:

A subministración de gas á Coruña e a súa zona industrial periférica ten a súa orixe na posición I-015 do gasoducto de transporte da gasificación do noroeste, situado no termo municipal de Abegondo, de onde parte un ramal, de 12.400 m, en alta presión (72 bar) que unirá a posición I-015 coa posición I-015.1, no termo municipal de Culleredo.

A rede da Coruña ten a súa orixe na citada posición I-015.1, onde se encontra unha estación de regulación e medida, de onde parte unha rede de tipo ramificado dando lugar ó ramal R-1, para el subministración ós polígonos industriais de POCOMACO, A Grela e polígono de Sabón, e o ramal R-2, que subministrará ás industrias situadas nas localidades de Culleredo, San Pedro de Nós, Cambre e Castro, cunha lonxitude de 52.635 m.

A calidade do aceiro utilizado nas conduccións será do tipo API-5L-X42 para o ramal da Coruña e API-5L-Gr.B para as conduccións da rede de distribución, con diámetros de 10'' para o ramal e de 12'' a 2'' para as redes de distribución, dotadas de revestimentos externos e dispositivos de protec

ción catódica, sendo a presión máxima do gas natural de 16 bar para a rede de distribución e de 72 bar para o ramal.

As conduccións foron deseñadas para transportar un caudal de 37.900 Nm3/h.

O orzamento das instalacións é o seguinte:

-Ramal da Coruña: 527.000.000 de ptas.

-Rede da Coruña: 1.287.000.000 ptas.

Seguidos os trámites regulamentarios no expediente instruído para o efecto, considerando que, a Consellería de Industria e Comercio da Xunta de Galicia é competente para outorga-la correspondente concesión administrativa, conforme Estatuto de autonomía de Galicia; ó Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servicios da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia; ó Decreto 132/1982, do 4 de novembro, sobre asunción de competencias en materia de industria, enerxía e minas; ó Decreto 209/1990, modificado polo Decreto 140/1991, do 2 de maio, en relación coa Lei 10/1987, do 15 de xuño e o Decreto 2913/1973, do 26 de outubro, e por proposta da Dirección Xeral de Industria,

RESOLVO:

Outorgarlle á empresa Enagás S.A. a concesión administrativa solicitada para a prestación do servicio público de conducción e subministración de gas natural para usos industriais nos termos municipais de Abegondo, Carral, Cambre, Culleredo, Arteixo, Oleiros, Sada e A Coruña.

Conforme o artigo 10 da Lei 10/1987, do 15 de xuño, o outorgamento desta concesión leva implícita a declaración concreta de utilidade pública e urxente ocupación para efectos de expropiación forzosa dos bens e dereitos necesarios para o establecemento das instalacións e da imposición e exercicio da servidume de paso e demais limitacións de dominio.

A presente concesión outórgase conforme as seguintes condicións:

Primeira.-Enagás S.A. constituirá no prazo de dous meses contado desde o outorgamento desta concesión, unha fianza por valor de 18.140.000 pesetas, importe do 2% do orzamento que figura no expediente, para garanti-lo cumprimento das súas obrigacións, conforme o artigo 7, apartado b) da Lei 10/1987, do 15 de xuño e o artigo 13 do Regulamento xeral do servicio público de gases combustibles. A dita fianza constituirase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11, apartado 3º do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo; fianza que será devolta unha vez que se formalice o acta de posta en marcha das instalacións.

Segunda.-Dentro do prazo dun ano, contado desde o outorgamento da presente concesión, Enagás, S.A. deberá solicitar da Consellería de Industria e Comercio a autorización para a montaxe das instalacións, presentando o proxecto detallado destas.

Terceira.-Nas instalacións e nas súas montaxes deberase cumpri-lo establecido no Regulamento de redes e conexión de combustibles gasosos, aprobado por orde do Ministerio de Industria do 18 de novembro de 1974, modificada polas ordes do 26 de outubro de 1983 e 6 de xullo de 1984. Estas instalacións deberán preverse para responder ós avances tecnolóxicos no campo do gas e lograr abastecementos flexibles e seguros.

