Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 88 Luns, 06 de maio de 1996 Páx. 4.132

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE

RESOLUCIÓN do 18 de abril de 1996 pola que se convoca un curso de auxiliares de policía local, dirixido a todas aquelas persoas que sexan contratadas para desenvolve-la función de auxiliar de policía local durante a tempada de verán, nos concellos de Galicia.

Dentro do programa de actividades que a Academia Galega de Seguridade ten previsto realizar no ano 1996, e conforme ás funcións atribuídas pola Lei 4/1992, do 9 de abril, de creación da Academia Galega de Seguridade, anúnciase a celebración dun curso básico para auxiliares de policía local, segundo o previsto na disposición adicional II da Lei 3/1992, do 23 de marzo, de coordinación das policías locais, que deberá desenvolverse conforme ás seguintes bases:

Obxectivos.

O curso ten por obxectivos dota-los auxiliares de policía local dunha formación teórico-práctica que os capacite para o posterior desempeño da súa actividade profesional.

Destinatarios.

O curso vai dirixido a todas aquelas persoas que sexan contratadas para desenvolve-la función de auxiliar de policía local durante a tempada de verán nos concellos de Galicia

Inscrición.

A inscrición dos participantes será totalmente gratuíta e deberase comunicar, antes do 20 de maio de 1996 para efectua-la correspondente reserva de praza.

Prazas.

Sin límite.

Solicitudes.

1. Os concellos que se atopen nesta situación deberán remitir un escrito á Academia Galega de Seguridade, solicitando a participación no curso, no que figure a lista de persoas que van ser contratadas como auxiliares de policía local, para efectua-la correspondente reserva de praza para a realización do devandito curso.

2. O prazo para a remisión de escritos rematará o día 20 de maio de 1996.

3. Os escritos deberán enviarse á sede da Academia Galega de Seguridade, rúa de Madrid, 2-4, polígono das Fontiñas, 15703, Santiago de Compostela.

Contido e duración.

O curso celebrarase en sesións de mañá e tarde, de luns a venres, e nel trataranse, entre outras, as seguintes materias:

-Intervención policial.

-Tráfico e seguridade vial.

-Policía administrativa.

-Primeiros auxilios.

-Dereito penal.

-Dereito procesual-penal.

O curso terá unha duración de 10 días, cun total de 70 horas lectivas.

Lugar.

O curso terá lugar no concello de Sanxenxo nembargantes se o número de solicitantes fora maior do previsto inicialmente poderíanse realizar dous cursos, quedando por determinar o lugar de celebración do segundo curso, a teor das solicitudes recibidas.

Datas.

O curso terá lugar do 3 ó 14 de xuño, en horario de 10 a 14 horas e de 17 a 20 horas.

Certificado.

Para obte-lo correspondente diploma será requisito indispensable supera-la fase de formación teórica, onde o alumno ten que superar tódalas materias que figuran no programa.

Modificacións.

A Academia Galega de Seguridade poderá modifica-lo desenvolvemento do curso para adaptalo ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

Santiago de Compostela, 18 de abril de 1996.

Juan José Fariñas-Ferro Rodríguez

Director xeral da Academia Galega de Seguridade

3361