Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 88 Luns, 06 de maio de 1996 Páx. 4.120

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E MONTES

ORDE do 18 de abril de 1996 pola que se regulan as axudas para a reestructuración do viñedo en Galicia.

A necesidade de mellora-los viños galegos obriga a dispoñer de viñedos constituídos por variedades de calidade adecuada, e en atención a aquelas explotacións ás que polas súas condicións de dimensións lles é difícil acollerse a plans de mellora de carácter integral e que constitúen a gran maioría dos viticultores galegos, é preciso arbitrar unha liña de axuda que cubra estas necesidades.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30 1º.3. do Estatuto de autonomía de Galicia e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1993, reguladora da Xunta de Galicia e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Poderán acollerse ás axudas que prevé a presente orde aqueles agricultores que, cumprindo a lexislación vixente en materia de plantacións, substitucións e replantacións, desexen substituí-los seus viñedos constituídos por variedades non preferentes ou autorizadas, por variedades autóctonas ou recomendadas, de acordo co establecido no Regulamento (CEE) nº 3800/81 da Comisión sobre clasificación de variedades de vide.

Así mesmo poderán acollerse os agricultores que teñan por obxectivo renova-los seus viñedos envellecidos, ou os que pretendan cambia-lo marco de plantación mellorando a súa productividade, sempre e cando as variedades utilizadas sexan autóctonas ou recomendadas.

Artigo 2º

Serán subvencionables os seguintes investimentos necesarios para a implantación do viñedo:

-Preparación do terreo, incluíndo o arrinque de cepas. Considerarase así mesmo a fertilización de fondo, a desinfección e as emendas.

-Adquisición da planta, que deberá realizarse en viveiro autorizado.

-Instalación de postes, arames e demais material necesario para a plantación.

Artigo 3º

Terán preferencia na concesión destas axudas:

1º) Os solicitantes que sexan agricultores a título principal, titulares de explotacións agrarias prioritarias de acordo co establecido na Lei 19/1995, do 4 de xullo, de modernización de explotacións agrarias.

2º) Os solicitantes que teñan a súa explotación en zonas de denominación de orixe ou productoras de viño da terra.

3º) O resto dos solicitantes.

En caso de solicitantes do mesmo grupo, terán preferencia as persoas xurídicas constituídas máis recentemente e logo os solicitantes de menor idade.

Artigo 4º

O investimento/UTA (Unidade de Traballo Agrario) non será superior a 11.145.000 ptas., e o investimento máximo/explotación será de 22.290.000 ptas.

A porcentaxe máxima de subvención para bens inmobles será do 33,75% do investimento auxiliable se a explotación radica en zona desfavorecida, e do 26,25% no resto das zonas.

Se o solicitante non é agricultor a título principal, estas porcentaxes máximas para bens inmobles serán do 29% e do 22%, respectivamente.

A superficie máxima subvencionable corresponderá a unha plantación de 2 ha, e 500 m será o mínimo de superficie atendible.

En ningún caso serán subvencionables plantacións de viñedo en regadío.

Artigo 5º

As solicitudes para acollerse á axudas que inclúe a presente orde presentaranse en calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, antes do 30 de agosto de 1996, preferentemente nas oficinas locais ou provinciais da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes utilizando o impreso normalizado do anexo I.

A solicitude deberá ir acompañada da seguinte documentación:

a) Agricultores individuais:

-Fotocopia compulsada do DNI ou NIF.

-Fotocopia compulsada da declaración da renda das persoas físicas correspondente ó último ano.

-Fotocopia compulsada do boletín de cotización á Seguridade Social dos tres últimos meses, ou ben certificación da Tesourería Xeral da Seguridade Social de estar ó día na cotización.

-Autorización de plantación, de acordo coa lexislación vixente en materia de plantacións de viñedo.

b) Asociacións con personalidade xurídica:

b.1. Asociacións con personalidade xurídica que teñan a actividade agraria como actividade principal:

-Fotocopia compulsada do CIF da asociación.

-Fotocopia compulsada da declaración da renda das persoas físicas, correspondente ó último ano, de alomenos o 50% dos socios.

-Fotocopia compulsada do boletín de cotización á Seguridade Social, correspondente ós tres últimos meses, de alomenos, o 50% dos socios.

-Autorización de plantación, de acordo coa lexislación vixente en materia de plantacións de viñedo.

-Certificación da Axencia Estatal da Administración Tributaria de estar ó corrente no cumprimento das súas obrigas fiscais.

-Documentos TC1 xustificativos de estar ó corrente na cotización á Seguridade Social.

b.2. Outras asociacións con personalidade xurídica:

-Fotocopia compulsada do CIF da asociación.

-Certificación da Axencia Estatal da Administración Tributaria de estar ó corrente na cotización á Seguridade Social.

-Documento TC1 xustificativos de estar ó corrente na cotización á Seguidade Social.

-Autorización de plantación de acordo coa lexislación vixente en materia de plantacións de viñedo.

As delegacións provinciais remitirán un informe sobre as solicitudes recibidas á Dirección Xeral de Producción Agropecuaria e Industrias Agroalimentarias, que emitirá a proposta correspondente para a súa aprobación polo conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes.

Artigo 6º

As melloras aprobadas deberán estar realizadas antes do 30 de novembro de 1996. O beneficiario comunicará esta circunstancia, antes da citada data, nas oficinas da Consellería de Agricultura, Gandería e Montes xuntando as facturas e xustificantes do investimento, para que, feitas as comprobacións oportunas, proceda a delegación provincial a efectua-la correspondente proposta de pago.

Artigo 7º

Este programa financiarase con cargo ó concepto orzamentario 09.03.614-A.776.0 «Reestructuración e reconversión do viñedo» dotado con 40.000.000 de ptas., dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1996.

Disposición transitoria

As solicitudes formuladas ó amparo da orde do 11 de xaneiro de 1995, «Axudas para a reestructuración do viñedo en Galicia», ás que non lle foi concedida a subvención solicitada, serán tidas en conta na presente convocatoria, salvo indicación do interesado en sentido contrario dirixida ó Servicio Provincial de Axudas Estructurais. A tramitación dos expedientes continuará desde o trámite en que se encontrara ó termo do exercicio anterior.

Disposicións derradeiras

Primeira.

Facúltase o director xeral de Producción Agropecuaria e Industrias Agroalimentarias para dicta-las normas precisas para a aplicación da presente orde.

Segunda.

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de abril de 1996.

Tomás Pérez Vidal

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes

96-3165