O cambio das características do gas subministrado ou a substitución por outro intercambiable requirirá a autorización da Dirección Xeral de Industria da Consellería de Industria e Comercio da Xunta de Galicia, de acordo co artigo 8 apartado c) do Regulamento xeral do servicio público de gases combustibles.

Cuarta.-O concesionario deberá manter unha correcta subministración e unha adecuada e eficiente conservación das instalacións, sendo responsable da conservación e bo funcionamento destas. Así mesmo, queda suxeito a cantas prescricións se establecen no citado Regulamento xeral e a cantas disposicións foran ou sexan dictadas polo Ministerio de Industria e Enerxía ou a Xunta de Galicia sobre subministración de gases combustibles e as súas instalacións.

Quinta.-A determinación das tarifas de aplicación ás subministracións de gas rexirase polas disposicións vixentes no seu momento sobre a materia.

Sexta.-A presente concesión outorgase por un prazo de setenta e cinco anos.

As instalacións obxecto desta concesión reverterán á Comunidade Autónoma de Galicia ó transcurre-lo prazo sinalado, de acordo co artigo 7, apartado c) da Lei 10/1987, do 15 de xuño.

Sétima.-Enagás, S.A. poderá transferir en calquera momento a concesión, requiríndose a autorización previa da Consellería de Industria e Comercio, subrogándose o novo titular en tódalas obrigas e dereitos do transmitente derivados da concesión.

Oitava.-A Delegación Provincial da Consellería de Industria e Comercio na Coruña coidará do exacto cumprimento das condicións estipuladas por esta resolución. Os recoñecementos, ensaios e probas de carácter xeral ou parcial que, segundo as disposicións en vigor, han de realizarse nas instalacións obxecto da concesión deberán ser comunicadas polo concesionario á citada delegación provincial coa debida antelación.

Novena.-En casos de incumprimento das obrigas do concesionario que poidan afectar á continuidade e seguridade do servicio público, e a fin de garanti-lo mantemento do servicio ós seus usuarios, a Xunta de Galicia poderá acordar a intervención da correspondente empresa concesionaria, de acordo co artigo 128 da Constitución, adoptando as medidas oportunas para mante-las subministracións.

Décima.-Serán causas de extinción da presente concesión, ademais das sinaladas no apartado e) do artigo 7 da Lei 10/1987, do 15 de xuño, as seguintes:

a) O incumprimento do apartado b), do artigo 7 da Lei 10/1987.

b) A introducción de calquera variación ou ampliación na execución dos proxectos, non autorizadas pola Dirección Xeral de Industria, salvando as modificacións precisas para que se cumpran as disposicións vixentes.

c) Se non se levasen a cabo as instalacións de acordo coas condicións impostas na presente resolución e na autorización para a montaxe destas.

Sen embargo, se por evolución da técnica ou a distribución de gas, por utilización de diferentes materias primas ou por outras causas non fose adecuado o mantemento dalgunha ou algunhas das instalacións obxecto da presente resolución, Enagás, S.A. poderá solicitar da Consellería de Industria e Comercio:

1. Autorización para a modificación ou substitución das instalacións, sen altera-las restantes condicións da concesión e coa mesma data de reversión cás instalacións substituídas, ou ben

2. O outorgamento da correspondente concesión para as novas instalacións, se pola importancia dos investimentos que supoñan non puidese obter unha compensación económica adecuada durante o prazo que restase para a caducidade da concesión antes mencionada, tendo en conta sempre os dereitos que a Comunidade Autónoma de Galicia poida ter sobre os elementos cambiados.

Undécima.-A concesión outórgase sen prexuízo de terceiros e deixando a salvo os dereitos particulares.

Duodécima.-Esta concesión outórgase sen prexuízo e independentemente das autorizacións, licencias ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións de gas.

Contra a presente resolución, que é definitiva en vía administrativa, poderá interpoñerse, se é o caso, recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses contado desde o día seguinte a súa publicación, logo de comunicación a esta consellería.

Santiago de Compostela, 15 de abril de 1996.

Antonio Couceiro Méndez

Conselleiro de Industria e Comercio

3351