Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 89 Martes, 07 de maio de 1996 Páx. 4.205

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 29 de abril de 1996 pola que se regula a concesión de axudas a Organizacións non Gobernamentais de Cooperación ó Desenvolvemento (ONGD) para actividades formativas de sensibilización e educación ó desenvolvemento.

As relacións entre a Xunta de Galicia e as ONGD, iniciadas en 1994, puxeron de manifiesto a vontade de ámbalas partes en comprometerense coa solidariedade e a cooperación para o desenvolvemento dos países empobrecidos. Desta vontade xorde a necesidade de implicarmonos na concienciación da nosa sociedade, un proceso que pasa pola realización de actividades de carácter educativo, de reflexión e debate, de capacitación e participación nos ámbitos relacionados coa cooperación ó desenvolvemento.

Como queira que no orzamento desta Comunidade Autónoma para o presente exercicio, o mesmo que nos anteriores, establécese unha partida específica destinada a facer fronte ás axudas económicas que puidesen interesa-las ONGD para a execución dos seus proxectos; non estando contemplada na Orde do 1 de xuño de de 1995 (DOG do 14 de xuño), a posibilidade de auxiliar economicamente a execución de proxectos formativos de sensibilización e educación, para dárlle-la necesaria cobertura legal e ó mesmo tempo racionalizar, simplificándoos e nor

malizándoos, os procesos económico-administrativos que para a adxudicación e fiscalización das axudas se requira seguir,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto desta orde.

A presente ten por obxecto regula-las axudas que, con cargo ó orzamento de 1996, outorgue a Comunidade Autónoma de Galicia ás ONGD inscritas no rexistro creado por orde desta consellería de 4 do abril de 1994 (DOG do 6 de abril), para a realización das actividades que se concretan nos seguintes artigos.

Artigo 2º.-Obxecto das axudas.

Serán susceptibles das axudas previstas no artigo anterior aquelas actuacións que teñan por obxecto a realización de actividades formativas para a sensibilización ou a educación para o desenvolvemento, dirixidas a sectores sociais relacionados ou interesados no proceso de cooperación para o desenvolvemento, no ámbito propio de actuación das ONGD.

Quedan excluídas de toda axuda as actuacións formativas dirixidas exclusivamente a membros da propia organización.

Artigo 3º.-Requisitos para a concesión de axudas.

Os proxectos formativos para os que solicite a concesión de axudas reguladas nesta orde haberán de cumpri-los seguintes requisitos:

a) Que se execute dentro do territorio desta Comunidad Autónoma.

b) Que a súa dirección, coordinación e control sexa exercitado directamente pola entidade solicitante.

c) Que vaia dirixida á formación técnica de equipos multidisciplinares.

d) Que a oferta de formación se dirixa a calquera sector relacionado coas técnicas aplicables á execución dos proxectos de cooperación que se configuran como obxecto da acción das ONGD.

Artigo 4º.-Criterios para a concesión das axudas.

A concesión de subvencións a proxectos formativos realizarase en función da concorrencia dos seguintes criterios selectivos:

a) Tecnicidade da formación e do equipo formador.

b) Carácter interdisciplinar dos coñecementos que se impartirán.

c) Carácter teórico-práctico da formación que se impartirán.

d) Número de persoas ás que se dirixe a actividade.

e) Pagamento de matrícula o dereitos de formación.

f) Terán carácter preferente para acceder ás subvencións recollidas nesta orde aqueles proxectos presentados por dous ou máis ONGD co compromiso solidario de poñelo en marcha no caso de recibi-los fondos solicitados.

Artigo 5º.-Cobertura das axudas.

O importe de axuda susceptible de ser outurgada non excederá do 75% dos seguintes gastos que resulten necesarios para a impartición da formación para a que se solicite auxilio económico:

a) Gastos de locais para a impartición da formación, incluídos os de subministración de auga, gas e electricidade, e os de limpeza.

b) Axudas de custo e viaxes do profesorado.

c) Gastos de publicidade da convocatoria da actividade.

d) Gastos de material de oficiña xerados pola convocatoria e desenvolvemento da actividade.

Quedan excluídos de toda axuda os gastos xerados pola organización, dirección, control, supervisión da actividade formativa, así como calesquera outros análogos que puidesen derivarse dela, que serán soportados pola ONG solicitante.

Excepcionalmente o límite establecido no parágrafo primeiro poderá ser superado cando o proxecto presentado se englobe dentro dun plan de acción integral sobre unha zona ou sector xeográfico a tratar en programación plurianual ou a desenvolver coordinadamente entre varias ONGD.

Artigo 6º.-Solicitudes e a súa formalización.

A solicitude de axudas regulamentadas na presente orde formularase a través de escrito formalizado no modelo establecido no anexo desta orde.

Toda solicitude deberá ir acompañada de copia fidedigna do proxecto formativo que, alomemos, deberá estar composto polos seguintes documentos:

a) Programa formativo.

b) Relación de profesionais encargados de imparti-la disciplina ou as disciplinas que configuren o proxecto de formación así como titulación deles.

c) Número de perceptores de formación.

d) Importe da matrícula ou dos dereitos de formación a satisfacer, se os houbese.

e) Data prevista para a iniciación da actividade programada.

f) Calendario para a impartición do programa, con indicación de: número de días lectivos, horario diario de formación, total de duración horaria da actividade formativa con desgregación do dedicado ás distintas disciplinas ou técnicas a impartir, distribución horaria da actividade maxistral e a teórico-práctica.

g) Orzamento de gastos desagregado por partidas en función da natureza dos gastos a realizar para a execución da actividade.

h) Compromiso de aportación, directa ou por medio de financiamento de terceiros, da diferencia entre o custo total da actividade para a que se solicita o auxilio económico.

