Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 88 Luns, 06 de maio de 1996 Páx. 4.124

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA

ORDE do 10 de abril de 1996 pola que se convocan subvencións á producción discográfica galega.

Galicia posúe unha gran riqueza musical de carácter tradicional e de música actual. A Consellería de Cultura ten como obxectivo contribuír ó labor que veñen realizando as pequenas empresas discográficas na difusión da nosa música popular, folclórica e moderna e potencia-la diversificación da oferta musical.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Convócanse subvencións a empresas discográficas que produzan música galega, con cargo á aplicación orzamentaria 10.02.354.A.770, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1996.

Artigo 2º

A contía de cada subvención non poderá supera-la cantidade de 300.000 (trescentas mil) pesetas por disco, casete ou disco compacto, consistindo no equivalente ó 75% do prezo de venda ó público (sen IVE) dun máximo do 20% dos exemplares producidos, segundo os datos que constan no documento de autorización de productores fonográficos, debidamente dilixenciado pola Sociedad General de Autores de España.

Artigo 3º

3.1. Poderán optar a estas subvencións as persoas físicas ou xurídicas que acrediten a súa condición de productores discográficos segundo a lexislación vixente.

3.2. Non as poderán solicitar aqueles productores que anteriormente recibisen algunha outra subvención da Consellería de Cultura e non xustificasen o seu investimento. Tamén quedan excluídos os productores dependentes de organismos públicos.

Artigo 4º

Os productores que desexen acollerse ós beneficios desta orde elevarán petición, por medio de instancia dirixida ó conselleiro de Cultura, segundo o modelo que figura como anexo desta orde, e presentarana no rexistro xeral da Consellería de Cultura ou nos rexistros das delegacións provinciais desta, sen prexuízo do establecido no artigo 38.4º da Lei 30/1992, de 26 de novembro, antes do 15 de outubro de 1996.

A solicitude irá acompañada da seguinte documentación:

-Fotocopia do DNI do solicitante e acreditación suficiente da representación que exerza.

-Fotocopia compulsada da documentación acreditativa da constitución legal da productora, da inscrición no rexistro mercantil e da tarxeta de identificación fiscal.

-Un exemplar da edición musical para a que se solicita a subvención, con indicación do prezo de venda ó público, acompañada da autorización de productores fonográficos, debidamente dilixenciado pola Sociedad General de Autores de España.

Artigo 5º

Recibidas as solicitudes de subvención e a súa documentación, serán analizadas polos servicios competentes da Dirección Xeral de Cultura, e o director xeral de Cultura elevará as correspondentes propostas, polo menos cada dous meses sempre que existan solicitudes presentadas e disponibilidade orzamentaria na citada aplicación orzamentaria, ó conselleiro de Cultura, que resolverá.

Artigo 6º

6.1. Para poderen optar a estas subvencións, as produccións deberán ter realizado o depósito legal. O número de depósito legal será posterior ó 1 de outubro de 1995.

6.2. Non poderán acollerse ás subvencións desta orde:

-As produccións destinadas a uso escolar.

-As obras subvencionadas en máis dun 30% con fondos públicos.

-As produccións de difusión gratuíta.

6.3. Na valoración das solicitudes teranse en conta os seguintes aspectos:

-Importancia da obra.

-Características físicas da gravación.

-Continuidade dentro dunha colección.

-Importancia do fondo discográfico da entidade solicitante.

Artigo 7º

7.1. Os beneficiarios das subvencións, unha vez aceptadas estas, quedarán obrigados a destina-los fondos percibidos para o obxecto concreto ó que foron concedidos. A Dirección Xeral de Cultura da Consellería de Cultura poderá comprobar, cando o considere conveniente, a execución dos proxectos subvencionados.

7.2. Unha vez concedida a subvención e aceptada polo solicitante, expandirase a cantidade concedida de acordo co establecido na normativa orzamentaria que sexa aplicable.

7.3. O pagamento da subvención esixirá do beneficiario a achega de certificacións acreditativas do cumprimento das obrigas tributarias e sociais e de non ter contraída ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, segundo o disposto no artigo 79 da Lei 11/1992, do 7 de outubro, de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

7.4. A Consellería de Cultura comunicarálle-la resolución do conselleiro ós solicitantes así como os exemplares que lle deberán entregar á Dirección Xeral de Cultura para a súa promoción e difusión, e que será equivalente á subvención concedida. O prazo para a entrega dos exemplares será de quince días contados a partir da notificación da resolución.

7.5. Recibidos os exemplares a que se fai referencia no parágrafo anterior, a Dirección Xeral de Cultura, de atopalos conformes, propoñerá o libramento dos fondos.

Artigo 8º

No caso de que o beneficiario da subvención incumprise algunha das condicións ou obrigas estipuladas, a Consellería de Cultura instruirá expe

diente sancionador, conforme o previsto na vixente Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e, se procede, anulará os beneficios concedidos e solicitará a devolución das cantidades percibidas, se as houber, segundo o procedemento que establece o Regulamento xeral de recadación.

Artigo 9º

De non notificarse resolución favorable no prazo de tres meses a partir da presentación da solicitude, entenderase desestimada a petición correspondente, e poderá o solicitante, a partir desta data, retira-la

documentación presentada nos 30 días seguintes. Transcorrido este prazo arquivarase sen máis trámite.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Cultura para dictar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor ó día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de abril de 1996.

Víctor Manuel Vázquez Portomeñe

Conselleiro de Cultura

3266