Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 88 Luns, 06 de maio de 1996 Páx. 4.129

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 23 de abril de 1996 pola que se anuncian medidas de apoio ós corpos da policia local dos concellos da Comunidade Autónoma de Galicia.

O artigo 148.1º.22 da Constitución española establece, entre as competencias que poden asumi-las comunidades autónomas, a coordinación e demais facultades en relación coas policías locais, nos termos que estableza unha lei orgánica.

Se ben é certo que esta non é unha competencia especificamente recollida no Estatuto de autonomía de Galicia, a promulgación da Lei orgánica de corpos e forzas de seguridade do Estado 2/1986, proporciónalle á Comunidade Autónoma de Galicia unha ampliación de competencias en materias non previstas no estatuto, e, entre outras, a coordinación de policías locais.

Na súa consecuencia, e por medio da Lei 3/1992, do 23 de marzo, a Comunidade Autónoma de Galicia procedeu á coordinación das policías locais do seu territorio nos termos establecidos no artigo 39 da Lei orgánica de forzas e corpos de seguridade.

Conforme o Decreto 13/1993, do 20 de xaneiro, mediante o que se establece a estructura orgánica da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, correspóndelle a esta consellería, entre outras, a coordinación das policías locais.

Por medio da presente orde preténdese dar cumprimento ó mandato imposto polo artigo 4 da referida Lei 3/1992, do 23 de marzo, no sentido de adoptar medidas encamiñadas a logra-la homoxeneización dos medios técnicos dos corpos de policía local, regulándose, para tal efecto, o procedemento e requisitos para a cesión en uso de vehículos todoterreo ós concellos da Comunidade Autónoma galega que conten cos ditos corpos.

DISPOÑO:

Artigo 1º. Obxecto.

A Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais contribuirá ó equipamento dos concellos, co fin de aumenta-la eficacia dos seus corpos de

policía local no desenvolvemento das funcións que lle son propias. Para tal fin, cederalles en uso vehículos todoterreo ós concellos que conten con corpos de policía local, establecéndose nos convenios que se asinen para o efecto entre a Xunta de Galicia e os concellos beneficiarios, os termos desta cooperación conforme as estipulacións que se detallan nos artigos 6º e 7º desta orde.

Artigo 2º. Beneficiarios.

Poderán solicita-los beneficios desta orde aqueles concellos que cumpran cos seguintes requisitos:

a) Que conten cun corpo de policía local integrado, polo menos, por oito persoas, e

b) Que teñan entre 7.000 e 30.000 habitantes.

Artigo 3º. Crédito.

A consecución do obxectivo ó que se refire a presente orde, a Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais destiñará ata un límite de cincuenta millóns de pesetas (50.000.000 de ptas.), con cargo á aplicación orzamentaria 13.02.624.2, programa 123.A, dos presupostos xerais da Comunidade Autónoma galega para 1996, que se adicarán á adquisición de vehículos todoterreo, ostentará a titularidade destes a Comunidade Autónoma.

Artigo 4º. Iniciación.

1. No prazo de 20 días naturais, contados a partir do seguinte ó da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, os concellos que reúnan os requisitos ós que se refire o artigo 2º desta orde, e que desexen acollerse ós seus beneficios, deberán presenta-la solicitude que figura como anexo I no rexistro xeral da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, no das delegacións provinciais desta consellería, ou por calquera outro dos medios ós que se refire o artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Xunto coa solicitude presentaranse os seguintes documentos:

1.-Certificación expedida polo secretario xeral da corporación relativa ó acordo adoptado polo órgano competente polo que:

a) Acórdase solicita-la cesión en uso regulada na presente orde, aceptando integramente os termos e prescricións dela.

b) Facúltase o alcalde do concello para acepta-la cesión en uso, no caso de resolución favorable da consellería, nas condicións que sexan estabrecidas por esta e para asina-lo convenio de cesión.

2.-Certificación expedida polo secretario xeral do concello solicitante, que acredite a constitución do corpo de policía local, conforme determina a lexislación vixente.

