Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 88 Luns, 06 de maio de 1996 Páx. 4.120

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE AGRICULTURA, GANDERÍA E MONTES

ORDE do 18 de abril de 1996 pola que se particulariza para o exercicio orzamentario de 1996 o procedemento de xestión das axudas comunitarias relativas á mellora das condicións de transformación e comercialización de productos agrarios e silvícolas.

A orde da Consellería de Agricultura Gandería e Montes, do 8 de setembro de 1995 (DOG nº 186 do 27) regula para o período 1994-1999 no ámbito desta Comunidade Autónoma, o procedemento de xestión das axudas establecidas nos regulamentos (CEE) 866/1990 e 867/1990 modificados polos 3669/1993 e 2843/1994, así como no Real decreto 633/1995, do 21 de abril.

O artigo 10 da dita orde particularizaba as condicións específicas para o exercicio orzamentario de 1995. Co inicio do exercicio orzamentario de 1996 e a perda de vixencia do dito artigo, cómpre establece-las condicións particulares das ditas axudas para o presente ano.

Por todo iso, e de acordo co disposto no artigo 30.Iº.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, e demais normativa de aplicación,

DISPOÑO:

Artigo único.-As condicións particulares para a xestión das axudas comunitarias relativas á mellora das condicións de transformación e comercialización de productos agrarios e silvícolas, durante o exercicio orzamentario de 1996 serán as seguintes:

1.-Os investimentos incluídos na petición de axuda non poderán estar iniciados con anterioridade ó 1 de xaneiro de 1996, condición que deberá estar suficientemente acreditada.

2.-A data máxima de presentación de solicitudes será o 30 de outubro de 1996.

3.-O pagamento das subvencións efectuarase con cargo ó concepto orzamentario 09.03.711A.770.0 (2.288.000.000 ptas.) así como con cargo ós remanentes non comprometidos incorporados do ano 1995 no mesmo concepto.

Disposición adicional

Ademais do previsto particularmente na presente orde, os modelos de solicitude, documentación e o procedemento de xestión das axudas será o establecido con carácter xeral na Orde do 8 de setembro de 1995 (DOG nº 186, do 27 de setembro).

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de abril de 1996.

Tomás Pérez Vidal

Conselleiro de Agricultura, Gandería e Montes

3156