Artigo 7º.-Presentación de solicitudes.

As solicitudes, dirixidas á Dirección Xeral de Relacións Institucionais da Consellería da Presidencia e Administración Pública, presentaranse directamente en calquera rexistro de entrada da Xunta de Galicia.

Poderán tamén presentarse por calquera dos medios previstos no art. 38.4º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 8º.-Prazo de presentación de solicitudes.

As solicitudes presentaranse dentro do prazo de 30 días naturais contados dende o seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 9º.-Resolución de solicitudes.

As solicitudes serán resoltas pola comisión de avaliación de actividades de desenvolvemento considerada no parágrafo primeiro do artigo 10 da Orde do 1 de xuño de 1995, dentro do prazo de tres meses contados dende o día seguinte ó de finalización ó do prazo de presentación de solicitudes.

As solicitudes entenderanse desestimadas se dentro do expresado prazo non se lle notificase a súa resolución ó solicitante.

Artigo 10º.-Aboamento de subvencións.

No caso de que a subvención concedida non acadase a cubri-la porcentaxe de gastos establecido no artigo 5º desta orde, con carácter previo ó seu aboamento, a ONGD beneficiaria deberá de proceder a formalizar declaración complementaria da regulada na letra h) do parágrafo segundo do artigo 6º desta orde por importe da diferencia entre aquela porcentaxe e a da axuda concedida.

Artigo 11º.-Información sobre a execución.

As ONGD beneficiarias de axuda regulada por esta orde deberán poñer en coñecemento da Dirección Xeral de Relacións Institucionais, antes do inicio da actividade:

a) Calquera modificación do proxecto formativo, para a súa autorización, no seu caso.

b) Calquera incidencia que implique alteración do calendario establecido.

En calquera momento, o persoal designado pola Dirección Xeral de Relacións Institucionais poderá preceder a inspecciona-lo desenvolvemento da actividade subvencionada; igualmente os órganos específicos desta Administración autonómica poderán efectuar inspeccións de carácter económico.

Artigo 12º

De acordo co principio de economía procedemental e co fin de evita-la reclamación de documentación que xa consta en poder da Dirección Xeral de Relacións Institucionais, con carácter excepcional, poderán ser financiados con cargo a esta orde cursos de formación realizados en 1996 para os que a ONGD organizante solicitase axuda con anterioridade á de publicación da presente orde, con limitación de que

deberán axustarse ós requisitos que se derivan dela, se é o caso, concedéndose para isto un prazo de dez días hábiles contados a partir do seguinte ó da recepción da notificación do correspondente requirimento en tal sentido.

Artigo 13º.-Xustificación do investimento.

Levada a cabo a actividade formativa, dentro dos 15 días seguintes ó da súa finalización, a ONGD beneficiaria da axuda remitirá á Dirección Xeral de Relacións Institucionais unha memoria comprensiva dos seguintes extremos:

a) Cadro numérico de participantes na actividade formativa desagregado por profesións, titulacións ou oficios.

b) Cadro de incidencias.

c) Valoración dos resultados formativos.

d) Relación de gastos efectuados para a execución da actividade, acompañada de copia das facturas satisfeitas.

A anterior memoria irá acompañada de copia das facturas, gastos efectuados e comprobantes dos ingresos obtidos para a execución da actuación formativa. Tal documentación será conformada polo Director Xeral de Relacións Institucionais.

Artigo 14º.-Reintegro de axudas.

As ONGD beneficiarias de axudas veñen obrigadas á devolución das axudas concedidas, incrementadas cos correspondentes xuros de demora, nos seguintes casos:

a) Non execución da actividade subvencionada. Entenderase non executada a actividade cando, transcorridos dous meses desde a data sinalada no parágrafo segundo letra e) do artigo 6º desta orde, aquela non fose iniciada.

b) Incumprimento do disposto no derradeiro parágrafo do artigo anterior.

c) Modificación substancial do proxecto formativo sen autorización expresa da Dirección Xeral de Relacións Institucionais.

Presúmese substancial a eliminación do programa de calquera das disciplinas a impartir ou a súa substitución por outras non programadas, modificación do cadro de profesorado ou a reducción horaria.

Artigo 15º.-Dotación orzamentaria.

A contía global asignada ás axudas reguladas por esta orde fixase en tres millóns (3.000.000) de pesetas, con cargo á partida orzamentaria 04-13-121.A-490.00.

Disposición adicional

A concesión de axudas económicas a ONGD para a execución das súas actuacións de cooperación ó desenvolvemento rexerase durante o presente exercicio económico polo disposto na orde desta con

sellería de 1 de xuño de 1995 (DOG 113/1995, do 14 de xuño). No no previsto na dita orde ou nesta, deberá atenderse ó que preceptúan os artigos 78 e 79 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia (DOG do día 14) e 36 da Lei 11/1995, do 28 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1996 (DOG do día 30).

En virtude do anterior, e en cumprimento do sinalado no devandito artigo 36, e concretamente no seu apartado dous. A),para aquelas subvencións que non superen o importe de 1.000.000 de pesetas poderá acordarse no momento da concesión un anticipo de pagamento de ata un 80%, e librarase o 20% restante no momento da completa xustificación por parte do beneficiario do cumprimento da finalidade e demais condicións para a que foi concedida.

Disposición derradeira

Facúltase o director xeral de Relacións Institucionais para dicta-las resolucións precisas no desenvolvemento da presente orde.

Santiago de Compostela, 29 de abril de 1996.

Dositeo Rodríguez Rodríguez

Conselleiro da Presidencia e Administración Pública

978