3.-Memoria na que se recolla a totalidade do material e recursos con que conta o corpo de policía local na actualidade.

4.-Memoria sobre a cadro de persoal do corpo de policía local, actualizada á data de publicación da presente orde, incluíndo as previsións de crecemento, as prazas vacantes existentes e a súa forma de cobertura.

5.-Cuantificación, por unha parte, dos gastos correntes considerados nos orzamentos municipais de 1996 destinados ó funcionamento do corpo de policía local, e por outra banda, dos gastos do investimento dirixidos ó mesmo fin.

6.-Relación das funcións que exerce principalmente o corpo de policía local.

3. O defecto nas solicitudes seralles notificado ós interesados pola Dirección Xeral de Xustiza e Interior da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, concedéndoselles un prazo de dez días para emendaren erros ou omisións. Transcorrido o dito prazo, se non se producise a dita emenda, as peticións serán arquivadas sen máis trámite.

Artigo 5º. Instrucción.

1.-Recibidas as solicitudes e a súa documentación, serán analizadas polos servicios competentes da Dirección Xeral de Xustiza e Interior da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, emitíndose o correspondente informe.

2.-O director xeral de Xustiza e Interior elevará a correspondente proposta ó conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais.

Artigo 6º. Resolución.

Trala proposta do director xeral de Xustiza e Interior e a fiscalización previa da intervención delegada da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, corresponderalle ó conselleiro a resolución.

Artigo 7º. Notificación.

1.-A resolución da consellería seralles notificada ós solicitantes ós que se lles conceda a cesión en uso dun vehículo, na forma prevista no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. De non notificarse resolución favorable, no prazo de tres meses contados desde a publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, entenderase desestimada a petición correspondente.

2.-Na notificación das resolucións faranse consta-las seguintes condicións particulares que deberá cumpri-lo concello solicitante e que serán incluídas no convenio: «Correrán a cargo dos concellos os gastos de matriculación, impostos municipais de circulación, mantemento, conservación e as indemnizacións derivadas de posibles declaracións de responsabilidade civil ou criminal polo uso dos vehículos, calquera que sexa a súa contía e aqueloutros

que se establezan nos convenios de colaboración que regula a cesión dos vehículos».

Artigo 8º. Aceptación.

1.-O alcalde do concello beneficiario disporá dun prazo de dez días, contado a partir da recepción da resolución, para comunica-la aceptación das condicións contidas nela.

2.-Transcorrido este prazo sen que se comunique a dita aceptación e de non xustificarse suficientemente a concorrencia de circunstancias excepcionais que impidan facelo, a Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais poderá anula-la cesión en uso dos vehículos todoterreo.

Artigo 9º. Criterios de avaliación.

Na avaliación das solicitudes teranse en conta os seguintes aspectos:

a) Relación de necesidades municipais reflectidas na petición.

b) Recursos humanos con que conta o corpo de policía do concello solicitante (cadro de persoal real de postos de traballo cubertos e vacantes), así como, se é o caso, posibles previsións de aumento do cadro de persoal.

c) Recursos materiais con que conta o corpo de policía local do concello solicitante, así como, se é o caso, posibles previsións de adquisicións de material para o corpo de policía local con cargo ó orzamento municipal do concello solicitante.

d) Contía da consignación orzamentaria municipal do concello solicitante, destinada a gastos correntes vinculados ó corpo de policía local do concello solicitante.

e) Contía da consignación orzamentaria municipal do concello solicitante destinada a gastos de investimento vinculados ó corpo de policía local do concello interesado.

Artigo 10º. Control.

O incumprimento de calquera das condicións que se fixen nos convenios que se asinen ó respecto levará consigo a devolución, por parte da entidade local, dos vehículos cedidos en uso.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Xustiza e Interior para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de abril de 1996.

Juan Miguel Diz Guedes

Conselleiro de Xustiza, Interior e Relacións Laborais

Director xeral de Xustiza e Interior

3164