Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 89 Martes, 07 de maio de 1996 Páx. 4.221

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E MONTES

ORDE do 23 de abril de 1996 sobre medidas de estímulo e apoio para a promoción de novas tecnoloxías en maquinaria e equipos agrarios.

O fomento da incorporación de modernas técnicas de producción e a racionalización do uso dos medios empregados son o obxectivo fundamental da presente orde.

Coa incorporación destas novas tecnoloxías perséguese, ademais, alcanzar obxectivos de aforro enerxético, supresión de mecanismos de alto risco, diminución da contaminación atmosférica e acústica e a mellora das condicións de traballo dos agricultores.

Tendo en conta a estructura e dimensión da maioría das explotacións galegas, e considerando que os custos de adquisición da maquinaria poderían compromete-la rendibilidade do investimento se non se alcanzan uns mínimos de horas anuais de utilización, é o réxime asociativo o sistema de adquisición e utilización máis aconsellable.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30 1º.3. do Estatuto de autonomía de Galicia e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1993, reguladora da Xunta de Galicia e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º

1. Poderán solicita-las axudas que recolle esta orde:

a) Cooperativas, sociedades agrarias de transformación e as cooperativas de traballo asociado de carácter agrario.

b) As agrupacións para tratamentos integrados na agricultura (ATRIAs).

c) As agrupacións sen constitución formal que, mediante normas de funcionamento acordado por escrito entre os seus membros, pretenden adquirir e emprega-la maquinaria en común. Neste caso, o número mínimo de agricultores será de catro e deberán exerce-la actividade agraria como actividade principal a totalidade dos membros da agrupación.

Artigo 2º

Serán obxecto destas axudas as máquinas e equipos incluídos nos seguintes plans de innovación tecnolóxica:

a) Plan de mecanización racional da producción e aproveitamento das forraxes.

-Maquinaria de sementeira, colleita, preparación, almacenamento e distribución de forraxes.

b) Plan de racionalización do emprego de estercos, xurro e lodos na fertilización de solos.

-Cisternas e batedores de xurro.

-Aplicadores-enterradores de esterco e lodos líquidos.

-Separadores de esterco sólido/líquido.

-Inxectores para fermentación aeróbica de xurro.

c) Plan de fomento da utilización de maquinaria e equipos que representen unha innovación tecnolóxica:

-Maquinaria para recolección de pataca.

-Maquinaria para a aplicación de productos fitosanitarios.

-Surtidores e tanques de combustible.

-Calquera outra máquina ou equipo que represente unha innovación tecnolóxica.

Artigo 3º

O importe da subvención estará condicionado á existencia de crédito orzamentario e calcularase en función do investimento realizado e de acordo coas porcentaxes indicadas a continuación:

a) As agrupacións incluídas nos apartados a) e b) do artigo 1º poderán obter ata o 30% do total do investimento, podendo chegar ata o 40% cando as explotacións se atopen en zonas desfavorecidas, sen superaren en ningún caso os 5.000.000 de ptas.

b) As agrupacións incluídas no apartado c) do artigo 1º poderán obter ata o 15% do total do investimento, podendo chegar ata o 25% cando as explotacións se atopen en zonas desfavorecidas, sen superaren 1.000.000 de ptas.

Artigo 4º

As subvencións só poderán ser concedidas para a maquinaria de primeira adquisición e non poderá ser revendida no prazo de cinco anos a partir da data de adquisición.

Así mesmo as máquinas e equipos subvencionados deberán inscribirse no Rexistro Oficial de Maquinaria Agrícola da provincia.

Artigo 5º

As subvencións reguladas nesta orde serán incompatibles con calquera outra axuda a fondo perdido para a mesma finalidade que concedan as administracións públicas.

Artigo 6º

A maquinaria adquirida ó abeiro desta orde só poderá empregarse nas explotacións dos membros da agrupación ou entidade asociativa, excepto no caso de cooperativas de traballo asociado.

Artigo 7º

Na aprobación de solicitudes terán prioridade as presentadas por agrupacións formais.

No caso de máquinas incluídas no plan c) do artigo 2, serán prioritarias as solicitudes de equipos de distribucións de productos fitosanitarios.

Quedan expresamente excluídas as máquinas de uso xeneralizado na agricultura, tales como tractores, motocultores, remolques, equipos tradicionais de laboreo ou colleitadoras de cereais.

Así mesmo exclúense as subvencións para os almacéns polivalentes, edificacións gandeiras e instalacións para a comercialización ou transformación de productos agrarios ou forestais.

Artigo 8º

As solicitudes para acollerse ás axudas que inclúe a presente orde presentaranse preferentemente nas oficinas locais ou provinciais da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes ou en calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, xustificando ademais a viabilidade técnica e económica do investimento previsto, utilizando o modelo do anexo I e xuntando a seguinte documentación:

a) Cooperativas, SAT e ATRIAs:

-Fotocopia compulsada do CIF da asociación.

-Fotocopia compulsada dos estatutos de constitución da sociedade.

-Certificación da Tesourería Xeral da Seguridade Social de estar ó día na cotización.

-Certificación da Axencia Estatal de Administración Tributaria de estar ó corrente no cumprimento das súas obrigas fiscais.

-Facturas proforma das máquinas que se adquiran.

b) Asociacións informais:

-Para cada un dos compoñentes da agrupación:

* Fotocopia compulsada do NIF.

* Fotocopia compulsada da declaración da renda das persoas físicas correspondente ó último ano.

* Fotocopia do boletín de cotización ó réxime especial agrario da Seguridade Social correspondente ó último mes.

-Fotocopia compulsada do acordo sobre normas de funcionamento da agrupación.

-Facturas proforma das máquinas que se adquiran.

Artigo 9º

O prazo de presentación de solicitudes rematará o 30-7-1996, debendo estar realizada a adquisición de maquinaria aprobada, cos seus trámites legais, antes do 30-10-1996. En caso contrario anularase a subvención.

Artigo 10º

A adquisición da maquinaria xustificarase mediante a achega das facturas correspondentes, antes do 30 de outubro de 1996.

Artigo 11º

O financiamento deste programa efectuarase con cargo ó concepto orzamentario 09.03.614-A 775.05 Fomento de mellora tecnolóxica e mecanización en común, dotado con 92.000.000 de ptas., dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición transitoria

As solicitudes presentadas en 1995 no marco da Orde do 13 de decembro de 1994, de medidas de estímulo e apoio para a promoción de novas tecnoloxías en maquinaria e equipos agrarios, pendentes de resolución e que cumpran as súas condicións, serán tidas en conta na presente convocatoria, salvo indicación do interesado en sentido contrario dirixida ó Servicio Provincial de Axudas Estructurais. A tramitación dos expedientes continuará desde o trámite no que se atopaba ó remate do exercicio anterior.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Producción Agropecuaria e Industrias Agroalimentarias para dictar cantas disposicións considere necesarias para a aplicación da presente orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de abril de 1996.

Tomás Pérez Vidal

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes

3276